Lendas e mitosArchive for the '' Category

Nov 30 2016

«Roteiro Eduardo Pondal e os poetas de Bergantiños»

Velaquí o pequeno vídeo elaborado polo amigo X. Carlos Rodríguez Pérez, coordinador de Lingua Galega e Literatura no CAFI (Centro Autonómico de Formación e Innovación), para presentar o «Roteiro Eduardo Pondal e os poetas de Bergantiños» dirixido ao profesorado e que se vai celebrar o vindeiro sábado, 3 de decembro, guiado polo antropólogo Manuel Vilar e eu propio.

Acompañaremos o percorrido con poemas de Enrique Labarta Pose, Teodoro Morgade Varela, Antón Zapata García, Manuel Caamaño Devesa, Eduardo Pondal, Miguel Anxo Mato Fondo, Diana Varela Puñal, Paco Souto, Paco de Tano, Xosé Manuel Varela, Diego Cousillas Novo e Rosalía Fernández Rial.

Principiaremos en Baio, aínda en terras de Soneira, onde se visitarán as Torres do Allo, para axiña xa en terras bergantiñás achegármonos ao Castro de Borneiro e ao Dolmen de Dombate en Cabana de Bergantiños, onde teremos visitas guiadas por Ángel Eiroa. A seguir virá Laxe, a súa igrexa de gótico mariñeiro, a capela de Santa Rosa, o faro ou a prais dos cristais. E despois de xantar principiamos xa na Ponteceso, pararemos diante da casa de Pondal e do seu monolito, achegarémonos á igrexa de Anllóns e á Fundación Pondal e ascenderemos até o cumio do Monte Branco. En Corme ollaremos a Pedra da Serpe e xa en Malpica de Bargantiños as Torres de Mens, a capela do santo Hadrián e as Illas Sisargas no solpor.

Comentarios desactivados en «Roteiro Eduardo Pondal e os poetas de Bergantiños»

Set 20 2016

«O Castro de Coucieiro, máis que unha fermosa paisaxe», por Manuel Vilar

as-caldeiras-do-castro-1960-muxia
(As Caldeiras nunha foto de finais da década de 1960. Vese un muíño e os restos dun batán aínda enteiros)

Despois dun longo silencio, apráceme reproducir máis unha vez nesta bitácora outro artigo do noso amigo antropólogo Manuel Vilar Álvarez, que continúa a súa serie de colaboracións no diario dixital quepasanacosta baixo o epígrafe «As aberturas».

Desta volta co encabezamento «O Castro de Coucieiro, máis que unha fermosa paisaxe» e baseándose na actual deteriorización e desfeita da paraxe denominada As caldeiras do río Castro. Deseguida reproducimos este novo texto, do que se pode ler o orixinal nesta ligazón, onde vai acompañado de varias fotografías alén da que reproducimos nesta anotación.

«O Castro de Coucieiro, máis que unha fermosa paisaxe», por Manuel Vilar

O pasado 13 de setembro vin neste dixital a fotodesfeita sobre o abandono das Caldeiras do Castro. O lugar do Castro é algo máis que unha bonita paraxe, é unha paisaxe cunha cargada semántica importante, desde o punto de vista da historia como da lendaria, e á que nunca se lle fixo caso desde que as administracións descubriron este lugar. Quixera nestas Aberturas achegarvos a esa riqueza semántica que non se mostra ao visitante. O coñecemento é un dereito de toda sociedade democrática que enriquece á cidadanía e se non coñecemos a carga semántica do territorio non o chegaremos a apreciar e a entender, non será territorio.

A capela

Hai anos (1999) reparouse a capela e inaugurouse con toda pompa. Aproveitei entón ese feito para denunciar as actuacións das administracións, que serven para a foto, pero non para ter máis coñecemento do territorio no que habitamos. Remataba aquel artigo cuns versos de Caballero Bonald que din que “hasta la geografía puede ser despiadada con quien ha desistido de creer en la historia”. Temos que coñecer a historia, non a dos grandes feitos, para que a xeografía non nos engule.

A capela é da segunda metade do século XVII (1660) e foi fundada por un veciño, chamado Xoán de Cantorna, para que un seu neto presbítero non tivese que desprazarse até a parroquia de San Pedro de Coucieiro para dicir misa todos os días. A distancia entre un lugar e o outro anda polos dous quilómetros. A capela ten un retablo en pedra que Eva López Añón sitúa no segundo terzo do século XVIII e eu, sen ser especialista en arte, pregunto por que non é de finais do XVII, de cando se fixo a capela. Tanto no altar, como no fornelo sobre a porta de entrada, non hai imaxe algunha.

A capela, situada nun campiño, agora convertido nunha “área recreativa”, estaba abandonada e en ruínas, pois desde que o neto do Xoán de Cantorna deixou de dicir misa parece que non volveu ter culto. Sen embargo as autoridades locais pensaron que era unha necesidade básica que “os veciños volveran ter misa” e reparárona. No lateral norte un veciño construíra unha especie de garaxe. Á cabeceira faltábanlle polo exterior os perpiaños. Contáronme que os levara alguén para facer un cabazo, como aquí lle chamamos aos hórreos. Seica pensaba levalas todas, pero c o millo podreceulle e pensou que era unha maldición por desfacer a capela, polo que non volveu quitar máis pedras.

Contounos un veciño que “dicían que había dous tesouros: un debaixo do altar e outro debaixo da pía de agua bendita e viñeron uns de Camariñas e cavaron debaixo do altar e da pía, pero non atoparon nada”.

Na miña opinión o que se tiña que ter feito era unha consolidación das ruínas. De nada vale reparar un inmoble e telo pechado quince anos, oculto. Podería buscarse unha forma de facelo máis visible: abrir a porta de cando en vez, facilitar a visión do retablo, dar información.

Sobre esta capeliña, cando era aínda unha ruína, escribiu Manuel Rivas en Costa da Morte Blues. Manuel Rivas di como chegou até aquí vindo pola estrada C-552 e collendo cara a “Transurfe”, é dicir, Trasufre, pero el anotou o nome como está no indicador da estrada á altura de Bustelo. Máis de vinte anos un topónimo deturpado e aínda non se corrixiu o sinal!

Di Rivas: “encontramos unha capeliña abandonada, fermosa peza neste antigo reino da melancolía. Ninguén puido levar o retablo porque é de pedra, a cuberta da ábsida está feita con laxes sobre o que prendeu un loureiro que medra vizoso. O resto da capela está a ceo aberto, as hedras coroan en arco a fachada”. E, máis adiante, di que “alguén fixo con uralita un chamizo adosado para un tractor que parece parado desde hai anos…”.

O santo Eutel

A capela estaba baixo a advocación de Santo Eutel e, como dixemos, nela non hai, ou non había, imaxe algunha. Hai unha imaxe de Santo Eutel nunha casa particular do lugar de Vilarmide. Parece que a herdaron dun clérigo, Francisco Gesto, que andaba con ela pedindo polas casas coa desculpa de que tiña unha reliquia do santo. Ao párroco non lle gustou isto e o asunto chegou a Roma, desautorizando ao clérigo e negando a autenticidade da reliquia.

Santo Eutel seica era avogoso para as mordeduras dos cans con rabia. Cando, hai anos, me ensinaron a imaxe, contáronme que viña xente buscala e que sobre todo “era pos cans enfermos”. “Levaban fariña, levaban sal e toda esa vaina para darlle nove días, agua, pro que lle mordía o can, darlle eso durante nove días”. Co santo bendicían esa fariña, que non dicían bendicir, “chamábanlle saludala, non bendicila”.

Pero da romaría, que seica había na capela do Castro, xa non queda memoria viva. “Dicía o finado de meu sogro que era un milagro de xente que viña a ela”. O que me contaba isto casara no ano 1933, polo que podía estar falando de finais do século XIX.

O cruceiro

Xunto á capela hai un bo exemplar de cruceiro. Ten gravada a data de 1687. A vara é estriada, agás no inicio, onde hai unha inscrición que agora xa non lemos; o capitel é de estilo xónico. A cruz ten os brazos cun remate en flor e as imaxes do Crucificado e da Virxe.

Ao outro lado do río, xa pertencente á parroquia de Salgueiros (Dumbría) había outro cruceiro, pero nós xa non o lembramos.

Arqueoloxía

O lugar do Castro recibe este nome porque estaba asentado sobre un antigo castro. Pero hai máis restos arqueolóxicos.

Un veciño contoume como se lembraba de cando era neno e se desfixo unha mámoa nunhas leiras, daquela de labradío, e xunto ao río; eran as manuíñas do Agro. Despois ensinoume outras dúas, as mamuíñas da Lagoa, xunto ao camiño e indo xa cara a Vilar de Outeiro e no límite entre as agras e o monte. Hoxe están cubertas de carballos cativos e ocupadas polo porco teixo.

Na croa do castro construíuse unha casa, hoxe en estado ruinoso, pero habitada até os anos 80 do século pasado, xunto coas dependencias propias dunha casa labrega: cabazo, pendellos, cortes e eira. A casa seguramente é a mesma na que habitou Xoán de Cantorna, o que manda facer a capela para a comodidade do seu neto e era un bo exemplo dunha arquitectura popular e histórica. Podía ser un lugar de interese etnográfico se estivera coidada. Unha das pequenas hortas que hai xunto a casa ten o topónimo de “Campo Santo”, topónimo que tamén recollín noutro lugar desta parroquia.

Nas miñas primeiras visitas había ovellas e vacas pastando polo castro, polo que se podía andar por el con comodidade, non medraban os toxos e eran visibles en zonas as murallas, especialmente na zona de maior pendente, que é a que dá cara as Caldeiras. Tamén era visible, nun nivel inferior á croa e á esquerda da vella corredoira pola que se accedía ao medio do lugar, os restos dunha construción. Parte da corredoira foi entullada con terra para facilitar o acceso ao río dos visitantes, borrando así as vellas e profundas marcas dos carros, as rodeiras dos carros dun rodar de séculos.

Aínda hai xente no lugar que pode contar algunha das lendas que había sobre este castro, como que había un túnel polo que os mouros levaban os cabalos a beber ao río por xunto ao muño do Batán (aquí dicimos “muño”, non “muíño” e o lugar dos Muíños non é tal senón “Os Muños”). Ou, “disque dicían que no castro había unha trabe, pero eu non me acordo”. O mesmo informante contounos que “debaixo dunha pedra redonda que hai no Petón [o castro], eu nunca a vin!, dicían que había un tesouro”. Lendas para interpretar un pasado que se nos escapa doutra forma.

A Canle ou Petón da Chouriña

Pero a parte das mámoas e do castro hai outro elemento: a Canle da Chouriña. É este un valo alto que seica delimitaba todo o lugar e empezaba xunto ao río, máis ao norte do lugar, e remataba ao sur, xa cara ás agras de Sorna, onde recibía outro nome, a Canle do Fandiño, nome dunha casa dese lugar. Podemos supoñer que delimitaba a propiedade da que foi unha casa labrega importante. Pero hoxe deste valo só quedan uns metros delimitando o campo no que está a capela, ademais, cando fixeron a área recreativa desmontaron un anaco, deixando ver un fragmento da parede interior. Para dicilo en expresión popular: “botáronlle a pala” e case o destrúen. Tamén lle chaman a Canle dos Franceses, porque “é dos franceses, foi feito polos franceses e polos mouros no tempo dos negros, pois houbo unha guerra e fixeron isto pra defenderse”. O nome dos franceses tamén o recibe unha parte do monte. “Os mouros vivían nas Pedras Rubias (monte que está por riba de Bustelo). Por equí tamén tiñan unhas vivendas, mais eu xa non me acordo onde dixeron que estaban”.

E nas Caldeiras, no pozo que forma a auga na caída, “había un encanto que tiña unha tixeira. Dicían así, para poñerme medo, para que non fose ao sitio”.

Outros elementos

Pero ademais, ao carón do río quedan restos de varios muíños aos que viña moer xente de lonxe cando había seca. Nomeáronme xente que viña da zona de Duio. Hai memoria dun batán e o catastro de Ensenada fala de tres na segunda metade do século XVIII. Pero todo está comido polas hedras.

Por diante da capela pasa un camiño que se divide en dous: á dereita imos cara ás Caldeiras e o vello lugar, á esquerda vai cara a unhas agras e despois cruzaba o río e seguía cara ao sur. Nese outro lado había un cruceiro. O río pasábase por un posados. Era un camiño importante para comunicarse con Cee e Corcubión e coa outrora importante feira de Senande. A prensa da emigración falou da morte, ao cruzar o río, dun concelleiro muxián do lugar de Senande vindo da zona de Cee.

Comentarios desactivados en «O Castro de Coucieiro, máis que unha fermosa paisaxe», por Manuel Vilar

Set 05 2016

Poemas para os megálitos (e V): «O dolmen», de Gonzalo López Abente

ArcadaPiosa04-09-2016
(Imaxe da lectura na Arca da Piosa, tirada da crónica de costadosolpor, bitácora de Xosé Mª Lema Suárez)
Dombate-04-09-2016
(Imaxe da lectura do poema «O dolmen de Dombate», de Eduardo Pondal. Fotografía divulgada no twitter de Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüistica)

Onte rematou o II Simposio do Megalitismo da Costa da Morte cun «Roteiro dos dolmens» guiado polo guía oficial de turismo, especialista en comunicación e patrimonio Manuel Rial e que nos levou a visitar catro das máis sobranceiras antas da comarca: Pedra da Arca (Baíñas – Vimianzo / Regoelle – Dumbría, pois é lindeira de concellos), Arca da Piosa (Muíño – Zas), Pedra Cuberta (Treos – Vimianzo) e o Dolmen de Dombate (Borneiro – Cabana de Bergantiños).

E o quinto poema escollido para as miñas lecturas no roteiro, aínda que non na orde en que se foron publicando nesta bitácora, foi «O dolmen», de Gonzalo López Abente, que pertenxe ao seu libro de poemas Alento da Raza (Madrid: Imprenta Xan López Torres, 1917?).

O DOLMEN

Moimento imperturbabre: na nobre xuventude,
esta baruda raza frabicando con tolo
entuseasmo, soñando ao morno amor do colo
da moza nai que canta rebolando saúde.
Fervendo en ardor místico, sobiches hastra Dios;
unha oración con moles de granito fixestes,
c’o retombar das pedras sonóu a túa vos,
y-atrás d’unha alma ida chegar ao ceo quixestes.
Forte raza, premite que o espíritu levante
un teu cativo fillo, no pasmo sumerxido,
ollando para un dolmen soberbo y-atrevido,
y-atrevido e soberbo coma un pöeta cante.
Alí está, coma un tempro, na alta cume seréa
d’un facho vixiante, co-a pátina cuberto
dos sigros que pasano, igoal que no deserto
a esfinxe melancónica pra a lexania olléa.
Treman os liquens pálidos nas pétreas vestiduras
d’esta oración subrime que os antigos rezaron,
e cando o vento funga nas prefundas costuras,
parez que conta históreas dos tempos que pasaron.
Os penedos inxentes arrescenden á hucha
de pazo medéoeval, e son a letra santa
de frase mistereosa que, coma unha frol mucha
pol-o sol abrasada, cara o sol se levanta.
Cando na tarde queda borda o sol no oucidente,
sobre do cañamazo azul e trasparente,
as creacións subrimes da eterna fantesía,
brila o dolmen coma unha cróa de pedrería.
O crepúsculo viste o altare da montana
c’os sagrados encaixes de subrime artificio,
frabicados con nubes de escarlata e de grana,
para ofrecere aos dioses solemne sacrificio;
y-estonces esa mole de penedos xigantes,
erguido ao ceo, paresce un pontifice sumo,
fervoroso ofrecendo as oracións vibrantes
que soben en douradas espirales de fumo.

Comentarios desactivados en Poemas para os megálitos (e V): «O dolmen», de Gonzalo López Abente

Set 05 2016

Poemas para os megálitos (IV): A Arca da Piosa no poema «Á hora en que o doce luceiro», de Eduardo Pondal

ArcadaPiosa
(Fotografía tirada da galería sobre a Arca da Piosa no sitio web do Concello de Zas e a Deputación da Coruña)

A Arca da Piosa foi outra das antas que visitamos. O amigo Xosé Mª Lema Suárez, historiador e presidente do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, na súa guía Polas antas e mámos da Costa da Morte (Vimianzo: Semescom, 2006), alén de describir as súas principais características, sinalaba:

«O poeta Eduardo Pondal personificaba nas súas poesías os ancentrais topónimos das comarcas da Costa da Morte converténdoos en heroes. Así, o bardo bergantiñán transformou os nomes de tres parroquias do val do río Xallas en tres heroicos guerreiros celtas: a moza Maroñas —intrépida virxe guerreira—, Brandoñas —o forte— e o valente Brandomil. No estro pondaliano, o heroe Brandomil caería morto loitando contra o invasor romano, e tería na Arca da Piosa o seu moimento: un rudo mausoleo construído con grandes pedras».

Así, que entre os poemas escollidos tampouco non podía faltar o poema «Á hora en que o doce luceiro», en realidade sen título e coñecido polo primeiro verso, que se inclúe na obra Queixumes dos pinos de Eduardo Pondal. Velaquí o poema que eu citarei pola versión orixinal de 1886 e non polas sucesivas que reescriben a grafía pondaliá:

[A hora en q’ o doce luceiro]

A hora en q’ o doce luceiro,
Coménzase de fundir;
As ben cornudas cabras montesías,
Levando diante de sí,
O pastor celta Temunde,
Volvía o doce redil;
Sóo, cantando pol-a gandra
De Xallas, d’ uces nutriz;
E estremecendo a vaga soedade,
Seu cantar decía así:

—Arca antiga da Pïosa,
O vento q’ he triste oir,
Funga nas esquivas uces,
Q’ están o redor de tí;
E pasa antr’ elas bruando,
Con un dorido gemir:
Debaixo das tuas antes,
‘Stá o valente Brandomil;
Non no olvido, mais nos brazos
Do eterno e doce dormir:
Ten o seu lado dereito,
O elmo dourado e gentil,
O’ escudo, e a dura lanza
Ond’ o sol, soía ferir;
E con pracer os celtas contempraban,
De Xallas no ermo confin.

Ou valente fillo d’ Ogas,
E da doce e nobre Eiriz;
Para sempre quedará,
Longa memoria de tí:
E cando o fillo dos celtas,
No tempo que está por vir,
Pensativo camiñante,
Pase quezáis por aquí;
Cando no tempo en que gia,
Se vexa a luna lucir,
Dirá ó verte desde longe:

O valente Brandomil,
Saído da gentil e boa raza
Dos celtas, repousa alí.

Comentarios desactivados en Poemas para os megálitos (IV): A Arca da Piosa no poema «Á hora en que o doce luceiro», de Eduardo Pondal

Set 02 2016

Poemas para os megálitos (III): «Dolmen», de Lorenzo Varela

Dolmen-Varela-Seoane
Dolmen-LorenzoVarela1Dolmen-LorenzoVarela2
(Gravado de Luís Seoane que acompañou o poema na súa edición e manuscritos autógrafos de Lorenzo Varela).

No centenario de Lorenzo Varela era ben lembrarmos no II Simposio do Megalitismo da Costa da Morte o seu poema «Dolmen», publicado no poemario Lonxe (Bos Aires: Botella al Mar, 1954, con prólogo de Arturo Cuadrado e ilustrado con dez xilografías de Luís Seoane.

Os manuscritos foron tirados do artigo de Gregorio Ferreiro Fente, «“Lonxe”, “Dolmen” e “Compañeiros da miña xeneración mortos ou asasiñados”: os seus textos autógrafos». Boletín da RAG, nº 366, que se publicou logo de se lle dedicar o Día das Letras Galegas en 2005. Deseguida reproducimos os versos de Lorenzo Varela.

DOLMEN

Camiño do tempo vello,
camiño do tempo novo:
pedra dos tempos sin tempo,
pedra dun ollar sin ollos.

Semente do azar primeiro,
centella inmóvel da terra:
si latexara o teu peito,
ou si te voltaras de herba.

Si voaras, si tiveras
estrelados aguiares.
Si te romperas, penedo,
e deras a luz que sabes.

Feixe de raios ou dolmen,
lume gardado no ren,
tes xeito i alma de home
cun día quixo nascer.

É sagrado o teu silenzo:
Ao pé de ti fala a choiva,
sobor de ti canta o vento
e dentro de ti, ti escoitas.

Camiño do tempo vello,
camiño do tempo novo:
pedra dos tempos sin tempo
pedra dun ollar sin ollos.

Comentarios desactivados en Poemas para os megálitos (III): «Dolmen», de Lorenzo Varela

Set 02 2016

Poemas para os megálitos (II): «O dolmen de Dombate (D-unha costume danzal celta: a roldanza)», de Antón Zapata García

Dombate-Zapata

Co poema de Eduardo Pondal mentado na anterior anotación tamén ten moito que ver o soneto «O dolmen de Dombate (D-unha costume danzal celta: a roldanza)», de Antón Zapata García (Laxe, 1886 – Bos Aires, 1953), onde novamente aflora o celtismo histórico-lendario e onde se fala dunha estraña compaña, que a xente ve polas noites arredor do monumento megalítico: “baixo o craror da lúa, en roldas ben tecidas, / as celtas virxinaes bailaban a roldanza”.

Malia o evidente diálogo intertextual co poema de Eduardo Pondal, que xa se intitulaba da mesma maneira, desta volta a forma e o contido se afastan completamente e aquí o poeta de Laxe non se limita a imitar os versos do vate pontecesán, senón que se atreve cunha composición inspirada nese texto mais ben diferente.

O soneto publicouse por vez primeira na revista Céltiga, Bos Aires, nº 32, 25 de abril de 1926, precedido dunha fotografía co seguinte pé: «Lage: Dolmen de Dombate», indica «Para “Céltiga”» e reproduce en autógrafo a sinatura A. Zapata García. A revista está dixitalizada e dispoñibilizada para o público no portal do Consello da Cultura Galega, de onde tiramos a imaxe superior.

Posteriormente, unha copia mecanografada con algunhas pequenas variantes lingüísticas foille enviada a Filgueira para a súa Escolma fanada de 1936 (como se detalla en Xosé Filgueira Valverde. Os poetas galegos (1936). Antoloxía consultada. Estudo preliminar de Xesús Alonso Montero e edición de Ana Acuña e Xesús Alonso Montero. Pontevedra: Museo de Pontevedra, 2008). No mecanoscrito o subtítulo foi aparentemente borrado polo autor e despois da rúbrica engade «1926». Ademais, tampouco aparece na versión da revista Céltiga.

Reproducimos o poema na versión que Antón Zapata García incluíu no seu único libro, en edición de autor e imprentado na Coruña polo betanceiro Roel, A roseira da soidade (1954). Pódese ler tamén na miña tese de doutoramento , dirixida polo profesor Xesús Alonso Montero, cuxo título foi A poesía galega de Antón Zapata García. Edición e estudo, en acceso libre nesta páxina de poesiagalega.org, proxecto dirixido polo poeta e profesor Arturo Casas e no que traballa arreo o seu equipo do GAAP (Grupo Alea de Análise Poética). O traballo académico xa estaba a dispór de quen tivese interese na propia USC, aínda que nun espazo escasamente divulgado. E tamén en googlebooks, porén neste caso con moitas páxinas en branco como adoita suceder neste buscador. Velaquí:

O DOLMEN DE DOMBATE

(D-UNHA COSTUME DANZAL CELTA: A ROLDANZA)

AO sôn das graves arpas dos bardos de Briganza,
e darredor do dolmen cinguido de druídas,
baixo o craror da lúa, en roldas ben tecidas,
as celtas virxinaes bailaban a roldanza.

As súas cantareas d-arela, fide e espranza,
voaban pol-a gandra, câl pombas tremecidas;
e, brancas e lanzales, finxían margaridas
brandéndose cô sopro da bris da venturanza.

D-aqueles nobres tempos —¡ouh, dolmen de Dombate!—,
sô tí quedache ergueito, dempóis do fero embate
que os lobicóns de Roma levano ao teu solar;

mais, se de nuite a lúa tece seu albo sayo
cabo de tí, dí a xente que vái pra LAXE ou Bayo,
que vío bultos brancos ao teu redor bailar!

Comentarios desactivados en Poemas para os megálitos (II): «O dolmen de Dombate (D-unha costume danzal celta: a roldanza)», de Antón Zapata García

Set 01 2016

Poemas para os megálitos (I): «O dolmen de Dombate», de Eduardo Pondal

Megalitismo2016

Mañá venres principia en Vimianzo o II Simposio do Megalitismo da Costa da Morte, coordinado polo catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Antón Abel Rodríguez Casal, e que xuntará os maiores especialistas neste eido dez anos despois da primeira edición destas xornadas de estudo e divulgación.

A pedimento Xosé Mª Lema Suárez, presidente do  Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SEMESCOM), que analizará as antas da Costa da Morte, realizarei unja lectura de textos escolleitos no roteiro que se celebrará o domingo. Entre a restra de poemas escollidos non podía faltar o poema «O dolmen de Dombate», de Eduardo Pondal. Velaquí:

O dolmen de Dombate

Aínda recordo, aínda
Cand´eu era estudiante
Garrido rapacete
Que ben regerse sabe,
Cand´iba pr´a Nemiña
A estudiar o arte
Do erudito Nebrija
E do boo Villafañe,
E iba a cabalo, ledo,
Cal soen os rapaces.

Pasado Vilaseco,
Lugar batido do aire,
No alto da costa d.´Ures,
Da montesía canle;
Pasado Vilaseco,
Indo p´la gandra adiante,
Ja vía desde longe
O dolmen de Dombate.

Deixando Fonte-Fría
Cara o lado de Lage,
E levando o camiño
De San Simón de Nande,
Polo chan do Borneiro
De cativo pinales,
Cuase pasaba a rentes
Do Dolmen de Dombate.

Quedaba o misterioso
Fillo doutras edades
C´a súa antiga mesa,
C´as súas antigas antes,
No seu monte de terra,
Non alto e ben roldante,
Poboado en redondo
De montesío estrame,
De pequenas queiroas
E de tojos non grandes,
Como calada esfinge
Que, sublime, non fale,
Como náufrago leño
De soberbio cruzamen,
Lanzado sobr´a praia
Por potente oleage,
Que de pasada rota
Mostre rudas señales,
E mostre aberto o flanco
Por glorioso combate,
E con linguage mudo
Das súas glorias fale.
¡Canto, ai, mudar pode
longa e vetusta edade!

Entonces eu deixando
Ambas rendas flotantes,
Pensoso iba cuidando,
P´la Viqueira salvage,
Nos nosos ja pasados ,
Nos celtas memorabres,
Nas súas antigas glorias,
Nos seus duros combates,
Nos nosos vellos dolmens
E castros verdejantes.

E despois a Nemiña,
Ou que fose ou que tornase,
Ó velo desde longe,
Indo p´la gandrea adiante,
Sempre ledo escramaba:
“¡O dolmen de Dombate!”

Agora que pasano
Meus anos jogorales,
Agora que só vivo
De tristes suidades,
Que cumpro con traballo
Meu terrenal viage
E qu´a miña cabeza
Branquea a grave edade,
Aínda recordo, aínda
O dolmen de Dombate.

(Imaxe de Dombate antes das escavacións. Fonte: Concello de Cabana de Bergantiños)
Dombate01

(Imaxe de Dombate en marzo deste ano cando acompañaños ao poeta maltés Stephen Cachia, nesta foto feita con dispositivo móbil)

One response so far

Xuñ 29 2016

Artigo en QPC (VIII): #Efeméride «A vinte anos do I Encontro de Escritores e Escritoras da Costa da Morte, primeira actividade do Batallón Literario»

Cam
(Cartaz do I Encontro de Escritores e Escritoras da Costa da Morte celebrado na Fundación Fernando Blanco de Cee)

Na nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, evoco unha efeméride importante na creación literaria costeira no texto intitulado «A vinte anos do I Encontro de Escritores e Escritoras da Costa da Morte, primeira actividade do Batallón Literario», que tamén xa se pode ler nesta ligazón. Este texto foi artellado con notas tiradas dos arquivos de prensa da época e tamén da memoria dos poetas fisterráns Alexandre Nerium e Modesto Fraga, quen foron presidente e secretario da entidade nalgún momento da súa existencia, e da miña propia. Velaquí.

A vinte anos do I Encontro de Escritores e Escritoras da Costa da Morte, primeira actividade do Batallón Literario

1. A previa

Nun tempo de efervescencia cultural prodúcense dous acontecementos que van resultar definitivos para a posterior creación do Batallón Literario da Costa da Morte. Dunha banda, en marzo de 1996, a asociación «Arre-Sentelha» organizou un recital de poesía no Castelo de Vimianzo. Na convocatoria participaron os irmáns Rafael e Xosé Manuel Lema, Modesto Fraga, Rafa Villar, Xandra Tedín, Abel Mendes, Xavier Rodrigues Fidalgo, Alberto Lema Suárez, César Carracedo, Manuel López Martínez (hoxe, Alexandre Nerium) e Roberto Traba Velay. Aínda que non todos, unha boa parte deles entraría a formar parte do Batallón Literario. Doutra banda, a publicación dun caderno poético en abril de 1996, organizado por membros do colectivo antimilitarista «Último Reemprazo», que levaba por título As armas da solidaridade, no que se incluían textos de autores da Costa da Morte, tamén afortalou a idea que se podían realizar moitas actividades en común. Recolle textos de César Carracedo, David Creus, Estevo Creus, Modesto Fraga, Frederico López Santalla, Xavier Rodrigues Fidalgo, Xandra Tedín, Miro Villar e Rafa Villar e Roberto Traba Velay, poeta fisterrán e único dos últimos citados que nunca participaría do espírito do Batallón.

2. A constitución formal

Deste xeito, o Batallón Literario da Costa da Morte vai quedar formalmente constituído nun data simbólica, o 1 de Maio de 1996, logo dunha longa reunión nunha cafetería de Cee, á que asistiron unha vintena de autoras e autores. O nome suxeriuno o poeta Frederico L. Santalla, inspirándose na inscrición que ocupa as pedras da Quintana, onde se fai referencia ao histórico Batallón Literario santiagués. A súa primeira xunta directiva, ou xestora, pois a entidade aínda non estaba legalizada nin contaba con estatutos, estivo formada por Miro Villar, presidente; Frederico L. Santalla, secretario; e Rafa Villar, Xandra Tedín, Modesto Fraga, Xavier Rodrigues Fidalgo e Estevo Creus. Como se pode observar varios dos seus membros proviñan ben do desaparecido colectivo ceés «Un medio», ben da aínda activa agrupación soneirá «Arre Sentelha». A única premisa era que os autores fosen nados ou tivesen unha forte vinculación coa Costa da Morte, franxa costeira que vai de Malpica de Bergantiños ata Fisterra (aínda que de maneira circunstancial chegaron a colaborar co BLCM autores de Carnota, de Muros ou de Noia). Xurdiu co obxectivo de dar a coñecer as súas actividades e inclúe narradores, investigadores e, sobre todo, poetas. Configurouse como un movemento cultural asembleario, de carácter democrático e non elitista, que buscaba a comunicación directa cos lectores, ata o punto de que os poetas teñen realizado ducias de recitais en locais pechados ou en espacios abertos, como o palco da Festa das Carrilanas de Esteiro.

3. O I Encontro de Escritores e Escritoras da Costa da Morte

A primeira das actividades que programou o Batallón Literario da Costa da Morte foi o «I Encontro de Escritores e Escritoras da Costa da Morte». Unha rolda de prensa, realizada o martes 25 de xuño do 1996 na cafetería Rúa Nova de Santiago de Compostela e que foi amplamente recollida polos medios, serviu como presentación pública do BLCM e deste primeiro encontro literario que se ía celebrar co lema Reescrevendo a Costa da Morte. Os organizadores propuxeron os seguintes temas de debate:

a) Poesía, narrativa e investigación na Costa da Morte.

b) O negocio das editoriais, alternativas.

c) A lingua arma fundamental da creación, identidade e normalización.

d) A política cultural das institucións e dos movementos alternativos.

e) Resolucións e futuro.

O sábado 29 de xuño, ás 10.00 h. da mañá, tivo lugar, no Café-bar Macondo de Cee, que rexentaba o poeta fisterrán Modesto Fraga, a recepción previa na que estaban varios membros da corporación do Concello de Cee, entre eles o edil de Cultura, directivos e membros do Batallón e outros convidados, para pasar pouco despois á sala magna do Instituto da Fundación Fernando Blanco de Cee, onde diferentes autoras e autores foron expoñendo os seus relatorios.

Rafa Villar, de Cee, falou das súas experiencias para sacar á luz os seus traballos como a edición de autor, publicación en revistas como Dorna ou a de presentarse a premios e ter a sorte de que cho concedan e recordou que en 1995 soamente se publicaron cen libros en galego.

Un dos convidados foráneos, o poeta compostelán, de orixe arxentina, Eduardo Estévez falou tamén das súas experiencias editoriais na Arxentina e en Venezuela. Alí tan só publicaban textos de clásicos coma Borges, Pizarnik… Explicou coma un grupo de escritores novos puxeron uns cartos conxuntos e publicaron un libro dun deles, cos cartos que ían sacando publicaban outro e así sucesivamente. Esta foi a maneira de que as súas obras viran a luz. Curiosamente, anos máis tarde, desta idea xurdirá en Galiza a editorial «Letras de Cal» cun sentido aínda máis altruísta, pois o que fixo esta cooperativa foi principiar por editar textos de xente nova que non tiña nada publicado ou que tiña dificultades para o facer.

O estudoso e escritor corcubionés Luís Lamela, especialista en temas históricos, falou do seu labor de investigación e sobre as súas recentes Crónica de una represión en la Costa da Morte (Edicións do Castro, 1995) e tamén de que había que recuperar moitos dos documentos que pertencían a esta zona e que estaban en organismos nos que era case imposible ou moi dificultoso acceder a eles.

O historiador de Bamiro (Vimianzo) Xosé María Lema Suárez centrou a súa intervención na necesidade da formación duns arquivos que tiñan que estar a disposición daqueles que os quixeran utilizar para a súa posterior investigación.

Finalmente, os poetas do Batallón, Frederico L. Santalla, de Lires (Cee), e Xavier Rodrigues Fidalgo, de Castrelo (Vimianzo) fixeron senllas análises sobre a política institucional referida á literatura e á cultura en xeral e sobre os atrancos que as autoras e os autores teñen por escribiren en normativas diferentes da norma oficial do idioma galego.

Alén do poeta Eduardo Estévez, tamén foron convidados a ese «I Encontro» Yolanda Castaño, Olga Novo, Chus Pato e Paco Souto. Tamén asistiron ao acto a crítica literaria, Teresa Seara, e outros escritores e investigadores como o antropólogo muxián Manolo Vilar ou o filólogo malpicán Xosé Manuel Varela.

O «I Encontro de Escritores e Escritoras da Costa da Morte» finalizou ás 20:00 h. do serán cun recital poético a cargo de todos membros do Batallón Literario e dos poetas convidados.

Comentarios desactivados en Artigo en QPC (VIII): #Efeméride «A vinte anos do I Encontro de Escritores e Escritoras da Costa da Morte, primeira actividade do Batallón Literario»

Xuñ 23 2016

«Neria e o Museo da Pesca», a opinión do poeta fisterrán Modesto Fraga

NeriumeueFraga
(Na foto de Xesús Búa para La Voz de Galicia, de esquerda a dereita, Alexandre Nerium, eu, e Modesto Fraga nun Recital de Poesía que se celebrou en Muxía no nadal de 2011)

Continúa a fervenza de opinións da xente da cultura que se está a pronunciar sobre o peche do Museo da Pesca de Fisterra, desta volta faino a autorizada voz do poeta fisterrán Modesto Fraga (a quen aproveitamos para parabenizar porque a súa obra Devalar sen pel resultou gañadora do XIX Certame de Poesía “Concello de Carral”) co artigo intitulado «Neria e o Museo da Pesca» na súa sección de opinión «A luz da fin do mundo» no xornal La Voz de Galicia, edición de Carballo. Velaquí.

Neria e o Museo da Pesca

Despois de varios meses mareando a perdiz con dimes e diretes, resulta que agora a Asociación Neria decide volver abrir ao público o Museo da Pesca de Fisterra pero dunha maneira miserable, propia das formas e dos modos de actuar deste ente supracomarcal.

Pretender, así de boas a primeiras e pola porta de atrás, tomarnos o pelo con esta pantomima chabacana é ignorar a historia deste pobo, a súa dignidade e os valores que forman parte esencial do noso ADN. Fisterra non precisa mingallas de ninguén, nin moito menos que catro salvadores de patrias, chámense Neria ou o que sexa, pretendan vir aquí precarizar a nosa cultura, o noso patrimonio, a nosa identidade.

Levamos varias semanas asistindo a un debate público no que se levan vertido opinións de todo tipo e no que se amosou un contundente posicionamento a prol da necesaria posta en marcha do Museo por parte de relevantes sectores da nosa cultura que transcende os lindes, non só da Costa da Morte e de Galicia, senón doutros lugares do mundo. En apenas tres semanas ergueron a súa voz para apoiar incondicionalmente a continuidade do Museo da Pesca notables escritores, artistas, investigadores, poetas e académicos de grande prestixio. E non é para menos.

O Museo da Pesca de Fisterra e Alexandre Nerium que, ademais do seu guía é un dos poetas de referencia da poesía galega, son indisociables. Só a un necio lle ocorrería pensar que con poñer un «voluntario» para abrir e pechar a porta do Museo coma quen abre e pecha o portal dun garaxe se logrará solucionar este asunto. Isto, ademais dunha supina estupidez, é absolutamente inútil. Calquera persoa que visitase o Museo da Pesca ao longo destes anos e tivese o privilexio de escoitar de viva voz as luminosas explicacións de Manolo poderá, con coñecemento de causa, acreditar en todo o que estou a referir aquí.

Por outra banda, non acabo de entender moi ben que pretende Neria con iso de abrir as portas do Museo cun voluntario con horarios propios da actividade laboral profesional. Acaso se trata Neria dunha ONG como Médicos sen fronteiras ou Unicef? Acaso queren facernos pensar agora que traballar de once da mañá a oito da tarde todos os días da semana como informadores turísticos é cousa de persoas ociosas que viven do aire? Xa empeza a cheirar un pouco esa estratexia tan manida coma innecesaria de facer da dignidade laboral e do traballo humano pouco menos que unha tarefa de escravos. É este o turismo e a cultura que queremos impulsar na Costa da Morte? Debe seguir xestionando esta xente o noso rico patrimonio histórico e cultural? Eu penso que non. É máis, o concello de Fisterra faría ben en abandonar canto antes a Asociación Neria. Non ten ningún sentido seguir formando parte dunha entidade que se nega por activa e por pasiva a dar solucións adecuadas a un patrimonio que lexitimamente é noso por moito que o xestionen mans alleas e insensibles.

Modesto Fraga

Comentarios desactivados en «Neria e o Museo da Pesca», a opinión do poeta fisterrán Modesto Fraga

Xuñ 21 2016

«Castelo de San Carlos», unha asisada anotación de Francisco Fernández Naval

maribel longueira
(A escritora mexicana Elena Poniatowska, que chegou a Fisterra na compaña de Francisco Fernández Naval, escoita a Alexandre Nerium, Fotografía de ©Maribel Longueira. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

O escritor Francisco «Chisco» Fernández Naval é a nova voz que se vén de engadir á xente da cultura que se está a pronunciar sobre o peche do Museo da Pesca de Fisterra coa publicación dunha ben fermosa anotación intitulada «Castelo de San Carlos» na súa bitácora A noite branca (que recolle o nome da súa fermosa novela co mesmo título). Velaquí:

«Castelo de San Carlos»

Díxomo a semana pasada Alexandre Nerium. Este ano (con Alexandre Nerium) non abrirá o Museo do Castelo de San Carlos de Fisterra. Museo ou centro de interpretación da pesca que, con tanto amor, Alexandre amosou durante anos.

O Castelo, construído durante o reinado de Carlos III e situado sobre a praia da Ribeira, é un dos que mellor se conservan, de entre todos aqueles pensados para defender as vilas do litoral e hoxe case desaparecidos. Foi doado á vila por Plácido Castro del Río, fillo de Plácido Castro, quen llo mercara ao estado. A doazón expresaba o desexo do propietario de facer nel un museo. Ese destino chegoulle 58 anos despois da doazón, cando no ano 2006 abría as portas como Centro de Interpretación da Pesca, nunha vila de tanta tradición pesqueira como Fisterra. Ese momento coincidiu coa inauguración da lonxa nova, proxecto de Covadonga Carrasco e Juan Creus. A Confraría de Pescadores recibiu a encarga de xestionar os dous centros.

Porén, coa chegada da crise, a Confraría non foi quen de manter a xestión do Castelo, cedéndolla a Asociación Neria. Hoxe, Neria está en bancarrota, circunstancia que castiga de maneira particular o Museo.

Non son moitas as pezas que se expoñen no interior, pero son suficientes para que o visitante marche cunha idea do que é e foi a vida do mar. Alexandre Nerium ou Manolo de Fisterra, poeta e mariñeiro retirado, é quen de explicar con cariño os misterios das ondas, o valor das buguinas nos días de borraxeira, o funcionamento das nasas, a práctica do xeito. El fala das augas tintas, dos cetáceos, de naufraxios ou de versos, deses miles de versos, de poetas de todas as latitudes, que falan de Fisterra e que el se ocupou de recompilar. Nesta imaxe eu poso diante da caixa onde cada mes el expoñía un poema. Coincidiu na visita con Elena, que dentro estaba o meu Mar de Lira, no que son varios os poemas que falan do Cabo.

Conta, tamén, como dende as rochas que serven de base á pequena fortaleza, os nenos facían a guerra ao mar.
De visita ao Museo fun moitas veces, algunhas como guías a persoas ilustres, como cando levamos a Elena Poniatowska, ou ao escritor hindú Sudeep Sen, ou ao senegalés Abdoulaye Bilal Traoré. Tamén acompañamos a Yolanda Castaño, ao fotógrafo Francesc Torres, a artista norteamericana Terry Berkowitz. O resultado foi sempre o mesmo, unha revelación, a de escoitar a Alexandre contar con paixón o seu mundo, sen lle importar a lingua, porque el sabe que hai linguaxes que transcenden a fala, o corpo, e forman parte da emoción compartida.

Este verán os turistas italianos, franceses, alemás, ingleses, portugueses ou de calquera das comunidades do estado, ou de calquera provincia ou vila de Galicia, atoparán pechada a porta do Castelo. É mágoa, porque o Centro de Interpretación da Pesca e o seu guía, formaban parte, xa, do noso patrimonio, dese que amosamos con orgullo.
Eu confío en que o concello sexa quen de asumir e facer posible a apertura desta referencia principal da vila e da Costa da Morte.

Francisco Fernández Naval

Comentarios desactivados en «Castelo de San Carlos», unha asisada anotación de Francisco Fernández Naval

Next »