TradiciónsArchive for the '' Category

Set 08 2017

Artigo en QPC (XXXIV): «A romaxe da Barca desde a emigración bonaerense»


(Peregrinaxe de Cee pola Romaría da Barca. Muxía, 1929. Fotografía de Ramón Caamaño)

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para rememorar no texto intitulado «A romaxe da Barca desde a emigración bonaerense», na ollada do poeta muxián Xervasio Paz Lestón. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

A romaxe da Barca desde a emigración bonaerense

O poeta Xervasio Paz Lestón naceu o 23 de outubro de 1898 en Serantes, parroquia de San Xulián de Moraime (Muxía). Seus pais, Benito Paz Pérez e Rosa Lestón Quintáns, tiveron nove fillos, dos cales tres morren a pouco de naceren. Formaban unha familia labrega relativamente próspera, xa que neses anos posuían un casal de pedra, con tres cabaceiras e bastante terra de labor, segundo datos achegados polo fillo do poeta Juan Gervasio Paz, confirmados no poema autobiográfico «Pequena Historia». Daquela a presión tributaria foral era aínda a causa principal pola que emigraban os labregos, mesmo cando se trataba de familias en certa maneira pudentes. De feito, sabemos que seu pai, Benito Paz, viaxara á Arxentina antes da fin do século e tal vez en máis dunha ocasión.

Anos máis tarde, Xervasio Paz Lestón desembarca en Bos Aires con tan só 12 anos, pois alí chegou o 1º de xaneiro de 1911. De inmediato foi vivir e traballar nun almacén e despacho de bebidas que rexentaban seu pai e algúns dos seus irmáns. Na década de 1920 a 1930 o negocio prosperou e isto permitiulle regresar a Galiza entre xullo de 1925 e marzo de 1926. Esta estadía tiña como obxectivo visitar os seus proxenitores, pois o pai xa retornara, na casa familiar de Serantes. Foi a única vez que o poeta regresou, falecendo en Bos Aires o día que facía 79 anos, o 23 de outubro de 1977.

Malia o pouco tempo que pasou en Galiza, nos seus case 250 poemas hai sete composicións nas que o poeta lle canta á Virxe da Barca, coma se fose un romeiro máis. Son os poemas «Nosa Señora da Barca», publicado en 1930, «Sábado da Barca» (1945), «Domingo da Barca» (1948), «¡Qué festa a da Barca!» (1949), outro «Nosa Señora da Barca» (1956), e dous máis tamén cos títulos «Sábado da Barca» e «Domingo da Barca» que figuran nos mecanoscritos sen data de publicación. Todos amosan a devoción mariana enraizada na tradición popular. De feito, canta esta relixiosidade, intimamente unida á tradición, como parte fundamental do folclore popular. Ora ben, sempre aproveita os textos para evidenciar o seu agnosticismo. Así, no poema «Nosa Señora da Barca» (1930) fai unha fermosa e detallada descrición dos romeiros que acoden á ermida e dos santos fervores e as ansias místicas que os moven, para logo lembrar a aqueloutros que chegan ás romaxes de maneira pagá:

Cubertos de polvo dos vellos camiños / arriban a ermida da Virxen da Barca / devotos que veñen cumprindo promesas / que, acaso, fixeron en horas amargas.(…) / Y ao par dos romeiros que traen acesas / no fondo do peito as místecas lampras, / arriban aqueles que van ás romaxes / buscando o rebumbio das festas paganas.

Curiosamente, será no poema «No corpiño», publicado en 1949, pero datado polo autor en 1925, onde se pode observar mellor a reafirmación no desexo humanista de se reencontrar co santuario chantado nas pedras da brava costa e tamén como se afasta dos que acoden para atoparen consolo, movidos pola devoción:

¡Catorce anos lonxe da terra adourada, / da terra que un día, de neno, deixara, / grabáronme a fogo no cerne da i-alma / o ardente deseo de verme na Barca! / (…) Ao estar cabo de ela, con fogo na ialma, / pensei n-esas xentes iñaras ou sabias / pra quenes lle foron consolo i espranza / a vista i o tacto das pedras sagradas.

Sobre o tema da paganía volve insistir novamente en «Sábado da Barca» (1945), outro magnífico texto etnográfico que se abre coa reprodución dunha copla popular e que logo describe as condicións nas que se fai a romaxe nos primeiros anos da posguerra:

Hoxe non locen as roupas / dos tempos de Rosalía (…) / e quizás tampouco traen / as mesmas arelas místicas: / (…) Tampouco veñen a pé, / camiña que te camiña, (…)

A crítica antifranquista que xa se intúe no anterior poema vaise facer moito máis evidente en «Domingo da Barca» (1948), que relata a romaxe dese ano. Aquí, a voz poética aínda incide na dualidade existente entre as persoas que celebran a festa relixiosa e a profana, só que agora tamén aparece outra idea cimeira que ten a súa cerna na situación de sometemento na que se atopa a Terra baixo a dictadura de Franco:

Doce de setembro corenta oito, / domingo da Barca. / Pras xentes que creen, festa relixiosa; / pras outras, profana. / Pero para todos, creintes i ateos, / festa renomada, / festa lexendaria. (…) Hai pranto nos ollos; / hai fame nas caras. /¡Agochan os peitos sanguentes rencores / i hai odio nas almas!

Moito máis incisivo aínda é no outro texto máis curto que tamén se titula «Domingo da Barca» e que remata:

Esquécese a fame / i a vil tiranía, / somente se pensa / na gran romeiría. / ¡Ai! cómo quixera / chegar a Muxía / un día da Barca… / ¡sin a tiranía!

Velaquí, en resumo, a visión sobre a romaxe da Barca nun dos nosos poetas que máis textos lle dedicou. Unha ollada, a de Paz Lestón, dunha persoa agnóstica que quedou fascinado pola intensidade do movemento humano xerado arredor da pedra abalatoria e do santuario.

No responses yet

Ago 07 2017

Da Gallaecia á Provincia Nostra. Viaxe á Provenza e parte da Occitania (I): A crónica do xornalista Xosé Ameixeiras


(Imaxe: Pont Neuf (s. XVI-XVII) sobre o río Garona. As fotografías que ilustran esta anotación son de propia autoría)

«Da Gallaecia á Provincia Nostra. Da Gallaecia á Provincia Nostra. Viaxe á rexión da Provenza e parte da Occitania», é o título da xeira anual do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom), que preside Xosé María Lema Suárez e do que fago parte, coa axeitada e eficiente organización de Chus Barbeira Pose, que nos levou a viaxar entre os días 14 e 22 de xullo polas terras provenzais dos departamentos de Bouches du Rhône e Vaucluse e polas occitanas dos departamentos de Haute Garonne, Aude e Gard.

Malia non nos acompañar nesta oportunidade, xornalista Xosé Ameixeiras, delegado da edición comarcal de Carballo do xornal La Voz de Galicia, publicou o pasado 29 de xullo unha completa crónica da nosa viaxe cultural, asinada co pseudónimo A. Lavandeira. Velaquí o seu texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

As aulas rodantes do Semescom chegaron á Provenza francesa

A entidade celebrou a súa viaxe formativa anual na busca da historia, da arte e da natureza

A. LAVANDEIRA

CARBALLO / LA VOZ 29/07/2017

As aulas rodantes do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom) puxéronse de novo en marcha. Os 49 viaxeiros da entidade acaban de regresar dun percorrido pola Provenza francesa. Despois de visitar varios fisterras europeos, este ano, o colectivo, formado na súa meirande parte por profesores e exprofesores, emprenderon o pasado día 14 unha visita á rexión gala, un itinerario cargado de historia, arte, paisaxes, literatura e momentos de ocio.

O autobús foi dereito a Tolosa (Toulouse), cidade ligada ao Camiño de Santiago. A catedral desta cidade, segundo explicou o presidente do Semescom, Xosé María Lema, ten moitas semellanzas coa de Compostela. De feito, moitos mestres canteiros traballaron en ámbalas dúas, mesmo as esculturas dos respectivos pórticos teñen as súas semellanzas. Lembrou tamén Lema que Toulouse foi a cidade que máis republicanos españois acolleu despois da guerra civil.

A segunda parada foi en Carcasona, que conserva aínda gran parte da súa arquitectura medieval. As fortificacións permanecen enteiras, pois a parte nova da cidade foi levantada sen afectar á vella. No 1209 os seus habitantes rendéronse ao cerco de Simón de Monfort ao quedaren sen auga.

Estas viaxes acaban por converterse en auténticas aulas. O desprazamento foi preparado por Chus Barbeira, mentres que Lema Suárez elaborou a documentación histórica. O exprofesor de Carballo Antón García Losada, outro asiduo, encargouse dos coñecementos xeográficos. Mentres se desprazan dun lugar a outro vanse esclarecendo os diversos aspectos científicos das terras que se visitan. Este ano, segundo explican, contaron coa inestimable colaboración de Pepe Carballude, exprofesor carballés, que lles achegou innumerables explicacións sobre o mundo romano, sobre todo cando tocaron as paradas de Nimes e Arles, nas que se conservan restos dos seus teatros e anfiteatros. «Nestas aulas rodantes -di Lema-, e mentres imos no autobús, calquera que teña idea dun tema, fala del». Con respecto a esta, como as outras viaxes, quedou moi satisfeito: «Foi moi amena».

En Arles, onde o río Ródano se divide en dous brazos, admiraron o seu pasado romano. Por aquí andou o pintor holandés Vicente van Gogh e moi preto naceu Federico Mistral, que foi premio Nobel. Tamén lle seguiron o rastro a Paul Cézanne, que foi enterrado en Aix-en-Provence. «Fomos a lugares paradisíacos, como a abadía de Senanque, con campos de lavanda en flor», apunta Xosé María Lema, para quen o percorrido en barco ata Les Calanques de Marsella constituíu un dos grandes atractivos do percorrido. Os acantilados e as calas que puideron ver son únicas, 20 quilómetros de cantís de rochas calcarias son moi difíciles de esquecer pola súa fermosura.

Como tamén lembrarán durante moito tempo a ponte de Saint Benezet, en Aviñón, onde tiveron sede sete papas. Ademais viron o pazo dos pontífices, do século XIV. Admirados quedaron, por outra banda, dos meandros das Gorges d’ Ardèche e máis do arco formado polo mesmo río, a Pont d’Arc do Ardèche, furado nas rocas calcarias.

Son moitos quilómetros e todos cheos de lugares de sumo interese, como a «paisaxe espléndida» do Sentier des ocres de Roussillon, un quilómetro de paraxes tostadas formadas por unha antiga mina. Un paseo acompañado polo concerto de chicharras, moi presentes na música ambiental de toda a Provenza rural.

Os membros do Semescom, que fan unha viaxe formativa moi amena tódolos anos, conclúen que o desta ocasión tamén foi un acerto, así como programa desenvolvido e sacan como conclusión, unha vez máis, que os franceses aproveitan «moito o seu patrimonio, protéxeno», apunta Lema: «Nós temos sitios comparables que se deixan a monte».

Comentarios desactivados en Da Gallaecia á Provincia Nostra. Viaxe á Provenza e parte da Occitania (I): A crónica do xornalista Xosé Ameixeiras

Mai 26 2017

Artigo en QPC (XXVII): «Os artigos literarios de Baldomero Cores no diario vespertino La Noche»



[Fragmento do artigo «Leyendo a los buenos» (04/07/1953), onde lembra o cheiro a balea podre da factoría baleeira de Caneliñas, e «La tradición jacobea en el Finisterre. Duyo, la ciudad asulagada, y Mugía con su barca de piedra» (31-12-1953)]

Veño de publicar unha nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para falar sobre «Os artigos literarios de Baldomero Cores no diario vespertino La Noche», unha anotación que tamén fixo parte do meu relatorio «O mundo literario de Baldomero Cores Trasmonte», nas Xornadas que coordinou o amigo bibliotecario José Ramón Rey Senra en Cee. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

Os artigos literarios de Baldomero Cores no diario vespertino La Noche

Entre os anos 1946 e 1967 publicouse en Santiago de Compostela o diario vespertino La Noche, que durante un breve período (de outubro de 1949 a xaneiro de 1950) tivo un dos mellores suplementos semanais na historia da prensa galega. De preponderancia literaria, aínda que abríndose a outras temáticas relacionadas cos intereses da sociedade galega, chamouse La Noche. Suplemento del sábado e a súa dirección e coordinación estivo nas mans de Salvador Lorenzana (pseudónimo de Francisco Fernández del Riego) e de Santiago Fernández (pseudónimo de Xaime Isla Couto), dous homes que habían ser fundamentais na fundación da Editorial Galaxia o 25 de xullo de 1950.

Na reprodución de La Noche. Suplemento del sábado (Edición facsímile do Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro. Santiago de Compostela: 1996), Baldomero Cores Trasmonte asina, co título «A codificación da galeguidade en anos difíciles (1949-1950)», unha excelente crónica do mundo cultural e literario dos anos cincuenta, de lectura imprescindible para coñecermos que non todo era un ermo no ecuador do franquismo e que o galeguismo estaba a rearmarse desde as trincheiras culturais.

Baldomero Cores era moi novo, aínda estudante, e a súa sinatura non aparece no Suplemento, mais foi un asiduo colaborador do diario vespertino La Noche, onde publicou varios artigos de temática diversa, de feito o primeiro que localizamos versa sobre un tema deportivo «Juego duro y su represión» (28/03/1953), que analiza desde o punto de vista legal. Entre os artigos, alén dos de música, de arquitectura (Salamanca, Alacante…) ou dos de arte que lle dedica a pintores como Maside, no que atinxe ao mundo cultural e literario cómpre salientar:

«Biografía perenne» (11/04/1953) centrado nas biografías de Zweig aborda as dificultades do xénero.

«Rodembach y Viqueira» (30/05/1953) de interese por relacionar a poética do simbolista francés Georges Rodenbach e do galego Xohán Vicente Viqueira, filósofo e pedagogo a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas en 1974, e do que falará en posteriores traballos como nun amplo artigo publicado no Xornal electrónico da USC, no que tamén hai referencias a unha moi pouco coñecida revista de vida efémera que dirixiu denominada Atenea.

«Leyendo a los buenos» (04/07/1953), unha recensión de Anilina e Átomo, dúas obras de Karl Aloys Schenzinger, onde lembra o cheiro a balea podre da factoría baleeira de Caneliñas.

«En torno a “Mujeres Soñadas”. Genio e ingenio de René Clair» (10/07/1953),unha análise da mentada obra do cineasta e escritor francés, cuxo título orixinal era Les belles de nuit.

«La tradición jacobea en el Finisterre. Duyo, la ciudad asulagada, y Mugía con su barca de piedra» (31-12-1953).

«”Filosofía de la existencia”. Un libro revelador» (27/11/1954), recensión da obra do filósofo alemán Otto F. Bollnow.

«Envío supersónico» (03/03/1954), sobre a película La barrera del sonido (The sound barrier), dirixida por David Lean e producida por A. Korda.

«Del libro al hombre» (27/03/1954), centrado no mundo das bibliotecas e dos bibliotecarios.

«Existencias inexistentes. Para Castroviejo y Cunqueiro» (07/05/1954), onde para falar da Santa Compaña relata unha experiencia persoal que lle acontece onda a Fábrica de Carburos.

«Gestación de un arte visual» (10/06/1954), sobre a primeira película en cor de Jean Renoir El río (The river), que relata un drama dunha moza inglesa nunha India aínda colonial.

«Radiografía de la tienda» (06/09/1954), describe a curiosa tenda zamorana que denominan «O Pazo da Saudade» e bota man dos versos de Rosalía de Castro.

«Sociología de la elocuencia. I. El discurso» (07/04/1955) e «Sociología de la elocuencia. I. La conferencia» (15/04/1955), que dedica a dous magníficos oradores, Ramón Otero Pedrayo e Domingos García-Sabell.

«Influencia de Concepción Arenal sobre la Pardo Bazán. Posibilidad de una ciencia galaica» (16/03/1956) ou «El ensayo de Concepción Arenal» (24/11/1956).

«”Iglesias fisterranas”. Estudiadas por José Ramón y Fernández» (09/03/1957), unha recensión da mentada obra de Fernández Oxea, onde Baldomero Cores reivindica os estudos de Esmorís Recamán. Hai unha interesante resposta de Juan Romero un mes e medio despois (24/04/1957) sobre San Marcos de Corcubión (cita o médico de Toba Juan López Bermúdez).

«Homenajes sentimentales y homenajes prácticos» (19/04/1957), unha crítica sobre a realización dalgunhas homenaxes literarias, con especial mención a Rosalía de Castro.

«La Costa de la Muerte en el Arte» (20/07/1957), onde analiza os cadros de Garabal (Manuel López Garabal) e de Concha Vázquez. Garabal era colaborador tamén do Suplemento e no nº 8 (sábado, 3 de decembro de 1949) publica «Mozas de Fisterra» (Ilustración e texto).

Tamén é de sumo interese outro moito máis breve, co epígrafe «Incunables futuristas», no que reivindica a publicación dun libro inédito de Juan Pernas Leira, do que sinala que publicou os seus primeiros poemas en castelán precisamente en Nemancos e os primeiros en galego na revista Vamos. Artigo no que fala da poesía de Rosalía, de López Abente ou dos “vangardistas” Manuel Antonio e Amado Carballo. (31-12-1953)

Nos anos posteriores, por circunstancias biográficas, a súa feraz colaboración con La Noche vaise facer máis esporádica, porén quixera rematar coa lembranza do seu artigo «La poesía y el mar» (29.09.1963), no que cita a presenza do mar en escritores de diferentes épocas, desde Martín Códax até Amado Carballo ou Manuel Antonio. Nun parágrafo cita os nosos poetas entre os autores que refliten nos seus versos a Costa da Morte:

La Costa de la Muerte, que tiene poca novelística, posee, en cambio, una gran aportación poética. Pondal nos da una versión muy sugerente del mar en la parte septentrional de la Costa de la Muerte. Antón García Zapata [sic], un poco más abajo, también insiste en lo mismo, pero con un sentido marinero más amplio, por lo que convendría reconocer con mucho cuidado la presencia de este magnífico y sutil poeta. Y ya en pleno corazón de la Costa de la Muerte, entre Vilán y Finisterre, está López Abente, el mejor cantor del mar gallego.

[Fragmento do artigo «Existencias inexistentes. Para Castroviejo y Cunqueiro» (07/05/1954), onde para falar da Santa Compaña relata unha experiencia persoal que lle acontece onda a Fábrica de Carburos e «”Iglesias fisterranas”. Estudiadas por José Ramón y Fernández» (09/03/1957)]

Comentarios desactivados en Artigo en QPC (XXVII): «Os artigos literarios de Baldomero Cores no diario vespertino La Noche»

Mai 18 2017

Artigo en QPC (XXVI): Nemancos (1953-1954), a revista dirixida por Baldomero Cores Trasmonte

Veño de publicar unha nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para (re)lembrar a revista Nemancos (1953-1954), unha anotación que fixo parte do meu relatorio «O mundo literario de Baldomero Cores Trasmonte», nas Xornadas que coordinou o amigo bibliotecario José Ramón Rey Senra en Cee. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

Nemancos (1953-1954), a revista dirixida por Baldomero Cores Trasmonte

Hai vinte anos, por volta de 1997, fixen unha análise da revista Nemancos cando estaba a traballar como bolseiro de investigación (xa rematada a carreira de Filoloxía Galego-Portuguesa) no proxecto do Dicionario da Literatura Galega, que publicou Galaxia, coa coordinación da crítica e profesora Dolores Vilavedra. Naquela altura traballaba nas fichas do volume II. Publicacións periódicas (Galaxia, 1997) e, a través do antropólogo muxián Manuel Vilar, co que tiña moita amizade, Baldomero Cores Trasmonte fíxome chegar copia dos tres exemplares que publicou a revista Nemancos en 1953 e 1954, unha publicación local que promoveu e dirixiu. As copias dos números 2 e 3 levan unha dedicatoria autógrafa ao escritor e sacerdote Paulino Pedret (1899-1969), que foi académico da RAG, e están depositados no fondo co seu nome na Biblioteca Xeral da USC.

A día de hoxe tamén se pode consultar unha copia en papel no Fondo Local da Biblioteca Pública Municipal Francisco Mayán de Cee, que dirixe José Ramón Rey Senra. (E durante as Xornadas reivindicamos a súa dixitalización dentro do proxecto Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia)

Actualizo agora con algúns novos datos a ficha que elaborei sobre esta publicación, ao tempo que engado un completo Índice de cada número.

NEMANCOS

“Hacia el Finisterre” era o subtítulo desta publicación que toma a súa cabeceira do arciprestado de Nemancos que, naquela altura, abranguía os concellos de Fisterra, Cee, Corcubión, Camariñas, Muxía e parte de Vimianzo, xa que pouco tempo despois a Igrexa faría unha división eclesiástica deste amplo territorio en dous, Nemancos e Duio. Aínda que a revista representaba os intereses da devandita comarca, o certo é que tiña a administración en Santiago e era impresa en Betanzos.

Estaba dirixida por Baldomero Cores Trasmonte nos seus anos de universitario. De feito, o enderezo da publicación (Entremurallas, 9) era onde a súa familia rexentaba un hostal e alí tiña o seu cuarto de estudante. Nunha entrevista que lle fai Xosé Manuel Cambeiro para La Voz de Galicia (1/11/2008) dise que seu pai, revisor dos autocares Guillén que facían o traxecto a Santiago de Compostela, mercou o pequeno hotel Comercio ao que denominou A Nosa Casa, lugar ao que o poeta Aquilino Iglesia Alvariño denominou «consulado xeral do Partido Xudicial de Corcubión» e onde mesmo atoparían refuxio algúns dos fuxidos do Monte Pindo na posguerra.

Unicamente saíron tres números, aínda de que hai constancia de que estaba preparado o cuarto que nunca viu a luz. Os dous primeiros apareceron no ano 1953 e o terceiro e último en 1954. A revista desapareceu por mor das obrigas militares do seu director, desprazado a Ferrol para facer o servizo militar. Oscilaba entre as vintecatro e as vinteoito páxinas, con unha ou dúas para a publicidade. Nelas tiña unha serie de seccións de artigos de defensa local, rumor popular, páxina social, páxinas deportivas ou bibliografía da comarca, sempre co obxectivo de atender os intereses comarcais, para o que dispuña de correspondentes nas principais vilas e tamén en Bos Aires, que recollían as novas das sociedades de emigrantes da zona na capital arxentina. Estaba redactada maioritariamente en castelán, aínda que o galego tamén tiña unha certa presenza, nomeadamente nas páxinas poéticas. No tocante ás colaboracións literarias, mantiña unha sección fixa chamada «Página poética» na que se publican catro poemas en galego de Gonzalo López Abente, un texto de Xosé Fernández Ferreiro e dous de Consuelo Domínguez Rodríguez, que é cualificada como “nuestra rosaliana poetisa sexagenaria”, definición na que hai moito de esaxero. A prosa galega está representada por artigos de diferente temática, con traballo do propio López Abente, Salvador Lorenzana (pseudónimo de Fernández del Riego), Ben-Cho-Shey, Otero Pedrayo e Ramón Costa Suárez, ademais doutros textos en castelán de Aquilino Iglesia Alvariño, Francisco Mayán Fernández e o propio director da revista. Deles, unicamente o artigo de Abente trata un tema literario, pois reproduce fragmentos do seu discurso de ingreso na RAG intitulado «A terra e a poesía de Pondal». Finalmente, na sección reivindicativa “Rumor popular” reclámase, entre outras cousas, que se organicen uns xogos florais na comarca e que se lle faga unha homenaxe ós grandes poetas da zona, Labarte Pose e López Abente.

BIBLIOGRAFÍA Cfr. CC, GEG

Barreiro, X. R., “La revista de Cee”, La Voz de Galicia, 21-X-1995.

SUMARIOS

Nº 1 (1953)

Páx. 3: Índice de colaboracións literarias, fotografías, colaboracións económicas.
Páxs. 5-6: Editorial. (Sen asinar, a autoría debe ser do propio Baldomero Cores, presenta os obxectivos da revista e a súa vocación comarcal. Ao pé unha foto da Alameda de Cee)
Páx. 7: Viajeros ilustres. Tierras que dan cuerda al narrador. Por Rabanal Álvarez.
Páx. 8: Temas da Mariña. Por Ramón Otero Pedrayo.
Páxs. 9-10: Descubriendo la tierra. Canto al Valle de Lires. Por Manuel Domínguez Rodríguez.
Páxs. 10-11-12: La ría de Corcubión y tierra de Nemancos (Una desconocida comarca natural). Por Francisco Mayán Fernández. (continuará)
Páxs. 13-14: Defensa local. Sus y a ellos. (Sen asinar, novamente debe ser do propio Baldomero Cores. Con fotografía da Fundación Fernando Blanco que se reivindica para crear un Instituto Laboral)
Páxs. 14-15: Rumor popular. (Sete textos breves sen asinar, catro en galego e tres en castelán, todos eles de carácter reivindicativo)
Páxs. 15-16: Apoliticismo vilán. Por Ramón Costa Suárez. Datado en Buenos Aires (14-02-1953).
Páx. 17: Hay un merlo. Poema de Gonzalo López Abente (Foto do primeiro recheo de Cee, a carón da vella casa do concello)
Páxs. 18-19-20: El mito de una ría. Por Baldomero Cores Trasmonte.
Páxs. 20-21-22: Dinamismo popular. Tipos populares de Corcubión. Por Juan Romero Canosa.
Páxs. 20-21: Página social. (Sen asinar)
Páx. 21. Página deportiva. (Sen asinar)
Páxs. 22-23-24: Publicidade de establecementos de Cee, Muxía, Zas, Santiago de Compostela e A Coruña.

Nº 2 (1953)

Páx. 3: Índice de colaboracións literarias, fotografías, colaboracións económicas. Por primeira vez aparece Baldomero Cores Trasmonte como Director e inclúe unha listaxe de seis colaboradores en diferentes concellos da comarca.
Páxs. 4: Editorial. (Sen asinar, a autoría debe ser do propio Baldomero Cores)
Páx. 5-6-7: Viajeros ilustres. Mugía, santuario célebre. La Costa de la Muerte. Por Victoriano García Martí. (Publícase coa seguinte nota a rodapé: «Por ignorar la dirección accidental de este gran escritor gallego, nos vemos obligados, por su enorme interés para esta tierra, a reproducir estas líneas publicadas en un gran diario hispánico.»)
Páx. 7-8: No confín do noroeste hispánico. Por Salvador Lorenzana.
Páxs. 9-10-11-12: Descubriendo la tierra. El Municipio de Cee. Por Baldomero Cores Trasmonte. (Fotografía da antiga praza do peixe, que nun atentado contra o patrimonio foi derrubada para construír o actual centro social da 3º idade)
Páx. 13-14: Turismo mal dirigido. Por Alfonso García Garea
Páxs. 14-15: Olvido imperdonable. Por Elías Toba Lema.
Páx. 16: Página poética. Por Consuelo Domínguez Rodríguez.
Páx. 17: Pregaria. A oferta. Dous poemas de Gonzalo López Abente (Con nota a rodapé: «Quisiera el poeta publicar esta magnífica poesía en los días de la Barca, pero a NEMANCOS no le fué posible complacerle»)
Páxs. 18-19-20-21: La ría de Corcubión y tierra de Nemancos (Una desconocida comarca natural). Por Francisco Mayán Fernández. (continuará)
Páxs. 22-23-24: Defensa local. El testamento de Fernando Blanco de Lema. (Sen asinar)
Páx. 25: Rumor popular. (Nove textos breves sen asinar, tres en galego e seis en castelán, todos eles de carácter reivindicativo. Fotografía da rúa Fernando Blanco, hoxe parte da súa avenida)
Páxs. 26-27: Página social. (Sen asinar)
Páx. 27. Página deportiva. (Sen asinar)
Páxs. 28: Publicidade de establecementos de Cee, Santiago de Compostela e A Coruña.

Nº 3 (1954)

Páx. 3: Índice de colaboracións literarias, fotografías, colaboracións económicas. Baldomero Cores Trasmonte como Director e inclúe unha listaxe de dez colaboradores en diferentes concellos da comarca e o poeta Gervasio Paz Lestón como colaborador desde Buenos Aires. Nas colaboracións gráficas Ventura Cores Trasmonte, debuxo, e La Noche, fotografía)
Páxs. 4-5: Editorial. (Sen asinar, a autoría debe ser do propio Baldomero Cores)
Páxs. 5-6: Viajeros ilustres. Mis recuerdos de Cée, Corcubión y Finisterre. Por Paulino Pedret Casado.
Páx.6-7: Nemancos por testigo. Por Aquilino Iglesia Alvariño.
Páxs. 7-8: As sardiñas. Por Ben-Cho-Shey.
Páxs. 8-9-10-11: Descubriendo la Tierra. Do corruncho finisterrán. Cabos e piñeiros. Por Gonzalo López Abente. (No remate do artigo abentiano un debuxo do escudo de Corcubión coa seguinte nota a rodapé: «Las armas del escudo y la enseña hablan de su historia. El mar nos dice de una perenne dedicación. El mar y la historia siempre unidos»)
Páx. 12-13-14: Bibliografía referente a Nemancos. Por Baldomero Cores Trasmonte. (Realiza unha ampla listaxe de autores e publicacións con referencias a asuntos e temas comarcais)
Páxs. 15-16-17-18-19-20-21-22-23: La ría de Corcubión y tierra de Nemancos (Una desconocida comarca natural). Por Francisco Mayán Fernández. (continuará)
Páx. 24: Para los de Finisterre en América. Por Plácido Lizancos Santos.
Páx. 25: Defensa local. Senande aun no es Senande. Por Ángel M. Quintáns Bouza. (Fotografía de Corcubión)
Páx. 26: Página poética. Por Consuelo Domínguez Rodríguez.
Páx. 27: Vento mareiro. Poema de Xoxé (sic) Fernández Ferreiro (Datado: Nas miñas terras altas de Ramuin, 1953). Nocturno en aguas. Poema en castelán de Juan Pernas Leira.
Páx. 28: Rumor popular. (Fotografía da igrexa de Corcubión)
Páxs. 29-30: Página social. (Sen asinar)
Páx. 31. Página deportiva. (Sen asinar)
Páxs. 32: Publicidade de establecementos de Cee, Santiago de Compostela, A Coruña e Madrid.

Comentarios desactivados en Artigo en QPC (XXVI): Nemancos (1953-1954), a revista dirixida por Baldomero Cores Trasmonte

Dec 30 2016

Moita saúde, moita poesía e moita felicidade no 2017

Estamos a piques de lle poñer o ramo a un ano de entrega a combatermos as incertezas futuras. Na nosa vella Europa medra de xeito alarmante a insolidariedade e a xenofobia semella non ter lindeiros, velaí poñamos por caso o drama das persoas refuxiadas. E tamén medra a espoliación dos recursos naturais do planeta que habitamos.

Pola contra van en devalo as seculares conquistas dos nosos dereitos civís, democráticos e sociais, e na nosa vella nación milenaria continúa o abandono e o despoboamento do rural e a nosa cultura e a nosa lingua sofren agresións, desleixo.

Porén cómpre termos azos para (re)construír no novo ano algo do moito que levamos perdido. Sentidiño!

Moita saúde, moita poesía e moita felicidade neste 2017 que se achega para ti e os teus!

Miro Villar

E unha fotografía de Manuel Álvarez que acompaña este poema do libro descatalogado Gameleiros (Xerais, 2002)

“CHE” (Jesús Adrover González)

No deserto que somos calquera pescador
é home que multiplica peixe e pan para os seus,
en completo silencio reinventa o evanxeo
segundo San Mateo. Nunca haberá cronistas
para daren noticia do cotián milagre.

One response so far

Nov 17 2016

Arredor das Irmandades da Fala. Pensamento, política e poética en Galicia (1914-1931), coordinado por Luis Cochón

arredordasirmandades

Desde hai uns días xa anda polas librarías (por máis que de maneira incomprensible aínda non chegase ás mans dos coautores e das coautoras) o volume de autoría colectiva intitulado Arredor das Irmandades da Fala. Pensamento, política e poética en Galicia (1914-1931), coordinado por Luís Cochón e publicado por Xerais. Nas súas 360 páxinas recóllense trinta textos éditos e inéditos de diferente xorne e que analizan diversos aspectos relacionados coas Irmandades da Fala con motivo do centenario da creación da primeira destas entidades galeguistas na cidade coruñesa en 1916. Porén, o coordinador con bo criterio decidiu enmarcar este período histórico entre o inicio da Primeira Guerra Mundial en 1914 e o nacemento do Partido Galeguista en decembro de 1931, despois de se celebrar a VII Asemblea das Irmandades.

A obra ábrese cun «Prólogo» de X. L. Méndez Ferrín e unhas «Palabras limiares» do propio Luís Cochón, alén de dous textos introdutorios: «Sobre Nicolás Tenorio e La aldea gallega» de Carlos García Martínez e a recensión publicada en Grial, 57 (1977) «El levantamiento gallego de 1846 y el nacimiento del galleguismo, por X. R. Barreiro Fernández» por Álvaro Cunqueiro.

Deseguida o apartado intitulado «Pensamento» recolle estes nove traballos: «Os irmandiños da fala na Galicia Sur (dos Anciles a Castelao)» de José Antonio Durán; «O precedente inmediato das Irmandades da Fala. A revista Estudios Gallegos de Aurelio Ribalta» de Xosé R. Barreiro Fernández; «61 Mestres do galeguismo: Xohán Vicente Viqueira. Vida, personalidade, pensamento» de Luís Veiga do Campo, pseudónimo de Ramón Piñeiro; «Recordo dos Villar Ponte: Antón e Ramón» de Xurxo Martínez González; «Risco, teórico do nacionalismo» de Justo Beramendi; «Lois Peña Novo, o estratego do nacionalismo das Irmandades da Fala» de Xosé González Martínez; «Nós e as Irmandades» de Xosé Ramón Pena; «O ensino no tempo das Irmandades. A “escola galega” como proxecto» de Antón Costa Rico e «Isidro Parga Pondal e a ciencia en galego» de Francisco Díaz-Fierros Viqueira.

No segundo apartado intitulado «Política» aparecen estes sete textos: «As Irmandades da Fala en Compostela» de Justo Beramendi; «A Irmandade Nacionalista Galega de Vigo e a loita pola simboloxía nacionalista: Manuel Antonio» de Xosé L. Axeitos; «As formas da patria. Castelao e Camilo Díaz na creación do universo simbólico das Irmandades da Fala» de Pepe Barro; «Laudatio de don Manoel Gómez Román» de Isidoro Millán González-Pardo; «Víctor Casas «1900-1936», a enerxía dunha causa viva» de Arturo Casas; «A prensa nacionalista en Galicia (1916-1931)» de Clodio González Pérez e «A prensa nacionalista da Galicia alén mar na etapa das Irmandades (1916-1931)» de Luís Alonso Girgado.

Por último, na terceira parte intitulada «Poesía» os outros dez textos: «Karl Mannheim e Mikhail Bakhtín como fundamentos renovadores da periodoloxía literaria: aplicacións á poesía galega dos anos 1916-1931» de Arturo Casas; «O Cabanillas irmandiño» de Emilio Xosé Ínsua; «A crise de 1916 e Ramón Cabanillas» de Manuel Forcadela; «Cabanillas, a contemplación dun mar con ribeiras, dornas e barcas, e Sálvora na boca da ría» de Francisco Fernández Rei; «Ramón Cabanillas e a lingua» de Antón Santamarina; «Gonzalo López Abente, o “poeta do mar” das Irmandades da Fala» que asino eu propio; «Victoriano Taibo e as Irmandades da Fala» de Armando Requeixo; «Cabanillas / Manuel Antonio. Notas sobre unha oposición dialéctica» de Darío Xohán Cabana; «Maside e Colmeiro» de Rafael Dieste e «A dedicatoria: Os nenos» de Xosé Filgueira Valverde.

A miña achega a este volume colectivo, centrada no poeta muxián Gonzalo López Abente e na súa implicación persoal e literaria no proxecto das Irmandades da Fala, recolle tamén os dous poemas que lle dedicou ao irmandiño Lois Porteiro Garea, cuxa prematura morte conmocionou a todos, e que xa reproducín nesta anterior anotación:

Lois Porteiro Garea en dúas elexías do poeta Gonzalo López Abente

E un outro poema que lle dedica a Ramón Villar Ponte e que reproduzo deseguida:

A LEMBRANZA AMORTALLADA

A Ramón Villar Ponte,
amigo e irmán inesquecido.

Pensaba en tí, meu vello amigo; en tí,
ao pe da nosa Catedral mareira
e frente ao fero gardador da terra,
escumante e baril.

Orvallo de luar, longas aréas,
beixos de estrelas a brilar no mato
do Ártabro sonado;
e a voz fonda e têbrosa do misterio
que te recrama a tí, meu vello amigo.

Duggio enterrado, o Ara-Solis druído
e o vieiro enimático por onde
naus pantasmas innúmeras cruzaron,
e por onde chegaron
os anxos c’unha Virxen mariñeira.

Os druídas acenaban cara tí,
no mesto piñeiral,
pra que en vida fixeses romaria
a este bravo corruncho fisterrán
que ademirar querías.

Polas gándaras de Xallas,
piñeirás de Bergantiños,
bicos das outas montanas
que guindan no mar co río…

A lembranza amortallada
vai no corazón dôrido
pregando a Deus o milagre
do San Andrés de Teixido.

Muxía, Nuiteboa do 1953.

Comentarios desactivados en Arredor das Irmandades da Fala. Pensamento, política e poética en Galicia (1914-1931), coordinado por Luis Cochón

Set 20 2016

«O Castro de Coucieiro, máis que unha fermosa paisaxe», por Manuel Vilar

as-caldeiras-do-castro-1960-muxia
(As Caldeiras nunha foto de finais da década de 1960. Vese un muíño e os restos dun batán aínda enteiros)

Despois dun longo silencio, apráceme reproducir máis unha vez nesta bitácora outro artigo do noso amigo antropólogo Manuel Vilar Álvarez, que continúa a súa serie de colaboracións no diario dixital quepasanacosta baixo o epígrafe «As aberturas».

Desta volta co encabezamento «O Castro de Coucieiro, máis que unha fermosa paisaxe» e baseándose na actual deteriorización e desfeita da paraxe denominada As caldeiras do río Castro. Deseguida reproducimos este novo texto, do que se pode ler o orixinal nesta ligazón, onde vai acompañado de varias fotografías alén da que reproducimos nesta anotación.

«O Castro de Coucieiro, máis que unha fermosa paisaxe», por Manuel Vilar

O pasado 13 de setembro vin neste dixital a fotodesfeita sobre o abandono das Caldeiras do Castro. O lugar do Castro é algo máis que unha bonita paraxe, é unha paisaxe cunha cargada semántica importante, desde o punto de vista da historia como da lendaria, e á que nunca se lle fixo caso desde que as administracións descubriron este lugar. Quixera nestas Aberturas achegarvos a esa riqueza semántica que non se mostra ao visitante. O coñecemento é un dereito de toda sociedade democrática que enriquece á cidadanía e se non coñecemos a carga semántica do territorio non o chegaremos a apreciar e a entender, non será territorio.

A capela

Hai anos (1999) reparouse a capela e inaugurouse con toda pompa. Aproveitei entón ese feito para denunciar as actuacións das administracións, que serven para a foto, pero non para ter máis coñecemento do territorio no que habitamos. Remataba aquel artigo cuns versos de Caballero Bonald que din que “hasta la geografía puede ser despiadada con quien ha desistido de creer en la historia”. Temos que coñecer a historia, non a dos grandes feitos, para que a xeografía non nos engule.

A capela é da segunda metade do século XVII (1660) e foi fundada por un veciño, chamado Xoán de Cantorna, para que un seu neto presbítero non tivese que desprazarse até a parroquia de San Pedro de Coucieiro para dicir misa todos os días. A distancia entre un lugar e o outro anda polos dous quilómetros. A capela ten un retablo en pedra que Eva López Añón sitúa no segundo terzo do século XVIII e eu, sen ser especialista en arte, pregunto por que non é de finais do XVII, de cando se fixo a capela. Tanto no altar, como no fornelo sobre a porta de entrada, non hai imaxe algunha.

A capela, situada nun campiño, agora convertido nunha “área recreativa”, estaba abandonada e en ruínas, pois desde que o neto do Xoán de Cantorna deixou de dicir misa parece que non volveu ter culto. Sen embargo as autoridades locais pensaron que era unha necesidade básica que “os veciños volveran ter misa” e reparárona. No lateral norte un veciño construíra unha especie de garaxe. Á cabeceira faltábanlle polo exterior os perpiaños. Contáronme que os levara alguén para facer un cabazo, como aquí lle chamamos aos hórreos. Seica pensaba levalas todas, pero c o millo podreceulle e pensou que era unha maldición por desfacer a capela, polo que non volveu quitar máis pedras.

Contounos un veciño que “dicían que había dous tesouros: un debaixo do altar e outro debaixo da pía de agua bendita e viñeron uns de Camariñas e cavaron debaixo do altar e da pía, pero non atoparon nada”.

Na miña opinión o que se tiña que ter feito era unha consolidación das ruínas. De nada vale reparar un inmoble e telo pechado quince anos, oculto. Podería buscarse unha forma de facelo máis visible: abrir a porta de cando en vez, facilitar a visión do retablo, dar información.

Sobre esta capeliña, cando era aínda unha ruína, escribiu Manuel Rivas en Costa da Morte Blues. Manuel Rivas di como chegou até aquí vindo pola estrada C-552 e collendo cara a “Transurfe”, é dicir, Trasufre, pero el anotou o nome como está no indicador da estrada á altura de Bustelo. Máis de vinte anos un topónimo deturpado e aínda non se corrixiu o sinal!

Di Rivas: “encontramos unha capeliña abandonada, fermosa peza neste antigo reino da melancolía. Ninguén puido levar o retablo porque é de pedra, a cuberta da ábsida está feita con laxes sobre o que prendeu un loureiro que medra vizoso. O resto da capela está a ceo aberto, as hedras coroan en arco a fachada”. E, máis adiante, di que “alguén fixo con uralita un chamizo adosado para un tractor que parece parado desde hai anos…”.

O santo Eutel

A capela estaba baixo a advocación de Santo Eutel e, como dixemos, nela non hai, ou non había, imaxe algunha. Hai unha imaxe de Santo Eutel nunha casa particular do lugar de Vilarmide. Parece que a herdaron dun clérigo, Francisco Gesto, que andaba con ela pedindo polas casas coa desculpa de que tiña unha reliquia do santo. Ao párroco non lle gustou isto e o asunto chegou a Roma, desautorizando ao clérigo e negando a autenticidade da reliquia.

Santo Eutel seica era avogoso para as mordeduras dos cans con rabia. Cando, hai anos, me ensinaron a imaxe, contáronme que viña xente buscala e que sobre todo “era pos cans enfermos”. “Levaban fariña, levaban sal e toda esa vaina para darlle nove días, agua, pro que lle mordía o can, darlle eso durante nove días”. Co santo bendicían esa fariña, que non dicían bendicir, “chamábanlle saludala, non bendicila”.

Pero da romaría, que seica había na capela do Castro, xa non queda memoria viva. “Dicía o finado de meu sogro que era un milagro de xente que viña a ela”. O que me contaba isto casara no ano 1933, polo que podía estar falando de finais do século XIX.

O cruceiro

Xunto á capela hai un bo exemplar de cruceiro. Ten gravada a data de 1687. A vara é estriada, agás no inicio, onde hai unha inscrición que agora xa non lemos; o capitel é de estilo xónico. A cruz ten os brazos cun remate en flor e as imaxes do Crucificado e da Virxe.

Ao outro lado do río, xa pertencente á parroquia de Salgueiros (Dumbría) había outro cruceiro, pero nós xa non o lembramos.

Arqueoloxía

O lugar do Castro recibe este nome porque estaba asentado sobre un antigo castro. Pero hai máis restos arqueolóxicos.

Un veciño contoume como se lembraba de cando era neno e se desfixo unha mámoa nunhas leiras, daquela de labradío, e xunto ao río; eran as manuíñas do Agro. Despois ensinoume outras dúas, as mamuíñas da Lagoa, xunto ao camiño e indo xa cara a Vilar de Outeiro e no límite entre as agras e o monte. Hoxe están cubertas de carballos cativos e ocupadas polo porco teixo.

Na croa do castro construíuse unha casa, hoxe en estado ruinoso, pero habitada até os anos 80 do século pasado, xunto coas dependencias propias dunha casa labrega: cabazo, pendellos, cortes e eira. A casa seguramente é a mesma na que habitou Xoán de Cantorna, o que manda facer a capela para a comodidade do seu neto e era un bo exemplo dunha arquitectura popular e histórica. Podía ser un lugar de interese etnográfico se estivera coidada. Unha das pequenas hortas que hai xunto a casa ten o topónimo de “Campo Santo”, topónimo que tamén recollín noutro lugar desta parroquia.

Nas miñas primeiras visitas había ovellas e vacas pastando polo castro, polo que se podía andar por el con comodidade, non medraban os toxos e eran visibles en zonas as murallas, especialmente na zona de maior pendente, que é a que dá cara as Caldeiras. Tamén era visible, nun nivel inferior á croa e á esquerda da vella corredoira pola que se accedía ao medio do lugar, os restos dunha construción. Parte da corredoira foi entullada con terra para facilitar o acceso ao río dos visitantes, borrando así as vellas e profundas marcas dos carros, as rodeiras dos carros dun rodar de séculos.

Aínda hai xente no lugar que pode contar algunha das lendas que había sobre este castro, como que había un túnel polo que os mouros levaban os cabalos a beber ao río por xunto ao muño do Batán (aquí dicimos “muño”, non “muíño” e o lugar dos Muíños non é tal senón “Os Muños”). Ou, “disque dicían que no castro había unha trabe, pero eu non me acordo”. O mesmo informante contounos que “debaixo dunha pedra redonda que hai no Petón [o castro], eu nunca a vin!, dicían que había un tesouro”. Lendas para interpretar un pasado que se nos escapa doutra forma.

A Canle ou Petón da Chouriña

Pero a parte das mámoas e do castro hai outro elemento: a Canle da Chouriña. É este un valo alto que seica delimitaba todo o lugar e empezaba xunto ao río, máis ao norte do lugar, e remataba ao sur, xa cara ás agras de Sorna, onde recibía outro nome, a Canle do Fandiño, nome dunha casa dese lugar. Podemos supoñer que delimitaba a propiedade da que foi unha casa labrega importante. Pero hoxe deste valo só quedan uns metros delimitando o campo no que está a capela, ademais, cando fixeron a área recreativa desmontaron un anaco, deixando ver un fragmento da parede interior. Para dicilo en expresión popular: “botáronlle a pala” e case o destrúen. Tamén lle chaman a Canle dos Franceses, porque “é dos franceses, foi feito polos franceses e polos mouros no tempo dos negros, pois houbo unha guerra e fixeron isto pra defenderse”. O nome dos franceses tamén o recibe unha parte do monte. “Os mouros vivían nas Pedras Rubias (monte que está por riba de Bustelo). Por equí tamén tiñan unhas vivendas, mais eu xa non me acordo onde dixeron que estaban”.

E nas Caldeiras, no pozo que forma a auga na caída, “había un encanto que tiña unha tixeira. Dicían así, para poñerme medo, para que non fose ao sitio”.

Outros elementos

Pero ademais, ao carón do río quedan restos de varios muíños aos que viña moer xente de lonxe cando había seca. Nomeáronme xente que viña da zona de Duio. Hai memoria dun batán e o catastro de Ensenada fala de tres na segunda metade do século XVIII. Pero todo está comido polas hedras.

Por diante da capela pasa un camiño que se divide en dous: á dereita imos cara ás Caldeiras e o vello lugar, á esquerda vai cara a unhas agras e despois cruzaba o río e seguía cara ao sur. Nese outro lado había un cruceiro. O río pasábase por un posados. Era un camiño importante para comunicarse con Cee e Corcubión e coa outrora importante feira de Senande. A prensa da emigración falou da morte, ao cruzar o río, dun concelleiro muxián do lugar de Senande vindo da zona de Cee.

Comentarios desactivados en «O Castro de Coucieiro, máis que unha fermosa paisaxe», por Manuel Vilar

Set 09 2016

Artigo en QPC (XIII): «A Virxe d’a Barca», un poema de Juan Bautista Armada Losada, Marqués de Figueroa editado en 1917

delsolargalaico-marquesdefigueroa
Veño de publicar unha nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para recuperar o poema «A Virxe d’a Barca» de Juan Bautista Armada Losada, Marqués de Figueroa editado en 1917, e que é unha ben completa descrición da romaría nos anos vinte. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

«A Virxe d’a Barca», un poema de Juan Bautista Armada Losada, Marqués de Figueroa editado en 1917

A sona da romaría da Barca de Muxía chega a todos os recunchos do noso País e deixou moitas pegadas na nosa literatura. Son ben coñecidos e divulgados os versos de Rosalía de Castro e a súa novela en castelán La hija del mar, froito das súas estadías na vila costeira.

Tamén é sobranceira a presenza da romaría nos diferentes poetas muxiáns. De primeiras, Victorino Abente Lago, que emigrou ao Paraguai onde chegaría a ser Poeta Nacional. Na súa Antología poética 1867-1926, ed. Cándido Samaniego Abente (1984) recóllense algúns dos seus escasos poemas en lingua galega. En «Volta pr’a Terra» escribe:
(…)
Da Virge da Barca ô par,
Abogada do mariño,
Está o meu querido lar
Ô pe do monte Corpiño.
Junta da veira do mar.
Da Virge a branca capela
Desde longe estase vendo
Perto da pedra da vela
E os tombos do mar, fervendo,
Escachan debaixo d’ela.
Alí na costa bravía
Abala a pedra da Barca
Que chama para Mugía
Gente de tod’a a comarca
Nos días de romería.
Da genio ver cando chea
De romeiras e romeiros
Soando a pedra abanea
E ao compás dos pandeiros
Botan cántigas da aldea.
(…)
E o mesmo poeta escribe en «Lembranzas»:
(…)
a Pedra d’ abalar tan venerada,
pois da Virxen da Barca o nome ten,
e donde vese á xente arrodillada
que de lonxe a cumprir promesas ven.
(…)

Gonzalo López Abente, tal e como recollemos na súa Poesía Completa (Espiral Maior, 2012, en coedición coa Fundación López Abente), como muxián de nacenza tiña unha inmensa devoción polo santuario e pola súa Virxe.
Non o fai nas súas primeiras obras, agás o poema «A Pedra da Barca», publicado en Escumas da Ribeira, na que ese tema aparece de maneira tanxencial. Será moito máis evidente na obra de posguerra, consonte o poeta vai achegándose á vellez. De feito, na década dos cincuenta publica varios poemas na revista Vida Gallega, que viña de iniciar unha segunda etapa en novembro de 1954, entre eles «No coroamento da Virxen da Barca» e outro texto que López Abente escribiu inspirándose no artístico retablo barroco construído en 1717 polo escultor compostelán Miguel Romay, poema que se publicou co título «Retabro da Barca», na revista Vida Gallega, 2ª Época, 46-47, xaneiro-febreiro de 1959. E despois do seu pasamento (López Abente finou o 23 de xullo de 1963, aos 85 anos, na súa casa da rúa Virxe da Barca) vai ver a luz Monza de frores bravas para nosa señora da Barca. Trátase dun pequeno libro de poesías inéditas que publica a RAG no ano 1971, cando se lle dedicou o Día das Letras Galegas, con prólogo do seu presidente Sebastián Martínez-Risco e epílogo de Salvador Lorenzana (pseudónimo de Fernández del Riego).

E para outro poeta muxián, Xervasio Paz Lestón (Serantes, Moraime, Muxía, 1898 – Bos Aires, 1977) foron as festas da Barca unha das temáticas recorrentes nos versos. O seu agnosticismo non foi impedimento para escribir media ducia de textos coas festas na honra da Virxe da Barca coma eixo. (Xa o contamos nesta anotación)

Entre os alleos hai moitas referencias, salientamos a que escribiu o poeta chairego Manuel María no volume Versos do lume e do vaga-lume (Ourense: Galiza Editora, 1982), evocando ao Cristo de Fisterra e á muxiá Virxe da Barca nos versos do poema «O Xistral».

Porén, hoxe rescatamos unha composición dun autor moito menos coñecido. Trátase de Juan Bautista Armada Losada (Madrid, 1861 – Figueroa, Abegondo, 1932), que asinaba os seus libros como Marqués de Figueroa. No poemario Del solar galaico (Madrid: Imprenta de Fortanet, 1917), do que existe unha Edición Facsímile (Lugo: Editorial Alvarellos, 1987) aparece o longo poema «A Virxe d’a Barca», que é a máis completa descrición da romaría nos anos vinte do século pasado.

A VIRXE D’A BARCA

Sempre a Virgen, de Deus madre,
busca vias et carreiras,
per que os seus tirare posa,
de mal por muitas maneiras.

(Cantiga CLI de Santa María, de Alfonso X.)

¡Camiños d’a terra
camiños d’o mar
n-a Virxe d’a Barca
se veñen xuntar!

Montañeses que chegan dende moi lexos
os d’a terra de Xallas e mais adrento,
ademirados miran o mar enmenso.
N-o mar, ¿todo è camiño com-a no ceo?
Din eles perguntandoll’ôs mariñeiros,
que direución atopan, sostén e alento
entr’as ondas perdidos d’os mares feros,
levantando seus ollos o fermamento!
O probe navegante vai com’a cego
s’as estrelas esconden os neboeiros;
os camiños d’o mare n’è fácil velos,
seus siñales e amparos están n-os ceos.
Com’a d’eles, Raiña d’os mariñeiros
nosa Virxe d’a Barca, d’amor luceiro,
asist’os qu’abaneanse n-o mar estenso,
mentras dalle n-a costa, doce abaneo
a pedra en que se poñen tantos labregos,
que miran o d’as barcas, entr’os salseiros;
as trae, fendend’as augas, vento mareiro,
ô chegar a Muxia parou o vento,
sosegarons’as augas, e os bós romeiros
brincan cantand’en terra, voan lixeiros,
rezarll’a Raiña, de mar, terra e ceo.

¡Camiños d’a terra
camiños d’o mar
cal son mais seguros
para ben camiñar!

Ô lonxe contestan ecos d’o cantar,
alalá que os ventos levan e tran.

Soyo ben seguros
os que á Virxe val,
Raiña d’o ceo
d’a terra e d’o mar.

Omildade con pobreza
quer a Virxe coroada.
(Cantiga LXXV.)

Sobre los fondos do mar,
e nas alturas da terra
a poder Santa María.
(Cantiga CLXLIII.)

A Virxe de tempro d’ouro,
escolleu tempro de pedra,
quen mais pod’e e menos quer
insina omildá e modestia.

A xunta romeira logo se desfai;
moi tristes adioses ús a outros se dan,
os qu’un tempo fono amigos e hirmans.
¡Asi Dilo-os xunte n-a vida eternal!
A fé, cando è viva, faise caridá,
derperta esperanza, e moito que val
pra darnos firmeza e bon camiñar.
Cheos de romeiros os camiños van
oense n-o lexos voces resoar,
semellan pregarias as que os ventos dan,
d’o pinal queixumes, d’o mare bruar,
xuntandose os sones sin fin d’o alalá…
A tarde, ciando, semella que sal
mais trist-ind’a queixa d’os senos d’o val.
Vai cans’o romeiro pol-a escuridá
d’a fonda congostra, coida seu afan
premio a penitenza n’a cima alcontrar.
Endeben! N’outeiro todo craridá,
derradeiros rayos d’o sol chegan xa
sin ferir, rayola que non ten igual!
O sol d’a xusticia tamen presta mais,
s’acer’a tempralo doce caridá!
Caíron os ventos, tranquilos están
os campos, n-o fondo descobres’o mar.
Aló, no mais lexos, è d’ademirar
com-a mar e ceo, xuntandose… un fan!
E o sol quen, ô unilos, semella inda mais
qu’estare n-os ceos, n-as augas estar;
d’ouro viste as augas, as nubes, o chan;
tod’ouro, ceo todo, ali si qu’está
o tempro d’a Virxe, d’a qu’è de Dios nai!
Ofrecese ô espritu vision devinal,
qu’o envolve d’a groria n-a luz e n-a paz!
Despois todo è sombra, todo escuridá;
as estrelas frias semellan tembrar,
tamen è prestada a luz qu’elas dan;
d’a luz de mais alto n-a concencia human,
o refrexo encende maior craridá!
¡Quén pode c-o home, nin quén por el val,
cando Dios ll’asiste por mor d’a sua nai?…
N-a noite calada resoa o cantar,
a Virxe d’as gráceas, llàs manda ô mortal!

Quen mais pod’e e menos quer,
insina olmildá* e modestia,
a Virxe de tempro d’ouro,
escolleu tempo* de pedra!

(Nota bene: Son evidentes as grallas do tipógrafo: *olmildá>omildá e *tempo>tempro)

Comentarios desactivados en Artigo en QPC (XIII): «A Virxe d’a Barca», un poema de Juan Bautista Armada Losada, Marqués de Figueroa editado en 1917

Xul 12 2016

Adeus emocionado e lembranza do mestre Agustín Fernández Paz

Recibín con inmensa tristura a mala nova do pasamento esta mañá do mestre Agustín Fernández Paz, con quen nos últimos tempos dialogaba a través da rede social twitter pois partillamos moitos temas en común. E nesta lembranza de urxencia quero deixar un testemuño da súa enorme entrega e xenerosidade á causa da literatura infanto-xuvenil.

No curso 2011/2012 quixemos que estivese connosco no CPI Viaño Pequeno de Trazo, naquela altura xa estaba ferido pola doenza que o levou mais sempre amosou toda a súa vontade e como non podía deslocarse até o noso centro combinamos para lle facer unha entrevista vía Skype, pois o alumnado que daquela cursaba 1º da ESO (a maioría xa no bacharelato) viña de ler o seu libro Lúa do Senegal. Foi unha experiencia magnífica e o alumnado quedou fascinado coa súa palabra. A calidade de son non é boa, mais é perfectamente intelixible, e na páxina do proxecto interdisciplinar «A feira das Nacións», o alumnado elaborou a entrada que presentaba este video, fermoso documento do seu agarimo e da súa sempre amena e instrutiva conversa.

Adeus, mestre! Sit tibi Terra levis!

VIDEOCONFERENCIA CON AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

No Club de lectura limos un libro titulado Lúa do Senegal, que trataba dunha nena senegalesa que vén de Senegal para vivir a Vigo.

Despois, na clase de galego, dixéronnos que íamos falar co autor do libro e elaboramos unhas preguntas para lle facer.

O día de 10 de Marzo tivemos unha videoconferencia con Águstín Fernandez Paz mediante o programa Skype. Tivemos algunhas complicacións técnicas, pero ao final todo saíu ben.

Durante a conversa Agustín contounos que o seu libro iase chamar Cartas do Senegal. Aprendemos moito escoitándoo.

Púxolle unha pipa de fumar á avoa Feriane porque lle quedaba ben.

Tivo que utilizar o Google Earth para coñecer máis do país e a súa xeografía.

Non sabe Wólof pero si escoitou persoas que o cantaban e o falaban.

Quería situar a historia en Vigo porque na cidade hai moitos senegaleses e el ten moita documentación sobre eles e sobre a cidade.

Púxolle Khoedi á nena porque en senegalés significa lúa.

Este libro traduciuse ao castelán e ao catalán.

Os contos que hai polo medio da historia algúns pertencen a Senegal, e outros inventounos.

E durante a entrevista recomendounos unha película chamada “Moolaade“. Tamén nos recomendou outra película que xa viramos: “Binta e a gran idea“.

Contounos moitas máis cousas, que xa escoitaredes no video. Foi unha actividade moi interesante e gustounos moito.

¡¡ATENCIÓN!!: UTILIZADE AURICULARES PARA ESCOITAR O VIDEO POIS O SON NON É DE BOA CALIDADE

One response so far

Xuñ 23 2016

«Neria e o Museo da Pesca», a opinión do poeta fisterrán Modesto Fraga

NeriumeueFraga
(Na foto de Xesús Búa para La Voz de Galicia, de esquerda a dereita, Alexandre Nerium, eu, e Modesto Fraga nun Recital de Poesía que se celebrou en Muxía no nadal de 2011)

Continúa a fervenza de opinións da xente da cultura que se está a pronunciar sobre o peche do Museo da Pesca de Fisterra, desta volta faino a autorizada voz do poeta fisterrán Modesto Fraga (a quen aproveitamos para parabenizar porque a súa obra Devalar sen pel resultou gañadora do XIX Certame de Poesía “Concello de Carral”) co artigo intitulado «Neria e o Museo da Pesca» na súa sección de opinión «A luz da fin do mundo» no xornal La Voz de Galicia, edición de Carballo. Velaquí.

Neria e o Museo da Pesca

Despois de varios meses mareando a perdiz con dimes e diretes, resulta que agora a Asociación Neria decide volver abrir ao público o Museo da Pesca de Fisterra pero dunha maneira miserable, propia das formas e dos modos de actuar deste ente supracomarcal.

Pretender, así de boas a primeiras e pola porta de atrás, tomarnos o pelo con esta pantomima chabacana é ignorar a historia deste pobo, a súa dignidade e os valores que forman parte esencial do noso ADN. Fisterra non precisa mingallas de ninguén, nin moito menos que catro salvadores de patrias, chámense Neria ou o que sexa, pretendan vir aquí precarizar a nosa cultura, o noso patrimonio, a nosa identidade.

Levamos varias semanas asistindo a un debate público no que se levan vertido opinións de todo tipo e no que se amosou un contundente posicionamento a prol da necesaria posta en marcha do Museo por parte de relevantes sectores da nosa cultura que transcende os lindes, non só da Costa da Morte e de Galicia, senón doutros lugares do mundo. En apenas tres semanas ergueron a súa voz para apoiar incondicionalmente a continuidade do Museo da Pesca notables escritores, artistas, investigadores, poetas e académicos de grande prestixio. E non é para menos.

O Museo da Pesca de Fisterra e Alexandre Nerium que, ademais do seu guía é un dos poetas de referencia da poesía galega, son indisociables. Só a un necio lle ocorrería pensar que con poñer un «voluntario» para abrir e pechar a porta do Museo coma quen abre e pecha o portal dun garaxe se logrará solucionar este asunto. Isto, ademais dunha supina estupidez, é absolutamente inútil. Calquera persoa que visitase o Museo da Pesca ao longo destes anos e tivese o privilexio de escoitar de viva voz as luminosas explicacións de Manolo poderá, con coñecemento de causa, acreditar en todo o que estou a referir aquí.

Por outra banda, non acabo de entender moi ben que pretende Neria con iso de abrir as portas do Museo cun voluntario con horarios propios da actividade laboral profesional. Acaso se trata Neria dunha ONG como Médicos sen fronteiras ou Unicef? Acaso queren facernos pensar agora que traballar de once da mañá a oito da tarde todos os días da semana como informadores turísticos é cousa de persoas ociosas que viven do aire? Xa empeza a cheirar un pouco esa estratexia tan manida coma innecesaria de facer da dignidade laboral e do traballo humano pouco menos que unha tarefa de escravos. É este o turismo e a cultura que queremos impulsar na Costa da Morte? Debe seguir xestionando esta xente o noso rico patrimonio histórico e cultural? Eu penso que non. É máis, o concello de Fisterra faría ben en abandonar canto antes a Asociación Neria. Non ten ningún sentido seguir formando parte dunha entidade que se nega por activa e por pasiva a dar solucións adecuadas a un patrimonio que lexitimamente é noso por moito que o xestionen mans alleas e insensibles.

Modesto Fraga

Comentarios desactivados en «Neria e o Museo da Pesca», a opinión do poeta fisterrán Modesto Fraga

Next »