EnsaioArchive for the '' Category

Mai 26 2017

Artigo en QPC (XXVII): «Os artigos literarios de Baldomero Cores no diario vespertino La Noche»



[Fragmento do artigo «Leyendo a los buenos» (04/07/1953), onde lembra o cheiro a balea podre da factoría baleeira de Caneliñas, e «La tradición jacobea en el Finisterre. Duyo, la ciudad asulagada, y Mugía con su barca de piedra» (31-12-1953)]

Veño de publicar unha nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para falar sobre «Os artigos literarios de Baldomero Cores no diario vespertino La Noche», unha anotación que tamén fixo parte do meu relatorio «O mundo literario de Baldomero Cores Trasmonte», nas Xornadas que coordinou o amigo bibliotecario José Ramón Rey Senra en Cee. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

Os artigos literarios de Baldomero Cores no diario vespertino La Noche

Entre os anos 1946 e 1967 publicouse en Santiago de Compostela o diario vespertino La Noche, que durante un breve período (de outubro de 1949 a xaneiro de 1950) tivo un dos mellores suplementos semanais na historia da prensa galega. De preponderancia literaria, aínda que abríndose a outras temáticas relacionadas cos intereses da sociedade galega, chamouse La Noche. Suplemento del sábado e a súa dirección e coordinación estivo nas mans de Salvador Lorenzana (pseudónimo de Francisco Fernández del Riego) e de Santiago Fernández (pseudónimo de Xaime Isla Couto), dous homes que habían ser fundamentais na fundación da Editorial Galaxia o 25 de xullo de 1950.

Na reprodución de La Noche. Suplemento del sábado (Edición facsímile do Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro. Santiago de Compostela: 1996), Baldomero Cores Trasmonte asina, co título «A codificación da galeguidade en anos difíciles (1949-1950)», unha excelente crónica do mundo cultural e literario dos anos cincuenta, de lectura imprescindible para coñecermos que non todo era un ermo no ecuador do franquismo e que o galeguismo estaba a rearmarse desde as trincheiras culturais.

Baldomero Cores era moi novo, aínda estudante, e a súa sinatura non aparece no Suplemento, mais foi un asiduo colaborador do diario vespertino La Noche, onde publicou varios artigos de temática diversa, de feito o primeiro que localizamos versa sobre un tema deportivo «Juego duro y su represión» (28/03/1953), que analiza desde o punto de vista legal. Entre os artigos, alén dos de música, de arquitectura (Salamanca, Alacante…) ou dos de arte que lle dedica a pintores como Maside, no que atinxe ao mundo cultural e literario cómpre salientar:

«Biografía perenne» (11/04/1953) centrado nas biografías de Zweig aborda as dificultades do xénero.

«Rodembach y Viqueira» (30/05/1953) de interese por relacionar a poética do simbolista francés Georges Rodenbach e do galego Xohán Vicente Viqueira, filósofo e pedagogo a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas en 1974, e do que falará en posteriores traballos como nun amplo artigo publicado no Xornal electrónico da USC, no que tamén hai referencias a unha moi pouco coñecida revista de vida efémera que dirixiu denominada Atenea.

«Leyendo a los buenos» (04/07/1953), unha recensión de Anilina e Átomo, dúas obras de Karl Aloys Schenzinger, onde lembra o cheiro a balea podre da factoría baleeira de Caneliñas.

«En torno a “Mujeres Soñadas”. Genio e ingenio de René Clair» (10/07/1953),unha análise da mentada obra do cineasta e escritor francés, cuxo título orixinal era Les belles de nuit.

«La tradición jacobea en el Finisterre. Duyo, la ciudad asulagada, y Mugía con su barca de piedra» (31-12-1953).

«”Filosofía de la existencia”. Un libro revelador» (27/11/1954), recensión da obra do filósofo alemán Otto F. Bollnow.

«Envío supersónico» (03/03/1954), sobre a película La barrera del sonido (The sound barrier), dirixida por David Lean e producida por A. Korda.

«Del libro al hombre» (27/03/1954), centrado no mundo das bibliotecas e dos bibliotecarios.

«Existencias inexistentes. Para Castroviejo y Cunqueiro» (07/05/1954), onde para falar da Santa Compaña relata unha experiencia persoal que lle acontece onda a Fábrica de Carburos.

«Gestación de un arte visual» (10/06/1954), sobre a primeira película en cor de Jean Renoir El río (The river), que relata un drama dunha moza inglesa nunha India aínda colonial.

«Radiografía de la tienda» (06/09/1954), describe a curiosa tenda zamorana que denominan «O Pazo da Saudade» e bota man dos versos de Rosalía de Castro.

«Sociología de la elocuencia. I. El discurso» (07/04/1955) e «Sociología de la elocuencia. I. La conferencia» (15/04/1955), que dedica a dous magníficos oradores, Ramón Otero Pedrayo e Domingos García-Sabell.

«Influencia de Concepción Arenal sobre la Pardo Bazán. Posibilidad de una ciencia galaica» (16/03/1956) ou «El ensayo de Concepción Arenal» (24/11/1956).

«”Iglesias fisterranas”. Estudiadas por José Ramón y Fernández» (09/03/1957), unha recensión da mentada obra de Fernández Oxea, onde Baldomero Cores reivindica os estudos de Esmorís Recamán. Hai unha interesante resposta de Juan Romero un mes e medio despois (24/04/1957) sobre San Marcos de Corcubión (cita o médico de Toba Juan López Bermúdez).

«Homenajes sentimentales y homenajes prácticos» (19/04/1957), unha crítica sobre a realización dalgunhas homenaxes literarias, con especial mención a Rosalía de Castro.

«La Costa de la Muerte en el Arte» (20/07/1957), onde analiza os cadros de Garabal (Manuel López Garabal) e de Concha Vázquez. Garabal era colaborador tamén do Suplemento e no nº 8 (sábado, 3 de decembro de 1949) publica «Mozas de Fisterra» (Ilustración e texto).

Tamén é de sumo interese outro moito máis breve, co epígrafe «Incunables futuristas», no que reivindica a publicación dun libro inédito de Juan Pernas Leira, do que sinala que publicou os seus primeiros poemas en castelán precisamente en Nemancos e os primeiros en galego na revista Vamos. Artigo no que fala da poesía de Rosalía, de López Abente ou dos “vangardistas” Manuel Antonio e Amado Carballo. (31-12-1953)

Nos anos posteriores, por circunstancias biográficas, a súa feraz colaboración con La Noche vaise facer máis esporádica, porén quixera rematar coa lembranza do seu artigo «La poesía y el mar» (29.09.1963), no que cita a presenza do mar en escritores de diferentes épocas, desde Martín Códax até Amado Carballo ou Manuel Antonio. Nun parágrafo cita os nosos poetas entre os autores que refliten nos seus versos a Costa da Morte:

La Costa de la Muerte, que tiene poca novelística, posee, en cambio, una gran aportación poética. Pondal nos da una versión muy sugerente del mar en la parte septentrional de la Costa de la Muerte. Antón García Zapata [sic], un poco más abajo, también insiste en lo mismo, pero con un sentido marinero más amplio, por lo que convendría reconocer con mucho cuidado la presencia de este magnífico y sutil poeta. Y ya en pleno corazón de la Costa de la Muerte, entre Vilán y Finisterre, está López Abente, el mejor cantor del mar gallego.

[Fragmento do artigo «Existencias inexistentes. Para Castroviejo y Cunqueiro» (07/05/1954), onde para falar da Santa Compaña relata unha experiencia persoal que lle acontece onda a Fábrica de Carburos e «”Iglesias fisterranas”. Estudiadas por José Ramón y Fernández» (09/03/1957)]

Comentarios desactivados en Artigo en QPC (XXVII): «Os artigos literarios de Baldomero Cores no diario vespertino La Noche»

Mai 18 2017

Pico Sacro, ferido polo lóstrego e a lenda, unha recensión de X. Ricardo Losada en Café Barbantia

Café Barbantia, o café virtual artístico, cultural e literario nacido da man da asociación cultural Barbantia, que xunta a creadores/as da comarca da Barbanza, vén de publicar unha recensión que asina X. Ricardo Losada da antoloxía intitulada Pico Sacro, ferido polo lóstrego e a lenda (Escolma de textos literarios éditos e inéditos na literatura galega contemporánea), coordinada por min propio e Xosé Manuel Lobato, escritor e presidente da A. C. Mestre Manuel Gacio de Boqueixón, entidade que promoveu a súa publicación, e que editou de maneira ben coidada Alvarellos Editora.

Velaquí a recensión, que tamén se pode ler nesta ligazón:

Pico Sacro, ferido polo lóstrego e a lenda

Publicado o 14 Maio, 2017

X. Ricardo Losada

En 1876 Valentín Lamas Carvajal escribiu que o Pico Sacro era un monte xigante que erguía a cabeza ata os ceos  “ond´a alfombra de Dios estás sostendo”. Tamén consideraba que era o “eterno gardador, vixia forte d´a nosa terra”. En xuño de 2016 Ramón Vilar Landeira escribiu que os sábados e os domingos gustáballe facer o amor á sombra do Pico Sacro mentres Van Morrison cantaba Brown eyed girl na radiocasete do coche. Son dous dos textos que aparecen no libro Pico Sacro, ferido polo lóstrego e a lenda que a editorial Alvarellos acaba de publicar con gran esmero e coidado. Máis de cen variados e fermosos textos, éditos e inéditos, en prosa ou en verso, escritos durante cento cincuenta anos de miradas literarias a un monte que, como din no  limiar os encargados da edición, é unha das paisaxes máis relevantes e simbólicas de Galicia, ”quer como paisaxe, quer como alegoría ou representación da nosa identidade histórica”.

Como non podía ser doutro xeito, o libro fai unha referencia explícita (sen cometer o erro de convertelo nun acontecemento central) á excursión que Castelao fixo ao Pico Sacro en xullo de 1924. E así, creo eu, debe lerse este libro. Como unha excursión literaria. Home libre, sempre quererás o Pico Sacro, que diría Baudelaire, esa foi a sensación que eu tiven ao lelo como considero que debe lerse, de forma espontánea e festiva, intentando captar a personalidade múltiple deste monte sagrado e fervello tal e como captamos a personalidade múltiple da catedral de Rouen pintada a diferentes horas do día ou en diferentes estacións e condicións climatolóxicas ou por diferentes pintores. O Pico Sacro aparece así como un castro, un culto pagán, unha lús alboradeira, unha ara do fusco lusco, paraxe de deuses e feridos heroes, o lugar onde soñamos a Terra Nosa aínda máis Nosa, o miradoiro desde onde observar o alborexar tras unha noite de estudo, a illa principal no arquipélago dos cumios, a horta da raíña Lupa, o fogar dos devotos de San Sebastián, o misterioso Mons Sacer de Justino, un monte que camiña, a pista de baile das bolboretas, un guerreiro da historia, o escenario dun crime ou das andanzas do demo, un cono volcánico e lanzal na planicie que leva a Compostela, o pico que miradas máis antigas chamaban Ilicinio, e moitas outras personalidades que multiplicamos cada vez que lemos ou relemos un novo texto.

Perdoaranme os numerosos autores que non os cite. Ao fin e ao cabo, nun libro coma este, cun protagonista xeolóxico e mítico, poético e prosaico, inmaculado e violado, ateo e relixioso, comprometido e ensimesmado, local e universal, o de menos debera ser a autoría humana, incluso estando presentes autores de gran relevancia na literatura galega. Só os editores literarios, Miro Villar e Xosé Manuel Lobato, merecen un recoñecemento explícito, o recoñecemento dun acto bo e xeneroso. Un país que trata un monte como o Pico Sacro co amor que revela este libro é, sen dúbida, un país mellor.

Comentarios desactivados en Pico Sacro, ferido polo lóstrego e a lenda, unha recensión de X. Ricardo Losada en Café Barbantia

Mai 18 2017

«O Pico Sacro, un volcán de palabras», recensión no dixital Letra en Obras

A redacción do xornal dixital cultural e literario Letra en Obras asina unha recensión sen asinar da antoloxía intitulada Pico Sacro, ferido polo lóstrego e a lenda (Escolma de textos literarios éditos e inéditos na literatura galega contemporánea), coordinada por min propio e Xosé Manuel Lobato, escritor e presidente da A. C. Mestre Manuel Gacio de Boqueixón, entidade que promoveu a súa publicación, e que editou de maneira ben coidada Alvarellos Editora. Velaquí:

O Pico Sacro, un volcán de palabras

Por Redacción 15/05/2017

Dende principios deste mes de maio está nas librarías un libro moi singular: Pico Sacro, ferido polo lóstrego e a lenda. A obra, que está coordinada polos profesores e escritores Xosé Manuel Lobato e Miro Villar, é unha escolma de textos literarios éditos e inéditos na literatura galega contemporánea referentes a este espazo mítico emprazado no concello de Boqueixón (Comarca de Compostela). O resultado é un coidado volume editado por Alvarellos e a Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio, un Pico Sacro convertido nun incesante volcán de palabras.

Nun inxente traballo de documentación e escolma, Lobato e Villar recuperan textos xa editados de Marcial Valladares, Lamas Carvajal, Manuel Murguía, Vicente Risco, Álvaro de las Casas, Carré Alvarellos, Antón Zapata, Manuel María, Suso de Toro, Carmen Blanco, María Solar, e un longuísimo etcétera. Na segunda parte do libro hai espazo para novos textos sobre o Pico Sacro que aínda non viran a luz e que son autoría, entre moitos outros, de: Cabeza Quiles, Marta Dacosta, Rosalía Fdez. Rial, Alexandre Nerium, Emma Pedreira, Heitor Picallo ou Helena Villar Janeiro.

Quizais a contracapa do libro é a mellor declaración de intencións do que pretende e consegue este volume no que se recollen textos de noventa autores e autoras:

Se hai un cumio ou monte mítico, simbólico e histórico a un tempo, en Galicia, este é o Pico Sacro. Elévase garboso ao leste de Compostela, no Concello de Boqueixón, a 533 metros de altitude. Este libro reúne a obra de noventa autores e autoras arredor desta cima única. Unha edición ao coidado de Miro Villar e Xosé Manuel Lobato, responsables dun traballo pioneiro: recompilaron textos clásicos, históricos —algúns ben coñecidos, outros moi pouco divulgados ata hoxe— e puxéronos a dialogar con novas composicións, inéditas, de autores e autoras actuais.

Dende o Rexurdimento ata os nosos días, o Pico Sacro foi constante invocación literaria, e esta obra é a proba evidente. Poemas, relatos, ensaios, crónicas xornalísticas, ata contos infantís…“Historia e ficción mestúranse aquí nun binomio inseparable”, sinalan os artífices desta convocatoria. Subamos pois ao Pico Sacro. E academos, dende Galicia, o universo enteiro. Un universo escrito que se desprega en cada unha destas páxinas.

Comentarios desactivados en «O Pico Sacro, un volcán de palabras», recensión no dixital Letra en Obras

Mai 18 2017

Artigo en QPC (XXVI): Nemancos (1953-1954), a revista dirixida por Baldomero Cores Trasmonte

Veño de publicar unha nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para (re)lembrar a revista Nemancos (1953-1954), unha anotación que fixo parte do meu relatorio «O mundo literario de Baldomero Cores Trasmonte», nas Xornadas que coordinou o amigo bibliotecario José Ramón Rey Senra en Cee. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

Nemancos (1953-1954), a revista dirixida por Baldomero Cores Trasmonte

Hai vinte anos, por volta de 1997, fixen unha análise da revista Nemancos cando estaba a traballar como bolseiro de investigación (xa rematada a carreira de Filoloxía Galego-Portuguesa) no proxecto do Dicionario da Literatura Galega, que publicou Galaxia, coa coordinación da crítica e profesora Dolores Vilavedra. Naquela altura traballaba nas fichas do volume II. Publicacións periódicas (Galaxia, 1997) e, a través do antropólogo muxián Manuel Vilar, co que tiña moita amizade, Baldomero Cores Trasmonte fíxome chegar copia dos tres exemplares que publicou a revista Nemancos en 1953 e 1954, unha publicación local que promoveu e dirixiu. As copias dos números 2 e 3 levan unha dedicatoria autógrafa ao escritor e sacerdote Paulino Pedret (1899-1969), que foi académico da RAG, e están depositados no fondo co seu nome na Biblioteca Xeral da USC.

A día de hoxe tamén se pode consultar unha copia en papel no Fondo Local da Biblioteca Pública Municipal Francisco Mayán de Cee, que dirixe José Ramón Rey Senra. (E durante as Xornadas reivindicamos a súa dixitalización dentro do proxecto Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia)

Actualizo agora con algúns novos datos a ficha que elaborei sobre esta publicación, ao tempo que engado un completo Índice de cada número.

NEMANCOS

“Hacia el Finisterre” era o subtítulo desta publicación que toma a súa cabeceira do arciprestado de Nemancos que, naquela altura, abranguía os concellos de Fisterra, Cee, Corcubión, Camariñas, Muxía e parte de Vimianzo, xa que pouco tempo despois a Igrexa faría unha división eclesiástica deste amplo territorio en dous, Nemancos e Duio. Aínda que a revista representaba os intereses da devandita comarca, o certo é que tiña a administración en Santiago e era impresa en Betanzos.

Estaba dirixida por Baldomero Cores Trasmonte nos seus anos de universitario. De feito, o enderezo da publicación (Entremurallas, 9) era onde a súa familia rexentaba un hostal e alí tiña o seu cuarto de estudante. Nunha entrevista que lle fai Xosé Manuel Cambeiro para La Voz de Galicia (1/11/2008) dise que seu pai, revisor dos autocares Guillén que facían o traxecto a Santiago de Compostela, mercou o pequeno hotel Comercio ao que denominou A Nosa Casa, lugar ao que o poeta Aquilino Iglesia Alvariño denominou «consulado xeral do Partido Xudicial de Corcubión» e onde mesmo atoparían refuxio algúns dos fuxidos do Monte Pindo na posguerra.

Unicamente saíron tres números, aínda de que hai constancia de que estaba preparado o cuarto que nunca viu a luz. Os dous primeiros apareceron no ano 1953 e o terceiro e último en 1954. A revista desapareceu por mor das obrigas militares do seu director, desprazado a Ferrol para facer o servizo militar. Oscilaba entre as vintecatro e as vinteoito páxinas, con unha ou dúas para a publicidade. Nelas tiña unha serie de seccións de artigos de defensa local, rumor popular, páxina social, páxinas deportivas ou bibliografía da comarca, sempre co obxectivo de atender os intereses comarcais, para o que dispuña de correspondentes nas principais vilas e tamén en Bos Aires, que recollían as novas das sociedades de emigrantes da zona na capital arxentina. Estaba redactada maioritariamente en castelán, aínda que o galego tamén tiña unha certa presenza, nomeadamente nas páxinas poéticas. No tocante ás colaboracións literarias, mantiña unha sección fixa chamada «Página poética» na que se publican catro poemas en galego de Gonzalo López Abente, un texto de Xosé Fernández Ferreiro e dous de Consuelo Domínguez Rodríguez, que é cualificada como “nuestra rosaliana poetisa sexagenaria”, definición na que hai moito de esaxero. A prosa galega está representada por artigos de diferente temática, con traballo do propio López Abente, Salvador Lorenzana (pseudónimo de Fernández del Riego), Ben-Cho-Shey, Otero Pedrayo e Ramón Costa Suárez, ademais doutros textos en castelán de Aquilino Iglesia Alvariño, Francisco Mayán Fernández e o propio director da revista. Deles, unicamente o artigo de Abente trata un tema literario, pois reproduce fragmentos do seu discurso de ingreso na RAG intitulado «A terra e a poesía de Pondal». Finalmente, na sección reivindicativa “Rumor popular” reclámase, entre outras cousas, que se organicen uns xogos florais na comarca e que se lle faga unha homenaxe ós grandes poetas da zona, Labarte Pose e López Abente.

BIBLIOGRAFÍA Cfr. CC, GEG

Barreiro, X. R., “La revista de Cee”, La Voz de Galicia, 21-X-1995.

SUMARIOS

Nº 1 (1953)

Páx. 3: Índice de colaboracións literarias, fotografías, colaboracións económicas.
Páxs. 5-6: Editorial. (Sen asinar, a autoría debe ser do propio Baldomero Cores, presenta os obxectivos da revista e a súa vocación comarcal. Ao pé unha foto da Alameda de Cee)
Páx. 7: Viajeros ilustres. Tierras que dan cuerda al narrador. Por Rabanal Álvarez.
Páx. 8: Temas da Mariña. Por Ramón Otero Pedrayo.
Páxs. 9-10: Descubriendo la tierra. Canto al Valle de Lires. Por Manuel Domínguez Rodríguez.
Páxs. 10-11-12: La ría de Corcubión y tierra de Nemancos (Una desconocida comarca natural). Por Francisco Mayán Fernández. (continuará)
Páxs. 13-14: Defensa local. Sus y a ellos. (Sen asinar, novamente debe ser do propio Baldomero Cores. Con fotografía da Fundación Fernando Blanco que se reivindica para crear un Instituto Laboral)
Páxs. 14-15: Rumor popular. (Sete textos breves sen asinar, catro en galego e tres en castelán, todos eles de carácter reivindicativo)
Páxs. 15-16: Apoliticismo vilán. Por Ramón Costa Suárez. Datado en Buenos Aires (14-02-1953).
Páx. 17: Hay un merlo. Poema de Gonzalo López Abente (Foto do primeiro recheo de Cee, a carón da vella casa do concello)
Páxs. 18-19-20: El mito de una ría. Por Baldomero Cores Trasmonte.
Páxs. 20-21-22: Dinamismo popular. Tipos populares de Corcubión. Por Juan Romero Canosa.
Páxs. 20-21: Página social. (Sen asinar)
Páx. 21. Página deportiva. (Sen asinar)
Páxs. 22-23-24: Publicidade de establecementos de Cee, Muxía, Zas, Santiago de Compostela e A Coruña.

Nº 2 (1953)

Páx. 3: Índice de colaboracións literarias, fotografías, colaboracións económicas. Por primeira vez aparece Baldomero Cores Trasmonte como Director e inclúe unha listaxe de seis colaboradores en diferentes concellos da comarca.
Páxs. 4: Editorial. (Sen asinar, a autoría debe ser do propio Baldomero Cores)
Páx. 5-6-7: Viajeros ilustres. Mugía, santuario célebre. La Costa de la Muerte. Por Victoriano García Martí. (Publícase coa seguinte nota a rodapé: «Por ignorar la dirección accidental de este gran escritor gallego, nos vemos obligados, por su enorme interés para esta tierra, a reproducir estas líneas publicadas en un gran diario hispánico.»)
Páx. 7-8: No confín do noroeste hispánico. Por Salvador Lorenzana.
Páxs. 9-10-11-12: Descubriendo la tierra. El Municipio de Cee. Por Baldomero Cores Trasmonte. (Fotografía da antiga praza do peixe, que nun atentado contra o patrimonio foi derrubada para construír o actual centro social da 3º idade)
Páx. 13-14: Turismo mal dirigido. Por Alfonso García Garea
Páxs. 14-15: Olvido imperdonable. Por Elías Toba Lema.
Páx. 16: Página poética. Por Consuelo Domínguez Rodríguez.
Páx. 17: Pregaria. A oferta. Dous poemas de Gonzalo López Abente (Con nota a rodapé: «Quisiera el poeta publicar esta magnífica poesía en los días de la Barca, pero a NEMANCOS no le fué posible complacerle»)
Páxs. 18-19-20-21: La ría de Corcubión y tierra de Nemancos (Una desconocida comarca natural). Por Francisco Mayán Fernández. (continuará)
Páxs. 22-23-24: Defensa local. El testamento de Fernando Blanco de Lema. (Sen asinar)
Páx. 25: Rumor popular. (Nove textos breves sen asinar, tres en galego e seis en castelán, todos eles de carácter reivindicativo. Fotografía da rúa Fernando Blanco, hoxe parte da súa avenida)
Páxs. 26-27: Página social. (Sen asinar)
Páx. 27. Página deportiva. (Sen asinar)
Páxs. 28: Publicidade de establecementos de Cee, Santiago de Compostela e A Coruña.

Nº 3 (1954)

Páx. 3: Índice de colaboracións literarias, fotografías, colaboracións económicas. Baldomero Cores Trasmonte como Director e inclúe unha listaxe de dez colaboradores en diferentes concellos da comarca e o poeta Gervasio Paz Lestón como colaborador desde Buenos Aires. Nas colaboracións gráficas Ventura Cores Trasmonte, debuxo, e La Noche, fotografía)
Páxs. 4-5: Editorial. (Sen asinar, a autoría debe ser do propio Baldomero Cores)
Páxs. 5-6: Viajeros ilustres. Mis recuerdos de Cée, Corcubión y Finisterre. Por Paulino Pedret Casado.
Páx.6-7: Nemancos por testigo. Por Aquilino Iglesia Alvariño.
Páxs. 7-8: As sardiñas. Por Ben-Cho-Shey.
Páxs. 8-9-10-11: Descubriendo la Tierra. Do corruncho finisterrán. Cabos e piñeiros. Por Gonzalo López Abente. (No remate do artigo abentiano un debuxo do escudo de Corcubión coa seguinte nota a rodapé: «Las armas del escudo y la enseña hablan de su historia. El mar nos dice de una perenne dedicación. El mar y la historia siempre unidos»)
Páx. 12-13-14: Bibliografía referente a Nemancos. Por Baldomero Cores Trasmonte. (Realiza unha ampla listaxe de autores e publicacións con referencias a asuntos e temas comarcais)
Páxs. 15-16-17-18-19-20-21-22-23: La ría de Corcubión y tierra de Nemancos (Una desconocida comarca natural). Por Francisco Mayán Fernández. (continuará)
Páx. 24: Para los de Finisterre en América. Por Plácido Lizancos Santos.
Páx. 25: Defensa local. Senande aun no es Senande. Por Ángel M. Quintáns Bouza. (Fotografía de Corcubión)
Páx. 26: Página poética. Por Consuelo Domínguez Rodríguez.
Páx. 27: Vento mareiro. Poema de Xoxé (sic) Fernández Ferreiro (Datado: Nas miñas terras altas de Ramuin, 1953). Nocturno en aguas. Poema en castelán de Juan Pernas Leira.
Páx. 28: Rumor popular. (Fotografía da igrexa de Corcubión)
Páxs. 29-30: Página social. (Sen asinar)
Páx. 31. Página deportiva. (Sen asinar)
Páxs. 32: Publicidade de establecementos de Cee, Santiago de Compostela, A Coruña e Madrid.

Comentarios desactivados en Artigo en QPC (XXVI): Nemancos (1953-1954), a revista dirixida por Baldomero Cores Trasmonte

Feb 09 2017

Recensión a Os últimos carballos do Banquete de Conxo, en Grial 212

Nese mesmo último número, 212 (outubro, novembro, decembro do 2016) de Grial, Revista Galega de Cultura, e nesa mesma sección intitulada «O espello das letras» aínda asino unha outra recensión intitulada «Memoria do 160 aniversario do banquete democrático» para dar conta do libro Os últimos carballos do Banquete de Conxo (Alvarellos Editora / Consorcio de Santiago, 2016) da autoría de Henrique Alvarellos, Xurxo Martínez González, Francisco Singul e Martín Souto.

No momento de saír este volume e de escribirmos a recensión aínda non se descubrira o texto do brinde poético de Luís Rodríguez Seoane, que o investigador e filólogo Xurxo Martínez González localizou hai ben pouco, como se detalla nesta nova do dixital Praza Pública.

Feita esta aclaración, velaquí vai a miña recensión ao completo:

Memoria do 160 aniversario do banquete democrático

Os últimos carballos do Banquete de Conxo

Henrique Alvarellos, Xurxo Martínez González, Francisco Singul, Martín Souto

Santiago de Compostela: Alvarellos Editora / Consorcio de Santiago, 2016, 154 páxinas

Unha nova obra relacionada coa historia da cidade emerxe da colaboración entre o Consorcio de Santiago e as editoriais, desta volta Alvarellos, nunha edición coidada con agarimo e beleza estética. Trátase do volume Os últimos carballos do Banquete de Conxo, inspirado polo editor Henrique Alvarellos e escrito a catro mans, a súa propia e as do filólogo Xurxo Martínez González, do historiador da arte Francisco Singul e do biólogo Martín Souto, que se xuntan para daren unha interpretación e unha reivindicación persoal do espazo no que tivo lugar o coñecido Banquete de Conxo, celebrado o 2 de marzo de 1856, organizado por estudantes, entre os que estaban os poetas Aurelio Aguirre e Eduardo Pondal, para se irmandaren con artesáns e obreiros.

Henrique Alvarellos na súa «Balada ceibe no Bosque de Conxo» realiza unha serie de calas sobre este espazo singular, nunha época na que aínda Conxo era un concello de sete parroquias. De primeiras con «Un estudante andaluz en Conxo» deita luz sobre a pouco coñecida primeira viaxe de Federico García Lorca a Compostela nos días finais de outubro de 1916, canda outros compañeiros que chegaron por iniciativa do catedrático da Universidade de Granada Marta Domínguez Berrueta. Alvarellos explica que “trazaron varias rutas culturais por Compostela e, nunha delas, saíron do casco histórico habitual e decidiron baixar ata o vello mosteiro nos arrabaldes do sur da cidade, atraídos probablemente pola beleza e a singularidade do seu claustro románico”, que tamén se documenta ao reproducir o testemuño da inconfundible sinatura de Lorca no Álbum de Honor do sanatorio psiquiátrico de Conxo, así como a única fotografía conservada daquela xeira.

Deseguida en «Banquete para 1500 en Buenos Aires» sintetiza algunhas pegadas do Banquete de Conxo na colectividade da diáspora, salientando que o Iº Congreso da Emigración Galega de 1956 escollera a data do centenario para as súas xornadas, coa celebración dun novo banquete con novos brindes como o proferido por Xosé NeiraVilas, mais tamén a súa anterior presenza nun artigo que o poeta Antón Zapata García asina en 1939 no xornal Noticias gráficas.

Seguen outras anotacións breves, entre elas «O encargo de Cabanillas a Peinador» que recolle unha carta do poeta exhumada por Ricardo Gurriarán; «O poeta santiagués máis famoso do século XIX» que se centra na relación de Aurelio Aguirre con esta contorna; «A descuberta dos primeiros (derradeiros) carballos» que relata unha pescuda recente; «Un territorio onde converxen os relatos» sobre a súa presenza en textos aurorais da nosa literatura ou «Guía, rescate e reparación: Rosalía… de Conxo» e «Rosalía de Castro denuncia a tala do bosque», xunto a outros epígrafes nos que vai debruzarse sobre a malfadada desfeita que levaría á desaparición, case por enteiro, deste singular espazo natural.

Por parte, Xurxo Martínez González en «Conxo, cantiga de liberdade. Anotacións ao pé do Banquete de Conxo» contextualiza o momento histórico e sintetiza a política española no denominado Bienio Liberal (1854-1856), así como a praxe política dos “provincialistas” e o papel protagónico do poeta Aurelio Aguirre, xa recollido por Manuel Murguía en Los precursores, para finalmente analizar os brindes poéticos do propio Aguirre e de Eduardo Pondal e o seu contido de proclamas incendiarias, alén de se laiar de que se perdese un terceiro texto de Luís Rodríguez Seoane. Os dous textos mentados, dos que se reproduce a primeira páxina orixinal, son transcritos por completo nos Apéndices deste volume xunto a unha crónica do acto aparecida catro días despois no xornal La Oliva.

Francisco Singul en «Memoria xacobea, historia e arte no mosteiro de Conxo» fai un interesante percorrido pola histórica relación de Conxo coas peregrinacións xacobeas a través do camiño portugués e, sobre todo, salienta a veneración da imaxe da Virxe da Cuncha ou a fábrica románica do vello claustro, do que hoxe a penas conservamos tres pandas, alén de realizar unha incursión demorada na igrexa, nos retablos barrocos e nas imaxes neoclásicas, para rematar na historia da desamortización do século XIX e nas reformas posteriores, mesmo dos pasados anos oitenta.

Martín Souto ponlle un ramo ben axeitado a esta obra co seu artigo «Un paseo botánico pola carballeira de Conxo» que principia por lembrar a importancia dos Quercus robur ou carballos na nosa existencia como pobo. Ilustracións e fotografías do propio autor do texto acompañan a súa ben acaída proposta de facermos un percorrido pola riqueza e biodiversidade deste espazo, aínda lembrando que boa parte do mesmo non é de acceso libre por pertencer ao cerrado do psiquiátrico.

Catro diferentes perspectivas, pois, para achegármonos a un espazo mitificado na historiografía e na literatura galega por se tratar do lugar de celebración dun dos actos cimeiros da nosa historia colectiva, no que se cantou e tamén se defendeu a liberdade desde a fraternidade.

Miro Villar

Comentarios desactivados en Recensión a Os últimos carballos do Banquete de Conxo, en Grial 212

Dec 21 2016

Artigo en QPC (XVIII): «Nos oitenta anos (1936 – 2016) dun decembro negro na Costa da Morte»

Veño de publicar unha nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para lembrar a represión franquista no territorio máis amado. Co texto intitulado «Nos oitenta anos (1936 – 2016) dun decembro negro na Costa da Morte», hai pois oitenta anos daquela barbarie. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

Nos oitenta anos (1936 – 2016) dun decembro negro na Costa da Morte

A lembranza da barbarie do asasinato en decembro de 1936 dos sindicalistas de Cee non foi desta volta esquecida, malia a inhibición do goberno municipal de Cee, aínda obsesionado no esquecemento destas persoas de ben que naceran ou traballaban na localidade.

Todos e todas nós coñecemos a súa historia grazas ao impagable labor de Luis Lamela García, quen por volta de 1995 publicou Crónica de una represión en la «Costa da Morte», na desaparecida Edicións do Castro que dirixía o finado Isaac Díaz Pardo. Malfadadamente esta obra imprescindible xa non é doada de adquirir, de quitado dalgún exemplar en librarías de vello, aínda que figure nos catálogos das nosas bibliotecas públicas e municipais. En agosto dese 1998 escribín unha breve recensión que deseguida recupero:

«Tivemos que agardar case sesenta anos de silencios para que unha parte importante e ata agora sempre oculta das vilas de Cee e Corcubión vise a luz. As desoladoras consecuencias que provocou no 36 o levantamento fascista contra a república, legalmente constituída pola vontade do pobo democrático.

Por fin, este período, escurecido pola cor vermella do sangue que enchoupou as rúas e os corazóns de moitas familias, é analizado ao detalle, con documentación baseada nos sumarios e nos testemuños orais dos sobrevivintes, así como o pouco que se conserva nos arquivos, nun volume que vén de editar Edicións do Castro no que se recollen as investigacións feitas por Luis Lamela García.

O libro titúlase Crónica de una represión en la «Costa da Morte», e ademais dos casos de Cee e Corcubión tamén se ocupa dos crimes que sucederon en Fisterra, Ponte do Porto, Vimianzo, Zas e outros lugares.

A portada deste ensaio de Luis Lamela, que segue a liña dos seus traballos anteriores, sobre Pepe Miñones, Foucellas ou Alexandre Bóveda, reproduce o texto sobre a execución dos operarios de Cee, Norberto Recamán Lago, José Lago Fernández, Teófilo Mejuto Leis, Perfecto Trasmonte Costa, Jesús Chouza Figueira, Florentino Canosa Barreiro, Manuel García Castiñeiras e Domingo López Domínguez.

A sentenza cumprimuse o 9 de decembro de 1936 na Punta Herminia coruña onde pouco antes tamén fora fusilado Miñones. O oficial do pelotón reamta un a un cun tiro de graza no lateral do cráneo.

As investigacións de Luis Lamela non se deteñen neste episodio, se cadra o máis duro xunto coa violación e asasinato dunha mestra na vila corcubionesa (Mercedes Romero Abella, nada en Cee o 27 de xuño de 1907, que foi fusilada en Aranga o 19 de novembro de 1936 e soterrada nunha foxa común en Vilarraso), senón que nos fornece de datos sobre as actividades sindicais e municipais republicanas, analiza aspectos como a folga xeral ou o asalto á Casa do Concello de Cee, e tamén nos fala dos consellos de guerra, dos fuxidos ao Pindo e da continuación do terror fascista coa implicación de moitos «camisas vellas».

Non podemos neste breve espazo reseñar todos os feitos e peroas que aparecen no traballo de investigación de Luis Lamela que se resumen nunha relación de vítimas da guerra civil no partido xudicial de Corcubión, que o propio autor sinala que é incompleta pese a nomear a máis de cen persoas. Luis Lamela propúxose que nós non esquezamos o acontecido, rompendo ese pacto do «olvido» imposto polos afíns aos represores. Este libro non pode faltar en ningunha das casas da Costa da Morte para que poidamos aprender da lección histórica do noso pasado.

E xa postos, é hora de que o rueiro municipal de Cee elimine os nomes de militares e falanxistas e honre co nome dunha rúa os veciños que foron asasinados. É o menos que podemos facer por eles».

Até aquí aquela recensión, que deixaba fóra o feito de que unhas semanas despois, outro consello de guerra sumarísimo decretou o fusilamento doutro ceés, Vicente Mejuto Leis, que se data no 6 de xuño do 1938.

O proxecto universitario «Nomes e Voces», que nacera da colaboración entre as tres universidades e a Consellaría de Cultura na etapa do denominado bipartito e que nos sucesivos gobernos do PP deixou de recibir axudas económicas que provocaron a súa práctica parálise, recolle unha breve biografía de cada unha das persoas citadas. Velaquí:

Norberto Recamán Lago: Execución. Home de 22 anos. Empregado/a. Natural de Cee. Veciñanza: Cee. UGT. Fábrica de Carburos Metálicos. Morto o 09 de decembro de 1936. Xulgado en A Coruña por rebelión co resultado de sentenza a pena de morte. Executada en A Coruña.

José Lago Fernández «Granado»: Execución. Home de 37 anos. Empregado/a. Natural de Corcubión. Veciñanza: Brens, Cee. UGT. Empregado da Fábrica de Carburos Metálicos. Morto o 09 de decembro de 1936. Xulgado na Coruña por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte. Executado na Coruña.

Teófilo Mejuto Leis: Execución. Home de 27 anos. Chofer. Natural de Cee. Veciñanza: Corcubión. Morto o 09 de decembro de 1936. Xulgado na Coruña por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte. Executado na Coruña.

Perfecto Trasmonte Costa: Execución. Home de 26 anos. Empregado/a. Natural de Cee. Veciñanza: Cee. UGT. Empregado da Fábrica de Carburos Metálicos. Morto o 09 de decembro de 1936. Xulgado na Coruña por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte. Executado na Coruña.

Jesús Chouza Figueiras «Gorrión»: Execución. Home de 52 anos. Follalateiro/a. Natural de Carnota. Veciñanza: Cee. Izquierda Republicana. Concelleiro en Cee. Morto o 09 de decembro de 1936. Xulgado en A Coruña por rebelión co resultado sentencia pena de morte. Executada en A Coruña.

Florentino Canosa Barreiro: Execución. Home de 29 anos. Empregado/a. Natural de Cee . Veciñanza: Cee. UGT. Empregado da Fábrica de Carburos Metálicos. Morto o 09 de decembro de 1936. Xulgado na Coruña por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte. Executado na Coruña.

Manuel García Castiñeira «Moledo»: Execución. Home de 30 anos. Mecánico. Natural de Cee.
Veciñanza: Cee. UGT. Empregado da Fábrica de Carburos Metálicos. Morto o 09 de decembro de 1936. Xulgado na Coruña por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte. Executado na Coruña.

Domingo López Domínguez: Execución. Home de 29 anos. Empregado/a. Natural de Porto do Son (A Coruña). Veciñanza: Porto do Son. UGT. Empregado da Fábrica de Carburos Metálicos de Cee. Morto o 09 de decembro de 1936. Xulgado na Coruña por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte. Executado na Coruña.

Vicente Mejuto Leis: Morte (outras tipoloxías). Home de 24 anos. Chofer. Natural de Cee. Veciñanza: Cee. Morto o 22 de maio de 1938. Xulgado na Coruña por rebelión co resultado de sentenza a prisión 12 anos e 1 día. Morto na cadea na fuga da prisión de San Cristóbal. Inscrición da defunción en xaneiro de 1947.

Mercedes Romero Abella: Paseo. Muller de 29 anos. Mestre/a. Natural de Cee. Veciñanza: Plazuela de S. Domingo. A Coruña. UGT. Morta o 19 de novembro de 1936. Morte rexistrada por disparos de arma de fogo. Aparición do cadáver no Pozo da Ponte Castellana en Aranga. O seu marido Francisco Mazariegos tamén foi asasinado.

A pedimento de Luis Lamela escribín un soneto na memoria dos asasinados que figura no pórtico do primeiro capítulo do seu libro sobre a represión na Costa da Morte. Velaquí:

1936

Naquel verán soturno, de sol pálido e tordo,
Cee pobouse de anguria, queimadura que medra
e estraga sentimentos que a represión empedra
deitando sangue quente co seu buligar xordo.

Houbo debilidade, soterrando o recordo,
gravado e lacerado no silencio da pedra,
cos corpos do futuro cubertos só por hedra
de onde naceron luces, palabras no balbordo.

Amouse a terra fértil, húmida daquel sangue,
onírico desexo que en nós vive e rebenta
e soñouse insubmisa, memoria turbulenta
da diáspora antiga que o pretérito abrangue.

Viñeron tempo ermos e tempos de decrúa
e o sangue foi semente da liberdade núa.

Comentarios desactivados en Artigo en QPC (XVIII): «Nos oitenta anos (1936 – 2016) dun decembro negro na Costa da Morte»

Dec 14 2016

Relatorio sobre Gonzalo López Abente no ciclo No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos, organizado pola Real Academia Galega


(Pola esquerda, Xosé Ramón Pena, Xosé Luís Axeitos, Chus Nogueira e Miro Villar. Autor: RAG)

Onte, martes, 13 de novembro, estivemos na Casa Galega da Cultura en Vigo para participar nunha nova xornada do ciclo denominado «No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos», unha das iniciativas organizadas pola Real Academia Galega para memorar o centenario da fundación das Irmandades da Fala. A mesa de debate centrada na poesía das Irmandades, baixo o título Unha poética anovadora, estivo introducida e moderada polo académico Xosé Luís Axeitos, e nela participamos Xosé Ramón Pena, Chus Nogueira e eu propio, que demos a coñecer un resumo dos relatorios que se han publicar no sitio web da RAG. A miña intervención estivo focada nun texto que leva por título Gonzalo López Abente, o «poeta do mar» das Irmandades da Fala.

A xornalista Iolanda Rodríguez Casal recolle as nosas respectivas intervencións nunha ben completa e precisa crónica que reproduzo deseguida e que tamén se pode ler nesta ligazón.

Versos inéditos na mesa sobre a poesía no tempo das Irmandades da Fala

14/12/16| Actualidade: Novas

Os versos de dous poemas inéditos de Euxenio Montes e Xavier Pardo Bedía escoitáronse onte na mesa de debate sobre as Irmandades da Fala que a Real Academia Galega organizou en Vigo dentro do ciclo No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos. O académico Xosé Luís Axeitos presentou estas composicións como exemplo da importancia do atlantismo na poesía da época nun encontro centrado precisamente na lírica no que Chus Nogueira achegou unha mirada crítica desde a historiografía, Xosé Ramón Pena se detivo no traballo a prol da creación dunha estética nacional e Miro Villar reivindicou devolver a figura de Gonzalo López Abente á posición central que ocupara en vida.

Ademais de presentar os convidados, Xosé Luís Axeitos falou brevemente do atlantismo na poesía do tempo das Irmandades, un dos conceptos básicos e vertebradores da teoría política nacionalista de Vicente Risco e do grupo Nós. Para perfilar a doutrina do atlantismo, presenza dunha corrente céltica común entre os pobos bretón, normando, irlandés e galego, a revista Nós dedicou en distintos números espazos xenerosos á denominada “cuestión irlandesa”, con traducións de Yeats e Joyce, artigos de Otero Pedrayo ou un monográfico con poemas de Cabanillas e Taibo. O tema foi obxecto de debate nos faladoiros da época e tratado en numerosas conferencias. “Mesmo se pode dicir que esta teoría do atlantismo é diferenciadora do grupo ourensán, máis conceptual e académico, a respecto doutras agrupacións”, engade.

Como proba da importancia do atlantismo na poesía das Irmandades, Xosé Luís Axeitos presentou un poema inédito de Euxenio Montes, dedicado a Manuel Antonio, e outro nunca saído do prelo de Xavier Pardo Bedía. Ambas as dúas composicións serán publicadas por primeira vez na edición que se fará dos relatorios do ciclo No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos.

Deseguido, a profesora da Universidade de Santiago de Compostela Chus Nogueira foi a encargada de levar a cabo unha revisión crítica de como a produción poética da época foi abordada nas historias da literatura a través de autores como Ricardo Carballo Calero, Xosé Luís Méndez Ferrín, Francisco Rodríguez, Anxo Tarrío, Dolores Vilavedra ou Xosé Ramón Pena. A especialista concluíu que nas distintas propostas se reflicten “as tensións que xa se deron no seo das Irmandades da Fala, con escollas que priorizan o político e outras o feito cultural”. Ao seu xuízo, evidéncianse tamén os problemas que ás veces xorden polo “excesivo detalle” na identificación de promocións e grupos e advertiu que, se ben as diversas achegas historiográficas implican visibilidade para parte dos autores, tamén gardan relación co feito de que aqueles de ubicación difícil ou interxeracional quedasen “en zonas de sombra” e que tardasen en seren recoñecidos e editados.

Xosé Ramón Pena defendeu neste sentido que a historia da literatura é parte do relato da historia xeral e que con frecuencia os acontecementos artístico-literarios adiantan os sociopolíticos. O seu relatorio centrouse na achega “decisiva” dos membros das Irmandades respecto da conformación da lírica galega do século XX. “Se houbese que procurar un apartado único, un episodio central no labor da organización irmandiña, ese ten que ser, con toda certeza, o da procura dunha estética nacional. Unha procura, polo demais, que non só afecta ao eido poético, senón aínda a esoutros da prosa de ficción, do teatro…”, salientou. Acadar a soberanía estética da nación galega foi, de feito, un dos apartados da I Asemblea Nacionalista.

De acordo con dito mandato, os principais líderes das Irmandades buscaron con afán conformar a soberanía nacional no espazo das artes, pero tamén nestoutro das letras. “Mediante numerosos artigos publicados en xornais e revistas, Antón Villar Ponte traballou arreo nesa dirección que buscaba una perfecta síntese entre a tradición e a modernidade; entre a enxebreza e os novos xeitos vidos de Europa. Villar Ponte creu atopar o home e mais o modelo: tratouse de Ramón Cabanillas. Así pois, sen dúbida, o poeta arelado veuse transformar no intérprete ideal para a conformación da estética irmandiña. Ou, simplemente, no poeta”, sintetizou Xosé Ramón Pena.

Sobre outro escritor da época, Gonzalo López Abente (Muxía, 1878-1963), e a súa relación coas Irmandades falou Miro Villar, quen, referíndose tamén á análise de Chus Nogueira, reivindicou “sacar da zona de sombra un poeta que na súa época estaba no centro, e non na periferia como está hoxe”. O mellor poeta do mar, como o cualificou Risco, participou nas Irmandades desde o seu inicio e responsabilizouse da posta en marcha dunha delegación en Muxía, constituída en 1918. Se ben esta non desenvolveu moita actividade, “espallou pola Costa da Morte o ideario da organización galeguista”, salientou Miro Villar, que lembrou tamén que López Abente puxo a súa literatura ao servizo dos obxectivos do ideario das Irmandades.

Desde o primeiro momento, a súa sinatura estivo presente no seu voceiro oficial, A Nosa Terra, en cuxas páxinas publicou moitos poemas. Entre eles, o crítico literario detívose en “O piñeiro derrubado”, un dos que escribiu como homenaxe a Lois Porteiro Garea tras o seu pasamento.

Alén da creación literaria, o seu activismo cultural concretouse coa súa entrada no Seminario de Estudos Galegos, xunto con Cabanillas, Noriega Varela e Victoriano Taibo, nunha cerimonia na que interveu cunha lectura de poemas, repasou Miro Villar, que recordou deseguido o período da ditadura de Primo de Rivera, tempo de refuxio na literatura; o recoñecemento dos seus colegas, que o elixiron presidente da acabada de nacer Asociación de Escritores de Galicia, en marzo de 1936; a participación na campaña a prol do Estatuto de Autonomía e a depuración laboral que sufriu tras a sublevación militar, que o afastou do seu traballo e de calquera actividade pública. O franquismo silenciouno durante varios anos e, coma outros galeguistas, volveu refuxiarse na creación literaria.

Membro da Real Academia Galega, López Abente protagonizou o Día das Letras Galegas de 1971, una data que, valorou, non axudou ao seu recoñecemento posterior, xa que naqueles anos non se promovían aínda os profundos estudos que hoxe emerxen arredor desta celebración. Desde 2011, a Fundación Gonzalo López Abente traballa para divulgar a súa obra.

Comentarios desactivados en Relatorio sobre Gonzalo López Abente no ciclo No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos, organizado pola Real Academia Galega

Xul 08 2016

Ricardo Carballo Calero, Carlos Casares, Plácido Castro e Antonio Fernández Morales no Día das Letras Galegas 2017

CarvalhoCalero
(Diario de Ferrol, 23 de marzo do 2008)

A sesión ordinaria do Pleno da Real Academia Galega (RAG) de mañá sábado decidirá o nome da persoa a quen se vai homenaxear no Día das Letras Galegas 2017, despois da atinada decisión do pasado ano que a min fíxome ficar ben satisfeito por recoñeceren académicos e académicas a caudalosa obra de Manuel María (1929-2004), a quen tratei moito e que me honrou, como xa se contou nesta anotación, presentando en 1995 a Antoloxía poética de Gonzalo López Abente.

Desta volta son catro os candidatos (todos homes, por certo, o que xa levantou poeira de críticas nas redes sociais, nomeadamente mais non só desde ámbitos feministas), Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990), Carlos Casares Mouriño (Ourense, 1941-Nigrán, 2002), Plácido Ramón Castro del Río (Corcubión, 1902 – Cambados, 1967) e Antonio Fernández Morales (Astorga, 1817-1896).

E eu estaríavos ben feliz coa vella e sempiterna reivindicación do profesor Ricardo Carvalho Calero, xa que fixen pública a miña opción sobre a súa obra no texto (ollar imaxe superior) publicado no suplemento cultural Nordesía do Diario de Ferrol o 23 de marzo do 2008. Manteño aínda a mesma opinión e os mesmos argumentos que se poden ler nesa páxina. Non tiven trato persoal co vello profesor, mais nunca esquecerei unha conferencia súa sobre a obra de Rosalía de Castro proferida no Concello de Corcubión en 1985. Daquela eu tiña vinte anos e xa tiña inquedanzas literarias, lembro a cadencia da súa voz coma se fose hoxe e aquela tarde saín fascinado coa súa sabedoría e coa súa elocución. Un verdadeiro pracer. Moitos anos despois reivindiquei a súa obra poética no artigo intitulado «Poesía Galega de Ricardo Carvalho Calero», Ferrol Análisis 16, 2001. [ISSN 1576-4540]. 107-174.

Tampouco me había desagradar o nome de Plácido Castro polos seus vencellos con Corcubión e coa Costa da Morte, porén é de recoñecer que a súa obra había dar ben pouco xogo no ensino.

Ora ben, a nominación de Carvalho Calero sería unha auténtica sorpresa, pois a correlación de ideas de pensamento que se dá no seo da Academia fai que case todos os boletos os teña Carlos Casares. Tempo ao tempo.

Velaquí a nota feita pública pola RAG:

A RAG elixe este sábado o protagonista do Día das Letras Galegas de 2017

O Pleno da Real Academia Galega elixirá este sábado, 9 de xullo, reunido en xuntanza ordinaria, a personalidade literaria á que se lle dedicará o Día das Letras Galegas de 2017. As candidaturas presentadas, de conformidade co Regulamento de Réxime Interno da institución, son as seguintes: Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990), Carlos Casares Mouriño (Ourense, 1941-Nigrán, 2002), Plácido Ramón Castro del Río (Corcubión, 1902 – Cambados, 1967) e Antonio Fernández Morales (Astorga, 1817-1896).

Segundo se recolle no Regulamento de Réxime Interno, na primeira xuntanza despois do Día das Letras Galegas o Plenario da RAG deberá escoller a personalidade literaria a quen se lle dedicará esta conmemoración no vindeiro ano. Así mesmo, saliéntase que esta debe ser “autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe”. En calquera caso, deben pasar dez anos entre a súa morte e a designación para ese día.
Os académicos e académicas de número reuniranse este 9 de xullo pola mañá na propia sede da institución, na rúa Tabernas da Coruña. Ao termo da sesión plenaria, está previsto que o presidente, Xesús Alonso Montero, comunique a que autor se dedicará o Día das Letras Galegas de 2017.

Comentarios desactivados en Ricardo Carballo Calero, Carlos Casares, Plácido Castro e Antonio Fernández Morales no Día das Letras Galegas 2017

Xuñ 29 2016

Artigo en QPC (VIII): #Efeméride «A vinte anos do I Encontro de Escritores e Escritoras da Costa da Morte, primeira actividade do Batallón Literario»

Cam
(Cartaz do I Encontro de Escritores e Escritoras da Costa da Morte celebrado na Fundación Fernando Blanco de Cee)

Na nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, evoco unha efeméride importante na creación literaria costeira no texto intitulado «A vinte anos do I Encontro de Escritores e Escritoras da Costa da Morte, primeira actividade do Batallón Literario», que tamén xa se pode ler nesta ligazón. Este texto foi artellado con notas tiradas dos arquivos de prensa da época e tamén da memoria dos poetas fisterráns Alexandre Nerium e Modesto Fraga, quen foron presidente e secretario da entidade nalgún momento da súa existencia, e da miña propia. Velaquí.

A vinte anos do I Encontro de Escritores e Escritoras da Costa da Morte, primeira actividade do Batallón Literario

1. A previa

Nun tempo de efervescencia cultural prodúcense dous acontecementos que van resultar definitivos para a posterior creación do Batallón Literario da Costa da Morte. Dunha banda, en marzo de 1996, a asociación «Arre-Sentelha» organizou un recital de poesía no Castelo de Vimianzo. Na convocatoria participaron os irmáns Rafael e Xosé Manuel Lema, Modesto Fraga, Rafa Villar, Xandra Tedín, Abel Mendes, Xavier Rodrigues Fidalgo, Alberto Lema Suárez, César Carracedo, Manuel López Martínez (hoxe, Alexandre Nerium) e Roberto Traba Velay. Aínda que non todos, unha boa parte deles entraría a formar parte do Batallón Literario. Doutra banda, a publicación dun caderno poético en abril de 1996, organizado por membros do colectivo antimilitarista «Último Reemprazo», que levaba por título As armas da solidaridade, no que se incluían textos de autores da Costa da Morte, tamén afortalou a idea que se podían realizar moitas actividades en común. Recolle textos de César Carracedo, David Creus, Estevo Creus, Modesto Fraga, Frederico López Santalla, Xavier Rodrigues Fidalgo, Xandra Tedín, Miro Villar e Rafa Villar e Roberto Traba Velay, poeta fisterrán e único dos últimos citados que nunca participaría do espírito do Batallón.

2. A constitución formal

Deste xeito, o Batallón Literario da Costa da Morte vai quedar formalmente constituído nun data simbólica, o 1 de Maio de 1996, logo dunha longa reunión nunha cafetería de Cee, á que asistiron unha vintena de autoras e autores. O nome suxeriuno o poeta Frederico L. Santalla, inspirándose na inscrición que ocupa as pedras da Quintana, onde se fai referencia ao histórico Batallón Literario santiagués. A súa primeira xunta directiva, ou xestora, pois a entidade aínda non estaba legalizada nin contaba con estatutos, estivo formada por Miro Villar, presidente; Frederico L. Santalla, secretario; e Rafa Villar, Xandra Tedín, Modesto Fraga, Xavier Rodrigues Fidalgo e Estevo Creus. Como se pode observar varios dos seus membros proviñan ben do desaparecido colectivo ceés «Un medio», ben da aínda activa agrupación soneirá «Arre Sentelha». A única premisa era que os autores fosen nados ou tivesen unha forte vinculación coa Costa da Morte, franxa costeira que vai de Malpica de Bergantiños ata Fisterra (aínda que de maneira circunstancial chegaron a colaborar co BLCM autores de Carnota, de Muros ou de Noia). Xurdiu co obxectivo de dar a coñecer as súas actividades e inclúe narradores, investigadores e, sobre todo, poetas. Configurouse como un movemento cultural asembleario, de carácter democrático e non elitista, que buscaba a comunicación directa cos lectores, ata o punto de que os poetas teñen realizado ducias de recitais en locais pechados ou en espacios abertos, como o palco da Festa das Carrilanas de Esteiro.

3. O I Encontro de Escritores e Escritoras da Costa da Morte

A primeira das actividades que programou o Batallón Literario da Costa da Morte foi o «I Encontro de Escritores e Escritoras da Costa da Morte». Unha rolda de prensa, realizada o martes 25 de xuño do 1996 na cafetería Rúa Nova de Santiago de Compostela e que foi amplamente recollida polos medios, serviu como presentación pública do BLCM e deste primeiro encontro literario que se ía celebrar co lema Reescrevendo a Costa da Morte. Os organizadores propuxeron os seguintes temas de debate:

a) Poesía, narrativa e investigación na Costa da Morte.

b) O negocio das editoriais, alternativas.

c) A lingua arma fundamental da creación, identidade e normalización.

d) A política cultural das institucións e dos movementos alternativos.

e) Resolucións e futuro.

O sábado 29 de xuño, ás 10.00 h. da mañá, tivo lugar, no Café-bar Macondo de Cee, que rexentaba o poeta fisterrán Modesto Fraga, a recepción previa na que estaban varios membros da corporación do Concello de Cee, entre eles o edil de Cultura, directivos e membros do Batallón e outros convidados, para pasar pouco despois á sala magna do Instituto da Fundación Fernando Blanco de Cee, onde diferentes autoras e autores foron expoñendo os seus relatorios.

Rafa Villar, de Cee, falou das súas experiencias para sacar á luz os seus traballos como a edición de autor, publicación en revistas como Dorna ou a de presentarse a premios e ter a sorte de que cho concedan e recordou que en 1995 soamente se publicaron cen libros en galego.

Un dos convidados foráneos, o poeta compostelán, de orixe arxentina, Eduardo Estévez falou tamén das súas experiencias editoriais na Arxentina e en Venezuela. Alí tan só publicaban textos de clásicos coma Borges, Pizarnik… Explicou coma un grupo de escritores novos puxeron uns cartos conxuntos e publicaron un libro dun deles, cos cartos que ían sacando publicaban outro e así sucesivamente. Esta foi a maneira de que as súas obras viran a luz. Curiosamente, anos máis tarde, desta idea xurdirá en Galiza a editorial «Letras de Cal» cun sentido aínda máis altruísta, pois o que fixo esta cooperativa foi principiar por editar textos de xente nova que non tiña nada publicado ou que tiña dificultades para o facer.

O estudoso e escritor corcubionés Luís Lamela, especialista en temas históricos, falou do seu labor de investigación e sobre as súas recentes Crónica de una represión en la Costa da Morte (Edicións do Castro, 1995) e tamén de que había que recuperar moitos dos documentos que pertencían a esta zona e que estaban en organismos nos que era case imposible ou moi dificultoso acceder a eles.

O historiador de Bamiro (Vimianzo) Xosé María Lema Suárez centrou a súa intervención na necesidade da formación duns arquivos que tiñan que estar a disposición daqueles que os quixeran utilizar para a súa posterior investigación.

Finalmente, os poetas do Batallón, Frederico L. Santalla, de Lires (Cee), e Xavier Rodrigues Fidalgo, de Castrelo (Vimianzo) fixeron senllas análises sobre a política institucional referida á literatura e á cultura en xeral e sobre os atrancos que as autoras e os autores teñen por escribiren en normativas diferentes da norma oficial do idioma galego.

Alén do poeta Eduardo Estévez, tamén foron convidados a ese «I Encontro» Yolanda Castaño, Olga Novo, Chus Pato e Paco Souto. Tamén asistiron ao acto a crítica literaria, Teresa Seara, e outros escritores e investigadores como o antropólogo muxián Manolo Vilar ou o filólogo malpicán Xosé Manuel Varela.

O «I Encontro de Escritores e Escritoras da Costa da Morte» finalizou ás 20:00 h. do serán cun recital poético a cargo de todos membros do Batallón Literario e dos poetas convidados.

Comentarios desactivados en Artigo en QPC (VIII): #Efeméride «A vinte anos do I Encontro de Escritores e Escritoras da Costa da Morte, primeira actividade do Batallón Literario»

Mai 18 2016

Gonzalo López Abente, «o poeta do mar» das Irmandades da Fala

Abente01

A pedimento de Miguel Anxo Seixas Seoane, coordinador do proxecto «Álbum das Irmandades da Fala» para o Consello da Cultura Galega, elaborei a entrada relativa a Gonzalo López Abente, que polo de agora aínda non se viu publicou na rede. A día de hoxe tan só viron a luz as anotacións sobre Antón Villar Ponte, Ramón Villar Ponte (as dúas elaboradas por Emilio Xosé Ínsua López), Ramón Fernández Mato (elaborada por Prudencio Viveiro), Roberto Blanco Torres e Asun Sóñora (estas dúas últimas elaboradas por Juan Luis Blanco).

Hoxe, no centenario no nacemento da primeira «Hirmandá de Amigo da Fala» na Coruña, aproveito para adiantar a miña colaboración nese «Álbum das Irmandades da Fala».

GONZALO LÓPEZ ABENTE, O POETA DO MAR

Resumo:

Biobliografía de Gonzalo López Abente (Muxía, 24 de marzo de 1878 – 23 de xullo de 1963), coñecido polos seus coetáneos como «o poeta do mar», con especial relevo na súa relación coas Irmandades da Fala.

Gonzalo Francisco López Abente naceu en Muxía segundo confesa en carta a seu curmán Horacio Bermúdez Abente, que a reproduce no limiar á obra póstuma Decrúa (1966): “… un día coma hoxe 24 de marzal do ano 1878 ás catro da serán, que cadrou en domingo, con feira en San Isidro, abrín os ollos á vida e pola fiestra da casa do Cabo da Grixa en que moraban meus pais, ollei craramente un outo cruceiro e que no seu cume agoniaba un mártir cos brazos en crús. Aquel día escoitei a rapsodia máis subrime e fíxeme segrel. Pillei un laúde e con ele ao lombo boteime a cantare polo mundo adiante…”. Seu pai, Francisco López García, foi alcalde de Muxía e xefe local do Partido Liberal. E súa nai, Xulia Abente Lago, era filla do médico Leandro Abente Chans, irmán da nai de Eduardo Pondal.

Estuda en Santiago, como conta Otero Pedrayo: “ós nove anos levárono a Compostela a se dispór pra o Bacherelato que enteirou ós 15 anos o 22 do san Xoán do 1893”, e remata Dereito con 21 anos, o 20 de xuño de 1899. Regresa a Muxía para traballar nunha entidade bancaria e a súa sinatura faise habitual na prensa comarcal e local, El Celta de Corcubión e El Eco de Mugía. Periódico independiente, defensor de los intereses generales del partido judicial de Corcubión, do que foi director-propietario.

Casou o 20 de setembro de 1909 coa súa curmá Balbina Abente Myszkovski, filla de Victorino Abente Lago, que emigrou ao Paraguai onde é considerado poeta nacional. Enviuvou ao ano no primeiro parto da súa muller, que falece, con 26 anos, o 12 de setembro de 1910.

Na altura principiou a colaborar con moitas revistas e xornais da prensa galega e da emigración (Arxentina, Cuba, Uruguai…), con versos que farán parte de Escumas da ribeira (1911?) e Alento da raza (1917?). Tamén publica as novelas O diputado por Beiramar (1919), que foi primeiro premio do certame de narrativa convocado por A Nosa Terra, editada como primeiro volume da “Bibrioteca Galeguista” das Irmandades da Fala, O escándalo (1920) e O novo xuez (1922).

O 11 de marzo de 1917 participa no enterro multitudinario de Eduardo Pondal Abente, presidindo o dó xunto aos representantes da RAG, o seu presidente Murguía e os académicos Martínez Salazar, Riguera Montero e Ponte y Blanco, e o alcalde coruñés, Manuel Casás.

En 1918 a RAG vaino nomear académico correspondente, como figura no título exposto na Casa das Beiras de Muxía, sé da Fundación López Abente, e que di: “Esta corporación en sesión del día 20 de Diciembre de 1918 nombró Académico Correspondiente a D. Gonzalo López Abente. Y en vista de este acuerdo se le expide el presente título en la ciudad de La Coruña a los 22 días del mes de Enero de 1919”. Asinan o presidente accidental, Francisco Tettamancy, e o secretario, Eugenio Tarel.

Participa nos movementos nacionalistas políticos e culturais, uníndose á acta de constitución da “Hirmandá de Amigos da Fala” (A Coruña, 18 de maio de 1916) e colabora no seu órgano de expresión, A Nosa Terra. López Abente representa á bisbarra nas Asembleas Nazonalistas, sendo un dos asinantes das conclusións da I Asemblea (Lugo, 17-18 de novembro de 1918). Nas publicacións galeguistas aparece como representante en Muxía da Irmandade Nazonalista Galega (ING) constituída en 1922. Está entre os “irmáns galeguistas” que colaboran economicamente para a creación de futuras «Escolas do Insiño Galego» (A Nosa Terra, 192, 12-9-1923) ou para crear unha biblioteca galeguista: “O notabre poeta López Abente, enviounos tamén os seus preciados tomos de versos «Escumas da Riveira» e «Alento de Raza»” («Biblioteca da Irmandade», A Nosa Terra, 194, 1-11-1923).

Na ditadura primorriverista atopa refuxio na creación, cos relatos Buserana (1925), Fuxidos (1926) e Vaosilveiro (1929), anunciado na derradeira páxina de Alento da raza co título Os fidalgos de Vaosilveiro, así como os poemarios Do Outono (1924), anunciado co título Froles d’Outono. Sonetos, ademais de Nemancos (1929) e a obra de teatro María Rosa (1928), subtitulada “Comedia en dous pasos”, escrita moito antes, pois foi estreada o 20 de febreiro do 1921 polo grupo teatral do “Cadro de Declamación” das Irmandades da Fala da Coruña.

Ingresa no Seminario de Estudos Galegos (SEG) con Ramón Cabanillas, Noriega Varela e Victoriano Taibo, nunha cerimonia que relata así Otero Pedrayo: “O ingreso de López Abente no Seminario de Estudos Galegos fíxose co de os outros xa nomeados grandes poetas o 14 de marzal de 1926 no vello e simpático salón de aítos da Sociedade Económica de aquila aínda istalado no Colexio San Clemente. Non poideron concorrirre Cabanillas, nin Noriega. Lembramos cada intre de aquila sesión. Hastra o efeito nalgús espritos de poemas de López Abente cecáis pra iles soantes ó metal panteista de Lucrecio”.

Vicente Risco en 1928 facía este retrato: “É un home estraño, calado e serio, cunha cortesía exquisita de gran señor. Ten viajado moito, estivo na América e percorreu case todo o Norte da Europa. Poida que aínda teña estado en máis sitios, mais non se sabe, pois il raramente fala dos seus viajes. Vive en Mugia, frente ao imenso Atlántico, e é o millor poeta do mar”.

Participa na VI Asemblea das Irmandades na Coruña, coa delegación de Muxía, segundo informa El Orzán (27-IV-1930) e meses despois figura entre os asinantes da creación do Partido Galeguista o 5 e 6 de decembro do 1931 en Pontevedra.

No Día da Patria Galega, 25 de xullo, do 1934 asiste á recepción de Castelao como membro da RAG, e o 24 de xullo de 1935 á homenaxe a Curros Enríquez perante o seu monumento n’A Coruña, na que falaron Plácido Castro, Antón Villar Ponte, Núñez Búa, Bóveda, Castelao, Suárez Picallo, Víctor Casas, Álvarez Gallego, Otero Pedrayo, Iglesia Alvariño, Lugrís Freire, Sebastián González, Gómez Román, López Abente e Carballo Calero.

O 29 de marzo de 1936, no salón de sesións do Concello de Santiago, cedido polo alcalde republicano Ánxel Casal, Gonzalo López Abente foi elexido presidente da Asociación de Escritores de Galicia, nunha lista única elexida por aclamación.

O fotógrafo muxián Ramón Caamaño, cronista gráfico da historia da Costa da Morte, fotografouno arengando aos seus veciños no Cabo da Vila na campaña a prol do Estatuto de Autonomía de 1936.

A sublevación militar contra o goberno democrático da II República provoca a depuración do poeta da súa vida laboral. Este documento foi exhumado por Luís Lamela García en Estampas de injusticia. La guerra civil del 36 en A Coruña y los documentos originados en la represión (1998).

O franquismo silenciou durante varios anos a López Abente que se refuxia, coma outros galeguistas, na creación literaria. Otero Pedrayo escribe “Tiña amor pola Academia pra a que foi eleito o 8 do Nadal de 1940. Tomou posesión o 27 do Sant-Iago de 1941 e correspondeulle a cadeira 16 dinantes ocupada por un ilustre devanceiro de semellantes afinidades poéticas e de parexa terra mariñeira. Don Manuel Lugrís Freire finado o 15 do febreiro do 1940”. O seu discurso de ingreso como académico numerario, presentado no paraninfo da Universidade Literaria de Santiago, titulouse A terra e a poesía de Pondal e foi publicado póstumo pola RAG en 1965.

López Abente finou o 23 de xullo de 1963, aos 85 anos, na súa casa da rúa Virxe da Barca. Oito anos despois, o 17 de maio de 1971 a RAG dedícalle o Día das Letras Galegas e o acto académico en Muxía contou coa colaboración do Concello. No paseo do malecón, no xardín da Cruz, foi descuberto un monumento do escultor Andrés Barbazán, simbolizando unha muller mariñeira que leva un medallón coa efixie do poeta e a lenda “Ao esgrevio poeta Gonzalo López Abente. 1878-1963. Día das letras gallegas, 15-5-1971”. Tamén se presentou a publicación realizada pola Academia, con prólogo do seu presidente Sebastián Martínez-Risco e epílogo de Salvador Lorenzana (pseudónimo de Fernández del Riego), do libro de poemas inéditos Monza de frores bravas para Nosa Señora da Barca. Nesas datas, Galaxia reedita O novo xuez, cun breve limiar biobibliográfico. Carballo Calero e Otero Pedrayo escriben senllos artigos de homenaxe que publican a Universidade de Santiago e o Boletín da RAG.

Trinta anos despois, o 29 de xaneiro de 2011 naceu en Muxía a Fundación Gonzalo López Abente para divulgar a súa obra. De feito xa recuperou o seu libro inédito Bretemada (2011), mecanoscrito datado entre 1917-1922, reeditou a súa Narrativa mariña (2012) e compilou a súa Poesía Completa (2013), alén de convocar un Premio de Poesía co seu nome, realizar unidades didácticas, roteiros e outras actividades.

Comentarios desactivados en Gonzalo López Abente, «o poeta do mar» das Irmandades da Fala

Next »