Xan 23 2018

Recensión a Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía, de Xosé Luís Axeitos, en Grial 216

No mesmo último número, 216 (outubro, novembro, decembro do 2017) de Grial, Revista Galega de Cultura, e tamén na sección intitulada «O espello das letras» aínda asino unha outra recensión intitulada «Unha biografía alicerzada nunha abondosa documentación» para dar conta do libro Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía, de Xosé Luís Axeitos.

Velaquí a miña devandita recensión ao completo:

Unha biografía alicerzada nunha abondosa documentación

Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía

Xosé Luís Axeitos

Vigo: Xerais, 2017, 304 páxinas

O profesor Xosé Luís Axeitos ten consagrado boa parte do seu concienciudo labor investigador a profundar na breve, e ben intensa, obra e vida do poeta Manuel Antonio (Rianxo, 1900-1930). De feito foi o editor literario da súa Poesía galega completa (Sotelo Blanco, 1992), na que exhumaba textos inéditos e corrixía grallas, vinte anos despois, da anterior edición do doutor García-Sabell (Galaxia, 1972), e tamén na colección Clásicos da Academia, que publicou a Fundación Barrié en convenio coa RAG, emprendeu a tarefa de compilar, anotar e editar toda a produción en tres volumes: Obra completa. Prosa (2012), Obra completa. Poesía (2014) e Obra completa. Epistolario (2015).

Alén doutros artigos e monografías da súa autoría, como unha guía de lectura poética, a ese proxecto totalizador hai que engadirlle esta biografía Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía que procurou o acubillo dunha editorial máis comercial (Xerais, na súa colección Crónica) co obxectivo de acadar unha maior divulgación entre o público lector e que amplía de maneira considerable os datos que o propio Axeitos dera a coñecer en Manuel Antonio (A Nosa Memoria, Xunta de Galicia, 2000).

O volume, con fotografía do poeta na cuberta, tirada en 1922 polo seu curmán Xosé Pérez González, está estruturado en oito capítulos, cada un deles seguido de varias páxinas con reproducións fotográficas e documentais, alén dunha Introdución e tres apéndices: Bibliografía, Crono-bio-bibliografía de Manuel Antonio e un Índice onomástico.

No limiar Axeitos narra o seu primeiro “encontro fuxidío debaixo da luz difusa dunha bombilla pública da estrada de Rianxo a Asados” coa obra do poeta, unha copia mecanoscrita do poemario De catro a catro realizada por Xosé Romero Bravo, aló nos anos sesenta. E prosegue o relato de como foi medrando nas décadas posteriores o seu interese na obra e na vida de Manuel Antonio, así como vai dando conta das fontes documentais e hemerográficas que foron consultadas, pois o poeta gardou papeis de todo tipo, algúns deles reproducidos nestas páxinas, que fan parte na súa maioría dun fondo que custodia a Fundación Barrié. Por parte, xustifica a escolla do título, pola “rebeldía” de militar no nacionalismo das Irmandades da Fala, minoritario na época fronte aos dous grandes partidos conservador e liberal, e pola “rebeldía” de procurar na súa poesía unha nova dirección experimental e innovadora fronte á estética dominante.

«Fervor de Rianxo» relata a mocidade do poeta no concello mariñeiro e nos dez anos que viviu en Padrón antes de que súa nai, dona Pura Sánchez, fose destinada como mestra en propiedade á aldea rianxeira de Asados en 1916. Axeitos descóbrenos toda a actividade económica, cultural, social e política do Rianxo da época, onde mesmo existiron catro periódicos, con datos de interese sobre moitas outras personalidades locais, entre as que salientan Castelao e Rafael Dieste. Na altura, Manuel Antonio como sobriño e afillado do alcalde e cacique local Manuel Pérez, desenténdese das liortas políticas localistas e principia a súa formación intelectual á sombra do ambiente cultural que latexaba e que o vai levar desde unha idade moi temperá a se achegar ao galeguismo.

«A familia e outros ancoradoiros sentimentais» revela unha completa xenealoxía sobre as persoas máis próximas a Manuel Antonio, de primeiras con dúas anotacións máis xenéricas, quer sobre a familia paterna, quer sobre a familia materna, antes de focalizar a atención na súa nai, Purificación Sánchez Vázquez, coa que mantivo unha intensa e complexa relación como testemuña o parágrafo final: “Ela, sempre en castelán; el, sempre en galego, como nas cartas intercambiadas. Ela católica e beata; el, descrido e afastado das prácticas relixiosas”. Deseguida son analizados o seu tío sochantre Xosé Sánchez Vázquez; o seu tío Valentín Losada Vázquez, párroco e moi conservador e o seu curmán Roxelio Pérez González, con quen mantivo unha relación moi estreita e con quen coincidiu na temperá vocación literaria e nos posicionamentos galeguistas, malia seren máis radicalizados no arredismo de Manuel Antonio. Outros amigos e familiares completan este percorrido que se pecha coa breve relación sentimental que mantivo coa súa veciña de Asados, Mercedes Rodríguez Pimentel, “coa que se carteou durante un ano”. Axeitos sinala a doenza que causará a morte do poeta como a causa principal que provocou o seu distanciamento.

Desde o punto de vista literario é obvio que o capítulo «Formación e lecturas» é o máis interesante, salientando que é moi autodidacta e que “a súa bagaxe intelectual é debedora da biblioteca, dos libros e dos faladoiros máis que das escolas”. Alén da súa lectura de centos de contos infantís de coleccións populares en castelán, Axeitos percorre a vida estudantil de Manuel Antonio, que non se caracteriza pola brillantez, pola súa aversión cara ao Latín e a Química. Esta inadaptación levouno a non poder continuar carreira universitaria, como boa parte dos seus compañeiros, e a derivar os seus estudos cara á formación como piloto na Escola Náutica de Vigo. Porén, o curso 1919-1920 vai converterse en fundamental na creación literaria, principia as colaboracións nos suplementos literarios da prensa da época e escribe moitos poemas, algúns deles que se integrarán na obra Cos anacos d’o meu interior. E as prácticas de navegación requiridas para o título de piloto han se revelar fundamentais á hora de escribir De catro a catro. O capítulo péchase cunha exhaustiva análise dos títulos de libros e publicacións periódicas da biblioteca persoal do poeta, que desde a súa heterodoxia axudan a comprender a súa poética. Tradutor de autores como Baudelaire, Poe, Rimbaud ou Verlaine, coñecedor profundo do modernismo e das revistas e dos manifestos de vangarda e lector de diversidade lingüística, con obras en galego, portugués, castelán, francés e inglés, tamén atesouraba centos de recortes de textos literarios ou de copias manuscritas, ás veces destinadas a circular entre as amizades e que o acreditan como un afervoado letraferido.

En «Navegante» descubrimos o capítulo náutico da vida de Manuel Antonio no pailebote Constantino Candeira, transportando mercadorías a peiraos mediterráneos; no paquebote holandés Gelria, que lle permitiu coñecer Río de Janeiro e Bos Aires, así como a diáspora galega, e no pesqueiro Arosa. Axeitos reproduce as anotacións diarias autógrafas dos seus cadernos de navegación en prácticas no Constantino Candeira, fundamentais á hora de entendermos De catro a catro (Follas d’un diario d’abordo). Por mor da fatalidade da súa doenza non chegaría a acadar o título de piloto.

«Os compromisos éticos de Manuel Antonio» céntrase en explicar a súa militancia política, desde as súas dúbidas adolescentes ata o seu arredismo, ideario que Axeitos sintetiza como antiimperialista e anticolonial. Así, con dezaoito anos, xa milita na sociedade anticaciquil e agrarista rianxeira Acción e publica tres artigos no voceiro agrarista padronés La Redención, con pseudónimo para non se enfrontar ao ideario conservador da súa familia. Porén, en 1918 reparte o Manifesto da Asembleia Nazonalista de Lugo, en 1919 principia unha correspondencia con Vicente Risco e desde 1920 vai militar na Xuventude Nazonalista de Santiago e un ano despois na Mocedade Galeguista de Vigo. Participará de xeito activo nos debates do galeguismo e asiste á IV Asemblea Nacionalista de Monforte. Prodúcelle desalento o enfrontamento fratricida entre o sector de Villar Ponte e o de Risco, aínda que está moito máis próximo ao primeiro.

Toda esta actividade política, como tamén a cultural, vai estar condicionada polos avatares que se relatan no capítulo «Marcado pola enfermidade», que principia así: “Arrecadei entre os papeis de Manuel Antonio un notable monllo de noticias relacionadas coa tuberculose” e no que Axeitos nos fala dos antecedentes familiares, de toda a súa conciencia e preocupación polos avances médicos e tamén dos episodios máis graves, como o que provocou a morte do poeta o 28 de xaneiro de 1930.

«Post mortem: infortunios e adversidade na transmisión da obra de Manuel Antonio» é a única parte que pode levantar poeira nesta biografía. Despois de sinalar que a recepción e a crítica do seu tempo non estiveron á altura da súa obra, debido á polémica que suscitou o manifesto Máis alá!, asinado con Álvaro Cebreiro, e de explicar que foi bastante marxinado pola cultura oficial, Axeitos teima en explicar as diferentes e frustradas tentativas de compilar a súa poesía completa, que só chegaron a cristalizar coa edición do doutor García-Sabell en 1972. E aquí é onde critica que non se lle permitiu consultar os manuscritos do poeta para a edición da súa Poesía galega completa e cualifica o suceso de “secuestro”, apoiando esta denuncia co seu propio epistolario, sempre sen resposta. Non remata aquí a acusación, xa que tamén se laia de non poder consultar en datas recentes o manuscrito da obra De catro a catro. Talvez sirvan estes dous episodios para evidenciar certo patrimonialismo que ás veces atranca os avances na investigación histórica ou literaria.

A obra remata cun «Final prescindible», que non o é tanto, onde se realiza unha exposición sumaria e conclusiva dunhas páxinas nas que Manuel Antonio é definido como: “observador, galego da costa, grande amigo, valente, destemido, boa persoa, arroutado, teimoso, firme, nacionalista comprometido, tabernario, conversador brillante, revolucionario, heterodoxo, solitario, bohemio, etc.” e a lectura confirma que Axeitos non fixo uso de ningún deses trazos caracterizadores sen que houbese un testemuño escrito ou oral que así o puidese documentar. Se hai biografías que optan pola ficción novelada, esta obra escolle a explicación rigorosa e a precisión nos datos, os máis deles do valioso fondo documental da Fundación Barrié, mais tamén de novidosas pescudas en arquivos dos familiares e veciños do poeta. Abofé que non é pouco.

Miro Villar

Comentarios desactivados en Recensión a Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía, de Xosé Luís Axeitos, en Grial 216

Comments are closed at this time.