AntoloxíasArchive for the '' Category

Feb 08 2018

Reclamo ou «Teaser» de promoción de Vértice de Versos, documentario de Carlos Lorenzo sobre as últimas xeracións poéticas de Galiza

Teaser de Vértice de Versos from Carlos Lorenzo Pérez on Vimeo.

Carlos Lorenzo Pérez, Técnico de Cultura do Concello de Carral, é o director, produtor e autor do guión, gravado pola cámara de Xosé Bocixa Rei, do documentario intitulado Vértice de Versos, en fase de lanzamento e que analiza polo miúdo e con varias entrevistas as últimas xeracións poéticas de Galiza.

Ambos e dous xa deran a coñecer outro documentario, do que falamos nesta anotación, que en pouco máis de media hora compilaba a historia dos primeiros XX anos do Premio de Poesía Concello de Carral realizando un repaso sobre as motivacións do seu nacemento, como se organiza, a súa evolución e a súa consolidación no panorama literario galego, alén das propias experiencias dos autores e autoras. A gravación está dispoñibilizada na rede a través da canle de youtube do propio certame literario (https://youtu.be/2wVp1xkzVoM).

O reclamo ou «Teaser» de promoción de Vértice de Versos pódese ollar a través de Vimeo e nos seus pouco máis de minutos, alén de imaxes sobre actos e libros do Batallón Literario da Costa da Morte e doutras iniciativas e publicacións poéticas dos éltimos tempos, recóllense reflexións de Yolanda Castaño, Dores Tembrás, Modesto Fraga, María Lado, Miguel Anxo Fernán-Vello, Rosalía Fernández Rial, Gonzalo Hermo, Ismael Ramos, Antía Otero e imaxes doutras e doutros poetas.

Velaquí a ficha técnica dun documentario que agardamos.

Carlos Lorenzo Pérez. Produción, guión e dirección
Xoán Curiel. Música orixinal
Manuel Macou. Edición
Xosé A. Bocixa. Cámara
Fran X. Rodríguez. Grafismos
Alfonso Camarero. Son
María Lires. Ilustracións
Enrique Moro. Etalonaxe

No responses yet

Xan 26 2018

Relatorio «Gonzalo López Abente, o “poeta do mar” das Irmandades da Fala», no volume No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos


(Premer no centro para ollar na pantalla completa)

Veño de dispoñibilizar en aberto a través de ISSUU o meu relatorio «Gonzalo López Abente, o “poeta do mar” das Irmandades da Fala», que está incluído no volume de autoría colectiva intitulado No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos e que recolle de maneira literaria a miña participación (da que xa se falou aquí) o martes, 13 de novembro, na Casa Galega da Cultura en Vigo nunha das xornadas do ciclo denominado co mesmo nome que o libro, unha das iniciativas organizadas pola Real Academia Galega para memorar o centenario da fundación das Irmandades da Fala.

O volume de 488 páxinas No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos foi publicado pola Sección de Literatura da propia Real Academia Galega, desta volta co apoio da Deputación de Pontevedra, e leva este colofón: «Este libro saíu do prelo o 20 de decembro de 2017, no cento dez aniversario da estrea do Himno galego na Habana».

A edición literaria é responsabilidade do académico Henrique Monteagudo e de María Dolores Sánchez Vales e leva un «Limiar» do presidente da entidade Víctor Fernández Freixanes e unha «Presentación. Fala, escrita e prelos» que asinan os compiladores, para presentar todas as achegas dos relatores e relatoras que protagonizaron no segundo semestre de 2016 as devanditas xornadas de estudo e divulgación, organizadas coa colaboración da Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, nun ciclo que durante diferentes datas chegou até as sete principais cidades do país e á vila de Viveiro, berce dos irmáns Villar Ponte.

Velaquí o Índice completo da publicación.

I. Oratoria e prosa non ficcional
A oratoria en galego antes e despois de 1916: problemática. Xesús Alonso Montero
A axencia político-cultural das Irmandades e a emerxencia de prácticas protoensaísticas na Galiza do seu tempo. Arturo Casas
No tempo das Irmandades: Ideas e debates sobre literatura na prosa non ficcional. Teresa López

II. Novos vieiros para a narrativa
A narrativa no proxecto das Irmandades ¿continuidade ou renovación? O caso da Coleccción Lar. Dolores Vilavedra
Liñas de sentido da narrativa curta das Irmandades. Algunhas calas. Ramón Nicolás
Da narrativa oral á costumista no tempo das Irmandades. Camiño Noia Campos

III. Un novo teatro galego
O proxecto das Irmandades da Fala para a modernización do teatro. Laura Tato
O teatro no tempo das Irmandades: espazo e identidade. Euloxio R. Ruibal
Fernando Osorio Docampo no programa teatral irmandiño. Carlos Caetano Biscainho

IV. Unha poética anovadora
As Irmandades da Fala e a renovación da lírica galega. Xosé Ramón Pena
A poesía do tempo das Irmandades na historiografía literaria galega. Chus Nogueira
Gonzalo López Abente, o «poeta do mar» das Irmandades da Fala. Miro Villar
O mito como ideoloxía: un poema inédito de Euxenio Montes para Manuel Antonio. Xosé Luís Axeitos

V. Reivindicación e modernización da lingua
Fagamos do cultivo do noso idioma unha relixión de homes dignos. Rosario Álvarez
Cataluña como referente para Galicia na loita polo recoñecemento da súa personalidade cultural e política. Antón Santamarina
O Seminario de Estudos Galegos: do cultivo do idioma (1923-1927) á codificación (1928-1936). Henrique Monteagudo

VI. A conquista do público
Comunicación e novas tecnoloxías. Víctor F. Freixanes
Irmandades da Fala: acción e novos obxectos. Margarita Ledo Andión
Buscando unha vitrina para o galeguismo. Xan Carballa
As irmás de A Nosa Terra. O voceiro das Irmandades acolle o alborexar das orimeiras mulleres do xornalismo. Carme Vidal

VII. Intelectuais, xornalistas, escritores
Antón Villar Ponte (1881-1936): un guieiro xeneroso e esforzado. Emilio Xosé Ínsua
O humanista galego Johán Vicente Viqueira López na alba do século XX e no tempo das Irmandades. Antón Costa Rico
Vicente Risco, irmán e membro da ING. Olivia Rodríguez González
Ramón Cabanillas, o Poeta das Irmandades da Fala. Francisco Fernández Rei
A participación de Florencio Vaamonde nas Irmandades da Fala. Isabel Seoane
Lois Peña Novo: o soño da industrialización de Galicia. Manuel Roca Cendán

VIII. Imaxe e identidade
Imaxes de galeguidade. Proceso e configurazón. María Victoria Carballo-Calero
De Céltiga a Zeltia. Pepe Barro
Sobre as Irmandades e o galego en Ferrol. Siro López

No responses yet

Xan 09 2018

Na antoloxía Costa da Morte: territorio literario

O Grupo Editorial Sial Pigmalión, que dirixe o poeta Basilio Rodríguez Cañada, publicou este pasado outono a antoloxía Costa da Morte: territorio literario, coordinada e revisada pola poeta fisterrá Branca Vilela. A devandita obra, en edición bilingüe galego / castelán, compila poemas e relatos, e tamén fotografías e ilustracións na parte gráfica, de 42 autoras e autores, relacionados de maneira xeográfica ou inspirados pola paisaxe da Costa da Morte.

Sial Pigmalión dálle continuidade con esta antoloxía a unha das súas coleccións máis emblemáticas, que leva como epígrafe «Territorios literarios», con diferentes obras que percorren ou percorrerán as máis suxestivas xeografías literarias iberoamericanas.

Despois do prólogo «Somos Costa da Morte», de Branca Vilela, veñen en orde alfabética as colaboracións artísticas e literarias de Juanma Abelleira Ronquete (fotografía), Marilar Aleixandre, Vicente Araguas, Suso Bahamonde, Concha Blanco, Rocío Blanco Formoso, Fernando Cabeza Pereira, Fernando Cabeza Quiles, María Canosa, Xoanxo Cespón (fotografía, poema e cadro), Estevo Creus, Sandra Díaz (cadros), Rosalía Fernández Rial, Mighel FK (cadros e debuxos), Modesto Fraga, Serxio Iglesias, María Lado, Luis Lamela, Rocío Leira, Natalia Lema, Rafael Lema, Xosé María Lema, Juan Louro Cambeiro (fotografía), Miguel Mato, Jorge Mira, Rosa Méndez, Alexandre Nerium, José Manuel Otero Lastres, Anxo Pérez, X. H. Rivadulla Corcón, Viki Rivadulla (cadros), Manuel Rivas, Olaia Sendón (fotografía e relatos), Nolo Suárez (cadros), Pedro Tasende (cadros), Roberto Traba Velay, Xulio Valcárcel, Diana Varela Puñal, Miguel Vázquez Freire, Branca Vilela, Miro Villar e Yano Yoro (cadros), seguidos dunna breve biobibliografía das autores e dos autores antologados na parte final da colectánea.

Da miña autoría a escolla recolle tres poemas, o soneto que se inicia co verso «Foi nas Illas Lobeiras co mar por testemuña», do libro Ausencias pretéritas (A Coruña: Espiral Maior, 1992) e que foi musicado nesta versión por Nacho Mora; o poema tamén sen título que leva como verso inicial «o mar, ben coñecido, non oculta segredos», do Abecedario da desolación (A Coruña: Espiral Maior, 1997. Premio Tívoli-Europa en 1997-1998) e o poema «A tempestade» do libro As crebas (A Coruña: Espiral Maior, 2011. XIII Premio de Poesía Concello de Carral).

Para completar esta anotación engado este último texto na súa versión orixinal e na tradución castelá, tal e como figura na antoloxía Costa da Morte: territorio literario.

A tempestade

Tears are round, the sea is deep:
Roll them overboard and sleep.

«Master and Boatswain», The Sea and the Mirror, A Commentary on Shakespeare’s The Tempest (1994), W. H. AUDEN

Non lle agradezas nunca aos deuses que viñeses até o final da terra porque aquí están as portas do inferno, nesta charca ábrese o labirinto que leva inexorable deica a profundidade, ese abismo da culpa, tómbolo de silencios contra aquel mar de fóra que te recibiu calmo nas mareas diuturnas do acolledor setembro.

Naceu A tempestade de William Shakespeare en lugares coma este, porque aquí son redondas as bágoas e profundo o mar onde se esvaen, cando antes do descanso se tiran pola borda e converten as vagas en vagallóns sonoros.

Aquí habita a tristeza, no cabo da alegría.

Non lle agradezas nunca aos deuses que viñeses.

***

La tempestad

Tears are round, the sea is deep:
Roll them overboard and sleep.

«Master and Boatswain», The Sea and the Mirror, A Commentary on Shakespeare’s The Tempest (1994), W. H. AUDEN

No le agradezcas nunca a los dioses que llegases hasta el final de la tierra porque aquí están las puertas del infierno, en esta charca se abre el laberinto que lleva inexorable hasta la profundidad, ese abismo de la culpa, tómbolo de silencios contra aquel mar de fóra que te recibió calmo en las mareas diuturnas del acogedor setiembre.

Nació La tempestad de William Shakespeare en lugares como este, porque aquí son redondas las lágrimas y profundo al mar donde se diluyen, cuando antes del descanso se tiran por la borda y convierten las olas en oleaje sonoro.

Aquí habita la tristeza, en el cabo de la alegría.

No le agradezcas nunca a los dioses que llegases.

Comentarios desactivados en Na antoloxía Costa da Morte: territorio literario

Out 30 2017

Adeus ao escritor chairego Xosé Manuel Carballo Ferreiro


(A fotografía da capa é da autoría de ©Xan Muras)

Finou antonte o escritor chairego Xosé Manuel Carballo Ferreiro (San Martiño de Goberno, Castro de Rei, 1944 – 2017), tamén coñecido como activista cultural e sacerdote na Terra Chá, e, malia non termos trato persoal, interesounos a súa obra que revisitamos para a antoloxía Pico Sacro, ferido polo lóstrego e a lenda (Escolma de textos literarios éditos e inéditos na literatura galega contemporánea), Alvarellos Editora 2017, coordinada por min propio e por Xosé Manuel Lobato, escritor e presidente da A. C. Mestre Manuel Gacio de Boqueixón, entidade que promoveu a súa publicación.

Na devandita escolma que ten como título un verso do poeta Manuel María, quen definiu o “Pico Sacro / ferido polo lóstrego e a lenda” e que presentamos en dúas partes: Textos éditos (por orde cronolóxica) e Textos inéditos (por orde alfabética), figura entre os primeiros un fragmento da novela xuvenil Don Otto de viaxe pola Chaira (Lugo: Citania de Publicacións, 1993), reproducido por nós nas páxinas 145-146 e que deixamos aquí deseguida a xeito de homenaxe póstuma.

Que a terra lle sexa leve!

Xosé Manuel Carballo Ferreiro (San Martiño de Goberno, Castro de Rei, 1944)

Fragmento de Don Otto de viaxe pola Chaira (Lugo: Citania de Publicacións, 1993)

A certa altura dunha conversación máis ou menos intrascendente preguntou Eurika:
– ¿Que pode ser unha especie de calzada que enxerguei desde a coroa do Castro contra o nordés e que parece subir pola Serra de en fronte arriba?
O caseiro, que se criara, en Vilar de Mouros na caída da Serra, deu a resposta que escoitara de neno:
– Polo visto, foi unha regazada de croios que se lle ceibou a unha meiga que tentaba acroiar a un vello frade do císter do convento de Meira; pero el fixo un esconxuro e á meiga ceibóuselle a mantela. As pedras rodaron polo monte abaixo e deron lugar a unha cascada de cachotes ciclópeos que chama a atención a calquera .
– É unha lenda fermosa, abofé, – comentou Don Otto.
O medio mestre, medio segador, aínda estaba medio enfurruñado, pero engadiu:
– Esa lenda pode completarse. Os cachotes non eran tan grandes cando se ceibaron do mantelo; pero por debaixo deles corre o fertilizante nun dos seus máis seguros nacementos. As súas augas, preñadas de todo a virtualidade orixinal, son a causa de que as pedras, que afunden nelas as súas raíces, medren media arroba por tonelada de peso cada dez anos.
– Tamén é ben fermoso o que acaba de dicir, – apurou a corroborar Don Otto, ledo de ter oportunidade de dar unha satisfacción a aquel con quen antes liortara.
Ó comeza-la tertulia, encendérase unha fogata creadora de fraternidade na vella cheminea do salón. O vello arqueólogo, coma fóra do tempo e de si, cos ollos perdidos nas charetas fuxidías, marmullaba palabras incoherentes para os caseiros e tan só evocadoras para o semi- mestre:
– Pedra, auga, lume. Lume, auga, pedra. Moisés. Pena de Horeb. Pedregal. Pico Sacro. Sartego xacobeo. Abalá-la pedra…
A caseira, rebordante de simpleza, de traballo realizado a conciencia e de sufrimento agochado no fondo da alma preguntou:
– ¿Aló donde vostedes son hai meigas?
Cando Eurika ía responder que si cortouna Don Otto respondendo el polos dous:
– Tamén alí se cre nelas. Tamén alí morreron queimadas varias que se cría que o eran e, incluso, poida que elas mesmas o cresen. Nas meigas crese en case tólo-los sitios donde o vento zoa nas árbores as noite de treboada, e donde as pólas baten nos vidros das ventás coma longoa brazos de medo.


Comentarios desactivados en Adeus ao escritor chairego Xosé Manuel Carballo Ferreiro

Ago 29 2017

Dous poemas en The edge of one of many circles: Homenagem a Irene Ramalho Santos. Vol. I (2017)


(Faculdade de Letras da UC homenageia Maria Irene Ramalho Santos. Fala a professora Isabel Caldeira)

The edge of one of many circles: Homenagem a Irene Ramalho Santos. Vol. I-II, organização de Isabel Caldeira, Graça Capinha e Jacinta Matos (Imprensa da Universidade de Coimbra, 2017) é a obra, disposta en dous volumes, con máis de 900 páxinas, coa que a Faculdade de Letras da Universidade de Coimbra (FLUC) homenaxea a Prof. Doutora Maria Irene Ramalho dos Santos.

O título é un verso de Thirteen Ways of Looking at a Blackbird, de Wallace Stevens, poeta estudado e traducido por Maria Irene Ramalho, en concreto tirado deste fragmento:

IX
When the blackbird flew out of sight,
It marked the edge
Of one of many circles.

E a obra, como se sinala no sitio web da FLUC, compila «artigos na sua maior parte de consagrados/as especialistas nas diversas áreas – estudos anglo-americanos; estudos comparados; poética; estudos feministas; estudos pessoanos –, para além de uma secção com poemas de poetas de várias nacionalidades, que estiveram presentes nos Encontros Internacionais de Poetas, organizados pelos Estudos Anglo-Americanos da Faculdade de Letras da UC, e de uma secção de testemunhos em honra da homenageada».

Hai unha década, fun convidado a particpar no «VI Encontro Internacional de Poetas», que decorreu entre o 24 – 27 de Maio de 2007, nunha edición na que a representación galega foi numerosa, xa que aló estivemos o finado Ramiro Fonte, Alexandre Nerium, Xesús Rábade Paredes e Helena Villar Janeiro. Dentro do das «Leituras de Poesia» a min cadroume ler na 2ª sessão do 26 de Maio no fermoso Jardim da Sereia, con Roxana Crisólogo (Perú), João Rasteiro (Portugal) e Joan Retallack (EUA).

Por esta razón recibín o convite para participar nesta Homenagem a Irene Ramalho Santos, pois Maria Irene era unha das nosas atentas anfitrioas. Non sei a razón, mais son o único poeta galego que figura nesta obra e enviei dous poemas que fan parte do libro As crebas (Espiral Maior, 2011), merecedor do XIII Premio de poesía «Concello de Carral». Curiosamente o apartado de «Poemas / Poems» ábrese cun texto de Ana Luísa Amaral, a quen cito no segundo dos meus. Velaquí:

Para Maria Irene, mestra de saberes

Misión pedagóxica

A misión pedagóxica, e non se fala agora de Machado, de Lorca, de María Zambrano ou de Miguel Hernández, só pretende o reflexo no espello dunha nai que aleitou con tenrura a túa fame de ollos pechados no alimento, esa nai que aprendeu das raíces os nomes que designan as plantas para que fosen teus.

E cando ti regresas sabes que espera o tacto e a revelación fértil de exóticas raíces que traen outros nomes aprendidos nos libros que lle foron negados.

Os seus dedos mirrados tiñan como destino enfiar as agullas nunha máquina Singer e coser para fóra.

Con razón o teu tacto cose as súas feridas.

A metamorfose

Cruzar olhares: uma tarefa curta.
(A outra:
a mais gramatical
forma de amar)

«Gramáticas do olhar», A Arte de Ser Tigre (2003), ANA LUÍSA AMARAL

Cruzar hoxe os ollares: unha tarefa curta, mais de todo imposible porque os teus iris baixan con présa as escaleiras, abandonan a escena, atrás queda o proscenio, atrás tamén o público e no medio da rúa blasfemas contra o vento, nada hai de bohemio, nin nada de impostura na explosión, no Big Bang que orixina o silencio.

Unha metamorfose convértete en anfibio, notas o sangue frío, a pel un tecido áspero que segrega veleno, respiras polas branquias e queres afondar na charca nausebunda.

Recordas «Axolotl», o conto de Cortázar, metáfora sublime do fascinio da ollada.

Pódese ser anfibio, non é literatura.



Comentarios desactivados en Dous poemas en The edge of one of many circles: Homenagem a Irene Ramalho Santos. Vol. I (2017)

Ago 09 2017

Entrevista no dixital Sermos Galiza: «O obxectivo último do Batallón Literario da Costa da Morte era levar a poesía a pé de rúa»


(Pdf do Feros Corvos, 1 (Inverno de 1997). Premer no centro para ollar na pantalla completa)

Reproduzo deseguida a entrevista realizada pola xornalista Rocío Castro Tarrío (@rcastrotarrio ) para falarmos publicada na edición edixital do Sermos Galiza, para falarmos da experiencia do Batallón Literario da Costa da Morte ao se facer o vinte aniversario da publicación do Feros Corvos, 1 (Inverno de 1997).

MIRO VILLAR, DO BATALLÓN LITERARIO DA COSTA DA MORTE

“O obxectivo último do Batallón Literario da Costa da Morte era levar a poesía a pé de rúa”

R. CASTRO. 08 AGOSTO 2017

Este ano cúmprense 20 anos da publicación do primeiro número de Feros corvos, a revista do Batallón Literario da Costa da Morte que se fundara un ano antes. E quixemos lembrar aqueles tempos de axitación poética cun dos seus protagonistas, o poeta Miro Villar, que ademais foi tamén presidente da primeira xunta directiva da asociación.

– Como xurdiu o Batallón?

– Xa había un humus, un caldo de cultivo, unha serie de colectivos que xa funcionaban na Costa da Morte, entre eles o colectivo “Un Medio” de Cee e o “Arre Sentelha” da Terra de Soneira, que estaban a funcionar de maneira autónoma. En determinado momento viuse que podiamos confluír e ampliar a base destes colectivos. E así naceu o Batallón Literario da Costa da Morte en maio de 1996.

– E a idea de crear un medio de expresión como Feros corvos?

Os primeiros meses de vida do Batallón eran moi intensos. Faciamos recitais en lugares de todo tipo, mesmo campos das festas, en bares ou alí en onde se nos convidase, en festivais antimilitaristas, onde cadrase naqueles momentos… E vimos unha necesidade de potenciar todo isto e dotarnos dun medio de expresión, polo que creamos un díptico, con catro páxinas, feito con escasos medios, en multicopia, a cor, que se distribuía de balde alá por onde iamos e nos bares da Costa da Morte. Esa era a nosa intención, chegar á maior xente posible, porque o obxectivo último do Batallón era levar a poesía a pé de rúa. Basicamente a poesía, porque a maioría eramos poetas, aínda que tamén había narradores. E aí confluiamos xente que xa tiñamos publicado, como eu mesmo, o meu irmán Rafa ou Marilar Aleixandre,  con xente que non tiña nada na rúa e que, curiosamente, anos despois ten libros publicados. Fáloche de Modesto Fraga, os irmáns Creus -Estevo e David-, Alexandre Nerium, Xaime Trillo…

– O Batallón trouxo un esplendor da poesía en movemento.

– Si, aquela era unha época -a mediados dos 90- no que non era doado publicar poesía. Era un momento similar ao de hoxe, pecháranse coleccións e non era doado conseguilo, fóra de Espiral Maior. Entón aquela era unha maneira de levar a poesía a outros lugares onde nós criamos que tiña que estar, máis a pé de rúa. Pero non era algo que inventasemos nós. Collemos experiencias anteriores doutras épocas para buscar un maior contacto co público lector.

– Coa perspectiva que dan os anos, cal cres que foi a incidencia do Batallón na vida cultural galega de hoxe?

–   Non creo que teña que ser eu quen calibre iso. Deberían ser persoas que non participaran da experiencia. Hai varios traballos sobre o Batallón que o calibran, pero na miña opinión serviu para dar voz a moita xente que estaba empezando a publicar os seus textos en follas voandeiras que con posterioridade se incorporaron ao discurso literario galego. E despois a darlle unha maior visibilidade á poesía cara ese público lector. Eu creo que eses son os dous principais éxitos do Batallón. Eu, desde logo, considérome satisfeito con que varias das persoas que participaron chegasen a ter unha obra propia consolidada. Para min iso xa xustifican os esforzos que tivemos nesta angueira.

– E como ves o estado actual da poesía na Costa da Morte?

– Nin mellor nin peor que noutras zonas do país. Hai iniciativas igual que noutros lugares e a poesía tamén está na rúa, como no Festival do Condado. É unha experiencia que é exportable e que hoxe podería ter un sentido tamén. De todas formas, eu observo que están a xurdir proxectos dun tempo a esta parte moi interesantes, como editoriais como Apiario ou Chan da Pólvora, que son pequenos pero teñen xa unha traxectoria e creo que un futuro de moita forza. Penso que é un momento moi bo para a creación poética no país, a pesar de que as grandes editoriais lle continúen a dar as costas. Por exemplo, Sotelo Blanco desapareceu do mapa e Xerais e Galaxia publican a ‘contagotas’. Pero hai xermolos de actividades, outra vez, en lugares pouco habituais coma naquela época. Por tanto, eu son optimista neste momento.

Comentarios desactivados en Entrevista no dixital Sermos Galiza: «O obxectivo último do Batallón Literario da Costa da Morte era levar a poesía a pé de rúa»

Ago 04 2017

Artigo en QPC (XXXII): Feros Corvos, 1 (Inverno de 1997). A revista do Batallón Literario da Costa da Morte


Dispoñibilizamos a través de ISSUU o pdf do Feros Corvos, 1 (Inverno de 1997). Premer no centro para ollar na pantalla completa.

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para recuperar e dispoñibilizar para a lectura pública «Feros Corvos, 1 (Inverno de 1997). A revista do Batallón Literario da Costa da Morte», no seu 20 aniversario. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

Feros Corvos, 1 (Inverno de 1997). A revista do Batallón Literario da Costa da Morte

O Batallón Literario da Costa da Morte vai quedar formalmente constituído nun data simbólica, o 1 de Maio de 1996, logo dunha longa reunión nunha cafetaría de Cee, á que asistiron unha vintena de autoras e autores. O nome suxeriuno o poeta Frederico L. Santalla, inspirándose na inscrición que ocupa as pedras da Quintana, onde se fai referencia ao histórico Batallón Literario santiagués. A súa primeira xunta directiva, ou xestora, pois a entidade aínda non estaba legalizada nin contaba con estatutos, estivo formada por Miro Villar, presidente; Frederico L. Santalla, secretario; e Rafa Villar, Xandra Tedín, Modesto Fraga, Xavier Rodrigues Fidalgo e Estevo Creus. Varios dos seus membros proviñan ben do desaparecido colectivo «Un medio» de Cee, ben da aínda activa naquela altura agrupación «Arre Sentelha» das terras de Soneira. A única premisa era que os autores fosen nados ou tivesen unha forte vinculación coa Costa da Morte, franxa costeira que vai de Malpica de Bergantiños até Fisterra (aínda que de maneira circunstancial chegaron a colaborar co BLCM autores de Carnota, de Muros ou de Noia). Xurdiu co obxectivo de dar a coñecer as súas actividades e incluíu narradores, investigadores e, sobre todo, poetas. Configurouse como un movemento cultural asembleario, de carácter democrático e non elitista, que buscaba a comunicación directa cos lectores, ata o punto de que os poetas teñen realizado ducias de recitais en locais pechados ou en espazos abertos, como o palco da Festa das Carrilanas de Esteiro.

Canda toda esta intensa actividade pública, o BLCM considerou a necesidade de dotarse dun medio de expresión propio e desta maneira naceu a revista Feros corvos, que tomaba o seu nome dun coñecido verso de Eduardo Pondal e que pretendía seguir a estética das míticas revistas Resol ou Papel de Color.

O primeiro dos seus catro números publicados viu a luz en febreiro de 1997 (datado como Inverno de 1997) e a publicación distribuíase de balde. Constaba de catro páxinas a unha cor, que cambia en cada número, destinadas á creación literaria e introducidas por un Editorial. De cor azul e iniciando a portada, os dous primeiros versos do poema «Feros corvos de Xallas» do libro Queixume dos pinos, do noso poeta máis sobranceiro da Costa da Morte, Eduardo Pondal, «Feros corvos de Xallas / que vagantes andás».

Na portada hai un espazo para o Editorial, que comeza co poema que Pondal lle dedica a Curros Enríquez en Queixumes dos pinos: «Coma os corvos de Xallas vagarosos / así son os poetas vagabundos; / eles son deste mundo receosos / e buscan outras praias, outros mundos» e segue «Unha bandada de corvos vagarosos ou de poetas vagabundos, que che era a mesma cousa para o noso Pondal, está a percorrer a Costa da Morte, desde Malpica de Bergantiños até Fisterra. Eis a bandada de mergullóns, a se internaren despaciosamente nas augas da Poesía, ora quedas, ora turbulentas. Para Pondal os corvos, como os poetas, reflectían de seu a simboloxía do desexo de liberdade e vagabundaxe. E así somos Nós, os netos do bardo da Ponte-Ceso, que vimos de aniñar coas nosas palabras-enredadeiras nas pedras do Castelo de Vimianzo, nese espacio onde morou outro poeta de nós, Evaristo Martelo Paumán. O espirito da Poesía viaxa connosco e Nós, os corvos poetas, imos grallar sempre na memoria dos nosos devanceiros.»

Na mesma portada vai o poema sen título (citamos o primeiro verso) «Practicabamos gratuitamente a tolemia» de Xandra Tedín, «O poder do dragón» de Alexandre Nerium, e dous máis tamén sen título (citamos primeiros versos) «Ladrarlle á lúa» de Rafa Villar e «A nena choraba» da máis nova membro do Batallón Literario, con tan só nove anos, Eva de la Torre.

Nas páxinas interiores, na parte esquerda do folio, todos os poemas sen título (citamos primeiros versos) «Xurdiron no tempo do sono» de María Lado, «Prefiro crer» de María Canosa, «Queda tanto baleiro» de Xoán A. Moure, «Chamemos» de Suso Bahamonde, «Léva-la noite nas uñas» de Mónica Góñez e «Por sentir o sol» de Xaime Trillo, na parte dereita do folio, un relato intitulado «Variacións sobre o tema de Carrapuchiña e o lobo» de Marilar Alexandre e o relato de Xavier R. Fidalgo co título «Serpes».

Na contraportada, seis novos poemas sen título (citamos primeiros versos), «Unha caixiña de chumbo» de David Creus, «A praia é enorme» de Estevo Creus, «Quero unha saba con follas de amendoeira» de Abel Mendes, «Cando o día está gris» de Concha Blanco, «Eu fun» de Modesto Fraga e «Cargámo-las nosas arcas» de Tomás Lijó.

Alén do artigo publicado no dixital QuepasanaCosta, os textos de Feros corvos son accesibles desde hai anos na páxina web finisterrae.org. Tamén reproduzo deseguida a nova da edición de Carballo do xornal coruñés La Voz de Galicia (13/02/1997) que informa sobre o lanzamento de Feros corvos, 1. Velaquí:

Comentarios desactivados en Artigo en QPC (XXXII): Feros Corvos, 1 (Inverno de 1997). A revista do Batallón Literario da Costa da Morte

Xul 05 2017

«Contemplación do solpor en Fisterra» en Manuel María, libro colectivo de homenaxe

Con notorio retraso sobre a data prevista, vén de saír do prelo do Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo o groso volume intitulado Manuel María, libro colectivo de homenaxe no seu día das Letras Galegas. 17 de maio de 2016, coordinado polo escritor José Estévez López, no que participan máis de 460 persoas do mundo da cultura, da política e sindical, do ensino.

Nas 594 páxinas do volume figura un soneto da miña autoría, até hoxe inédito, «Contemplación do solpor en Fisterra», que cumpría coa obriga de estar inspirado ou motivado por uns versos de Manuel María.

O meu soneto dialoga co poema «Fisterra» do seu libro Versos do lume e o vagalume (1ª ed: Galiza Editora, Ourense, 1982, portada e ilustracións de Joám Guisán Seixas; 2ª ed. testamentaria: Obra poética completa II (1981-2000), Edicións Espiral Maior, col. Ópera Prima, A Coruña, 2001), mais implicitamente tamén se dialoga con outros dous libros da súa autoría: Compendio de orballos e incertezas (1ª ed: Edicións El Correo Gallego, Santiago de Compostela, 1991, ilustracións de Xurxo Fernández) e os Sonetos á casa de Hortas (1ª ed: Edicións Espiral Maior, col. A Illa Verde, nº 29, A Coruña, 1997, limiar do propio Manuel María). Velaquí ese diálogo poético:

Cheguei a Fisterra, alí onde
o sol desmaiado e silandeiro
morre no mar como unha bágoa.

«Fisterra», Versos do lume e o vagalume.

Obra Poética Completa, II (1981-2000)

Manuel María

CONTEMPLACIÓN DO SOLPOR EN FISTERRA

Chegaches a Fisterra, para ollares nas portas
do mar da costa brava como morre o Solpor.
E foi na decadencia do seu vello esplendor
onde apareceu lonxe, ben lonxe a casa de Hortas.

E a vida, labirinto que se enche de retortas,
transcorreu ben ás présas, ferida no fulgor,
tal vítima indefensa de animal predador
ou auga que un muíño remansa nas comportas.

Chegaches a Fisterra, fin deste mundo noso,
estrema dun camiño de medieval romeiro,
con escura incerteza no fondo do teu ser.

Con ollos no horizonte fermoso e misterioso
no verso interrogaches que hai de verdadeiro
no ceo ou no inferno para Nós comprender.

(Portadas dos tres libros de Manuel María citados)

Comentarios desactivados en «Contemplación do solpor en Fisterra» en Manuel María, libro colectivo de homenaxe

Mai 18 2017

Pico Sacro, ferido polo lóstrego e a lenda, unha recensión de X. Ricardo Losada en Café Barbantia

Café Barbantia, o café virtual artístico, cultural e literario nacido da man da asociación cultural Barbantia, que xunta a creadores/as da comarca da Barbanza, vén de publicar unha recensión que asina X. Ricardo Losada da antoloxía intitulada Pico Sacro, ferido polo lóstrego e a lenda (Escolma de textos literarios éditos e inéditos na literatura galega contemporánea), coordinada por min propio e Xosé Manuel Lobato, escritor e presidente da A. C. Mestre Manuel Gacio de Boqueixón, entidade que promoveu a súa publicación, e que editou de maneira ben coidada Alvarellos Editora.

Velaquí a recensión, que tamén se pode ler nesta ligazón:

Pico Sacro, ferido polo lóstrego e a lenda

Publicado o 14 Maio, 2017

X. Ricardo Losada

En 1876 Valentín Lamas Carvajal escribiu que o Pico Sacro era un monte xigante que erguía a cabeza ata os ceos  “ond´a alfombra de Dios estás sostendo”. Tamén consideraba que era o “eterno gardador, vixia forte d´a nosa terra”. En xuño de 2016 Ramón Vilar Landeira escribiu que os sábados e os domingos gustáballe facer o amor á sombra do Pico Sacro mentres Van Morrison cantaba Brown eyed girl na radiocasete do coche. Son dous dos textos que aparecen no libro Pico Sacro, ferido polo lóstrego e a lenda que a editorial Alvarellos acaba de publicar con gran esmero e coidado. Máis de cen variados e fermosos textos, éditos e inéditos, en prosa ou en verso, escritos durante cento cincuenta anos de miradas literarias a un monte que, como din no  limiar os encargados da edición, é unha das paisaxes máis relevantes e simbólicas de Galicia, ”quer como paisaxe, quer como alegoría ou representación da nosa identidade histórica”.

Como non podía ser doutro xeito, o libro fai unha referencia explícita (sen cometer o erro de convertelo nun acontecemento central) á excursión que Castelao fixo ao Pico Sacro en xullo de 1924. E así, creo eu, debe lerse este libro. Como unha excursión literaria. Home libre, sempre quererás o Pico Sacro, que diría Baudelaire, esa foi a sensación que eu tiven ao lelo como considero que debe lerse, de forma espontánea e festiva, intentando captar a personalidade múltiple deste monte sagrado e fervello tal e como captamos a personalidade múltiple da catedral de Rouen pintada a diferentes horas do día ou en diferentes estacións e condicións climatolóxicas ou por diferentes pintores. O Pico Sacro aparece así como un castro, un culto pagán, unha lús alboradeira, unha ara do fusco lusco, paraxe de deuses e feridos heroes, o lugar onde soñamos a Terra Nosa aínda máis Nosa, o miradoiro desde onde observar o alborexar tras unha noite de estudo, a illa principal no arquipélago dos cumios, a horta da raíña Lupa, o fogar dos devotos de San Sebastián, o misterioso Mons Sacer de Justino, un monte que camiña, a pista de baile das bolboretas, un guerreiro da historia, o escenario dun crime ou das andanzas do demo, un cono volcánico e lanzal na planicie que leva a Compostela, o pico que miradas máis antigas chamaban Ilicinio, e moitas outras personalidades que multiplicamos cada vez que lemos ou relemos un novo texto.

Perdoaranme os numerosos autores que non os cite. Ao fin e ao cabo, nun libro coma este, cun protagonista xeolóxico e mítico, poético e prosaico, inmaculado e violado, ateo e relixioso, comprometido e ensimesmado, local e universal, o de menos debera ser a autoría humana, incluso estando presentes autores de gran relevancia na literatura galega. Só os editores literarios, Miro Villar e Xosé Manuel Lobato, merecen un recoñecemento explícito, o recoñecemento dun acto bo e xeneroso. Un país que trata un monte como o Pico Sacro co amor que revela este libro é, sen dúbida, un país mellor.

Comentarios desactivados en Pico Sacro, ferido polo lóstrego e a lenda, unha recensión de X. Ricardo Losada en Café Barbantia

Mai 18 2017

«O Pico Sacro, un volcán de palabras», recensión no dixital Letra en Obras

A redacción do xornal dixital cultural e literario Letra en Obras asina unha recensión sen asinar da antoloxía intitulada Pico Sacro, ferido polo lóstrego e a lenda (Escolma de textos literarios éditos e inéditos na literatura galega contemporánea), coordinada por min propio e Xosé Manuel Lobato, escritor e presidente da A. C. Mestre Manuel Gacio de Boqueixón, entidade que promoveu a súa publicación, e que editou de maneira ben coidada Alvarellos Editora. Velaquí:

O Pico Sacro, un volcán de palabras

Por Redacción 15/05/2017

Dende principios deste mes de maio está nas librarías un libro moi singular: Pico Sacro, ferido polo lóstrego e a lenda. A obra, que está coordinada polos profesores e escritores Xosé Manuel Lobato e Miro Villar, é unha escolma de textos literarios éditos e inéditos na literatura galega contemporánea referentes a este espazo mítico emprazado no concello de Boqueixón (Comarca de Compostela). O resultado é un coidado volume editado por Alvarellos e a Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio, un Pico Sacro convertido nun incesante volcán de palabras.

Nun inxente traballo de documentación e escolma, Lobato e Villar recuperan textos xa editados de Marcial Valladares, Lamas Carvajal, Manuel Murguía, Vicente Risco, Álvaro de las Casas, Carré Alvarellos, Antón Zapata, Manuel María, Suso de Toro, Carmen Blanco, María Solar, e un longuísimo etcétera. Na segunda parte do libro hai espazo para novos textos sobre o Pico Sacro que aínda non viran a luz e que son autoría, entre moitos outros, de: Cabeza Quiles, Marta Dacosta, Rosalía Fdez. Rial, Alexandre Nerium, Emma Pedreira, Heitor Picallo ou Helena Villar Janeiro.

Quizais a contracapa do libro é a mellor declaración de intencións do que pretende e consegue este volume no que se recollen textos de noventa autores e autoras:

Se hai un cumio ou monte mítico, simbólico e histórico a un tempo, en Galicia, este é o Pico Sacro. Elévase garboso ao leste de Compostela, no Concello de Boqueixón, a 533 metros de altitude. Este libro reúne a obra de noventa autores e autoras arredor desta cima única. Unha edición ao coidado de Miro Villar e Xosé Manuel Lobato, responsables dun traballo pioneiro: recompilaron textos clásicos, históricos —algúns ben coñecidos, outros moi pouco divulgados ata hoxe— e puxéronos a dialogar con novas composicións, inéditas, de autores e autoras actuais.

Dende o Rexurdimento ata os nosos días, o Pico Sacro foi constante invocación literaria, e esta obra é a proba evidente. Poemas, relatos, ensaios, crónicas xornalísticas, ata contos infantís…“Historia e ficción mestúranse aquí nun binomio inseparable”, sinalan os artífices desta convocatoria. Subamos pois ao Pico Sacro. E academos, dende Galicia, o universo enteiro. Un universo escrito que se desprega en cada unha destas páxinas.

Comentarios desactivados en «O Pico Sacro, un volcán de palabras», recensión no dixital Letra en Obras

Next »