GravaciónsArchive for the '' Category

Feb 24 2015

#EuSonRosalía Presentación do libro-cd De Cantares Hoxe. 34 poetas dialogan cos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro


(Imaxe tirada do facebook do Diario Cultural)

Hai case dous anos recibimos o convite da poeta Ana Romaní, directora do programa Diario Cultural, o informativo cultural da Radio Galega, para sumármonos daquela á conmemoración do 150 aniversario da edición de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro e colaborarmos co proxecto de emisións poéticas “De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no Seculo XXI”.

O proxecto concretábase na reescrita dos 36 poemas de Cantares Gallegos. Daquela, tiña eu que escoller un dos 36 poemas do libro auroral de Rosalía de Castro (que aínda non estivese a ser versionado) e escribir o meu propio poema, procurando «un diálogo poético que nada ten de submisión a un texto dado nin de tradución dun noutro senón de exercicio de libre creación a partir dun poema de Rosalía de Castro».

A proposta era suxestiva, aínda que nada doada e do resultado, emitido en maio de 2014, xa se falou nesta anotación. Daquela escribín:

O Diario Cultural da Radio Galega, que dirixe a poeta Ana Romaní, emitiu o pasado venres o texto da miña autoría que parafrasea o poema «Que ten o mozo?» de Rosalía de Castro (Cantares Gallegos, 27), dentro do proxecto «De Cantares Hoxe».

Pódese escoitar nas seguintes ligazóns:

http://www.crtvg.es/rg/destacados/diario-cultural-diario-cultural-do-dia-24-05-2013-592826

http://www.crtvg.es/rg/destacados/etiqueta/cantares-gallegos

Tamén está aquí:

https://www.facebook.com/diariocultural

E aquí o programa enteiro:

http://www.crtvg.es/rg/a-carta/diario-cultural-diario-cultural-do-dia-24-05-2013-592822

Deseguida ofrezo o texto do poema de Rosalía de Castro e a miña paráfrase poética.

«Que ten o mozo?»

 I
¿Que ten o mozo?
¡Ai!, ¿que terá?
Ponme agora unha cara de inverno,
despois na fiada, ¡sonrisas de tal!
Quer que baile con el no muíño,
i aló pola vila nin fala quisais.
¿Que ten o mozo?
Pois… ¿que terá?

Unhas veces, canciño de cego,
por onde eu andare seguíndome vai;
nin hai sitio donde eu non atope
un Bras con cirolas i os zocos na man
¡Ai, que mociño!
¡Ai, que rapaz!

Noutro instante, ¡mirá que fachenda!:
atruxos que asombran ó mesmo lugar.
¡¡¡Brr!!!, que parece que pasa soberbo,
mandando nos homes su real maxestá.
Mociño, ¿es tolo?
¡Ai!, ¿si o serás?

Eu non podo entender, meu amore,
que airiños te levan, que airiños te trán,
nin tampouco cal xeito te cadra,
tratándose, mozo, do teu namorar.
¡Ai! ¡Dios me libre
de ti, bon Bras!

Que no meu entender te acomparo
ó mesiño de marzo marzal:
pola mañán, cariña de rosas,
pola tarde, cara de can.
¡Mala xuntanza
facemos! ¡¡Ai!!

II
¿Que di a meiguiña,
que di a traidora?
Corazón que enloitado te crubes
cos negros desprezos que a falsa che dona,
¿por que vives sofrindo por ela?
¿por que, namorado, de pena saloucas?
Si ela é bonita,
ela é traidora.

Di, con mengua de min, que non sabe
que airiños me viran, veleta mal posta…
Que cho digan, rapaza, os teus ollos,
que agora me chaman, dempois me desbotan.
Que anque es bonita,
eres traidora.

Si unhas veces amante che falo,
e si outras renego de ti…, ¡pecadora!
¿cales auguas repousan serenas,
si o vento que as manda rebole antre as ondas?
E ti ben sabes
que es revoltosa.

Son canciño de cego en quererte…:
tal bulra merece quen ama sin conta,
pois cos zocos na man ou sin eles,
ás portas do inferno seguíndote fora.
Tal estou tolo,
tal es graciosa.

¡Que de marzo marzal teño a cara…!
Quisais que así sea, mais ti, miña xoia,
tamén es cal raiola de marzo,
que agora descrube, que agora se entolda.
Iguales semos,
nena fermosa

PARÁFRASE DO POEMA QUE TEN O MOZO?

(Rosalía de Castro: Cantares Gallegos, 27)

Marzo, marzal:
pola mañán, cariña de rosas,
pola tarde, cara de can.

FALA ELA (desde o seu desasosego):
O teu rostro de inverno ora empardece,
ora de primavera xa alborece,
abala entre a fachenda e o amor cego.

Dáme a mesma dozura que che entrego,
non haberá ningún tece e destece
da que cose entre bágoas e entristece.
Ben se entende a nacenza do meu prego.

E FALA EL (desde a súa incomprensión):
Todo en ti ten beleza e fermosura
e anéganme mareas de amargura.

O teu silencio sábeme a traizón,
devezo a túa voz, morno aloumiño,
onda min a acalmar o remuíño.

Abril do 2013

(A publicación De Cantares Hoxe)

E esta tarde, aínda que malfadadamente non poderei estar, na Fundación Rosalía de Castro vaise facer a presentación do proxecto de edición da antoloxía sonora e textual De Cantares Hoxe. 34 poetas dialogan cos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro que asumiu a propia Fundación en colaboración coa Radio Galega.

Coa edición nun fermoso libro-cd culmina o proxecto promovido polo informativo cultural da radio pública que reúne os poemas inéditos escritos por 34 poetas a partir dos que Rosalía de Castro publicou no seu libro Cantares Gallegos. Unha presentación do presidente da Fundación Rosalía de Castro, o tamén poeta Anxo Angueira, e unha introdución dos tamén poetas e xornalistas Ana Romaní, Anxo Quintela e Xiana Arias preludia a escolma. Por orde de aparición no volume están as (re)escritas da autoría de Oriana Méndez, María Lado, Olalla Cociña, María Reimondez, Xabier Cordal, Román Raña, María Xosé Queizán, Xulio L. Valcárcel, Manuel Darriba, Cesáreo Sánchez, Xabier Queipo, Antía Otero, Luís González Tosar, Claudio Rodríguez Fer, Elvira Ribeiro, Helena Villar Janeiro, Celso Fernández Sanmartín, Eva Veiga, Eduardo Estévez, Yolanda Castaño, María do Cebreiro, Carmen Blanco, Dores Tembrás, Miro Villar, Gonzalo Hermo, Marta Dacosta, Susana Aríns, Lino Braxe, Arturo Casas, Manuel Forcadela, Marga Doval, Marilar Aleixandre, Claudio Pato e Luz Pozo, con separata que inlúe o poema de Xosé María Álvarez Cáccamo.

Comentarios desactivados en #EuSonRosalía Presentación do libro-cd De Cantares Hoxe. 34 poetas dialogan cos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro

Nov 13 2013

Incompetencia, nunca máis! Impunidade, nunca máis!

Malia que no banco dos encausados non estaba quen tiña que estar, malia a ausencia de depuración de responsabilidades políticas na catástrofe, sentimos esta mañá moita carraxe e indignación ao coñecermos a sentenza pronuciada no xuízo polo embarrancamento do Prestige, coa que por suposto non concordamos e discrepamos.

Reproduzo deseguida a anotación que publiquei nesta bitácora o 15 de novembro de 2011, co título E van nove anos daqueles «hilillos» de Mariano Rajoy. Velaquí:

(15 de novembro de 2011)

Nestes días fanse xa nove anos desde o embarrancamento do Prestige e da desoladora marea negra que provocou nas nosas costas. Está por facer un traballo que estude toda a “marea” artística e literaria que agromou neste negro episodio. Foron moitas autoras e moitos autores a escribiren textos ex-novo inspirados na traxedia. Non foi así no meu caso, incapaz de escribir por razóns emocionais neses momentos. A obra que máis relación ten con este tema foi o terceiro conto da serie de Carlota, a marmota, aquel que se chama Carlota e a gaivota patiamarela (2006). Porén, este conto rimado foi escrito antes (por desgraza de maneira case premonitoria) e publicado anos despois, ilustrado por Enjamio.

Por iniciativa da Federación de Libreiros de Galicia e as editoriais Espiral Maior e Xerais publicouse o volume Negra sombra. Intervención poética contra a marea negra, cuxos beneficios foron para a plataforma cívica Nunca Máis. O libro recolle os poemas de 120 autoras e autores.

E por iniciativa da asociación cultural Benito Soto e a plataforma artística Burla Negra editouse outro volume intitulado Sempremar. Desta volta ilustracións, ensaios, poemas, relatos e música de 18 ilustradoras e ilustradores, 117 escritoras e escritores e até 25 grupos musicais. Participei nos dous libros mais con ningunha creación ad hoc, senón con poemas do libro que viña de publicar, Gameleiros, con fotografías de Manuel Álvarez. «Che» e «Xirolo» figuran na primeira antoloxía e «Dioni» na segunda. O feito de seren textos relacionados coa vida do mar animoume a cederllos para poder estar presente nas dúas propostas. Velaquí os textos:

CHE

No deserto que somos calquera pescador
é home que multiplica peixe e pan para os seus,
en completo silencio reinventa o evanxeo
segundo San Mateo. Nunca haberá cronistas
para daren noticia do cotián milagre.

XIROLO

¿E se a boca da nasa sempre fose un silencio?
¿E se no útero, dentro, non houbese placenta?
¿E se as noites e os días fillasen tempestades?
¿E se nunca amencese nin se vise a ardora?
Meu capitán, o inferno. Meu capitán, o inferno.

DIONI

En cada mariñeiro dorme un ser mitolóxico,
con dous potentes brazos que nas extremidades
se bifurcan en oito tentáculos ventosas,
e cando no horizonte venta a voz do perigo
espertan oito brazos a apegarse na vida.

(Na páxina da AELG pódense escoitar na miña voz estes e outros poemas)

Comentarios desactivados en Incompetencia, nunca máis! Impunidade, nunca máis!

Xuñ 13 2013

O mariñeiro-poeta Xosé Iglesias recita en alta mar o poema «Na outra banda do mar constrúen o navío» de Antón Avilés de Taramancos

De Xosé Iglesias, mariñeiro-poeta, xa falei nesta anotación, despois de o coñecer persoalmente, malia que é natural da miña propia vila, na Homenaxe Nacional a Bernardino Graña (Cangas de Morrazo, 1932), celebrada n’A Coruña baixo o lema MEDRE O MAR! e organizada pola AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) e o Colectivo ArTeu, da que xa falamos aquí e acolá.

Naquela anotación xa se dixo que Xosé Iglesias escribe versos e mantén unha canle propia de videos en youtube ben interesante, con poemas da súa autoría como «Transfusión oceánica», mais tamén con poemas que lle son queridos.

Este é o caso do video que achegamos hoxe, no que máis unha vez en alta mar recita un poema, deste volta ese magnífico texto de Antón Avilés de Taramancos (1935-1992) que principia co verso «Na outra banda do mar constrúen o navío» do libro As torres no ar (Sotelo Blanco).

Curiosamente este é un dos meus poemas de cabeceira e foi o que escollín para o proxecto da AELG (Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega) que nos solicitaba a lectura de textos propios e dun poeta a reivindicar. O meu dicir de «Na outra banda do mar constrúen o navío» de Antón Avilés de Taramancos é ben moito máis maino que a poderosa interpretación que realiza o amigo Xosé Iglesias en alta mar. Velaquí nesta ligazón a miña calma lectura.

Comentarios desactivados en O mariñeiro-poeta Xosé Iglesias recita en alta mar o poema «Na outra banda do mar constrúen o navío» de Antón Avilés de Taramancos

Xuñ 05 2013

Darío Fo recita unha peza inédita escrita por Franca Rame no seu funeral laico

O pasado 27 de marzo, na conmemoración do Día Mundial do Teatro, reproducimos nesta anotación a mensaxe oficial deste ano que foi escrita por Darío Fo, dramaturgo italiano e Premio Nobel de Literatura en 1997. Daquela xa contei que era un autor que é da miña estima desde as afastadas datas de 1989 cando a compañía Talía teatro (Cee), daquela afeccionada ou amadora, puxera en escena Aquí non paga ninguén (Non si paga, non si paga!), na que colaborei nos aspectos técnicos cabo de Víctor, o irmán de Artur Trillo Sendón, co-protagonista como actor na obra e tamén na dirección do espectáculo.

Porén, nese momento, e non o debía esquecer, non comentei que a obra de Darío Fo non tería a mesma dimensión sen a súa compañeira Franca Rame que nos deixou hai poucos días. E a lectura das páxinas culturais do xornal italiano Il Post permitiume atopar o emotivo e extraordinario documento do video da RaiNews24 que reproduzo, no que Darío Fo chora a súa amada e compañeira coa interpretación dun monólogo dela. A gravación, de trece espléndidos minutos, leva o seguinte pé, que non traduzo, porque é doado de entender:

Al funerale laico di Franca Rame, Dario Fo recita un racconto inedito scritto dalla moglie

«Dario Fo, durante i funerali laici di Franca Rame che si sono tenuti al Teatro Strehler di Milano, ha recitato un racconto inedito scritto dalla moglie. “C’è in particolare un lavoro o meglio, un monologo, che Franca ha recitato solo qualche volta quest’anno, e di cui bisogna che io vi parli perchè è fortemente pertinente alla situazione a dir poco drammatica che io sto in questi giorni vivendo con mio figlio e con la mia gente”, ha detto il premio Nobel».

Tamén a páxina web do dramaturgo recolle o video e un agradecemento polas mostras de pesar. E desde anotación tamén vai a nosa. Que a terra che sexa leve, Franca Rame!

Grazie a tutti

Abbiamo ricevuto centinaia di telegrammi, sms, messaggi su blog e Fb… veramente tanti.
E tante sciarpe, vesti e rose rosse, tante canzoni, tante lacrime ma anche tanti sorrisi che ci hanno accompagnato in questi giorni. E’ stato molto emozionante, come tutto nella vita di Franca.
Vogliamo ricordarvi uno a uno, e lo faremo presto. Per ora un grazie enorme, un abbraccio a tutti.
GRAZIE!

Dario, Jacopo, Eleonora, Mattea e Jaele.

Comentarios desactivados en Darío Fo recita unha peza inédita escrita por Franca Rame no seu funeral laico

Mai 27 2013

Video reproducido no Bico da Ría, a revista do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES “Félix Muriel” de Rianxo


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Un chío na conta de twitter de Certo, o dixital das terras de Barbanza e Noia, tróuxome a nova de que Bico da Ría, a revista do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES “Félix Muriel”, de Rianxo, informaba sobre o encontro literario que tiven con alumnado dese centro o pasado luns, 13 de maio.

Coa entrada da nova, que reproduzo deseguida, vai un video de pouco máis de hora que tamén se pode visionar na canle youtube.

A miña gratitude e os meus parabéns ao alumnado e ao profesorado desde activo EDLG, que xa é referente entre as persoas que teñen a defensa da nosa lingua como eixo. Ben coordinado por Valentina Formoso (autora do imprescindible volume Do estigma á estima, Xerais, 2013), aínda lembro a edición que fixeron de No meu mar, na miña lingua. Léxico de embarcacións e deportes náuticos (Toxosoutos, 2012) que chegou ás miñas mans através do amigo Xosé Manuel Lobato.

Velaquí a entradiña e o video:

Miro Villar no noso IES

Publicado o xoves 23 de maio do 2013

Miro Villar é un poeta galego nado en 1965. Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, narrador, tradutor e crítico literario. Ademais traballa como profesor de lingua e literatura galega.

Na súa charla puidemos darnos conta de que a maioría da súa obra é culturalista, xa que moitos dos seus poemas necesitan coñecementos da matería poética e de certa cultura para poder entendelos perfetamente. Pero a súa poesía tamén ten trazos intimistas, como el mesmo dixo, a súa biografía afectou moito na súa obra.

Falounos tamén de como comezou a escribir e ao final tamén atendeu as nosas preguntas.

Comentarios desactivados en Video reproducido no Bico da Ría, a revista do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES “Félix Muriel” de Rianxo

Mai 27 2013

Volume I das Obras Completas de Roberto Vidal Bolaño nas «Recomendacións Á Lus» da bitácora da libraría Á lus do candil (Arteixo)

O venres, 1 de marzo, a libraría Á lus do candil (Arteixo), do amigo poeta fisterrán Modesto Fraga e a súa compañeira Alba, acolleu a presentación ou lanzamento do meu libro de poemas Breizh (Toxosoutos, 2012), como xa se contou nesta crónica, nun acto ao que asistiron arredor de trinta persoas, para escoitar as palabras do profesor e escritor Xosé María Lema Suarez, autor do limiar, e a min propio.

Ao remate do acto pedíronme que gravase unha recomendación literaria para inserir na páxina da libraría durante o mes de maio. Escollín o Volume I das Obras Completas de Roberto Vidal Bolaño (nestes días vén de saír o segundo tomo), que publica Edicións Positivas e que inclúe seis pezas que tiven o pracer de ver representadas: Integral, Animaliños, Anxeliños!, Criaturas, Rastros e Saxo Tenor, en edición preparada polo amigo Xosé Manuel Fernández Castro.

Alén de reproducir o video na canle youtube, tamén se pode visionar na sección «Recomendacións Á Lus» da bitácora da libraría Á lus do candil.

One response so far

Mai 16 2013

As letras da Costa da Morte a debate



(Premer nas imaxes para unha mellor lectura)

A celebración do 17 de maio, Día das Letras Galegas, propiciou que a semana pasada Radio Voz-Bergantiños xuntase a cinco autoras e autores da Costa da Morte e a dous activistas culturais de longo alento para debater sobre a situación da creación literaria na comarca.

Na gravación para o programa que conduce a xornalista Mar Varela estivemos convidados Xosé María Lema Suárez, Rocío Leira, Paco Souto, Diana Varela Puñal e eu propio para representarmos a feraz literatura de noso, completando a táboa redonda Nel Vidal Barral, do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo e Presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), e Xosé María Varela Varela, en representación da máis antiga e magna celebración, o Festiletras do Couto (Ponteceso).

O debate foi escaso nesta táboa redonda, xa que as coincidencias eran moitas, e resultou máis que nada unha exposición persoal sobre diversos temas que foron suxeridos pola condutora do programa. En calquera caso, foi unha boa maneira de adiantarmos o Día das Letras Galegas.

Con posterioridade, La Voz de Galicia en Carballo, na súa edición en papel dominical recolleu unha escolma das nosas intervencións, da man da propia Mar Varela e de Ángel Palmou, que se reproducen para a súa lectura nas dúas anteriores imaxes e tamén nas dúas que seguen.


Comentarios desactivados en As letras da Costa da Morte a debate

Mai 06 2013

A gravación de tres poemas de Gameleiros no portal poesiagalega.org


(Cuberta do CD editado polo Consello da Cultura Galega en 2006)

O proxecto poesiagalega.org, dirixido polo poeta e profesor Arturo Casas, sufriu os atrancos e os problemas provocados polas retalladas no diñeiro público para a investigación, que cando se tratar das Humanidades aínda foi moito máis selvaxe. Porén, como graos de millo, no devandito portal continúan a referenciar e facer acubillo de moitos materiais poéticos, ás veces dispersos ou inencontrables, que dispoñibilizan para o público.

Entre as últimas novidades que ofrecen e que veñen gozosas, aínda que sexa pouquiño a pouco, posibilitan a escoita de tres poemas do meu libro Gameleiros (Xerais, 2002), feito en colaboración co fotógrafo Manuel Álvarez. Trátase dos intitulados «Dioni», «Che» e «Cama de piedra», que pertencen a unha gravación realizada en 2006 polo Arquivo Sonoro do Consello da Cultura Galega.

No portal poesiagalega.org unha entrada común e reproducen o son e a letra do poema, de tamén ofrecemos aquí deseguida.

Descrición: Gravación pertencente ao volume 2 de Poetas e narradores nas súas voces, publicado polo Arquivo Sonoro de Galicia (Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2006).

Tipo de son: Audio creación

Formato: mp3

Fonte: Consello da Cultura Galega

Dereitos: Consello da Cultura Galega

villar_2006_dioni

(premer na ligazón para o audio)

“DIONI”

En cada mariñeiro dorme un ser mitolóxico,
con dous potentes brazos que nas extremidades
se bifurcan en oito tentáculos ventosas,
e cando no horizonte venta a voz do perigo
espertan oito brazos a apegarse na vida.

[Gameleiros. Vigo: Xerais, 2002]

villar_2006_che

(premer na ligazón para o audio)

“CHE”

No deserto que somos calquera pescador
é home que multiplica peixe e pan para os seus,
en completo silencio reinventa o evanxeo
segundo San Mateo. Nunca haberá cronistas
para daren noticia do cotián milagre.

[Gameleiros. Vigo: Xerais, 2002]

villar_2006_cama

(premer na ligazón para o audio)

“CAMA DE PIEDRA”

Os listos ollos aguias do mariñeiro nunca
leron libros de Stevenson, Melville, London, Verne,
pero os dedos buliron en páxinas de tinta
onde estaban escritas as marcas do mar, cofres
ocultos que abre a chave do aparello da vida.

[Gameleiros. Vigo: Xerais, 2002]


(Dioni na fotografía de Manuel Álvarez. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Comentarios desactivados en A gravación de tres poemas de Gameleiros no portal poesiagalega.org

Xan 31 2013

Benvida e parabéns ao «Proxecto Buserana. Muxía, pola defensa do Patrimonio Cultural Inmaterial»


(Cabezallo do Proxecto Buserana de Muxía. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Nestes días vén de se presentar o denominado «Proxecto Buserana», que leva como subtítulo «Muxía, pola defensa do Patrimonio Cultural Inmaterial». É unha fermosa idea de Viki Rivadulla, artesán e Técnica de Cultura do Concello de Muxía, que vén de coller forma nunha coidada páxina web na que se atesouran centos de documentos e imaxes que trascenden a localidade costeira para se converteren en parte do noso patrimonio cultural nacional.

Ogallá nesta nosa Nación milenaria agrómanse moitas iniciativas coma esta, nun labor de investigación e recuperación que se iniciou co Seminario de Estudos Galegos (SEG) por volta de 1923 e que ten hoxe o seu máximo expoñente no Museo do Pobo Galego.

Moitos parabéns, pois, que personalizo en Viki Rivadulla, mais que se debe estender a todas as persoas que fan posible esta achega coa súa desinteresada colaboración.

O «Proxecto Buserana» está artellado, polo de agora, en diferentes seccións e premendo nos títulos hai unha ligazón aos seus contidos:

Xa tan só a posibilidade de ollarmos as numerosas e fermosas fotografías e os videos recollidos xa paga a pena. Porén, son moitos os capítulos de interese e agradezo de maneira persoal que reproduzan no apartado de literatura un dos poemas da miña autoría que atoparon inspiración nas paisaxes de Muxía. Trátase do poema H ou IX do meu Abecedario da desolación (Espiral Maior, 1997), no que se fala da «furna da Buserana».

H

Nadie me salvará de este naufragio
si no es tu amor, la tabla que procuro,
si no es tu voz, el norte que pretendo.

Miguel HERNÁNDEZ

IX

o mar, ben coñecido, non oculta segredos
na costa de muxía, despido polos brazos
de occidentais paisaxes lambe as súas contornas
ata bater coa lingua na erosión máis profunda,
mentres ollos pechados son martiños peixeiros.

o mar esperta cedo, debruzando nas rochas,
e un brazo tumultuoso penetra ben adentro
na esvaradiza furna de buserana, labios
pedregosos reciben o contacto salobre
das lúbricas areas como carnes abertas.

o mar desvergoñado rebenta en escabrosas
acometidas, ondas máis doridas salpican
as íntimas paredes con escorregadizos
aceites e na furna sonidos interiores
procuran a mestura cos xemidos das augas.

o mar decrece lento na breve retirada
da baixamar, en horas futuras novos azos
serán agradecidos pola furna con voces
de azucre e de melindres, namentres senllos corpos
dormen amalgamados e o amor se reinventa.

o mar, este mar mesmo, testemuña naufraxios
e ten na pel escritas enigmáticas lendas
ou certos episodios, fala dunha doncela
morta de amor, dun vate que mataron por ela.
como tamén son bardo pregunto o meu destino.

Comentarios desactivados en Benvida e parabéns ao «Proxecto Buserana. Muxía, pola defensa do Patrimonio Cultural Inmaterial»

Xan 30 2013

Transfusión oceánica: os versos salgados do mariñeiro-poeta Xosé Iglesias gravados en alta mar



Xosé Iglesias é un mariñeiro-poeta que coñecín persoalmente hai pouco, malia que é natural da miña propia vila, na Homenaxe Nacional a Bernardino Graña Villar (Cangas de Morrazo, 1932), celebrada n’A Coruña baixo o lema MEDRE O MAR! e organizada pola AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) e o Colectivo ArTeu, da que xa falamos aquí e acolá.

Daquela presentounos Xurxo Souto e falamos un bocado. E contoume que naceu e ten casa familiar no Campo do Sacramento na vila de Cee, aínda que a súa estirpe (por parte paterna) vén sendo natural de Fisterra. A día de hoxe (despois moitos outros oficios relacionados co mar, como o de mariñeiro no Gran Sol) reside en Arteixo, ao pé da cidade coruñesa e, tendo o seu peirao como atraque, patronea un barco de baixura co que anda ao mar alén de A Marola.

Xosé Iglesias escribe versos e mantén unha canle propia de videos en youtube ben interesante, na que sobrancean as tres gravacións que ofrecemos hoxe. Alén diso, reproducimos a letra dun dos seus poemas. Moito mar, moitos salseiros a correr polas veas das súas palabras.

TRANSFUSIÓN OCEÁNICA

Eu, creo que sou humano reconvertido,
e sinto, que nalgún momento
sufrín transfusión oceánica,
porque esta sangue do meu corpo
non é sangue, é sangue salgada.
Sinto tamén que sufrín metamorfose,
non é nariz a miña senón proa,
non son brazos os meus senón amuras
e as miñas costelas cadernas…
Todo min forma un esqueleto naval.
E esa barriga que se afunde no mar
estabilidade contras as ondas de costado.
Son humano, son barco, son tantas cousas…..
Eu, creo que son árbore, porque sempre me chove,
sempre me venta, sempre me dá o sol.
tamén creo que sou paxaro, porque os peixes
venme voar entre as ondas, e subo, baixo,
fago siluetas acrobáticas ou simplemente voo raso.
Así me ven, un paxaro voando no océano…
Miran cara enriba, e alí estou coa proa,
as amuras, a popa, a barriga, o eixe…
Eu son mariñeiro, e o mar móllame a alma,
salinízame e golpéame o corazón.
e eu, non podo facer máis nada,
senon ser árbore, ser barco, ser paxaro…
en serio, nada podo facer,
NADA, PORQUE MARIÑEIRO SOU.

Comentarios desactivados en Transfusión oceánica: os versos salgados do mariñeiro-poeta Xosé Iglesias gravados en alta mar

« Prev - Next »