Archive for Febreiro, 2018

Feb 26 2018

#Efeméride No 132 aniversario do nacemento do poeta Antón Zapata García


Antón Zapata García naceu na parroquia de Santa María da Atalaia da mariñeira vila de Laxe (A Coruña) o día 26 de febrero de 1886, onde foi inscrito co nome de pía de Antonio Laureano, segundo consta na acta de nacemento que se conserva no Rexistro Civil da devandita localidade.

Hai hoxe un ano reproducimos nesta bitácora a devandita certificación literal da acta de nacemento, así como a partida de bautismo, datada tan só un día despois, o 27 de febreiro.

Nesta nova anotación recobramos para a súa lectura outros datos sobre a súa nacenza que xa foron divulgados nas primeiras páxinas do volume Antón Zapata García. Biografía dun poeta emigrado ao servizo da II República (Laiovento, 2009). Velaquí:

O propio poeta fala das orixes nun texto inédito que acompaña a primeira carta que lle escribe a Xosé Filgueira Valverde, quen na altura estaba a preparar unha Escolma da Lírica Galega para o Seminario de Estudos Galegos (SEG), proxecto fanado pola guerra civil, carta que vai acompañada dunha (Auto)Poética, unha reflexión sobre a «Lenguaxe», unha Bibliografía e unha ampla selección dos seus poemas, ademais da seguinte Biografía:

Ascendencia
Bisabós paternos: Manoel Zapata (aragonés) e Dominga Ponte (coruñesa). Formaron o seu fogar na aldea de Sarandóns (Abegondo). Alí morreron.-
Bisabós maternos: Francisco García Losada, de Laxe, e Xoana Pondal Frois, do Couto (Ponteceso). Viviron e morreron en Laxe.-
Abós paternos: Domingo Zapata Ponte, de Sarandóns, e María Barbeito Fariña, de Betanzos. Viviron e morrreron en Sarandóns.-
Abós maternos: Xosé García Pondal, de Laxe, e María Moreira Álvarez, do lugar de Mórdomo, do mesmo ayuntamento. Viviron e morreron en Camariñas.-
Pais: Mari-Pepa García Moreira, de Camariñas, e Antón Zapata Barbeito, de Sarandóns. Viviron e morreron en Laxe.-
Nacimento: Nacín na vila de Laxe o 26 de Febreiro de 1886.-
Residín, ademáis, do lugar nadal, na vila de Camariñas (n-ésta, pouco tempo), deica ôs 16 anos e pico, edade na que vîn pra Bôs Ars (Arxentina), cidá na que resido dende o ano 1903, mes de Setembro.-
Chámame, cada ves máis, a terra nativa, e, singularesmente, Laxe, na câl penso pasar o resto da miña vida, sintindo os latexos da natureza nos seus máis ben queridos fillos: a terra e o mar galegos.-

Tamén a súa obra poética publicada dá conta das súas orixes, como sucede no seu poema «Sarandóns», onde ademais menciona que o seu bisavó era aragonés e que viñera a Galicia para casar coa súa bisavoa, vivindo primeiro no Portazgo (Culleredo), logo en San Tirso de Mabegondo (Abegondo) e finalmente en Sarandóns (Abegondo), lugares todos da comarca brigantina. O poeta lembra estes espazos xeográficos por terlle oído a seu pai falar moito deles, pois tamén recoñece que nunca puido visitar estas terras e que espera poder facelo no seu regreso á Terra, situación que, como veremos máis tarde, nunca se produciría.

SARANDÓNS, boa terra,
berce dos meus abós
paternos, n-as Mariñas,
que o Barcés, con amor,

refrexa no seu seo
ao garimoso sôn
que os xungos e espadanas
ceiban cô seu ronzor;
nobre río que leva

—sinxelamente bô—
seus brilantes cristaes
hastr-ô gran corazón
da cibdade da Cruña
pra renderlle os seus dons.

Sarandóns, aldeíña
onde o meu bisabó
fixo niño —deixando
súa rexa Aragón—
c-unha pomba galega

que, sinxel, namoróu,
e de craros pombales
povoaron os dous
o Portazgo e San Tirso,
e máis tí, Sarandóns.

(…)

Comentarios desactivados en #Efeméride No 132 aniversario do nacemento do poeta Antón Zapata García

Feb 14 2018

Memoria Literaria (XVII): No 30 aniversario da publicación do relato «Augas de silencio» (Edicións do Castro, 1988)



Estes dous retallos de prensa de dúas datas de febreiro de 1988, que corresponden a senllas novas aparecidas nas edicións de Carballo (día 2) e de Ourense (día 10) do xornal La Voz de Galicia, testemuñan a data de edición da miña primeira obra literaria nun libro, de quitado de poemas ou artigos que apareceran antes en revistas ou publicacións periódicas.

Así foi, o relato «Augas de silencio» foi o meu primeiro texto que deu en aparecer publicado nun libro, aínda que fose colectivo, pois o meu primeiro libro individual é o poemario Ausencias pretéritas (Espiral Maior: 1992). Dous antes, en 1985, fun merecedor do XI Premio de Narracións Curtas «Modesto Rodríguez Figueiredo», convocado polo Patronato do Pedrón de Ouro, polo relato intitulado «Augas de silencio», que a xuízo de Basilio Losada, presidente do xurado, significaba «toda una revelación». Aquel xurado estivera composto ademais polo finado Avelino Pousa Antelo, como secretario, o finado Avelino Abuín de TembraCarmen García RodríguezManuel Quintáns Suárez e Luís Alonso Girgado. Andando o tempo tiven trato con algunhas destas persoas e mesmo Carmen García Rodríguez foi unha das miñas docentes de Lingua Galega cando me reincorporei aos estudos para facer Filoloxía Galego-Portuguesa na USC.

Naquela convocatoria de 1985 resultaran accésits dúas persoas que hoxe considero amigas e un escritor xa desaparecido. O primeiro accésit fora para Ánxeles García Sumay (quen hoxe asina como Anxos Sumai e da que son devoto lector) por «Relembranzas con Palmira e banana split»; o segundo foi para o finado Manuel Riveiro Loureiro por «Meirama» e o terceiro para Xosé Manuel Fernández Castro por «Segrel Charles o asombrador». Todos catro están publicados no volume colectivo Premios Pedrón de Ouro 1985 / 1986 (Sada: Edicións do Castro, 1987), con esa curiosa capa que semella a guía Vía Michelin.

O premio entregouse na noite do 28 de decembro do 1985 nun acto literario. E reproduzo máis unha vez unha das tres antigas fotos que atopou nos arquivos do Concello de Rianxo o seu técnico de Cultura, e poeta amigo, Fernando R. Lavandeira, na que estou con Avelino Pousa AnteloGustavo Santiago Valencia; Pepita Blanco, viúva de Modesto Rodríguez Figueiredo; o daquela alcalde, Xosé Bravo Frieiro e Francisco Fernández del Riego.

Comentarios desactivados en Memoria Literaria (XVII): No 30 aniversario da publicación do relato «Augas de silencio» (Edicións do Castro, 1988)

Feb 09 2018

Artigo en QPC (XLII): «A prensa de Corcubión ao servizo da Costa da Morte desde 1890 (3ª parte)»

(Nerio. Boletín informativo do Concello. Segunda Época. Número 1. Corcubión, abril de 1985. Premer na imaxe para a lectura deste número completo)

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para divulgar «A prensa de Corcubión ao servizo da Costa da Morte desde 1890 (3ª parte)». Velaquí o artigo que tamén se pode ler nesta ligazón.

A prensa de Corcubión ao servizo da Costa da Morte desde 1890 (3ª parte)

Resulta sorprendente que desde setembro de 1921, cando Nerio deixa de editarse, até o ano 1982 non aparecese en Corcubión ningunha outra publicación periódica, nomeadamente despois de termos falado nas anteriores entregas dunha feraz prensa local.

Descoñecemos as verdadeiras razóns que provocaron este longo silencio, porén poderían sinalarse dúas hipóteses. Pola banda de arca, o encarecemento do papel que se produciu naquelas décadas e a convulsa situación política: ditadura de Primo de Rivera (1923-1930), a denominada ditabranda do xeneral Berenguer (1930-1931), II República (1931-1936), Guerra Civil (1936-1939) e ditadura do xeneral Franco (1939-1975), coa súa longa noite de pedra.

E pola banda de couso, Pepe Miñones, que era un mozo cando lle daba azos a aquela revista Nerio, vai estar envorcado na súa campaña para acadar a acta de deputado republicano, como así sucedeu e conta moi ben o investigador Luís Lamela na súa imprescindible biografía do deputado republicano corcubionés fusilado polo franquismo Pepe Miñones. Un crimen en la leyenda (1900-1936) (Edicións do Castro: 1991). Por parte, nesa década dos trinta a prensa coruñesa xa lle dedicaba moito máis espazo ás novas que se producían nas localidades da Costa da Morte e xa principiaban a ter colaboradores especiais e, andando tempo, tamén correspondentes.

Máis unha vez, Xesús Torres Regueiro no seu artigo «A prensa corcubionesa» (Nerio. Boletín Informativo do Concello. Segunda Época. Número 1. Corcubión, abril de 1985, páxs. 4-5) sinala «o último intento -fallido- de prensa comarcal, PERRACHICA, da que soio saiu un número no 1982».

A día de hoxe non puidemos localizar aínda ese número da revista Perrachica, aínda que sabemos que a alma mater do proxecto foi o mestre Ramón Vázquez Vale, quen daquela tamén estaba detrás dunha espléndida revista escolar chamada Carromeiro que se editaba no colexio público de EXB e hoxe CEIP «Eugenio López», aínda co nome dun sobranceiro franquista. O activismo cultural de Ramón Vázquez Vale «Monchente» tamén tiña moito que ver coa actividade teatral.

Nerio (1985): Recuperando a vella cabeceira dos anos vinte, en marzo de 1985 nace a última experiencia xornalística en papel, antes do dixital Que pasa na Costa. A publicación foi posta en andamento polo goberno municipal de Corcubión, que presidía o nacionalista Rafael Xosé Mouzo Lago (BNG), no ecuador da lexislatura 1983-1987, na que o BNG obtivera 8 actas de concelleiros/as e a Coalición Popular as 3 restantes.

Da miña autoría é a ficha sobre esta segunda etapa de Nerio no proxecto do Dicionario da Literatura Galega. Tomo II. Publicacións periódicas (1997), que publicou Galaxia, coa coordinación da crítica e profesora de Literatura Galega na USC Dolores Vilavedra. Velaquí a miña achega:

«Nerio. “Boletín informativo do Concello”, editado polo goberno muncipal de Corcubión con periodicidade mensual, aínda que irregular. Engade “Segunda época” porque toma a cabeceira da anterior publicación, que saíu co mesmo nome nos anos 1920 e 1921. Sen embargo, foron totalmente diferentes. O número 0 desta nova etapa apareceu en marzo de 1985, prolongándose ata 0 7, de decembro do devandito ano. Estaba coordinada por X. M. Currás Rúa que, ademias, redactaba boa parte das seccións. Sen dúbida, a máis interesante delas é a que se titula “Nerio hai 65 anos”, de Xesús Torres Regueiro, onde se compila abundante información sobre aquela primeira época, con moitas referencias literarias. Polo demais, a maioría das páxinas están dedicadas a información sobre as diferentes actividades programadas polo concello de Corcubión. Artigos de historia local, ecoloxía, antimilitarismo, festas ou tradicións, conforman o contido habitual da revista. De cando en vez aparece algún texto de tema literario como o que glosa a Losada Diéguez, nas Letras Galegas dese ano, un artigo de Francisco Rodríguez sobre Rosalía de Castro e os textos sobre esta escritora de Xosefina López de Serantes, Manuel Iglesias Nimo, Rafa Villar e Artur Trillo, premiados nun certame do concello para lembrar o centenario da súa morte. Os artigos históricos de Francisco Carballo e do coordenador sobre Castelao completan o interese desta publicación que se redactaba integramente en galego, agás nos fragmentos tirados da súa anterior época nos que se respecta o orixinal.»

Así remataba a miña anotación, lembrando o carácter monolingüe en galego da revista, tal e como este 7 de febreiro conmemoraba a AMEGA o Día dos Medios en Galego, porque hai 142 anos en Ourense saíu o primeiro número de O Tío Marcos d’a Portela.

Malfadadamente, máis unha vez, os exemplares que se conservan desta Segunda época da revista Nerio tamén están en diversas mans privadas (eu propio posúo unha colección á que lle falta un número), pois a monumental base de datos do proxecto Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia (http://biblioteca.galiciana.gal/gl/inicio/inicio.do) non dispón de ningún exemplar dixitalizado. Sorprende que só dispoña dun único exemplar da primeira etapa de Nerio, cando a Hemeroteca da Real Academia Galega garda nos sus fondos: N. 1, 3; 1921: N. 9-13, 13 (erro nº), 15-17.

De Nerio (1985) sabemos que a Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago de Compostela atesoura un exemplar do número 2 e a Biblioteca da viguesa Fundación Penzol outro exemplar do número 5. As imaxes que acompañan esta anotación proveñen do meu fondo persoal e recollen a totalidade do número 1, de abril de 1985, aínda que houbo un anterior número cero.

Comentarios desactivados en Artigo en QPC (XLII): «A prensa de Corcubión ao servizo da Costa da Morte desde 1890 (3ª parte)»

Feb 08 2018

Reclamo ou «Teaser» de promoción de Vértice de Versos, documentario de Carlos Lorenzo sobre as últimas xeracións poéticas de Galiza

Teaser de Vértice de Versos from Carlos Lorenzo Pérez on Vimeo.

Carlos Lorenzo Pérez, Técnico de Cultura do Concello de Carral, é o director, produtor e autor do guión, gravado pola cámara de Xosé Bocixa Rei, do documentario intitulado Vértice de Versos, en fase de lanzamento e que analiza polo miúdo e con varias entrevistas as últimas xeracións poéticas de Galiza.

Ambos e dous xa deran a coñecer outro documentario, do que falamos nesta anotación, que en pouco máis de media hora compilaba a historia dos primeiros XX anos do Premio de Poesía Concello de Carral realizando un repaso sobre as motivacións do seu nacemento, como se organiza, a súa evolución e a súa consolidación no panorama literario galego, alén das propias experiencias dos autores e autoras. A gravación está dispoñibilizada na rede a través da canle de youtube do propio certame literario (https://youtu.be/2wVp1xkzVoM).

O reclamo ou «Teaser» de promoción de Vértice de Versos pódese ollar a través de Vimeo e nos seus pouco máis de minutos, alén de imaxes sobre actos e libros do Batallón Literario da Costa da Morte e doutras iniciativas e publicacións poéticas dos éltimos tempos, recóllense reflexións de Yolanda Castaño, Dores Tembrás, Modesto Fraga, María Lado, Miguel Anxo Fernán-Vello, Rosalía Fernández Rial, Gonzalo Hermo, Ismael Ramos, Antía Otero e imaxes doutras e doutros poetas.

Velaquí a ficha técnica dun documentario que agardamos.

Carlos Lorenzo Pérez. Produción, guión e dirección
Xoán Curiel. Música orixinal
Manuel Macou. Edición
Xosé A. Bocixa. Cámara
Fran X. Rodríguez. Grafismos
Alfonso Camarero. Son
María Lires. Ilustracións
Enrique Moro. Etalonaxe

Comentarios desactivados en Reclamo ou «Teaser» de promoción de Vértice de Versos, documentario de Carlos Lorenzo sobre as últimas xeracións poéticas de Galiza

Feb 01 2018

Adeus ao poeta Isidro Novo


(Isidro Novo le o poema «Flores de mentira», de Esteiro de noites falecidas, na canle de youtube da AELG)

Deixounos Isidro Novo, quen malia ser autor de varios títulos de narrativa, literatura infanto-xuvenil ou ensaio, considerábase a si propio nomeadamente un poeta. De quitado de coincidirmos en actos literarios, non tivemos ocasión para un trato persoal máis fondo desde que nos presentou xa hai uns anos o seu fraternal amigo Xosé Henrique Rivadulla Corcón, a quen hoxe sei especialmente conmocionado.

Esta mañá souben do óbito por un chío da deputada nacionalista e xornalista Olalla Rodil e xa logo polos obituarios de urxencia que publicaba a prensa dixital, como Praza Pública ou Sermos Galiza. E o que son as casualidades ao chegar á miña casa agardábame na caixa de correos o exemplar da revista Escrita contemporánea, da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) que recolle as Actas da X Xornada de Literatura de Tradición Oral. Palabras con memoria: topónimos, ditos, frases,, nomes… con historia, que entre os seus traballos recolle o texto do relatorio asinado por Isidro Novo «Orfanato para ágrafas: Palabras ao ventimperio» e outro que resume o debate coa filóloga Xulia Marqués Valea e que se intitula «Saber o seu nome sen perder a súa voz».

No primeiro realiza un fermoso glosario comentado dunha ampla escolla de “palabras que vivían ao ventimperio sen que os dicionarios lles desen albergue”, e que a AELG a proposta de Isidro Novo recolle desde o ano 2008 na sección Palabras con memoria. Este mesmo caudal léxico servíalle para unha das miñas citas obrigadas con Sermos Galiza, onde na actualidade coordinaba unha sección co mesmo título. Velaquí a ligazón á súa derradeira escolla de “Palabras con memoria”.

Aínda que lin algunhas das súas obras narrativas, moi achegadas aos xéneros: western, terror…, outras liñas da súa creación interesáronme máis, como os seus tres libros de poemas, que apareceron no intervalo dunha década: Dende unha nada núa (Edicións do Castro, 1997); Esteiro de noites falecidas (Espiral Maior, 2007) e hai unhas semanas CO2 (Positivas, 2017).

En homenaxe á súa memoria, reproduzo o poema que inicia o seu Esteiro de noites falecidas, obra que mereceu o IX Premio de Poesía Concello de Carral, tal e como lembramos nesta anotación que conmemoraba o vinte aniversario do certame.

A ninguén ha de importarlle
que outra vez a noite tinga de clareza
sen ningún tesón que a motive
nin que un corazón se rompa
no máis recóndito do silencio

Non
nin tampouco ha de importarlle
que un soño luxoso se derrube irrecuperábel
polas agullas dun reloxo disciplinado
nin que hidras que non atopan as súas cabezas
cisquen a súa desfabulada miseria
polo chan dun despacho executivo
nin tampouco que unha copa de tenrura
e suicide de ira
sobre unha moqueta insangrábel
Iso non ten importancia

Tampouco non importa onde un silfo
gardou un arco da vella
que perdera as súas cores
nin moito menos como sufriu antes de morrer
a chuvia

Non
que pode importar iso

Que pode importarlle a ninguén
que un vello mariñeiro tolee
porque perdeu a linguaxe da mar
e xa non pode falar coa súa serea
ou a vida íntima que leva
a flor que delimita o parterre
da zona oeste

Sería aceptar subir
polo pau enxaboado da insensatez
que importase
que un neno perdido na brétema
chore ata a lúa
ou que un terraplén de desánimo
pretenda borrar o carmín
dos labios de ferro
dunha boca de metro

Viría a ser como darlle as chaves do universo
á máis incontrolábel das loucuras
ou como meterse nun túnel escuro e descoñecido
levando tan só como luz
a chama que asoma aos ollos dun corazón xeneroso

Sería
si
absolutamente absurdo

(Foto © Distrito Xermar, AELG, 2017)

Comentarios desactivados en Adeus ao poeta Isidro Novo