ExposiciónsArchive for the '' Category

Abr 01 2016

«Canta bichería!», XVII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

SalonLibro2016

Hoxe abre o XVII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra que se celebra baixo o lema «Canta bichería!» e mañá, día 2 de abril, conmemórase o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil co fin de lembrar o nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, autor prolífico de contos infantís (e non só). No sitio web de Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) pódese ollar o cartaz do ilustrador brasileiro Ziraldo e ler a mensaxe da escritora tamén brasileira Luciana Sandroni para esta data.

Teremos oportunidade de nos achegar a este «Canta bichería!», XVII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, cuxo ben completo programa definitivo pódese consultar nesta ligazón, e onde supoño han estar nas exposicións a maioría dos sete títulos de literatura infanto-xuvenil que escribín, aínda que como xa contei aquí, o meu achegamento foi serodio e produciuse cando presentei o conto Carlota, a marmota que non podía durmir a un certame literario, sendo merecedor do XXIX Concurso Nacional de Contos Infantís convocado pola coruñesa A. C. O Facho en 1998, que tardaría aínda uns anos en ser ilustrado e publicado no catálogo de Xerais, no que na actualidade non aparece por se tratar dun libro esgotado hai anos.

Velaquí a miña amada «bichería»:
Carlota,amarmota
Carlotaeabota
Carlotaeagaivota

Unha marmota é a protagonista da triloxía Carlota, a marmota que non podía durmir (Xerais, 2000); Carlota e a bota perdida (Xerais, 2002) e Carlota e a gaivota patiamarela (Xerais, 2006), todos tres ilustrados por Luís Castro Enjamio. No primeiro a marmora dialoga con osos, castores, leiróns e esquío e no terceiro relaciónase cunha gaivota patiamarela.
cobiza

Unha chea de vermes bos ou malos protagonizan A cobiza do verme Noel (Galaxia, 2011), que ilustrou Marta Álvarez Miguéns.
Rebeliónnacharca01

E finalmente ras, sapos e tamén píntegas ou salamántigas enchen as páxinas de Rebelión na charca (Sotelo Blanco, 2012), que ilustrou Ana Santiso.

Comentarios desactivados en «Canta bichería!», XVII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

Xul 16 2015

Presentación mañá venres na Casa dos Alonso (A Guarda) da «V Mostra das Tradicións Mariñeiras» adicada aos gameleiros

MostraTradiciónsMariñeiras2015
(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Mañá, venres, 17 de xullo de 2015, á tardiña (pois pola mañá andaremos na manifestación en defensa do sector leiteiro en Compostela) estaremos na convocatoria do Concello da Guarda e da Asociación de Redeiras do Baixo Miño-Atalaia na denominada Casa dos Alonso para asistirmos á presentación da «V Mostra das Tradicións Mariñeiras» que este ano vai estar adicada aos gameleiros, unhas xornadas que terán lugar os días 24, 25, 26 de xullo no Porto da Guarda, para divulgar e promocionar con diferentes actividades a vida mariñeira da Guarda.

Como adianto, alén da presentación das xornadas, inaugúrase unha exposición baseada no libro Gameleiros (Xerais, 2002), con fotografías do guardés Manuel Álvarez e poemas da miña autoría. Por esa razón Manuel e mais eu recibimos o convite de Javier Crespo González, concelleiro de Patrimonio, para estar no acto, cabo do alcalde Antonio Lomba e de membros de todas as asociacións colaboradoras nesta edición e unha representación das redeiras da Guarda.

Gameleiros, hoxe descatalogado por Xerais, fora presentado o 19 de setembro de 2003 na Lonxa do Porto da Guarda, nun acto aquí reseñado que contou coa actuación do cantautor e músico guardés Tino Baz e as palabras do director de Edicións XeraisManuel Bragado, así como coa presenza dos gameleiros fotografados por Manuel Álvarez neste volume.

Gameleiros

Comentarios desactivados en Presentación mañá venres na Casa dos Alonso (A Guarda) da «V Mostra das Tradicións Mariñeiras» adicada aos gameleiros

Xul 15 2014

O papagaio: a pegada dos sentidos. Unha homenaxe a Luísa Villalta.


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Mañá, día da patroa dos mariñeiros, é a data escollida por un grupo de poetas amigos e vencellados á cidade coruñesa para conmemoraren o décimo cabodano do pasamento da escritora Luísa Villalta (que acontecera o 6 de marzo do 2004, efeméride sobre a que escribín esta anotación) e que tamén foi esquecida entre as propostas para o Día das Letras Galegas, nas que a RAG preferiu render homenaxe ao cheiro a rancio e a franquismo de Xosé Fernando Filgueira Valverde, do que algún día algo falaremos.

Non poderei estar en Atlántica Centro de Arte onde se vai inaugurar a exposición de fotografías sobre O Papagaio da autoría de Maribel Longueira e os poemas que Luísa Villalta escribira para esas imaxes, mais escoitarei ecoar as voces de Luz Pozo GarzaManuel Álvarez Torneiro, Ánxeles PenasOlga PatiñoMarica CampoCesáreo Sánchez IglesiasXulio López Valcárcel, Xavier Seoane, Francisco X. Fernández NavalMiguel Anxo Fernán-Vello, Eva Veiga, Marta Dacosta, e os músicos César MoránXosé Taboada.

Comentarios desactivados en O papagaio: a pegada dos sentidos. Unha homenaxe a Luísa Villalta.

Out 07 2013

A nosa viaxe a Irlanda nun video-reportaxe de Emilio Roca na súa canle de youtube

O noso amigo Emilio Roca, mestre que leva o blogue e a biblioteca do IES Pedra da Aguia na Ponte do Porto, como antes fixera sobre a nosa viaxe a Cornualles, cumpriu co laborioso labor de realizar un video-reportaxe sobre a nosa estadía en Irlanda, facendo parte da nova «expedición» da serie Na procura do megalitismo atlántico e das Fisterras europeas do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom), que preside o historiador e escritor Xosé Mª Lema Suárez, quen vai publicando a súa propia crónica na páxina da entidade e na súa bitácora costadosolpor.

Para as persoas que compartimos esa viaxe resulta gratificante e magnífica esta ollada através da cámara de Emilio Roca e da súa compañeira Aurea.

A nosa gratitude e os nosos parabéns!

One response so far

Set 02 2013

En Éire (II): «Fin a unha profunda inmersión no celtismo atlántico», crónica de Xosé Ameixeiras



(Premer nas imaxes para unha mellor lectura)

A edición comarcal de Carballo do xornal La Voz de Galicia publicou en papel o sábado 31 de agosto a segunda crónica do xornalista Xosé Ameixeiras, co pseudónimo A. Lavandeira, da nosa viaxe a terras de Éire, a República de Irlanda, co Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom). Pepe Ameixeiras, habitual compañeiro nestas travesías, xa publicara o luns 26 de agosto outra ampla crónica dos primeiros días da viaxe.

Apráceme reproducir para a súa lectura a crónica en imaxe dixital, nesta oportunidade con explicacións sobre a nosa estadía nos cantís de Moher, no conxunto arqueolóxico de Brú na Bóinne (Newgrange, Knowth e Dowth), no mosteiro de Monasterboice, no castelo medieval normando de Trim, no mítico Hill of Tara, na Calzada dos Xigantes (en Irlanda do Norte) e, por suposto, en Dublín e Belfast, ben guiados polo caro amigo Xosé María Lema Suárez, malia estar doente por unhas inoportunas febres.

A crónica tamén se publicou na edición dixital do xornal, de onde fago a tradución do texto para a nosa lingua. Velaquí:

Fin a unha profunda inmersión no celtismo atlántico

O Seminario de Estudos Comarcais regresa da súa viaxe polas lendas

LA VOZ EN IRLANDA A. LAVANDEIRA

31 de agosto de 2013

O Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte concluíu a súa viaxe polas lendas do celtismo atlántico. Alén da Fisterra irlandesa, a expedición completou o seu programa cunha incursión pola maior superficie megalítica europea, a arte relixiosa e algunhas das paraxes e monumentos naturais máis engaiolantes do mundo. O grupo estivo en lugares como os cantís de Moher, o enorme conxunto arqueolóxico de Brú na Bóinne, o mítico Hill of Tara, e a Calzada dos Xigantes.

Os cantís de Moher, non moi lonxe da Fisterra irlandesa, non chegan á altura dos de Herbeira (na Serra da Capelada), pero están cortados a pico e impresionan moito máis, como se o mar e a terra se desen as costas conseguindo con iso unha paisaxe conmovedora pola que hai que pagar nun centro de interpretación envexable. Nesta paraxe sucede a primeira imaxe da película de La hija de Ryan. Nos desprazamentos máis longos os viaxeiros foron visionando no autobús filmes relacionados con Irlanda: La hija de Ryan, El hombre tranquilo, Las cenizas de Ángela e En el nombre del padre.

Pol na Brone

Esta formación xeolóxica, que está preto de Doolin, no condado de Clare, esténdese ao longo dos oito quilómetros, que os expedicionarios da Costa da Morte percorreron en gran parte e non cansaron de tirar fotografías. A partir deste espazo, dirixíronse cara ao parque natural de Burren, unha ampla meseta cuberta por laxes de pedra caliza fisuradas, que dan o aspecto dun amplo deserto pétreo. A auga fíltrase e forma ríos subterráneos. Houbo que baixar para ollar o primeiro megálito: o dolmen de Pol na Brone, que vén a significar algo así como «burato no muíño de pedras». Trátase dunha construción semellante a algunha das da Costa da Morte e está ao aire libre, pero ten vixiante.

Á marxe das múltiples paradas, un dos obxectivos do programa era na área megalítica máis extensa de Europa, o conxunto arqueolóxico de Brú na Bóine, declarado Patrimonio da Humanidade. Fórmana uns 40 monumentos, pero salientan tres xigantescos túmulos construídos fai uns 5000 anos, medio milenio despois de Dombate (Cabana): Newgrange, Dowth e Knowth. O primeiro e o último teñen un mesmo centro de interpretación, en cuxa entrada hai que pagar. Newgrange, é o máis famoso, pero Knowtn é o máis grande, de 90 metros de circunferencia por 12 de alto, e ten unhas 300 pedras gravadas con motivos lineais, circulares, espirais e xeométricos, calendarios solares…, razóns de máis para que os afeccionados aos petróglifos puidesen emborracharse de arte rupestre. Algúns destes deseños están sobre rochas de seixo transportadas desde lugares que distan 70 quilómetros.

O monumento foi debidamente restaurado e conserva dous corredores, un de 34 metros e outro de 40. Ata o centro entran as raiolas do Sol en marzo e setembro. No interior estaban as pías dos rituales, nas que se atoparon restos dun cento de seres humanos incinerados. Ao seu redor hai outros 17 túmulos. En fin, segundo explicou a guía, son testemuños da mesma filosofía e similares crenzas relixiosas que as que se atopan na Fisterra galega.

Mosteiro e castelo

En Monasterboice viron as ruínas dun mosteiro irlandés (os católicos foron perseguidos durante varios séculos), a súa vella torre de 30 metros e tres importantes cruces. A de Muirdach (século IX) é a máis antiga de Irlanda. Mide 5,5 metros de alto e toda ela está decorada con escenas bíblicas en relevo. Unha das figuras é similar a outra que se pode ollar na igrexa de Moraime (Muxía). No mesmo lugar atópase a cruz máis alta do país, cen centímetros máis que a outra, e tamén do século X, como a anterior decorada con motivos das Escrituras.

Aínda que non estaba programada, a xornada permitiu unha parada perante o maior castelo medieval que os normandos construíron en Europa. A fortaleza de Trim foi en 1995 escenario do filme Braveheart, con Mel Gibson de protagonista, que narra as revoltas escocesas contra Inglaterra.

Na ruta organizada polo Seminario de Estudos Comarcais houbo unha parada no Hill of Tara, un recinto lendario de 1000 metros de circunferencia formado por unha elevación que inclúe varios monumentos prehistóricos na que os irlandeses consideraban que se achaba a residencia dos seus antigos reis. Estes, segundo a lenda, serían vencidos polos milesios, os descendentes do galaico Breogán. Outra crenza establece que este foi o lugar onde san Patricio venceu os vellos druídas.

Dublín

Alén do consabido percorrido por Dublín, a visita a moitos dos seus históricos edificios, incluída a prisión de Kilmainham (escenario da película En el nombre del padre) e as noites nos pubs con actuacións musicais, o intenso periplo tivo o seu gran colofón cun paseo engaiolante pola Calzada dos Xigantes, un monumento pétreo formado por 40000 columnas de basalto resultado do arrefriamento do cráter dunha caldeira volcánica fai uns 60 millóns de anos.

A paraxe é de soño, pero custa 7,50 libras ollalo, unha boa lección de como sacarlle partido económico a un espazo natural Patrimonio da Humanidade e Reserva Natural Nacional desde 1987. Non obstante debeu de custar, pois aínda venden cuncas co lema: «Moito máis ca unha pila de pedras». Os excursionistas galegos camiñaron sobre un solo semellante a un enorme panel de mel solidificada. O atractivo deste lugar está alimentado por unha lenda que narra as pendencias de dous xigantes, o irlandés Fionn Mac Cumhaill e o escocés Benandonner. Escocia vese ao outro lado do mar e mentres un pasea por esta paraxe de soño é fácil imaxinarse aos dous rexos loitadores e moitas outras historias do celtismo atlántico.

Un laborioso traballo

A viaxe del Seminario polos espazos da Fisterra irlandesa e o celtismo atlántico tivo varios protagonistas que contribuíron ao enriquecemento do programa. Á marxe do indispensable traballo do presidente, Xosé María Lema Suárez, que elaborou unha ampla guía para o desprazamento, e o arduo labor de intendencia da tesoureira da entidade, María Xesús Barbeira Pose, tivo gran relevo a intervención do condutor de Autocares Lázara, Pablo Bustelo Vidal, un auténtico especialista en percorridos culturais e de estudos por Europa. Tamén o biólogo carballés Antón Losada foi achegando os seus coñecementos sobre a fauna e a flora dos lugares percorridos e o arquiveiro Pablo Sanmartín contribuíu con propostas que permitiron completar a proposta de visitas.

Comentarios desactivados en En Éire (II): «Fin a unha profunda inmersión no celtismo atlántico», crónica de Xosé Ameixeiras

Set 02 2013

En Éire (I): «Unha viaxe polos mares lendarios do atlántico celta», crónica de Xosé Ameixeiras



(Premer nas imaxes para unha mellor lectura)

A nosa viaxe a terras de Éire, a República de Irlanda, co Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom), que preside Xosé María Lema Suárez e do que fago parte, entre os días 22 e 29 de agosto, tivo como adoito un cronista de excepción no xornalista Xosé Ameixeiras, delegado da edición comarcal de Carballo do xornal La Voz de Galicia. Pepe Ameixeiras, habitual compañeiro nestas travesías, publicou o luns 26 de agosto, aínda en plena viaxe, a primeira das súas dúas amplas crónicas, asinadas co pseudónimo A. Lavandeira. Desta volta con parágrafos sobre Cobh, Cork, Killarney e a fistérrica península de Dingle.

Nesta ocasión relata os primeiros días da viaxe. É un pracer reproducir en imaxe dixital a súa crónica, como testemuño destas xornadas de lecer nas que tamén aprendemos moitas cousas da cultura e da historia destes territorios, principalmente polas disertacións do historiador e escritor Xosé María Lema Suárez, presidente do Semescom, moitas delas recollidas no documento co que nos agasallou antes de principiarmos a travesía. E velaquí máis unha vez o pdf coas cumpridas notas do noso caro presidente: guía Irlanda ilustrada.

A crónica tamén se publicou na edición dixital do xornal, de onde fago a tradución do texto para a nosa lingua. Velaquí:

Unha viaxe polos mares lendarios do atlantismo celta

A. LAVANDEIRA

26 de agosto de 2013

As Fisterras adoitan ser espazos solitarios situados fronte á inmensidade. No alén están illas paradisíacas situadas ao outro lado dos océanos. Son lugares que desde o principio dos tempos exerceron grande magnetismo. O Seminario de Estudos Comarcais de la Costa da Morte, deixándose arrastrar polo feitizo destes vértices lendarios do atlantismo celta, promoveu unha nova viaxe para completar os seus outros percorridos polos extremos xeográficos francés e inglés. Agora tocoulle a quenda a Irlanda. Esta fin de semana, unha expedición formada por máis de medio cento de persoas, na súa maioría profesionais do ensino, estiveron na península de Dingle, a Fisterra irlandesa.

O grupo partiu o xoves pola tarde do aeroporto de Santiago con destino a Dublín, capital do país de destino. A primeira visita foi a Cobh, último peirao no que se detivo o Titanic na súa primeira e derradeira viaxe, tres días antes do seu fatídico final a 400 millas de Terra Nova. Tamén estiveron en Cork, segunda cidade da república irlandesa, e Killarney, onde camiñaron polo seu parque natural, o primeiro que se declarou no país. No 2007 esta localidade recibiu o título de cidade mellor conservada de Irlanda. Os expedicionarios aproveitaron a noite para beberen a cervexa típica destas terras e escoitaren a música en directo nos seus ateigados pubs.

E por fin a Fisterra, nun día de orballo e borraxeira, que puxeron unha densa cortina fronte aos cantís e o mar da península de Dingle, como se as fadas non quixeran ensinar a súa tobeira. No extremo da región de Gaeltach, no condado de Kerry, está o cabo Garúan e enfronte, as illas Blasket, habitadas até 1953. En Dingle atracaban barcos españois e franceses. Actualmente é peirao base de moitos buques que pescan no Gran Sol. O venres, un camioneiro de Verín esperaba a arribada dun pesqueiro para trasladar as súas capturas aos mercados españois. Por estas paraxes andou nos anos 20 Plácido Castro del Río, xornalista, escritor e tradutor galeguista natural de Corcubión.

Dingle tamén foi o maior peirao de embarque de peregrinos para Santiago. A súa igrexa, do século XVI, está dedicada a Santiago. No percorrido do Seminario de Estudos Comarcais, que está comandado polo seu presidente, Xosé María Lema, e auxiliado pola secretaria, María Xesús Barbeira, figura Dunquin, a poboación máis occidental da península. Forma un escenario de amplos cantís, perante os que en 1588 naufragaron varias embarcacións da Armada Española. As traxedias do mar son comúns coa Fisterra galega e a Costa da Morte. Esta poboación foi escenario en 1970 da rodaxe da película La hija de Ryan, dirixida por David Lean e protagonizada por Robert Mitchum e Sarah Miles.

É a terceira Fisterra que visita o Seminario de Estudos Comarcais, xa que anteriormente estivo na Bretaña e fai dous anos en Cornualles. É, actualmente, a única entidade da Costa da Morte que organizou percorridos e análises por estes tres espazos que outros colectivos tratan desde fai varios lustros de poñer en contacto para desenvolver proxectos turísticos. No desprazamento, Lema Suárez ocúpase de ilustrar cumpridamente aos excursionistas con todo tipo de datos históricos, xeográficos e culturais relacionados co programa, mentres que Barbeira Pose se encarga da intendencia.

A penúltima parada da xornada do venres tivo lugar en Adare, unha pequena cidade que na súa vía principal conserva varias casas antigas co teito de palla. Teñen uns 200 anos de antigüidade. Actualmente están convertidas case todas en tendas. Un enorme campo de golf, unha vella abadía gótica e as ruínas dun castelo do século XIV atraeron a atención dos expedicionarios antes de realizaren a baixada definitiva do día, en Limerick, onde puideron admirar a catedral e o castelo do rei John, ás beiras do Shannon, un relaxante paseo baixo un orballo intermitente, que non acougou os desexos dos viaxeiros de se somerxeren nas magnéticas construcións lendarias do atlantismo celta.

One response so far

Ago 08 2013

Presentación na Feira do Libro de Cee do volume colectivo Versos no Olimpo. O monte Pindo na poesía galega (martes, 13, ás 22,30 h.)

A organización da Feira do Libro de Cee 2013 convidoume a participar nesta nova edición que se vai desenvolver do 11 ao 18 de agosto. Puiden escoller facer a presentación dun dos tres volumes que publiquei desde a anterior: o conto infantil rimado Rebelión na charca (Sotelo Blanco), o poemario Breizh (Toxosoutos) ou a edición Poesía Completa de Gonzalo López Abente (Espiral Maior), porén escollín presentar o volume colectivo Versos no Olimpo. O monte Pindo na poesía galega, que coordinei xunto a Francisco “Chisco” Fernández Naval, editado por Toxosoutos, en coedición coa Asociación Monte Pindo Parque Natural, e grazas ao crowfunding ou microfinanciamento colaborativo de moitas persoas, como xa se contou aquí. Estarei cabo de Xilberto Caamaño Beiro, presidente de Monte Pindo Parque Natural, e dos poetas da Costa da Morte que se acheguen, xa que Chisco non pode estar na noite do martes 13, aínda que estará o sábado 17 para presentar a novela que máis me gustou das publicadas o ano pasado na nosa literatura, a fascinante A noite branca (Xerais).

Ese martes 13 tamén estarei na caseta da libraría Á lus do candil, do poeta Modesto Fraga e a súa compañeira Alba, para asinar exemplares das miñas obras. Será un pracer estar canda eles.

A Feira do Libro de Cee vai estar na Alameda (que se denomina oficialmente Praza da Constitución, nome que me horroriza) e as casetas estarán abertas ao público polas mañás: de 11.00 a 14.00 horas (agás os días grandes 15, A Xunqueira, e 16, o San Roque, que abrirán ás 12.00 horas) e polas tardes de 18.00 a 22.00 horas.

Velaquí o programa ao completo:

Domingo, 11

Apertura da Feira ás 11.00.

A partir das 20.00 h. diante do Museo Fernando Blanco, presentación das obras Cancela aberta (Xerais) e Aquel neno (Embora) de Xosé Neira Vilas, acompañado por Francisco Rodríguez López de Edicións Embora.

21.00 h. na Praza da Constitución, pregón da Feira do Libro, a cargo de Xosé Neira Vilas, acompañado por Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Ás 22.30 h. Noite de terraza literaria con Xosé Iglesias, o mariñeiro-poeta: “Transfusión oceánica” na rúa Domingo Antonio de Andrade (Bar A Parada).

Luns, 12

Ás 11.30 h. na Praza da Constitución, Un anaquiño de contos con DuenSico: ”Contos para a igualdade”.

A partir das 20.15 h. diante do Museo Fernando Blanco, presentación da obra Costa do Solpor de Xosé María Lema Suárez, finalista do Premio Xerais 2012, acompañado por Víctor Manuel Castiñeira Castro e o poeta Alexandre Nerium.

Deseguida, Serán de Música e Poesía, Versus Cianuro, recital coa presenza, entre outros, de Paco Souto.

Ás 22.30 h. Noite de terraza literaria con Xaime Trillo: “Anatomía da ira” na Praza da Constitución (Bar Expréss).

Martes, 13

Ás 11.30 h. na Praza da Constitución, Un anaquiño de contos con Ana Mª Martínez, Jesús Toba e María José Rey: “O corvo Roque”.

A partir das 19.30 h. diante do Museo Fernando Blanco, presentación da obra Viaxe ao interior da fenda (Sotelo Blanco), de Serxio Iglesias, que estará acompañado por Marcos Giralt Torrente, Premio Nacional de Narrativa.

A partir das 20.15 h., no mesmo lugar, presentación da obra Fadita fosca! (Baía Edicións), de Miguel Vázquez Freire, coa presenza do ilustrador Xosé Tomás e de Belén López Vázquez.

Ás 22.30 h. Noite de terraza literaria na rúa da Pena (zona bares Marigel e Recunquiño): recital a cargo de varios poetas e presentación da obra Versos no Olimpo. O monte Pindo na poesía galega (Toxosoutos), coa presenza de Xilberto Caamaño, presidente de Monte Pindo Parque Natural, e Miro Villar, coordinador da obra.

Mércores, 14

Ás 11.30 h. na Praza da Constitución, Un anaquiño de contos con Rocío Leira,  autora da obra Universo Pitágoras  Biblos), cun obradoiro matemático para nenos.

A partir das 12.30 h. diante do Museo Fernando Blanco, presentación da obra Contos de soños e sombras de César Ariza Piñeiro, editada por Urco Editora, acompañado por David Cortizo de Urco Editora.

Sábado, 17

A partir das 12.30 h. diante do Museo Fernando Blanco, presentación da obra A noite branca (Xerais), de Francisco X. Fernández Naval, que estará acompañado por Víctor Manuel Castiñeira Castro.

Domingo, 18

Ás 12.30 h. na Praza da Constitución, Un anaquiño de contos con Beatriz Maceda: Man. O alemán de Camelle, e obradoiro de materiais creativos.

Desde as 16.30 h. na Praza da Constitución, gran festa infantil co “Garabato de xogos”, inchables e desde as 20.30 h. concerto a cargo de Mamá Cabra.

Peche da feira, ás 22.00 h.

Comentarios desactivados en Presentación na Feira do Libro de Cee do volume colectivo Versos no Olimpo. O monte Pindo na poesía galega (martes, 13, ás 22,30 h.)

Mai 21 2013

«Da poesía e o viño…», unha exposición de Viki Rivadulla

Published by under Arte,Exposicións,Poesía


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño do cartaz que anuncia a exposición)

Unha exposición orixinal e singular inaugurou a artista muxiá Viki Rivadulla na casa de xantar e hotel de enecanto A de Loló (Muxía) para conmemorar o 17 de maio, Día das Letras Galegas. Resulta marabilloso que se produzan iniciativas coma esta desde o mundo dos emprendedores, neste caso da hostelaría.

Por certo, nesa mesma data despois de manifestármonos coa plataforma Queremos Galego á tardiña fomos ao Teatro Principal onde asistimos á representación da nova versión de Criaturas, un texto de Roberto Vidal Bolaño que levou á escena a resucitada compañía Teatro de Aquí, que o propio dramaturgo fundara e que agora está nas mans do seu fillo, o polifacético artista e escritor Roi Vidal.

E na espera cadrou de lle baixar unha cervexa, acompañada dunha arepa, nun café-bar chamado A Xuntanza, na costa de Xelmírez, onde fomos agasallados con dous mini-libros, outra bonita iniciativa hostaleira, desta volta en colaboración coa Libraría Couceiro.

Voltando ao tema inicial, Viki Rivadulla tivo a feliz idea de emparellar letras e viño e artellou unha exposición intitulada «Da poesía e o viño…», que está conformada por uns fermosos debuxos a tinta e viño tinto, que levan todos eles citacións de versos de poetas galegos onde aparece nomeado o viño ou algo aspecto que fixese evocar o mundo da enoloxía.

Entre a escolla, limitada polo espàzo expositivo, figuran un debuxo que inclúe uns versos da miña autoría tirados do libro Equinoccio de primavera (Esquío, 1998). Cabo deles versos de Rosalía de Castro, Victorino Abente, Gonzalo López Abente, Avilés de Taramancos, Manuel María, Uxío Novoneyra, Mª do Carme Krukenberg, Bernardino Graña, Mª Xosé Queizán, Helena Villar, Chelo Suárez, Isidro Novo, Paco de Tano, Paco Souto, Rivadulla Corcón, Alexandre Nerium, Suso Bahamonde, María Lado e Rosalía Fernández Rial.

No meu caso, como se pode ollar na imaxe, Viki Rivadulla integra os dous tercetos que dan cabo ao meu soneto «Adán desexa morrer no paraíso de Eva». Velaquí o poema ao completo:

ADÁN DESEXA MORRER NO PARAÍSO DE EVA

Na laranxa que filtran os teus brazos
cando me fas entrar no teu dominio,
nos peros onde enauga o meu designio
oculto como o mar e os seus argazos,

nas mazás do pecado, nos abrazos,
degoiro ser Adán, sen raciocinio,
no pexego zugado en condominio,
desexo ata morrer coma pedrazos,

no líquido azucrado que me dás,
que bebo pouco a pouco, con agrado
pois acórdame o odor dunha begonia,

na laranxa, nos peros, nas mazás,
no pexego e no líquido azucrado
degoiro o teu sabor de macedonia.

(Debuxo que integra os versos da miña autoría. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Comentarios desactivados en «Da poesía e o viño…», unha exposición de Viki Rivadulla

Abr 24 2013

Exposición de cartografía «Galicia nos mapas antigos» no Museo do Pobo Galego


Onte, 23 de abril, Día do Libro, despois de cumprirmos co ritual de mercar alomenos un libro (algo para o que non necesito efemérides, pois adoito facer varias mercas no mes, desta volta tocoulle á novidade da novela Faneca brava, Xerais, de Manuel Portas), ás 19.30 horas estivemos na inauguración da mostra «Galicia nos mapas antigos» no Museo do Pobo Galego.

Trátase dunha ampla selección da colección de mapas de Clodio González Pérez, mestre e etnógrafo, que ten como finalidade facer un percorrido pola historia da representación do territorio de Galicia, de maneira autónoma, na cartografía oficial. A mostra retrotráese ao mapa de Fernando de Ojea, Descripcion del Reyno de Galizia, que aparecera publicado no atlas Theatrum Orbis Terrarum de Abraham Ortelius a partir da edición de 1603.

E resulta, a todas luces, un exercicio de historia altamente recomendable, grazas tamén ao eficiente traballo do antropólogo muxián Manuel Vilar. As explicacións do propio Clodio González Pérez tamén nos acompañaron no noso percorrido visual por unha mostra que estará aberta até o próximo 26 de maio.

Velaquí o texto de presentación tirado da páxina web do Museo do Pobo Galego.

Exposicións
Galicia nos mapas antigos
23/04/2013 – 26/05/2013

Todos sabemos que un mapa é unha representación a escala dunha superficie terrestre que posibilita unha lectura global, e desde unha dimensión humana, do conxunto dos elementos que configuran ese territorio. O mapa convértese así nun gran colector de información e un elemento necesario na vida humana, tanto para os cidadáns, que podemos utilizalos cando queremos desprazarnos ou localizar algún lugar, como para a administración pública, que os precisa para unha mellor planificación e xestión do territorio, desde a creación de novas infraestruturas ata a conservación das mesmas, pasando pola ordenación do territorio ou fomento do turismo.

Mais a realización dos mapas foi cambiando xunto á evolución das técnicas de reprodución e o progreso social. Pasaron de ser unha arma secreta do poder, que permitía un mellor control dun territorio, a ser un elemento de información preciso para a cidadanía, un elemento cunha dimensión sociopolítica.

Pero os mapas deixan de ter a utilidade práctica para a que foron concibidos. Entón, podémolos contemplar atendendo aos intereses de cada quen, mais sempre nos atraerán pola súa imaxe visual, pola información que nos dan do pasado, pero tamén porque son unha expresión do sentimento de orgullo local.

O Museo do Pobo Galego garda nos seus fondos unha interesante colección de mapas antigos. Nesta exposición mostramos os mapas que de Galicia, como unidade diferenciada, pertencentes á colección de Clodio González Pérez, mestre, etnógrafo e patrón do Museo do Pobo Galego.

A exposición pretende facer un repaso pola historia da cartografía para ver como se vai representando Galicia e a evolución desta representación ata os comezos da cartografía oficial.

Abre a mostra o mapa de Fernando Ojea, Descripcion del Reyno de Galizia, que aparece publicado no atlas Theatrum Orbis Terrarum de Abraham Ortelius a partir da edición de 1603. É o primeiro no que aparece Galicia como espazo particular de representación, fixando unha imaxe da mesma. Ata entón só a costa galega fora representada nas cartas náuticas, como nas de Lucas Jansz Waghenaer.

Deste mapa fanse posteriormente varias edicións nas que se vai retocando o perfil da liña de costa, corríxese o percorrido do río Miño ou queda trazado o límite oriental de Galicia no río Navia. Na exposición pódense ver distintas edicións.

O percorrido continúa coa cartografía do italiano Giacomo Cantèlli da Vignola ou de Tomás López, entre outros, para rematar cos inicios da cartografía oficial e pasando tamén polos mapas que representan as vías de comunicación, desde os vellos camiños reais ata proxectos non realizados de vías férreas, ou mapas de estradas, algúns utilizados tamén como soportes de propaganda turística.

Comentarios desactivados en Exposición de cartografía «Galicia nos mapas antigos» no Museo do Pobo Galego

Dec 02 2012

«Domingos de Andrade: o bardo da pedra», artigo de Manuel Vilar

E polo seu interese deseguida reproducimos tamén o devandito artigo «Domingos de Andrade: o bardo da pedra» publicado no dixital terraetempo polo noso amigo Manuel Vilar Álvarez, comisario da exposición «Domingos de Andrade. Excelencia do barroco», conmemorativa do 3° centenario do pasam3nto do arquitecto, que aínda estará aberta até o 18 de xaneiro do 2013 no Museo do Pobo Galego.

Non se entende desde “o centro” que se poida camiñar libremente desde o propio, que se poida crear desde o local sen pasar por ese “centro” que todo quer uniformizar. Iso foi o que fixo Domingos de Andrade

Domingos de Andrade: o bardo da pedra

O 12 de novembro de 1712 morría na súa casa, no barrio compostelán do Pombal, o arquitecto Domingos de Andrade. Estamos no terceiro centenario do seu pasamento, algo que debeíamos conmemorar a nivel nacional, pois Domingos de Andrade non só foi un gran arquitecto, senón que foi un arquitecto que ergueu edificios que nos identifican colectivamente.

Como moitas outras figuras, Andrade pronto é esquecido tras a súa morte. Mendoza de los Ríos, quen fai unha especie de guía de Compostela dezanove anos despois da morte de Andrade, fala das “marabillas” arquitectónicas que hai que admirar na cidade: a torre do Reloxo, a cuncha de Praterías ou a escaleira de Bonaval. Sen embargo, nin unha soa vez nomea ao autor desas marabillas. O seu nome xa estaba esquecido. Será Murguía dos primeiros en nomealo como autor da “preciosísima” torre do Reloxo; será Murguía quen diga que, no seu tempo, Domingos de Andrade tiña bo nome e era unha autoridade debido ao seu talento artístico.

Murguía abre o camiño da recuperación da figura de Domingos de Andrade. Despois seguirano outros autores: Vesteiro Torres (aínda que Murguía acúsao de copialo e copialo mal), López Ferreiro, Pérez Costanti e, máis adiante, Sebastián González García-Paz (antes de coller o camiño do exilio), Sánchez Cantón, Couceiro Freijomil ou o céense Francisco Mayán. Esta recuperación permitiulle a don Ramón Otero Pedrayo dicir que os nomes dos arquitectos do Barroco eran coñecidos, pero que tiñan que ser aínda máis. E nesas seguimos. Será o pontevedrés García-Paz o primeiro que diga que Andrade era natural de Cee e de orixe acomodada. Isto acendeu a chama do patriotismo local en Francisco Mayán, quen se afanou por indagar sobre as orixes e vida primeira deste artista. Anos máis tarde, en 1975, vaise crear en Cee unha asociación cultural que leva o nome do xenial arquitecto. Un dos seus fundadores, o crego Antonino Castro, escribirá que era para moitos totalmente descoñecido o dato de que Andrade era un fillo ilustre desta vila.

Hoxe son varios os autores que traballan e investigan sobre a vida, obra e tempo de Domingos de Andrade, hai algún libro e varios artigos publicados sobre este arquitecto, pero as teses doutorais sobre esta figura cóntanse cos dedos dunha man e sobran máis da metade. Xa non se trata de aclarar onde estudou, da súa formación técnica máis alá do aprendido no obradoiro catedralicio, se participou ou non nas guerras co país veciño, se aprendeu debuxo co cóengo Vega y Verdugo ou de que fontes artísticas bebía. Trátase de estudar e analizar a súa obra e o seu traballo, dentro dun contexto ou momento histórico de Galiza determinado, un momento de gran creatividade e que permite crear unha linguaxe peculiar, propia e claramente identificativa de nós. Trátase de mostrar que a creatividade de Andrade pasa por asumir plenamente a historia compostelá e pretender axudar á súa definición e consolidación por medio de elaborar unha arte exuberante e chamativa, xerando así un período fértil no creativo, fertilidade que chega grazas a seguir patróns propios que permite ese medre desde as formas locais. O historiador Bonet Correa sostiña que Andrade estudaría en Alcalá de Henares, o que lle permitiría ter pasado por Madrid, “o centro” no que se estaban ensaiando os primeiros pasos do “barroco español”. Non se entende desde “o centro” que se poida camiñar libremente desde o propio, que se poida crear desde o local sen pasar por ese “centro” que todo quer uniformizar. Iso foi o que fixo Domingos de Andrade.

Seguindo o que máis tarde aconsellaba Vicente Risco, Andrade crea un estilo “aéreo”, como definiu Bernardino Graña. Para este poeta todos eses adornos e adobíos (bolas, cartelas, caretas, froitas, etcétera) son “unha maneira de converter o macizo da materia pétrea en vexetación e canto inmaterial que se eleva e nos eleva”. Por todo isto Andrade é “o bardo da pedra”, un “arquitecto-bardo”, un “erguedor da patria galega”. Otero Pedrayo diría que os artistas barrocos puxeron na pedra os recordos e esperanzas do xenio galego, que estaba contido nos marcos dunha España de costas a Europa, a Europa aberta que chegaba até nós polo Camiño.

Pero son moitas as lecturas que se poden facer desa vizosidade que Domingos de Andrade mostrou en moitas das súas obras, especialmente na torre do Reloxo e que Mendoza de los Ríos, xa no século XVIII, chamou “torre do xardín”. Dise que esa exuberancia é unha metáfora que fala da Compostela que pretendía ser vista como unha nova Xerusalén, unha Xerusalén no finis terrae galaico, e que mostraba o seu poder espiritual grazas as dádivas que lle concedía deus debido á mediación do Apóstolo, que elixiu esta terra para ser enterrado. Pero, unha vez máis, prefiro a interpretación do poeta. Todo isto “foi inventado polas vizosas e sagras carballeiras, polas súas follas multicurvilíneas e polo intrincado laberinto da enramada e do seu chan nutricio, buligante de vermes, insectos, páxaros”. E máis, Andrade “aprendera tal elevación, tal grandeza e sentido poético e frutal gracias a ser fiel ao seu ámbito”, ámbito sociocultural, ámbito territorial.

Sen dúvida, a torre do Reloxo, a súa primeira obra en pedra e onde plasma o aprendido na madeira, causa sensación e chama a atención de propios e visitantes, e chamouna desde pronto. Foi un encargo dunha institución eclesiástica, pero acabou sendo un símbolo de Compostela, a referencia vertical da mesma. Para Otero Pedrayo era o reloxo metropolitano de Compostela, que envolvía coa súa sonoridade o vivir da cidade en vibrantes círculos. Pero, este símbolo local acabou sendo un símbolo nacional, e Castelao diría no seu Alba de Groria, que tanxe o seu grave sino de bronce para anunciar un novo día.

Tanta loanza tiña que plasmarse tamén en imitacións e, pronto, moitos canteiros e arquitectos que traballan por Galiza adiante tomárona como modelo, sendo moitas as torres das igrexas, rurais e vilegas do noso país, e mesmo de fóra, que a imitan e espallan por toda a nosa paisaxe, formando parte inconfundible da mesma.

Andrade foi autor de numerosas obras en pedra, madeira e ferro, obras encargadas por institucións relixiosas (traballou na catedral de Lugo, nos mosteiros de Sobrado, Antealtares, Santa Clara ou Bonaval, onde deixou mostras do seu xenio e espíritu nesa tripla escaleira que, con só mirala, xa semella que ascendemos), ou civís, pero tamén tivo encargos de particulares. A súa arquitectura axudou a mudar a imaxe de Compostela, a modernizala e convertela nunha cidade de pedra. Pero Andrade tamén foi autor de textos escritos, autor de numerosos informes sobre o estado das propiedades do cabido compostelán, que nos fan unha descrición de como eran as casas “normais” nesa segunda metade do século XVII, autor duns versos en lingua latina e autor, cando menos, dun ensaio, Excelencias, antigüedad y nobleza de la arquitectura, que pasou bastante desapercibido até case os nosos días. E pasou desapercibido porque os estudosos da historia da arte querían buscar nel só datos e detalles sobre a vida do autor e obra. É daos, pois Andrade mostra un pensamento estético e práctico, mostra que estaba ao día nas lecturas teóricas e nas lecturas de libros de arquitectura. Pero o libro de Andrade é, sobre todo, un intento de reclamar un posto no mundo das artes creativas para a arquitectura, unha reivindicación do papel do arquitecto. Con todo, é unha obra única dentro do noso pensamento artístico.

Comentarios desactivados en «Domingos de Andrade: o bardo da pedra», artigo de Manuel Vilar

Next »