CongresosArchive for the '' Category

Ago 25 2017

Artigo en QPC (XXXIII): A fundación en Bos Aires do xermolo da «Asociación Benéfica Cultural del Partido de Corcubión» e a unificación coa «Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía»

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para facer unha lembranza da efeméride do 95 aniversario do xermolo da entidade ABC de Corcubión en Bos Aires. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

A fundación en Bos Aires do xermolo da «Asociación Benéfica Cultural del Partido de Corcubión» e a unificación coa «Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía»

Neste mes de agosto conmemórase o 95 aniversario da fundación en Bos Aires do xermolo da «Asociación Benéfica Cultural del Partido de Corcubión» e tamén nestas datas o 79 aniversario do proceso de unificación coa «Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía».

O historiador betanceiro Xesús Torres Regueiro, especialista á hora de estudar estas entidades, sinala que o día 26 de agosto de 1922 se fundou, en Bos Aires, a «Sociedad Agraria y Cultural Hijos del Partido de Corcubión», para tratar de romper certo minifundismo polo feito de existiren varias sociedades de emigrantes da devandita comarca. En 1927, a entidade pasa a chamarse de maneira definitiva e até hoxe «Asociación Benéfica y Cultural del Partido de Corcubión», máis coñecida como a ABC de Corcubión. Porén, os inicios non estiveron exentos de atrancos, pois xa no ano 1923 sufriu a escisión dun grupo que creou a «Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía». Tras dezaseis anos de autonomía, os muxiáns volverían de novo ao seo da ABC, grazas á actitude de persoas como o poeta Xervasio Paz Lestón.

Así a todo, o proceso de fusión non foi doado, como recolle en varios números Galicia, Órgano da Federación de Sociedades Galegas. En 1935, con Paz Lestón na presidencia da SACD de Muxía, a entidade empeza unha política de cordial achegamento coa ABC de Corcubión. De feito, as dúas xuntas directivas colaboran, de maneira recíproca, para garantiren o éxito dos festivais que cada sociedade realiza. Nesa tesitura, o poeta muxián propón un proxecto de resolución para designar unha comisión encargada de xestionar un acordo coa ABC. A exposición do presidente é recibida con beneplácito pola maioría da asemblea extraordinaria convocada en novembro de 1935, se ben houbo voces que se manifestaron abertamente en contra.

Pouco despois é nomeada a devandita comisión, na que figuran o propio poeta e outros dous directivos da entidade, para formaren unha Comisión Mixta con outros tres membros da ABC. Logo de varios encontros, aproban un proxecto de fusión que se somete ao estudo e consideración das asembleas das dúas sociedades. A SCAD de Muxía celebra unha reunión conxunta de membros e ex-membros da súa directiva, na que Paz Lestón defende a unificación e por maioría deciden levar o tema a unha asemblea da entidade, aínda que xa se escoitan as primeiras voces de oposición. Finalmente, na asemblea extraordinaria do 19 de abril de 1936, logo dun debate «en un ambiente cálido y emocional por el calor y la convicción que ponían en sus palabras los distintos oradores», os contrarios á fusión conseguen rexeitar o proxecto por maioría. Nese momento, o noso poeta abandona a presidencia, renunciando a calquera cargo nunha Comisión Provisional que queda formada por cinco socios. Ademais, escribe unha durísima carta (publicada en Galicia, 465, do 26 de abril de 1936), na que sinala entre outras cousas:

La actitud de los consocios que han imposibilitado la elección de autoridades con su negativa a ocupar cargos, después de haber votado en contra del proyecto de unificación o haberse abstenido, denota en los mismos incompresión de las cosas o un cerrado egoísmo.

Así a todo, despois da tempestade vén a calma e a penas dous anos despois a fusión da SCAD de Muxía coa ABC de Corcubión vai ser efectiva. Nos números de Galicia e na propia revista da ABC, Alborada, varios textos informan da decisión tomada, por gran maioría de votos, nunha asemblea extraordinaria da primeira entidade que se realizou o 20 de marzo de 1938. Ese día xúntanse dezaseis asociados, producíndose un longo debate, despois do que se vota a proposta de fusión. Agora, o resultado vai ser de trece votos favorables e tan só dous en contra. Ademais, noméanse os tres integrantes da Comisión Mixta de Unificación. Nela figuran Rafael Pose, daquela presidente, Manuel Caamaño Leis e o poeta Xervasio Paz Lestón. A negociación é rápida e fluída, e poucas semanas despois a comisión mixta unificadora, da que forman parte tres representantes de cada entidade, aproba unhas Bases, de cinco puntos, que supoñen na práctica a integración da primeira na segunda, coa entrega do activo e o traspaso dos asociados. De seguido, convócase unha asemblea extraordinaria da ABC de Corcubión que ten lugar o 28 de maio do devandito ano, ratificando o acordo de fusión. E o 20 de agosto de 1938 celébrase unha cea «Festejando la Unificación», cun curioso menú que inclúe produtos de todos os concellos: «sardiñas asadas, de Camariñas, caldo de grelos á fisterrana, caldeirada de pulpo á muxiana, pólos asados de Cee e Dumbría, fruta surtida de Vimianzo, café, estilo de Zas e Corcubión e viños do ribeiro, branco e tinto».

A revista Alborada, da ABC de Corcubión (fundada en agosto de 1925), no nº 102, de 1938, nun artigo que leva por título «La unificación de la Sociedade de Mugía» fai público o inventario do que se fan cargo. Finalmente, no nº 103, de 1939, engaden unha relación dos socios da SCAD de Muxía que se incorporan na data da fusión, feito co que remata o longo proceso de unidade.

No responses yet

Set 02 2016

Poemas para os megálitos (III): «Dolmen», de Lorenzo Varela

Dolmen-Varela-Seoane
Dolmen-LorenzoVarela1Dolmen-LorenzoVarela2
(Gravado de Luís Seoane que acompañou o poema na súa edición e manuscritos autógrafos de Lorenzo Varela).

No centenario de Lorenzo Varela era ben lembrarmos no II Simposio do Megalitismo da Costa da Morte o seu poema «Dolmen», publicado no poemario Lonxe (Bos Aires: Botella al Mar, 1954, con prólogo de Arturo Cuadrado e ilustrado con dez xilografías de Luís Seoane.

Os manuscritos foron tirados do artigo de Gregorio Ferreiro Fente, «“Lonxe”, “Dolmen” e “Compañeiros da miña xeneración mortos ou asasiñados”: os seus textos autógrafos». Boletín da RAG, nº 366, que se publicou logo de se lle dedicar o Día das Letras Galegas en 2005. Deseguida reproducimos os versos de Lorenzo Varela.

DOLMEN

Camiño do tempo vello,
camiño do tempo novo:
pedra dos tempos sin tempo,
pedra dun ollar sin ollos.

Semente do azar primeiro,
centella inmóvel da terra:
si latexara o teu peito,
ou si te voltaras de herba.

Si voaras, si tiveras
estrelados aguiares.
Si te romperas, penedo,
e deras a luz que sabes.

Feixe de raios ou dolmen,
lume gardado no ren,
tes xeito i alma de home
cun día quixo nascer.

É sagrado o teu silenzo:
Ao pé de ti fala a choiva,
sobor de ti canta o vento
e dentro de ti, ti escoitas.

Camiño do tempo vello,
camiño do tempo novo:
pedra dos tempos sin tempo
pedra dun ollar sin ollos.

Comentarios desactivados en Poemas para os megálitos (III): «Dolmen», de Lorenzo Varela

Set 02 2016

Poemas para os megálitos (II): «O dolmen de Dombate (D-unha costume danzal celta: a roldanza)», de Antón Zapata García

Dombate-Zapata

Co poema de Eduardo Pondal mentado na anterior anotación tamén ten moito que ver o soneto «O dolmen de Dombate (D-unha costume danzal celta: a roldanza)», de Antón Zapata García (Laxe, 1886 – Bos Aires, 1953), onde novamente aflora o celtismo histórico-lendario e onde se fala dunha estraña compaña, que a xente ve polas noites arredor do monumento megalítico: “baixo o craror da lúa, en roldas ben tecidas, / as celtas virxinaes bailaban a roldanza”.

Malia o evidente diálogo intertextual co poema de Eduardo Pondal, que xa se intitulaba da mesma maneira, desta volta a forma e o contido se afastan completamente e aquí o poeta de Laxe non se limita a imitar os versos do vate pontecesán, senón que se atreve cunha composición inspirada nese texto mais ben diferente.

O soneto publicouse por vez primeira na revista Céltiga, Bos Aires, nº 32, 25 de abril de 1926, precedido dunha fotografía co seguinte pé: «Lage: Dolmen de Dombate», indica «Para “Céltiga”» e reproduce en autógrafo a sinatura A. Zapata García. A revista está dixitalizada e dispoñibilizada para o público no portal do Consello da Cultura Galega, de onde tiramos a imaxe superior.

Posteriormente, unha copia mecanografada con algunhas pequenas variantes lingüísticas foille enviada a Filgueira para a súa Escolma fanada de 1936 (como se detalla en Xosé Filgueira Valverde. Os poetas galegos (1936). Antoloxía consultada. Estudo preliminar de Xesús Alonso Montero e edición de Ana Acuña e Xesús Alonso Montero. Pontevedra: Museo de Pontevedra, 2008). No mecanoscrito o subtítulo foi aparentemente borrado polo autor e despois da rúbrica engade «1926». Ademais, tampouco aparece na versión da revista Céltiga.

Reproducimos o poema na versión que Antón Zapata García incluíu no seu único libro, en edición de autor e imprentado na Coruña polo betanceiro Roel, A roseira da soidade (1954). Pódese ler tamén na miña tese de doutoramento , dirixida polo profesor Xesús Alonso Montero, cuxo título foi A poesía galega de Antón Zapata García. Edición e estudo, en acceso libre nesta páxina de poesiagalega.org, proxecto dirixido polo poeta e profesor Arturo Casas e no que traballa arreo o seu equipo do GAAP (Grupo Alea de Análise Poética). O traballo académico xa estaba a dispór de quen tivese interese na propia USC, aínda que nun espazo escasamente divulgado. E tamén en googlebooks, porén neste caso con moitas páxinas en branco como adoita suceder neste buscador. Velaquí:

O DOLMEN DE DOMBATE

(D-UNHA COSTUME DANZAL CELTA: A ROLDANZA)

AO sôn das graves arpas dos bardos de Briganza,
e darredor do dolmen cinguido de druídas,
baixo o craror da lúa, en roldas ben tecidas,
as celtas virxinaes bailaban a roldanza.

As súas cantareas d-arela, fide e espranza,
voaban pol-a gandra, câl pombas tremecidas;
e, brancas e lanzales, finxían margaridas
brandéndose cô sopro da bris da venturanza.

D-aqueles nobres tempos —¡ouh, dolmen de Dombate!—,
sô tí quedache ergueito, dempóis do fero embate
que os lobicóns de Roma levano ao teu solar;

mais, se de nuite a lúa tece seu albo sayo
cabo de tí, dí a xente que vái pra LAXE ou Bayo,
que vío bultos brancos ao teu redor bailar!

Comentarios desactivados en Poemas para os megálitos (II): «O dolmen de Dombate (D-unha costume danzal celta: a roldanza)», de Antón Zapata García

Set 01 2016

Poemas para os megálitos (I): «O dolmen de Dombate», de Eduardo Pondal

Megalitismo2016

Mañá venres principia en Vimianzo o II Simposio do Megalitismo da Costa da Morte, coordinado polo catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Antón Abel Rodríguez Casal, e que xuntará os maiores especialistas neste eido dez anos despois da primeira edición destas xornadas de estudo e divulgación.

A pedimento Xosé Mª Lema Suárez, presidente do  Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SEMESCOM), que analizará as antas da Costa da Morte, realizarei unja lectura de textos escolleitos no roteiro que se celebrará o domingo. Entre a restra de poemas escollidos non podía faltar o poema «O dolmen de Dombate», de Eduardo Pondal. Velaquí:

O dolmen de Dombate

Aínda recordo, aínda
Cand´eu era estudiante
Garrido rapacete
Que ben regerse sabe,
Cand´iba pr´a Nemiña
A estudiar o arte
Do erudito Nebrija
E do boo Villafañe,
E iba a cabalo, ledo,
Cal soen os rapaces.

Pasado Vilaseco,
Lugar batido do aire,
No alto da costa d.´Ures,
Da montesía canle;
Pasado Vilaseco,
Indo p´la gandra adiante,
Ja vía desde longe
O dolmen de Dombate.

Deixando Fonte-Fría
Cara o lado de Lage,
E levando o camiño
De San Simón de Nande,
Polo chan do Borneiro
De cativo pinales,
Cuase pasaba a rentes
Do Dolmen de Dombate.

Quedaba o misterioso
Fillo doutras edades
C´a súa antiga mesa,
C´as súas antigas antes,
No seu monte de terra,
Non alto e ben roldante,
Poboado en redondo
De montesío estrame,
De pequenas queiroas
E de tojos non grandes,
Como calada esfinge
Que, sublime, non fale,
Como náufrago leño
De soberbio cruzamen,
Lanzado sobr´a praia
Por potente oleage,
Que de pasada rota
Mostre rudas señales,
E mostre aberto o flanco
Por glorioso combate,
E con linguage mudo
Das súas glorias fale.
¡Canto, ai, mudar pode
longa e vetusta edade!

Entonces eu deixando
Ambas rendas flotantes,
Pensoso iba cuidando,
P´la Viqueira salvage,
Nos nosos ja pasados ,
Nos celtas memorabres,
Nas súas antigas glorias,
Nos seus duros combates,
Nos nosos vellos dolmens
E castros verdejantes.

E despois a Nemiña,
Ou que fose ou que tornase,
Ó velo desde longe,
Indo p´la gandrea adiante,
Sempre ledo escramaba:
“¡O dolmen de Dombate!”

Agora que pasano
Meus anos jogorales,
Agora que só vivo
De tristes suidades,
Que cumpro con traballo
Meu terrenal viage
E qu´a miña cabeza
Branquea a grave edade,
Aínda recordo, aínda
O dolmen de Dombate.

(Imaxe de Dombate antes das escavacións. Fonte: Concello de Cabana de Bergantiños)
Dombate01

(Imaxe de Dombate en marzo deste ano cando acompañaños ao poeta maltés Stephen Cachia, nesta foto feita con dispositivo móbil)

One response so far

Ago 17 2016

Cartas de Alexandre Bóveda na madrugada do fusilamento [17-VIII-1936]

Guerra-civil-1936-1939-e-literatura-galega
CartasdeAlexandreBóveda(1)
CartasdeAlexandreBóveda(2)

As imaxes reproducen as tres «Cartas de Alexandre Bóveda na madrugada do fusilamento [17-VIII-1936]», cuxos textos foron publicados en VV. AA., Castelao e Bóveda irmáns!!, Vigo: Extras A Nosa Terra 5/6, 1986, páx. 112. As dúas primeiras, tiradas de Xerardo Álvarez Gallego, Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda, Buenos Aires: Nós, 1972, e foron reproducidas no volume intitulado Guerra civil (1936-1939) e literatura galega: (textos e documentos para unhas xornadas de estudio e debate) / Edición de Xesús Alonso Montero e Miro Villar. — Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, Ponencia de Lingua, 1999.

Esta obra, na que traballei arreo, pódese descargar de balde no sitio web do Consello da Cultura Galega, onde vai introducida por esta presentación:

Esta publicación recolle material empregado polos relatores que participaron nas xornadas “Guerra Civil (1936-1939) e literatura galega”, celebradas no Consello da Cultura Galega en 1999 (Do 14 ao 16 de decembro de 1999). Reproduce cartas, poesía e prosa de escritores que desenvolveron o seu traballo no trienio 1936-1939, e outro material de utilidade para analizar a literatura galega naquel tráxico momento histórico.

O presente volume contén textos e documentos que, dun xeito ou doutro, foron tidos en conta polos relatores e comunicantes, o que foi útil para eles e, máis aínda, para os asistentes ás Xornadas. Estes, por outra parte, atoparon neste volume páxinas (non só aquelas que son inéditas) que se propoñen suscitar reflexións ou novos estudios ou encontros futuros.

Engadamos, finalmente, que este volume é o primeiro no xénero: tal é a incuria diante deste tema entre nós.

Velaquí os textos das tres cartas:

CARTAS DE ALEXANDRE BÓVEDA NA MADRUGADA DO FUSILAMENTO [17-VIII-1936]

Madrugada do 17 de Agosto de 1.936

Irmán Pedro Basanta

Pontevedra

Querido Basanta:

C-unha fonda aperta de despedida, que lle prego faga extensiva a Xil e todol’os irmáns, o prego de que non se esqueza dos meus.

Xandro

ás 5 menos 5

Madrugada do 17 de Agosto do 1.936

Choliñas, miña Peque, Vidiña:

Quixen escribirche moito. Mais xa sabes canto poidera decirche.

Perdoame todo, que os peques me lembren sempre; que cumplas todol’os meus encárregos.

Eu, Almiña estaréi sempre en vós como che prometín.

Fallan uns minutos e teño valor, por vós, pola Terra, por todos. Vou tranquío.

Adeus, Vidiña. Vive pra os peques e os vellos, ¡abrazaos, confortaos! Sé Ti, miña Pequeniña ademirable, a máis valente de todos. Alá sentirei ledicia e satisfacción de Ti e de todos. Lembrareivos sempre, velarei sempre por vos.

Adeus. Contigo, cos peques, cos Vellos todos, estarei sempre na lembranza, na máis grande, a máis fonda, a máis infinda das apertas, o voso

Xandro

P. S. / recei contigo

Madrugada do 1.936 [sic]

Querido Vitín:

Non sei si fixen ben ou mal en procurar que me axudases con proveito. En calquer caso foi con desexo do teu ben.

Eu morro tranquío; confío en que serei recibido donde todos queremos xuntarnos e fagoo con ledicia e confiando en Deus iste sacrificio. Quixen facer ben, traballei por Pontevedra, por Galicia e pola República e o trabucado xuicio dos homes (que eu perdoo e todos debedes perdoar) condéname.

Sé agora máis home que endexamais porque é cando máis o precisas, polos nosos vellos e polos nenos, de quen, sin que puidéramos esperalo, vas ser un pouco pai.

Confórtaos a todos e procura ser sempre bon. Non te arrepintas de canto ben teñas feito e podas ainda facer.
Vitinciño: Aos papás, a Vera, a Carlos, a Cesar, a todos, as miñas apertas.

Pra ti, irmanciño bon, a máis grande que poidas recibir de

Alexandre

P.S. / Rezai por min que eu lembrarei-vos sempre e (se podo, como espero) intercederei por vós

-ás 5 e 1/4

Comentarios desactivados en Cartas de Alexandre Bóveda na madrugada do fusilamento [17-VIII-1936]

Mar 02 2016

O Banquete de Conxo (2 de marzo de 1856) na poesía de Xervasio Paz Lestón

AurelioAguirre
(Retrato de Aurelio Aguirre)

Como ben lembra o excelente «O Almanaque das Irmandades», que puxeron en andamento a coruñesa A. C. Alexandre Bóveda e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), na súa efeméride de hoxe, hai 160 anos, «o 2 de marzo de 1856 tivo lugar na carballeira do desamortizado mosteiro de Conxo un banquete de claro contido político que constituíu un xesto de irmandade entre a clase traballadora e o estudantado. Son os membros da mocidade progresista santiaguesa integrados en El Liceo de la Juventud e entre os que se encontran Pondal, Aurelio Aguirre, Rodríguez Seoane, Rosalía de Castro, Paz Novoa, dirixidos por Aureliano Aguirre, os promotores deste xantar en que se xuntaron cen artesáns e obreiros da cidade con outros tantos estudantes».

Na miña Tese de Licenciatura, A poesía galega de Xervasio Paz Lestón. Edición e estudo, publicada pola desaparecida Edicións do Castro en 1998, recuperei e exhumei dous poemas deste autor muxián emigrado de novo á Arxentina que fan referencia a este Banquete de Conxo.

O primeiro leva por título «Un Longo Século», en forma de romance heroico en hendecasílabos e con esquema rimático (–A–A). Publicouse para conmemorar o centenario da efémeride nunha das publicacións da emigración galega na Arxentina, Galicia, nº 1272, 5 de xullo de 1956, e consérvase un Manuscrito, exactamente igual, que me fornecera o chorado e finado doutor Juan Gervasio Paz Narbaiz, fillo do poeta, quen nos acompañara na presentación da obra na compostelá Galería Sargadelos en xuño de 1999.

O segundo intitúlase «No Aniversario de Conxo», con 15 pareados alexandrinos, que se debeu publicar tamén mais nós non o localizamos. No Manuscrito aparece o nome completo do poeta e este texto tiña un epígrafe anterior, riscado, que di: Ao Congreso da Emigración. Por esta razón, tal vez se podería datar tamén en 1956, xa que se celebrou na cidade de Bos Aires entre o 24 e o 31 de xullo de 1956, e foi artellado polo Consello de Galiza.

Velaquí estes dous ben intersantes poemas conmemorativos da efeméride.

Un Longo Século

Senlleira data do xantar de Conxo
co brinde varil do xurdio bardo:
en mouras horas pra querida Terra
cumpríronse de tí, cen longos anos.

Soberboso tirán máis asesiño
que o tigre de Carral ten hoxe o mando
e milleiros de tombas de iñocentes
ao ceu claman xusticia no chan patrio.

Si ergueran a sua voz Pondal i Aguirre
serían coma entón encadeados,
que non hai no solar de Rosalía
azas de libertá pra rexos cantos.

Inda terían de espatriarse os libres
coma o reberte Añón dos himnos patrios
inda con feble aurora no hourizonte
os dereitos con sangre son negados.

Mais, as verbas proféticas resoan
nos espritos dos corpos torturados
i un puxante balbor batica os peitos
dos que teñen os pes agrilloados…

¡Xa se escoitan ruídos de cadeas
remexidas no âr por fortes brazos,
que agardan a siñal comprometida
pra crebalas de golpe en mil anacos!

Y a loita ten de ser â par dos pobos
que xemen coma nós escravizados;
contra a feroz tiranía i os asesiños
de un millón de españoles inmolados.

No Aniversario de Conxo

Irmáns asuïdados da emigración galega:
¡saúde e boandanza, no alborexar que chega!
Xa se ouven xurdios cantos, preanuncio da alborada,
voiar no escuro ceo da patria aferrollada.
¡Os corpos venerados dos mártires caídos
trocáronse en semente dos érois pormetidos!
De cada patrián morto nas pontas da inxusticia
cen bravos renaceron pra causa de Galicia.
Cô sangre, os que morreron nos muros e camiños,
o chan amoleceron dos pes dos asesiños.
¡Que outean como Némesis, ineixorabre avanza
pra vindicar as víctimas da criminal matanza!…
______

No amor a patria, irmáns da emigración galega,:
as almas preparemos pra xeira que nos chega…
Que as voces que se escoitan na patria aferrollada
coas nosas se armonicen pra os cantos da alborada.
Que as mentes se nos enchan de nobres pensamentos
i aniñen nosos peitos subrimes sentimentos.
O esforzo retempremos en fragua belicosa
i o anseo convirtamos en xeira clamorosa.
Que non haxa agravios nin medren cobardías
no acontecer grorioso dos preanunciados días.
Pra desbotar pra sempre do chan da nosa Terra
a vil traición i o crimen da maldecida guerra…
______

Irmáns da emigración con soños de esperanza:
¡fagamos realidades as verbas da xuntanza!
Que os espritos de Conxo se sintan orgulosos
dos seus patriáns herdeiros, por bôs e xenerosos.
Saúde, irmáns na patria, que a sorte sea propicia
¡¡nos corazóns o culto sagrado de Galicia!!

Xervasio Paz Lestón

(Fotografía da presentación da obra A poesía galega de Xervasio Paz Lestón. Edición e estudo. Na mesa, o profesor Xesús Alonso Montero -que dirixiu a Tese de Licenciatura-, eu propio e Juan Gervasio Paz Narbaiz. Ao fondo están dous muxiáns: o antropólogo Manuel Vilar e o daquela alcalde nacionalista de Muxía e parente do poeta, Xoán Bautista Pose Paz. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
PrsentaciónTesiñaXuño99

Comentarios desactivados en O Banquete de Conxo (2 de marzo de 1856) na poesía de Xervasio Paz Lestón

Abr 13 2012

Sobre a proxección exterior da literatura galega


(Estalotes, bitácora do Centro de Estudos Galegos de Varsovia. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Alertaba, máis unha vez, Manuel Bragado, director literario de Edicións Xerais, da necesidade cada vez máis urxente de dotármonos na literatura galega de proxección exterior coa creación dunha Oficina da Literatura Galega. Lembrouno na mesa redonda sobre «A literatura e o audiovisual galegos e a súa proxección internacional» do Encontro Festlatino 2012 do Consello da Cultura Galega e tamén na súa interesante e veterana bitácora Brétemas. Velaquí apenas un fragmento:
«Experiencias exitosas como a catalá ensinan que para desenvolver unha extratexia internacional no eido literario e cultural é imprescindible contar cunha institución pública que a xestione. Así o prevía o borrador da “Lei do Libro e a lectura”, redactado pola Mesa do Libro e a Lectura, coa creación do Instituto Galego Rosalía de Castro destinado a promover a lingua e literatura galega no mundo. Magoadamente esta cuestión foi retirada da lei aprobada (por unanimidade) en decembro en 2006. Dende entón, teño proposto en varios foros con ánimo construtivo, seguindo o modelo de funcionamento do Ireland Literature Exchange (ILE), a creación inmediata dunha Oficina da Literatura Galega ou Oficina do Libro Galego no Exterior como organismo da Secretaría Xeral de Cultura, apoiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, polo Consello da Cultura Galega e por todo o entramado asociativo do sector do libro (AGE, AELG, Pen Club, Galix, ATG, AIEG)».
Concordamos totalmente. E, ao fío, dun comentario a unha anotación desta nosa bitácora, que fixo a profesora Ana Garrido dende Varsovia, non estaría de máis lembramos o labor adoito esquecido, por descoñecemento as máis das veces, que se realiza nos lectorados de Lingua e Literatura Galega espallados polo mundo, nomeadamente por Europa. Vén á miña memoria a celebración daquelas magníficas xornadas de estudo sobre a obra de Antón Avilés de Taramancos nas que participei, xunto a outros especialistas, organizadas na cidade irlandesa de Cork, na súa University College, polo profesor David Mackenzie e o poeta noiés Martín Veiga, daquela lector de galego e que foi o meu compañeiro de aulas en Filoloxía.
O comentario de Ana Garrido levoume desta volta a descubrir o labor do lectorado no Centro de Estudos Galegos da Universidade de Varsovia e a súa bitácora estalotes. O recoñecemento ao seu traballo faise extensivo a todas estas “pequenas” oficinas da literatura galega, que non teñen a dimensión que podería ter ese organismo demandado por Manuel Bragado, co que concordamos, mais que realizan esforzos titánicos, sen case orzamentos, para divulgar a nosa lingua e a nosa cultura. Parabéns e obrigado.

Comentarios desactivados en Sobre a proxección exterior da literatura galega

Xan 05 2012

Adeus emocionado a Isaac Díaz Pardo


(Fonte: Consello da Cultura Galega)

Non principia ben este ano 2012 para a nosa cultura. Hoxe temos que dicirlle adeus ao artista, emprendedor e intelectual galeguista Isaac Díaz Pardo (Santiago de Compostela, 22 de agosto do 1920- A Coruña, 5 de xaneiro do 2012), fillo do artista “paseado” en 1936 Camilo Díaz Baliño, e acontece na mesma xornada que morría a Consellaría de Cultura do noso Goberno para ficar nunha Secretaría Xeral dependente do nefasto e antigalego conselleiro de Educación. Esquezamos esta última nova, unha máis na desfeita da nosa identidade de País, para centrármonos no noso emocionado adeus a Isaac Díaz Pardo, con quen temos falado en ocasións na súa galería Sargadelos da compostelá Rúa Nova ou no seu Instituto Galego de Información, espazos que lle foron “roubados” por manobras empresariais (cría corvos…). Nos próximos días hanse escribir moitas páxinas sobre a súa obra e a súa persoa, mais recomendamos estas dúas análises de urxencia, a primeira é o programa especial do Diario Cultural da Radio Galega, que se emitiu esta tarde, con numerosos testemuños e coa reprodución dunha longa e interesante entrevista que lle fixera a directora do programa, a poeta Ana Romaní. E doutra banda o especial, tamén de urxencia, que elaborou o Consello da Cultura Galega na súa páxina culturagalega.org, que reproduce varios videos e outros materiais. Entre os testemuños quero lembrar unhas palabras do presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, cando sinala que «Isaac Díaz Pardo foi editor de publicacións que nunca se editarían».
Neste faceta de editor quero testemuñar a miña eterna gratitude e o meu recordo, pois no selo editorial que creou co nome de Edicións do Castro (outra empresa que fixeron desaparecer os corvos) publicouse a miña Tese de Licenciatura. A presenza da miña obra nos catálogos desta desaparecida editorial veñen de atrás e principian coas miñas colaboracións naquela revista denominada Luzes de Galiza, que dirixía Manuel Rivas. Neses anos tamén se publican en Edicións do Castro os libros dos sucesivos certames de narracións curtas “Modesto R. Figueiredo”, que convoca anualmente o Patronato do Pedrón de Ouro. Dous relatos da miña autoría gañaron este certame: Augas de silencio na edición de 1985, que se publicou no volume colectivo Premios Pedrón de Ouro 1985 / 1986 [Sada: Edicións do Castro, 1987. ISBN 84-7492-346-8], e o relato Verbas cruzadas con Amaranta na convocatoria de 1987, que apareceu no volume colectivo Premios Pedrón de Ouro 1987 [Sada: Edicións do Castro, 1988. ISBN 84-7492-412-X]. Malia que na miña obra sobrancea a poesía, sen estes premios e sen a súa publicación no Castro talvez non chegase a desenvolver a miña escrita.
Con todo, a miña maior débeda e tamén gratitude cara a Isaac Díaz Pardo está no feito de publicar na colección Ensaio/Filoloxía a miña Tese de Licenciatura, que dirixiu o profesor Xesús Alonso Montero, A poesía galega de Xervasio Paz Lestón. Edición e estudio [Sada: Do Castro, 1998. ISBN 84-7492-906-7]. Eu ben sei que este volume de 600 páxinas nunca vería a luz se non fose porque Díaz Pardo amosaba especial receptividade a calquera traballo que abordase a obra de autores relacionados coa diáspora ou co exilio republicano. Alén diso, sobre o poeta muxián aínda publiquei nesta editorial a comunicación “Xervasio Paz Lestón (1898-1977), paradigma do compromiso dun poeta emigrante co exilio e cos súa literatura”, recollida en Axeitos, Xosé Luís e Portela Yáñez, Charo eds. (1999). Sesenta anos despois. Os escritores do exilio republicano. Actas do congreso internacional celebrado na Universidade de Santiago de Compostela. Sada: Do Castro, 1998. [ISBN 978-84-7492-931-7].
Obrigado. Moitas grazas polo teu exemplo. E que a lentura da terra desta nosa vella Nación che sexa leve, meu vello editor!

Comentarios desactivados en Adeus emocionado a Isaac Díaz Pardo

Xan 04 2012

No centenario de Celso Emilio Ferreiro

Conmemórase hoxe, 4 de xaneiro do 2012, o centenario do nacemento do poeta celanovés Celso Emilio Ferreiro. A súa obra sempre foi do meu interese, tanto é así que ocupou varios traballos literarios da miña autoría.

A primeira achega veu cando estaba a traballar como bolseiro de investigación (xa rematada a carreira de Filoloxía Galego-Portuguesa) no proxecto do Dicionario da Literatura Galega, que publicou Galaxia, coa coordinación da crítica e profesora Dolores Vilavedra. Daquela estaba a compilar información nas bibliotecas e hemerotecas para as fichas do volume II. Publicacións periódicas, e batín na hemeroteca do Museo de Pontevedra cun poema non compilado na súa obra completa. Publiquei ese texto e un comentario crítico no Boletín Galego de Literatura 17, 1997, baixo o epígrafe «Rogo a Yavé, un poema en galego non recompilado de Celso Emilio Ferreiro», que leva este resumo previo: «O artigo iníciase cun achegamento á situación da literatura en lingua galega durante a época da posguerra. Baséase nas declaracións de autores como Alonso Montero ou Xosé Luís Méndez Ferrín e comenta as causas polas que, probablemente, Celso Emilio Ferreiro non publicou nada en galego neste período. A continuación, céntrase na análise dun poema titulado «Rogo a Yavé» que reproduce ó principio do artigo. Despois dun detallado estudo temático e formal da citada composición, conclúe afirmando que, debido ás súas semellanzas con traballos posteriores, debeu pertencer ao grupo de poemas que Celso Emilio compuxo durante os anos da posguerra e que, máis tarde, publicaría nos poemarios O soño sulagado (1954) e Longa noite de pedra (1962)».

Deseguida publiquei a guía Unha lectura de O soño sulagado [Vigo: Xerais, 1998. ISBN 84-8302-226-5], de cuxo malfado xa teño falado abondo nesta bitácora, xa que incluso non aparece en ningún dos diferentes catálogos de Xerais, a editora que me encomendara aquel estudo literario en profundidade.

A terceira aproximación veu novamente no proxecto do Dicionario da Literatura Galega, que publicou Galaxia. Participei dos tres primeiros volumes (Autores; Publicacións periódicas e Obras) e no terceiro, cuxa primeira edición é de maio do 2000, ocupeime das fichas dos seus tres libros de poemas fundamentais: O soño sulagado; Longa noite de pedra e Onde o mundo se chama Celanova, aínda que no Dicionario as entradas non van asinadas polos redactores.

A cuarta achega foi o relatorio “A intertextualidade en O soño sulagado” presentado nas Xornadas sobre Celso Emilio Ferreiro celebradas en Vigo do 28 ao 30 de outubro de 2004 e organizadas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. No devandito relatorio recollido nas actas do congreso limiteime a resumir e reproducir unha parte da miña guía de lectura sobre ese libro.

E a quinta e última achega foi unha breve monografía escrita a pedimento da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG), que nunca se publicou en papel (alomenos que eu saiba) e que se pode ler na propia páxina da entidade nesta ligazón, en galego, español, alemán, francés, inglés e italiano. Neste traballo tamén fixen uso do material que xa tiña elaborado con anterioridade.

Son pois cinco contribucións ao estudo da obra poética de Celso Emilio Ferreiro, autor sobre o que teñen escrito moito e ben nomes importantes da nosa literatura e de quen temos un excepcional especialista, o crítico e profesor Ramón Nicolás, compilador da súa obra completa e de quen se anuncia xa unha monumental biografía que agardamos con voraz apetito lector, sabedores da súa rigorosidade. No entanto tamén podemos asomar ás numerosas notas que sobre o poeta de Celanova está publicar Moncho Nicolás na súa bitácora cadernodacrítica.

2 responses so far

Set 30 2011

O herdo de Cunqueiro (tamén na miña obra)

Estes días está a celebrarse o congreso “Mil e un Cunqueiros” organizado polo Consello da Cultura Galega e mais as tres universidades galegas, e os relatorios tentan botar luz e novas olladas sobre a súa inmensa figura literaria, aínda que de certo pasaron moi por riba polo compromiso falanxista do escritor, unha enorme lousa que ensombrece ao que é un dos nosos mellores autores na literatura do XX. Non me foi posible estar entre os asistentes ao congreso, mais veño de ler no portal culturagalega.org que, entre as moitas outras cuestións que se tratan nestas xornadas, está tamén a do herdo que o mindoniense deixou nas nosas letras. No resumo que nos ofrecen interesoume de maneira especial a contribución de Xosé Mª Álvarez Cáccamo para explicar a pegada poética de Álvaro Cunqueiro. Haberá que ler polo miúdo a súa intervención no momento de se publicaren as actas. En calquera caso, mentres lía a síntese do relatorio de Pepe Cáccamo matinei na presenza de Cunqueiro na miña propia obra. Lembro facer a súa lectura con devoción, como lle aconteceu a moitos poetas dos oitenta e dos noventa, porén nunca citei ningún dos seus versos nun poema meu, aínda que o seu nome ecoa neste soneto do meu libro Ausencias pretéritas (1992), que pertence á terceira parte intitulada “De ti e das palabras”, e que principia sempre cada estrofa co verso de Bernal de Bonaval, un dos segreis ou trobadores medievais que se adoitan relacionar con Compostela. Despois, como galano, tamén tedes a cantiga medieval cantada polo berciano Amancio Prada.
I
A dona que eu am’e tenho por senhor
ten unha palidez de intensidade
límite no solsticio da cidade
das augustas murallas derredor.

A dona que eu am’e tenho por senhor
ten un albo clarón de divindade
de crentes en xaxún de antiga idade,
deserto, tribo nómada e calor.

A dona que eu am’e tenho por senhor
ten maxia e ten tesouros, di Cunqueiro
e aos libros de don Álvaro remito.

A dona que eu am’e tenho por senhor
ten sinal de meigallo feiticeiro,
nome supersticioso, moito mito.

2 responses so far