Archive for Febreiro 1st, 2018

Feb 01 2018

Adeus ao poeta Isidro Novo


(Isidro Novo le o poema «Flores de mentira», de Esteiro de noites falecidas, na canle de youtube da AELG)

Deixounos Isidro Novo, quen malia ser autor de varios títulos de narrativa, literatura infanto-xuvenil ou ensaio, considerábase a si propio nomeadamente un poeta. De quitado de coincidirmos en actos literarios, non tivemos ocasión para un trato persoal máis fondo desde que nos presentou xa hai uns anos o seu fraternal amigo Xosé Henrique Rivadulla Corcón, a quen hoxe sei especialmente conmocionado.

Esta mañá souben do óbito por un chío da deputada nacionalista e xornalista Olalla Rodil e xa logo polos obituarios de urxencia que publicaba a prensa dixital, como Praza Pública ou Sermos Galiza. E o que son as casualidades ao chegar á miña casa agardábame na caixa de correos o exemplar da revista Escrita contemporánea, da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) que recolle as Actas da X Xornada de Literatura de Tradición Oral. Palabras con memoria: topónimos, ditos, frases,, nomes… con historia, que entre os seus traballos recolle o texto do relatorio asinado por Isidro Novo «Orfanato para ágrafas: Palabras ao ventimperio» e outro que resume o debate coa filóloga Xulia Marqués Valea e que se intitula «Saber o seu nome sen perder a súa voz».

No primeiro realiza un fermoso glosario comentado dunha ampla escolla de “palabras que vivían ao ventimperio sen que os dicionarios lles desen albergue”, e que a AELG a proposta de Isidro Novo recolle desde o ano 2008 na sección Palabras con memoria. Este mesmo caudal léxico servíalle para unha das miñas citas obrigadas con Sermos Galiza, onde na actualidade coordinaba unha sección co mesmo título. Velaquí a ligazón á súa derradeira escolla de “Palabras con memoria”.

Aínda que lin algunhas das súas obras narrativas, moi achegadas aos xéneros: western, terror…, outras liñas da súa creación interesáronme máis, como os seus tres libros de poemas, que apareceron no intervalo dunha década: Dende unha nada núa (Edicións do Castro, 1997); Esteiro de noites falecidas (Espiral Maior, 2007) e hai unhas semanas CO2 (Positivas, 2017).

En homenaxe á súa memoria, reproduzo o poema que inicia o seu Esteiro de noites falecidas, obra que mereceu o IX Premio de Poesía Concello de Carral, tal e como lembramos nesta anotación que conmemoraba o vinte aniversario do certame.

A ninguén ha de importarlle
que outra vez a noite tinga de clareza
sen ningún tesón que a motive
nin que un corazón se rompa
no máis recóndito do silencio

Non
nin tampouco ha de importarlle
que un soño luxoso se derrube irrecuperábel
polas agullas dun reloxo disciplinado
nin que hidras que non atopan as súas cabezas
cisquen a súa desfabulada miseria
polo chan dun despacho executivo
nin tampouco que unha copa de tenrura
e suicide de ira
sobre unha moqueta insangrábel
Iso non ten importancia

Tampouco non importa onde un silfo
gardou un arco da vella
que perdera as súas cores
nin moito menos como sufriu antes de morrer
a chuvia

Non
que pode importar iso

Que pode importarlle a ninguén
que un vello mariñeiro tolee
porque perdeu a linguaxe da mar
e xa non pode falar coa súa serea
ou a vida íntima que leva
a flor que delimita o parterre
da zona oeste

Sería aceptar subir
polo pau enxaboado da insensatez
que importase
que un neno perdido na brétema
chore ata a lúa
ou que un terraplén de desánimo
pretenda borrar o carmín
dos labios de ferro
dunha boca de metro

Viría a ser como darlle as chaves do universo
á máis incontrolábel das loucuras
ou como meterse nun túnel escuro e descoñecido
levando tan só como luz
a chama que asoma aos ollos dun corazón xeneroso

Sería
si
absolutamente absurdo

(Foto © Distrito Xermar, AELG, 2017)

No responses yet