BiografíaArchive for the '' Category

Dec 14 2016

Relatorio sobre Gonzalo López Abente no ciclo No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos, organizado pola Real Academia Galega


(Pola esquerda, Xosé Ramón Pena, Xosé Luís Axeitos, Chus Nogueira e Miro Villar. Autor: RAG)

Onte, martes, 13 de novembro, estivemos na Casa Galega da Cultura en Vigo para participar nunha nova xornada do ciclo denominado «No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos», unha das iniciativas organizadas pola Real Academia Galega para memorar o centenario da fundación das Irmandades da Fala. A mesa de debate centrada na poesía das Irmandades, baixo o título Unha poética anovadora, estivo introducida e moderada polo académico Xosé Luís Axeitos, e nela participamos Xosé Ramón Pena, Chus Nogueira e eu propio, que demos a coñecer un resumo dos relatorios que se han publicar no sitio web da RAG. A miña intervención estivo focada nun texto que leva por título Gonzalo López Abente, o «poeta do mar» das Irmandades da Fala.

A xornalista Iolanda Rodríguez Casal recolle as nosas respectivas intervencións nunha ben completa e precisa crónica que reproduzo deseguida e que tamén se pode ler nesta ligazón.

Versos inéditos na mesa sobre a poesía no tempo das Irmandades da Fala

14/12/16| Actualidade: Novas

Os versos de dous poemas inéditos de Euxenio Montes e Xavier Pardo Bedía escoitáronse onte na mesa de debate sobre as Irmandades da Fala que a Real Academia Galega organizou en Vigo dentro do ciclo No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos. O académico Xosé Luís Axeitos presentou estas composicións como exemplo da importancia do atlantismo na poesía da época nun encontro centrado precisamente na lírica no que Chus Nogueira achegou unha mirada crítica desde a historiografía, Xosé Ramón Pena se detivo no traballo a prol da creación dunha estética nacional e Miro Villar reivindicou devolver a figura de Gonzalo López Abente á posición central que ocupara en vida.

Ademais de presentar os convidados, Xosé Luís Axeitos falou brevemente do atlantismo na poesía do tempo das Irmandades, un dos conceptos básicos e vertebradores da teoría política nacionalista de Vicente Risco e do grupo Nós. Para perfilar a doutrina do atlantismo, presenza dunha corrente céltica común entre os pobos bretón, normando, irlandés e galego, a revista Nós dedicou en distintos números espazos xenerosos á denominada “cuestión irlandesa”, con traducións de Yeats e Joyce, artigos de Otero Pedrayo ou un monográfico con poemas de Cabanillas e Taibo. O tema foi obxecto de debate nos faladoiros da época e tratado en numerosas conferencias. “Mesmo se pode dicir que esta teoría do atlantismo é diferenciadora do grupo ourensán, máis conceptual e académico, a respecto doutras agrupacións”, engade.

Como proba da importancia do atlantismo na poesía das Irmandades, Xosé Luís Axeitos presentou un poema inédito de Euxenio Montes, dedicado a Manuel Antonio, e outro nunca saído do prelo de Xavier Pardo Bedía. Ambas as dúas composicións serán publicadas por primeira vez na edición que se fará dos relatorios do ciclo No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos.

Deseguido, a profesora da Universidade de Santiago de Compostela Chus Nogueira foi a encargada de levar a cabo unha revisión crítica de como a produción poética da época foi abordada nas historias da literatura a través de autores como Ricardo Carballo Calero, Xosé Luís Méndez Ferrín, Francisco Rodríguez, Anxo Tarrío, Dolores Vilavedra ou Xosé Ramón Pena. A especialista concluíu que nas distintas propostas se reflicten “as tensións que xa se deron no seo das Irmandades da Fala, con escollas que priorizan o político e outras o feito cultural”. Ao seu xuízo, evidéncianse tamén os problemas que ás veces xorden polo “excesivo detalle” na identificación de promocións e grupos e advertiu que, se ben as diversas achegas historiográficas implican visibilidade para parte dos autores, tamén gardan relación co feito de que aqueles de ubicación difícil ou interxeracional quedasen “en zonas de sombra” e que tardasen en seren recoñecidos e editados.

Xosé Ramón Pena defendeu neste sentido que a historia da literatura é parte do relato da historia xeral e que con frecuencia os acontecementos artístico-literarios adiantan os sociopolíticos. O seu relatorio centrouse na achega “decisiva” dos membros das Irmandades respecto da conformación da lírica galega do século XX. “Se houbese que procurar un apartado único, un episodio central no labor da organización irmandiña, ese ten que ser, con toda certeza, o da procura dunha estética nacional. Unha procura, polo demais, que non só afecta ao eido poético, senón aínda a esoutros da prosa de ficción, do teatro…”, salientou. Acadar a soberanía estética da nación galega foi, de feito, un dos apartados da I Asemblea Nacionalista.

De acordo con dito mandato, os principais líderes das Irmandades buscaron con afán conformar a soberanía nacional no espazo das artes, pero tamén nestoutro das letras. “Mediante numerosos artigos publicados en xornais e revistas, Antón Villar Ponte traballou arreo nesa dirección que buscaba una perfecta síntese entre a tradición e a modernidade; entre a enxebreza e os novos xeitos vidos de Europa. Villar Ponte creu atopar o home e mais o modelo: tratouse de Ramón Cabanillas. Así pois, sen dúbida, o poeta arelado veuse transformar no intérprete ideal para a conformación da estética irmandiña. Ou, simplemente, no poeta”, sintetizou Xosé Ramón Pena.

Sobre outro escritor da época, Gonzalo López Abente (Muxía, 1878-1963), e a súa relación coas Irmandades falou Miro Villar, quen, referíndose tamén á análise de Chus Nogueira, reivindicou “sacar da zona de sombra un poeta que na súa época estaba no centro, e non na periferia como está hoxe”. O mellor poeta do mar, como o cualificou Risco, participou nas Irmandades desde o seu inicio e responsabilizouse da posta en marcha dunha delegación en Muxía, constituída en 1918. Se ben esta non desenvolveu moita actividade, “espallou pola Costa da Morte o ideario da organización galeguista”, salientou Miro Villar, que lembrou tamén que López Abente puxo a súa literatura ao servizo dos obxectivos do ideario das Irmandades.

Desde o primeiro momento, a súa sinatura estivo presente no seu voceiro oficial, A Nosa Terra, en cuxas páxinas publicou moitos poemas. Entre eles, o crítico literario detívose en “O piñeiro derrubado”, un dos que escribiu como homenaxe a Lois Porteiro Garea tras o seu pasamento.

Alén da creación literaria, o seu activismo cultural concretouse coa súa entrada no Seminario de Estudos Galegos, xunto con Cabanillas, Noriega Varela e Victoriano Taibo, nunha cerimonia na que interveu cunha lectura de poemas, repasou Miro Villar, que recordou deseguido o período da ditadura de Primo de Rivera, tempo de refuxio na literatura; o recoñecemento dos seus colegas, que o elixiron presidente da acabada de nacer Asociación de Escritores de Galicia, en marzo de 1936; a participación na campaña a prol do Estatuto de Autonomía e a depuración laboral que sufriu tras a sublevación militar, que o afastou do seu traballo e de calquera actividade pública. O franquismo silenciouno durante varios anos e, coma outros galeguistas, volveu refuxiarse na creación literaria.

Membro da Real Academia Galega, López Abente protagonizou o Día das Letras Galegas de 1971, una data que, valorou, non axudou ao seu recoñecemento posterior, xa que naqueles anos non se promovían aínda os profundos estudos que hoxe emerxen arredor desta celebración. Desde 2011, a Fundación Gonzalo López Abente traballa para divulgar a súa obra.

Comentarios desactivados en Relatorio sobre Gonzalo López Abente no ciclo No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos, organizado pola Real Academia Galega

Nov 10 2016

No 80 aniversario do asasinato do xornalista Manuel Lustres Rivas

manuellustresrivas

Hai oitenta anos, tal día como hoxe, o 10 de novembro do 1936, foi asasinado o xornalista Manuel Lustres Rivas (Ribeira, 1888 – Redondela, 1936), como ben lembra o Almanaque das Irmandades. O seu corpo baleado foi aparecer no Alto da Cuncheira, na parroquia redondelá de Trasmañó, nun “paseo” a onde o levaron desde o cárcere na Illa de San Simón no que estaba detido desde os primeiros días do levantamento fascista.

Nesa altura poucas voces se erguen para denunciaren o seu asasinato. E será o poeta Antón Zapata García quen cite o seu nome nun dos versos da elexía Na morte de Lexandro Bóveda, que principia: Pra tí, Lexandro Bóveda / —¡irmán escrarecido, / vida próveda!—; a primeira composición en galego que lembra o seu asasinato a mans dos franquistas, tal como testemuña o profesor Xesús Alonso Montero:

«Hoxe por hoxe, a primeira elexía a Bóveda da que temos noticia é a de Luís Seoane titulada «A Alejandro Bóveda, fusilado» (Galicia, Buenos Aires, 20-12-1936); a primeira en galego, segundo os nosos datos, é «Na morte de Lexandro Bóveda», de Antón Zapata García (id., 27-6-1937)». E nas súas «Notas ós poemas», ademais da localización do texto e doutros datos de interese, engade: «No verso 53 cítase, entre os asasinados, a Ánxel Fole, crenza moi estendida nestas datas».

Así é, pois o poema de Antón Zapata é moito máis que unha elexía a Bóveda, pois describe toda a represión do momento, e nome a outros mártires do galeguismo, malia o equívoco sobre Ánxel Fole que estaba moi espallado nesa época: “Quintanilla, Casal, Díaz Baliño, / Xan Carballeira, Casas, Lustres Rivas, / Xosé A. Suárez Picallo, Anxel Fole / e outros centos de irmáns non menos outos / ô corazón que os chora xa finidos”.

Deseguida reproduzo de novo o poema Na morte de Lexandro Bóveda de Antón Zapata García, poeta ao que consagrei a miña Tese de Doutoramento, onde escribín: “A crueza da guerra civil española e, sobre todo, a represión desencadeada polos falanxistas en terras galegas serán decisivas para que o estro poético de Antón Zapata García se volva cada vez máis comprometido. De feito, o seu poema Na morte de Lexandro Bóveda, publicado no Galicia o 27 de xuño de 1937, convértese na primeira composición en galego que evoca o asasinato do secretario de organización do Partido Galeguista”. En efecto, apareceu no Galicia, Federación de Sociedades Gallegas, Bos Aires, nº 524, 27 de xuño de 1937. Publícase precedido dun debuxo sen asinar (aínda que ben puidera ser do propio poeta), que representa o rostro de Bóveda asasinado cunha bala na fronte. De aquí foi reproducido polo profesor Alonso Montero, na Coroa poética para un mártir. 35 poemas á morte de Alexandre Bóveda (1936-1994). Vigo: Xerais, 1996. E tamén foi compilado por Fernández Rodríguez, Manuel (2006). Poemas pola memoria (1936-2006). Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. 93-96.

NA MORTE DE LEXANDRO BÓVEDA

Pra tí, Lexandro Bóveda
—¡irmán escrarecido,
vida próveda!—:
Con requeimantes bágoas nos ollos
e na dôr afundido,
non encontro máis verbas no contido
do noso craro idioma, que adouraste,
(¡pra maldicer aqueles que os ferrollos
de Galiza remachan noite e día,
anque tí os perdoaste,
porque eras nobre, bô e xeneroso!),
que estas verbas: ¡Non son da nosa caste
os lobicáns e os lobos da xauría
que os dreitos arrasóu do povo noso
e â túa intelixéncea aborrescía!…
¡Non é!, ¡non é! da nosa enxebre sangue
a banda de traidores,
malvados e asesiños
que â nosa terra abrangue
i-ôs seus máis caros fillos, guiadores,
asesiñaron xunto ôs seus filliños
—nas aldeias, nos montes e nos vales—
i-ô pé dos seus maores
ou xunto ôs seus igoales
—d-abós e pais, d-irmáns ou da siñora—,
e, por eles, agora,
“A CAMPANA d-ANLLÓNS”, doída, tangue
e a irmán, de BASTABALS, doída, chora!
¿Qué van ser irmáns, pra nós, os seres
que trouxeron â moura moureiría
—empúdeca, babeante, sin homía—,
non respetando nenas nin mulleres?:
¡Galegos desleigados, sin concencia,
que n-houberon cremencia
pr-aqueles bôs irmáns das nosas almas,
esgrevos lumiñals da nosa cencia
e sopostallos lus das nosas artes
das nosas forzas vivas
—¡sinxelamente calmas!—
asesiñados todos no CAMIÑO
da REDENZON das LUCES RÊDIVIVAS,
dos sagros balüartes
da Sancta COMPOSTELA
—¡Nova XERUSALEM tremente en palmas,
procramada na voz da BERENGUELA!—
e que se choran xá por todas partes,
con fraternal cariño,
por onde padricaron
e, boandanzas, cantaron
ô pé do Altar da Patria, car-ô Sole:
Quintanilla, Casal, Díaz Baliño,
Xan Carballeira, Casas, Lustres Rivas,
Xosé A. Suárez Picallo, Anxel Fole
e outros centos de irmáns non menos outos
ô corazón que os chora xa finidos:
¡Co-as balas dos traidores furacados
diante ô tráxico asombro dos petoutos
e os “Queixumes dos Pinos” abraiados!,
mouradores no ALEM, ¡non redimidos!,
e que recraman, ¡forte!, ser vengados!…
Tí fóstel-o Moisés que abreu as fontes
das riquezas da Nosa Nai Galega,
hastra agora aldraxada, magöante:
¡Pol-os necios, pechándolle ourizontes;
pol-os pillos, roubándolle a talega;
e facéndoa, os caciques, emigrante!…
¡Tí fostes, bô Lexandro, o Xesucristo
diante ô Abrente das luces do Dereito
ensinando os Camiños da Verdade
—¡car-a cara co-a lus da Dinidade!—
e, por eisí aituar, teu nobre peito,
aniñando tenruras, foi desfeito
no crime mais atrós nos homes visto!…

Tí, como os Precursores,
meresces os máis férvedos loubores.
¡No “Alem”, no “Mar dos Silenzosos”,
na “Soidade”, onde mores,
teral-o ben querer dos irmáns nosos!
¡Non-os chores, Lexandro, non-os chores
na tráxica partida!:
¡Tí seral-o Druída
oficiando no Altar do Sentimento!:
—¡Por todol-os irmáns que nos mataron
por amar o Galego Encumiamento
que agora, como outrora, nos tallaron
n-un crime xamáis visto!;
mais, como Xesucristo,
no triste camposanto…
¡¡terá Rexurdimento!!…
¡¡Santo!!… ¡¡Santo!!… ¡¡¡Santo!!!…

Comentarios desactivados en No 80 aniversario do asasinato do xornalista Manuel Lustres Rivas

Out 24 2016

Artigo en QPC (XV): «Emigración e antifranquismo na poesía de Xervasio Paz Lestón (23 de outubro de 1898 – 1977)»

xervasiopazleston01

Onte, 23 de outubro, é unha data para conmemorarmos o natalicio e o pasamento do poeta muxián Xervasio Paz Lestón. Na súa memoria veño de publicar unha nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, co título «Emigración e antifranquismo na poesía de Xervasio Paz Lestón (23 de outubro de 1898 – 1977)». Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

Emigración e antifranquismo na poesía de Xervasio Paz Lestón (23 de outubro de 1898 – 1977)

Xervasio Paz Lestón naceu en Serantes, aldea da parroquia de San Xulián de Moraime no concello de Muxía (A Coruña), o 23 de outubro de 1898, e faleceu en Bos Aires o día que facía 79 anos, o 23 de outubro de 1977.

A súa obra poética caracterízase, de primeiras, polo seu autobiografismo, xa que en moitos dos textos o eu poético é un trasunto do propio autor que expresa as súas vivencias persoais. Porén, non imos facer referencia a estas pegadas autobiográficas, senón ás dúas liñas temáticas fundamentais: o antifranquismo e a nostalxia da Terra. Así pois, unha poética da saudade e unha poética do compromiso moi próxima á poesía civil de autores como Lorenzo Varela, Luís Seoane ou Alfonso Gayoso Frías. Non se trata dunha afirmación gratuíta, pois existen testemuños claros de que a poesía dos dous últimos estaba entre as lecturas de preferencia de Paz Lestón. De feito, no poema «Agasallo», que é un poema lido na presentación do libro Os fidalgos de Rante de Gayoso Frías, hai unha referencia explícita a Seoane.

Desde os seus primeiros textos Paz Lestón é un poeta civil, de denuncia social, comprometido coa causa dos desfavorecidos. Textos datados en 1924, 1925 ou 1926 denuncian a situación da sociedade española durante a monarquía de Alfonso XIII ou a ditadura do xeneral Primo de Rivera, que é cualificado como Xeneral Morralla, Xeneral Metralla, Azor ou “chulo” xeneral Miguel Primeiro. Para o primeiro caso velaí o poema «D’a España Doente…» e para o segundo os poemas «¡Calade…», «A Unamuno», no que se fai mención do confinamento do intelectual español, «¡Terror Galiñeiro!» ou «España é un Galiñeiro». Todos eles apareceron no Correo de Galicia, periódico dirixido por José R. Lence, que tiña como secretario de redacción a Ramón Suárez Picallo. Aparecía os domingos e era lido con interese pola ampla información que traía da Terra e das actividades societarias na emigración. Lence era un home pouco estimado na colectividade progresista pola liña do seu xornal que sempre abalaba para onde máis lle conviñera. Daquela aínda tiña certo espírito galeguista, xa que promovera, en 1917, conxuntamente co Heraldo de Galicia, a asociación regionalista “A Terra” para defender un “san e ben entendido rexionalismo”. Porén, nunca abdicou das súas ideas monárquicas, aínda que desaprobase a conduta de Alfonso XIII con ocasión da Ditadura primorriverista.

Por outra parte, no verán de 1922, Blanco-Amor, nomeado director da sección literaria do xornal, promete levar a estas páxinas a escritores galegos, comenzando polos ourensáns Losada Diéguez, Risco, Euxenio Montes ou Xavier Bóveda, ademais de asinar unha serie de artigos sobre poetas nosos como Noriega, Pondal e Curros. As respectivas actitudes de Lence e de Blanco-Amor serven para explicar o sentido das colaboracións poéticas de Paz Lestón.

Ademais, hai que lembrar que o poeta non fala de oídas pois regresou a Galiza, para visitar os seus pais, entre xullo de 1925 e marzo de 1926, polo que tivo información de primeira man para completar aquelaoutra que se recibía na emigración a través de xornais ou testemuños orais ou escritos. Alén diso, existe unha evidente diferenciación no tocante ao tema patriótico pois temos que distinguir cando fala de Galiza ou de España. Así, nos seus primeiros textos a patria do poeta é España e a penas se menciona a Galiza, mais nos poemas da posterior etapa antifranquista a énfase patriótica está en Galiza, que sempre se enfronta a unha Castela que a marxina ou que a asoballa. Aquí reflítese claramente a deriva de Paz Lestón cara á asunción dos postulados do nacionalismo galego. Non pode ser alleo a isto a proximidade de persoeiros como Castelao, Alonso Ríos, Núñez Búa ou Suárez Picallo.

A saudade da Terra penetra en todos os textos que falan da emigración. Malia non ser un exiliado, a visión da emigración que posúe Paz Lestón é moi semellante á dos desterrados por razóns políticas. Na súa poesía non se percibe nunca unha imaxe idílica do éxodo, pola contra sempre se denuncian as súas causas. Isto ocorre xa nos primeiros textos, velaí a magnífica narración da epopea en «Os Novos Conqueridores», que relata a partida, a viaxe e a derrota da maioría. Esta derrota en referencia individual aparece nos poemas «Andrés do Fontán» e «Andrés», que talvez fagan referencia a unha mesma persoa, ben coñecida polo poeta, e como amarga experiencia autobiográfica en «Alonxamento». Outro testemuño dramático é o que aparece en «O Adiós dos Parias» que reitera máis unha vez as causas, a afouteza coa que se emprende a viaxe e finalmente a constatación de que por cada un que vence, cen perderon a partida. Describe a quen se viron na obriga de abandonaren todo por iren na procura de algo que sempre é incerto. A condena da emigración aínda está presente nun poema publicado en 1960, «Barcos» na que o eu poético se sitúa no cume do monte Cachelmo, nas terras de Muxía, vendo como pasan os barcos que se supoñen cargados de emigrantes. Outra cara da mesma moeda é a dos que sofren na espera, que aparece tamén en poemas como «As Naiciñas» ou en «Noiva de Emigrado» onde as que teñen os corazóns abafados son as mozas dos que emigran. Neste poema, que data de 1935, fálase do monstro da emigración / que hoxe a Galicia devora

A única imaxe en positivo da emigración relaciónase coa actividade das sociedades de emigración, nomeadamente das dúas entidades, a «Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía» e a «Asociación Benéfico Cultural del Partido Judicial de Corcubión», máis coñecida como a ABC de Corcubión, nas que Xervasio Paz Lestón tivo responsabilidade. Son moitos os poemas de circunstancias, case sempre asinados con pseudónimos, que falan deste tipo de celebracións, por exemplo «Que festa a da Barca» –que relata a participación nunha festa anual da ABC de Corcubión de persoas como Maruxa Boga, o actor Tacholas, os Moreiras e outros moitos xoldreiros–. Chama a atención que en moitos destes versos exista unha reivindicación da muiñeira de roda, un baile que o poeta considera representativo da súa terra e que levaba camiño de desaparecer como tradición de nós. Outra constante é a referencia ás regueifas ou a regueifeiros concretos como Celestino Sar, chamado o Seixas de Aboi, Pepe Grande de Quintáns ou Benedito de Lourido. Tamén protagonizan o poema «Regueifantes a chorar», unha homenaxe ao primeiro dos antes citados no momento da súa morte, de quen se fai un perfecto retrato. Tamén entran nesta serie os poemas conmemorativos como «¡Un Ano!», no que lembra o primeiro ano da Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía ou «Vintecinco anos» e «Nas Bodas de Ouro da A.B.C. de Corcubión», referidos a esta sociedade. Nos primeiros hai versos que resumen perfectamente o papel que debían cumprir estas sociedades da emigración. Ou tamén «Amoroso Fogar» e «Pequeno Piñeiro» nos que fala do Fogar Galego, pois o Hogar Gallego para Ancianos era unha vella reivindicación da emigración como centro de acollida para vellos e enfermos.

Tamén cómpre salientar os poemas escritos nos cabodanos de Pardo de Cela, Castelao, Antón Vilar Ponte, Lamas Carvajal ou Gonzalo López Abente. Moitos deles teñen o carácter de semblanzas, aínda que non sempre foron feitos despois da morte dos homenaxeados, pois o propio Abente é glosado con anterioridade e nesta liña tamén está a «Semblanza» que escribe para o seu amigo, o poeta Xesús Calviño de Castro. Neste aspecto, é curioso observar que na poesía de Paz Lestón comparten protagonismo os grandes persoeiros nomeados con persoas do común, como os regueifeiros ou de moi pouca consideración social, como se o poeta tamén tivese intención de nivelar a sociedade a través dos seus versos. Personaxes descoñecidos como «Xan Castrelos» ou «A Probe Velliña» que vai petando nas portas das casonas de labregos e de ricos, xúntanse cos anónimos labregos que en colectivo serven de inspiración lírica.

Finalmente, merecen unha destacada mención os textos que, dalgunha maneira, se converten en metapoéticos ou en precisas Autopoéticas. Son abondosas as reflexións que Paz Lestón fai na súa obra sobre o acto poético, ata o punto de ser un dos temas principais, pois nos vieiros de ensoño que lle ofrece o carrusel da poesía vai atopar a felicidade, como confesa no poema que así se titula «A felicidade». Porén, achégase á palabra poética con humildade como refliten as primeiras estrofas de «Miña Comarca». Como testemuño do lugar que toda a poesía ocupa e tamén da recepción que tiña na emigración a nosa tradición lírica do Rexurdimento, temos «Lembranza», onde son invocados a rula Rosalía, Curros e Pondal ou «Meus Versos» no que sitúa os devanditos poetas e tamén a Añón como exemplo de estros lostregantes. Esta invocación e esta veneración convértense en durísima carraxe nos expresivos “¡Batede Mais, Poetas!”, publicado nos anos vinte, e “Compride a Misión, Poetas”, publicado en 1934, que se inicia cunha cita de Evaristo Martelo Paumán tirada de A misión dos bardos. A reacción vén provocada no primeiro caso porque se aproxima a hora das reivindicacións e no segundo pola actitude dos nosos bardos nesa altura, xa que considera que andan á moda ao escribiren versos de amores finxidos e cantaren romances de cegos ou madrigais chorosos, esquecendo os seus deberes. Nese senso apela a recuperar o exemplo de Curros Enríquez e a botar man da poesía directa, refugando os versos pulidos, os conceptos alambicados para salóns e os pesares non sentidos. Cualifica como remilgados a estes poetas e fala da necesidade de que se poñan os versos ao servizo dos oprimidos, dos pobos escravos e que combatan a reacción.

Cfr. Villar, Miro. A poesía galega de Xervasio Paz Lestón. Edición e Estudio. Sada: Edicións do Castro, 1998.
xervasiopazleston02

Comentarios desactivados en Artigo en QPC (XV): «Emigración e antifranquismo na poesía de Xervasio Paz Lestón (23 de outubro de 1898 – 1977)»

Set 06 2016

Unha carta do poeta Antón Zapata García ao seu curmán fotógrafo José Vidal García (1935)

JoséVidalGarcía01
(Fotografía de José Vidal García tirada do «Fondo José Vidal» do Concello de Laxe)
Os epistolarios adoitan ser (se callar xa non o son por mor do correo electrónico) unha fonte inesgotable de información para trazar o perfil biográfico e as angueiras de calquera autor ou autora.

Así foi tamén un aspecto importante na redacción da miña tese de doutoramento, A poesía galega de Antón Zapata García. Edición e estudo, dirixida polo profesor Xesús Alonso Montero. Porén non foron moitas as cartas ás que tiven a fortuna de ter acceso e entre elas está a única carta familiar que puidemos consultar e tamén a única escrita en castelán, mais nesta lingua adoitaban estar este tipo de epístola destinadas a persoas con escasa alfabetización. Cfr. Núñez Seixas, Xosé Manuel e Soutelo Vázquez, Raúl (2005). As cartas do destino. Unha familia galega entre dous mundos 1919-1971. Vigo: Galaxia [71-72]

«A lingua empregada [das cartas] era sempre o castelán. Malia que o galego seguía a ser a lingua de comunicación oral da familia Naveiras e dos veciños de Ferreira, o idioma no que emigrantes e labregos recibiran a súa máis ou menos precaria alfabetización fora o español. Os emigrantes, ademais, asimilábanse rapidamente do punto de vista lingüístico no hispanofalante Río de la Plata, malia seguir a manter o galego como lingua de comunicación diglósica en festas e veladas. Pero a maioría mantiña respecto do seu propio idioma unha relación de menosprezo: o que para moitos era un dialecto non debía ser empregado na comunicación escrita e nos usos públicos e formais. Con todo, iso non excluía que, igual que acontece noutros epistolarios emigrantes galaicos, o galego de orixe interferise decote na sintaxe e ás veces no léxico empregado, que de cando en vez aparecesen algunhas palabras ou mesmo frases en galego, sobre todo cando se rememoraban labores agrícolas ou contextos locais da freguesía de orixe, e que os problemas coa gheada se manifestasen na escrita dos irmáns longo tempo emigrados nun país castelanofalante».

A carta do poeta Antón Zapata García vai dirixida ao seu curmán fotógrafo José Vidal García e está datada o 5 de setembro de 1935. Nela fai aviso de recibo dunhas fotografías da contorna de Laxe, algunhas delas habían ser publicadas na revista Alborada, fala de acontecementos familiares e o máis interesante para nós está dunha banda nas súas referencias ao escudo de Laxe e pola outra outra á recente homenaxe que fixera lembranza do centenario do nacemento de Eduardo Pondal.

Deseguida reproduzo esta carta que tamén se pode ler na miña tese de doutoramento, A poesía galega de Antón Zapata García. Edición e estudo, en acceso libre nesta páxina de poesiagalega.org, proxecto dirixido polo poeta e profesor Arturo Casas e no que traballa arreo o seu equipo do GAAP (Grupo Alea de Análise Poética). O traballo académico xa estaba a dispór de quen tivese interese na propia USC, aínda que nun espazo escasamente divulgado. E tamén en googlebooks, porén neste caso con moitas páxinas en branco como adoita suceder neste buscador. Velaquí:

Buenos Aires, Septiembre 5 de 1935.

Sr. Don José Vidal García

Lage

Estimado primo:
Oportunamente, ha sido en mi poder tu apreciada carta datada el 18 de Mayo del corriente año; mas, por pura negligencia —en mí es un mal completamente crónico—, no te he contestado en seguida, cual debiera hacerlo, máxime habiéndome brindado, como lo hiciste, la grata oportunidad de poder contemplar, mediante las artísticas “fotos” que adjuntaste a tu referida, esa siempre bien querida e igualmente recordada villa natural nuestra. Reitero, pues, mi solicitud de que sepas dispensarme la “preguiza” en que incurrí, y, sobre todo, muchas gracias.
Antes de nada, cumplo en alabar —nada de ringorrangos— tu buen gusto y conocimiento fotográficos, pues no solamente por los trabajos tuyos precedentemente aludidos, sino por otros, entre ellos: “Las bucetas de Manuel Ramos”, “La motora de Vilaseco y Anido”, “Malpica de Bergantiños”, “Ponteceso”, etc., etc., revelan la mano y el tacto maestros de que eres poseedor.

Como siempre he sido enemigo de difundir malas nuevas —la que expondré me duele en el alma—, me perdonarás no te haya dicho antes la desgracia que hemos tenido, puesto que yó apreciaba mucho a tu malogrado y bien querido hermano Eduardo: Ha fallecido violentamente en Montevideo, de lo cual ya habrás —supongo— tenido noticias de tus hermanos Plácido y Francisco. Te doy mi más sentido pésame, el que harás extensivo a tus padres, hermanos y demás familiares nuestros. ¡Ha sido una lástima perderlo, siendo un gran dolor para todos los que lo queríamos! ¡Q. E. P. D. el pobre Eduardo!

Del escudo de esa villa, te diré que, leyendo la “Historia de Galicia”, de Murguía, noté que dicho atributo de los Castros —gente nobiliaria de Lage en pretérita data—, que figura en la iglesia, tiene dos roeles (monedas) y dos calderos. El tal, a mi ver, es el verdadero escudo de nuestra brava población de Lage. Ahora, trata tú de sacarlo, ya fotografiándolo, ya, si conoces dibujo, sacando un ligero boceto, pues, el escudo que contiene tu “foto”, creo no es el auténtico. En fin: Yo no conozco casi nada de heráldica, pero, por tratarse de mi pueblo, por lo menos quisiera constatar si es cierto lo que en el citado libro dejó consignado Don Manuel Martínez Murguía, esposo que fué de la inmortal poetisa Rosalía Castro. Tú dirás la verdad sobre el asunto, que es lo que importa.

Te hago presentes mis gracias; además de las fotografías, por los diarios —creo que fuiste tú— que tuviste a bien mandarme, relacionados con el merecido homenaje rendido al más grande hombre de nuestra patria gallega: Nuestro pariente Eduardo Pondal.

Haz presentes mis saludos a todos nuestros comunes amigos residentes en ésa: Antonio Sacedón, Paulino Vilariño, José Pose Mesías, Fernando Gonlledo, Manuel Ramos Mesías, etc., etc.

Saluda, en nombre nuestro —los de esta tu casa— a tu esposa y demás familia. A tu suegro le haces presente el claro recuerdo que de él tengo, o sea: cuando llegó de la guerra de Cuba, así como también le darás recuerdos. Para tu hermano Manolo, le harás presentes mis gracias —”vai de risa”— por las cartas que prometió remitirme… ¡”fai catro días”!… Salúdalo, no obstante lo dicho. Me parece que, para escribir, como por aquí se dice, “es de mi marca”: ¡por algo somos “parentes”!…

En fin, gracias estimado Pepe; prometiéndote que, en la primer oportunidad que se me presente, he de corresponder a tu reiteración de atenciones para conmigo.
“Alá vai miña aperta” para tí, con verdadero anhelo de poder un día ir a fondear en “Las Galgas” a “miña chalana”…

Teu curmán que te estima: Antón Zapata García

[Remite: A. Zapata García. Sáenz Peña, 469. Dep. Nº 2. Bs. Aires]

Comentarios desactivados en Unha carta do poeta Antón Zapata García ao seu curmán fotógrafo José Vidal García (1935)

Ago 17 2016

Cartas de Alexandre Bóveda na madrugada do fusilamento [17-VIII-1936]

Guerra-civil-1936-1939-e-literatura-galega
CartasdeAlexandreBóveda(1)
CartasdeAlexandreBóveda(2)

As imaxes reproducen as tres «Cartas de Alexandre Bóveda na madrugada do fusilamento [17-VIII-1936]», cuxos textos foron publicados en VV. AA., Castelao e Bóveda irmáns!!, Vigo: Extras A Nosa Terra 5/6, 1986, páx. 112. As dúas primeiras, tiradas de Xerardo Álvarez Gallego, Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda, Buenos Aires: Nós, 1972, e foron reproducidas no volume intitulado Guerra civil (1936-1939) e literatura galega: (textos e documentos para unhas xornadas de estudio e debate) / Edición de Xesús Alonso Montero e Miro Villar. — Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, Ponencia de Lingua, 1999.

Esta obra, na que traballei arreo, pódese descargar de balde no sitio web do Consello da Cultura Galega, onde vai introducida por esta presentación:

Esta publicación recolle material empregado polos relatores que participaron nas xornadas “Guerra Civil (1936-1939) e literatura galega”, celebradas no Consello da Cultura Galega en 1999 (Do 14 ao 16 de decembro de 1999). Reproduce cartas, poesía e prosa de escritores que desenvolveron o seu traballo no trienio 1936-1939, e outro material de utilidade para analizar a literatura galega naquel tráxico momento histórico.

O presente volume contén textos e documentos que, dun xeito ou doutro, foron tidos en conta polos relatores e comunicantes, o que foi útil para eles e, máis aínda, para os asistentes ás Xornadas. Estes, por outra parte, atoparon neste volume páxinas (non só aquelas que son inéditas) que se propoñen suscitar reflexións ou novos estudios ou encontros futuros.

Engadamos, finalmente, que este volume é o primeiro no xénero: tal é a incuria diante deste tema entre nós.

Velaquí os textos das tres cartas:

CARTAS DE ALEXANDRE BÓVEDA NA MADRUGADA DO FUSILAMENTO [17-VIII-1936]

Madrugada do 17 de Agosto de 1.936

Irmán Pedro Basanta

Pontevedra

Querido Basanta:

C-unha fonda aperta de despedida, que lle prego faga extensiva a Xil e todol’os irmáns, o prego de que non se esqueza dos meus.

Xandro

ás 5 menos 5

Madrugada do 17 de Agosto do 1.936

Choliñas, miña Peque, Vidiña:

Quixen escribirche moito. Mais xa sabes canto poidera decirche.

Perdoame todo, que os peques me lembren sempre; que cumplas todol’os meus encárregos.

Eu, Almiña estaréi sempre en vós como che prometín.

Fallan uns minutos e teño valor, por vós, pola Terra, por todos. Vou tranquío.

Adeus, Vidiña. Vive pra os peques e os vellos, ¡abrazaos, confortaos! Sé Ti, miña Pequeniña ademirable, a máis valente de todos. Alá sentirei ledicia e satisfacción de Ti e de todos. Lembrareivos sempre, velarei sempre por vos.

Adeus. Contigo, cos peques, cos Vellos todos, estarei sempre na lembranza, na máis grande, a máis fonda, a máis infinda das apertas, o voso

Xandro

P. S. / recei contigo

Madrugada do 1.936 [sic]

Querido Vitín:

Non sei si fixen ben ou mal en procurar que me axudases con proveito. En calquer caso foi con desexo do teu ben.

Eu morro tranquío; confío en que serei recibido donde todos queremos xuntarnos e fagoo con ledicia e confiando en Deus iste sacrificio. Quixen facer ben, traballei por Pontevedra, por Galicia e pola República e o trabucado xuicio dos homes (que eu perdoo e todos debedes perdoar) condéname.

Sé agora máis home que endexamais porque é cando máis o precisas, polos nosos vellos e polos nenos, de quen, sin que puidéramos esperalo, vas ser un pouco pai.

Confórtaos a todos e procura ser sempre bon. Non te arrepintas de canto ben teñas feito e podas ainda facer.
Vitinciño: Aos papás, a Vera, a Carlos, a Cesar, a todos, as miñas apertas.

Pra ti, irmanciño bon, a máis grande que poidas recibir de

Alexandre

P.S. / Rezai por min que eu lembrarei-vos sempre e (se podo, como espero) intercederei por vós

-ás 5 e 1/4

Comentarios desactivados en Cartas de Alexandre Bóveda na madrugada do fusilamento [17-VIII-1936]

Mai 25 2016

Lembranza de Manuel Caamaño Devesa, un case descoñecido poeta da emigración

Dicionario1

Tal día coma hoxe do ano 1928, a revista Céltiga, que se pode consultar nos Fondos documentais do Consello da Cultura Galega, publica unha semblanza biobibliográfica do poeta Manuel Caamaño Devesa, soterrado o domingo 13 de maio dese ano no cemiterio do Cerro (Montevideo), logo de falecer de forma tráxica. Na crónica intitulada «El homenaje de la “Peña Céltiga” al poeta Caamaño» (Céltiga, nº 82, Bos Aires, 25 de maio de 1928) afírmase:

«Cuanto sabemos de su vida, es por intermedio de Zapata García, su íntimo amigo y hermano en espíritu. El mismo Zapata nos ha proporcionado una serie de composiciones —publicadas e inéditas— de Caamaño, en las que si no se ve la labor de un genio, por lo menos resalta la expresión de un temperamento fuerte que a veces —y no pocas, por cierto— alcanza un hondo sentido emocional, tan propio de los poetas que teniendo mucho corazón, buscan en el dolor la cantera de su arte. (…)»

Así pois, Antón Zapata García foi quen deu a coñecer a nova á colonia galega na Arxentina, dado que os unía unha forte amizade por razóns de orixe, xa que aquel tamén nacera na localidade de Laxe, emigrando novo a terras uruguaias. É moi posible que esta nova lutuosa fose coñecida por Zapata durante a viaxe que nese mes de maio realizou, en compaña doutros “céltigos”, a Montevideo. Eduardo Blanco-Amor e Suárez Picallo foran convidados polo Centro Gallego de Montevideo para participaren no Terceiro Curso de Conferencias sobre Problemas Iberoamericanos, que tivo lugar o 27 de maio en Montevideo, e estiveron acompañados por unha delegación dos “céltigos” de Bos Aires, integrada por Manuel Oliveira, Domingo Rial Seijo e o propio Zapata García.

Poucos máis datos sabemos a día de hoxe do poeta Manuel Caamaño Devesa. O filólogo e investigador Xosé María Rei Lema no seu imprescindible Dicionario de escritoras e escritores da Costa da Morte (2011) escribiu a súa biografía que reproducimos deseguida, ao tempo que lle testemuñamos o agradecemento pola licenza para o divulgar nesta bitácora.

«Manuel Caamaño Devesa (Laxe, 1879 – Montevideo, 1928) é outro dos nosos poetas da emigración, neste caso riopratense. Da súa vida pouco se sabe. Segundo Álvaro de las Casas (Antología de poetas gallegos; 1939), era mariñeiro e pesador de carbón no porto de Bos Aires. Pero debeu compartir residencia entre a capital arxentina e Montevideo, se nos atemos á datación dos poemas. Así sabemos que “Horfa” foi composto en Bos Aires en marzo de 1914, pero foron escritos no Cerro-Montevideo “¡Fisterráns!” en 1918, “Íntema” e “A compra dun faco na feira de Baio” en 1927. Polo tanto poderíase pensar que polo menos nos últimos dez anos da súa vida residiu no Uruguai, a pesar de que mantiña unha importante comunicación co outro lado do río da Prata como o demostra o feito de que publicaba os seus poemas alí.

E falando da súa poesía, Álvaro de las Casas dinos que publicou un pequeno opúsculo de poemas titulado Marisqueiras, do que nada se sabe. Os poemas que coñecemos del son os editados nas distintas revistas e periódicos da colectividade emigrada na Arxentina; algúns deles viron a luz postumamente grazas ao seu amigo e veciño Antón Zapata. Nestes poucos poemas obsérvase que se trata dun poeta de certo valor, coidadoso das artes métricas, da rima e do número de sílabas, tendo composicións tan complicadas coma os sonetos ou as décimas, afastándose da poesía de tipo popular. Entre os temas que aborda destaca o mar, o mundo dos mariñeiros, o seu mundo; mais tamén toca os temas sentimental ou a crítica social.

Obra individual:

Marisqueiras (d.d.)»

O propio Xosé María Rei Lema compilou os poemas da súa autoría que se publicaron nas obras colectivas Namorados da Costa da Morte (Cee: Concello / Asociación Neria, 2001) ou Textos literarios sobre a Costa da Morte (Vimianzo: Semescom, 2011) e a antoloxía De Pondal ao Batallón Literario (120 anos de poesía na Costa da Morte) (Santiago de Compostela: Sotelo Blanco, 2009), esta última coordinada polo poeta Modesto Fraga e eu propio.

Dos escasos textos de Manuel Caamaño Devesa que se conservan velaquí vai o poema «A nosa fala», un tríptico de sonetos que mestura a autobiografía e a vindicación do noso idioma.

A NOSA FALA

I

En ti vin o mundo, Galiza querida,
n-un povo pequeno da veira do mar,
onde a fera onda, n-as praias rompida,
parés que remeda teu doce falar.

A fala mimosa, soave e garrida,
tan branda e suidosa para pronuncear,
¿por qué os teus artistas non lle dan cabida
e aprausos na allea van inda buscar?

Benditos seades, Santa Rosalía,
Pondal, Añon, Curros, Labarta e Murguía,
apóstoles todos da fala galega,

-subrime lingoaxe, todo poesía–
vaia hastra vosoutros miña homilde prega:
– Benditos seades, ¡sin vos morrería!…

II

¿Non quixeron matal-a en nós, xa de pequenos,
-cando arrentes sete anos teríamos- na escola,
impóndonos a forza a castelana sóla,
por un mestre galego? ¡Se fora alleo o menos!,

inda lle perdoáramos eu e máis muitos nenos
que nos fixemos homes e temos na cachola
a nosa verba santa e, outa, habemos pola,
sin alcumar as outras, con nobreza, serenos.

E sin tirarlle méretos a lingoa de Cervantes,
falemos ben a nosa, porque debe ser antes
tamén ademitida na escola de Galiza,

e pra muitos “gallegos” – ¡inda os hai vergonzantes! –
que a lingoa nai desprezan, n-eles pido xustiza:
¡a pauliña da bulra, por pillos e inorantes!…

III

¡Ben quixeran matal-a, pro non morre!
Novos apóstes ten que lle dan vida.
¿Non anda n-os papés máis estendida
e n-éles imprentada o mundo corre?

¿Onde queira que vaia, n-hai galegos
dos que medo non ten pra defendel-a,
e, pol-a persuazón, han de impoñel-a
a eses desleigados que están cegos

pra léla nos papés, xordos pra ouvil-a?
O mesmo n-as aldeias que na vila,
farémol-a trunfar, pese a quen pese,

pois bos apóstes ten pra redimil-a
e, por ser cousa nosa, me parece
que temos o deber de preferil-a!

Comentarios desactivados en Lembranza de Manuel Caamaño Devesa, un case descoñecido poeta da emigración

Mai 18 2016

Gonzalo López Abente, «o poeta do mar» das Irmandades da Fala

Abente01

A pedimento de Miguel Anxo Seixas Seoane, coordinador do proxecto «Álbum das Irmandades da Fala» para o Consello da Cultura Galega, elaborei a entrada relativa a Gonzalo López Abente, que polo de agora aínda non se viu publicou na rede. A día de hoxe tan só viron a luz as anotacións sobre Antón Villar Ponte, Ramón Villar Ponte (as dúas elaboradas por Emilio Xosé Ínsua López), Ramón Fernández Mato (elaborada por Prudencio Viveiro), Roberto Blanco Torres e Asun Sóñora (estas dúas últimas elaboradas por Juan Luis Blanco).

Hoxe, no centenario no nacemento da primeira «Hirmandá de Amigo da Fala» na Coruña, aproveito para adiantar a miña colaboración nese «Álbum das Irmandades da Fala».

GONZALO LÓPEZ ABENTE, O POETA DO MAR

Resumo:

Biobliografía de Gonzalo López Abente (Muxía, 24 de marzo de 1878 – 23 de xullo de 1963), coñecido polos seus coetáneos como «o poeta do mar», con especial relevo na súa relación coas Irmandades da Fala.

Gonzalo Francisco López Abente naceu en Muxía segundo confesa en carta a seu curmán Horacio Bermúdez Abente, que a reproduce no limiar á obra póstuma Decrúa (1966): “… un día coma hoxe 24 de marzal do ano 1878 ás catro da serán, que cadrou en domingo, con feira en San Isidro, abrín os ollos á vida e pola fiestra da casa do Cabo da Grixa en que moraban meus pais, ollei craramente un outo cruceiro e que no seu cume agoniaba un mártir cos brazos en crús. Aquel día escoitei a rapsodia máis subrime e fíxeme segrel. Pillei un laúde e con ele ao lombo boteime a cantare polo mundo adiante…”. Seu pai, Francisco López García, foi alcalde de Muxía e xefe local do Partido Liberal. E súa nai, Xulia Abente Lago, era filla do médico Leandro Abente Chans, irmán da nai de Eduardo Pondal.

Estuda en Santiago, como conta Otero Pedrayo: “ós nove anos levárono a Compostela a se dispór pra o Bacherelato que enteirou ós 15 anos o 22 do san Xoán do 1893”, e remata Dereito con 21 anos, o 20 de xuño de 1899. Regresa a Muxía para traballar nunha entidade bancaria e a súa sinatura faise habitual na prensa comarcal e local, El Celta de Corcubión e El Eco de Mugía. Periódico independiente, defensor de los intereses generales del partido judicial de Corcubión, do que foi director-propietario.

Casou o 20 de setembro de 1909 coa súa curmá Balbina Abente Myszkovski, filla de Victorino Abente Lago, que emigrou ao Paraguai onde é considerado poeta nacional. Enviuvou ao ano no primeiro parto da súa muller, que falece, con 26 anos, o 12 de setembro de 1910.

Na altura principiou a colaborar con moitas revistas e xornais da prensa galega e da emigración (Arxentina, Cuba, Uruguai…), con versos que farán parte de Escumas da ribeira (1911?) e Alento da raza (1917?). Tamén publica as novelas O diputado por Beiramar (1919), que foi primeiro premio do certame de narrativa convocado por A Nosa Terra, editada como primeiro volume da “Bibrioteca Galeguista” das Irmandades da Fala, O escándalo (1920) e O novo xuez (1922).

O 11 de marzo de 1917 participa no enterro multitudinario de Eduardo Pondal Abente, presidindo o dó xunto aos representantes da RAG, o seu presidente Murguía e os académicos Martínez Salazar, Riguera Montero e Ponte y Blanco, e o alcalde coruñés, Manuel Casás.

En 1918 a RAG vaino nomear académico correspondente, como figura no título exposto na Casa das Beiras de Muxía, sé da Fundación López Abente, e que di: “Esta corporación en sesión del día 20 de Diciembre de 1918 nombró Académico Correspondiente a D. Gonzalo López Abente. Y en vista de este acuerdo se le expide el presente título en la ciudad de La Coruña a los 22 días del mes de Enero de 1919”. Asinan o presidente accidental, Francisco Tettamancy, e o secretario, Eugenio Tarel.

Participa nos movementos nacionalistas políticos e culturais, uníndose á acta de constitución da “Hirmandá de Amigos da Fala” (A Coruña, 18 de maio de 1916) e colabora no seu órgano de expresión, A Nosa Terra. López Abente representa á bisbarra nas Asembleas Nazonalistas, sendo un dos asinantes das conclusións da I Asemblea (Lugo, 17-18 de novembro de 1918). Nas publicacións galeguistas aparece como representante en Muxía da Irmandade Nazonalista Galega (ING) constituída en 1922. Está entre os “irmáns galeguistas” que colaboran economicamente para a creación de futuras «Escolas do Insiño Galego» (A Nosa Terra, 192, 12-9-1923) ou para crear unha biblioteca galeguista: “O notabre poeta López Abente, enviounos tamén os seus preciados tomos de versos «Escumas da Riveira» e «Alento de Raza»” («Biblioteca da Irmandade», A Nosa Terra, 194, 1-11-1923).

Na ditadura primorriverista atopa refuxio na creación, cos relatos Buserana (1925), Fuxidos (1926) e Vaosilveiro (1929), anunciado na derradeira páxina de Alento da raza co título Os fidalgos de Vaosilveiro, así como os poemarios Do Outono (1924), anunciado co título Froles d’Outono. Sonetos, ademais de Nemancos (1929) e a obra de teatro María Rosa (1928), subtitulada “Comedia en dous pasos”, escrita moito antes, pois foi estreada o 20 de febreiro do 1921 polo grupo teatral do “Cadro de Declamación” das Irmandades da Fala da Coruña.

Ingresa no Seminario de Estudos Galegos (SEG) con Ramón Cabanillas, Noriega Varela e Victoriano Taibo, nunha cerimonia que relata así Otero Pedrayo: “O ingreso de López Abente no Seminario de Estudos Galegos fíxose co de os outros xa nomeados grandes poetas o 14 de marzal de 1926 no vello e simpático salón de aítos da Sociedade Económica de aquila aínda istalado no Colexio San Clemente. Non poideron concorrirre Cabanillas, nin Noriega. Lembramos cada intre de aquila sesión. Hastra o efeito nalgús espritos de poemas de López Abente cecáis pra iles soantes ó metal panteista de Lucrecio”.

Vicente Risco en 1928 facía este retrato: “É un home estraño, calado e serio, cunha cortesía exquisita de gran señor. Ten viajado moito, estivo na América e percorreu case todo o Norte da Europa. Poida que aínda teña estado en máis sitios, mais non se sabe, pois il raramente fala dos seus viajes. Vive en Mugia, frente ao imenso Atlántico, e é o millor poeta do mar”.

Participa na VI Asemblea das Irmandades na Coruña, coa delegación de Muxía, segundo informa El Orzán (27-IV-1930) e meses despois figura entre os asinantes da creación do Partido Galeguista o 5 e 6 de decembro do 1931 en Pontevedra.

No Día da Patria Galega, 25 de xullo, do 1934 asiste á recepción de Castelao como membro da RAG, e o 24 de xullo de 1935 á homenaxe a Curros Enríquez perante o seu monumento n’A Coruña, na que falaron Plácido Castro, Antón Villar Ponte, Núñez Búa, Bóveda, Castelao, Suárez Picallo, Víctor Casas, Álvarez Gallego, Otero Pedrayo, Iglesia Alvariño, Lugrís Freire, Sebastián González, Gómez Román, López Abente e Carballo Calero.

O 29 de marzo de 1936, no salón de sesións do Concello de Santiago, cedido polo alcalde republicano Ánxel Casal, Gonzalo López Abente foi elexido presidente da Asociación de Escritores de Galicia, nunha lista única elexida por aclamación.

O fotógrafo muxián Ramón Caamaño, cronista gráfico da historia da Costa da Morte, fotografouno arengando aos seus veciños no Cabo da Vila na campaña a prol do Estatuto de Autonomía de 1936.

A sublevación militar contra o goberno democrático da II República provoca a depuración do poeta da súa vida laboral. Este documento foi exhumado por Luís Lamela García en Estampas de injusticia. La guerra civil del 36 en A Coruña y los documentos originados en la represión (1998).

O franquismo silenciou durante varios anos a López Abente que se refuxia, coma outros galeguistas, na creación literaria. Otero Pedrayo escribe “Tiña amor pola Academia pra a que foi eleito o 8 do Nadal de 1940. Tomou posesión o 27 do Sant-Iago de 1941 e correspondeulle a cadeira 16 dinantes ocupada por un ilustre devanceiro de semellantes afinidades poéticas e de parexa terra mariñeira. Don Manuel Lugrís Freire finado o 15 do febreiro do 1940”. O seu discurso de ingreso como académico numerario, presentado no paraninfo da Universidade Literaria de Santiago, titulouse A terra e a poesía de Pondal e foi publicado póstumo pola RAG en 1965.

López Abente finou o 23 de xullo de 1963, aos 85 anos, na súa casa da rúa Virxe da Barca. Oito anos despois, o 17 de maio de 1971 a RAG dedícalle o Día das Letras Galegas e o acto académico en Muxía contou coa colaboración do Concello. No paseo do malecón, no xardín da Cruz, foi descuberto un monumento do escultor Andrés Barbazán, simbolizando unha muller mariñeira que leva un medallón coa efixie do poeta e a lenda “Ao esgrevio poeta Gonzalo López Abente. 1878-1963. Día das letras gallegas, 15-5-1971”. Tamén se presentou a publicación realizada pola Academia, con prólogo do seu presidente Sebastián Martínez-Risco e epílogo de Salvador Lorenzana (pseudónimo de Fernández del Riego), do libro de poemas inéditos Monza de frores bravas para Nosa Señora da Barca. Nesas datas, Galaxia reedita O novo xuez, cun breve limiar biobibliográfico. Carballo Calero e Otero Pedrayo escriben senllos artigos de homenaxe que publican a Universidade de Santiago e o Boletín da RAG.

Trinta anos despois, o 29 de xaneiro de 2011 naceu en Muxía a Fundación Gonzalo López Abente para divulgar a súa obra. De feito xa recuperou o seu libro inédito Bretemada (2011), mecanoscrito datado entre 1917-1922, reeditou a súa Narrativa mariña (2012) e compilou a súa Poesía Completa (2013), alén de convocar un Premio de Poesía co seu nome, realizar unidades didácticas, roteiros e outras actividades.

Comentarios desactivados en Gonzalo López Abente, «o poeta do mar» das Irmandades da Fala

Mai 11 2016

«12 de setembro do 36», un soneto inédito para Verbo na Arria, libro colectivo na memoria de Xohán Xesús González


(Booktrailer de Verbo na Arria, elaborado por Quinteiro do Umia)

Diversos problemas na edición, que non veñen agora a conto, retrasaron até este mes de maio o lanzamento do libro colectivo de homenaxe ao avogado, mestre, xornalista, político e escritor Xohán Xesús González (nado en Sebil, parroquia de Cequeril – Cuntis), o 9 de novembro de 1895 e asasinado -finado, di a Galipedia– en Compostela o 12 de setembro de 1936). Nese volume intitulado Verbo na Arria, que editou a A. C. O Fervedoiro, colaboro xunto a moitas outras voces, no meu caso a pedimento do infatigable amigo Héitor Picallo, convocatoria á que respondín co soneto «12 de setembro do 36», escrito ad hoc en maio de 2009 e inédito ata agora.

A publicación foi presentada o pasado sábado e non puiden estar nela porque nese mesmo día estaba a participar como discente na Xornada Manuel María, que organizou o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) na Casa de Hortas de Outeiro de Rei, hoxe Casa-Museo Manuel María.

Porén, reproduzo o convite público que fixo a entidade convocante, xa que explica moi ben toda a longa xénese deste fermoso proxecto, e finalmente reproduzo tamén o meu poema.

A Asociación Cultural O FERVEDOIRO e a súa sección ACUDE ALÍ (Acción Cultural na Defensa da Lingua) comprácese en convidalas/os á presentación do libro homenaxe a Xohán Xesús González titulado Verbo na Arria. Nel –ademais de facermos un repaso pola vida, obra, creacións culturais e políticas dese personaxe cuntiense– medio cento de persoas entregan as súas achegas para lembrar os 120 anos do nacemento do canteiro, mestre, xornalista, escritor e político que foi quen de protexer Compostela –xunto co Terzo de Calo– no levantamento fascista de 1936. O libro, aínda que rematado o pasado ano, imprímese no actual, polo que debemos consideralo unha obra de 2015 (tal e como aparece no ISBN).

Todos os apartados do libro están rotulados no Verbo Xido (fala gremial dos arghinas ou canteiros) pois, como se sinalou, Xohán Xesús González pertenceu a ese gremio de traballadores da pedra.

Moitas foron as entidades que colaboraron –dun ou doutro xeito– nesta obra,  facilitándonos a reprodución de materiais dos seus fondos documentais ou achegando axudas e/ou orientacións: A Faculdade de Letras da Universidade de Coimbra, a Biblioteca Penzol (Vigo), o Seminario de Estudos Galegos (Compostela) a Biblioteca Xeral da USC, a Biblioteca de Xeografía e Historia (USC) e o Arquivo Histórico Universitario de Santiago de Compostela; o Museo de Pontevedra, o Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal e o Arquivo do EuskoTren / Burnibidearen Euskal Museoa. Tamén colaboran os concellos de Cuntis (municipio no que nace Xohán Xesús González) e Compostela (no que falece). Tampouco nos podemos esquecer de edicións Nympharum, a Asociación Cultural O Meigallo e o proxecto comunicativo O Quinteiro do Umia.

Esta obra, publicada a toda cor, sae dende o tórculo de Edicións Fervenza e conta cunha marabillosa maquetación realizada por Martiño Picallo quen, a parte, e autor dalgúns textos. Coordinada pola asociación O Fervedoiro, Verbo na Arria comezou a se forxar no ano 2009, cando este colectivo lle rende unha homenaxe poética a Xohán Xesús González e inaugura unha exposición antolóxica sobre del. Sete anos máis tarde, e logo de teren colaborado algo así como cen persoas, sae á luz Verbo na Arria, que conta cun limiar de Marcos Seixo (un dos biógrafos de Xohán Xesús González), cunha lámina do artista Manuel Fragoso, e unha maré de medio cento de poetas que participaron coas súas propias composicións: Vicente Araguas, Maka Arca, Olimpio Arca Caldas, Romina Bal, Helen E. Bertels, Ramón Blanco, Marica Campo, Marta Dacosta, Manoele de Felisa, Suso Díaz, Luz Fandiño, Xoán Xosé Fernández Abella, Baia Fernández de la Torre, Modesto Fraga, Xosé Lois García, Fuco Gómez Fontes, Fernando González Graña, Baldomero Iglesias, Yolanda López, Xulio López Valcárcel, Miguel Louzao Outeiro, Xosé Luna, Xosé Luís Méndez Ferrín, Vanessa Míguez Bouzas, Alexandre Nerium, Ramón Neto, Lucía Novas Garrido, David Otero, Seném Outeiro, Carlos Penela, Héitor Picallo, Martiño Picallo Fontes, Xavier Queipo, Xesús Rábade Paredes, Lorena Rei Noia, Eli Ríos, Elvira Riveiro Tobío, Lara Rozados, Susana Sánchez Aríns, Xosé Luís Santos Cabana, Uxía Seixo, Nieves Soutelo, Diana Varela Puñal, Xosé Vázquez Pintor, Rocío Viéitez, Ramón Vilar Landeira, Miro Villar, Helena Villar Janeiro e Ana Vispo.

Tamén se reproducen tres composicións que se lle dedican a Xohán Xesús González en vida: unha do seu amigo e conterráneo Manuel Mesejo Campos, outra José Márquez Peña e a última de Ramón Martínez López.

A presentación terá lugar o vindeiro sábado día 7 de maio, na casa da Cultura Roberto Blanco Torres de Cuntis (Pontevedra), ás 20:30 horas. Nela teremos ocasión de visualizar en primicia o book-trailer que sobre a vida de Xohán Xesús crearon as compañeiras e compañeiros do Quinteiro, proxecto comunicativo da comarca do Umia. Durante cinco meses e coa participación de ducias de veciñas e veciños de toda a comarca, desenvolveuse unha rodaxe atípica con respecto aos traballos habituais do colectivo. O emprego de planos aéreos mediante drones, de planos en movemento e de efectos dixitais na posprodución sinalan o pulo cara a unha maior calidade e tamén o apoio desinteresado de empresas audiovisuais amigas que o fixeron posible. Un traballo que terá a sua continuidade nun documental específico e que pretende mergullarnos na vida e no tempo de Xohán Xesús González.

Ademais, tamén se ha colocar a exposición Xohán Xesús González: Porta dun Futuro Proletario.

(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
XXGVerbonaarria
VerbonaArria

Foron de noite.
Foron por ti de noite
Como foron por Alexandre. Foron de noite.

ANTÓN AVILÉS DE TARAMANCOS

12 DE SETEMBRO DO 36

Xohán Xesús González e os do Terzo de Calo,
que voastes no vento pola cidade vella
a chamada insurrecta da bandeira vermella,
xa non escoitaredes no albor cantar o galo,

xa non escoitaredes das campás o badalo,
xa non escoitaredes terra fértil na rella,
xa non escoitaredes auga limpa na sella,
xa non escoitaredes a tarde no devalo.

Nos muros de Boisaca disparos de fusil
unha ferida voz de sangre fan que agrome
no corazón da terra labrega de Sebil.

Na mudez do epitafio, no silencio sen nome,
a lousa do canteiro é fría en Cequeril,
mais debaixo da pedra xace a razón dun home.

Comentarios desactivados en «12 de setembro do 36», un soneto inédito para Verbo na Arria, libro colectivo na memoria de Xohán Xesús González

Mar 29 2016

Gonzalo López Abente na presidencia da Asociación de Escritores Galegos (Concello de Santiago de Compostela, 1936)

Almanaque01
Almanaque02
(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

O mes de marzo ten varios motivos de recordación na biografía e na obra do académico e escritor muxián Gonzalo López Abente. Dous deles foron ben lembrados no excelente «O Almanaque das Irmandades», que puxeron en andamento a coruñesa A. C. Alexandre Bóveda e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), concretamente na súa efeméride do 24 de marzo, 138 aniversario do seu nacemento, e tamén na súa de hoxe, que lembra a súa breve presidencia da Asociación de Escritores de Galicia en 1936.

Na Introdución que preparei para a edición do libro de poemas, daquela aínda inédito, Bretemada de Gonzalo López Abente, que coeditaron a Fundación Gonzalo López Abente e Alvarellos Editora escribín sobre eses dous acontecementos:

(nacemento)

Gonzalo Francisco López Abente naceu na en Muxía segundo conta nunha das cartas dirixida ó seu curmán Horacio Bermúdez Abente, que a reproduce no prólogo á edición de Decrúa (1966): “… un día coma hoxe 24 de marzal do ano 1878 ás catro da serán, que cadrou en domingo, con feira en San Isidro, abrín os ollos á vida e pola fiestra da casa do Cabo da Grixa en que moraban meus pais, ollei craramente un outo cruceiro e que no seu cume agoniaba un mártir cos brazos en crús. Aquel día escoitei a rapsodia máis subrime e fíxeme segrel. Pillei un laúde e con ele ao lombo boteime a cantare polo mundo adiante…”.

Seu pai, Francisco López García, capitán da mariña mercante ao que se lle concedeu ao retirarse o grao honorario de tenente de navío, foi durante varios anos alcalde de Muxía e durante dúas décadas o xefe do Partido Liberal na localidade. E súa nai, Xulia Abente Lago, era filla do prestixioso médico Leandro Abente Chans, irmán da nai do poeta Eduardo Pondal, polo que os dous autores tiñan parentesco.

(presidencia da AEG)

O 29 de marzo de 1936, no salón de sesións do Concello de Santiago, local cedido polo alcalde republicano Ánxel Casal, Gonzalo López Abente foi elexido presidente da Asociación de Escritores de Galicia, nunha lista única que foi elexida por aclamación. Na revista Nós (núm. 139-144, xullo-nadal, 1936), número que non chegou a distribuirse, asina xunto a Álvaro de las Casas, como presidente e secretario da Asociación de Escritores de Galicia respectivamente, unha convocatoria de homenaxe a Casal, mantedor da publicación na súa etapa máis difícil. Poucos anos antes, en 1931, aínda aparece como presidente dun primeiro xermolo da AEG, que non ticvo actividade, Ramón Otero Pedrayo, e con Álvaro de las Casas tamén na secretaría, Abente nin sequera formaba parte da súa Xunta Directiva.

(outros acontecementos)

Porén aínda hai outros acontecementos importantes neste mes de marzo na biografía abentiana.

En 1917 a prensa recolle a súa participación o día 11 de marzo no enterro multitudinario de Eduardo Pondal Abente, ao que acode en representación da familia, xunto a Balboa e a Lastres, e presidindo o duelo xunto aos representantes da RAG, o seu presidente Murguía e os académicos Martínez Salazar, Riguera Montero e Ponte y Blanco canda as autoridades municipais en pleno co alcalde, Manuel Casás, á cabeza da comitiva.

O xornal coruñés La Voz de Galicia, do 4 de marzo do 1903, dá conta da aparición do primeiro número de El Eco de Mugía e sinala que Gonzalo López Abente é o seu director. El Eco de Mugía. Periódico independiente, defensor de los intereses generales del partido judicial de Corcubión, foi un xornal vencellado ao Partido Liberal e do que se conservan escasos números. Nun deles (núm. 21, do 13 de setembro do 1903) publícase o poema “Mugía” e noutro posterior (núm. 42, do 15 de xullo do 1904) aparece unha nota de pésame dirixida ao seu director-propietario Gonzalo López Abente polo falecemento da súa nai Julia Abente Lago uns días antes, o 8 de xullo.

Tamén en marzo, do ano 1924, principiou a exercer como xuía municipal suplente. Na primeira época da revista Vida Gallega, nunha sección chamada “La cultura en nuestros pueblos” adicada a Muxía, no ano 1914, aparece unha fotografía de Gonzalo López Abente co seguinte pé “Avogado e Xuíz Municipal”, aínda que cos datos que manexamos non exerceu de avogado colexiado e foi xuíz municipal suplente desde marzo de 1924 a xuño de 1928 e esporadicamente durante os anos 1935-1936.

El Despertar Gallego, núm. 83, Bos Aires, 1 de setembro do 1926, publica unha entrevista que lle realiza o poeta Julio Sigüenza baixo o título: “Artistas gallegos. Gonzalo López Abente. Juez a la manera de Salomón. La romanza del mar. Cómo debe ser la poesía gallega”; que se inicia coa descrición do entrevistado:

“Entre los poetas invitados por la ‘Reunión de Artesanos’ de La Coruña para celebrar el mes de la poesía gallega, Gonzalo López Abente fué uno de los más celebrados y aplaudidos. Acababa de imprimir su último libro ‘D’Outono‘, cuando se decidió a venir a la Capital de Galicia. Me lo presentó Antonio Villar Ponte, en el Café América, una tarde de lluvia y de frío, en vísperas del recital.

Gonzalo López Abente es fuerte y robusto ¡y no habla mal de nadie! No tiene hiel. Es juez en Mugía, su pueblo, y procuró hacer la justicia lo menos legal posible. Es una especie de Salomón gallego, a donde concurren los labriegos y pescadores, mariñáns llenos de fe, y sabiendo de antemano que el que lleve la justicia ha de salir triunfador. Seguramente es el único juez gallego digno de un monumento. Aun hay justicia en Mugía!…

Habla despacio, pausadamente, y cada vez que recibe una pregunta mira a su interior para responder acertadamente. A pesar de su porte y maneras ciudadanas, se ve en él algo, tal vez su enorme bondad, que le delata fácilmente como hombre de campo, rural…”.

Por último, o seu activismo cultural concrétase coa súa entrada no Seminario de Estudos Galegos (SEG), conxuntamente con Ramón Cabanillas, Noriega Varela e Victoriano Taibo, nunha cerimonia que relata así Otero Pedrayo:

“O ingreso de López Abente no Seminario de Estudos Galegos fíxose co de os outros xa nomeados grandes poetas o 14 de marzal de 1926 no vello e simpático salón de aítos da Sociedade Económica de aquila aínda istalado no Colexio San Clemente. Non poideron concorrirre Cabanillas, nin Noriega. Lembramos cada intre de aquila sesión. Hastra o efeito nalgús espritos de poemas de López Abente cecáis pra iles soantes ó metal panteista de Lucrecio”.

O investigador Alfonso Mato no seu estudo O Seminario de Estudos Galegos na documentación que garda o Instituto Padre Sarmiento (2001) publica unha foto de socios e colaboradores do SEG na IIª Xuntanza Xeral da Institución, celebrada en Santiago de Compostela, no Salón de Actos da Sociedade Económica, nese 14 de marzo de 1926, na que aparece López Abente. O seu ingreso faino cunha lectura de poemas. Eran máis habituais os discursos sobre aspectos culturais. Nunca ocupou cargos directivos e a súa actividade na entidade foi escasa. E na Biblioteca do SEG tan só figuraba a súa novela Vaosilveiro.

Comentarios desactivados en Gonzalo López Abente na presidencia da Asociación de Escritores Galegos (Concello de Santiago de Compostela, 1936)

Mar 07 2016

Tres poemas de Gonzalo López Abente na memoria de Manuel Curros Enríquez

CurrosEnríquez
(Retrato de Curros antes da sua viaxe á Habana, vía culturagalega.org, do Álbum da emigración do Consello da Cultura Galega)

Tal día coma hoxe, o 7 de marzo de 1908, Manuel Curros Enríquez morre na Habana. A biografía e a obra deste autor sobranceiro do Rexurdimento inflúen moito na creación literaria de Gonzalo López Abente, até o punto de ser explícita en tres poemas de diferentes épocas que lembran o maxisterio do autor celanovés sobre o escritor muxián que recollín na edición da súa Poesía Completa (Espiral maior, 2013, en coedición coa Fundación López Abente).

Cronoloxicamente, o primeiro deses poemas de López Abente de ton elexíaco intitúlase «A volta do bardo» e engade debaixo en cursiva Á chegada do cadavre / do gran Curros Enríquez. Apareceu na súa opera prima Escumas da ribeira, que se publicou na Imprenta de Juán Pérez Torres, en Madrid, sen data de edición. Soamente dous autores aventuran unha datación, Otero Pedrayo escribe “Seu primeiro libro Escumas da ribeira saiu no 1911 e dise que por a infruencia de don Xoaquin Arias de Miranda, cuia amisade decidiu ó calado poeta”, e Méndez Ferrín que o data dous anos despois con interrogante. Porén, a primeira recensión do libro que atopamos saíu na revista bonaerense La Voz de Galicia, núm 45, do 12 de setembro do 1914, da man de Conde de Cela, pseudónimo do xornalista e director de Suevia, Joaquín Pesqueira.

O segundo leva por título «Lembrando a Curros», que primeiro viu a luz no suplemento de El Noroeste, Terra a Nosa, 3. A Coruña, 28 de febreiro de 1919. Porén, non aparece en ningún libro até que se publica no apartado «Recobrados. Cuarta y última parte» do libro póstumo Decrúa, que se publicou na emigración tres anos despois do pasamento do autor muxián, con colofón no 11 de xullo do 1966, na bonaerense Imprenta López, e dentro das Edicións Muxía (1966), que dirixían o sobranceiro galeguista Arturo Cuadrado e o seu curmán Horacio Bermúdez Abente, este último escribe un pequeno prólogo que chama «Noticia» para xustificar a publicación das «cuartillas» orixinais que viñeran parar ás súas mans.

E en Nemancos, o último poemario de pre-guerra de López Abente, publicado na colección Nós, vol. XXVII, na Coruña (1929), aparece o longo poema «Unha oración», que leva esta introdución: A Curros Enríquez, no acto / da colocación da primeira pedra / do seu moimento en Celanova.

Con pequenas enmendas na lingua foi reproducido na antoloxía de varios autores Homenaje a Curros Enríquez en su centenario 1851-1951, A Coruña, setembro de 1951, e tamén na emigración arxentina na revista Galicia, Federación de Sociedades Gallegas, Bos Aires, 1159, 20 de outubro de 1951.

Velaquí desguida os tres poemas currosianos de Gonzalo López Abente:

A VOLTA DO BARDO

Á chegada do cadavre
do gran Curros Enríquez.

O espíritu quizáis d’homes barudos
que noutrora chegaron
tras do sol que constantes adouraron
e aquí, quedando pol-o asombro mudos,
axionllados viron
qu’os mares o enguliron;
o espíritu d’aqueles ascendentes
que soberbos erguiron
o tempro máis famoso
qu’ollaron as nereidas e as ondinas
dend’as augas ferventes
d’este mar proceloso,
latexa n-as ideas pelegrinas
que bulen n-a miñ’alma,
como bulen as brétomas n-a terra
y-os furores qu’encerra
en aparente calma
este mar que ademiro e que me aterra.
Idólatra do sol, nas altas penas,
com’aqueles abós, miro á oucidente;
mornas rayolas bícanme n-a frente
e corre fogo po-las miñas venas.
¡Negras sombras qu’a Pátria m’envolvedes
n-o mantelo loitoso
da noite aceda d’ilusións despida,
por min non esperedes
qu’o corazón impúlsame animoso
á seguir c’o desexo ao sol radioso,
imán da miña vida!
Se soupera cantar, se fora un bardo
qu’a y-arpa ll’arrincase docemente
as armonías que n-a y-alma gardo…
¡qué de cousas diría…! Tenramente,
com’o marmulo lánguido das brisas
e salayos d’amor
nacidos antre bágoas e sorrisas
d’un máxico sopor,
irían os preludios do meu canto
penetrando n-as almas delicadas
e crecendo, crecendo paseniño,
revolvería o niño
das lembranzas amadas,
e ao fin, bramando, a cántiga violenta
resoaría n-os peitos c’o espanto
que resoa n-os mares a tormenta
………………………………………………………..
………………………………………………………..

¡Ah! ¿Quén poide seguir ao pensamento?
Espíritus dos meus antepasados,
volvede á erguer conmigo outro moimento
com’o que foi guindado pol-o alento
dos mónstruos por cen anos agobiados.
¿Qu’é o que pasa, que as leis se cambëaron
da sabia Natureza…?
Sostédevos, penedos, co-a firmeza
que sempre en vos hacharon
os tombos d’este mar enfurecido,
porqu’eu perdo o sentido
e váiseme a cabeza…
Volve pr’atrás o sol. Aquel regueiro
de pálidas rayolas que s’adianta
pol-o azul feiticeiro
que dos mares ao ceo se levanta,
vai bordando unha franxa branca e pura
sobre o celeste tul
que cobixa esta terra sin ventura,
cal doce pabellón branco y-azul.
E ven pr’aquí; ¡máis cómo ven, Dios santo!
fermoso, si, pro branco com’a lua
y-en vez de fogo n-a mirada sua
da morte trai o tenebroso espanto.
E trai tamén a y-arpa pendurada
que fixo resoar con voz potente,
y-esa voz ha de ser eternamente
pol-os aires da terra conservada.

* * *

Erguede o tempro, espíritus, erguede
n-esta costa soberba
ond’o voso recordo se conserva;
á traballar volvede;
espíritus, movede
estas penas xigantes,
e un tempro, como d’antes,
n-un instante formado,
atope o sol amado
qu’espléndido onte foi par’oucidente
y-hoxe ven frío, pálido e sin vida
pra poder acougar eternamente
n-o brando seo da súa nai querida.

LEMBRANDO A CURROS

Hai vibracións de almas inmortás, sensibres,
que de cote voan no ambente da terra;
onde armoñosas, tremecentes, libres,
que rebeldes rolan predicando guerra
—guerra a os opresores, guerra â tiranía—
e que tamén rolan predicando amore
pro os asoballados que sofren a fría,
fatal coitelada do aceiro da dôre.

Poeta subrime das verbas ardentes
que o son meiguiceiro deixaches acó
de aquele “Nouturnio” baril, no que as xentes
entenden a o sapo que canta cro, cro.

Inda os “tangaraños” da patria son minguas
e crúas feridas, que leva na entrana,
e ainda esta fala é o Cristo das linguas
cravado no cume de esquiva montana.

Que refungue a tralla da tua xenreira,
poeta de verba baruda e adina,
contra dos cativos que ergueron bandeira
no esterio rezago dunha bailarina.

UNHA ORACIÓN

A Curros Enríquez, no acto
da colocación da primeira pedra
do seu moimento en Celanova.

Mestre:
Unha oración, unha sinxela
pregaria —avelaíña relucente
erguéndose a través do craro ambente
a morrer no fulgor de linda estrela.—

Oración de un devoto, de un de tantos
que hoxe te lembran no solar nativo…
Celanova feliz, grorioso arquivo
de poetas e santos.

Quen non puido facer pelengrinaxe
deica o teu santuario milagreiro,
prega homilde no seo silandeiro
do máis barudo galicián paraxe.

Tempro soberbo pra rezar. Bravía
costa pedregullenta
e un fero mar que alenta
con rexa rebeldía.

Escumas na rompente bruadora,
outos penedos, cabos atrevidos…
Grandiosa escena para os estalidos
da tua musa varil e loitadora.

Mestre:
Unha oración suba da terra,
—volvoreta no ouro da mañán—
rezada antre o balbor de Touriñán
na adusta soedade de Fisterra.

Comentarios desactivados en Tres poemas de Gonzalo López Abente na memoria de Manuel Curros Enríquez

« Prev - Next »