MúsicaArchive for the '' Category

Xul 12 2016

Adeus emocionado e lembranza do mestre Agustín Fernández Paz

Recibín con inmensa tristura a mala nova do pasamento esta mañá do mestre Agustín Fernández Paz, con quen nos últimos tempos dialogaba a través da rede social twitter pois partillamos moitos temas en común. E nesta lembranza de urxencia quero deixar un testemuño da súa enorme entrega e xenerosidade á causa da literatura infanto-xuvenil.

No curso 2011/2012 quixemos que estivese connosco no CPI Viaño Pequeno de Trazo, naquela altura xa estaba ferido pola doenza que o levou mais sempre amosou toda a súa vontade e como non podía deslocarse até o noso centro combinamos para lle facer unha entrevista vía Skype, pois o alumnado que daquela cursaba 1º da ESO (a maioría xa no bacharelato) viña de ler o seu libro Lúa do Senegal. Foi unha experiencia magnífica e o alumnado quedou fascinado coa súa palabra. A calidade de son non é boa, mais é perfectamente intelixible, e na páxina do proxecto interdisciplinar «A feira das Nacións», o alumnado elaborou a entrada que presentaba este video, fermoso documento do seu agarimo e da súa sempre amena e instrutiva conversa.

Adeus, mestre! Sit tibi Terra levis!

VIDEOCONFERENCIA CON AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

No Club de lectura limos un libro titulado Lúa do Senegal, que trataba dunha nena senegalesa que vén de Senegal para vivir a Vigo.

Despois, na clase de galego, dixéronnos que íamos falar co autor do libro e elaboramos unhas preguntas para lle facer.

O día de 10 de Marzo tivemos unha videoconferencia con Águstín Fernandez Paz mediante o programa Skype. Tivemos algunhas complicacións técnicas, pero ao final todo saíu ben.

Durante a conversa Agustín contounos que o seu libro iase chamar Cartas do Senegal. Aprendemos moito escoitándoo.

Púxolle unha pipa de fumar á avoa Feriane porque lle quedaba ben.

Tivo que utilizar o Google Earth para coñecer máis do país e a súa xeografía.

Non sabe Wólof pero si escoitou persoas que o cantaban e o falaban.

Quería situar a historia en Vigo porque na cidade hai moitos senegaleses e el ten moita documentación sobre eles e sobre a cidade.

Púxolle Khoedi á nena porque en senegalés significa lúa.

Este libro traduciuse ao castelán e ao catalán.

Os contos que hai polo medio da historia algúns pertencen a Senegal, e outros inventounos.

E durante a entrevista recomendounos unha película chamada “Moolaade“. Tamén nos recomendou outra película que xa viramos: “Binta e a gran idea“.

Contounos moitas máis cousas, que xa escoitaredes no video. Foi unha actividade moi interesante e gustounos moito.

¡¡ATENCIÓN!!: UTILIZADE AURICULARES PARA ESCOITAR O VIDEO POIS O SON NON É DE BOA CALIDADE

One response so far

Mai 18 2016

Artigo en QPC (IV): «A Costa da Morte: poesía e paisaxe nos textos de Manuel María (II)»

ManuelMaríaOCouto1993b
ManuelMaríaOCouto1993(2)
(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

Máis unha vez reproduzo deseguida a nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, a primeira parte dun longo artigo que desta volta intitulei «A Costa da Morte: poesía e paisaxe nos textos de Manuel María (II)» e que tamén xa se pode ler nesta ligazón.

«A Costa da Morte: poesía e paisaxe nos textos de Manuel María (II)

É de estrañar que, malia a manifesta fascinación abentiana da que falamos na anterior entrega, Manuel María non viaxou até a Costa da Morte até o verán de 1980, dezasete anos despois, como confesa no artigo «Viaxe a Fisterra», asinado co pseudónimo Manuel Hortas Vilanova e publicado no semanario A Nosa Terra, nº 126. 3/X/1980, na sección «Andando a Terra», na que colaborou toda unha década, desde o seu nacemento nos derradeiros días do setenta e sete e até o ano oitente e sete.

Foi unha longa viaxe pola costa, pois Saleta e Manuel viñan de visitar en Noia ao poeta Avilés de Taramancos na súa taberna e pasaron pola Serra de Outes, terra do poeta Francisco Añón, por Muros, Carnota, a fervenza do Ézaro (Dumbría), Cee e Corcubión, antes de chegaren ao solpor fisterrán. A descrición que fai destas terras é breve, mais sorprendente. Velaquí os tres derradeiros parágrafos do artigo:

«Non imos falar do viaxe de Noia a Fisterra. Unicamente decir que en Outes pódese ollar un busto que a Real Academia Gallega lle adicou ó poeta Añón, coa adicatoria en español. Que contempramos ó noso xeito o hórreo de Carnota que, como todo o mundo sabe, é o meirande de Galicia. Que intentamos ollar a desembocadura do Xallas, o río cantado por Pondal. Sabíamos que desembocaba facendo unha breixa ou fervenza, que en castelán lle chaman «catarata». Non poidemos ver nada. O único que se pode ollar é a canle do río, cun fío de auga, que non move nin a un muíño de talas, dos que facíamos cando eramos nenos pra poñer nos regos. En Cee as chimeneas da fábrica de carburos, meten medo.

Fisterra estaba chea de catalás. Lembrámonos da vella ermida de San Guillermo e dos ritos que alí se facín pra fecundar as mulleres que non tiñan familia. E tamén da Ara Solis, das lexiós romanas e de Borrow, que tan curiosas páxinas deixou sobre o lugar. Cousas estas que se poden lér en calqueira guía que se precie. Chamounos moito a atención ver a tódalas mulleres maduras e as vellas vestir de mouro. E as rapazas vestir de branco.

Voltamos a Santiago de Compostela pola estrada de Brens a Santa Comba. Todas estas terras, que non nos cansamos de contemprar, son como a poesía de Pondal. Ou a poesía de Pondal é como estas terras. Non o saberíamos con xusteza e si nos perguntan meteríamos nun apuro grande. Pra un chairego de nación, como este servidor que o é, estas paisaxes, grandiosas, sobrias e pedregosas, teñen un engado especial que ún non sabe esplicar ben».

Porén, a viaxe debeu deixar un pouso ben profundo e dous anos despois Manuel María publica o volume Versos do lume e do vaga-lume (Ourense: Galiza Editora, 1982), con dous poemas inspirados en lugares da Costa da Morte, «Dólmen de Dombate» (páxina 17) e «Fisterra» (páxina 20), alén das referencias ao Cristo de Fisterra e á muxiá Virxe da Barca que aparecen nos versos do poema «O Xistral» (páxina 14).

«Fisterra» recolle sen dúbida o solpor que puido ollar na viaxe referida nun fermoso poema que poetiza a fraxilidade da existencia, un sentimento ben comprensible na contemplación silenciosa da inmensidade oceánica. Cómpre lembrar que até entón Manuel María só visitara o mar como temática nas súas obras Mar maior (1963) e Versos florecidos en louvanza de Foz (1967), localidade á que acudía con asiduidade malia que como sinala nos seus artigos e como lembran moitas das súas amizades adoitaba estar afastado, na beira, e mesmo hai quen o lembra con traxe de verán nos areais focegos. E de resto, a presenza do mar é anecdótica na súa obra, aínda que teña un excelente poema sobre a dorna e algún outro sobre o oficio dos mariñeiros.

Así e todo, a Costa da Morte e os seus principais poetas tampouco podían estar ausentes no texto da súa conferencia A presencia do mar na poesía galega, separata da Revista Internacional de los Estudios Vascos, ano 39, tomo XXXVI, nº 2 (1991). Donostia: Editorial Eusko Ikaskuntza, S.A., xullo-decembro, 1991, pp. 313-338.

Rosalía de Castro e os seus coñecidos versos sobre a romaría da Barca de Muxía, unha ampla escolla de versos pondalianos e, novamente, as referencias a Centileos nas ondas de Gonzalo López Abente integran o corpus que Manuel María utiliza na súa asisada e documentada disertación.

O 16 maio de 1993 prodúcese outro dos acontecementos que máis achegou a Manuel María ao territorio da Costa da Morte ao ser escollido como o primeiro poeta en ser homenaxeado pola activa asociación cultural e veciñal O Couto, desta parroquia da Ponteceso. Nesa data descobre a primeira das placas, realizada polo escultor Anxo Cousillas, con nome de escritor que desde aquela e de xeito anual foron colocadas na Casa dos Veciños. Alén do seu discurso e da súa recitación, estivo acompañado por Xosé Agrelo Hermo que dirixiu unha peza teatral da súa autoría e polo cantautor Suso Vaamonde que interpretou varios poemas do disco que en 1978 realizou sobre os Soños na gaiola (1968), aínda que no acto os exemplares do libro pertencían á 8ª edición (Xerais, 1992) pois antes houbo outras noutros selos editoriais.

(continuará)

Comentarios desactivados en Artigo en QPC (IV): «A Costa da Morte: poesía e paisaxe nos textos de Manuel María (II)»

Abr 25 2016

«Escrita automática» / «Automated Writing», poema en versión inglesa de Diana Pastoriza

EscritaAutomática
(Premer na imaxe para unha mellor lectura)

Palabras da man ao corazón é a ben interesante e suxestiva bitácora de Diana Pastoriza, English Teacher an at EOI, na que sen desmerecer outras sobrancean para min as seccións denominadas «Letters in Books», «Letters in Films», «Letters in Music», «Letters in Painting» e «Letters in Poems» (outras veces o termo Writing substitúe a Letters nos encabezamentos), que é a miña preferida, por razóns obvias, aínda que en calquera delas asoman sempre excelentes descubertas artísticas, fílmicas, literarias ou musicais.

Veño seguindo a miúdo e recomendo vivamente Palabras da man ao corazón, mais desta volta teño que lle agradecer inmensamente á autora das anotacións o seu agasallo da versión inglesa do meu poema «Escrita automática» / «Automated Writing», que fai parte do libro As crebas (Espiral maior, 2011).

É o primeiro poema deste libro en ser traducido, pois xa contei nesta anotación que a primeira vez que se traduciron poemas meus a varias linguas europeas foi cando recibín o Premio Tívoli-Europa en 1997, entregado en 1998, por Abecedario da desolación (Espiral maior, 1997). Tres dos textos deste poemario recolléronse despois na lingua orixinal e acompañados de versións en italiano, portugués, castelán, francés, inglés, alemán, serbo-croata, albanés e ruso no volume Il cammino di Santiago (1998), ao coidado do finado e chorado Filippo Bettini e de Armando Gnisci.

«Escrita automática» / «Automated Writing», poema en versión inglesa de Diana Pastoriza inclúese na sección «Writing in Poems» da súa bitácora Palabras da man ao corazón, cunha breve anotación introdutoria. Deseguida reproduzo a mesma e o poema, ao tempo que lle reitero a Diana o meu agradecemento polo seu labor de divulgación. Obrigado, moitas grazas!

Writing in Poems: Escritura automática

Another poem today by Miro Villar, also from his latest book, As Crebas, dealing with writing and technology. It uses José Saramago’s poem as a basis, which is nostalgic of paper books and praises them for their ability to function as containers of our sadness. In fact, both poems make me reminisce of Psalms 56:8, where the writer asks God: “save my tears in your bottle”. In the same way, the pages of a book can save our tears – which cannot be said of  a technological device, since not only is it unable to save tears, but they can make it stop functioning altogether.

However, Miro’s poem claims Saramago was inaccurate, because despite having all these new devices and technology, the problems we face and the feelings we experience throughout our lives continue to be the same.

Here you have the original poem and my attempt at a decent translation.

Escrita automática

É ainda possível chorar sobre as páginas
de um livro, mas nao se pode derramar
lágrimas sobre um disco rígido

José Saramago, (s.d.)

Derramabas bagullas a escorrer polos dedos e inundar o teclado, maldita pianola de músicas perversas que acompaña o ruído do diálogo aberto para o esquecemento.

Mentía Saramago pois non só se retorcen as páxinas con manchas de sangrada humidade, velaí as unllas longas azuladas no sal, paxaros picapeixes nas augas atoldadas.

Automática escrita, cibernético envío, mecánica resposta, a dor faise moderna, procura novos traxes, mais cando abres xanelas é a mesma dor, a mesma dos xoguetes da infancia que rompen en anacos, das fraternais pelexas, da dura adolescencia, da morte dos avós.

Automated Writing

You shed tears which slide down your fingers and flood the keyboard, damn player piano of perverse music which accompanies the noise of an open dialogue ready to be forgotten.

Saramago lied, since not only do the pages twist with stains of bleeding wetness, but also the long bluish nails sink in the salt like kingfishers in the clouded waters.

Automated writing, cybernetic delivery, mechanic reply, pain becoming modern, looking for new costumes; but when you open windows, it’s the same old pain, the same pain of childhood toys broken into pieces, of sibling fights, of hard adolescence, of the death of grandparents.

Comentarios desactivados en «Escrita automática» / «Automated Writing», poema en versión inglesa de Diana Pastoriza

Feb 12 2016

Breve anotación sobre a presenza de Franz Schubert na literatura galega

Published by under Música,Narrativa,Poesía


(Sinfonía Nº 5 D. 485, de Franz Schubert, interpretada pola Orquestra de Cámara de Moscú. Director: Rudolf Barshai, finado en 2010)

Esta mañá puiden acompañar a Ignacio Portela, profesor de Música, e ao alumnado de 2º, 3º e 4º da ESO do CPI Viaño Pequeno, a un concerto didáctico no Auditorio de Galicia, unha grata experiencia que adoito o noso alumnado non chega a valorar na súa xusta medida, a importancia de asistiren a eventos coma este, e o mesmo poderíase dicir se falamos dunha representación teatral ou da visita a unha exposición nun museo artístico, científico ou o que for, e mesmo dun roteiro a realizar no medio natural ou no noso patrimonio cultural.

Sempre lembro que na miña etapa de alumno da antiga EXB ou do antigo BUP en Cee raras eran as veces que faciamos unha saída e o saber musical, dispensado por profesorado que adoitaba ser de Historia e sen coñecementos da materia, ficaba en moita Historia da Música (debín aprender o nome de todos os compositores) e nalgunha audición, sen estímulo ningún.

E hoxe foi un deleite poder escoitar unha orquestración formada por profesorado da Real Filharmonía de Galicia e alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela, baixo a batuta do director galego Diego García Rodríguez, quen nos ofreceron un concerto didáctico coa interpretación da Sinfonía nº 5 de Franz Schubert, unha peza que neste 2016 cumpre douscentos anos de historia. Escoitamos a totalidade da sinfonía, mais ao principio e no intervalo entre cada unha das partes o director ofreceunos breves explicacións didácticas.

Coa música de Franz Schubert aínda na cabeza lembrei que o austríaco debe ser un dos compositores que máis inspirou a nosa literatura. Lonxe de facer un estudo exhaustivo, para o que este non é o lugar e tampouco teño moito vagar, veume á memoria o moito que era aprezado pola poeta Luísa Villalta, tristemente finada en 2004 con tan só 47 anos, e polo seu compañeiro o compositor e tamén escritor Paulino Pereiro. Este último ten unha narración, que foi finalista do Premio «Manuel Lueiro Rey» de Novela Curta, intitulada Sinfonía cíclica (Sotelo Blanco, 2004, col. Medusa / Narrativa), cuxa temática está centrada no mundo da música e dos músicos. Desta recensión sen asinar tirada do Informe de Literatura 2004, dispoñible na web do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (http://www.cirp.es) en recursos en liña, reproduzo este fragmento argumental:

«O punto de partida sitúase na chegada de Lucrecia Ferreira, violinista de trinta e un anos, a unha pequena cidade de provincias para ocupar a praza de concertino da Orquestra Sinfónica. A partir deste inicio, a historia avanza e retrocede para reconstruír o pasado de Lucrecia e, á par, ir presentando a situación actual da protagonista. Deste modo, cóntase a súa infancia lisboeta, os estudos de violín, o amor por Federico, a estadía durante sete anos como primeiro violín na Orquestra de Cámara Franz Schubert de Nova York, os dous anos en Praga dedicados a facer música de cámara con Tatiana Wilz, pianista de éxito, e o amor por Franz Groll, o poeta. Lucrecia sente que o pasado é un lastre do que debe desprenderse; mais non lle é fácil ilusionarse con proxectos de futuro e adaptarse á súa nova vida nin aos seus novos compañeiros de orquestra».

E entre as e os poetas a presenza de Franz Schubert é moito maior, tanto entre os que recoñecen a súa inspiración explícita nas súas Autopoéticas, como Vicente Araguas (aquí) como tamén implícita nos propios versos. Entre eles salientarei dous exemplos sobranceiros:

Manuel Álvarez Torneiro, no seu multipremiado libro Os ángulos da brasa (Kalandraka, 2015) dialoga moito coa música e na elexía que escribe para a finada Luísa Villalta aparece de esguello a música de Schubert.

Porén, teño para min, que o poema máis «schubertiano» da nosa literatura é un soneto de Xavier Seoane, dedicado á poeta Olga Patiño, que se inclúe na oitava parte «Dunha secreta heráldica (Homenaxes)» do libro Vagar de amor e sombra (Deputación de Pontevedra, colección Tambo, 2004) e que reproduzo deseguida:

SCHUBERT

A Olga Patiño

Como unha toupa fiel, melancolía,
visitabas o claro camarada
da ensoñación máis pura e desolada,
da tenrura máis lene e fuxidía.

Nada, no seu xardín, avivecía
como a rosa infinita e namorada
dunha vida ao inmenso ceo alzada
no máis nocturno resplandor do día.

Compañeiro do mosto gris da lúa,
acollía o seu corpo estremecido
a unha paixón inconsolable, núa.

E era o tremor dun astro embebecido
procurando ese ardor que se extenúa
na imposible canción do eterno olvido.

Xavier Seoane

Comentarios desactivados en Breve anotación sobre a presenza de Franz Schubert na literatura galega

Out 09 2015

Na presentación de Moraime, pequena vila con mar, de X. H. Rivadulla Corcón

Corcón2015
Created with Nokia Smart Cam
(Na primeira imaxe sinatura autógrafa e na segunda o autor asina o meu exemplar de pé, ás portas da taberna. Foto realizada con dispositivo móbil e pouca luz. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

Onte á tardiña, na taberna da casa de xantar compostelá María Castaña, acompañamos ao poeta e narrador de estirpe muxiá X. H. Rivadulla Corcón na presentación do seu novo volume de relatos, intitulado Moraime, pequena vila con mar (Positivas, 2015).

Arredor duns viños de uva mencía e duns tapiñas de callos, que nun principio ían ser só para as persoas que lesen algún dos relatos, transcorreu a agradable e diivertida velada que autor e editor argallaron para presentaren o libro. De primeiras saudou á concorrencia o sempre lacónico e agudo Paco Macías e deseguida o propio X. H. Rivadulla Corcón deu lectura a «Moraime», o relato que abre este volume dun cento de contos e logo explicou a súa xénese, o feito de naceren como colaboracións diarias no programa radiofónico «Un día por diante» da Radio Galega. A voz de Corcón leu sempre os relatos nun microespazo que foi emitido entre os anos 2008 e 2009.

A vida dos habitantes dunha ficcional vila mariñeira chamada Moraime é a cerna duns relatos con grande dose de humorismo e de fina retranca que teñen a particularidade de conformaren unha serie, malia poderen ser lidos de xeito illado, e de estaren protagonizados por máis de medio centos de amigas e amigos do propio escritor, nas que hai artistas (Correa Corredoira, Paco Pestana…), moita xente do mundo do teatro e do audiovisual galego (Anabel Gago, Elina Luaces, Manuel Manquiña, Josito Porto…), da música (o tamén literato Xurxo Souto, Pazos de Merexo, Tino Baz…), da nosa literatura (Novoneyra, García-Bodaño, Xavier R. Baixeras, Teresa Moure, Xavier Seoane, María do Cebreiro…), con moita presenza de autoras e autores da Costa da Morte (Modesto Fraga, María Lado, Alexandre Nerium, Paco Souto convertido en taberneiro) mais tamén a crítica literaria Chus Nogueira, o libreiro Antón Pedreira ou o editor Manuel Bragado, que fai as veces dun doutor que sanda aos habitantes da vila, entre moitas outras sorprendentes caracterizacións.

De feito, na presentación algunhas destas persoas que tamén estaban entre o público fixeron unha lectura dalgún dos contos nos que aparecían, como a actriz Mónica Caamaño, os actores Pepe Soto e Pepe Penabade, o libreiro Pedreira ou a traballadora editorial Chelo Carreira, no que promete ser unha norma a seguir en vindeiras presentacións do volume.

O tempo botóusenos enriba e houbo que deixar a taberna na que aínda ecoaban os personaxes fabulados por X. H. Rivadulla Corcón, que agardan a nosa visita coma lectoras e lectores cheos de curiosidade.

Comentarios desactivados en Na presentación de Moraime, pequena vila con mar, de X. H. Rivadulla Corcón

Xul 10 2015

A Costa da Morte na obra Semente galega en América de Xosé Neira Vilas

Semente01
Semente02
(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

Unha versión deste texto publicouse na edición dixital e tamén en papel no xornal La Voz de Galicia, edición de Carballo, o 11 de xullo de 2015, con este título: A Costa da Morte na obra «Semente galega en América» de Xosé Neira Vilas. (Premer na cabeceira para acceder á versión dixital)

Onte á tardiña estivemos no lanzamento da última obra de Xosé Neira Vilas, intitulada Semente galega en América (Santiago de Compostela: Bolanda Ediciones, 2015), que tivo lugar no Hotel Monumento San Francisco, e cuxa presentación literaria realizaron o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, alén do director de Edicións Bolanda, Antonio Couto, quen coincidiron á hora de salientar a pulsión memorialística que percorre o volume. Unha completa crónica do acto pódese ler no dixital Noticiero Galego e pódese escoitar ao autor nesta reportaxe da CRTVG.

Moito nos alegrou que Xosé Neira Vilas estivo coma sempre, animado e falangueiro, malia a evidente deteriorización física dunha doenza que o tivo varias semanas ingresado nun hospital compostelán. E incluso fixo chanzas sinalando as moitas obras que aínda lle quedan por escribir. Nesta recollen as semblanzas dun cento de persoas de estirpe galega que deixaron a súa pegada, a súa semente (como di no título) en terras de América, nomeadamente en Arxentina, en Cuba e no Golfo de México, mais tamén no Brasil, Chile, Estados Unidos, Guatemala, Nicaragua, Perú, Perú, Porto Rico, Uruguai ou Venezuela. Unha galería de cen personaxes, algúns colectivos, aínda que se nomean moitos máis, entre os que hai artistas (pintores, músicos, fotógrafos…), científicos (naturalistas, cartógrafos….), escritores (dramaturgos, narradores, poetas, xornalistas…) mestres, precursores e inventores, sindicalistas…, que teñen en común a súa orixe galega, case sempre rural. Non chegan a unha ducia as semblanzas de mulleres, o que testemuña as súas dificultades na promoción social, tamén en terras americanas, e o feito de constituíren unha porcentaxe migratoria moito menor.

A Costa da Morte, malia ser territorio de forte emigración, só está representada por tres persoeiros ou catro de engadirmos un bergantiñán, aínda que noutras semblanzas son citados outros como o avogado corcubionés Xosé Porrúa Valdivieso, que fundou co compostelán Domingo Campío Devesa Naveiro o semanario El avisador galaico, que tivo nove meses de vida en Cuba.

«A andaina de Cristóbal Colón e As tartarugas do Orinoco» narra a historia do Xosé María Mosqueira Manso (Corme 1886 – Caracas, 1968), un exiliado da Guerra Civil, oceanólogo e ictiólogo, que escribiu senllos libros sobre os temas que se enuncian no epígrafe da semblanza.

«Aquel célebre gaucho da escena arxentina era galego» presenta a Enrique Muíño (A Laracha, 1881 – Buenos Aires, 1956) como gran e recoñecido actor de cine e de teatro na cidade porteña.

«O fisterrán que fabricou en Guatemala o xogo que inventara» sintetiza a biografía de Alexandre Campos Ramírez, Alejandro Finisterre, que ncaeu na estación Marconi de Fisterra, onde seu pai era telegrafista. Alén de salientar a súa proxección como inventor do futbolín, tamén se retrata o seu compromiso republicano e o seu inesgotable labor intelectual como escritor e como editor en México, así como o feito de presidir a Fundación León Felipe e de ser albacea dos bens do poeta.

E, finalmente, a derradeira semblanza do volume, «Un médico de Muxía, poeta nacional do Paraguai» que se centra na biobibliografía de Victorino Abente Lago (Muxía, 1846 – Asunción, 1935), na súa breve obra poética en galego e na súa monumental obra en castelán que lle outorgou un lugar de honra na historia da literatura paraguaia.

(Pódese ler premendo na imaxe superior)

One response so far

Abr 07 2015

«Feijóo», un vídeo musical sobre a política lingüística na voz do grupo «Poetarras»

Published by under Lingua,Música,Poesía

Divertida, simpática e moi interesante resulta a análise da política lingüística (ou lingüicida, mellor dicir, que se pode escoitar na canción «Feijóo», unha adaptación de «Roar» (Katy Perry) na voz do grupo «Poetarras», que compoñen Manuel Gago, Rubén Lino e Daniel Vilaverde.

Pódese escoitar o tema na canle youtube grazas ao vídeo realizado por Pablo Lamosa. E para min o máis interesante é a letra, moi ácida, que reproduzo deseguida:

«Feijóo»

O creador do termo “Tis che tein”
non puxo nunca un pronome ben
el fala mal igual galego e castelán
con Gloria Lago fíxose maior
usou o idioma para as eleccións
arma política sociolingüística

Decreto vai, decreto vén
dialectos para el almacén
en español ou en inglés
pero en galego non hai ren
enquisa vai, enquisa vén
galego quero aprender
pois iso xa na casa de cadaquén

El vai con Marcial Dorado nun barco; amigo dun narco
o neno da aldea
con déficit de formación
Vaite
que as túas amizades non son d’Os Peares
están en Madrid, Feijóo

Oh, oh,oh,oh, oh, oh, oh, oh, oh
Oh, oh,oh,oh, oh, oh, oh, oh, oh
Oh, oh,oh,oh, oh, oh, oh, oh, oh
están en Madrid, Feijóo

Alberte converteuse en narigón
contando trolas na televisión
como que lía a Rosalía

Decreto vai, decreto vén
dialectos para el almacén
en español ou en inglés
pero en galego non hai ren
Enquisa vai, enquisa vén
galego quero aprender
pois iso xa, na casa de cadaquén

El vai con Marcial Dorado nun barco; amigo dun narco
o neno da aldea
con déficit de formación
Vaite
que as túas amizades non son d’Os Peares
están en Madrid, Feijóo

Oh, oh,oh,oh, oh, oh, oh, oh, oh
Oh, oh,oh,oh, oh, oh, oh, oh, oh
Oh, oh,oh,oh, oh, oh, oh, oh, oh
están en Madrid Feijóo
Oh, oh,oh,oh, oh, oh, oh, oh, oh
Oh, oh,oh,oh, oh, oh, oh, oh, oh
Oh, oh,oh,oh, oh, oh, oh, oh, oh
están en Madrid Feijóo

Neve
Neve
Neve
Neve
Neveeeee

El vai con Marcial Dorado nun barco; amigo dun narco
o neno da aldea
con déficit de formación
Vaite
que as túas amizades non son d’Os Peares
están en Madrid, Feijóo

Oh, oh,oh,oh, oh, oh, oh, oh, oh
Oh, oh,oh,oh, oh, oh, oh, oh, oh
Oh, oh,oh,oh, oh, oh, oh, oh, oh
están en Madrid Feijóo
Oh, oh,oh,oh, oh, oh, oh, oh, oh
Oh, oh,oh,oh, oh, oh, oh, oh, oh
Oh, oh,oh,oh, oh, oh, oh, oh, oh
están en Madrid Feijóo…

Comentarios desactivados en «Feijóo», un vídeo musical sobre a política lingüística na voz do grupo «Poetarras»

Feb 26 2015

Na presentación do poemario Os días condenados. Fragmentos para un devocionario, de Laureano Xoaquín Araujo Cardalda

Laureano25-02-15
(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

A fotografía de © Xoán A. Soler testemuña a nosa presenza entre o público, no que tamén se pode ollar ao escritor e profesor Manuel Portas e ao filósofo e ensaísta Antón Baamonde, para acompañarmos na noitiña de onte ao poeta e tradutor Laureano Xoaquín Araujo Cardalda, na presentación do seu libro Os días condenados. Fragmentos para un devocionario, publicado por Edicións Xerais de Galicia e que no seu día resultara gañador do IIº Premio de Poesía Gonzalo López Abente, que convocan cada ano a propia Fundación Gonzalo López Abente e a Secretaria Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.

A crónica da xornalista Patricia Calveiro, que reproduzo e que se pode ler nesta ligazón, resume moi ben boa parte das intervencións que se produciron antes de que o poeta nos agasallase coa lectura dos seus versos. Velaí:

Recoñecen a Araújo Cardalda, premio López Abente, como a «nova voz» da poesía galega

«Os días condenados. Fragmentos para un devocionario» é un poemario construído a base de citas que abren a porta ás distintas partes do libro

Patricia Calveiro Santiago / la voz, 26 de febreiro de 2015

Os días condenados. Fragmentos para un devocionario serviron ao premio Gonzalo López Abente -nesta segunda edición- para descubrir «o nacemento dunha nova voz» para a poesía galega. Así o subliñou na presentación da obra en Santiago Henrique Rivadulla Corcón, membro do xurado e representante da fundación que convoca o certame coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura. Rivadulla incidiu ademais en que a de Laureano Xoaquín Araújo Cardalda, profesor de alemán e tradutor, e autor do poemario, é unha voz «moi diferente» e vén a confirmar que «a Galicia poética segue existindo» e continúa a viaxe que no século pasado emprendeu o escritor muxián que da nome ao premio.

Nesa nova voz reparou tamén o subdirector de Edicións Xerais, Francisco Alonso, quen sinalou que Araújo Cardalda ten «unha voz fresca e extremadamente espontánea». Sobre Os días condenados, un poemario construído a base de citas que abren a porta ás distintas partes do libro, subliñou a súa «vocación narrativa» en canto que conta «unha historia de amor e desamor» xunto con outros temas coma o sexo, o abandono, a identidade ou a memoria. «É unha reivindicación da palabra», afirmou Alonso, quen tamén recoñeceu a labor da Fundación Gonzalo López Abente á hora de impulsar un xénero «maltreito» como o da poesía cun premio que serve para a súa recuperación e visibilidade.

A poeta e filóloga María Arce asegurou que se trata este do «debut poético máis serodio da historia» e reparou no carácter polifónico e o humor solapado da obra escrita polo seu colega.

Araújo Cardalda foi premeditadamente conciso, argumentando que «o libro debe falar por si mesmo», mais descubriu que un cadro, unha personaxe histórica e unha novela serven para inspirar os seus versos. Algúns, escritos hai tempo.

Comentarios desactivados en Na presentación do poemario Os días condenados. Fragmentos para un devocionario, de Laureano Xoaquín Araujo Cardalda

Feb 23 2015

Presentación do libro Os días condenados. Fragmentos para un devocionario, de Laureano Xoaquín Araujo Cardalda, gañador do IIº Premio de Poesía Gonzalo López Abente (mércores, 25 de febreiro, ás 20,00 h. Na Libraría Couceiro)

Osdíascondenados LaureanoXAraujoCardalda

A Fundación Gonzalo López Abente, a Libraría Couceiro e Edicións Xerais de Galicia organizan este mércores, 25 de febreiro, ás 20,00 horas na devandita libraría a presentación do libro Os días condenados. Fragmentos para un devocionario, da autoría de Laureano Xoaquín Araujo Cardalda, que no seu día resultara gañador do IIº Premio de Poesía Gonzalo López Abente, que convocan cada ano a propia Fundación Gonzalo López Abente e a Secretaria Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.

No decurso do acto participarán María Arce (poeta e filóloga), Clara Pino (cantante e arpista), o escritor X. H. Rivadulla Corcón (en representación da Fundación Gonzalo López Abente) e o editor Manuel Bragado (en representación das Edicións Xerais), así como o autor Laureano Xoaquín Araujo Cardalda.

Os días condenados. Fragmentos para un devocionario é o primeiro libro de poemas de Laureano Xoaquín Araujo Cardalda (Berna, Suíza, 1964) quen é profesor de Alemán no ensino secundario en Santiago de Compostela e goza dun recoñecido prestixio como tradutor de grande obras da literatura xermánica contemporánea, como Opinións dun pallaso de Heinrich Böll (Tambre, 1994); A lenda do santo bebedor, de Joseph Roth (Sotelo Blanco, 1995) e A morte en Venecia de Thomas Mann (Tambre, 1995).

Alén de acudir á presentación, para un mellor coñecemento da obra e do autor recomendo dúas entrevistas que lle fixeron: a primeira, realizada pola poeta e xornalista Xiana Arias emitiuse no Diario Cultural da Radio Galega hai un mes e a segunda fíxolla o xornalista Ángel Palmou para o xornal La Voz de Galicia, edición de Carballo no mes de xullo pasado. E na canle youtube podemos ollar un booktrailer. (Premer nas ligazóns e nesta imaxe do cartón de convite para agrandar o tamaño)

Osdíascondenados1

Comentarios desactivados en Presentación do libro Os días condenados. Fragmentos para un devocionario, de Laureano Xoaquín Araujo Cardalda, gañador do IIº Premio de Poesía Gonzalo López Abente (mércores, 25 de febreiro, ás 20,00 h. Na Libraría Couceiro)

Feb 13 2015

ELO, a voz poética de Rosalía Fernández Rial e a música de Serxio Moreira

Published by under Lingua,Música,Poesía

RosalíaFernándezRial

Cadrei coa poeta Rosalía Fernández Rial pouco antes do inicio da manifestación convocada pola plataforma cidadá Queremos Galego o pasado domingo, 8 de febreiro, e aínda botamos unhas chanzas sobre a poesía nos palcos. Algo sabía deste novo proxecto lirerario-musical, mais non que a cousa xa estaba tan avanzada e hoxe, grazas a un chío no twitter das Edicións Positivas, souben que xa é realidade. E unha fermosa realidade, a xulgar polo avance que xa circula pola rede.

ELO é unha gravación na que dialogan, en marabillosa sintonía, a voz poética de Rosalía Fernández Rial e a música de Serxio Moreira. Os poemas dela proveñen dos seus dous últimos libros Vinte en Escena (Positivas, 2012) e Ningún amante sabe conducir (Positivas, 2014) e o video que recolle o proceso de creación foi gravado e realizado en Drum&Roll Estudios por Lara Capeáns.

Moitos parabéns e moita sorte nesta andaina á nosa amiga Poeta Rosalía e ao seu músico. Habemos facernos de contado con esta suxestiva proposta e unímonos ao chamado que facía o arriscado editor Paco Macías e que reproduzo deseguida:

Hoxe sae á luz o primeiro disco de elo, cos traballos: Vinte en escena e Ningún amante sabe conducir

Deixemos paso a esta xente nova, axudémolos.

ELO é a unión poético-musical entre a escritora Rosalía Fernández Rial (Carballo-Muxía, 1988) e o pianista Serxio Moreira (Bilbao, 1977). Ambos veñen traballando xuntos en diversas montaxes nas que levan á escena a poesía de Rosalía musicada por Serxio. Neste 2015 acabaron de gravar os seus dous últimos traballos: Vinte en escena e Ningún amante sabe conducir, dous títulos que coinciden cos dos últimos libros da autora publicados por Edicións Positivas. Nesta dimensión sonora a autora-actriz aposta por unha lectura interpretada dos seus versos, mentres que a música se move en terreos da electrónica e o experimental. Todos os temas se poden escoitar na bandcamp do grupo:

http://proxectoelo.bandcamp.com/

E foron compartidos na súa páxina de facebook cada dous días ata onte:

https://www.facebook.com/proxectoELO

Aquí deixamos tamén un vídeo do proceso de gravación do disco de ELO:

2 responses so far

Next »