HistoriaArchive for the '' Category

Mar 20 2018

Versión galega dun fragmento orixinal en castelán de «El Monte-Sacro de Galicia» (1868), de Antonio López Ferreiro

Tal día coma hoxe, o 20 de marzo de 1910 finou o escritor e historiador Antonio López Ferreiro, nado en Santiago de Compostela o 9 de novembro de 1837, como ben lembran na bitácora «O Almanaque das Irmandades» (en andamento grazas á coruñesa A. C. Alexandre Bóveda e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) ou tamén o útil hashtag ou cancelo #efemeridesgalegas no twitter do caro amigo Carlos Rodríguez Pér‏ez (@xcarlosrope).

Como sinala o Almanaque «cultivou a novela histórica, xénero de enorme vixencia no Romanticismo e que, até o momento, non fora tratado na literatura galega».

No pasado ano botamos man da súa obra na antoloxía intitulada Pico Sacro, ferido polo lóstrego e a lenda (Escolma de textos literarios éditos e inéditos na literatura galega contemporánea), coordinada por min propio e por Xosé Manuel Lobato, escritor e presidente da A. C. Mestre Manuel Gacio de Boqueixón, entidade que promoveu a súa publicación, e que editou de maneira ben coidada Alvarellos Editora.

Nesa escolma publicamos a versión galega dun fragmento orixinal en castelán de «El Monte-Sacro de Galicia» (1868), de Antonio López Ferreiro, tirado de Compostellanum, V (1960). Reedición realizada baixo a supervisión de Fermín Bouza Brey.

Velaquí o extracto:

É tamén digno de atención un terraplén de pouco máis de dous metros de alto, sostido pola parte da vertente por unha escarpa formada de pedra e terra que rodea o Pico dende o punto en que se levanta sobre a serra. A este terraplén chámaselle a “horta da raíña Lupa”.

Prestóuselle tamén atención aos dous túneles perforados no monte que se coñecen co nome de “buratos dos mouros”. Dun deles dicíase que puido ser parte dunha mina romana.
(…)

Sobre a cima deste pico gózase dunha das máis belas vistas que pode ofrecer o noso país, tan rico en fermosas perspectivas, que remunera ben o cansanzo da súa agre e difícil subida. Inmenso é o horizonte que desde alí se descobre; grande a variedade de decoracións que desde alí ostenta a fecunda naturaleza. Pola parte do N.E. vense paradas as espidas montañas; pero o espectador non ten máis que volver as costas e aos seus pés descobre o risoño val do Ulla e o fértil terreo das parroquias veciñas, cuberto de cereais, cinguido pola estrada, sombreado por pequenos soutos e piñeirais, e gorecido de brancas habitaciónes; máis adiante a elevada terra de Tabeirós e máis á dereita o ameno val do Vea. Pola parte do E. limitan o horizonte as xigantescas e nebulosas moles das serras de Campelo, Farelo e Faro; polo O. a prateada superficie do mar. Cara ao N. destacan as elevadas cúpulas da cidade veciña; un pouco máis abaixo resalta o rico país da Amaía.

Antonio López Ferreiro (Santiago de Compostela, 1837 – Vedra, 1910)

Comentarios desactivados en Versión galega dun fragmento orixinal en castelán de «El Monte-Sacro de Galicia» (1868), de Antonio López Ferreiro

Mar 08 2018

Adeus ao docente Xoán Díaz García, profesor de Lingua e Literatura e impulsor da bitácora ‘Son de Poetas’


(Última actualización de Son de Poetas)

Veño de coñecer nas últimas horas a noticia do pasamento de Xoán Díaz García, profesor de Lingua e Literatura e impulsor da bitácora ‘Son de Poetas‘, un blogue que funciona dende o curso 2007-2008 no IES David Buxán de Cambre como (re)compilatorio de versións musicadas de poemas galegos.

Non tiven trato persoal con Xoán Díaz, de quitado de coincidirmos en xornadas didácticas de Lingua e Literatura, a última nas XII Xornadas de Expresión Oral “Tíralle da lingua” da AS-PG, onde presentou o relatorio «Xogando co audio na clase de lingua». Presentación de pequenas experiencias co audio na clase de lingua e literatura: Recitando a Uxío, quebracabezas de audio, son de poetas…, mais sei por outras e outros docentes da súa capacidade de entrega e de traballo a prol da nosa cultura.

Porén son un dos docentes que lle está inmensamente agradecido pois botamos man a miúdo do seu proxecto para acompañar explicacións na aula. Desde a súa creación todo o meu alumnado coñece e visitou algunha vez a bitácora ‘Son de Poetas‘, que se presenta desta maneira:

«Esta antoloxía da poesía galega musicada é un proxecto dos grupos de lingua galega e literatura e do Equipo de Normalización do IES David Buján de Cambre, A Coruña. Ti, lector ou lectora, tamén podes participar deixando a túa opinión sobre o que aquí vexas ou escoites. Podes, tamén, subscribirte utilizando o teu lector RSS habitual.

A nosa única intención é aproximarnos á poesía galega desde a música. Trátase, polo tanto, dun material de aula ou para despois da aula.»

Tamén era responsable, en co-autoría con Pilar Tobar Conde, da tradución á nosa lingua da obra intitulada Represalia e desagravio dun médico lucense republicano: sementeira e memoria / José Luis Díaz Gómez. Sada: Ediciós do Castro, 2010.

A nosa mellor homenaxe é continuar a utilizarmos os materiais compilados en ‘Son de Poetas‘, que recolle a nosa tradición literaria dende a Idade Media até os nosos días. Nos últimos meses era notorio que non se actualizaba ao mesmo ritmo, mais a enfermidade de Xoán Díaz García era tamén unha doenza para o proxecto. E de non o coñecerdes fágovos unha persoal recomendación de seguimento e de utilización nas aulas no caso de serdes docentes. (http://sondepoetas.blogspot.com.es/)

Que a Terra (Nosa) lle sexa leve!

Comentarios desactivados en Adeus ao docente Xoán Díaz García, profesor de Lingua e Literatura e impulsor da bitácora ‘Son de Poetas’

Mar 05 2018

Ramón Otero Pedrayo como «mestre» do poeta Antón Zapata García


(Retrato nos anos da Segunda República. Fonte: Fundación Otero Pedrayo)

Hai 130 anos, tal día coma hoxe, o 5 de marzo de 1888 naceu en Ourense o polígrafo Ramón Otero Pedrayo, finado na mesma cidade o 10 de abril de 1976. E Otero Pedrayo foi o «mestre» para moitos escritores galegos de diversas promocións ou xeracións, entre os que tamén se atopa o poeta Antón Zapata García (Laxe, 1886 – Bos Aires, 1953), quen recoñeceu esa débeda e tamén foi ben considerado polo ourensán.

O primeiro testemuño da admiración de Antón Zapata está na dedicatoria «A Ramón Otero Pedrayo, / pol-o ben que sementa en prol da Nazón Galega» que fixo constar cando se publica o opúsculo Edoardo Pondal: Alma, Sentimento e Libertá da Terra Galega.Conferenza pronunciada por A. Zapata García, o 5 de Xunio de 1930, no “Orfeón Español”, con motivo do grande homaxe que lle rendío ô nobre bardo Gundar a Sociedade Nazonalista “PONDAL”, logo de se compril-o 13 aniversáreo da súa morte.

E segundo podemos ler nunha Nota dos Editores: «Esta conferenza foi pubricada no periódico “A FOUCE” o 15 de Xunio de 1930».

En realidade, apareceu por entregas en dúas publicacións: A Fouce [nº 15, 1 de xullo de 1930] e Alborada, Revista da ABC do Partido de Corcubión [nº 57, agosto-setembro de 1930; nº 58, outubro de 1930; nº 59, decembro de 1930 e nº 60-61, Bos Aires, xaneiro-febreiro de 1931]. Nesta publicación leva os seguintes preámbulos:

«Por crêla de outo intrés pr-ôs leitores das follas d’ALBORADA, hénos gasalleiro pubrical-a conferenza que, encol do tíduo que vai d’avante, fui lida pol-o noso consóceo, Antón Zapata García, no “Orfeón Español”, na nuite do 5 de Xunio derradeiro.
Veleiquí a nomeada primícea que tan outadamente fala da Nosa Terra, —a través dos redenzores versos do poeta de Bergantiños— nas tres caraiterísticas xa denantes consiñadas, ou sexa: Alma, Sentimento e Libertá:» en Alborada, nº 57, Bos Aires, agosto-setembro de 1930.»

«Continuazón da conferenza que dou o noso consóceo Antón Zapata García, no “Orfeón Español”, o 5 de Xunio, diante un milleiro e medio de oíntes» en Alborada, nº 58, Bos Aires, outubro de 1930.»

«Seguimento da conferenza que dou o noso consóceo Antón Zapata García, a câl merecéu outos alaudos do xornal “El Diario Español”, do periódico “A Fouce”, e do profesor da Universidade da cibdá de La Plata, doitor don Augusto Cortina Aravana, que é, hastra oxe, o mellor comentarista sóbos das obras sa nosa Santa Pomba, Rosalía Castro de Murguía.» en Alborada, nº 59, Bos Aires, decembro de 1930.»

«Terminazón da conferenza cuia cópea n-estas follas nos fui aitorizada pol-o seu aitor, o noso conterrán Antón Zapata García.» in Alborada, nº 60-61, Bos Aires, xaneiro-febreiro de 1931.»

A finais de 1930 vai ver a luz o primeiro texto en importancia sobre a obra de Zapata, un artigo que publica o propio Ramón Otero Pedrayo nas páxinas do xornal vigués El Pueblo Gallego, nº 2035, Vigo, 11 de outubro de 1930. Foi reproducido meses máis tarde na revista Alborada, da ABC de Corcubión , nº 64, Bos Aires, xuño de 1931. Na súa sección “Prosas galegas” o polígrafo ourensán escribe o artigo «Un poema de A. Zapata García», no que se amosa entusiasmado pola composición «A Gaita» que se viña de publicar na revista La Temporada de Mondariz (nº 5, 6 de xullo de 1930. E tamén en A Nosa Terra, Idearium das Irmandades da Fala, A Coruña, nº 277, 1º de novembro de 1930. Alborada, Revista da ABC do Partido de Corcubión, Bos Aires, nº 64, xuño de 1931) e que merecera unha mención especial no Certame organizado polo Centro Gallego de Montevideo. Admiración que Otero Pedrayo rememorará tamén no prólogo escrito para A Roseira da Soidade (1954), o poemario póstumo de Antón Zapata García.

Anos máis tarde, nunha xeira de conferencias que realiza en 1947, convidado polo Centro Gallego da capital arxentina, na diáspora Ramón Otero Pedrayo sente unha leve indisposición pola que o polígrafo ourensán ten que ser internado nun hospital. Son moitas as visitas que recibe, entre elas a de Zapata, como vai lembrar anos máis tarde o propio Otero no prólogo do libro A Roseira da Soidade.

«Do meu amigo de amizade confirmada unha mañán do griseiro inverno austral do 1947 cando me visitóu en Bós Aires estando éu doente por unhas horas no leito. Dinantes de decir seu nome, decatéime por as primeiras falas quén era. Tratóu na sua conversa dos paxaros mariños e das longas procelas da costa dura en peito guerreiro arquexada dende a torre de Breogán ao Touriñán e Fisterra, dos antigos da sua xinea navigantes dendes Corme á Prata en naus veleiras, dos tremorosos silenzos xermoladoiros botados por a sombra podente do nome e verso de Pondal sobor das praias e das almas… Falamos dos amigos…».

Esta amizade había continuar cando se publica o poemario A Roseira da Soidade, cun prólogo de Ramón Otero Pedrayo, un texto que se virá obrigado a refacer ao coñecer a morte do poeta e ao que pón remate no mes de nadal de 1953. Sabemos que foi feito a pedimento do editor Manuel Roel Longueira, pois así se sinala na correspondencia entre o editor e o poeta de Laxe. A primeira carta está datada o 18 de febreiro de 1953 e nela Antón Zapata desculpa o seu longo silencio na relación epistolar que mantiñan desde que Roel Longueira regresara a Betanzos en 1950, sinalando que desde o “pasado mes de xuño de 1952: paséi seis meses no leito, de abondo enfermo e doorido” e que agora debe facer fronte a un estricto réxime alimenticio. Zapata agradécelle a Roel “todo canto vostede fixo a prol meu diante dos siñores Otero Pedrayo, Carré, e Vales”, do que se pode deducir que todos tres tiveron algo que ver no proceso de edición.

Porén a repentina morte de Antón Zapata retrasaría ata os primeiros meses de 1954 a aparición de A Roseira da Soidade. Ramón Otero Pedrayo confesa no “Prólogo” que recibira o encargo de Roel para escribilo a mediados de xullo e que pouco despois chegara outra carta, datada o 3 de agosto, na que o betanceiro lle comunicaba a morte de Zapata. Otero Pedrayo escribe as súas palabras “con dóor e ó tempo con serea legría” nos “comenzos do Nadal”, tendo na lembranza “unha mañán do griseiro inverno austral do 1947 cando me visitóu en Bós Aires estando éu doente por unhas horas no leito”, para logo debruzarse na análise da lírica zapatiana, salientando as pegadas de Pondal, Cabanillas e o bretón Tristán Corbière.

Finalmente, en 1952, novamente Ramón Otero Pedrayo fai unha referencia ao seu labor poético en dous parágrafos do seu artigo “A República sin leis dos poetas e dos artistas”, recompilado no libro Por os vieiros da saudade (Vigo. Galaxia, 1952. Existe unha reedición, Polos vieiros da saudade. Lembranzas e crónicas dunha viaxe a Buenos Aires coleccionados. Ed. de Luís G. Tosar. Vigo: Galaxia, 2001), no que ademais de lembrar a Arturo Cuadrado, Luís Seoane, Rafael Dieste, Lorenzo Varela e o pintor Colmeiro, tamén evoca a forma como coñeceu ao noso poeta, cando Otero, de xira por Bos Aires, estaba convalecente, aproveitando para engadir un breve xuízo poético da súa obra:

«Unha mañá das finamente chicoteadas por o ventiño dos restríos, un pouco doentes, cun primeiro lóstrego de febre e a necesidade de desenrolar no serán unha das conferencias principás da nosa xeira, estábamos no leito, xa tardeiro, cun sosego inquedo, cando entróu un home rexo, grave, de falar de caste dos bós de Bergantiños. Era, de antigo, noso amigo sin télo nós enxergado nunca. Un poeta da torgueira dos renovos e agromares podentes e doncelas. Non albriño abraiado ó ser posto no foio do pomar literario. Falaba do vivir dos mariñeiros de Laxe, dos antigos navigantes a vela que ás veces con unha boa “popada” púñanse no termo dun mes en Buenos Aires, de Pondal alancando por as beiras do río “que íl máis amóu de todos”, do canto do alción nas estesas praias desertas ó anoitecer. Era Antón Zapata García. Levaba xa tempo en Buenos Aires. Un vivir forte, independente. A épica do Roncudo e o longo pranto ou o himno dos pinales, alboradeiro, non foron escala de lirismo desglosado da hora para iste poeta dono do momento, con forza, vontade e humorismo para coller a vida por os cornos como unha xunca brava.

Despois houbo outros poemas de Zapata, unha obra tecida, como dín, fortemente cos temas da loita fadal do mundo. Nós gardamos o acento e a verdade galega, dos anacos de poemas maquiados na conversa de Zapata, na soia, para nós venturosa, ocasión de nos ver e falar.»

Polo seu interese, xa que daquela Ramón Otero Pedrayo aínda non coñecía a Antón Zapata, reproducimos ao completo aquel primeiro artigo de 1930.

Prosas galegas. UN POEMA DE A. ZAPATA GARCÍA

Quixera escribir hoxe no principiar do outono un artigo que me rebule nas mentes dende os medeados do vrán. Entón, nos lameiros de trebo, o pasar levián das fadas da noite frolecía as costelaciós do ceo vexetal correspondente ó ceo estrelecido. Pol’o seo verdecente dos milleirals bulía a yauga da rega i-os montes figuraban erguerse e frotar nos quentes ouros do sol. Outras veces era â beira do mar.

A badía toda ronselada mantiña vibraciós de lus que non se sabía si viñan dos fondos mistereosos onde deitan fontelas descoñecidas, deseguida amarguradas pol’a crudelidade salgada do mar, ou si era a lumiosidade do día conquerida e gardada pol’as augas amantiñas. Outras, a comba de peito valente da mar aberta. E sempre enmeigado nas paisaxes galegas sentía a lembranza do poema de Antón Zapata García faguéndome compaña, pois n’il canta nos versos e n’ises espazos fondos que fican entre verso e verso pra qu’os encha a evocaceón a música do gaiteiro. Do Orfeu galego.

Agora as esenzas do outono —alquimia do sol, danza de velos das brétemas, mágoas no esprito dos arboredos— fan ainda máis urxente a presenza do noso Orfeu. O antigo, o primeiro chantre do mundo, asegún dicían os comentadores retóricos, guiaba as feras i-erguía ordeadamente as pedras das vilas. O gaiteiro fálalle ôs homes d’unha raza fina, esprimentada n’unha paisaxe humán todo il fogar do esprito, i, asegún toca, eispresa primitivismo e requintamento, lembranza i-espranza, forza e matís.

A gaita desque se fai profesional e se afoga en locales pechados, ten amingoado un pouco do seu prestixio. Na campía e na aldeia hai sempre no silenzo vexetal e cósmico ou no balbordo de augas, ventos e traballos, un tema de gaita. Todo poeta galego —recordamos ô ademirado Amado Carballo— ten moito de gaiteiro, guiador e ceibador do que d’outro xeito ficaría prisioeiro. No poema de Zapata vai engayolada e decorrente ispiraceón gaiteira.

Eu quixera chamar a atenceón encol d’iste fermoso poema pouco coñecido. Ten o pular valente dos grandes devanceiros do dazanove i-unha feitura, non sei si antiga ou nova, na que se tecen as verbas collidas das mans cruzadas nas anzas étnicas ou locen soltas e soilas todo o seu valor musical i-evocador. A gaita do celta Ourente, do simbóleco nome belido recolle todal’as esenzas da paisaxe e da raza, duas palabras que na Galiza sempre camiñan xuntas.

Horas de mañán e de noite, solpores mariñeiros, horas decorridas ô agarimo dos amieiros fluviales, horas ledas de noivado, horas magoentas de nai doorosa, na Alborada e na Muiñeira, as duas cousas indiscutibres da nosa Terra. Zapata lonxe d’ela soupo abranguela n’iste poema que ficará como unha pura e belida ofrenda, acarón dos mal chamados clásicos. E digo mal chamados porque nas nosas letras verdadeiras o sentimento de mocidade i-a grandeza sinxela da ispiraceón non deixan que coalle ningún tiráneco e demarcado academismo de modelo.

Ramón Otero Pedrayo

Comentarios desactivados en Ramón Otero Pedrayo como «mestre» do poeta Antón Zapata García

Mar 02 2018

Artigo en QPC (XLIII): «As comarcas de Bergantiños e Fisterra na guía de viaxes francesa Joanne de 1890»


(Alfred Germond de Lavigne, autor da guía, e Adolphe Joanne, responsable da colección de guías Joanne)

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para divulgar a presenza que tiveron «As comarcas de Bergantiños e Fisterra na guía de viaxes francesa Joanne de 1890», da autoría de Alfred Germond de Lavigne. Velaquí o artigo que tamén se pode ler nesta ligazón.

As comarcas de Bergantiños e Fisterra na guía de viaxes francesa Joanne de 1890

Diversas localidades das comarcas de Bergantiños e Fisterra aparecen reflectidas na guía de viaxes francesa intitulada Espagne et Portugal (París: Hachette, 1890) da autoría de Alfred Germond de Lavigne, dentro dunha serie que era popularmente coñecida como «Colección de guías-Joanne», pois a responsabilidade era de Adolphe Joanne e cuxo primeiro título fora Itinéraire Descriptif et Historique de l’Espagne et du Portugal (1859), tamén do hispanista Germond de Lavigne, pois ían sendo reeditadas con engadidos e modificacións con periodicidade case anual.

A edición de Espagne et Portugal (1890) foi a derradeira da responsabilidade deste autor e pódese consultar libremente no portal Gallica, «bibliothèque numérique de la Bibliothèque nationale de France et de ses partenaires», nesta ligazón: http://gallica.bnf.fr/ark:/12148/bpt6k5673278z

Tamén existe unha reedición dixital, que permite a impresión baixo demanda ou acceder a un documento pdf, grazas a un convenio de colaboración subscrito entre a BNF e a editorial Hachette Livre para a conservación patrimonial das principais obras da literatura francesa.

Léopold Alfred Gabriel Germond de Lavigne (París, 1812 – 1896) ou simplemente Alfred Germond de Lavigne, foi un escritor prolífico de libros ou guías de viaxes, redactor xefe da Gazette des eaux, mais o seu hispanismo levouno a traducir ao francés varias obras clásicas da literatura española, como La Celestina atribuída a Fernando de Rojas, o coñecido como Quijote de Avellaneda, La vida del Buscón de Quevedo ou de contemporáneos seus como Marianela de Benito Pérez Galdós. Polo seu labor foi elexido membro correspondente da Academia Española das Letras e da Academia Real de Historia.

Pola súa banda, Adolphe-Laurent Joanne (Dijon, 1813 – París, 1881) foi o creador das Guides Joanne, a quen o editor Louis Hachette nomeara en 1855 como director da colección das súas guías de viaxe, que tiñan entre outros os seguintes obxectivos: «Actualmente, como todo o mundo viaxa e intenta viaxar cada vez máis á présa, unha boa Guía debe coller o viaxeiro á saída do vagón e facerlle ver, orientándoo, rapidamente, de xeito seguro e economicamente posible, cara a todas as rexións que describe. Este é o programa das Guides Joanne (…) as guías prácticas que todo o mundo reclama. Estes volumes portátiles, ben editados, teñen uns mapas excelentes e uns planos de uso cómodo e de moi fácil lectura».

Porén, a edición de Espagne et Portugal (1890) tiña máis de mil páxinas, ás que se lle engadían 20 mapas e 22 planos das cidades máis importantes. Estaba estruturada en 141 rutas diferentes no Estado Español, incluídas as illas Baleares e o arquipélago das Canarias e outras 22 por Portugal e a illa de Madeira.

Dez capítulos ou itinerarios céntranse en Galiza desde que entra na provincia de Lugo desde León, sempre seguindo os camiños de ferro da época até que abandona a nosa terra por Ourense camiño de Astorga. Destas páxinas traducimos, coa xenerosa colaboración de Muriel Bouvier (a quen lle agradecemos inmenso a súa lectura e as súas propostas), o capítulo intitulado «Route 15. De La Corogne aux bains d’Arteijo et de Carballo et au Cap Finisterre», que nos achega curiosidades tan sorprendentes coma unhas vilas de Carballo e de Cee con menos habitantes que Corcubión, a importancia balnearia de Arteixo ou o fascinio polo Monte Pindo e a fervenza do Ézaro, así como a singularidade das comunicacións, con só dúas viaxes en vehículo por semana, nas comarcas de Bergantiños e Fisterra, xa que Germond de Lavigne non fai mención ás terras de Soneira. Velaquí:

Título: Espagne et Portugal

Autor: Joanne, Adolphe (1813-1881). Germond de Lavigne, Alfred (1812-1891).

Editor: Hachette (Paris)

Data da edición: 1890

Lingua: francés

Dereitos: dominio público

Fonte: Bibliothèque nationale de France, département Philosophie, histoire, sciences de l’homme, 8-O-184 (C)

Anotación do catálogo: http://catalogue.bnf.fr/ark:/12148/cb30653837q

RUTA 15
DE A CORUÑA AOS BAÑOS DE ARTEIXO E DE CARBALLO
E AO CABO FISTERRA

Ruta. — 95 k.

Unha estrada de 3ª orde, con servizo regular de coche, afástase de A Coruña, ao S.-O., seguindo máis ou menos o litoral do Océano, para chegar ao pequeno porto de Corcubión, moi preto do cabo Fisterra, a 87 k. de A Coruña. Iso permite, non sen algunhas dificultades, unha curiosa excursión a unha paisaxe extrema, e a penas coñecida. É nesta ruta que se atopa, a 7 k., a vila de Arteixo (1000 hab.). Moitos bañistas collen os burros, que son o medio de transporte máis frecuentemente empregado no país, e detéñense a medio camiño para visitar a igrexa de Oseiro, e o célebre santuario de Pastoriza, con grande veneración na comarca.

O manancial de Arteixo está a 160 m. aprox. da ruta. É de cloruro sódico, con restos de iodo, de bromo e de litio. A súa temperatura é de 33 e 39°. A instalación está ben; foi recentemente finalizada. Reciben, durante o ano, de 600 a 700 bañistas afectados de reumatismos e de afeccións herpéticas. A vida material é fácil. O mercado local está abundantemente provisto.

Semella que un se divirte bastante en Arteixo, en temporada alta. Todos os días de feira, hai un baile no paseo e na praza, ao son das gaitas galegas, e a mocidade de A Coruña acode e participa.

Carballo, 500 hab., atópase máis alá de Arteixo, a 33 k. de A Coruña. O camiño percorre unha paisaxe moi cultivada e moi rica. A vila, composta de 80 vivendas diseminadas, está a unha pequena distancia do Océano. Os medios de transporte son os mesmos que para Arteixo: os carros de bois, os burros, e, para os doentes, as liteiras que se pagan de 20 a 25 pesetas. As condicións do aloxamento son satisfactorias.

Os mananciais son sulfúricos sódicos, á temperatura de 23 a 36°. A súa sona vén de antigo; eran coñecidos no tempo dos Romanos. Flúen en abundancia de todas partes, e son recollidos no establecemento principal, que se atopa no centre da vila, en catro estanques ou piscinas. A instalación deixa bastante que desexar. Estas augas parecen ter moitas virtudes na maioría dos casos; Rubio sinálaas sobre todo poderosas contra as afeccións reumáticas e as dermatoses herpéticas. Reciben de 730 a 850 doentes durante a temporada, que dura de xullo a fin de setembro

[Dous camiños conducen de Carballo á beira do mar: a Malpica e a Laxe. A distance é de 12 a 15 k.]

87 k. Corcubión, cabeza de partido xudicial formado nesta zona, a máis occidental da costa de española. Pequeno porto, ao fondo dunha fermosa baía, na desembocadura do río Castro, presenta un excelente e amplo fondeadoiro. A vila, que conta 2000 hab. con vice-cónsules de Francia, de Inglaterra e de Portugal, ten pouco interese por si mesma; unha antiga igrexa, tres ou catro casas de huespedes (en castelán no orixinal), un círculo (debe referirse ao casino) ben organizado, e un fortín en ruínas. Non se comunica coas localidades veciñas mais que por camiños veciñais non transitables e en mal estado. Os barcos a vapor que arriban a Corcubión, van a Vigo, a Carril e A Coruña, e as embarcacións poden navegar ao longo do litoral a Cee, a Fisterra, a Muxía, a Camariñas, que son os derradeiros puntos habitados desta costa.

Cee atópase a unha ollada de Corcubión e no outro lado da ribeira. Chégase en barco ou por un pequeno camiño veciñal de 2 k. A vila, que conta 1500 hab., unha fermosa igrexa moderna, un establecemente de ensino primario e secundario xenerosamente dotado, e algunhas casas de huespedes (en castelán no orixinal), é completamente asolagado polo mar coa marea alta. As plantas baixas das vivendas están construídas en consecuencia. O fondo da baía está ocupada por unha quincena de fábricas de salgadura, que ocasionan un certo movemento comercial. Os estranxeiros visitan, con curiosidade, un fermoso acantilado rochoso, de formación granítica, denominado a serra de Pindo, completamente desprovisto de vexetación, e que se prolonga á beira do Océano. Desde o alto dunha das aberturas deste acantilado, e dunha altura de máis de 40 m., precipítase un arroio que descende cara ao mar nun longo salto de auga moi dividido, chamado a catarata do Ézaro. Un faro de cuarta orde érguese preto de Cee.

Un moi mal camiño de 8 k. leva de Corcubión a Fisterra, pequena vila de 1100 hab., todos pescadores ou fabricantes de salgaduras. É sobre todo por mar que esta localidade pode comunicarse con aquelas que están próximas; mais é raro que o mar sexa practicable nas inmediacións do cabo. Está construída na punta setentrional dunha alta crista estreita denominada, a Nave de Fisterra, que se prolonga, preto de 5 k., ata conformar, na súa extremidade S., o cabo cuxa situación é 42° 56′ 30″ de latitude N. e 2° 56′ de lonxitude O. do meridiano de Cádiz. O lugar do cabo Fisterra é impoñente e domina desde o alto o Océano. Na cima da punta érguese un faro de primeira orde e o primeiro semáforo que foi establecido en España.

[Un camiño veciñal de 20 k. une Corcubión á vila de Muxía, á cal se chegaría máis facilmente por mar, dobrando o cabo Fisterra para subir ao N. Muxía conta con 1300 hab., e posúe unha pequena igrexa e unha capela da Virxe da Barca, obxecto, no mes de setembro, dunha peregrinación de sona. Visítase unha enorme rocha granítica illada, de forme ovoide, a Pedra da Barca, onde a parte superior aplanada pode xuntar preto de 120 persoas, e que se sostén por un prodixio de equilibrio, e o seu plano inclinado non se moveu despois de séculos.

Unha baía profunda separa Muxía de Camariñas, outro pequeno porto de pesca, de 1500 hab. con fondeadoiro para a frota, faro de 1ª clase sobre o cabo Vilán e axencias consulares. O camiño veciñal que une Camariñas a Corcubión, e á estrada de A Coruña, conta con 33 k.]

(Páxinas do encabezamento e do capítulo dedicado ao noso territorio. Premer para agrandar o tamaño)

Comentarios desactivados en Artigo en QPC (XLIII): «As comarcas de Bergantiños e Fisterra na guía de viaxes francesa Joanne de 1890»

Feb 09 2018

Artigo en QPC (XLII): «A prensa de Corcubión ao servizo da Costa da Morte desde 1890 (3ª parte)»

(Nerio. Boletín informativo do Concello. Segunda Época. Número 1. Corcubión, abril de 1985. Premer na imaxe para a lectura deste número completo)

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para divulgar «A prensa de Corcubión ao servizo da Costa da Morte desde 1890 (3ª parte)». Velaquí o artigo que tamén se pode ler nesta ligazón.

A prensa de Corcubión ao servizo da Costa da Morte desde 1890 (3ª parte)

Resulta sorprendente que desde setembro de 1921, cando Nerio deixa de editarse, até o ano 1982 non aparecese en Corcubión ningunha outra publicación periódica, nomeadamente despois de termos falado nas anteriores entregas dunha feraz prensa local.

Descoñecemos as verdadeiras razóns que provocaron este longo silencio, porén poderían sinalarse dúas hipóteses. Pola banda de arca, o encarecemento do papel que se produciu naquelas décadas e a convulsa situación política: ditadura de Primo de Rivera (1923-1930), a denominada ditabranda do xeneral Berenguer (1930-1931), II República (1931-1936), Guerra Civil (1936-1939) e ditadura do xeneral Franco (1939-1975), coa súa longa noite de pedra.

E pola banda de couso, Pepe Miñones, que era un mozo cando lle daba azos a aquela revista Nerio, vai estar envorcado na súa campaña para acadar a acta de deputado republicano, como así sucedeu e conta moi ben o investigador Luís Lamela na súa imprescindible biografía do deputado republicano corcubionés fusilado polo franquismo Pepe Miñones. Un crimen en la leyenda (1900-1936) (Edicións do Castro: 1991). Por parte, nesa década dos trinta a prensa coruñesa xa lle dedicaba moito máis espazo ás novas que se producían nas localidades da Costa da Morte e xa principiaban a ter colaboradores especiais e, andando tempo, tamén correspondentes.

Máis unha vez, Xesús Torres Regueiro no seu artigo «A prensa corcubionesa» (Nerio. Boletín Informativo do Concello. Segunda Época. Número 1. Corcubión, abril de 1985, páxs. 4-5) sinala «o último intento -fallido- de prensa comarcal, PERRACHICA, da que soio saiu un número no 1982».

A día de hoxe non puidemos localizar aínda ese número da revista Perrachica, aínda que sabemos que a alma mater do proxecto foi o mestre Ramón Vázquez Vale, quen daquela tamén estaba detrás dunha espléndida revista escolar chamada Carromeiro que se editaba no colexio público de EXB e hoxe CEIP «Eugenio López», aínda co nome dun sobranceiro franquista. O activismo cultural de Ramón Vázquez Vale «Monchente» tamén tiña moito que ver coa actividade teatral.

Nerio (1985): Recuperando a vella cabeceira dos anos vinte, en marzo de 1985 nace a última experiencia xornalística en papel, antes do dixital Que pasa na Costa. A publicación foi posta en andamento polo goberno municipal de Corcubión, que presidía o nacionalista Rafael Xosé Mouzo Lago (BNG), no ecuador da lexislatura 1983-1987, na que o BNG obtivera 8 actas de concelleiros/as e a Coalición Popular as 3 restantes.

Da miña autoría é a ficha sobre esta segunda etapa de Nerio no proxecto do Dicionario da Literatura Galega. Tomo II. Publicacións periódicas (1997), que publicou Galaxia, coa coordinación da crítica e profesora de Literatura Galega na USC Dolores Vilavedra. Velaquí a miña achega:

«Nerio. “Boletín informativo do Concello”, editado polo goberno muncipal de Corcubión con periodicidade mensual, aínda que irregular. Engade “Segunda época” porque toma a cabeceira da anterior publicación, que saíu co mesmo nome nos anos 1920 e 1921. Sen embargo, foron totalmente diferentes. O número 0 desta nova etapa apareceu en marzo de 1985, prolongándose ata 0 7, de decembro do devandito ano. Estaba coordinada por X. M. Currás Rúa que, ademias, redactaba boa parte das seccións. Sen dúbida, a máis interesante delas é a que se titula “Nerio hai 65 anos”, de Xesús Torres Regueiro, onde se compila abundante información sobre aquela primeira época, con moitas referencias literarias. Polo demais, a maioría das páxinas están dedicadas a información sobre as diferentes actividades programadas polo concello de Corcubión. Artigos de historia local, ecoloxía, antimilitarismo, festas ou tradicións, conforman o contido habitual da revista. De cando en vez aparece algún texto de tema literario como o que glosa a Losada Diéguez, nas Letras Galegas dese ano, un artigo de Francisco Rodríguez sobre Rosalía de Castro e os textos sobre esta escritora de Xosefina López de Serantes, Manuel Iglesias Nimo, Rafa Villar e Artur Trillo, premiados nun certame do concello para lembrar o centenario da súa morte. Os artigos históricos de Francisco Carballo e do coordenador sobre Castelao completan o interese desta publicación que se redactaba integramente en galego, agás nos fragmentos tirados da súa anterior época nos que se respecta o orixinal.»

Así remataba a miña anotación, lembrando o carácter monolingüe en galego da revista, tal e como este 7 de febreiro conmemoraba a AMEGA o Día dos Medios en Galego, porque hai 142 anos en Ourense saíu o primeiro número de O Tío Marcos d’a Portela.

Malfadadamente, máis unha vez, os exemplares que se conservan desta Segunda época da revista Nerio tamén están en diversas mans privadas (eu propio posúo unha colección á que lle falta un número), pois a monumental base de datos do proxecto Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia (http://biblioteca.galiciana.gal/gl/inicio/inicio.do) non dispón de ningún exemplar dixitalizado. Sorprende que só dispoña dun único exemplar da primeira etapa de Nerio, cando a Hemeroteca da Real Academia Galega garda nos sus fondos: N. 1, 3; 1921: N. 9-13, 13 (erro nº), 15-17.

De Nerio (1985) sabemos que a Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago de Compostela atesoura un exemplar do número 2 e a Biblioteca da viguesa Fundación Penzol outro exemplar do número 5. As imaxes que acompañan esta anotación proveñen do meu fondo persoal e recollen a totalidade do número 1, de abril de 1985, aínda que houbo un anterior número cero.

Comentarios desactivados en Artigo en QPC (XLII): «A prensa de Corcubión ao servizo da Costa da Morte desde 1890 (3ª parte)»

Xan 30 2018

Camilo Díaz Baliño, mártir galego, nos versos de Xervasio Paz Lestón e Antón Zapata García

A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) instituíu o 30 de xaneiro como o Día da Ilustración, data do nacemento de Castelao, e que pretende lembrar a traxectoria dunha persoa abondo significada nese ámbito. Este ano de 2018, en colaboración coa Consellaría de Cultura, a AGPI decidiu centrar a súa homenaxe na obra e na vida truncada polo fascismo de Camilo Díaz Baliño (Ferrol, 1889 – Palas de Rei, 1936), desenvolvendo unha serie de actividades e divulgando na rede un magnífico espazo de homenaxe ao artista, co vídeo que abre esta anotación e coa cumprida información que se inclúe no sitio web http://www.diadailustracion.gal/

Alén das achegas da AGPI hai outras varias que se centran en Camilo Díaz Baliño, entre as que salientamos o espazo que lle dedica culturagalega.org ou a ampla selección de materiais que dixitalizou e dispoñibilizou Galiciana, Biblioteca Dixital de Galicia, grazas ao depósito que lle cedeu o seu finado fillo Isaac Díaz Pardo en 2011, meses antes do seu falecemento. Por certo, neste sitio web fálase de “Camilo Díaz Baliño, falecido en 1936″, sen nomear en ningún momento que se tratou dun asasinato a mans da barbarie da represión fascista.

Galiciana recolle tesxtos dedicados a Camilo Díaz Baliño antes da súa morte, mais quen sempre lembraron a causa do asasinato do artista foron os poetas galegos e, en primeiro lugar, moitos da diáspora e o exilio. Entres eles están os versos de Xervasio Paz Lestón e de Antón Zapata García, que malia seren emigrantes abrazaron o ideario antifranquista, galeguista e republicano.

Antón Zapata García (Laxe, 1886 – Bos Aires, 1977) publicou a primeira referencia coñecida en galego, citando a Camilo Díaz Baliño no seu poema «Na morte de Lexandro Bóveda», que apareceu no Galicia, Federación de Sociedades Gallegas, Bos Aires, nº 524, 27 de xuño de 1937. Publicouse precedido dun debuxo sen asinar (aínda que se atribúe a Castelao), que representa o rostro de Bóveda asasinado cunha bala na fronte. De aquí foi reproducido polo académico Xesús Alonso Montero, na Coroa poética para un mártir. 35 poemas á morte de Alexandre Bóveda (1936-1994). Vigo: Xerais, 1996. O profesor nas súas «Notas ós poemas», ademais da localización do texto e doutros datos de interese, sinala: «No verso 53 cítase, entre os asasinados, a Ánxel Fole, crenza moi estendida nestas datas». O poema de Antón Zapata tamén foi compilado por Manuel Fernández Rodríguez, Poemas pola memoria (1936-2006). Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. 2006. Velaquí o texto ao completo:

NA MORTE DE LEXANDRO BÓVEDA

Pra tí, Lexandro Bóveda
—¡irmán escrarecido,
vida próveda!—:
Con requeimantes bágoas nos ollos
e na dôr afundido,
non encontro máis verbas no contido
do noso craro idioma, que adouraste,
(¡pra maldicer aqueles que os ferrollos
de Galiza remachan noite e día,
anque tí os perdoaste,
porque eras nobre, bô e xeneroso!),
que estas verbas: ¡Non son da nosa caste
os lobicáns e os lobos da xauría
que os dreitos arrasóu do povo noso
e â túa intelixéncea aborrescía!…
¡Non é!, ¡non é! da nosa enxebre sangue
a banda de traidores,
malvados e asesiños
que â nosa terra abrangue
i-ôs seus máis caros fillos, guiadores,
asesiñaron xunto ôs seus filliños
—nas aldeias, nos montes e nos vales—
i-ô pé dos seus maores
ou xunto ôs seus igoales
—d-abós e pais, d-irmáns ou da siñora—,
e, por eles, agora,
“A CAMPANA d-ANLLÓNS”, doída, tangue
e a irmán, de BASTABALS, doída, chora!
¿Qué van ser irmáns, pra nós, os seres
que trouxeron â moura moureiría
—empúdeca, babeante, sin homía—,
non respetando nenas nin mulleres?:
¡Galegos desleigados, sin concencia,
que n-houberon cremencia
pr-aqueles bôs irmáns das nosas almas,
esgrevos lumiñals da nosa cencia
e sopostallos lus das nosas artes
das nosas forzas vivas
—¡sinxelamente calmas!—
asesiñados todos no CAMIÑO
da REDENZON das LUCES RÊDIVIVAS,
dos sagros balüartes
da Sancta COMPOSTELA
—¡Nova XERUSALEM tremente en palmas,
procramada na voz da BERENGUELA!—
e que se choran xá por todas partes,
con fraternal cariño,
por onde padricaron
e, boandanzas, cantaron
ô pé do Altar da Patria, car-ô Sole:
Quintanilla, Casal, Díaz Baliño,
Xan Carballeira, Casas, Lustres Rivas,
Xosé A. Suárez Picallo, Anxel Fole
e outros centos de irmáns non menos outos
ô corazón que os chora xa finidos:
¡Co-as balas dos traidores furacados
diante ô tráxico asombro dos petoutos
e os “Queixumes dos Pinos” abraiados!,
mouradores no ALEM, ¡non redimidos!,
e que recraman, ¡forte!, ser vengados!…
Tí fóstel-o Moisés que abreu as fontes
das riquezas da Nosa Nai Galega,
hastra agora aldraxada, magöante:
¡Pol-os necios, pechándolle ourizontes;
pol-os pillos, roubándolle a talega;
e facéndoa, os caciques, emigrante!…
¡Tí fostes, bô Lexandro, o Xesucristo
diante ô Abrente das luces do Dereito
ensinando os Camiños da Verdade
—¡car-a cara co-a lus da Dinidade!—
e, por eisí aituar, teu nobre peito,
aniñando tenruras, foi desfeito
no crime mais atrós nos homes visto!…
Tí, como os Precursores,
meresces os máis férvedos loubores.
¡No “Alem”, no “Mar dos Silenzosos”,
na “Soidade”, onde mores,
teral-o ben querer dos irmáns nosos!
¡Non-os chores, Lexandro, non-os chores
na tráxica partida!:
¡Tí seral-o Druída
oficiando no Altar do Sentimento!:
—¡Por todol-os irmáns que nos mataron
por amar o Galego Encumiamento
que agora, como outrora, nos tallaron
n-un crime xamáis visto!;
mais, como Xesucristo,
no triste camposanto…
¡¡terá Rexurdimento!!…
¡¡Santo!!… ¡¡Santo!!… ¡¡¡Santo!!!…

Pola súa banda, Xervasio Paz Lestón (Serantes, Moraime, Muxía, 1898 – Bos Aires, 1977) cita o artista no seu poema «A Galicia» [Alborada, nº 128, xullo a setembro de 1945], que compilei na obra que recolle a miña Memoria ou Tese de Licenciatura, A poesía galega de Xervasio Paz Lestón. Edición e estudo, unha dura acusación contra o “caudillo” Francisco Franco, na que mesmo se nega a súa orixe galega e se lle chama bastardo ou besta carniceira. E xa nos últimos versos recóllese a esperanza de que a liberdade está próxima e lémbrase dos moitos mártires galegos, que simboliza nos nomes de Xaime QuintanillaAlexandre BóvedaCamilo Díaz Baliño e Ánxel Casal, todos catro asasinados nos primeiros días do golpe fascista.

A GALICIA

Con versos inmortales, por Deuses esculpidos
en mármores e bronces, quixérate alaudar,
Galicia inesquecibre, prisión dos meus sentidos,
verxel paradisíaco de ceo, terra e mar.
Unirme aos mil xoglares cantores da beleza
do teu divino chan cô máis aceso amor;
tuas xeiras do pasado, sublimes de grandeza,
cantar coa branca lira d-un épico cantor.
E ser tamén profeta da gran futuridade
que che anunciou a voz do gran bergantiñán
vibrante inda nos ecos, de rouca maxestade,
dos tumbos medoñentos que baten o Vilán.
Con versos inmortales, por Deuses esculpidos
en mármores e bronces, quixérate alaudar,
Galicia…, pero sóio guerreiros alaridos
me xurden desde a-ialma sedenta de loitar.
Propicias non se amostran as horas que vivimos
pra que os espritos podan a vida embelecer;
as tebras ominosas dos tempos que sufrimos
sô dan a alternativa: ¡loitar ou perecer!…
Este é o presente escuro que os vates proclamaron
preanuncio de un futuro de rutilante luz
pra raza, cuios feitos os orbes asombraron,
¡que non soporta ferros de infame escravitú!
(Que é fruito de tal raza, dixeron do “Caudillo”:
¡sagrílega mentira!, o máiximo traidor
tan sóio pode sere da bastardía fillo,
nacido dos lameiros de turbio deshonor…
Mentira que os seus ollos viran a luz primeira
n-algún fidalgo pazo da vila do Ferrol;
non pode ser galega a besta carniceira
que, sâdica, xogou o mâis infame rol).
Mais xa está preto o día da santa libertade,
algúns chispazos brilan na senda do porvir:
detrás de roxa aurora virá a craridade
que as tebras do presente fará esparexir.
¡I-o sangre xeneroso dos mártires, Galicia,
de Quintanilla, a Bóbeda, de Díaz a Casal,
a Themis lle reclama que a espada da xusticia
se abata sobre a gorxa do fero criminal!
Non pode haber clemencia nin pode haber piedade
pra o indiño criminal con alma de Caín
que, pra afogar a voz da santa libertade,
a patria traicionou perxuro, falso e ruín.
E cando os anos pasen, a sangre dos caídos
será máis venerada que agora o Sant Grial;
ao seu recordo sagro, en cantos nunca ouídos
dirá broncas estrofas outro baril Pondal…
En versos inmortales por Deuses esculpidos
quixérate, Galicia, meu numen alaudar,
si foran tempos estos de cantos repolidos
e non de fera loita, de rexo batallar.
¡Quixera por tal causa que os de hoxe foran duros,
de roca, de diamante, de berro loitador,
que batan nas consencias de fêridos i escuros
culpabres de estas horas de tráxico dolor!

Comentarios desactivados en Camilo Díaz Baliño, mártir galego, nos versos de Xervasio Paz Lestón e Antón Zapata García

Xan 23 2018

Recensión a Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía, de Xosé Luís Axeitos, en Grial 216

No mesmo último número, 216 (outubro, novembro, decembro do 2017) de Grial, Revista Galega de Cultura, e tamén na sección intitulada «O espello das letras» aínda asino unha outra recensión intitulada «Unha biografía alicerzada nunha abondosa documentación» para dar conta do libro Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía, de Xosé Luís Axeitos.

Velaquí a miña devandita recensión ao completo:

Unha biografía alicerzada nunha abondosa documentación

Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía

Xosé Luís Axeitos

Vigo: Xerais, 2017, 304 páxinas

O profesor Xosé Luís Axeitos ten consagrado boa parte do seu concienciudo labor investigador a profundar na breve, e ben intensa, obra e vida do poeta Manuel Antonio (Rianxo, 1900-1930). De feito foi o editor literario da súa Poesía galega completa (Sotelo Blanco, 1992), na que exhumaba textos inéditos e corrixía grallas, vinte anos despois, da anterior edición do doutor García-Sabell (Galaxia, 1972), e tamén na colección Clásicos da Academia, que publicou a Fundación Barrié en convenio coa RAG, emprendeu a tarefa de compilar, anotar e editar toda a produción en tres volumes: Obra completa. Prosa (2012), Obra completa. Poesía (2014) e Obra completa. Epistolario (2015).

Alén doutros artigos e monografías da súa autoría, como unha guía de lectura poética, a ese proxecto totalizador hai que engadirlle esta biografía Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía que procurou o acubillo dunha editorial máis comercial (Xerais, na súa colección Crónica) co obxectivo de acadar unha maior divulgación entre o público lector e que amplía de maneira considerable os datos que o propio Axeitos dera a coñecer en Manuel Antonio (A Nosa Memoria, Xunta de Galicia, 2000).

O volume, con fotografía do poeta na cuberta, tirada en 1922 polo seu curmán Xosé Pérez González, está estruturado en oito capítulos, cada un deles seguido de varias páxinas con reproducións fotográficas e documentais, alén dunha Introdución e tres apéndices: Bibliografía, Crono-bio-bibliografía de Manuel Antonio e un Índice onomástico.

No limiar Axeitos narra o seu primeiro “encontro fuxidío debaixo da luz difusa dunha bombilla pública da estrada de Rianxo a Asados” coa obra do poeta, unha copia mecanoscrita do poemario De catro a catro realizada por Xosé Romero Bravo, aló nos anos sesenta. E prosegue o relato de como foi medrando nas décadas posteriores o seu interese na obra e na vida de Manuel Antonio, así como vai dando conta das fontes documentais e hemerográficas que foron consultadas, pois o poeta gardou papeis de todo tipo, algúns deles reproducidos nestas páxinas, que fan parte na súa maioría dun fondo que custodia a Fundación Barrié. Por parte, xustifica a escolla do título, pola “rebeldía” de militar no nacionalismo das Irmandades da Fala, minoritario na época fronte aos dous grandes partidos conservador e liberal, e pola “rebeldía” de procurar na súa poesía unha nova dirección experimental e innovadora fronte á estética dominante.

«Fervor de Rianxo» relata a mocidade do poeta no concello mariñeiro e nos dez anos que viviu en Padrón antes de que súa nai, dona Pura Sánchez, fose destinada como mestra en propiedade á aldea rianxeira de Asados en 1916. Axeitos descóbrenos toda a actividade económica, cultural, social e política do Rianxo da época, onde mesmo existiron catro periódicos, con datos de interese sobre moitas outras personalidades locais, entre as que salientan Castelao e Rafael Dieste. Na altura, Manuel Antonio como sobriño e afillado do alcalde e cacique local Manuel Pérez, desenténdese das liortas políticas localistas e principia a súa formación intelectual á sombra do ambiente cultural que latexaba e que o vai levar desde unha idade moi temperá a se achegar ao galeguismo.

«A familia e outros ancoradoiros sentimentais» revela unha completa xenealoxía sobre as persoas máis próximas a Manuel Antonio, de primeiras con dúas anotacións máis xenéricas, quer sobre a familia paterna, quer sobre a familia materna, antes de focalizar a atención na súa nai, Purificación Sánchez Vázquez, coa que mantivo unha intensa e complexa relación como testemuña o parágrafo final: “Ela, sempre en castelán; el, sempre en galego, como nas cartas intercambiadas. Ela católica e beata; el, descrido e afastado das prácticas relixiosas”. Deseguida son analizados o seu tío sochantre Xosé Sánchez Vázquez; o seu tío Valentín Losada Vázquez, párroco e moi conservador e o seu curmán Roxelio Pérez González, con quen mantivo unha relación moi estreita e con quen coincidiu na temperá vocación literaria e nos posicionamentos galeguistas, malia seren máis radicalizados no arredismo de Manuel Antonio. Outros amigos e familiares completan este percorrido que se pecha coa breve relación sentimental que mantivo coa súa veciña de Asados, Mercedes Rodríguez Pimentel, “coa que se carteou durante un ano”. Axeitos sinala a doenza que causará a morte do poeta como a causa principal que provocou o seu distanciamento.

Desde o punto de vista literario é obvio que o capítulo «Formación e lecturas» é o máis interesante, salientando que é moi autodidacta e que “a súa bagaxe intelectual é debedora da biblioteca, dos libros e dos faladoiros máis que das escolas”. Alén da súa lectura de centos de contos infantís de coleccións populares en castelán, Axeitos percorre a vida estudantil de Manuel Antonio, que non se caracteriza pola brillantez, pola súa aversión cara ao Latín e a Química. Esta inadaptación levouno a non poder continuar carreira universitaria, como boa parte dos seus compañeiros, e a derivar os seus estudos cara á formación como piloto na Escola Náutica de Vigo. Porén, o curso 1919-1920 vai converterse en fundamental na creación literaria, principia as colaboracións nos suplementos literarios da prensa da época e escribe moitos poemas, algúns deles que se integrarán na obra Cos anacos d’o meu interior. E as prácticas de navegación requiridas para o título de piloto han se revelar fundamentais á hora de escribir De catro a catro. O capítulo péchase cunha exhaustiva análise dos títulos de libros e publicacións periódicas da biblioteca persoal do poeta, que desde a súa heterodoxia axudan a comprender a súa poética. Tradutor de autores como Baudelaire, Poe, Rimbaud ou Verlaine, coñecedor profundo do modernismo e das revistas e dos manifestos de vangarda e lector de diversidade lingüística, con obras en galego, portugués, castelán, francés e inglés, tamén atesouraba centos de recortes de textos literarios ou de copias manuscritas, ás veces destinadas a circular entre as amizades e que o acreditan como un afervoado letraferido.

En «Navegante» descubrimos o capítulo náutico da vida de Manuel Antonio no pailebote Constantino Candeira, transportando mercadorías a peiraos mediterráneos; no paquebote holandés Gelria, que lle permitiu coñecer Río de Janeiro e Bos Aires, así como a diáspora galega, e no pesqueiro Arosa. Axeitos reproduce as anotacións diarias autógrafas dos seus cadernos de navegación en prácticas no Constantino Candeira, fundamentais á hora de entendermos De catro a catro (Follas d’un diario d’abordo). Por mor da fatalidade da súa doenza non chegaría a acadar o título de piloto.

«Os compromisos éticos de Manuel Antonio» céntrase en explicar a súa militancia política, desde as súas dúbidas adolescentes ata o seu arredismo, ideario que Axeitos sintetiza como antiimperialista e anticolonial. Así, con dezaoito anos, xa milita na sociedade anticaciquil e agrarista rianxeira Acción e publica tres artigos no voceiro agrarista padronés La Redención, con pseudónimo para non se enfrontar ao ideario conservador da súa familia. Porén, en 1918 reparte o Manifesto da Asembleia Nazonalista de Lugo, en 1919 principia unha correspondencia con Vicente Risco e desde 1920 vai militar na Xuventude Nazonalista de Santiago e un ano despois na Mocedade Galeguista de Vigo. Participará de xeito activo nos debates do galeguismo e asiste á IV Asemblea Nacionalista de Monforte. Prodúcelle desalento o enfrontamento fratricida entre o sector de Villar Ponte e o de Risco, aínda que está moito máis próximo ao primeiro.

Toda esta actividade política, como tamén a cultural, vai estar condicionada polos avatares que se relatan no capítulo «Marcado pola enfermidade», que principia así: “Arrecadei entre os papeis de Manuel Antonio un notable monllo de noticias relacionadas coa tuberculose” e no que Axeitos nos fala dos antecedentes familiares, de toda a súa conciencia e preocupación polos avances médicos e tamén dos episodios máis graves, como o que provocou a morte do poeta o 28 de xaneiro de 1930.

«Post mortem: infortunios e adversidade na transmisión da obra de Manuel Antonio» é a única parte que pode levantar poeira nesta biografía. Despois de sinalar que a recepción e a crítica do seu tempo non estiveron á altura da súa obra, debido á polémica que suscitou o manifesto Máis alá!, asinado con Álvaro Cebreiro, e de explicar que foi bastante marxinado pola cultura oficial, Axeitos teima en explicar as diferentes e frustradas tentativas de compilar a súa poesía completa, que só chegaron a cristalizar coa edición do doutor García-Sabell en 1972. E aquí é onde critica que non se lle permitiu consultar os manuscritos do poeta para a edición da súa Poesía galega completa e cualifica o suceso de “secuestro”, apoiando esta denuncia co seu propio epistolario, sempre sen resposta. Non remata aquí a acusación, xa que tamén se laia de non poder consultar en datas recentes o manuscrito da obra De catro a catro. Talvez sirvan estes dous episodios para evidenciar certo patrimonialismo que ás veces atranca os avances na investigación histórica ou literaria.

A obra remata cun «Final prescindible», que non o é tanto, onde se realiza unha exposición sumaria e conclusiva dunhas páxinas nas que Manuel Antonio é definido como: “observador, galego da costa, grande amigo, valente, destemido, boa persoa, arroutado, teimoso, firme, nacionalista comprometido, tabernario, conversador brillante, revolucionario, heterodoxo, solitario, bohemio, etc.” e a lectura confirma que Axeitos non fixo uso de ningún deses trazos caracterizadores sen que houbese un testemuño escrito ou oral que así o puidese documentar. Se hai biografías que optan pola ficción novelada, esta obra escolle a explicación rigorosa e a precisión nos datos, os máis deles do valioso fondo documental da Fundación Barrié, mais tamén de novidosas pescudas en arquivos dos familiares e veciños do poeta. Abofé que non é pouco.

Miro Villar

Comentarios desactivados en Recensión a Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía, de Xosé Luís Axeitos, en Grial 216

Xan 23 2018

Recensión ao poemario Mar da morte, de Santi Borrell, en Grial 216

No último número, 216 (outubro, novembro, decembro do 2017) de Grial, Revista Galega de Cultura, que desde hai uns días xa anda polas librarías, e tamén se pode adquirir en edición dixital desde a propia páxina da Editorial Galaxia, asino na habitual sección intitulada «O espello das letras» unha recensión intitulada «A escura lembranza do Prestige» para dar conta do libro de poemas Mar da morte, de Santi Borrell. Unha versión previa desta recensión viu a luz no dixital Que pasa na Costa.

Por outra banda, este número 216, está centrado en textos que estudan «O idioma na escaleira», con artigos sobre a cuestión lingüística da autoría de Klaus Bochmann, Mauro Fernández e Xaquín Loredo (que ofrecen novos e desalentadores datos do uso e da transmisión da nosa lingua).

Tamén se lembra os «40 anos do Museo do Pobo Galego» nunha conversa de Agar Ledo co historiador e presidente da institución Justo Beramendi e con artigos de Ramón Piñeiro (publicado en 1976 e que se recupera) e Sabela López Pato.

Pola miña banda tamén fixen unha lectura atenta doutros artigos como «Alfredo de la Iglesia (1861-1933)», de Xesús Alonso Montero, «70 anos Cómaros verdes, libro inaugural», de Xosé Manuel Dasilva, a análise que fai do Procés catalá o escritor e filólogo Jordi Amat, «Con Carlos Casares. Vivencias compartidas», de Siro, ou «A arte sometida á liberdade. Lorenzo Varela e as artes plásticas na revista Correo Literario (1943-1945)», de Carlos L. Bernárdez.

Velaquí a miña devandita recensión ao completo:

A escura lembranza do Prestige

Mar da morte

Santi Borrell i Giró

Vilafranca del Penedès: Edicións de Pedra, 2017, 144 páxinas

O poeta catalán Santi Borrell i Giró (Vilafranca del Penedès, 1972) vén de publicar Mar da morte, en edición bilingüe catalán/galego, coa tradución á nosa lingua por parte do poeta Amauta Castro, e que se presentou en Galicia nos mesmos días que diversos actos lembraban o 15 aniversario do desastre ambiental provocado polo afundimento do petroleiro Prestige fronte á nosa costa.

Trátase do terceiro poemario de Santi Borrell, segundo sinala a lapela, despois de dúas obras que xa esgotaron as primeiras edicións Els dies a les mans (2010) e Fragments d’unha pedra (2013), un autor que organiza eventos como o Festival de Poesia a les Caves (Sant Sadurní d’Anoia) ou a Kinzena Poetika (Vilafranca del Penedès) e que impulsou o Manifest de Poetes Catalans per la Independència (outubro de 2014) coa adhesión de trescentos poetas.

A obra é en realidade un único poema de longo alento, estruturado en cinco partes, sempre coa versión galega en páxina esquerda e ao seu carón na dereita o orixinal catalán, e principia cos versos: “O futuro lembrará esta data. / Lembraráa o mar. / Lembraráno os peixes. / Lembraráno as árbores. / Lembrarán aquelas imaxes, / aquelas casas azuis / que queimaban o mar”.

(“El futur recordará aquesta data. / Ho recordará el mar. / Ho recordaran els peixos. / Ho recordaran els arbres. / Recordarán aquelles imatges, / aquelles cases blaves / que cremaven el mar”). E un derradeiro verso, en letra negra, grosa e ben grande que aparece igual na lingua de orixe e na lingua de chegada: Nunca máis. / Nunca amáis?

A obra ten moito de colaxe literaria, non só polos diferentes tamaños de letra que se van alternando ao longo do texto, senón por incluír tamén inseridos no propio discurso algúns debuxos, unhas fichas de dominó, unhas cruces, unhas frechas…, a xeito de poesía visual, que na literatura catalana tivo ilustres cultivadores como o vangardista Joan Brossa (1919-1998).

A primeira parte céntrase nos momentos previos á traxedia, con topónimos ben coñecidos na navegación como o Golfo de Biscaia ou Fisterra, cos versos a revelaren o impacto das ondas de sete e oito metros, o escoramento do barco, o pánico, as chamadas de socorro (Mayday. Mayday) que non son escoitadas polas autoridades marítimas e daquela “o petroleiro converteuse nunha caixa baleira de lembranzas” (“el petrolier s’ha convertit en una caixa buida de records”), unha embarcación da que se nos ofrecen todos os seus datos técnicos, o ano de construción, o armador, a bandeira de conveniencia, a carga, a data e o porto de saída, o destino sen confirmar do mercado negro ou o nome do seu capitán, Apostoulos Mangouras, a día de hoxe a única persoa condenada polos tribunais de xustiza. E a voz poética procura outros culpables nos nomes de destacados dirixentes do goberno de España e na súa incompetencia total, para rematar con preguntas retóricas a Hamlet, a Horacio ou a Ofelia.

A segunda parte lembra a errática viaxe e o afundimento do petroleiro fronte ás costas de Muxía, a que se denominou zona cero da traxedia, e como chegou a marea da solidariedade e o primeiro voluntario: “Oriol Roselló foi fotografado / co seu corpo enteiro coberto de fuel, / como se quixera absorver toda a escuridade do mar” (“Oriol Roselló va ser fotografiat / amb tot el seu cos cobert de fuel, / com si volgués absorbir tota la foscor del mar”).

A paisaxe da costa, co bafo do mar que chega ao cabo Vilán, énchese das máscaras das persoas voluntarias que traballan arreo en minguar os efectos do desastre, e novamente a denuncia cos versos a lembraren as duras condicións de traballo ou como recibe ameazas de morte Josep Figueras, coordinador de voluntariado, mentres milleiros de corros electrónicos corren pola rede.

Na terceira parte o poema devén escena teatral no diálogo surrealista das diferentes autoridades que non souberon que facer co petroleiro mentres “o mariñeiro Xoán ollou o medo” (“el mariner Xoán ha vist la por”). Os nomes de Rajoy ou Arias Cañete, ministros do goberno Aznar, acompañan a carencia de respostas ás demandas da poboación costeira, e “ai, Muxía, a ti chegha esta flor negra” (“ai, Muxía, a tu t’arriba aquesta flor negra”) e axiña o fluel xa chega até as costas portuguesas.

A cuarta parte principia na data na que “o petroleiro baixa até o fondo da noite” (“el petrolier baixa fins al fons de la nit” e son infectadas as gándaras e os espazos naturais mentres o ministro Rajoy fala da solidificación e non menciona a expresión marea negra. Ducias de topónimos da nosa costa exemplifican o tamaño do desastre e o discurso poético relata como os mariñeiros saen ao mar coas súas propias mans e chega tamén a inesquecible manifestación de Nunca Máis, aquela dos paraugas negros a rebordar as rúas de Compostela.

A marea negra esténdese até Portugal e por todo o Cantábrico, mentres “os voluntarios, con fato branco, / semellan supervivintes dun desastre atómico, / semellan antigos profetas, a facer o camiño de Santiago” (“els voluntaris, amb granota blanca, / semblen supervivents d’un desastre atòmic, / semblen els antics profetes, fent el camí de Santiago”). E entre as lembranzas, Man, o anacoreta de Camelle, a morrer de tristura.

E na quinta e última parte a esixencia da depuración de responsabilidades políticas, unha demanda da cidadanía que aínda a día de hoxe está sen satisfacer, ao tempo que “a vila de Muxía é un plató de televisión / os xornalistas buscan os tópicos de sempre, / o sensacionalismo das perruquerías” (“el poble de Muxía és un plató de televisió / els periodistes busquen els tòpics de sempre, / el sensacionalisme de les perruqueries”), e a esperanza que chega da(s) man(s) da mobilización popular contra as grandes corporacións da industria enerxética e do capital que patrocinan a traxedia do mar e a quen se responsabiliza da predación das materias primas e da destrución ambiental. Velaquí a utilidade tamén da Poesía.

En definitiva, Mar da morte é un cántico ecolóxico e en defensa do noso medio ambiente, coa mesma intensidade que na nosa poesía representan poñamos por caso os poemas de Himno verde (1992) de Bernardino Graña ou as antoloxías que se publicaron despois da catástrofe do Prestige: Alma de beiramar (Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega), Negra sombra. Intervención poética contra a marea negra (cooeditado por Espiral Maior / Xerais) e Sempre Mar (Colectivo de artistas Burla Negra), aos que se xuntarían varias obras narrativas e de literatura infantoxuvenil que tiveron como eixo o chapapote.

Miro Villar

Comentarios desactivados en Recensión ao poemario Mar da morte, de Santi Borrell, en Grial 216

Xan 17 2018

Artigo en QPC (XLI): De “coreanos” a “faroleiros”. Unha cala sobre os alcumes da Costa da Morte no Portal de Ditados Tópicos Galegos

Published by under Historia,Lingua,Tradicións

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta un artigo para lembrar os dereitos civís neste remate dun ano especialmente grave na involución e no retroceso de moitos avances sociais conquistados. Velaquí este texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

De “coreanos” a “faroleiros”. Unha cala sobre os alcumes da Costa da Morte no Portal de Ditados Tópicos Galegos

O Instituto da Lingua Galega (ILG) dispoñibilizou xa hai uns anos para consulta pública no seu sitio web o denominado «Portal de Ditados Tópicos Galegos», accesible nesta ligazón: http://ilg.usc.es/ditados/

No Inicio explícase a xestación deste Portal, que naceu da colaboración coa Fundación Camilo José Cela, pois as fichas pertencían a un proxecto que o escritor principiou na década dos anos sesenta e do que só chegou a ver a luz o Tomo I en 1998 na Editorial Noesis, ficando o resto dos materiais inéditos. Dísenos:

«Este portal reúne os que tradicionalmente se denominan ditados tópicos, isto é, xentilicios, seudoxentilicios (alcumes) e mais refráns e cantigas referidas a algunha localidade ou ós seus poboadores. Na súa primeira fase ofrece as 1212 fichas recollidas en Galicia para a redacción do Diccionario geográfico popular de España de Camilo José Cela.»

Para o seu labor compilatorio o escritor de Iria Flavia botara man, en primeira instancia, dos carteiros do “Servicio Nacional de Correos”, enviándolles unha ficha común con varias preguntas, e recibiu máis de trinta mil respostas ao seu inquérito.

De todo este material a colaboración entre o Instituto da Lingua Galega e a Fundación Camilo José Cela permitiu recuperar as fichas con información sobre Galiza, que foron editadas no proxecto «Portal de ditados tópicos galegos» (http://ilg.usc.es/ditados), por Xosé Afonso Álvarez Pérez, David Rodríguez Lorenzo e Damián Suárez Vázquez.

Pola nosa banda fixemos una cala sobre a presenza da Costa da Morte e observamos que non están representados todos os concellos, senón só unha parte dos mesmos, e que moitos dos topónimos aparecen deturpados como era costume na época. Da información fornecida, e que se reitera ás veces nun e noutro concello, peneiramos unhas mostras sobre os concellos de Cee, Corcubión, Carnota, Muxía, Laxe e Vimianzo (aos que habería que engadir Cabana de Bergantiños e Carballo para termos o panorama incompleto que ofrecen as fichas que recibiu Cela dos seus informantes). Velaquí a suxestiva lectura desa peneira de datos sobre nós:

FICHA 3120: Informante de CORCUBIÓN
¿Cuál es el nombre o los nombres que reciben los naturales de la localidad?
Corcubioneses

¿Conoce algún refrán, dicho o copla en que figure el nombre de la localidad, o el nombre o el apodo de sus habitantes?

– A Vila de Corcubión ten a figura dhun arco, por eso ten de Patrón o Evanxelista San Marcos.
– Adiós Corcubión alegre, la popa te voy virando, no sé lo que me queda dentro, que mis ojos van llorando. (Copla atribuída a Pepe Miñones, deputado de Corcubión fusilado no 36)
– Desde Corcubión a Cee hay un tiro de escopeta, pasa miña filla pasa, deixa desbalar a seca.
– Corcubión, de mis amores.
población incomparable.
aunque no nací en ella.
le quiero más que a mi madre.
y de rodillas te juro,
si tuviera dinero.
en la puerta de la Iglesia de
perlas de oro echaría un letrero.
diciendo que Corcubión es más bonito,
que el mundo entero.

FICHA 3147: Informante de LAXE
¿Cuál es el nombre o los nombres que reciben los naturales de la localidad?
Laxeiros

Cuál es el apodo o los apodos que reciben, en su conjunto los habitantes de la localidad?
Carneiros

¿Conoce algún refrán, dicho o copla en que figure el nombre de la localidad, o el nombre o el apodo de sus habitantes?
A los de Corme.- papeiros

¿Conoce algún refrán, dicho o copla en que figure el nombre de la localidad, o el nombre o el apodo de sus habitantes?
Laxeiros, Virupio, Neco, Cornetán, Meija do Inverno, Demo que Boya, Piernas, Chaboleiros, Majista, Cacharulo, O Crejo, Antón do Mira, Xaquiniños, Chenchas, Gabachos, As Chicas, As Rejas, Berberecheiros, Cucullas, Casilleras, Boliche, A Nina, Os Cristos, Bendabal, Pinpinillas, O Mexón, As Rapas, As Barbadas.

FICHA 4025: Informante de MUXÍA
¿Cuál es el nombre o los nombres que reciben los naturales de la localidad?
Mujianes o Muxianes

¿Cuál es el apodo o los apodos que reciben, en su conjunto los habitantes de la localidad?
“Os corvos”

¿Conoce el apodo o los apodos que reciben, en su conjunto los habitantes de alguna localidad diferente a la suya? Sírvase transcribirlo, con el nombre del pueblo al que se refiere.
Camariñas = Carneiros

¿Conoce algún refrán, dicho o copla en que figure el nombre de la localidad, o el nombre o el apodo de sus habitantes?
Poteiro – Zoqueira – Mayon – Rapa – Mexobravo – Reina – Brujo – Rata – Chorentana – Juniso – Jandula – Carabel – Estañado – Chulita – Cuarto Pollo – Medio Metro – Buso – Buxijentos – Carallan – Zapatudo
(Nosa Señora da Barca ten o tellado de pedra, ven o podia ter d’ouro, miña virxen si quixera)
En Mintiráns pillan as lebres cas mans

FICHA 4041: Informante de SAN PEDRO DE NÓS (OLEIROS)
¿Conoce el apodo o los apodos que reciben, en su conjunto los habitantes de alguna localidad diferente a la suya? Sírvase transcribirlo, con el nombre del pueblo al que se refiere.
A los habitantes de Mugía (La Coruña) les llaman “pescos”.

A los de La Coruña, suelen llamarles los de El Ferrol, “cascarilleiros”.

FICHA 8128: Informante de VIMIANZO
¿Cuál es el nombre o los nombres que reciben los naturales de la localidad?
Vimianceses o vimianceiros

¿Conoce el apodo o los apodos que reciben, en su conjunto los habitantes de alguna localidad diferente a la suya? Sírvase transcribirlo, con el nombre del pueblo al que se refiere.
Sí; a los de Cee, “Coreanos”; a los de Corcubión, “faroleiros”

¿Conoce algún refrán, dicho o copla en que figure el nombre de la localidad, o el nombre o el apodo de sus habitantes?
Apodos…? Os gabachos; “as campaneras”; “Os castañolas”, “As guindillas”; As Correas, O Coyón, O furoco, A Furricona, O barrigolo, a Rabosa, O lagartón, O chantaino, O cejo, O gaito, Os Michocos, O Monso, O Barcalo dá Gándara.

FICHA 11018: Informante de CARNOTA
¿Cuál es el nombre o los nombres que reciben los naturales de la localidad?
Carnotanos

[Outras indicacións]
(Referidas á veciñanza de Mazaricos por parte do Informante.)
¿Cual es el nombre o los nombres que reciben los naturales de la localidad?
Montañeses

¿Cual es el apodo o apodos que reciben?
No tienen

Comentarios desactivados en Artigo en QPC (XLI): De “coreanos” a “faroleiros”. Unha cala sobre os alcumes da Costa da Morte no Portal de Ditados Tópicos Galegos

Dec 28 2017

Artigo en QPC (XL): «Unha obra teatral contra a lesbofobia no distrito de Corcubión en 1901»

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta un artigo para lembrar os dereitos civís neste remate dun ano especialmente grave na involución e no retroceso de moitos avances sociais conquistados. Velaquí este texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

Unha obra teatral contra a lesbofobia no distrito de Corcubión en 1901

A historia rescatouna o catedrático de Teoría e Historia da Educación Narciso de Gabriel Fernández, quen tamén é o autor do artigo «Marcela e Elisa» no Álbum das Mulleres do Consello da Cultura Galega, onde narra a fermosa e dura relación de amor perseguido entre María Elisa Carmen Sánchez Loriga (8/9/1862, A Coruña – ?) e Marcela Gracia Ibeas (27/6/1867, Burgos – ?) e a súa andaina como mestras en diversas parroquias dos concellos de Coristanco, Vimianzo e Dumbría. Denunciadas polo crego desta última parroquia, sofren denuncias e vexacións que as levan a fuxir a Porto, mais na cidade portuguesa son detidas e xulgadas e, malia seren absoltas, a solicitude de extradición por parte das autoridades españolas fará que fuxan de novo, desta volta a Bos Aires, onde tampouco lles foi doado manter o seu amor.

Unha das primeiras homenaxes públicas a estas dúas afoutas mulleres veu da man dos xornalistas Antón Lopo e Montse Dopico, quen coordinaron un número extra da Revista das Letras (Núm 757. 19 de febreiro de 2009) que editaba semanalmente o xornal Galicia Hoxe e que se pode descargar de balde aquí.

Hai algúns outros artigos e traballos de interese sobre a súa historia, mais hai unhas semanas tivemos ocasión de presenciar a excelente representación do espectáculo teatral que artellou a compañía A Panadaría, co patrocinio do Centro Dramático Galego e os concellos d’A Coruña, de Rianxo e de Vimianzo. A obra, adozada como comedia musical mais así a todo ben reivindicativa, debería ser de obrigada asistencia como vacina para as persoas intolerantes, unha actitude que non mudou moito a pesar de ter transcorrido máis dun século da historia real de Marcela e Elisa.

Para lembrar a lesbofobia que as perseguiu velaquí o artigo, sen asinar, porque até niso hai covardía, que publicou o xornal coruñés El Noroeste e do que ofrezo a reprodución que do mesmo facía o xornal El Diario de Pontevedra. Periódico liberal (AnoXVIII. Num. 5125. 21-junio-1901), que viña a contradicir a cerna da palabra “liberal” da súa propia cabeceira.

Velaquí esta mostra de xornalismo lixo:

DE LA CORUÑA
NOTAS PARA UNA NOVELA DE PAUL DE KOCK

Leemos en El Noroeste:

«Lugar del suceso, una parroquia del distrito de Corcubión.
Personajes: la maestra de la escuela y una prima suya. (Aldeanas y aldeanos, señoras, señoritas y señores de aldea. Coro general)
La maestra, joven y bien parecida, vive en la mejor armonía con la primitiva, y ambas se profesan al parecer, un gran cariño.
Muchas veces va la primita á diferentes parroquias de los alrededores, y pernocta en las casas de familias amigas, todo lo cual, hasta ahora, no tiene nada de particular.
Pero un dia la maestra empieza á sentirse mal, y todos los síntomas de su enfermedad parecen ser, á juicio de un tal Mantiñobre y Repolleira, sabio observador de la localidad, reveladoras de una dolencia que tiene su plazo fijo de curación.
La prima, sin duda para no ver desgracias, determinó partir para las Américas, y al efecto arregló la documentación necesaria, y se vino á la Coruña, donde, según dijo, pensaba embarcar el dia 20 del mes pasado.
A los pocos dias anunció la maestra un viaje, también á la Coruña, invocando el plauxible pretexto de que iba á contraer matrimonio, cosa que á nadie extrañó, y mucho menos á Repolleira, que es un lince atroz…
Ello es que la maestra se casó en la Coruña el 8 del corriente, según consta.
A los pocos dias regresó á su casa en compañía de su esposo.
Este era y es un jovencito barbilampiño, bastante bonito —no encontramos otro adjetivo— simpático, etc., etc.
Lo único que extrañó á mucha gente es que el co maestro, llamémosle así, se parecía extraordinariamente á la primita que se había ido á la Coruña para embarcar con rumbo á América.
Desde este momento Repolleira comenzó á suponer…

Y con motivo de las suposiciones de nuestro observador, se armó un guirigay de mil demonios.
La gente comenzó á decir que hubo una transformación milagrosa, ó sea que la prima de la maestra no era prima, ni tampoco primo, sino que se convirtió de buenas á primeras en varón y luego en marido de la encargada de ilustrar á la infancia de la parroquia.
Las familias en cuyas casas había pernoctado en diferentes ocasiones la prima, antes de la maravillosa metamórfosis, se escamaron hasta el último extremo, y hubo padre que exclamó como los personajes de aquellas comedias que hacían furor por los años de cincuenta y tantos:
—¡Ahora me lo explico todo!
El caso es que el marido de la maestra tuvo que salir del lugar á uña de caballo, y venir á la Coruña, donde se encuentra «á disposición de las empresas».
Es aquí lo malo del caso que por consecuencia de las pernoctaciones, muchas familias piensan procesar al gentil mancebo por usurpación de estado civil… y por otras usurpaciones que no son del caso.
Y es lo que dice Repolleira, escandalizado:
—¿Será cierto lo del espiritismo y la transmigración?… ¿Se habrá metido el espíritu de Boccacio en el marido de la maestra?…

Comentarios desactivados en Artigo en QPC (XL): «Unha obra teatral contra a lesbofobia no distrito de Corcubión en 1901»

Next »