Mar 26 2018

Convocatoria do V Premio de Poesía Gonzalo López Abente

Published by at 15:35 under Poesía,Premios

Este pasado sábado conmemoramos o 140 aniversario do natalicio do escritor muxián Gonzalo López Abente: «O 24 de marzal do ano 1878 ás catro da serán, que cadrou en domingo, con feira en San Isidro, abrín os ollos á vida e pola fiestra da casa do Cabo da Grixas, ollei craramente un outo cruceiro e que no seu cume agoniaba un mártir cos brazos en crús…»

Días atrás a Fundación que leva o seu nome fixo pública a convocatoria do V Premio de Poesía Gonzalo López Abente, que en anteriores edicións gañaron as obras, todas catro publicadas en Xerais Poesía:

I Premio (2013): Dos tempos sombrizos, de Daniel Salgado.

II Premio (2014): Os días condenados. Fragmentos para un devocionario, de Laureano Xoaquín Araujo Cardalda.

III Premio (2015): s/t, de Emma Pedreira. (En 2016 non houbo certame)

IV Premio (2017): Culpable, de Eli Ríos.

BASES V PREMIO DE POESÍA GONZALO LÓPEZ ABENTE

A Fundación Gonzalo López Abente, coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, convoca o Premio de Poesía Gonzalo López Abente, en lingua galega.

1. Poderán concorrer ao V Premio de Poesía Gonzalo López Abente autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten os seus orixinais en lingua galega, conforme á normativa vixente. Os textos presentados serán inéditos, condición que se estende ao soporte dixital, e non poderán estar premiados en ningún outro concurso de poesía.

2. A extensión dos textos non deberá ser menor a 400 versos.

3. De cada orixinal presentarase en sobre pechado sen remite tres copias en papel, mecanografadas a dobre espazo e debidamente encadernadas ou grampadas, antes do día 25 de Maio 2018, na sede da fundación:

Fundación Gonzalo López Abente
R/ Virxe da Barca, 49. Casa das Beiras
15124 Muxía (A Coruña)
Indicarase no sobre “V Premio de Poesía Gonzalo López Abente”.

4. Os orixinais presentaranse baixo lema e xunto coas copias achegarase un sobre pechado, identificado co mesmo lema, que conterá o nome e os apelidos do autor ou autora, enderezo postal, número de teléfono e enderezo electrónico.

5. O xurado estará composto por dous poetas de recoñecido prestixio ou dos expertos/as en literatura galega e un representante da fundación que actuará ademáis como secretario.

6. O premio terá una dotación única de 2.000 €, suxeito á normativa fiscal vixente, e máis unha peza escultórica conmemorativa. A obra premiada será propiedade do seu autor ou autora, agás a primeira edición, que será publicada por Edicións Xerais de Galicia. En posteriores edicións, ao igual que na primeira, farase constar a condición de premiada no V Premio de Poesía Gonzalo López Abente.

7. O premio poderá ser declarado deserto no caso de que o xurado así o estime e a decisión será inapelable.

8. Os orixinais non premiados poderán ser recollidos na sede da fundación, previa solicitude, no prazo dun mes. Os que neste prazo non sexan recollidos destruiranse.

9. A participación nesta convocatoria implica a aceptación das bases e da interpretación que delas faga o xurado, non admitíndose recurso contra a decisión que este adopte nas súas funcións.

No responses yet

Trackback URI | Comments RSS

Deixa unha resposta