Banda deseñadaArchive for the '' Category

Out 28 2016

«Don Ramón del Valle Inclán y Montenegro», un poema de Antón Zapata

valleinclan-castelao-1912
(Caricatura de Valle-Inclán por Castelao, datada en 1912. Esta e moitas outras figuran recollidas no artigo «A icona Valle-Inclán» publicado no sitio web do Consello da Cultura Galega)

Este ano de 2016 é dobremente importante na biografía do dramaturgo, poeta e novelista, membro da española Xeración do 98, Ramón María del Valle-Inclán. De primeiras porque hoxe mesmo conmemórase o 150 aniversario do seu nacemento en Vilanova de Arousa o 28 de outubro de 1866 e tamén a principios deste ano foi o seu 80 cabodano pois faleceu en Santiago de Compostela o 5 de xaneiro de 1936.

O poeta Antón Zapata dedicoulle un singular poema, pois é o único «sonetillo» de versos trisílabos da literatura galega, que titulou «Don Ramón del Valle Inclán y Montenegro» e que apareceu no xornal Correo de Galicia (Bos Aires, nº 1325, 14 de xuño de 1931). Publicouse precedido dunha caricatura sen asinar de Valle-Inclán. Unha copia mecanografada do poema foille enviada a Filgueira Valverde para a súa fanada Escolma consultada de poesía galega de 1936. Nela o título é «Valinclán» e despois da rúbrica engade «1931».

No tocante ao contido sorprende o ton sarcástico de Antón Zapata, pois Valle-Inclán relacionouse cos galeguistas:

«Se falarmos da relaçom que Valle-Inclán mantivo com o galeguismo devemos constatar, por um lado, que a crítica tem sobradamente documentados os estreitos laços de amizade e admiraçom mútuas que Valle-Inclán mantivo com figuras míticas deste movimento, como Manuel Martínez Murguía (pai do regionalismo galego e amigo da família do escritor, quem havia de prologar o seu primeiro livro, Femeninas), Alfredo Brañas (máximo representante do galeguismo tradicionalista e profesor do Valle-Inclán estudante de Direito em Compostela) ou Daniel Rodríguez Castelao (fundador do Partido Galeguista em 1931, quem colaborou com Valle-Inclán em várias ocasions)». Cfr. Mascato Rey, Rosario (2005). «Valle-Inclán e a Galiza: um estado da questom». Actas do Ciclo de Conversas sobre Literatura Galega, que decorreu entre 15 de Abril e 4 de Maio de 2005, na Faculdade de Letras da Universidade de Lisboa.

Deseguida reproduzo o poema de Antón Zapata García que se pode ler tamén na miña tese de doutoramento, dirixida polo profesor Xesús Alonso Montero, cuxo título foi A poesía galega de Antón Zapata García. Edición e estudo, en acceso libre nesta páxina de poesiagalega.org, proxecto dirixido polo poeta e profesor Arturo Casas e no que traballa arreo o seu equipo do GAAP (Grupo Alea de Análise Poética). O traballo académico xa estaba a dispór de quen tivese interese na propia USC, aínda que nun espazo escasamente divulgado. E tamén en googlebooks, porén neste caso con moitas páxinas en branco como adoita suceder neste buscador. Velaquí:

DON RAMÓN DEL VALLE INCLÁN Y MONTENEGRO

Ramón
do Val,
nasón
barbal,

sen don
n-é tal
nin dual
brasón;

mais tên
un ben
sin par:

ó lêr,
facer
chorar!…

Comentarios desactivados en «Don Ramón del Valle Inclán y Montenegro», un poema de Antón Zapata

Abr 01 2016

«Canta bichería!», XVII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

SalonLibro2016

Hoxe abre o XVII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra que se celebra baixo o lema «Canta bichería!» e mañá, día 2 de abril, conmemórase o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil co fin de lembrar o nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, autor prolífico de contos infantís (e non só). No sitio web de Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) pódese ollar o cartaz do ilustrador brasileiro Ziraldo e ler a mensaxe da escritora tamén brasileira Luciana Sandroni para esta data.

Teremos oportunidade de nos achegar a este «Canta bichería!», XVII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, cuxo ben completo programa definitivo pódese consultar nesta ligazón, e onde supoño han estar nas exposicións a maioría dos sete títulos de literatura infanto-xuvenil que escribín, aínda que como xa contei aquí, o meu achegamento foi serodio e produciuse cando presentei o conto Carlota, a marmota que non podía durmir a un certame literario, sendo merecedor do XXIX Concurso Nacional de Contos Infantís convocado pola coruñesa A. C. O Facho en 1998, que tardaría aínda uns anos en ser ilustrado e publicado no catálogo de Xerais, no que na actualidade non aparece por se tratar dun libro esgotado hai anos.

Velaquí a miña amada «bichería»:
Carlota,amarmota
Carlotaeabota
Carlotaeagaivota

Unha marmota é a protagonista da triloxía Carlota, a marmota que non podía durmir (Xerais, 2000); Carlota e a bota perdida (Xerais, 2002) e Carlota e a gaivota patiamarela (Xerais, 2006), todos tres ilustrados por Luís Castro Enjamio. No primeiro a marmora dialoga con osos, castores, leiróns e esquío e no terceiro relaciónase cunha gaivota patiamarela.
cobiza

Unha chea de vermes bos ou malos protagonizan A cobiza do verme Noel (Galaxia, 2011), que ilustrou Marta Álvarez Miguéns.
Rebeliónnacharca01

E finalmente ras, sapos e tamén píntegas ou salamántigas enchen as páxinas de Rebelión na charca (Sotelo Blanco, 2012), que ilustrou Ana Santiso.

Comentarios desactivados en «Canta bichería!», XVII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

Feb 03 2016

Presentación do conto Non quero xogar ás agachadas coa lúa, de Estela Suárez Recouso e Héitor Picallo na Libraría Couceiro (xoves 4 de febreiro, 20:00 h.)

EstelaRecouso04
EstelaRecouso03
(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

Despois de se realizar en Sigüeiro – Oroso (velaquí a nosa crónica), pois a autora Estela Suárez Recouso é natural de Trasmonte nese concello, e en Cuntis, de onde é natural o ilustrador Héitor Picallo, mañá xoves 4 de febreiro, ás 20:00 h. na compostelá Libraría Couceiro estaremos no acto de presentación do conto Non quero xogar ás agachadas coa lúa (Edicións Fervenza).

O acto contará coas intervencións de Luís Rey Villaverde, concelleiro de cultura do concello de Oroso; eu propio; a poeta e mestra Lorena Rei e finalmente Estela Suárez Recouso, autora e Héitor Picallo, ilustrador.

Para todos nós ha ser un pracer contar convosco neste encontro literario.

Comentarios desactivados en Presentación do conto Non quero xogar ás agachadas coa lúa, de Estela Suárez Recouso e Héitor Picallo na Libraría Couceiro (xoves 4 de febreiro, 20:00 h.)

Dec 22 2015

Breve crónica da presentación de Non quero xogar ás agachadas coa lúa, conto infantil de Estela Suárez Recouso e Héitor Picallo

EstelaSuárezRecousoXII-2015
(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

As edicións dixital (nesta ligazón) e en papel do xornal La Voz de Galicia – Santiago publican unha breve nota acompañada da fotografía que reproduzo sobre a presentación este pasado venres 18 de decembro, no Centro Cultural Fernando de Casas e Novoa en Oroso, do conto infantil Non quero xogar ás agachadas coa lúa, de Estela Suárez Recouso e o ilustrador Héitor Picallo Fuentes, obra publicada por Edicións Fervenza coa colaboración do Concello de Oroso.

Na imaxe superior, de esquerda a dereita, o ilustrador Héitor Picallo, Estela Suárez Recouso, o alcalde de Oroso, Manuel Mirás e e eu propio. Finalmente, non interviron o responsable de Edicións FervenzaManuel Núñez, nin o cantautor Manoele de Felisa, este último por mor dunha doenza da que agardamos unha pronta melloría.

Cada un de nós fixo un breve relatorio no acto, que eu abrín lembrando o meu coñecemento da autora e do seu talento narrativo (como xa relatei nesta anotación), mentres que Héitor Picallo concretou o procerso de elaboración das ilustraciós, mais ambos e dous fixémoslle unha batería de preguntas á autora, para facermos máis levadeira a presentación, que Estela Suárez Recouso foi quen de respostar con desenvoltura e nas que se falou do proceso creativo, tanto literario coma audiovisual. A autora lembrou de maneira especial a súa nai, contadora de historias que nunca se repetían e a súa irmá, da que devoraba os libros mesmo que non fosen acaídos para a súa idade.

En poucos días, contra o final do ano, ha ser a terra do ilustrador, Cuntis, onde se celebrará un novo acto de presentación da obra.

Velaquí a breve nota xornalística que acompaña a fotografía:

Estreno literario de Estela Suárez. La escritora Estela Suárez, de Oroso, presentó su primera publicación, el cuento infantil Non quero xogar ás agachadas coa lúa. Estuvo arropada en el acto  por el alcalde, Manuel Mirás, el escritor Miro Villar y el ilustrador del libro, Héitor Picallo.

Namentres autora e ilustrador asinaban exemplares da obra, coma fixeron co meu que abaixo se reproduce, aproveitei para conversar co Técnico de Cultura do Concello de Oroso, Manuel Pazos Gómez, que tamén é membro da asociación cultural Obradoiro da Historia de Ordes, quen me ofreceu, e moito llo agradezo, as súas interesantes explicacións sobre a mostra que comisariou sobre o fotógrafo local Victorino Verea Montero, alén de me agasallar co catálogo da exposición e coa súa última obra de memoria publicada polo Obradoiro, A República da Berxa. Antonio Gómez Carneiro e o seu tempo (1899-1979), unha documentada investigación sobre a figura de quen fora alcalde republicano do concello de Mesía e que estivo preso en cárceres franquistas. Obrigado!

(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

EstelaSuárezRecouso01
EstelaSuárezRecouso02

One response so far

Dec 17 2015

Presentación de Non quero xogar ás agachadas coa lúa, conto infantil de Estela Suárez Recouso e Héitor Picallo

EstelaRecouso01
EstelaRecouso02
EstelaRecouso00
(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

Mañá terei o inmenso pracer de facer labores de padriño no lanzamento da primeira obra literaria, que non ha ser a última vaticino, dunha ex-miña alumna no IES de Oroso, Estela Suárez Recouso.

A autora e o ilustrador Héitor Picallo Fuentes presentarán este venres 18 de decembro, ás 20.00 h, no Centro Cultural Fernando de Casas e Novoa en Oroso, o conto infantil Non quero xogar ás agachadas coa lúa, publicada por Edicións Fervenza e coa colaboración do Concello de Oroso. Alén da autora e do ilustrador Héitor Picallo, tamén estarán o alcalde de Oroso, Manuel Mirás e o do responsable de Edicións Fervenza, Manuel Núñez. O acto rematará coa actuación do cantautor Manoele de Felisa que interpretará diversas cancións infantís.

Sendo o seu profesor xa advertín o talento narrativo de Estela Suárez Recouso, alumna daquela de 4º da ESO, e moito lle insistín para que tratase de canalizar as súas inquedanzas literarias. Adoito facer isto moitas veces no desenvolvemento da miña profesión, porén as respostas dese alumnado inquedo non sempre chegan a materializarse. Non foi o caso de Estela, quen me fixo chegar tempo despois a primeira versión do seu conto Non quero xogar ás agachadas coa lúa. Xa desde un primeiro momento crin que a narración merecía ter vida en papel impreso e fixen de ponte para que o amigo Héitor Picallo ilustrase a obra. Tempo despois o libro colleu corpo e volvín facer de ponte coas editoriais para lle procurar un oco no seu catálogo, algunha non se dignou en dar resposta (algo que fala da pouca profesionalidade do noso tecido editorial) e outras argumentaron diversos motivos para non aceptaren a publicación, até que Xosé Luna e Manuel Núñez, das Edicións da Fervenza, deron o si, mesmo con entusiasmo que lles teño que agradecer. E foi a editora quen procurou o apoio económico do Concello de Oroso para que finalmente aquel conto, despois dunha longa viaxe desde o mecanoscrito até hoxe, vexa a luz nunha coidada e magnífica edición. E como sinala a nota da editorial: «A historia céntrase na relación de amizade que establece a lúa e o protagonista, un cativo chamado Xan».

Tamén da nota da editorial reproduzo a síntese biobibliográfica da autora:

«Estela Súarez Recouso está licenciada en Filoloxía Galega e actualmente atópase estudando Pedagoxía. O seu primeiro certame literario gañouno na súa localidade natal, Oroso, en 1999 momento no que comezaría a súa andaina literaria, sucedéndose diversos premios en certames de narrativa e relatos curtos. Entre os últimos recoñecementos recibidos atópase o primeiro premio á mellor curta no V Certame de Curtas para Rosalía da ASPG e o segundo premio do III Concurso de Curtametraxes E ti que ves? de Adega; ambos neste ano 2015».

En efecto, da súa querencia e bo facer como guionista e directora de curtametraxes no proxecto audiovisual Seica Animación xa teño falado nesta anotación de bitácora, un traballo que procura novas linguaxes narrativas.

Desde aquí os meus parabéns, que hei partillar co público, a Estela Súarez Recouso por este delicioso conto que recomendo como agasallo de nadal para crianzas de todas as idades.

E velaquí finalmente dúas das ilustracións creadas por Héitor Picallo. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño.
EstelaRecouso-HéitorPicallo01
EstelaRecouso-HéitorPicallo02

One response so far

Xul 17 2015

«Pola economía do rural, loitemos polo sector lácteo!»

Defenderoleite

Este cadriño do sempre xenial Carrabouxo (Xosé Lois González Vázquez) serve a esta bitácora para se xuntar á manifestación nacional que percorrerá esta maña as rúas de Santiago de Compostela (desde o mediodía en Salgueiriños) para esixir solucións aos baixos prezos que están a percibir as explotacións gandeiras polo leite.

Na cabeceira desta manifestación nacional as organizacións convocantes levarán unha faixa sen siglas e coa lenda «Pola economía do rural, loitemos polo sector lácteo!», á que seguirá unha segunda faixa detrás da que irán as e os alcaldes dos concellos con explotacións gandeiras coa lenda «Os alcaldes galegos coa defensa do sector lácteo». Alí andaremos.

Comentarios desactivados en «Pola economía do rural, loitemos polo sector lácteo!»

Feb 10 2015

A pantasma da casa da Matanza na recomendación de Mercedes Queixas Zas para a revista Criaturas

MercedesQueixas
(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Criaturas. Revista dixital de literatura infantil e xuvenil é unha nova publicación que vén encher un baleiro enorme na crítica e na difusión da literatura galega nese tramo etario, sobre todo desde que no inverno de 2007/2008 vira a luz o nº 12 de Fadamorgana, que foi o derradeiro.

A coordinación de Criaturas está nas mans de Ledicia Costas e Daniel Landesa, que contan cunha pléiade de autoras e autores no seu Consello Editorial: Fran Alonso, Burghard Baltrusch, Carlos Nogueira, Nuria Díaz, Agustín Fernández Paz, María Jesús Fernández, Mar García Pérez, María Lado, Montse Pena Presas, Xabier P. Docampo, Mercedes Queixas Zas, Laura Sáez, Gracia Sanctórum e Miguel Vázquez Freire.

Polo de agora só publicaron un fermoso nº 0, que se pode descargar aquí de balde en formato pdf ou a través da plataforma de publicación dixital Issuu. Alén diso, a súa páxina web está estruturada en diferentes categorías e hoxe detereime na sección denominada #polomenosunlibro na que diferentes autoras e autores recomendan unha lectura, como a profesora e investigadora Mercedes Queixas Zas a quen moito lle agradecemos que escollese o noso A pantasma da casa da Matanza (Biblos, 2013), que ilustrou de xeito magnífico Xosé Cobas. Velaquí o texto da recomendación:

Mercedes Queixas Zas. Profesora de ensino medio, escritora e secretaria xeral da Asociaciación de Escritoras/es en lingua galega. Recoméndanos o libro A pantasma da casa da Matanza, de Miro Villar e Xosé Cobas (Biblos). Na imaxe sae con Mariña, quen nos quere recomendar Os Megatoxos, de Anxo Fariña (Edicións Xerais).

Sobre A pantasma da casa da Matanza: “Recoméndoo porque presenta, entrelazando unha estética ilustradora delicada e atraente cuns versos rítmicos moi ben levados, unha Casa da Matanza chea de vida en que a personificada Negra Sombra nos presenta a primeira Rosalía de Castro”.

Sobre Os Megatoxos: “Os Megatoxos é un libro, unha colección de libros que deixan a pel de galiña. Non é do tipo de libros en que a trama ou o nó empeza na páxina 140. Non, este libro dende o principio tenta para non deixar de lelo (e dígocho eu que só con ver a portada púxenme *).

Comentarios desactivados en A pantasma da casa da Matanza na recomendación de Mercedes Queixas Zas para a revista Criaturas

Feb 07 2015

E mañá ao mediodía vémonos na manifestación de Queremos Galego! en Compostela

Carrabouxo01
Carrabouxo02

Con estes dous cadriños do sempre magnífico Carrabouxo quero animarvos para vérmonos mañá, 8 de febreiro, unha data senlleira pois este día naceu na Ponte-Ceso o noso bardo Eduardo Pondal en 1835, hai 180 anos. Ao mediodía estaremos, máis unha vez, na manifestación que convoca a plataforma cidadá Queremos Galego!, desta volta co lema e o manifesto Polas fillas dos nosos fillos.

Non faltaremos, como adoito. Non hai máis que ollar esta imaxe, seica de maio de 1999, que Carlos Callón, ex-presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, divulgou no día de onte no seu twitter, onde aparezo baixo os paraugas detrás da xornalista Paula Castro (daquela no extinto A Nosa Terra) e de meu irmán Rafa Vilar, entre outras persoas.

(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
ManiLetras1999

Comentarios desactivados en E mañá ao mediodía vémonos na manifestación de Queremos Galego! en Compostela

Ago 14 2014

Feira do Libro ou mercado de zapatos

FeiradoLibro13-08-2013

(Artigo publicado na edición comarcal de Carballo, dixital e en papel, do xornal La Voz de Galicia)

Feira do Libro ou mercado de zapatos

Calquera persoa con sentidiño non podería imaxinar unha foliada ou unha verbena sen un grupo musical ou sen unha orquestra ou organizar unha festa do berberecho ou do longueirón só coas cunchas, pois ben esta xeira asistimos abraiados a unha Feira do Libro de Cee no que non haberá presentacións de libros e as actividades literarias ficaron reducidas ao excelente pregón do crítico e profesor Armando Requeixo (quen lembrou a súa primeira estadía na vila e rematou falando do poeta Díaz Castro, a quen se homenaxeou nas Letras Galegas), á presentación dunha revista da Universidade Cromática de Corcubión e a unha rolda de sinaturas que argallou de motu proprio a libraría Á lus do candil.

Ben sabemos que a parroquia lectora é pequena, ben sabemos que con certeza o pregón festeiro do televisivo Gayoso xuntou moita máis xente que toda a que percorrerá as casetas, mais autoras e autores, libreiras e libreiros e lectoras e lectores ben merecían o esforzo dun programa completo como o organizado o ano pasado, que daquela non dubidamos en parabenizar.

E mira que o tiñan doado só con botar man da creación da comarca, pois teñen novidades literarias Concha Blanco, María Canosa, Suso Bahamonde e Xosé Iglesias (todos catro de Cee), Suso Lista (Corme), Rivadulla Corcón (Muxía), Ramón Vilar Lavandeira (Cerceda), entre outros, aos que se podería xuntar a presentación da antoloxía sobre Evaristo Martelo editada na Ponteceso ou o último libro de contos de Xurxo Souto no que hai moita Costa da Morte.

Esta mañá principiou tamén a Feira do Libro de Viveiro, unha vila de tamaño semellante á nosa, coa presenza do dobre de casetas e, sobre todo, cunha programación paralela que inclúe, alén do pregón de Xurxo Souto, oito presentacións de libros, unha táboa de debate sobre novela histórica e unha contacontos infantil, para deste xeito dinamizaren a lectura e a presenza de público. Algo moi necesario para unha cultura que padece de maneira especial os rigores da crise económica.

E aquí a velas vir. Nos últimos tempos semellou instalarse na Costa da Morte a desidia e a nugalla, museos pechados ou que abren coa luz eléctrica cortada por impagamento, feiras do libro onde autoras e autores non poden dialogar co seu lectorado nas presentacións.

Andamos para atrás comas os cangrexos, e se cadra dirán que avanzamos.

Comentarios desactivados en Feira do Libro ou mercado de zapatos

Abr 23 2014

A pantasma da casa da Matanza no Galician Books for Children and Young Adults 2014



(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

Hoxe, 23 de abril, que é o Día Mundial do Libro (aínda que para min moito máis importante é tamén o 81 aniversario da miña nai, de delicada e fráxil saúde nesta altura) traio a esta bitácora a nova do catálogo trilingüe Galician Books for Children and Young Adults 2014, editado pola Secretaría Xeral de Cultura e mais GALIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil).

Este catálogo foi presentado a inicios de abril para se difundir na pasada Feira do Libro Infantil de Boloña coa idea de facilitar os intercambios internacionais das producións elaboradas polas editoras de nós.

A publicación recolle un total de 148 títulos do pasado ano, achegando os datos de autores/as, ilustradores/as, da editora e tamén unha sinopse en galego, castelán e inglés. Alén da súa edición en papel, tamén se pode acceder ao catálogo desde a propia páxina web da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Na páxina 24 deste catálogo Galician Books for Children and Young Adults 2014 aparece a ficha do meu conto rimado A pantasma da casa da Matanza (Biblos, 2013), ilustrado por Xosé Cobas, e deseguida reproduzo a sinopse en galego (na páxina tamén en castelán e inglés) que publican:

Miro Villar narra a historia dunha vagabunda “Negra sombra” á que lle gusta moito ler e que un día chega á casa da Matanza, derradeira morada de Rosalía de Castro, onde se vai deixar engaiolar deseguida coa musicalidade e o ritmo dos seus poemas. Presa deste feitizo, vai ficar agochada entre as demais sombras da casa, ata se converter na fonte de inspiración dos versos rosalianos adoito coñecidos con ese título, e que aínda hoxe agachan moitos enigmas para os especialistas na biografía e na obra da autora.

Alén da miña obra, tamén se recollen outras de autoras e autores da Costa da Morte:

Fadita fosca! (Baía Edicións), de Miguel Vázquez Freire (Corcubión, 1951)

Universo Pitágoras (Biblos), de Rocío Leira Castro (Cee, 1979)

Arlequino Viceversa (Edicións Embora), de Diana Varela Puñal (Corme-Ponteceso, 1981)

Quero que veñan meus pais! (Edicións Embora), de Concha Blanco (Lires-Cee, 1950)

Cos ollos do avó (Edicións Embora), de Concha Blanco (Lires-Cee, 1950)

Viaxes de inverno (Everest Galicia), de María Canosa (Cee, 1978)

E do lugués Xosé Miranda, que fai a Introdución e a Selección, tamén temos A vontade homérica. Antoloxía poética de Eduardo Pondal (Edicións Tambre).

Comentarios desactivados en A pantasma da casa da Matanza no Galician Books for Children and Young Adults 2014

Next »