HumorArchive for the '' Category

Out 19 2016

A ollada sobre o mar do poeta da montaña Antonio Noriega Varela

Published by under Efemérides,Humor,Poesía

noriegavarela
Fotografía: Arquivo da RAG)

Sebastián Martínez-Risco escribiu un magnífico e memorable limiar para o libro de poemas de Gonzalo López Abente Centileos nas ondas (Vigo: Galaxia, 1958), que asina como Sebastián Risco, para evocar a presenza do mar na literatura galega.

Nesa peza maxistral de erudición literaria recolle unha divertida piada do poeta da montaña Antonio Noriega Varela (Mondoñedo, 19 de outubro de 1869 – Viveiro, 27 de marzo de 1947) e a súa ollada singular sobre o mar. E hoxe na conmemoración do natalicio do poeta mindoniense recuperamos ese fragmento.

(…)

O mar de ROSALÍA é o mar da mágoa, o «leito misterioso e frío» que a chama pra que nil vaia «brandamente a descansar»: a nosa sura do Sar alcontra nas «augas sin fondo» do mar da nosa terra un termo de comparanza coa súa fonda dór, cecáis un acougo pra súa infinda saudade posto que lle fai sentir «unhas ansias mortáis d’apousar n’el». Ten na súa lira o mar un senso de intimazón, un broído ecoante do seu propio sentimento de anguria.

En troques, pra PONDAL, o mar é o «fero Océano», o loitador do «eterno e duro combate», ser podencioso e ardido, imposto de un pulo épico. O mar, coa terra e o ceo, compoñen o grandeiro esceario do seu mundo mitolóxico.

Non é nova, sen dúbida, a conceición do mar como personaxe sañoso e indómito. De antigo usouse comparalo co xenio arrautado das xentes. Dende aquela quadra da nosa poesía popular arcaica:

Miña nai é mui bravía,
fai como as olas do mar

pasando pola sonada comparanza que Paio Gómez Chariño fixo del co Rei Don Alfonso X:

e pode muit’e á tal corazón
que o non pode ren apoderar,

ata chegar ás alusiós que Gil Vicente e Juan del Encina fan a cotío a moza «sanhosa como o mar».

Nos nosos mesmos días, certa serán do vrao vivairense, ouvín de labios do grande poeta da montaña, o ademirábel Noriega Varela, cando na súa esgrevia xuntanza paseiaba eu pola aberta praia de Covas, vendo ir e vir «as irritadas ondas do Cántabro salobre», unhas verbas sentenciosas, nas que sentín latexar a desdenosa indifrenza do seu esprito diante da oufaniosa esquiveza e o brandor fuxidizo das procelosas augas.

Rompendo o balbordar das ondas veciñas, atrevinme, naquil vagar, a demandarlle:

—E vostede, Noriega, ¿por qué non ten cantado o mar?

E o poeta das outas terras cortóu, co seu xeito de comprida cortesía labrega, ista resposta chea, sen dúbida, do seu tácito amor á montaña i á doce homildeza das miudas chorimas:

—Ai, señor! O mar élle mui bravo; non se lle pode cantar.

Comentarios desactivados en A ollada sobre o mar do poeta da montaña Antonio Noriega Varela

Dec 24 2013

Queres ler connosco?, guía de Nadal editada polo Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais do concello de Oleiros



(Dúas páxinas da Guía. Premer nas imaxes para unha mellor lectura)

De sempre, e nestes tempos de crise económica aínda moitos máis, as bibliotecas públicas deveñen fundamentais á hora de posibilitar a lectura a calquera persoa.

Moitas delas realizan un impagable labor de difusión da nosa literatura. Hónrame que unha obra da miña autoría faga parte da guía de Nadal Queres ler connosco?, editada polo excelente Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais do concello de Oleiros, conformada por oito centros, que se pode ler completa no seu blogue bibloleiros ou neste pdf de 96 páxinas: Guía -Queres ler connosco- (Nadal 2013).

Na súa páxina 34 recomendan o meu conto rimado A pantasma da casa da Matanza (Biblos), con ilustracións de Xosé Cobas, na sección «Libros para nenas e nenos de 12 a 14 anos». Tamén aparecen outras novidades de autoras e autores da Costa da Morte, como Acuario (Edicións Embora) de María Canosa, con ilustracións de Dani Padrón; Patente de corso. Pequeno dicionario pirata (Edicións Embora) de Rafa Vilar, con ilustracións de Gemma Capdevila, ambos e dous na sección «Poesía e Teatro Infantil e Xuvenil» ou 50 faros de Galicia (Biblos), de Javier Toba Blanco e 500 cogomelos do litoral atlántico e noroeste peninsular (Cumio) de J. M. Castro Marcote, M. Pose e J. M. Traba Velay, da asociación micolóxica Pan de Raposo, ambos e dous na sección «Libros de coñecemento para mozas/os e adultos/as».

Obrigado, moitas grazas ás Bibliotecas de Oleiros, adoito recoñecidas con premios senlleiros polo seu labor de difusión e promoción da lectura.

Comentarios desactivados en Queres ler connosco?, guía de Nadal editada polo Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais do concello de Oleiros

Out 21 2013

Breizh na «Xornada de Bretaña en Galicia»

A «Xornada de Bretaña en Galicia» («DevezhBreizh e Bro-Galissia», «Journée de la Bretagne en Galice») celebrada o pasado venres 18 de outubro no Conservatorio Profesional de Música de Compostela acolleu entre as súas numerosas e variadas actividades unha presentación do meu libro de poemas Breizh (Toxosoutos).

A xornada está inserida no marco dun proxecto educativo europeo, denominado Comenius Regio, que ten por título “Échangeons notre échange scolaire” e que ten por obxectivo fomentar os intercambios escolares entre Galiza e Breizh.

Os socios do proxecto educativo son na parte galega: a Unidade de Programas Europeos da Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia, a Asociación de Profesores de Francés de Galicia e dous centros educativos: o IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas de Oleiros e o IES Monte Neme de Carballo, e na contraparte bretoa: a Concello de Vannes, o Comité Bretagne-Galice e Collège Notre-Dame Le Ménimur de Vannes.

O programa (que se pode ollar completo neste pdf: Pre-programme Affiche journee bretagne 4-10-13

ou tamén neste blogue) desenvolveuse deste xeito:

– Powerpoint d’images d’élèves

– Présentation de la ville de Vannes / Vidéo

– Madame Annie Avril – Service Patrimoine – Ville de Vannes

– Table ronde : expériences d’échanges (Monsieur Vidal, Madame Leblay, Pablo Carpintero, Aymerick-Louis Bevan e 2 alumnosIESP Xosé Neira Vilas, de Oleiros / IES Monte Neme, de Carballo)

– La langue bretonne: Léna Marie Kerhoas, professeur de breton

– Conteur Breton: M. Antoine Peralta

– Presentación Breizh: Miro Villar

– Musique: Pablo Carpintero, música galega, e Bagdad, agrupación musical bretoa.

Malia a insistente e forte chuvia, acompañada de vento, o salón de actos do Conservatorio Profesional de Música de Compostela encheuse de público, a maioría profesorado de lingua francesa, mais non só.

Pola miña banda, dispuxen de vinte minutos para facer unha breve presentación de Breizh, que acompañei da lectura dunha ducia de haikus do libro, acompañados de fotografías fornecidas polo profesor e escritor Xosé María Lema Suarez, autor do limiar do libro, que tamén é presidente do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom), entidade que organizou a nosa viaxe a Breizh no verán do 2007.

Desde o público gocei tamén de todas as intervencións, de maneira especial das imaxes e das explicacións sobre a fermosa cidade medieval de Gwenwed / Vannes; da ilustrativa información sobre a situación actual da lingua bretoa e das músicas galega e bretoa.

Velaquí dous dos haikus que lin e as súas correspondentes imaxes de Lema Suárez (premer para agrandar o tamaño):

GAVRINIZ

Cruces, machados,
gravuras a saudaren
o adeus da morte.

PLEIBEN, GWIMILIO OU PLOUGASTELL-DAOULAZ

Libros de pedra
iluminan as sombras,
paixón de Cristo.

Comentarios desactivados en Breizh na «Xornada de Bretaña en Galicia»

Out 07 2013

A nosa viaxe a Irlanda nun video-reportaxe de Emilio Roca na súa canle de youtube

O noso amigo Emilio Roca, mestre que leva o blogue e a biblioteca do IES Pedra da Aguia na Ponte do Porto, como antes fixera sobre a nosa viaxe a Cornualles, cumpriu co laborioso labor de realizar un video-reportaxe sobre a nosa estadía en Irlanda, facendo parte da nova «expedición» da serie Na procura do megalitismo atlántico e das Fisterras europeas do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom), que preside o historiador e escritor Xosé Mª Lema Suárez, quen vai publicando a súa propia crónica na páxina da entidade e na súa bitácora costadosolpor.

Para as persoas que compartimos esa viaxe resulta gratificante e magnífica esta ollada através da cámara de Emilio Roca e da súa compañeira Aurea.

A nosa gratitude e os nosos parabéns!

One response so far

Ago 06 2013

Sen comentarios: Un cadriño de Quino

Published by under Historia,Humor


(Premer na imaxe para una mellor lectura)

Comentarios desactivados en Sen comentarios: Un cadriño de Quino

Xul 15 2013

A Xanela. Revista cultural das Mariñas reseña Breizh


(A Xanela, portada no número 35)

A Xanela. Revista cultural das Mariñas, que se edita Betanzos, presentou o seu número 35, da primavera do 2013. Nesta ligazón aparecen varios videos do acto de presentación.

Este numero da publicación da A. C. Eiravella de Betanzos, que coordina o noso benquerido amigo o historiador Xesús Torres Regueiro, está adicado ao dramaturgo Roberto Vidal Bolaño, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas, que ocupa seis páxinas. De resto, a revista complétase coas habituais colaboracións poéticas galegas e portuguesas (entre elas desta volta un poema de João Rasteiro, o noso poeta amigo de Coimbra) e artigos sobre etnografía, historia, música..

No apartado intitulado «Publicacións. As novas que nos chegan», Suso Torres, baixo o pseudónimo de Baraxeiro, saúda a aparición de varios libros. E, como adoito, tamén dá conta do noso labor literario (algo que agradecemos máis unha vez). Desta volta, a breve recensión ocúpase do meu poemario Breizh (Toxosoutos, 2012) como se pode ler na reproducción que vai ao remate.

E coma sempre, reiteramos os nosos parabéns á A. C. Eiravella de Betanzos, por manteren esta vitalidade en tempos tan duros para a nosa cultura e a nosa lingua.

(Premer na imaxe para unha mellor lectura)

Comentarios desactivados en A Xanela. Revista cultural das Mariñas reseña Breizh

Feb 15 2013

Breizh, a presentación de Xosé Mª Lema Suárez


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Agradezo a Xosé Mª Lema Suárez, presidente do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom), a achega deste texto que recolle a súa ben interesante intervención na presentación de Breizh.

Presentación de BREIZH, de Miro Villar (07-02-2013)

Cando Miro Villar, membro fundador do Seminario de Estudos da Costa da Morte que teño a honra de presidir, e amigo de tempo atrás, me propuxo facer un prólogo para este seu poemario Breizh o primeiro que pensei é que non escollera ben o prologuista, pois os meus coñecementos de poesía non son para airear, pois axiña metería o zoco e quedaría en evidencia. A miña única incursión na poesía foi un poema no 2007 do que mesmo presumo festivamente entre os íntimos porque non só se publicou, senón que tamén se musicou; trátase de Cen anos hai, conmemorativa do Centenario do Himno Galego. Máis nada.

Se pouco sei de poesía, menos desta modalidade para min novidosa como é o haiku, de orixe xaponesa. Por iso agradecín que Miro me facilitase o excelente ‘Prefácio’ de escritor portugués António Jacinto Pascoal escrito especialmente para esta obra. Ramón Nicolás di no seu blogue “Caderno de crítica” que “as súas reflexións parécenme das páxinas máis brillantes, documentadas e asisadas que lin arredor do haiku”, e eu así o subscribo. Grazas a el souben que no haiku o escritor non escribe para alguén, mais por algo ou por alguén; que nel se propón unha poética e unha ética en íntima unidade coa natureza, unha harmoniosa relación co medio. Souben que o haiku era unha composición de estrutura tripartita, “cuja dinâmica genérica assenta no referente dos dois primeiros versos, na suspensão e na resolução mais ou menos inesperada do último verso”; en suma, unha oposición binaria sentir/pensar.

Pascoal tamén nos orienta en concreto sobre esta manifestación poética de Miro Villar, e dinos que o poeta logra captar a tonalidade efémera da materia poética deste xénero literario, non só polo seu carácter deambulatorio, itinerante, senón tamén pola abundante suxestión de imaxes de perda e despedida (“nos costados da vida”, “nada perdura”, “punto final”…) que reflicten o desamparo da condición humana. Tamén fala do “jogo das escondidas” (os nosos agochos) onde o autor se revela a si mesmo.

Engade Pascoal que Miro non nos facilita a lectura na súa “deambulação geográfica”, e quizais fose aquí onde eu vin unha fenda na que podía intervir, e así me convertín un pouco no guieiro para o lector, como Virxilio o fora para Dante, pero non para deambular por un inferno dantesco, senón por un paraíso fisterrán do Atlántico: pola vella Armórica, o País do Mar; por Bretaña, por Breizh.

No meu longo prólogo de Breizh advertía que ía ser, loxicamente, ben máis prosaico, de tal xeito que procurei non meterme para nada en fonduras polos vieiros da poesía, pois as miñas carencias son moitas. Estaba claro que as fontes de inspiración de Miro estaban naquela frutífera viaxe de máis de dous mil quilómetros (só de ida) que os membros do Seminario de Estudos da Costa da Morte fixeramos en agosto de 2007 de Rens (Laxe) a Rennes, a capital de Bretaña (ou, o que é o mesmo, de Nande a Nantes). Estaba claro que levabamos da nosa fisterra o espírito do noso paisano Pondal, pois Rens, lugar veciño a Gundar, “preto da areosa Laxe e non lonxe de Pasarela” pertencen á freguesía de San Simón de Nande.

Como eu gardaba un caderno de viaxes daquela singradura, acudín a el por se me podía servir para a encarga recibida. De aí que no meu prólogo dese a miña particular visión destas posibles fontes de inspiración do poeta, co risco de non dar atinado plenamente, dadas as miñas deformacións etnográficas, históricas ou mesmo artísticas. Como é lóxico, non vou repetir aquí o escrito no prólogo; confórmome con poñer algún exemplo, coma tal o do haiku 4 (“Petit-Mont”), no que se pasa das frechas de caza do primeiro verso ós canóns de guerra do segundo e ó búnker nazi do terceiro. Teño para min que non todos han saber que no túmulo megalítico do Petit-Mont d’Arzon os alemáns, na 2ª GM, camuflaran baixo as pedras do cairn un hermético búnker de cemento armado, hoxe reaproveitado como sala de exposicións.

En suma, teño esperanza de que o prólogo que escribín sirva dalgún xeito como guía de viaxe para o lector ou lectora, desde os gravados cheos de misterio do túmulo da illa de Gavriniz ó exército de pedrafitas ou menhires de Karnag; desde o paraíso dos pintores postimpresionistas de Pont-Aven, ós feros embates do mar roleiro, dos raqueiros a apañar crebas nos cons do Finistère. Nos “libros de pedra (que) iluminan sombras, paixón de Cristo” nótase a pegada de Castelao debuxando os calvarios dos adros parroquiais rurais.

Os lectores notarán os paralelismos cos nosos curmáns –que non irmáns- bretóns en moitas crenzas, coma as da Rolda ou Compaña –a Cariquet-Ankou (‘o carro da morte’) deles-, a forzada peregrinaxe de todo bretón de ir de vivo ou de morto a un santuario (eles ó de Santa Ana de La Palud) ou a unha procesión ritual coma a Troménie (Droveni, en bretón) de Locronan.

Tamén hai e non hai certo paralelismo no tratamento dos piratas e corsarios (Miro cita no haiku 34 o derradeiro, Robert Surcouf, contemporáneo do noso Benito Soto, o da Burla Negra; os dous finaron contra 1830, pero de ben distinta maneira). Surcouf ten na cidade corsaria bretoa de St. Malo, unha grande estatua de bronce no adarve da muralla; non é o único corsario homenaxeado, pois outro do séc. XVIII, René de Duguay-Trouin ten outra semellante. Esta cidade presume dos seus piratas e corsarios; en troques, cidades galegas como A Coruña ou Vigo, que tamén tiveron barcos negreiros ou fretados a corso, procuraron agochalos. (E os comerciantes composteláns tiñan os seus barcos a corso fretados no porto do Carril, na ría de Arousa).

Claro que a cidade maluína –ou malvina- tamén ten unha escultura para o descubridor de Canadá, Jacques Cartier, e nun illote da contorna das murallas conserva a tumba de René-F. de Chateaubriand. Citado no haiku 32 (‘Saint-Maloù IV), non podía faltar a peregrinaxe de Miro á “ultratumba” do poeta romántico, para lle render homenaxe ou para acrecentar a inspiración; como toda peregrinaxe ten a súa penitencia, a súa foi volver cos pés mollados.

Miro e mais eu coincidimos nestas querenzas. Nesta miña narración que acaba de saír publicada estes días tamén hai moito de Bretaña e doutras fisterras atlánticas. Pero non estamos aquí para falar disto, senón para darlle os parabéns por este orixinal poemario que a min, particularmente, me fixo “resetear” aquela festiva viaxe de 2007 co noso Seminario.

No 2007 foramos de Rens a Rennes. No 2011 da Fisterra galega á de Cornualles (cabo Land’s End ou Penn-an-Wlass, en córnico, idioma celta que lamentan ter perdido, xa no séc. XVIII, os córnicos actuais e que hoxe tentan recuperar: xa hai 300 entusiastas que disque o falan). Alí, na cidade portuaria de Falmouth –que mantivera coa Coruña un correo marítimo de 1685 a 1762- fixémoslle a Miro unha entrega simbólica dun faro córnico como desagravio a un faro nerio que rexeitara na súa vila de Cee por vir de quen viña.

No verán do pasado 2012 visitamos Normandía e a súa fisterra, o cabo La Hague. Na comarca fisterrá deste cabo, que empeza na cidade de Cherburgo, soubemos da existencia de Côtis-Capel, pseudónimo literario de Albert Lohier, crego mariñeiro e radicalmente ecoloxista falecido en 1986 e poeta en normando, idioma que eu case non sabía que existía (e nas librerías da capital, Caen, tampouco, pois era un escritor en “patois”). Que Alexandre Nerium procure algunha poesía deste escritor da fisterra normanda para a súa colección poética.

En fin, esperemos que a esta última viaxe atlántica que fixemos de Baio a Bayeux fose tan inspiradora para o poeta fisterrán de Cee como a primeira, e que nos sorprenda proximamente cun poemario normando. Materia ten abonda: desde o tapiz de Bayeux ás praias do Desembarque de 1844. Pode empezar, ou rematar, polo faro de Gatteville (Barfleur), o segundo máis alto de Francia cunha torre de 75 m de altura que no seu interior ten unha escaleira de 365 chanzos –tantos como días ten o ano-, 52 descansos –tanto como semanas ten o ano- e 12 xanelas de iluminación exterior –tantas como meses ten o ano-. Sen sabelo –ou quen sabe se intuíndoo-, o noso poeta quixo abarcar entre as súas mans todo o ano. Hai testemuño gráfico. Que teña esa ricaz inspiración non só un ano, senón todos os da súa vida.

Xosé Mª Lema

E velaquí a fotografía que me tirou en Gatteville (Barfleur).

Comentarios desactivados en Breizh, a presentación de Xosé Mª Lema Suárez

Xan 15 2013

Presentación do libro A vaca caníbal, de Marilar Aleixandre


Nos días de lecer do pasado nadal unha das miñas lecturas foi A vaca caníbal (Editorial Galaxia) de Marilar Aleixandre, que me resultou ben agradable de ler e que recomendo non só para a rapazada á que vai dirixido. Alén das diferentes historias do mundo vacún, que agora non vou desvelar, nos relatos protagonizados por unha vaca rebelde chamada Brensa tamén aprendín algunhas cousas que descoñecía, como esta que reproduzo e que foi a que máis me chamou poderosamente a atención:

«Pouco tempo despois da enchente de mazás probei as follas prohibidas. ¿Non sabedes o que son as follas prohibidas? Contan as nais vacas ás súas cuchas que hai moitos anos as vacas vivían no paraíso, que eu sempre imaxinaba como a horta da casa, e que podiamos comer de todo canto nel había, agás unhas follas que nos estaban prohibidas. Mais ocorreu que un día veu a cobra e convenceu a vaca de catar aquela folla prohibida, asegurándolle que era a froita da sabedoría. A vaca comeu esas follas prohibidas e desde entón somos moito máis sabias. Por culpa diso fomos expulsadas do paraíso por un anxo que brandía un fungueiro na man.
(…)
– ¿Pode saberse que estás comendo? ¡Follas prohibidas!
– Sábenme moi ben!
– ¡Non podemos comelas! ¡Lisca de aí inmediatamente!
– ¿Por que?
Miña nai suspirou:
– Ás vacas gústanos o sabor da hedra. Mais os humanos non son capaces de apreciala. Por iso non nos deixan comela, porque se o seu sabor pasa ao leite, eles non poden bebelo. Se te ven comendo hedra, vas levar unha boa zorregada.»

Mañá preséntase o libro en Compostela e Marilar Aleixandre estará acompañada de Xesús Ferro Ruibal, académico e autor, xunto con Pedro Benavente, dos volumes Refraneiro galego da vaca (Santiago: CIRP, 1995) e O libro da vaca. Monografía etnolingüística do gando vacún (Santiago: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, 2010).

Obrigas familiares non me permitirán presenciar o acto, mais quixera animarvos a escoitar estas historias vacúas. Velaquí o texto do convite:

A EDITORIAL GALAXIA E A LIBRARÍA COUCEIRO DE SANTIAGO
TEÑEN O PRACER DE CONVIDALO/A
Á PRESENTACIÓN DO LIBRO

A VACA CANÍBAL
de Marilar Aleixandre

Mércores 16 de xaneiro ás 20 horas
Participará, coa autora, o académico e profesor Xesús Ferro e o editor do libro, Francisco Castro

Un divertido libro de Marilar Aleixandre

A literatura serve para moitas cousas. Tamén para que as vacas poidan reflexionar, contar historias e nós, oílas. E este libro permítenos isto e moito máis. Marilar Aleixandre constrúe un relato divertido, pero tamén crítico, no que imos asistir á aventureira vidas das vacas e ao coñecemento das Vacas exemplares. Cada unha diferente ás outras. Cada unha coas súas vacúas teimas propias.

Comentarios desactivados en Presentación do libro A vaca caníbal, de Marilar Aleixandre

Set 11 2012

E xa está aquí o primeiro Dioivo de setembro


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Setembro. No tsunami das retalladas nos servizos públicos retorna a información crítica do Dioivo, dixital ao que xa saudamos nesta anotación da bitácora. E nos primeiros días do seu regreso, fronte aos NO-DO da prensa escrita, radiofónica ou televisiva domesticada polos poderes fácticos, publican un excelente e incisivo artigo de Fran P. Lorenzo intitulado «Feijóo 2012-2016: unha Galician Horror Story». E tamén é de agradecer a reportaxe de Carlos Meixide sobre a primeira vez que ollaron cinema persoas sobranceiras da nosa cultura (entre elas María Lado e Tomás Lijó, que onda nós fixeran parte do extinto Batallón Literario da Costa da Morte).

Prensa necesaria á que saudamos neste seu regreso.

One response so far

Mai 17 2012

Compás da Costa, unha nova xanela aberta desde e para a Costa da Morte

O Día das Letras Galegas ten de seu un capital simbólico. Esa significación serviu, por exemplo, para que o ano pasado nacese a revista cultural dixital letraenobras, aos que parabenizamos no seu primeiro aniversario.

Pois ben, neste 17 de maio do 2012 publicouse en papel o Número especial saída do semanario Sermos Galiza, que xa leva semanas na rede, como adiantamos nesta ligazón, e que agora pretende saír tamén en papel. Eu xa son subscritor.

E hoxe tamén naceu outro proxecto dixital que nos atinxe pola proximidade xeográfica do corazón. Deron en chamarse Compás da Costa e teñen como subtítulo «A axenda de lecer de Fisterra ás Sisargas». Aquí explican a demarcación xeográfica que vai ser obxecto da súa atención informativa e acolá dan conta de onde e para que veñen. Deseguida reproduzo estes parágrafos ao tempo que lles desexamos unha longa navegación na rede para este ilusionante proxecto.

Quen somos?
«Detrás de Compás da Costa atópase un grupo de 3 xornalistas e 3 comunicadores audiovisuais que se acaban de licenciar recentemente. Somos de diferentes vilas da Costa da Morte (concretamente de Carballo, Baio, Vimianzo e Muxía) e pretendemos facer unha revista dixital que vai amosar que si existe cultura nesta terra. Faremos reportaxes de eventos culturais, deportivos, paisaxes e tradicións pouco coñecidas. Tamén nos encargaremos de promover as actividades que organizan os concellos, asociacións e entidades culturais da costa.
Detrás de nós non se atopa ningún tipo de entidade nin política nin empresarial. Só a iniciativa creadora de 6 mozos preocupados polo desenvolvemento cultural da zona.
A responsabilidade e o entusiasmo son dobres. Por unha parte quixemos ser impecablemente rigurosos nos tempos e na calidade xornalística. Pola outra, respectar todas as áreas evitando limitarnos a ser unha axenda estrictamente cultural.
En resumo, Compás da Costa é lecer, deporte, natureza, patrimonio, gastronomía, literatura, teatro, danza, música, museos, arte e cinema. En definitiva, Compás da Costa é cultura. Somos o teu guía para marcar o tempo desta terra. O compás tamén de todos os concellos, asociacións e persoas que procuran día a día que a cultura non morra na Costa».

One response so far

Next »