Xan 30 2018

Camilo Díaz Baliño, mártir galego, nos versos de Xervasio Paz Lestón e Antón Zapata García

A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) instituíu o 30 de xaneiro como o Día da Ilustración, data do nacemento de Castelao, e que pretende lembrar a traxectoria dunha persoa abondo significada nese ámbito. Este ano de 2018, en colaboración coa Consellaría de Cultura, a AGPI decidiu centrar a súa homenaxe na obra e na vida truncada polo fascismo de Camilo Díaz Baliño (Ferrol, 1889 – Palas de Rei, 1936), desenvolvendo unha serie de actividades e divulgando na rede un magnífico espazo de homenaxe ao artista, co vídeo que abre esta anotación e coa cumprida información que se inclúe no sitio web http://www.diadailustracion.gal/

Alén das achegas da AGPI hai outras varias que se centran en Camilo Díaz Baliño, entre as que salientamos o espazo que lle dedica culturagalega.org ou a ampla selección de materiais que dixitalizou e dispoñibilizou Galiciana, Biblioteca Dixital de Galicia, grazas ao depósito que lle cedeu o seu finado fillo Isaac Díaz Pardo en 2011, meses antes do seu falecemento. Por certo, neste sitio web fálase de “Camilo Díaz Baliño, falecido en 1936″, sen nomear en ningún momento que se tratou dun asasinato a mans da barbarie da represión fascista.

Galiciana recolle tesxtos dedicados a Camilo Díaz Baliño antes da súa morte, mais quen sempre lembraron a causa do asasinato do artista foron os poetas galegos e, en primeiro lugar, moitos da diáspora e o exilio. Entres eles están os versos de Xervasio Paz Lestón e de Antón Zapata García, que malia seren emigrantes abrazaron o ideario antifranquista, galeguista e republicano.

Antón Zapata García (Laxe, 1886 – Bos Aires, 1977) publicou a primeira referencia coñecida en galego, citando a Camilo Díaz Baliño no seu poema «Na morte de Lexandro Bóveda», que apareceu no Galicia, Federación de Sociedades Gallegas, Bos Aires, nº 524, 27 de xuño de 1937. Publicouse precedido dun debuxo sen asinar (aínda que se atribúe a Castelao), que representa o rostro de Bóveda asasinado cunha bala na fronte. De aquí foi reproducido polo académico Xesús Alonso Montero, na Coroa poética para un mártir. 35 poemas á morte de Alexandre Bóveda (1936-1994). Vigo: Xerais, 1996. O profesor nas súas «Notas ós poemas», ademais da localización do texto e doutros datos de interese, sinala: «No verso 53 cítase, entre os asasinados, a Ánxel Fole, crenza moi estendida nestas datas». O poema de Antón Zapata tamén foi compilado por Manuel Fernández Rodríguez, Poemas pola memoria (1936-2006). Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. 2006. Velaquí o texto ao completo:

NA MORTE DE LEXANDRO BÓVEDA

Pra tí, Lexandro Bóveda
—¡irmán escrarecido,
vida próveda!—:
Con requeimantes bágoas nos ollos
e na dôr afundido,
non encontro máis verbas no contido
do noso craro idioma, que adouraste,
(¡pra maldicer aqueles que os ferrollos
de Galiza remachan noite e día,
anque tí os perdoaste,
porque eras nobre, bô e xeneroso!),
que estas verbas: ¡Non son da nosa caste
os lobicáns e os lobos da xauría
que os dreitos arrasóu do povo noso
e â túa intelixéncea aborrescía!…
¡Non é!, ¡non é! da nosa enxebre sangue
a banda de traidores,
malvados e asesiños
que â nosa terra abrangue
i-ôs seus máis caros fillos, guiadores,
asesiñaron xunto ôs seus filliños
—nas aldeias, nos montes e nos vales—
i-ô pé dos seus maores
ou xunto ôs seus igoales
—d-abós e pais, d-irmáns ou da siñora—,
e, por eles, agora,
“A CAMPANA d-ANLLÓNS”, doída, tangue
e a irmán, de BASTABALS, doída, chora!
¿Qué van ser irmáns, pra nós, os seres
que trouxeron â moura moureiría
—empúdeca, babeante, sin homía—,
non respetando nenas nin mulleres?:
¡Galegos desleigados, sin concencia,
que n-houberon cremencia
pr-aqueles bôs irmáns das nosas almas,
esgrevos lumiñals da nosa cencia
e sopostallos lus das nosas artes
das nosas forzas vivas
—¡sinxelamente calmas!—
asesiñados todos no CAMIÑO
da REDENZON das LUCES RÊDIVIVAS,
dos sagros balüartes
da Sancta COMPOSTELA
—¡Nova XERUSALEM tremente en palmas,
procramada na voz da BERENGUELA!—
e que se choran xá por todas partes,
con fraternal cariño,
por onde padricaron
e, boandanzas, cantaron
ô pé do Altar da Patria, car-ô Sole:
Quintanilla, Casal, Díaz Baliño,
Xan Carballeira, Casas, Lustres Rivas,
Xosé A. Suárez Picallo, Anxel Fole
e outros centos de irmáns non menos outos
ô corazón que os chora xa finidos:
¡Co-as balas dos traidores furacados
diante ô tráxico asombro dos petoutos
e os “Queixumes dos Pinos” abraiados!,
mouradores no ALEM, ¡non redimidos!,
e que recraman, ¡forte!, ser vengados!…
Tí fóstel-o Moisés que abreu as fontes
das riquezas da Nosa Nai Galega,
hastra agora aldraxada, magöante:
¡Pol-os necios, pechándolle ourizontes;
pol-os pillos, roubándolle a talega;
e facéndoa, os caciques, emigrante!…
¡Tí fostes, bô Lexandro, o Xesucristo
diante ô Abrente das luces do Dereito
ensinando os Camiños da Verdade
—¡car-a cara co-a lus da Dinidade!—
e, por eisí aituar, teu nobre peito,
aniñando tenruras, foi desfeito
no crime mais atrós nos homes visto!…
Tí, como os Precursores,
meresces os máis férvedos loubores.
¡No “Alem”, no “Mar dos Silenzosos”,
na “Soidade”, onde mores,
teral-o ben querer dos irmáns nosos!
¡Non-os chores, Lexandro, non-os chores
na tráxica partida!:
¡Tí seral-o Druída
oficiando no Altar do Sentimento!:
—¡Por todol-os irmáns que nos mataron
por amar o Galego Encumiamento
que agora, como outrora, nos tallaron
n-un crime xamáis visto!;
mais, como Xesucristo,
no triste camposanto…
¡¡terá Rexurdimento!!…
¡¡Santo!!… ¡¡Santo!!… ¡¡¡Santo!!!…

Pola súa banda, Xervasio Paz Lestón (Serantes, Moraime, Muxía, 1898 – Bos Aires, 1977) cita o artista no seu poema «A Galicia» [Alborada, nº 128, xullo a setembro de 1945], que compilei na obra que recolle a miña Memoria ou Tese de Licenciatura, A poesía galega de Xervasio Paz Lestón. Edición e estudo, unha dura acusación contra o “caudillo” Francisco Franco, na que mesmo se nega a súa orixe galega e se lle chama bastardo ou besta carniceira. E xa nos últimos versos recóllese a esperanza de que a liberdade está próxima e lémbrase dos moitos mártires galegos, que simboliza nos nomes de Xaime QuintanillaAlexandre BóvedaCamilo Díaz Baliño e Ánxel Casal, todos catro asasinados nos primeiros días do golpe fascista.

A GALICIA

Con versos inmortales, por Deuses esculpidos
en mármores e bronces, quixérate alaudar,
Galicia inesquecibre, prisión dos meus sentidos,
verxel paradisíaco de ceo, terra e mar.
Unirme aos mil xoglares cantores da beleza
do teu divino chan cô máis aceso amor;
tuas xeiras do pasado, sublimes de grandeza,
cantar coa branca lira d-un épico cantor.
E ser tamén profeta da gran futuridade
que che anunciou a voz do gran bergantiñán
vibrante inda nos ecos, de rouca maxestade,
dos tumbos medoñentos que baten o Vilán.
Con versos inmortales, por Deuses esculpidos
en mármores e bronces, quixérate alaudar,
Galicia…, pero sóio guerreiros alaridos
me xurden desde a-ialma sedenta de loitar.
Propicias non se amostran as horas que vivimos
pra que os espritos podan a vida embelecer;
as tebras ominosas dos tempos que sufrimos
sô dan a alternativa: ¡loitar ou perecer!…
Este é o presente escuro que os vates proclamaron
preanuncio de un futuro de rutilante luz
pra raza, cuios feitos os orbes asombraron,
¡que non soporta ferros de infame escravitú!
(Que é fruito de tal raza, dixeron do “Caudillo”:
¡sagrílega mentira!, o máiximo traidor
tan sóio pode sere da bastardía fillo,
nacido dos lameiros de turbio deshonor…
Mentira que os seus ollos viran a luz primeira
n-algún fidalgo pazo da vila do Ferrol;
non pode ser galega a besta carniceira
que, sâdica, xogou o mâis infame rol).
Mais xa está preto o día da santa libertade,
algúns chispazos brilan na senda do porvir:
detrás de roxa aurora virá a craridade
que as tebras do presente fará esparexir.
¡I-o sangre xeneroso dos mártires, Galicia,
de Quintanilla, a Bóbeda, de Díaz a Casal,
a Themis lle reclama que a espada da xusticia
se abata sobre a gorxa do fero criminal!
Non pode haber clemencia nin pode haber piedade
pra o indiño criminal con alma de Caín
que, pra afogar a voz da santa libertade,
a patria traicionou perxuro, falso e ruín.
E cando os anos pasen, a sangre dos caídos
será máis venerada que agora o Sant Grial;
ao seu recordo sagro, en cantos nunca ouídos
dirá broncas estrofas outro baril Pondal…
En versos inmortales por Deuses esculpidos
quixérate, Galicia, meu numen alaudar,
si foran tempos estos de cantos repolidos
e non de fera loita, de rexo batallar.
¡Quixera por tal causa que os de hoxe foran duros,
de roca, de diamante, de berro loitador,
que batan nas consencias de fêridos i escuros
culpabres de estas horas de tráxico dolor!

Comentarios desactivados en Camilo Díaz Baliño, mártir galego, nos versos de Xervasio Paz Lestón e Antón Zapata García

Comments are closed at this time.