PresentaciónsArchive for the '' Category

Xuñ 08 2017

Documentario «XX anos do Premio de Poesía Concello de Carral»

Días atrás realizouse a presentación pública do documentario «XX anos do Premio de Poesía Concello de Carral», que desde o 31 de maio está dispoñibilizado na rede a través da canle de youtube do propio certame literario (https://youtu.be/2wVp1xkzVoM)

O seu coordinador, Carlos Lorenzo Pérez, é o autor do guión, realizado por Xosé Bocixa Rei. En pouco máis de media hora o documentario sobre os primeiros XX anos do Premio de Poesía Concello de Carral realízase un repaso sobre as motivacións do seu nacemento, como se organiza, a súa evolución e a súa consolidación no panorama literario galego, alén das propias experiencias dos autores e autoras que obtiveron o premio nestas dúas décadas (1997-2017), entre os que me atopo por ser gañador co meu libro intitulado As crebas.

Por orde de aparición, intervimos no documentario José Luis Fernández Mouriño, Lois Anxo Ferreiro, Carlos Lorenzo Pérez, Miguel Anxo Fernán Vello, Xulio L. Valcárcel, Luciano Rodríguez, Teresa Seara, Cesáreo Sánchez Iglesias, Mercedes Queixas, Armando Requeixo, Fernando Díaz-Castroverde, Rafael Lema, Rafa Villar, Lucía Novas, Baldo Ramos, Eduardo Estévez, Xurxo Alonso, Marcos Calveiro, Isidro Novo, Xosé Luís Mosquera Camba, Eli Ríos, Paulino Peña Álvarez, Miro Villar, Dores Tembrás, Oriana Méndez, Eva Veiga, Modesto Fraga e Emma Pedreira. Das e dos poetas recóllese ademais a lectura dun pequeno fragmento dos seus textos premiados.

Moitos parabéns por tan ben elaborada e fermosa iniciativa.

Por este video promocional van aparecendo todos os libros gañadores até hoxe, que tamén figuran nunha exposiciónfotográfica de gran formato nas rúas da vila de Carral.

Gañadores/as:
2017: Xosé Luis Mosquera Camba, Das árbores tropicais e do amor.
2016: Modesto FragaDevalar sen pel.
2015: Eva VeigaSoño e vértice.
2014: Oriana MéndezO que precede a caída é branco.
2013: Dores TembrásCronoloxía da urxencia.
2012: Roi VidalTeatro.
2011: Emma PedreiraLibro das mentiras.
2010: Miro VillarAs crebas.
2009: Eli RíosNós escoitando o badalo de marienplatz.
2008: Paulino Peña ÁlvarezGramática da afirmación.
2007: Xosé Luis Mosquera CambaNadja c’est moi.
2006: Isidro NovoEsteiro de noites falecidas.
2005: Marcos S. CalveiroCartas do terceiro día.
2004: Xurxo AlonsoBreviario de Aldemunde.
2003: Sen convocatoria.
2002: Eduardo EstévezDerrotas.
2001: Baldo RamosA árbore da cegueira.
2000: Lucía NovasEpiderme de estío.
1999: Rafa VillarDías de Sherezade.
1998: Rafael LemaAtlántica.
1997: Fernando Díaz-Castroverde, Camiño de píntegas.

Comentarios desactivados en Documentario «XX anos do Premio de Poesía Concello de Carral»

Feb 23 2017

A pantasma da casa da Matanza na revista Follas Novas da Fundación Rosalía de Castro

Esta tardiña preséntase en Rianxo o primeiro número de Follas Novas, a nova revista de estudos rosalianos da Fundación Rosalía de Castro, que tamén está dispoñible para a súa lectura en descarga de balde nesta ligazón.

A nova publicación que dirixe o académico, escritor e profesor Xosé Luís Axeitos neste primeiro número, patrocinado polo propio Concello de Rianxo, céntrase na «Análise crítica da obra en prosa de Rosalía de Castro», que ocupa toda a sección de «Artigos» con importantes achegas de Carmén Fernández-Pérez Sanjulián, Kathleen N. March, María López Sández, Francisco Rodríguez Sánchez e María Pilar García Negro; na sección «Documentos» María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda exhuma unha carta de Alfredo Vicenti a Manuel Murguía e outra deste último á propia Rosalía é analizada por Diego Rodríguez González. Outras seccións como «Recensións», «Bibliografía», «Varia» e «Casa de Rosalía» completan os seus contidos.

Na sección de «Bibliografía» os profesores da Universidade de Granada Aurora López e Andrés Pociña compilan as «Últimas tendencias na bibliografía de e sobre Rosalía» e entre as numerosas referencias está a mención, que moito lles agradezo, ao conto rimado da miña autoría A pantasma da casa da Matanza, con ilustracións de Xosé Cobas (Premio Xosé Neira Vilas ao Libro Infantil ou Xuvenil 2013 na Noite da Edición 2014). Velaquí a súa xenerosa acollida:

Editado para ocupar un posto no ronsel das publicacións conmemorativas do 150 aniversario, como declara Biblos Clube de Lectores que presenta un libriño estéticamente inmellorábel, Miro Villar, como autor, e Xosé Cobas, como ilustrador, co breve conto-poético A pantasma da casa da Matanza, lévannos ás habitacións íntimas de Rosalía na casa en que pasou os últimos anos da súa vida e onde morreu, na actualidade a ben coñecida Casa-Museo de Rosalía en Padrón; alí atopamos unha pantasma errante, unha Negra sombra, que asenta na casa, fascinada pola poeta:

Coñecín moitos mundos, mais un día
quixen quedar na casa da Matanza,
porque aquí coñecía a Rosalía.

Devezo pola música e a danza
e fascíname o son da poesía.

Un conto para pequenos e para grandes, fermoso pola poesía e polas ilustracións, unha preciosa edición e explicación do insuperábel poema “Cando penso que te fuches”.

Comentarios desactivados en A pantasma da casa da Matanza na revista Follas Novas da Fundación Rosalía de Castro

Feb 16 2017

Artigo en QPC (XXI): «A relixión do mar, de Xosé Iglesias Lamela»

Veño de publicar unha nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para facer unha recensión do libro de poemas A relixión do mar, de Xosé Iglesias, que vai ser presentado o vindeiro sábado na vila de Cee. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

A relixión do mar, de Xosé Iglesias Lamela

O mariñeiro e poeta ou poeta e mariñeiro Xosé Iglesias Lamela (Cee, 1974) asina a súa segunda obra poética individual, despois de Transfusión oceánica (Caldeirón, 2014), que desta volta leva por título A relixión do mar e que nos chega co aval de gañar o IX Certame de Poesía Victoriano Taibo, convocado polo Instituto de Estudos Miñoráns, entidade que publica os libros premiados. Tanto a celebración do concurso literario como a propia edición das obras forman parte, como se di no colofón, do abano de actividades coas que «O Instituto de Estudos Miñoráns e o Concello de Gondomar promoven unha campaña para que Galicia lle dedique un Día das Letras Galegas a Victoriano Taibo».

As breves notas de presentación por parte da entidade e do alcalde de Gondomar dan paso a un ben interesante limiar «Versos trazados a cabalo das ondas do mar, pra enxergar o océano maior» que asina o arqueólogo Felipe-Senén no que lembra de inicio os motivos mariños no escudo deseñado por Castelao antes de se debruzar sobre a biografía e a obra poética de Xosé Iglesias.

E antes dos versos o propio poeta escribe un «Prólogo» na memoria do seu bisavó, Francisco Miguéns, o primeiro mariñeiro da estirpe, e tamén «polo amor que me dou e está a dar a súa filla, Lucía Miguéns», ao tempo que reproduce o poema que lle dedicou a ese «lobo de mar» en Transfusión oceánica.

O libro ábrese con tres textos poéticos que tamén serven para explicar a forza espiritual do título: «Persignación», «Credo» e «Fe», todos tres con fortes estruturas paralelísticas como adoitan ser os textos dos devocionarios, concibidos para a oralidade.

E deseguida unha morea de poemas divididos en sete partes con cadanseu título. A primeira, «Rituais», conforma unha serie que ten como eixo a recollida de diversos costumes relacionados co mundo da pesca. Velaí a súa descrición da vella Lonxa da Coruña, O Muro, e das súas múltiples músicas, as poxas, as voces a relear os prezos do peixe…; velaí «BBC 198 Quilociclos», un poema que lembra o mítico parte metereolóxico que os mariñeiros galegos, mesmo sen saberen inglés, desencriptaban para combater as borrascas do Gran Sol e dos mares de Irlanda; velaí os versos que testemuñan o labor épico dos percebeiros e das redeiras, antes de rematar con «Rosa dos ventos», como xa fixera o rianxeiro Manuel Antonio no poema «Intencións» que abre De catro a catro.

«Construír un deus (Estaleiro)» xunta dezanove textos que suceden en terra, de feito o poeta confesa o maxisterio que recibiu dos carpinteiros de ribeira, nomeadamente de Francisco de Fra en San Cibrao. Acompañado dos debuxos precisos de Pablo Outón, Xosé Iglesias compila nestes versos toda unha vella sabedoría sobre a construción de barcos, que agranda o volume Tamén navegar. Escolma de poesía galega sobre carpintería de ribeira e embarcacións tradicionais (Toxosoutos, 2011), coordinado por Francisco Fernández Naval e editado para o X Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia que se celebrou en Carril. Algúns dos títulos dos poemas de Iglesias Lamela non deixan dúbida e fan lembrar aqueloutro magnífico de Avilés de Taramancos que se inicia co verso «Na outra banda do mar constrúen o navío». Velaí: «Chan de madeira», «Caderna mestra», «Quilla e roda», «Costelar», «Obra morta», «Obra viva» ou «Calafate», porque:

Construír un barco /

É tallar na árbore a historia dun pobo

A terceira parte «Meridiano da noite» descóbrenos con intensidade todos os momentos da faena pesqueira desde que «Pola popa deixamos a luz / A porta da casa». E máis unha vez, pois xa sucedera con anterioridades na poesía de Manuel Rivas, o sinal de socorro Mayday mayday mayday volve a ser motivo poético.

«Mar antigo» xunta sete textos cos localización xeográfica precisa, a Costa da Morte, que no poema con este mesmo título fai unha homenaxe ao mestre José Baña Heim, autor de Costa de la muerte. Historia y anecdotario de sus naufragios, a primeira sistematización histórica que se fixo en 1980. En «Caneliñas» lembra as cofas dos baleeiros nos anos oitenta na ría de Cee e Corcubión e en «Deitado rente o mar» glosa os coñecidos versos de Celso Emilio Ferreiro, antes de rematar con «Torre de Hércules», o antigo faro que iluminou a milleiros de mariñeiros na costa coruñesa.

Máis breves son as tres últimas partes «Vela mística», «Forza 9-10» e «Estrela Polar» con poemas que reiteran fíos temáticos anteriores e entre os que sobrancea «Man de Camelle»: «Un home espido enxuga / nos cabelos a pel encoirada / Uns pés palmípedes corren / espidos polas rúas / Ninguén sabe da maxia do argazo».

O libro péchase co debuxo dun galeón das rías, unha longa listaxe de agradecementos e un «Glosario de termos mariñeiros» para servir de orientación a navegantes destes versos nos que o caudal de léxico específico é inmenso, como xa acontecía en Vogar de couse de Alexandre Nerium, outro poeta que tamén foi home do mar e que exerce o seu maxisterio como guía no Museo da Pesca de Fisterra.

A relixión do mar ben pode acompañarse dunha visita á suxestiva canle propia de comunicación poética e do saber da súa arriscada profesión no mar que Xosé Iglesias Lamela posúe en youtube

(https://www.youtube.com/user/primerovillar),

na que se poden escoitar en alta mar e recitados coa súa propia voz algúns dos poemas deste libro e tamén de Transfusión oceánica, así como moitas imaxes sobre o seu arriscado e nada doado traballo, pois o poeta patronea un barco de baixura co que anda ao mar alén d’A Marola. Moito mar, moitos salseiros a correr polas veas das súas palabras.

Comentarios desactivados en Artigo en QPC (XXI): «A relixión do mar, de Xosé Iglesias Lamela»

Xan 31 2017

Presentación do libro A relixión do mar, de Xosé Iglesias, o xoves 2 de febreiro ás 20:00h. na Libraría Pedreira

Recibo na caixa do correo electrónico este convite para o lanzamento ou presentación da obra A relixión do mar, o novo libro de Xosé Iglesias, que vai ter lugar o vindeiro xoves 2 de febreiro ás oito da noite na compostelá Libraría Pedreira.

Do noso amigo Xosé Iglesias (Cee, 1974), mariñeiro e poeta ou poeta e mariñeiro, xa se falou aquí ou acolá, lembrando que mantén unha ben interesante e suxestiva canle propia de comunicación poética e do saber da súa arriscada profesión no mar a través de videos en youtube.

A relixión do mar gañou o IX premio de poesía Victoriano Taibo, que convoca o Instituto de Estudos Miñoranos. Dese libro reproduzo o poema «Costa da Morte», un dos textos que ten a Costa da Morte na súa cerna, que se pode escoitar recitado coa súa propia voz neste video, ao que segue o texto facilitado polo propio autor, a quen llo agradecemos e a quen parabenizamos polo premio e pola publicación. Medre o Mar!

(Adicado o profesor José Baña Heim , autor do libro
Costa de la muerte
Historia y anecdotario de sus naufragios)

Costa da morte

Camiña  o  vento  na  pedra
Nas  árbores descarrilan as  sombras
do semblante
Emerxe o alento místico da borrasca
O fío  que  cose  os retais da dor
O  martelo  calafatea as  feridas da noite
Nos  cons están  os  coitelos
As  voces dos afogados
As  unllas  que  desgarran a mexilla
As  baleas chaman os  capitáns
No monte os bois
alumean o camiño do faro
O paso  invisibel da  santa   compaña
Un carpinteiro  de  ribeira
constrúe un barco
Embarroa  as  cadernas
con unto de temporais
Un mariñeiro  encarna  as  nasas
coa fame dos  fillos
E dálle  avante¡¡¡
Nos  peiraos os  lobos escriben
a  historia de  cada   embarcación
Todo é luz todo  é noite
Todo  é  calma  todo  é inferno
As  situacións  dos  navíos
confúndese na xerfa.
Os  crebeiros érguense cedo
para atopar  restos do naufraxio
Cabo Fisterra, Vilán
Traba, Sisargas
Un home espido constrúe
un museo no argazo
Chove por  riba  dos bois
Levan  nos cornos
os lóstregos da infamia
Dous rapaces famentos
ollan o  horizonte

Comentarios desactivados en Presentación do libro A relixión do mar, de Xosé Iglesias, o xoves 2 de febreiro ás 20:00h. na Libraría Pedreira

Nov 25 2016

No lanzamento de Desescribindo, de Marilar Aleixandre

desescribindo00

Desescribindo de Marilar Aleixandre from apiario on Vimeo.
(Capa e booktrailer do libro)

Onte, á tardiña, a compostelá libraría Couceiro acolleu a presentación do novo libro de poemas de Marilar Aleixandre, intitulado Desescribindo, editado por Apiario na colección Cera Labrada.

Neste lanzamento a autora estivo acompañada pola poeta Antía Otero (unha das parceiras da editora Apiario xunto a Dores Tembrás) e a crítica literaria Chus Nogueira.

Antía Otero realizou unha presentación lírica alén de orgullarse de contar entre as singulares propostas de Apiario coa nova obra poética de Marilar Aleixandre.

Por parte, á crítica literaria Chus Nogueira, a quen escoitamos adoito no Diario Cultural da Radio Galega, correspondeulle resumir a traxectoria da autora e explicar polo miúdo as características do libro, ao que cualificou como «poesía de circunstancias», mais baleirando este termo de calquera matización pexorativa para salientar a actualidade dos seus diferentes fíos temáticos e a voz de denuncia e de reivindicación que acompaña os versos.

Finalmente, Marilar Aleixandre lembrou os seus inicios poéticos e a cerna das súas anteriores propostas antes de nos iluminar sobre a propia xestación do libro, para lle dar ramo á súa intervención coa lectura de varios dos poemas, a maioría da primeira parte «nas marxes da folla», entre os que escolleu «somos Verbo», «desbridar», «meu pai repróchame que traizoe a súa lingua», «as cordas do violín» ou «o dragón de San Xurxo desde fóra do canon». Da segunda parte, intitulada «lembranza de Babel» agasallounos coa lectura de «Babel», «Vera Nikolaiebna Figner lembra o xardín de Semiramide» ou «a cidade asediada». Menos presenza tivo a terceira parte do libro que leva por título «de quen a voz».

Porén, por varias razóns entre as que non é pequena que os versos falen dun espazo moi importante na miña infancia e na miña mocidade, escollín para saudar o libro outro poema da primeira parte intitulado «Estorde, 27 de xuño», ao tempo que agradezo a Marilar que me facilitase a reprodución do mesmo e a quen aproveito para parabenizar por esta súa entrega. Velaquí.

Estorde, 27 de xuño

Si bô ‘screvê’ me
‘M ta ‘screvê be
Cesária Évora

neste areal,
onde tomei da faneca brava
veleno para desescribir

aquí, onde as fanecas
espreitan polo pé nu,
sábeno os mariñeiros do Cabo de Cee a Nemiña
os linguironistas de Fisterra
os mozos que estragan as vértebras
turrando das ameixas en Corbeiro,

á noite cruzan dornas
de incerta carga
talvez leven o corpo
de Rozalía Luxemburg
guindado ao Landwehrkanal
con pedras atadas ás mans
chegado a nós en barca de pedra,
talvez envurullos de po branco
como cinza

mais hoxe está de vendaval
vento Sur
aínda non comezaron os incendios
hoxe as nosas pegadas nunha area
na que nada está escrito

grazas sexan dadas a Cesária
pola auga morna
a miúda pinga de felicidade
acrecentada ao trevo

para Carlos N. C.

(Fotografías da presentación, ilustracións de Mauro Trastoy e dedicatoria persoal no meu exemplar de Desescribindo)
desescribindo02
desescribindo01
desescribindo-marilaraleixandre01
desescribindo-marilaraleixandre02

Comentarios desactivados en No lanzamento de Desescribindo, de Marilar Aleixandre

Ago 15 2016

Artigo en QPC (XI): «Adagio por outono, de Modesto Fraga»

Adagio-14-08-2016(1)
Adagio-14-08-2016(2)
(Fotografías cedidas por © Jorge Parri)

Veño de publicar unha nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para recoller unha versión do texto que proferín no lanzamento do libro de poemas Adagio por outono de Modesto Fraga, onte na Feira do Libro de Cee. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

Adagio por outono, de Modesto Fraga

A XLI edición do Certame Literario de Vilalba que se convoca na capital chairega, nos últimos anos en parcería con Alvarellos Editora que publica os textos premiados, reafirmou a sólida bagaxe poética de Modesto Fraga (Fisterra, 1974) ao laurear o seu Adagio por outono, que chega dezanove anos despois da súa entrada no noso sistema literario.

Alicerzado en pequenos galardóns anteriores, 1997 foi o ano de graza e bautismo de fogo para o nume poético de Modesto Fraga ao gañar os premios Avelina Valladares e O Grelo, o primeiro pola obra Corpos paisaxe, que inxustamente non foi editada nesa altura, e o segundo con Do amor salgado, que tivo unha edición cativa do punto de vista estético e sen a penas distribución. Porén, o malfado destes inicios editoriais non puxo freo ao ímpeto do poeta fisterrán até conformar a día de hoxe un percorrido de longo alento, como recolle a autoantoloxía publicada en edición de autor Atlántica luz. Poesía mareira 1995-2015 (2015).

Esta apelación ao pasado non é gratuíta, pois o poeta arestora con moito máis oficio e cunha voz máis madura, retorna ao cultivo dos metros clásicos cos que se dera a coñecer, nomeadamente os sonetos. De feito Adagio por outono, que prologa Teresa Seara de maneira fulcral, está conformado por 35 sonetos divididos en tres partes e un intermezzo denominado «Pórtico» de catro poemas en verso libre, mais onde sobrancean hendecasílabos, heptasílabos e pentasílabos.

Non é de estrañar esta escolla porque o libro, que recolle nunha dobre páxina unha reprodución dos músicos no Pórtico da Gloria (século XII) e unha folla de carballo na portada, pretende realizar outra actualización dos principios literarios do Dolce Stil Novo, escola poética toscana da segunda metade do século XIII na que sobrancearon Guido Cavalcanti, Dante Alighieri, e moito despois Francesco Petrarca no seu Canzoniere, quen influíron en moitas épocas e literaturas posteriores.

Entre nós hai un bo número de poetas «dolcestilnovistas», aínda que salienta Darío Xoán Cabana, quen non só publicou varios libros con sonetos ao modo petrarquista, poñamos por caso o fermoso Amor e tempo liso (1987), senón que foi o excelente e premiado tradutor dos autores citados e doutras voces daquela época na Antoloxía do Doce Estilo Novo (Galaxia, 2004).

Unha das trabes dese modo de poetizar é a sublimación do amor e da persoa amada, que vai percorrer aquí toda a primeira parte «Sinfonía do corpo», catorce sonetos que se abren con «Alba de luz», a xeito de epifanía ou descuberta do amor, e que pecha coa dualidade «Ti + Eu: Nós» en reafirmación. E onde os versos espidos e mariñeiros («A nosa historia é un mar que non se acaba / alba e solpor de terras ben remotas») ornaméntanse con referencias artísticas e literarias, a Gioconda ou Mona Lisa de Leonardo da Vinci, a Ítaca de Ulises, Sherezade, o propio Dante e outras voces que se unen ao xogo intertextual con algúns versos da nosa poesía contemporánea, como sucede con Canto custa instalarse no amor!, que deu título a un libro de Xosé Leira López, ou coa súa propia, por exemplo no xeito de titular un dos textos coas coordenadas «8º 10′ 11” LN».

Os catro poemas libres do «Pórtico» transitan outra temática, a literatura de viaxes, e describen diversos espazos italianos, de preferencia os que teñen a ver con imaxes da Renacenza, e tamén portugueses (Coimbra e Lisboa). Entre elas navega tamén un verso d’Os Lusíadas, de Camões ou a obra de Sá de Miranda, ambos e dous extraordinarios sonetistas, así como A tragédia de Inês de Castro de António Ferreira. As diversas intertextualidades acompañan a tópica do carpe diem que se revela con forza: «Mentres todo renace / algo de nós habita no pórtico da vida».

Na terceira parte «Ao modo do Dolce Stil Novo» faise explícita a intencionalidade, que se abre coa cita a Dante, inclúe 14 sonetos en diálogo con outras obras artísticas, históricas e literarias que se sinalan ao pé de cada texto, sen seguiren orde cronolóxica. Nas primeiras o Pórtico da Gloria do Mestre Mateo, a Capela Sistina de Michelangelo, a Venere di Urbino de Tiziano e Mater Gallaecia de Luís Seoane; a nosa historia con referencias a Manuel Murguía, a Benito Vicetto ou á morte do Mariscal Pardo de Cela; na literatura europea a Divina Commedia de Dante e novamente Os Lusíadas de Camões e na nosa desde a primeira cantiga medieval Ora faz host’o Senhor de Navarra de Johan Soárez de Pávia ou Paiva até a Morgana en Esmelle da chorada Begoña Caamaño, mais tamén con Pondal ou con Cunqueiro. Son versos a evidenciaren ese atento lector, desde hai uns anos tamén esperto e experto libreiro, que hai en Modesto Fraga.

«Adagio, ma non troppo» é a última parte, sete sonetos que perseguen no descoñecido tempo futuro da existenxia a confirmación das palabras e dos acenos do amor sublime, con insólitas e singulares lembranzas, a poesía faise máis espida, máis íntima e máis achegada «como aquela canción das nosas vidas / que sabiamos case de memoria, de Pablo Milanés, lembras amor?».

E unha última anotación sobre este Adagio por outono para sinalar outra constante no quefacer do seu autor, aínda que máis atenuada desta volta, a perseveranza na incorporación e recuperación dun ricaz léxico mariñeiro que acompaña a linguaxe do erotismo como gozosa celebración.

MIRO VILLAR
Adagio-por-outono

Comentarios desactivados en Artigo en QPC (XI): «Adagio por outono, de Modesto Fraga»

Ago 09 2016

Presentación de Adagio por outono, de Modesto Fraga na Feira do Libro de Cee (domingo 14 de agosto, ao mediodía)

FeiraLibroCee2016
Adagio-Cee2016

Onte fíxose público o programa dunha nova Feira do Libro de Cee, a celebrar entre o 11 e o 15 de agosto e que abrirá un pregón do profesor e divulgador baiés Jorge Mira, e que nesta edición recobra os actos de presentación e lanzamento de obras, que nalgunha ocasión deixaron de se facer como eu propio denunciei neste texto.

Pola miña vila de nacenza andarei este vindeiro domingo 14 de agosto, ao mediodía, para presentar Adagio por outono, o novo libro de poemas do fisterrán Modesto Fraga que gañou a XLI edición do Certame Literario de Vilalba que se convoca na capital chairega, nos últimos anos en parcería con Alvarellos Editora que publica os textos premiados.

Non vou adiantar agora o texto que escribín para a ocasión, mais con licenza do seu autor velaquí van dous dos sonetos de Adagio por outono. O primeiro deles figura na primeira parte do poemario, «Sinfonía do corpo» (que consta de 14 sonetos), e o segundo aparece na cuarta e última parte, «Adagio ma non troppo» (7 sonetos).

Tamén a propia Alvarellos Editora dispoñibilizou no seu sitio web un documento (en formato ISSUU) no que se poden ler as primeiras páxinas do libro.

Agardamos a vosa presenza para acompañarmos a Modesto Fraga neste lanzamento da súa nova obra.

TI + EU: NÓS

Aquela luz de outubro clandestina
leva forxada en nós desde as orixes,
buscámola na ausencia das vertixes
a carón dos silencios, na retina.

Eu digo que na ardora adamantina
habita a esencia, a apócema que elixes,
a luz á que has volver sen que te fixes
acesa, ou apagada, que ilumina.

Acesa ou apagada a luz, eu digo
quero volver sentirte, acaso quero
mil noites existir, mil veces sós.

En medio desa luz quero e reitero
ollar contigo o mar, sempre contigo
ser simplemente ti mais eu, ser nós.

 

DA AUSENCIA (E DE NÓS)

Non deixes de soñar por mais que a vida
te leve a algúns lugares sen retorno,
que o teu alento sexa vigoroso
e o tránsito emprendido escuma fértil.

Non permitas que a ausencia, con sixilo
intente seducirte e acaso sexa
a aurora boreal quen te sorprenda
coa humidade de todos os eclipses.

Non deixes de soñar. Nin tan sequera
de devorar a terra cos teus ollos
que son luz e crisálida, caricia

á que nunca me entrego pero adoro;
á que regreso ás veces mentres vivo
na que me perdo sempre que te soño.

De Adagio por outono (Santiago de Compostela: Alvarellos Editora, 2016)

Modesto Fraga
Adagio-por-outono

Comentarios desactivados en Presentación de Adagio por outono, de Modesto Fraga na Feira do Libro de Cee (domingo 14 de agosto, ao mediodía)

Xul 13 2016

No lanzamento do Diario de Crosses Green, de Martín Veiga




(Fotografías realizadas con dispositivo móbil. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

Onte, á tardiña, a compostelá libraría Couceiro acolleu a presentación do libro de poemas Diario de Crosses Green (Kalandraka Editora, col. Tambo, 2016), da autoría do meu caro amigo e poeta noiés Martín Veiga, a quen xa teriamos que chamar Martin O’Veiga porque reside en Irlanda desde hai ben tempo, xa que durante varios anos foi lector de galego na Universidade de Cork, onde aínda hoxe dispensa aulas de lingua española, alén de dirixir o Irish Centre for Galician Studes, que fundara o finado e chorado David Mackenzie.

Neste lanzamento estivo acompañado polo escritor pontevedrés Luís Rei Ñúnez, director da colección Tambo xa desde a súa primeira época no Servizo de Publicacións da Deputación de Pontevedra e nos últimos tempos dentro do selo Kalandraka Editora, quen tivo un emocionado recordo para Agustín Fernández Paz, o mestre que nos deixou onte, alén de salientar varios aspectos da obra e da escrita de Martín Veiga. A crítica literaria Chus Nogueira, a quen escoitamos adoito no Diario Cultural da Radio Galega, explicou máis polo miúdo as características do libro, como o seu sentido heraclitiano ou a súa xénese coma un diario de meditacións ou reflexións, non sen antes lembrar as orixes literarias do poeta noiés e a súa presenza nos sarillos literarios dos primeiros anos noventa, onde eu propio coñecín a Martín Veiga, quen sería o meu afable e leal compañeiro de pupitre nas aulas de Filoloxía para falarmos de poesía cando nos chegaba o fastío producido por algún mediocre profesor, e abofé que moito aprendín de poesía en lingua inglesa coas recomendacións que me achegaba o «anglófilo» poeta noiés, a quen coñecera antes coma poeta, pois Antón Avilés de Taramancos, daquela concelleiro nacionalista en Noia, publicou o seu primeiro caderno poético Tempo van de porcelana (1990), do que fixen unha pequena recensión para o semanario A Nosa Terra.

Finalmente, coa ambientación dunhas fotografías de Cork da segunda metade do século XX, Martín Veiga debullou a xestación do libro con calidez e rematou a súa intervención cunha lectura de varios poemas, entre os que se atopaban os excelentes «Amarelles» ou «Tren mareiro».

Porén, escollín para saudar o libro esta ben fermosa «Elexía no inverno», como botón de mostra deste Diario de Crosses Green, do que se pode ler un adianto aquí, no sitio web de Kalandraka Editora. Velaquí a miña proposta.

Elexía no inverno

Pertenzo a unha atlántica
estirpe
que me acolle lenturenta coma aperta de medusa,
beixo ávido, mariño.

Teño a alma ateigada de salitre
a aboiar sen rumbo
esmacelada, pendular e escura
da Aguieira ata Inchydoney,
dos infindos areais de Dingle ata os cons de Corrubedo,
das furnas de Fonforrón ao peirao de Crosshaven
onde xogan nenos, musicais e luminosos.

En Clonakilty, na badía, ollei as garzas lenes
que xa nunca
han pousar nas xunqueiras do Barbanza.

Nas ribeiras de Cobh achei despoxos
de arroases que esmorecen polos coídos da Arnela,
extraviados cegos.

E non fago pé entre araos apodrecidos,
gaivotas abisais, inmensos farallóns
nos que baten correntes invasivas, ondadas
densas en cantís espidos de panasco.

Chegan aos cais espolios, áncoras sombrizas
arrefecen a Misela. Escoa un lamento
entre rochedos negros,
arfan aves.

Martín Veiga


camisa crossesMartínVeiga2016

One response so far

Mai 11 2016

«12 de setembro do 36», un soneto inédito para Verbo na Arria, libro colectivo na memoria de Xohán Xesús González


(Booktrailer de Verbo na Arria, elaborado por Quinteiro do Umia)

Diversos problemas na edición, que non veñen agora a conto, retrasaron até este mes de maio o lanzamento do libro colectivo de homenaxe ao avogado, mestre, xornalista, político e escritor Xohán Xesús González (nado en Sebil, parroquia de Cequeril – Cuntis), o 9 de novembro de 1895 e asasinado -finado, di a Galipedia– en Compostela o 12 de setembro de 1936). Nese volume intitulado Verbo na Arria, que editou a A. C. O Fervedoiro, colaboro xunto a moitas outras voces, no meu caso a pedimento do infatigable amigo Héitor Picallo, convocatoria á que respondín co soneto «12 de setembro do 36», escrito ad hoc en maio de 2009 e inédito ata agora.

A publicación foi presentada o pasado sábado e non puiden estar nela porque nese mesmo día estaba a participar como discente na Xornada Manuel María, que organizou o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) na Casa de Hortas de Outeiro de Rei, hoxe Casa-Museo Manuel María.

Porén, reproduzo o convite público que fixo a entidade convocante, xa que explica moi ben toda a longa xénese deste fermoso proxecto, e finalmente reproduzo tamén o meu poema.

A Asociación Cultural O FERVEDOIRO e a súa sección ACUDE ALÍ (Acción Cultural na Defensa da Lingua) comprácese en convidalas/os á presentación do libro homenaxe a Xohán Xesús González titulado Verbo na Arria. Nel –ademais de facermos un repaso pola vida, obra, creacións culturais e políticas dese personaxe cuntiense– medio cento de persoas entregan as súas achegas para lembrar os 120 anos do nacemento do canteiro, mestre, xornalista, escritor e político que foi quen de protexer Compostela –xunto co Terzo de Calo– no levantamento fascista de 1936. O libro, aínda que rematado o pasado ano, imprímese no actual, polo que debemos consideralo unha obra de 2015 (tal e como aparece no ISBN).

Todos os apartados do libro están rotulados no Verbo Xido (fala gremial dos arghinas ou canteiros) pois, como se sinalou, Xohán Xesús González pertenceu a ese gremio de traballadores da pedra.

Moitas foron as entidades que colaboraron –dun ou doutro xeito– nesta obra,  facilitándonos a reprodución de materiais dos seus fondos documentais ou achegando axudas e/ou orientacións: A Faculdade de Letras da Universidade de Coimbra, a Biblioteca Penzol (Vigo), o Seminario de Estudos Galegos (Compostela) a Biblioteca Xeral da USC, a Biblioteca de Xeografía e Historia (USC) e o Arquivo Histórico Universitario de Santiago de Compostela; o Museo de Pontevedra, o Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal e o Arquivo do EuskoTren / Burnibidearen Euskal Museoa. Tamén colaboran os concellos de Cuntis (municipio no que nace Xohán Xesús González) e Compostela (no que falece). Tampouco nos podemos esquecer de edicións Nympharum, a Asociación Cultural O Meigallo e o proxecto comunicativo O Quinteiro do Umia.

Esta obra, publicada a toda cor, sae dende o tórculo de Edicións Fervenza e conta cunha marabillosa maquetación realizada por Martiño Picallo quen, a parte, e autor dalgúns textos. Coordinada pola asociación O Fervedoiro, Verbo na Arria comezou a se forxar no ano 2009, cando este colectivo lle rende unha homenaxe poética a Xohán Xesús González e inaugura unha exposición antolóxica sobre del. Sete anos máis tarde, e logo de teren colaborado algo así como cen persoas, sae á luz Verbo na Arria, que conta cun limiar de Marcos Seixo (un dos biógrafos de Xohán Xesús González), cunha lámina do artista Manuel Fragoso, e unha maré de medio cento de poetas que participaron coas súas propias composicións: Vicente Araguas, Maka Arca, Olimpio Arca Caldas, Romina Bal, Helen E. Bertels, Ramón Blanco, Marica Campo, Marta Dacosta, Manoele de Felisa, Suso Díaz, Luz Fandiño, Xoán Xosé Fernández Abella, Baia Fernández de la Torre, Modesto Fraga, Xosé Lois García, Fuco Gómez Fontes, Fernando González Graña, Baldomero Iglesias, Yolanda López, Xulio López Valcárcel, Miguel Louzao Outeiro, Xosé Luna, Xosé Luís Méndez Ferrín, Vanessa Míguez Bouzas, Alexandre Nerium, Ramón Neto, Lucía Novas Garrido, David Otero, Seném Outeiro, Carlos Penela, Héitor Picallo, Martiño Picallo Fontes, Xavier Queipo, Xesús Rábade Paredes, Lorena Rei Noia, Eli Ríos, Elvira Riveiro Tobío, Lara Rozados, Susana Sánchez Aríns, Xosé Luís Santos Cabana, Uxía Seixo, Nieves Soutelo, Diana Varela Puñal, Xosé Vázquez Pintor, Rocío Viéitez, Ramón Vilar Landeira, Miro Villar, Helena Villar Janeiro e Ana Vispo.

Tamén se reproducen tres composicións que se lle dedican a Xohán Xesús González en vida: unha do seu amigo e conterráneo Manuel Mesejo Campos, outra José Márquez Peña e a última de Ramón Martínez López.

A presentación terá lugar o vindeiro sábado día 7 de maio, na casa da Cultura Roberto Blanco Torres de Cuntis (Pontevedra), ás 20:30 horas. Nela teremos ocasión de visualizar en primicia o book-trailer que sobre a vida de Xohán Xesús crearon as compañeiras e compañeiros do Quinteiro, proxecto comunicativo da comarca do Umia. Durante cinco meses e coa participación de ducias de veciñas e veciños de toda a comarca, desenvolveuse unha rodaxe atípica con respecto aos traballos habituais do colectivo. O emprego de planos aéreos mediante drones, de planos en movemento e de efectos dixitais na posprodución sinalan o pulo cara a unha maior calidade e tamén o apoio desinteresado de empresas audiovisuais amigas que o fixeron posible. Un traballo que terá a sua continuidade nun documental específico e que pretende mergullarnos na vida e no tempo de Xohán Xesús González.

Ademais, tamén se ha colocar a exposición Xohán Xesús González: Porta dun Futuro Proletario.

(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
XXGVerbonaarria
VerbonaArria

Foron de noite.
Foron por ti de noite
Como foron por Alexandre. Foron de noite.

ANTÓN AVILÉS DE TARAMANCOS

12 DE SETEMBRO DO 36

Xohán Xesús González e os do Terzo de Calo,
que voastes no vento pola cidade vella
a chamada insurrecta da bandeira vermella,
xa non escoitaredes no albor cantar o galo,

xa non escoitaredes das campás o badalo,
xa non escoitaredes terra fértil na rella,
xa non escoitaredes auga limpa na sella,
xa non escoitaredes a tarde no devalo.

Nos muros de Boisaca disparos de fusil
unha ferida voz de sangre fan que agrome
no corazón da terra labrega de Sebil.

Na mudez do epitafio, no silencio sen nome,
a lousa do canteiro é fría en Cequeril,
mais debaixo da pedra xace a razón dun home.

Comentarios desactivados en «12 de setembro do 36», un soneto inédito para Verbo na Arria, libro colectivo na memoria de Xohán Xesús González

Mar 02 2016

O Banquete de Conxo (2 de marzo de 1856) na poesía de Xervasio Paz Lestón

AurelioAguirre
(Retrato de Aurelio Aguirre)

Como ben lembra o excelente «O Almanaque das Irmandades», que puxeron en andamento a coruñesa A. C. Alexandre Bóveda e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), na súa efeméride de hoxe, hai 160 anos, «o 2 de marzo de 1856 tivo lugar na carballeira do desamortizado mosteiro de Conxo un banquete de claro contido político que constituíu un xesto de irmandade entre a clase traballadora e o estudantado. Son os membros da mocidade progresista santiaguesa integrados en El Liceo de la Juventud e entre os que se encontran Pondal, Aurelio Aguirre, Rodríguez Seoane, Rosalía de Castro, Paz Novoa, dirixidos por Aureliano Aguirre, os promotores deste xantar en que se xuntaron cen artesáns e obreiros da cidade con outros tantos estudantes».

Na miña Tese de Licenciatura, A poesía galega de Xervasio Paz Lestón. Edición e estudo, publicada pola desaparecida Edicións do Castro en 1998, recuperei e exhumei dous poemas deste autor muxián emigrado de novo á Arxentina que fan referencia a este Banquete de Conxo.

O primeiro leva por título «Un Longo Século», en forma de romance heroico en hendecasílabos e con esquema rimático (–A–A). Publicouse para conmemorar o centenario da efémeride nunha das publicacións da emigración galega na Arxentina, Galicia, nº 1272, 5 de xullo de 1956, e consérvase un Manuscrito, exactamente igual, que me fornecera o chorado e finado doutor Juan Gervasio Paz Narbaiz, fillo do poeta, quen nos acompañara na presentación da obra na compostelá Galería Sargadelos en xuño de 1999.

O segundo intitúlase «No Aniversario de Conxo», con 15 pareados alexandrinos, que se debeu publicar tamén mais nós non o localizamos. No Manuscrito aparece o nome completo do poeta e este texto tiña un epígrafe anterior, riscado, que di: Ao Congreso da Emigración. Por esta razón, tal vez se podería datar tamén en 1956, xa que se celebrou na cidade de Bos Aires entre o 24 e o 31 de xullo de 1956, e foi artellado polo Consello de Galiza.

Velaquí estes dous ben intersantes poemas conmemorativos da efeméride.

Un Longo Século

Senlleira data do xantar de Conxo
co brinde varil do xurdio bardo:
en mouras horas pra querida Terra
cumpríronse de tí, cen longos anos.

Soberboso tirán máis asesiño
que o tigre de Carral ten hoxe o mando
e milleiros de tombas de iñocentes
ao ceu claman xusticia no chan patrio.

Si ergueran a sua voz Pondal i Aguirre
serían coma entón encadeados,
que non hai no solar de Rosalía
azas de libertá pra rexos cantos.

Inda terían de espatriarse os libres
coma o reberte Añón dos himnos patrios
inda con feble aurora no hourizonte
os dereitos con sangre son negados.

Mais, as verbas proféticas resoan
nos espritos dos corpos torturados
i un puxante balbor batica os peitos
dos que teñen os pes agrilloados…

¡Xa se escoitan ruídos de cadeas
remexidas no âr por fortes brazos,
que agardan a siñal comprometida
pra crebalas de golpe en mil anacos!

Y a loita ten de ser â par dos pobos
que xemen coma nós escravizados;
contra a feroz tiranía i os asesiños
de un millón de españoles inmolados.

No Aniversario de Conxo

Irmáns asuïdados da emigración galega:
¡saúde e boandanza, no alborexar que chega!
Xa se ouven xurdios cantos, preanuncio da alborada,
voiar no escuro ceo da patria aferrollada.
¡Os corpos venerados dos mártires caídos
trocáronse en semente dos érois pormetidos!
De cada patrián morto nas pontas da inxusticia
cen bravos renaceron pra causa de Galicia.
Cô sangre, os que morreron nos muros e camiños,
o chan amoleceron dos pes dos asesiños.
¡Que outean como Némesis, ineixorabre avanza
pra vindicar as víctimas da criminal matanza!…
______

No amor a patria, irmáns da emigración galega,:
as almas preparemos pra xeira que nos chega…
Que as voces que se escoitan na patria aferrollada
coas nosas se armonicen pra os cantos da alborada.
Que as mentes se nos enchan de nobres pensamentos
i aniñen nosos peitos subrimes sentimentos.
O esforzo retempremos en fragua belicosa
i o anseo convirtamos en xeira clamorosa.
Que non haxa agravios nin medren cobardías
no acontecer grorioso dos preanunciados días.
Pra desbotar pra sempre do chan da nosa Terra
a vil traición i o crimen da maldecida guerra…
______

Irmáns da emigración con soños de esperanza:
¡fagamos realidades as verbas da xuntanza!
Que os espritos de Conxo se sintan orgulosos
dos seus patriáns herdeiros, por bôs e xenerosos.
Saúde, irmáns na patria, que a sorte sea propicia
¡¡nos corazóns o culto sagrado de Galicia!!

Xervasio Paz Lestón

(Fotografía da presentación da obra A poesía galega de Xervasio Paz Lestón. Edición e estudo. Na mesa, o profesor Xesús Alonso Montero -que dirixiu a Tese de Licenciatura-, eu propio e Juan Gervasio Paz Narbaiz. Ao fondo están dous muxiáns: o antropólogo Manuel Vilar e o daquela alcalde nacionalista de Muxía e parente do poeta, Xoán Bautista Pose Paz. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
PrsentaciónTesiñaXuño99

Comentarios desactivados en O Banquete de Conxo (2 de marzo de 1856) na poesía de Xervasio Paz Lestón

Next »