TeatroArchive for the '' Category

Mar 29 2017

Gonzalo López Abente no «Álbum das Irmandades» do Consello da Cultura Galega

Cadrando co 139 aniversario do natalicio do escritor muxián Gonzalo López Abente, o sitio web do Consello da Cultura Galega vén de publicar a anotación biobibliográfica que (re)elaborei por indicación de Miguel Anxo Seixas Seoane, coordinador do proxecto Irmandades da Fala para o Consello. Velaquí a entrada relativa a Gonzalo López Abente, que tamén se pode ler nesta ligazón.

Gonzalo López Abente (Muxía, 24 de marzo de 1878 – 23 de xullo de 1963)

Coñecido polos seus coetáneos como «o poeta do mar», con especial relevo na súa relación coas Irmandades da Fala

Gonzalo Francisco López Abente naceu en Muxía segundo confesa nunha carta a seu curmán Horacio Bermúdez Abente, que a reproduce no limiar á obra póstuma Decrúa (1966): «[…] un día coma hoxe 24 de marzal do ano 1878 ás catro da serán, que cadrou en domingo, con feira en San Isidro, abrín os ollos á vida e pola fiestra da casa do Cabo da Grixa en que moraban meus pais, ollei craramente un outo cruceiro e que no seu cume agoniaba un mártir cos brazos en crús. Aquel día escoitei a rapsodia máis subrime e fíxeme segrel. Pillei un laúde e con ele ao lombo boteime a cantare polo mundo adiante…». Seu pai, Francisco López García, foi alcalde de Muxía e xefe local do Partido Liberal. E súa nai, Xulia Abente Lago, era filla do médico Leandro Abente Chans, irmán da nai de Eduardo Pondal.

Estuda en Santiago, como conta Otero Pedrayo: «ós nove anos levárono a Compostela a se dispór pra o Bacherelato que enteirou ós 15 anos o 22 do san Xoán do 1893», e remata Dereito con 21 anos, o 20 de xuño de 1899. Regresa a Muxía para traballar nunha entidade bancaria e a súa sinatura faise habitual na prensa comarcal e local, El Celta de Corcubión e El Eco de Mugía. Periódico independiente, defensor de los intereses generales del partido judicial de Corcubión, do que foi director-propietario.

Casou o 20 de setembro de 1909 coa súa curmá Balbina Abente Myszkovski, filla de Victorino Abente Lago, que emigrou ao Paraguai, onde é considerado poeta nacional. Enviuvou ao ano no primeiro parto da súa muller, que falece, con 26 anos, o 12 de setembro de 1910.

Na altura principiou a colaborar con moitas revistas e xornais da prensa galega e da emigración (Arxentina, Cuba, Uruguai…), con versos que farán parte de Escumas da ribeira (1911?) e Alento da raza (1917?). Tamén publica as novelas O diputado por Beiramar (1919), que foi primeiro premio do certame de narrativa convocado por A Nosa Terra, editada como primeiro volume da «Bibrioteca Galeguista» das Irmandades da Fala, O escándalo (1920) e O novo xuez (1922).

O 11 de marzo de 1917 participa no enterro multitudinario de Eduardo Pondal Abente, presidindo o dó xunto aos representantes da RAG, o seu presidente Murguía e os académicos Martínez Salazar, Riguera Montero e Ponte y Blanco, e o alcalde coruñés, Manuel Casás.

En 1918 a RAG vaino nomear académico correspondente, como figura no título exposto na Casa das Beiras de Muxía, sede da Fundación López Abente, e que di: «Esta corporación en sesión del día 20 de Diciembre de 1918 nombró Académico Correspondiente a D. Gonzalo López Abente. Y en vista de este acuerdo se le expide el presente título en la ciudad de La Coruña a los 22 días del mes de Enero de 1919». Asinan o presidente accidental, Francisco Tettamancy, e o secretario, Eugenio Tarel.

Participa nos movementos nacionalistas políticos e culturais: únese á acta de constitución da «Hirmandá de Amigos da Fala» (A Coruña, 18 de maio de 1916) e colabora no seu órgano de expresión, A Nosa Terra. López Abente representa a bisbarra nas Asembleas Nazonalistas, sendo un dos asinantes das conclusións da I Asemblea (Lugo, 17-18 de novembro de 1918). Nas publicacións galeguistas aparece como representante en Muxía da Irmandade Nazonalista Galega (ING) constituída en 1922. Está entre os «irmáns galeguistas» que colaboran economicamente para a creación de futuras «Escolas do Insiño Galego» (A Nosa Terra, 192, 12-9-1923) ou para crear unha biblioteca galeguista: «O notabre poeta López Abente, enviounos tamén os seus preciados tomos de versos “Escumas da Riveira” e “Alento de Raza”» («Biblioteca da Irmandade», A Nosa Terra, 194, 1-11-1923).

Na ditadura primorriverista atopa refuxio na creación, cos relatos Buserana (1925), Fuxidos (1926) e Vaosilveiro (1929), anunciado na derradeira páxina de Alento da raza co título Os fidalgos de Vaosilveiro, así como os poemarios Do Outono (1924), anunciado co título Froles d’Outono. Sonetos, ademais de Nemancos (1929) e a obra de teatro María Rosa (1928), subtitulada Comedia en dous pasos, escrita moito antes, pois foi estreada o 20 de febreiro do 1921 polo grupo teatral do «Cadro de Declamación» das Irmandades da Fala da Coruña.

Ingresa no Seminario de Estudos Galegos (SEG) con Ramón Cabanillas, Noriega Varela e Victoriano Taibo, nunha cerimonia que relata así Otero Pedrayo: «O ingreso de López Abente no Seminario de Estudos Galegos fíxose co de os outros xa nomeados grandes poetas o 14 de marzal de 1926 no vello e simpático salón de aítos da Sociedade Económica de aquila aínda istalado no Colexio San Clemente. Non poideron concorrirre Cabanillas, nin Noriega. Lembramos cada intre de aquila sesión. Hastra o efeito nalgús espritos de poemas de López Abente cecáis pra iles soantes ó metal panteista de Lucrecio».

Vicente Risco en 1928 facía este retrato: «É un home estraño, calado e serio, cunha cortesía exquisita de gran señor. Ten viajado moito, estivo na América e percorreu case todo o Norte da Europa. Poida que aínda teña estado en máis sitios, mais non se sabe, pois il raramente fala dos seus viajes. Vive en Mugia, frente ao imenso Atlántico, e é o millor poeta do mar».

Participa na VI Asemblea das Irmandades na Coruña, coa delegación de Muxía, segundo informa El Orzán (27-IV-1930), e meses despois figura entre os asinantes da creación do Partido Galeguista o 5 e 6 de decembro do 1931 en Pontevedra.

No Día da Patria Galega, 25 de xullo, de 1934 asiste á recepción de Castelao como membro da RAG, e o 24 de xullo de 1935 á homenaxe a Curros Enríquez perante o seu monumento n’A Coruña, na que falaron Plácido Castro, Antón Villar Ponte, Núñez Búa, Bóveda, Castelao, Suárez Picallo, Víctor Casas, Álvarez Gallego, Otero Pedrayo, Iglesia Alvariño, Lugrís Freire, Sebastián González, Gómez Román, López Abente e Carballo Calero.

O 29 de marzo de 1936, no salón de sesións do Concello de Santiago, cedido polo alcalde republicano Ánxel Casal, Gonzalo López Abente foi elixido presidente da Asociación de Escritores de Galicia, nunha lista única elixida por aclamación.

O fotógrafo muxián Ramón Caamaño, cronista gráfico da historia da Costa da Morte, fotografouno arengando os seus veciños no Cabo da Vila na campaña a prol do Estatuto de autonomía de 1936.

A sublevación militar contra o Goberno democrático da II República provoca a depuración do poeta da súa vida laboral. Este documento foi exhumado por Luís Lamela García en Estampas de injusticia. La guerra civil del 36 en A Coruña y los documentos originados en la represión (1998).

O franquismo silenciou durante varios anos a López Abente, que se refuxia, coma outros galeguistas, na creación literaria. Otero Pedrayo escribe «Tiña amor pola Academia pra a que foi eleito o 8 do Nadal de 1940. Tomou posesión o 27 do Sant-Iago de 1941 e correspondeulle a cadeira 16 dinantes ocupada por un ilustre devanceiro de semellantes afinidades poéticas e de parexa terra mariñeira. Don Manuel Lugrís Freire finado o 15 do febreiro do 1940». O seu discurso de ingreso como académico numerario, presentado no paraninfo da Universidade Literaria de Santiago, titulouse A terra e a poesía de Pondal e foi publicado póstumo pola RAG en 1965.

López Abente finou o 23 de xullo de 1963, aos 85 anos, na súa casa da rúa Virxe da Barca. Oito anos despois, o 17 de maio de 1971, a RAG dedícalle o Día das Letras Galegas e o acto académico en Muxía contou coa colaboración do Concello. No paseo do peirao, no xardín da Cruz, foi descuberto un monumento do escultor Andrés Barbazán, simbolizando unha muller mariñeira que leva un medallón coa efixie do poeta e a lenda «Ao esgrevio poeta Gonzalo López Abente. 1878-1963. Día das letras gallegas, 15-5-1971». Tamén se presentou a publicación realizada pola Academia, con prólogo do seu presidente Sebastián Martínez-Risco e epílogo de Salvador Lorenzana (pseudónimo de Fernández del Riego), do libro de poemas inéditos Monza de frores bravas para Nosa Señora da Barca. Nesas datas, Galaxia reedita O novo xuez, cun breve limiar biobibliográfico. Carballo Calero e Otero Pedrayo escriben senllos artigos de homenaxe que publican a Universidade de Santiago e o Boletín da RAG.

Trinta anos despois, o 29 de xaneiro de 2011, naceu en Muxía a Fundación Gonzalo López Abente para divulgar a súa obra. De feito xa recuperou o seu libro inédito Bretemada (2011), mecanoscrito datado entre 1917-1922, reeditou a súa Narrativa mariña (2012) e compilou a súa Poesía Completa (2013), alén de convocar un Premio de Poesía co seu nome, realizar unidades didácticas, roteiros e outras actividades.

No responses yet

Mar 14 2017

Efeméride: A entrada de Gonzalo López Abente no Seminario de Estudos Galegos (SEG)

Tal día coma hoxe, hai 91 anos, Gonzalo López Abente fai a súa entrada no Seminario de Estudos Galegos (SEG) cunha lectura de poemas, conxuntamente con Ramón Cabanillas, Noriega Varela e Victoriano Taibo, nunha cerimonia que relata así Otero Pedrayo:

«O ingreso de López Abente no Seminario de Estudos Galegos fíxose co de os outros xa nomeados grandes poetas o 14 de marzal de 1926 no vello e simpático salón de aítos da Sociedade Económica de aquila aínda istalado no Colexio San Clemente. Non poideron concorrirre Cabanillas, nin Noriega. Lembramos cada intre de aquila sesión. Hastra o efeito nalgús espritos de poemas de López Abente cecáis pra iles soantes ó metal panteista de Lucrecio».

O investigador Alfonso Mato no seu estudo sobre O Seminario de Estudos Galegos na documentación que garda o Instituto Padre Sarmiento (2001) publica unha foto de socios e colaboradores do SEG na IIª Xuntanza Xeral da Institución, celebrada en Santiago de Compostela, no Salón de Actos da Sociedade Económica, nese 14 de marzo de 1926, na que aparece López Abente.

Na altura o poeta muxián xa tiña unha obra consolidada, pois publicara os libros de poemas Escumas da ribeira (1911?), Alento da raza (1917?) e Do Outono (1924), anunciado xa na derradeira páxina de Alento da raza co título Froles d’Outono. Sonetos, alén de Bretemada (1917-1922), un libro que ficou inédito, mais que non era totalmente descoñecido e que recobramos en 2011. Para as cuestións ecdóticas e a análise deste poemario: Cfr. López Abente, Gonzalo, Bretemada (1917-1922), Edición de Miro Villar, Santiago de Compostela, Alvarellos Editora, col. Rescate, 2011, páxs. 54-60.

E xa escribira tamén as súas novelas curtas ou relatos O diputado por beiramar (1919), O novo xuez (1922), Buserana (1925) e Fuxidos (1926), así como a obra teatral María Rosa; Comedia en dous pasos (estreada en 1921, aínda que publicada en 1928).

No responses yet

Nov 17 2016

Arredor das Irmandades da Fala. Pensamento, política e poética en Galicia (1914-1931), coordinado por Luis Cochón

arredordasirmandades

Desde hai uns días xa anda polas librarías (por máis que de maneira incomprensible aínda non chegase ás mans dos coautores e das coautoras) o volume de autoría colectiva intitulado Arredor das Irmandades da Fala. Pensamento, política e poética en Galicia (1914-1931), coordinado por Luís Cochón e publicado por Xerais. Nas súas 360 páxinas recóllense trinta textos éditos e inéditos de diferente xorne e que analizan diversos aspectos relacionados coas Irmandades da Fala con motivo do centenario da creación da primeira destas entidades galeguistas na cidade coruñesa en 1916. Porén, o coordinador con bo criterio decidiu enmarcar este período histórico entre o inicio da Primeira Guerra Mundial en 1914 e o nacemento do Partido Galeguista en decembro de 1931, despois de se celebrar a VII Asemblea das Irmandades.

A obra ábrese cun «Prólogo» de X. L. Méndez Ferrín e unhas «Palabras limiares» do propio Luís Cochón, alén de dous textos introdutorios: «Sobre Nicolás Tenorio e La aldea gallega» de Carlos García Martínez e a recensión publicada en Grial, 57 (1977) «El levantamiento gallego de 1846 y el nacimiento del galleguismo, por X. R. Barreiro Fernández» por Álvaro Cunqueiro.

Deseguida o apartado intitulado «Pensamento» recolle estes nove traballos: «Os irmandiños da fala na Galicia Sur (dos Anciles a Castelao)» de José Antonio Durán; «O precedente inmediato das Irmandades da Fala. A revista Estudios Gallegos de Aurelio Ribalta» de Xosé R. Barreiro Fernández; «61 Mestres do galeguismo: Xohán Vicente Viqueira. Vida, personalidade, pensamento» de Luís Veiga do Campo, pseudónimo de Ramón Piñeiro; «Recordo dos Villar Ponte: Antón e Ramón» de Xurxo Martínez González; «Risco, teórico do nacionalismo» de Justo Beramendi; «Lois Peña Novo, o estratego do nacionalismo das Irmandades da Fala» de Xosé González Martínez; «Nós e as Irmandades» de Xosé Ramón Pena; «O ensino no tempo das Irmandades. A “escola galega” como proxecto» de Antón Costa Rico e «Isidro Parga Pondal e a ciencia en galego» de Francisco Díaz-Fierros Viqueira.

No segundo apartado intitulado «Política» aparecen estes sete textos: «As Irmandades da Fala en Compostela» de Justo Beramendi; «A Irmandade Nacionalista Galega de Vigo e a loita pola simboloxía nacionalista: Manuel Antonio» de Xosé L. Axeitos; «As formas da patria. Castelao e Camilo Díaz na creación do universo simbólico das Irmandades da Fala» de Pepe Barro; «Laudatio de don Manoel Gómez Román» de Isidoro Millán González-Pardo; «Víctor Casas «1900-1936», a enerxía dunha causa viva» de Arturo Casas; «A prensa nacionalista en Galicia (1916-1931)» de Clodio González Pérez e «A prensa nacionalista da Galicia alén mar na etapa das Irmandades (1916-1931)» de Luís Alonso Girgado.

Por último, na terceira parte intitulada «Poesía» os outros dez textos: «Karl Mannheim e Mikhail Bakhtín como fundamentos renovadores da periodoloxía literaria: aplicacións á poesía galega dos anos 1916-1931» de Arturo Casas; «O Cabanillas irmandiño» de Emilio Xosé Ínsua; «A crise de 1916 e Ramón Cabanillas» de Manuel Forcadela; «Cabanillas, a contemplación dun mar con ribeiras, dornas e barcas, e Sálvora na boca da ría» de Francisco Fernández Rei; «Ramón Cabanillas e a lingua» de Antón Santamarina; «Gonzalo López Abente, o “poeta do mar” das Irmandades da Fala» que asino eu propio; «Victoriano Taibo e as Irmandades da Fala» de Armando Requeixo; «Cabanillas / Manuel Antonio. Notas sobre unha oposición dialéctica» de Darío Xohán Cabana; «Maside e Colmeiro» de Rafael Dieste e «A dedicatoria: Os nenos» de Xosé Filgueira Valverde.

A miña achega a este volume colectivo, centrada no poeta muxián Gonzalo López Abente e na súa implicación persoal e literaria no proxecto das Irmandades da Fala, recolle tamén os dous poemas que lle dedicou ao irmandiño Lois Porteiro Garea, cuxa prematura morte conmocionou a todos, e que xa reproducín nesta anterior anotación:

Lois Porteiro Garea en dúas elexías do poeta Gonzalo López Abente

E un outro poema que lle dedica a Ramón Villar Ponte e que reproduzo deseguida:

A LEMBRANZA AMORTALLADA

A Ramón Villar Ponte,
amigo e irmán inesquecido.

Pensaba en tí, meu vello amigo; en tí,
ao pe da nosa Catedral mareira
e frente ao fero gardador da terra,
escumante e baril.

Orvallo de luar, longas aréas,
beixos de estrelas a brilar no mato
do Ártabro sonado;
e a voz fonda e têbrosa do misterio
que te recrama a tí, meu vello amigo.

Duggio enterrado, o Ara-Solis druído
e o vieiro enimático por onde
naus pantasmas innúmeras cruzaron,
e por onde chegaron
os anxos c’unha Virxen mariñeira.

Os druídas acenaban cara tí,
no mesto piñeiral,
pra que en vida fixeses romaria
a este bravo corruncho fisterrán
que ademirar querías.

Polas gándaras de Xallas,
piñeirás de Bergantiños,
bicos das outas montanas
que guindan no mar co río…

A lembranza amortallada
vai no corazón dôrido
pregando a Deus o milagre
do San Andrés de Teixido.

Muxía, Nuiteboa do 1953.

Comentarios desactivados en Arredor das Irmandades da Fala. Pensamento, política e poética en Galicia (1914-1931), coordinado por Luis Cochón

Out 14 2016

Addio, Darío Fo

dariofo
(Imaxe tirada do blogue Letras in.verso e re.verso)

Onte foise o dramaturgo, actor e director de escena italiano Darío Fo, unha persoa rebelde e crítica co poder, a quen seguimos desde hai ben anos. Débolle ao amigo Artur Trillo Sendón, fundador da compañía Talía teatro, a lectura das primeiras obras, que tempo despois descubrin representadas, entre elas a inesquecible versión do seu mónologo Mistero buffo (Misterio cómico) que realizou Celso Parada con Teatro do Morcego.

En homenaxe a Darío Fo recupero deseguida unha anotación que se publicou nesta bitácora o 27 de marzo, Día Mundial do Teatro, do ano 2013, cando o dramaturgo italiano escribiu a mensaxe oficial. Nela tamén fago lembtanza do meu primeiro achegamento á súa obra, que vivenciei durante moitos ensaios e moitas representacións por diversas localidades galegas.

Hoxe, 27 de marzo, é o Día Mundial do Teatro. A mensaxe oficial deste ano foi escrita por Darío Fo, dramaturgo italiano e Premio Nobel de Literatura en 1997. Autor que é da miña estima desde as afastadas datas de 1989 cando a compañía Talía teatro (Cee), daquela afeccionada ou amadora, puxera en escena Aquí non paga ninguén (Non si paga, non si paga!), na que colaborei nos aspectos técnicos cabo de Víctor, o irmán de Artur Trillo Sendón, co-protagonista como actor na obra e tamén na dirección do espectáculo.

Porén na páxina da organización mundial pódese ler a mensaxe de Darío Fo en ducias de linguas, entre elas catalán, eúscaro, español, português, mais non en galego!!!

Grazas á redifusión que fixo desde a súa conta de twitter @redenasa soubemos que viña de ser publicada a versión da mensaxe de Darío Fo en galego, realizada pola Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia (do seu director Roberto Pascual talvez?), quen engade unha breve anotación previa para sinalar o esquecemento por parte da nosa administración cultural. Velaquí:

MIT (Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia) ofrécevos, en exclusiva, a Mensaxe do Día Mundial do Teatro de 2013 na nosa lingua galega. Ante a inacción, a parálise, a desidia das nosas institucións públicas, que, ademais de nos atrasar débedas económicas e de estrangular ao sector, non cumpren cos seus mínimos deberes de xestión e divulgación cultural, velaquí unha mensaxe incómoda e ilumin…adora de Darío Fo. Quizais por iso o silencio, o pausado desmantelamento…

Instituto Internacional do Teatro ITI

Organización Mundial para as Artes Escénicas

Día Mundial do Teatro 2013

Mensaxe de Darío Fo

Hai moito tempo, o poder tomou unha decisión intolerante contra os comediantes ao botalos fóra do país.
Actualmente, os actores e as compañías teatrais teñen dificultades para encontraren escenarios públicos, teatros e espectadores, todo por mor da crise.

Os dirixentes, polo tanto, xa non están preocupados por controlaren a aqueles que os citan con ironía e sarcasmo, xa que non hai sitio para os actores, nin hai un público ao que se dirixir.

Pola contra, durante o Renacemento, en Italia, os que gobernaban, tiveron que facer un esforzo importante para manteren a raia aos Comediantes, pois reunían abondoso público.

Sábese que o grande éxodo de actores da Commedia dell’Arte tivo lugar no século da Contrarreforma, cando se decretou o desmantelamento de todos os espazos teatrais, especialmente en Roma, onde foron acusados de ofenderen á cidade santa. En 1697, o Papa Inocente XII, baixo a presión de insistentes requirimentos do sector máis conservador da burguesía e dos máximos expoñentes do clero, ordenou a eliminación do Teatro Tordinona que, segundo os moralistas, dera acubillo ao meirande número de representacións obscenas.

Na época da Contrarreforma, o cardenal Carlos Borromeo, que estivo activo no norte de Italia, consagrouse á redención dos ‘nenos milaneses’, establecendo unha nidia distinción entre a arte, como máxima expresión da educación espiritual, e o teatro, coma manifestación do profano e do vaidoso. Nunha carta dirixida aos seus colaboradores, que cito de memoria, exprésase máis ou menos así: “Os que estamos a prol da erradicación das malas herbas, fixemos o posible por queimar textos que conteñen discursos infames, para extirpalos da memoria dos homes, e ao mesmo tempo perseguir a todos aqueles que divulgan eses textos impresos.

Evidentemente, porén, mentres durmiamos, o diaño maquinou con renovada astucia. Ata que punto é máis punzante na alma o que os ollos poden ver que o que poidan ler dos libros dese xénero! Ata que punto máis devastadora para as mentes dos adolescentes e dos nenos é a palabra falada e o xesto apropiado, que unha palabra morta impresa nun libro!

Polo tanto é urxente sacarmos ás xentes do teatro e das nosas cidades, como o facemos coas almas indesexables.”

Polo tanto, a única solución á crise baséase na esperanza de que se organice unha gran caza de bruxas contra todos nosoutros e especialmente contra a xente moza que desexa aprender a arte do teatro: unha nova diáspora de Comediantes que, dende tal imposición, sen lugar a dúbidas, provocará beneficios inimaxinables para o ben dunha nova representación.

Darío Fo

A versión ao português, que se pode ler nesta ligazón en Tradução de Margarida Saraiva, da Escola Superior de Teatro e Cinema, vai acompañada desta sucinta Biografia do autor:

Dario Fo nasceu a 24 de março de 1926. É um cómico italiano, autor, encenador, ator, compositor, e prémio Nobel da Literatura em 1997. O seu trabalho de dramaturgia utiliza os processos cómicos da ancestral Commedia dell’Arte italiana, um estilo teatral popular próximo das classes operárias. O trabalho de Fo carateriza-se pela crítica ao crime organizado, à corrupção na política, aos assassinatos políticos, à doutrina da igreja católica e aos conflitos no Médio Oriente.

A primeira experiencia teatral de Fo foi a sua colaboração nas revistas satíricas de pequenos cabarets e teatros. Com a sua esposa, a atriz Franca Rame, fundam a Companhia Dario Fo-Franca Rame, em 1959, e os seus sketchs humorísticos, no programa televisivo «Canzonissima», rapidamente os levam a criar figuras públicas que se tornarammuito populares. Desenvolvem um teatro de intervenção política, muitas vezes blasfemo e escatológico, mas ancorado na tradição da Commedia dell’Arte mesclada com aquilo a que Fo chama de “esquerdismo não-oficial”.

Em 1968, Fo e Rame fundaram uma outra Companhia, Nuova Scena, com ligação ao Partido Comunista Italiano e em 1970 criaram o Colletivo Teatrale La Commune, e iniciando tournées nas fábricas, nos parques e nas escolas.

Fo escreveu cerca de 70 peças, por vezes em co-autoria com Rame. De entre as peças mais conhecidas, podemos citar: Morte Acidental de um Anarquista, 1974; Não Se Paga, Não Se Paga, 1974. A sua obra como autor é bastante vasta. Fo ficou conhecido por obras como Mistero Buffo, 1973, baseada em peças de mistério medieval mas cujas temáticas são alteradas consoante o público. Dos seus trabalhos, certamente escritos com Rame, destacam-se ainda: Tutta CasaBed and Church, tradução inglesa: Adult Orgasm Escapes from the Zoo, 1978; Clacson, Trombette e Pernacchi, 1981; Female Parts, 1981; Copia Apperta, 1983; L’uomo nudo e l’uomo in frak, 1985; e Il Papa e la Strega, 1989.

Estas peças, em particular Mistero Buffo, foram traduzidas em 30 línguas e, quando produzidas fora de Itália, foram modificadas por refletirem sobre os problemas, políticos e outros locais. Fo encoraja os encenadores e tradutores a modificarem as suas peças como entenderem, desde que ele considere que a adaptação não se afasta da tradição da Commedia dell’Arte e da improvisação.

Na entrega do Prémio Nobel, em 1997, o comité apresentou Fo como um autor “que imita os cómicos da Idade Média flagelando as autoridades e conservando a dignidade dos oprimidos”.

Comentarios desactivados en Addio, Darío Fo

Xul 08 2016

Ricardo Carballo Calero, Carlos Casares, Plácido Castro e Antonio Fernández Morales no Día das Letras Galegas 2017

CarvalhoCalero
(Diario de Ferrol, 23 de marzo do 2008)

A sesión ordinaria do Pleno da Real Academia Galega (RAG) de mañá sábado decidirá o nome da persoa a quen se vai homenaxear no Día das Letras Galegas 2017, despois da atinada decisión do pasado ano que a min fíxome ficar ben satisfeito por recoñeceren académicos e académicas a caudalosa obra de Manuel María (1929-2004), a quen tratei moito e que me honrou, como xa se contou nesta anotación, presentando en 1995 a Antoloxía poética de Gonzalo López Abente.

Desta volta son catro os candidatos (todos homes, por certo, o que xa levantou poeira de críticas nas redes sociais, nomeadamente mais non só desde ámbitos feministas), Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990), Carlos Casares Mouriño (Ourense, 1941-Nigrán, 2002), Plácido Ramón Castro del Río (Corcubión, 1902 – Cambados, 1967) e Antonio Fernández Morales (Astorga, 1817-1896).

E eu estaríavos ben feliz coa vella e sempiterna reivindicación do profesor Ricardo Carvalho Calero, xa que fixen pública a miña opción sobre a súa obra no texto (ollar imaxe superior) publicado no suplemento cultural Nordesía do Diario de Ferrol o 23 de marzo do 2008. Manteño aínda a mesma opinión e os mesmos argumentos que se poden ler nesa páxina. Non tiven trato persoal co vello profesor, mais nunca esquecerei unha conferencia súa sobre a obra de Rosalía de Castro proferida no Concello de Corcubión en 1985. Daquela eu tiña vinte anos e xa tiña inquedanzas literarias, lembro a cadencia da súa voz coma se fose hoxe e aquela tarde saín fascinado coa súa sabedoría e coa súa elocución. Un verdadeiro pracer. Moitos anos despois reivindiquei a súa obra poética no artigo intitulado «Poesía Galega de Ricardo Carvalho Calero», Ferrol Análisis 16, 2001. [ISSN 1576-4540]. 107-174.

Tampouco me había desagradar o nome de Plácido Castro polos seus vencellos con Corcubión e coa Costa da Morte, porén é de recoñecer que a súa obra había dar ben pouco xogo no ensino.

Ora ben, a nominación de Carvalho Calero sería unha auténtica sorpresa, pois a correlación de ideas de pensamento que se dá no seo da Academia fai que case todos os boletos os teña Carlos Casares. Tempo ao tempo.

Velaquí a nota feita pública pola RAG:

A RAG elixe este sábado o protagonista do Día das Letras Galegas de 2017

O Pleno da Real Academia Galega elixirá este sábado, 9 de xullo, reunido en xuntanza ordinaria, a personalidade literaria á que se lle dedicará o Día das Letras Galegas de 2017. As candidaturas presentadas, de conformidade co Regulamento de Réxime Interno da institución, son as seguintes: Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990), Carlos Casares Mouriño (Ourense, 1941-Nigrán, 2002), Plácido Ramón Castro del Río (Corcubión, 1902 – Cambados, 1967) e Antonio Fernández Morales (Astorga, 1817-1896).

Segundo se recolle no Regulamento de Réxime Interno, na primeira xuntanza despois do Día das Letras Galegas o Plenario da RAG deberá escoller a personalidade literaria a quen se lle dedicará esta conmemoración no vindeiro ano. Así mesmo, saliéntase que esta debe ser “autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe”. En calquera caso, deben pasar dez anos entre a súa morte e a designación para ese día.
Os académicos e académicas de número reuniranse este 9 de xullo pola mañá na propia sede da institución, na rúa Tabernas da Coruña. Ao termo da sesión plenaria, está previsto que o presidente, Xesús Alonso Montero, comunique a que autor se dedicará o Día das Letras Galegas de 2017.

Comentarios desactivados en Ricardo Carballo Calero, Carlos Casares, Plácido Castro e Antonio Fernández Morales no Día das Letras Galegas 2017

Xuñ 29 2016

Artigo en QPC (VIII): #Efeméride «A vinte anos do I Encontro de Escritores e Escritoras da Costa da Morte, primeira actividade do Batallón Literario»

Cam
(Cartaz do I Encontro de Escritores e Escritoras da Costa da Morte celebrado na Fundación Fernando Blanco de Cee)

Na nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, evoco unha efeméride importante na creación literaria costeira no texto intitulado «A vinte anos do I Encontro de Escritores e Escritoras da Costa da Morte, primeira actividade do Batallón Literario», que tamén xa se pode ler nesta ligazón. Este texto foi artellado con notas tiradas dos arquivos de prensa da época e tamén da memoria dos poetas fisterráns Alexandre Nerium e Modesto Fraga, quen foron presidente e secretario da entidade nalgún momento da súa existencia, e da miña propia. Velaquí.

A vinte anos do I Encontro de Escritores e Escritoras da Costa da Morte, primeira actividade do Batallón Literario

1. A previa

Nun tempo de efervescencia cultural prodúcense dous acontecementos que van resultar definitivos para a posterior creación do Batallón Literario da Costa da Morte. Dunha banda, en marzo de 1996, a asociación «Arre-Sentelha» organizou un recital de poesía no Castelo de Vimianzo. Na convocatoria participaron os irmáns Rafael e Xosé Manuel Lema, Modesto Fraga, Rafa Villar, Xandra Tedín, Abel Mendes, Xavier Rodrigues Fidalgo, Alberto Lema Suárez, César Carracedo, Manuel López Martínez (hoxe, Alexandre Nerium) e Roberto Traba Velay. Aínda que non todos, unha boa parte deles entraría a formar parte do Batallón Literario. Doutra banda, a publicación dun caderno poético en abril de 1996, organizado por membros do colectivo antimilitarista «Último Reemprazo», que levaba por título As armas da solidaridade, no que se incluían textos de autores da Costa da Morte, tamén afortalou a idea que se podían realizar moitas actividades en común. Recolle textos de César Carracedo, David Creus, Estevo Creus, Modesto Fraga, Frederico López Santalla, Xavier Rodrigues Fidalgo, Xandra Tedín, Miro Villar e Rafa Villar e Roberto Traba Velay, poeta fisterrán e único dos últimos citados que nunca participaría do espírito do Batallón.

2. A constitución formal

Deste xeito, o Batallón Literario da Costa da Morte vai quedar formalmente constituído nun data simbólica, o 1 de Maio de 1996, logo dunha longa reunión nunha cafetería de Cee, á que asistiron unha vintena de autoras e autores. O nome suxeriuno o poeta Frederico L. Santalla, inspirándose na inscrición que ocupa as pedras da Quintana, onde se fai referencia ao histórico Batallón Literario santiagués. A súa primeira xunta directiva, ou xestora, pois a entidade aínda non estaba legalizada nin contaba con estatutos, estivo formada por Miro Villar, presidente; Frederico L. Santalla, secretario; e Rafa Villar, Xandra Tedín, Modesto Fraga, Xavier Rodrigues Fidalgo e Estevo Creus. Como se pode observar varios dos seus membros proviñan ben do desaparecido colectivo ceés «Un medio», ben da aínda activa agrupación soneirá «Arre Sentelha». A única premisa era que os autores fosen nados ou tivesen unha forte vinculación coa Costa da Morte, franxa costeira que vai de Malpica de Bergantiños ata Fisterra (aínda que de maneira circunstancial chegaron a colaborar co BLCM autores de Carnota, de Muros ou de Noia). Xurdiu co obxectivo de dar a coñecer as súas actividades e inclúe narradores, investigadores e, sobre todo, poetas. Configurouse como un movemento cultural asembleario, de carácter democrático e non elitista, que buscaba a comunicación directa cos lectores, ata o punto de que os poetas teñen realizado ducias de recitais en locais pechados ou en espacios abertos, como o palco da Festa das Carrilanas de Esteiro.

3. O I Encontro de Escritores e Escritoras da Costa da Morte

A primeira das actividades que programou o Batallón Literario da Costa da Morte foi o «I Encontro de Escritores e Escritoras da Costa da Morte». Unha rolda de prensa, realizada o martes 25 de xuño do 1996 na cafetería Rúa Nova de Santiago de Compostela e que foi amplamente recollida polos medios, serviu como presentación pública do BLCM e deste primeiro encontro literario que se ía celebrar co lema Reescrevendo a Costa da Morte. Os organizadores propuxeron os seguintes temas de debate:

a) Poesía, narrativa e investigación na Costa da Morte.

b) O negocio das editoriais, alternativas.

c) A lingua arma fundamental da creación, identidade e normalización.

d) A política cultural das institucións e dos movementos alternativos.

e) Resolucións e futuro.

O sábado 29 de xuño, ás 10.00 h. da mañá, tivo lugar, no Café-bar Macondo de Cee, que rexentaba o poeta fisterrán Modesto Fraga, a recepción previa na que estaban varios membros da corporación do Concello de Cee, entre eles o edil de Cultura, directivos e membros do Batallón e outros convidados, para pasar pouco despois á sala magna do Instituto da Fundación Fernando Blanco de Cee, onde diferentes autoras e autores foron expoñendo os seus relatorios.

Rafa Villar, de Cee, falou das súas experiencias para sacar á luz os seus traballos como a edición de autor, publicación en revistas como Dorna ou a de presentarse a premios e ter a sorte de que cho concedan e recordou que en 1995 soamente se publicaron cen libros en galego.

Un dos convidados foráneos, o poeta compostelán, de orixe arxentina, Eduardo Estévez falou tamén das súas experiencias editoriais na Arxentina e en Venezuela. Alí tan só publicaban textos de clásicos coma Borges, Pizarnik… Explicou coma un grupo de escritores novos puxeron uns cartos conxuntos e publicaron un libro dun deles, cos cartos que ían sacando publicaban outro e así sucesivamente. Esta foi a maneira de que as súas obras viran a luz. Curiosamente, anos máis tarde, desta idea xurdirá en Galiza a editorial «Letras de Cal» cun sentido aínda máis altruísta, pois o que fixo esta cooperativa foi principiar por editar textos de xente nova que non tiña nada publicado ou que tiña dificultades para o facer.

O estudoso e escritor corcubionés Luís Lamela, especialista en temas históricos, falou do seu labor de investigación e sobre as súas recentes Crónica de una represión en la Costa da Morte (Edicións do Castro, 1995) e tamén de que había que recuperar moitos dos documentos que pertencían a esta zona e que estaban en organismos nos que era case imposible ou moi dificultoso acceder a eles.

O historiador de Bamiro (Vimianzo) Xosé María Lema Suárez centrou a súa intervención na necesidade da formación duns arquivos que tiñan que estar a disposición daqueles que os quixeran utilizar para a súa posterior investigación.

Finalmente, os poetas do Batallón, Frederico L. Santalla, de Lires (Cee), e Xavier Rodrigues Fidalgo, de Castrelo (Vimianzo) fixeron senllas análises sobre a política institucional referida á literatura e á cultura en xeral e sobre os atrancos que as autoras e os autores teñen por escribiren en normativas diferentes da norma oficial do idioma galego.

Alén do poeta Eduardo Estévez, tamén foron convidados a ese «I Encontro» Yolanda Castaño, Olga Novo, Chus Pato e Paco Souto. Tamén asistiron ao acto a crítica literaria, Teresa Seara, e outros escritores e investigadores como o antropólogo muxián Manolo Vilar ou o filólogo malpicán Xosé Manuel Varela.

O «I Encontro de Escritores e Escritoras da Costa da Morte» finalizou ás 20:00 h. do serán cun recital poético a cargo de todos membros do Batallón Literario e dos poetas convidados.

Comentarios desactivados en Artigo en QPC (VIII): #Efeméride «A vinte anos do I Encontro de Escritores e Escritoras da Costa da Morte, primeira actividade do Batallón Literario»

Xuñ 01 2016

Lanzamento do libro Homenaxe a Olimpio Arca Caldas. Un mestre do pobo (A Estrada, mañá, 2 de xuño ás 20:30 h.)

OlimpioArcaCaldas
(Cartaz da presentación. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Na tardiña de mañá, xoves 2 de xuño, contra as 20:30 h. andaremos polo Museo do Moble e da Madeira d’A Estrada no acto de lanzamento do libro Homenaxe a Olimpio Arca Caldas. Un mestre do pobo, que publica Edicións Fervenza, baixo a coordinación do editor Manuel Núñez Espiño.

A miña achega a este volume colectivo que xunta máis de medio cento de colaboracións é este soneto inédito en papel e que divulguei nesta anotación de bitácora no seu primeiro cabodano.

Olimpio Arca Caldas

in memoriam

Escoito a voz do mestre. Canda ela a nobre Dama,
vén limpa e transparente, mineral, sandadora,
desde a vila do Baño, onde naceu noutrora
como lume fulxente de poderosa chama.

Tabeirós éche a Terra que agora se proclama
na lingua que sementa froito espora a espora.
Escoito a voz do mestre. Canda ela nova flora
reverdece, xermolan follas dun libro en rama.

Como na primavera xa os merlos cantaruxan
para daren a nova de que vai fóra inverno,
chama o seu xentil eco nas fiestras da comarca

e entran mil bolboretas, palabras que babuxan
a lentura da terra, fértil no amor fraterno.
Escoito a voz do mestre, do amigo Olimpio Arca.

Comentarios desactivados en Lanzamento do libro Homenaxe a Olimpio Arca Caldas. Un mestre do pobo (A Estrada, mañá, 2 de xuño ás 20:30 h.)

Mai 18 2016

Gonzalo López Abente, «o poeta do mar» das Irmandades da Fala

Abente01

A pedimento de Miguel Anxo Seixas Seoane, coordinador do proxecto «Álbum das Irmandades da Fala» para o Consello da Cultura Galega, elaborei a entrada relativa a Gonzalo López Abente, que polo de agora aínda non se viu publicou na rede. A día de hoxe tan só viron a luz as anotacións sobre Antón Villar Ponte, Ramón Villar Ponte (as dúas elaboradas por Emilio Xosé Ínsua López), Ramón Fernández Mato (elaborada por Prudencio Viveiro), Roberto Blanco Torres e Asun Sóñora (estas dúas últimas elaboradas por Juan Luis Blanco).

Hoxe, no centenario no nacemento da primeira «Hirmandá de Amigo da Fala» na Coruña, aproveito para adiantar a miña colaboración nese «Álbum das Irmandades da Fala».

GONZALO LÓPEZ ABENTE, O POETA DO MAR

Resumo:

Biobliografía de Gonzalo López Abente (Muxía, 24 de marzo de 1878 – 23 de xullo de 1963), coñecido polos seus coetáneos como «o poeta do mar», con especial relevo na súa relación coas Irmandades da Fala.

Gonzalo Francisco López Abente naceu en Muxía segundo confesa en carta a seu curmán Horacio Bermúdez Abente, que a reproduce no limiar á obra póstuma Decrúa (1966): “… un día coma hoxe 24 de marzal do ano 1878 ás catro da serán, que cadrou en domingo, con feira en San Isidro, abrín os ollos á vida e pola fiestra da casa do Cabo da Grixa en que moraban meus pais, ollei craramente un outo cruceiro e que no seu cume agoniaba un mártir cos brazos en crús. Aquel día escoitei a rapsodia máis subrime e fíxeme segrel. Pillei un laúde e con ele ao lombo boteime a cantare polo mundo adiante…”. Seu pai, Francisco López García, foi alcalde de Muxía e xefe local do Partido Liberal. E súa nai, Xulia Abente Lago, era filla do médico Leandro Abente Chans, irmán da nai de Eduardo Pondal.

Estuda en Santiago, como conta Otero Pedrayo: “ós nove anos levárono a Compostela a se dispór pra o Bacherelato que enteirou ós 15 anos o 22 do san Xoán do 1893”, e remata Dereito con 21 anos, o 20 de xuño de 1899. Regresa a Muxía para traballar nunha entidade bancaria e a súa sinatura faise habitual na prensa comarcal e local, El Celta de Corcubión e El Eco de Mugía. Periódico independiente, defensor de los intereses generales del partido judicial de Corcubión, do que foi director-propietario.

Casou o 20 de setembro de 1909 coa súa curmá Balbina Abente Myszkovski, filla de Victorino Abente Lago, que emigrou ao Paraguai onde é considerado poeta nacional. Enviuvou ao ano no primeiro parto da súa muller, que falece, con 26 anos, o 12 de setembro de 1910.

Na altura principiou a colaborar con moitas revistas e xornais da prensa galega e da emigración (Arxentina, Cuba, Uruguai…), con versos que farán parte de Escumas da ribeira (1911?) e Alento da raza (1917?). Tamén publica as novelas O diputado por Beiramar (1919), que foi primeiro premio do certame de narrativa convocado por A Nosa Terra, editada como primeiro volume da “Bibrioteca Galeguista” das Irmandades da Fala, O escándalo (1920) e O novo xuez (1922).

O 11 de marzo de 1917 participa no enterro multitudinario de Eduardo Pondal Abente, presidindo o dó xunto aos representantes da RAG, o seu presidente Murguía e os académicos Martínez Salazar, Riguera Montero e Ponte y Blanco, e o alcalde coruñés, Manuel Casás.

En 1918 a RAG vaino nomear académico correspondente, como figura no título exposto na Casa das Beiras de Muxía, sé da Fundación López Abente, e que di: “Esta corporación en sesión del día 20 de Diciembre de 1918 nombró Académico Correspondiente a D. Gonzalo López Abente. Y en vista de este acuerdo se le expide el presente título en la ciudad de La Coruña a los 22 días del mes de Enero de 1919”. Asinan o presidente accidental, Francisco Tettamancy, e o secretario, Eugenio Tarel.

Participa nos movementos nacionalistas políticos e culturais, uníndose á acta de constitución da “Hirmandá de Amigos da Fala” (A Coruña, 18 de maio de 1916) e colabora no seu órgano de expresión, A Nosa Terra. López Abente representa á bisbarra nas Asembleas Nazonalistas, sendo un dos asinantes das conclusións da I Asemblea (Lugo, 17-18 de novembro de 1918). Nas publicacións galeguistas aparece como representante en Muxía da Irmandade Nazonalista Galega (ING) constituída en 1922. Está entre os “irmáns galeguistas” que colaboran economicamente para a creación de futuras «Escolas do Insiño Galego» (A Nosa Terra, 192, 12-9-1923) ou para crear unha biblioteca galeguista: “O notabre poeta López Abente, enviounos tamén os seus preciados tomos de versos «Escumas da Riveira» e «Alento de Raza»” («Biblioteca da Irmandade», A Nosa Terra, 194, 1-11-1923).

Na ditadura primorriverista atopa refuxio na creación, cos relatos Buserana (1925), Fuxidos (1926) e Vaosilveiro (1929), anunciado na derradeira páxina de Alento da raza co título Os fidalgos de Vaosilveiro, así como os poemarios Do Outono (1924), anunciado co título Froles d’Outono. Sonetos, ademais de Nemancos (1929) e a obra de teatro María Rosa (1928), subtitulada “Comedia en dous pasos”, escrita moito antes, pois foi estreada o 20 de febreiro do 1921 polo grupo teatral do “Cadro de Declamación” das Irmandades da Fala da Coruña.

Ingresa no Seminario de Estudos Galegos (SEG) con Ramón Cabanillas, Noriega Varela e Victoriano Taibo, nunha cerimonia que relata así Otero Pedrayo: “O ingreso de López Abente no Seminario de Estudos Galegos fíxose co de os outros xa nomeados grandes poetas o 14 de marzal de 1926 no vello e simpático salón de aítos da Sociedade Económica de aquila aínda istalado no Colexio San Clemente. Non poideron concorrirre Cabanillas, nin Noriega. Lembramos cada intre de aquila sesión. Hastra o efeito nalgús espritos de poemas de López Abente cecáis pra iles soantes ó metal panteista de Lucrecio”.

Vicente Risco en 1928 facía este retrato: “É un home estraño, calado e serio, cunha cortesía exquisita de gran señor. Ten viajado moito, estivo na América e percorreu case todo o Norte da Europa. Poida que aínda teña estado en máis sitios, mais non se sabe, pois il raramente fala dos seus viajes. Vive en Mugia, frente ao imenso Atlántico, e é o millor poeta do mar”.

Participa na VI Asemblea das Irmandades na Coruña, coa delegación de Muxía, segundo informa El Orzán (27-IV-1930) e meses despois figura entre os asinantes da creación do Partido Galeguista o 5 e 6 de decembro do 1931 en Pontevedra.

No Día da Patria Galega, 25 de xullo, do 1934 asiste á recepción de Castelao como membro da RAG, e o 24 de xullo de 1935 á homenaxe a Curros Enríquez perante o seu monumento n’A Coruña, na que falaron Plácido Castro, Antón Villar Ponte, Núñez Búa, Bóveda, Castelao, Suárez Picallo, Víctor Casas, Álvarez Gallego, Otero Pedrayo, Iglesia Alvariño, Lugrís Freire, Sebastián González, Gómez Román, López Abente e Carballo Calero.

O 29 de marzo de 1936, no salón de sesións do Concello de Santiago, cedido polo alcalde republicano Ánxel Casal, Gonzalo López Abente foi elexido presidente da Asociación de Escritores de Galicia, nunha lista única elexida por aclamación.

O fotógrafo muxián Ramón Caamaño, cronista gráfico da historia da Costa da Morte, fotografouno arengando aos seus veciños no Cabo da Vila na campaña a prol do Estatuto de Autonomía de 1936.

A sublevación militar contra o goberno democrático da II República provoca a depuración do poeta da súa vida laboral. Este documento foi exhumado por Luís Lamela García en Estampas de injusticia. La guerra civil del 36 en A Coruña y los documentos originados en la represión (1998).

O franquismo silenciou durante varios anos a López Abente que se refuxia, coma outros galeguistas, na creación literaria. Otero Pedrayo escribe “Tiña amor pola Academia pra a que foi eleito o 8 do Nadal de 1940. Tomou posesión o 27 do Sant-Iago de 1941 e correspondeulle a cadeira 16 dinantes ocupada por un ilustre devanceiro de semellantes afinidades poéticas e de parexa terra mariñeira. Don Manuel Lugrís Freire finado o 15 do febreiro do 1940”. O seu discurso de ingreso como académico numerario, presentado no paraninfo da Universidade Literaria de Santiago, titulouse A terra e a poesía de Pondal e foi publicado póstumo pola RAG en 1965.

López Abente finou o 23 de xullo de 1963, aos 85 anos, na súa casa da rúa Virxe da Barca. Oito anos despois, o 17 de maio de 1971 a RAG dedícalle o Día das Letras Galegas e o acto académico en Muxía contou coa colaboración do Concello. No paseo do malecón, no xardín da Cruz, foi descuberto un monumento do escultor Andrés Barbazán, simbolizando unha muller mariñeira que leva un medallón coa efixie do poeta e a lenda “Ao esgrevio poeta Gonzalo López Abente. 1878-1963. Día das letras gallegas, 15-5-1971”. Tamén se presentou a publicación realizada pola Academia, con prólogo do seu presidente Sebastián Martínez-Risco e epílogo de Salvador Lorenzana (pseudónimo de Fernández del Riego), do libro de poemas inéditos Monza de frores bravas para Nosa Señora da Barca. Nesas datas, Galaxia reedita O novo xuez, cun breve limiar biobibliográfico. Carballo Calero e Otero Pedrayo escriben senllos artigos de homenaxe que publican a Universidade de Santiago e o Boletín da RAG.

Trinta anos despois, o 29 de xaneiro de 2011 naceu en Muxía a Fundación Gonzalo López Abente para divulgar a súa obra. De feito xa recuperou o seu libro inédito Bretemada (2011), mecanoscrito datado entre 1917-1922, reeditou a súa Narrativa mariña (2012) e compilou a súa Poesía Completa (2013), alén de convocar un Premio de Poesía co seu nome, realizar unidades didácticas, roteiros e outras actividades.

Comentarios desactivados en Gonzalo López Abente, «o poeta do mar» das Irmandades da Fala

Mai 18 2016

Artigo en QPC (IV): «A Costa da Morte: poesía e paisaxe nos textos de Manuel María (II)»

ManuelMaríaOCouto1993b
ManuelMaríaOCouto1993(2)
(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

Máis unha vez reproduzo deseguida a nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, a primeira parte dun longo artigo que desta volta intitulei «A Costa da Morte: poesía e paisaxe nos textos de Manuel María (II)» e que tamén xa se pode ler nesta ligazón.

«A Costa da Morte: poesía e paisaxe nos textos de Manuel María (II)

É de estrañar que, malia a manifesta fascinación abentiana da que falamos na anterior entrega, Manuel María non viaxou até a Costa da Morte até o verán de 1980, dezasete anos despois, como confesa no artigo «Viaxe a Fisterra», asinado co pseudónimo Manuel Hortas Vilanova e publicado no semanario A Nosa Terra, nº 126. 3/X/1980, na sección «Andando a Terra», na que colaborou toda unha década, desde o seu nacemento nos derradeiros días do setenta e sete e até o ano oitente e sete.

Foi unha longa viaxe pola costa, pois Saleta e Manuel viñan de visitar en Noia ao poeta Avilés de Taramancos na súa taberna e pasaron pola Serra de Outes, terra do poeta Francisco Añón, por Muros, Carnota, a fervenza do Ézaro (Dumbría), Cee e Corcubión, antes de chegaren ao solpor fisterrán. A descrición que fai destas terras é breve, mais sorprendente. Velaquí os tres derradeiros parágrafos do artigo:

«Non imos falar do viaxe de Noia a Fisterra. Unicamente decir que en Outes pódese ollar un busto que a Real Academia Gallega lle adicou ó poeta Añón, coa adicatoria en español. Que contempramos ó noso xeito o hórreo de Carnota que, como todo o mundo sabe, é o meirande de Galicia. Que intentamos ollar a desembocadura do Xallas, o río cantado por Pondal. Sabíamos que desembocaba facendo unha breixa ou fervenza, que en castelán lle chaman «catarata». Non poidemos ver nada. O único que se pode ollar é a canle do río, cun fío de auga, que non move nin a un muíño de talas, dos que facíamos cando eramos nenos pra poñer nos regos. En Cee as chimeneas da fábrica de carburos, meten medo.

Fisterra estaba chea de catalás. Lembrámonos da vella ermida de San Guillermo e dos ritos que alí se facín pra fecundar as mulleres que non tiñan familia. E tamén da Ara Solis, das lexiós romanas e de Borrow, que tan curiosas páxinas deixou sobre o lugar. Cousas estas que se poden lér en calqueira guía que se precie. Chamounos moito a atención ver a tódalas mulleres maduras e as vellas vestir de mouro. E as rapazas vestir de branco.

Voltamos a Santiago de Compostela pola estrada de Brens a Santa Comba. Todas estas terras, que non nos cansamos de contemprar, son como a poesía de Pondal. Ou a poesía de Pondal é como estas terras. Non o saberíamos con xusteza e si nos perguntan meteríamos nun apuro grande. Pra un chairego de nación, como este servidor que o é, estas paisaxes, grandiosas, sobrias e pedregosas, teñen un engado especial que ún non sabe esplicar ben».

Porén, a viaxe debeu deixar un pouso ben profundo e dous anos despois Manuel María publica o volume Versos do lume e do vaga-lume (Ourense: Galiza Editora, 1982), con dous poemas inspirados en lugares da Costa da Morte, «Dólmen de Dombate» (páxina 17) e «Fisterra» (páxina 20), alén das referencias ao Cristo de Fisterra e á muxiá Virxe da Barca que aparecen nos versos do poema «O Xistral» (páxina 14).

«Fisterra» recolle sen dúbida o solpor que puido ollar na viaxe referida nun fermoso poema que poetiza a fraxilidade da existencia, un sentimento ben comprensible na contemplación silenciosa da inmensidade oceánica. Cómpre lembrar que até entón Manuel María só visitara o mar como temática nas súas obras Mar maior (1963) e Versos florecidos en louvanza de Foz (1967), localidade á que acudía con asiduidade malia que como sinala nos seus artigos e como lembran moitas das súas amizades adoitaba estar afastado, na beira, e mesmo hai quen o lembra con traxe de verán nos areais focegos. E de resto, a presenza do mar é anecdótica na súa obra, aínda que teña un excelente poema sobre a dorna e algún outro sobre o oficio dos mariñeiros.

Así e todo, a Costa da Morte e os seus principais poetas tampouco podían estar ausentes no texto da súa conferencia A presencia do mar na poesía galega, separata da Revista Internacional de los Estudios Vascos, ano 39, tomo XXXVI, nº 2 (1991). Donostia: Editorial Eusko Ikaskuntza, S.A., xullo-decembro, 1991, pp. 313-338.

Rosalía de Castro e os seus coñecidos versos sobre a romaría da Barca de Muxía, unha ampla escolla de versos pondalianos e, novamente, as referencias a Centileos nas ondas de Gonzalo López Abente integran o corpus que Manuel María utiliza na súa asisada e documentada disertación.

O 16 maio de 1993 prodúcese outro dos acontecementos que máis achegou a Manuel María ao territorio da Costa da Morte ao ser escollido como o primeiro poeta en ser homenaxeado pola activa asociación cultural e veciñal O Couto, desta parroquia da Ponteceso. Nesa data descobre a primeira das placas, realizada polo escultor Anxo Cousillas, con nome de escritor que desde aquela e de xeito anual foron colocadas na Casa dos Veciños. Alén do seu discurso e da súa recitación, estivo acompañado por Xosé Agrelo Hermo que dirixiu unha peza teatral da súa autoría e polo cantautor Suso Vaamonde que interpretou varios poemas do disco que en 1978 realizou sobre os Soños na gaiola (1968), aínda que no acto os exemplares do libro pertencían á 8ª edición (Xerais, 1992) pois antes houbo outras noutros selos editoriais.

(continuará)

Comentarios desactivados en Artigo en QPC (IV): «A Costa da Morte: poesía e paisaxe nos textos de Manuel María (II)»

Abr 27 2016

Breve galería fotográfica da Semana do Libro do CEIP Santa Eulalia de Dumbría

Dumbría18-04-2016(1)
Dumbría18-04-2016(2)
Dumbría18-04-2016(3)
(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

«O que pasa no cole!» é o nome do blogue do CEIP Santa Eulalia de Dumbría no que se referencian boa parte das actividades que se realizan no colexio e tamén na súa biblioteca. E entre elas está a súa Semana do Libro, creada por iniciativa do mestre de Educación Física, Dani Mato, coa colaboración dos demais mestres e que veñen celebrando todos os anos por volta da efeméride do Día Internacional do Libro.

A semana pasada, como informa o seu blogue e tamén o dixital Quepasanacosta, celebraron a sexta edición e tiven o pracer de aceptar o convite de Dani Mato para os acompañar, como xa fixera tamén en 2011 nunha das primeiras Semanas, pois sempre botan man das autoras e dos autores da Costa da Morte que completan con alguén de fóra.

Abrimos esta VI Semana o luns 18 o muxián X. H. Rivadulla Corcón, quen aproveitou para presentar o seu último libro Soños de mar (Xerais, 2014) ao alumnado de 5º e 6º, e eu propio que lles presentei xa pola tarde A pantasma da casa da matanza (Biblos, 2013), ilustrado por Xosé Cobas, para o que tiveran que facer previamente unha actividade de achegamento ao poema coñecido como Negra sombra, malia non ter título, de Rosalía de Castro.

Concha Blanco estivo o martes co alumnado de 3º e 4º curso para presentarlles a súa obra Luces, bicos e cores (Embora, 2012). E o mércores foi a quenda das contadas con María da Pontragha e co actor da compañia Talía Teatro e vello amigo Artur Trillo que estiveron co alumnado de Educación Infantil, 1º e 2º.

Nais, pais e mestres colaboraron para lles faceren contadas na xornada do xoves e, finalmente, o venres Rocío Leira estivo coa rapazada de 4º curso, realizando xogos matemáticos ou de lóxica como os que aparecen no seu libro Universo Pitágoras (Biblos, 2013).

As imaxes deixan testemuño da miña estadía (no blog «O que pasa no cole!» pódese ollar o resto), mais aínda que en todas elas estou a falar o certo é que todo o alumnado tivo que participar e así o fixo, con moita ilusión, agás un rapazolo que se fixo máis lacazán, aínda que ao final tamén entrou no xogo da actividade.

E máis unha vez hai que parabenizar a eses mestres que nos seus colexios lle crean un espazo á nosa literatura. Beizóns sempre!

Comentarios desactivados en Breve galería fotográfica da Semana do Libro do CEIP Santa Eulalia de Dumbría

Next »