Abr 13 2018

Mudanza de crebas.blogaliza a crebas.gal

Published by at 16:30 under Poesía


(Crebas, fotografía de Manuel Sendón)

O inesperado peche de blogaliza obriga a unha mudanza desta bitácora desde crebas.blogaliza.org ao dominio crebas.gal, lugar desde que en breve iniciarei unha nova andaina na rede. Agradezo inmenso a blogaliza, e de maneira particular a Pedro Silva, a xenerosa e desinteresada acollida na hospedaxe destas crebas e a súa colaboración para os atrancos técnicos que sempre resolveron.

Reproduzo a mensaxe que recibimos as ducias e ducias de bitácoras literarias, musicais, culturais… na nosa lingua que tiñamos hospedaxe en blogaliza:

«Nestes ultimos 12 anos blogaliza foi unha illa na rede, un espazo para a lingua, para a expresión e para o intercambio. Pasou por moitas etapas, dende a hospedaxe nun servidor cedido pola Asociación AGNIX e a conectividade e o aloxamento físico no Cesga, ata o soporte empresarial de Algueirada.

Nos últimos tempos blogaliza fixo moito por voltar ás orixes: ao mantemento exclusivo por parte do seu titular. Pero os cambios no marco lexislativo que, nos proximos meses se van producir no noso contexto mudan sustancialmente as implicacións de manter un espazo como blogaliza, polo que xa non podemos seguir adiante.

Afogamos, levados tamen polo cambio de escenario no que significan as comunicación entre persoas en internet, e o que representan os blogues, hoxe. A Rede non é a mesma de hai 12 anos, e o sentido que daquela tiña blogaliza, hoxe os feitos case o deixan sen significado: só mantemos 80 blogues vivos. Moitos que madureceron neste alcouve deixaron blogaliza para mudar a outros hostings, e moitos máis morreron por inactividade.

Se nos últimos anos tentamos alixeirar o sistema, reducindo o spam, convertindo os blogues mortos en páxinas estaticas, agora o cambio normativo fai imposible seguir adiante.

A conclusión, en metáforas é sinxela: o rizoma volta á escuridade, a Zona Temporalmente Autónoma desaparece na neboa e blogaliza pecha as suas portas.

En feitos significa que o próximo día 25 de abril pechamos o sistema. Foron moitos esforzos, moitas ledicias e unha enchente de amizade e vida. Foi un placer. Até sempre.»

Foron case sete anos, desde o 28 de xuño do 2011, cando abrín esta xanela aberta ao mundo na arañeira onde se publicaron até hoxe 1245 anotacións ou artigos de variada xinea.

Xa o teño dito, neste tempo con maior ou menor esforzo (segundo os diferentes estados emocionais ou as distintas outras obrigas de cada momento) fun achegando o meu parecer ou dando conta de acontecementos culturais e sociais, mesmo algún político, que foron do meu interese, aínda que moitos outros ficaron no tinteiro pola imposibilidade material de os atender. Como non podía ser doutra maneira tiveron preponderancia os temas literarios, nomeadamente a poesía que enche unha parte importante da miña existencia creativa e lectora.

A bitácora recibiu por parte das autoras e dos autores da nosa literatura o recoñecemento como «Mellor blogue literario» na XIII edición dos premios da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) 2012.

A xeito memorialístico, reproduzo novamente deseguida aquela afastada primeira anotación de saúdo que se fixo desde esta xanela. Velaquí:

Ola Mundo!

Benvido, benvida.

Neste 28 de xuño do 2011 rompe augas este blogue persoal, na acolledora casa común de blogaliza.org. Como “crebas” chegadas ás praias da Costa da Morte, este blogue irá recollendo anotacións de creación e de crítica literaria, alén doutras reflexións.

Nace o mesmo día que morre en papel o xornal Galicia Hoxe, a única prensa diaria na nosa lingua que aínda se podía atopar na rúa. Nace, daquela, porque son tempos de resistencia e de acrecentar a presenza do idioma galego na nosa sociedade e no mundo.

Aos poucos iredes lendo diversos materiais recentes ou de épocas afastadas para gozardes da lectura ou tamén para discrepardes se fose o caso.

Grazas por virdes onda estas crebas e unha aperta atlántica.

No responses yet

Trackback URI | Comments RSS

Deixa unha resposta