Xan 09 2018

Na antoloxía Costa da Morte: territorio literario

O Grupo Editorial Sial Pigmalión, que dirixe o poeta Basilio Rodríguez Cañada, publicou este pasado outono a antoloxía Costa da Morte: territorio literario, coordinada e revisada pola poeta fisterrá Branca Vilela. A devandita obra, en edición bilingüe galego / castelán, compila poemas e relatos, e tamén fotografías e ilustracións na parte gráfica, de 42 autoras e autores, relacionados de maneira xeográfica ou inspirados pola paisaxe da Costa da Morte.

Sial Pigmalión dálle continuidade con esta antoloxía a unha das súas coleccións máis emblemáticas, que leva como epígrafe «Territorios literarios», con diferentes obras que percorren ou percorrerán as máis suxestivas xeografías literarias iberoamericanas.

Despois do prólogo «Somos Costa da Morte», de Branca Vilela, veñen en orde alfabética as colaboracións artísticas e literarias de Juanma Abelleira Ronquete (fotografía), Marilar Aleixandre, Vicente Araguas, Suso Bahamonde, Concha Blanco, Rocío Blanco Formoso, Fernando Cabeza Pereira, Fernando Cabeza Quiles, María Canosa, Xoanxo Cespón (fotografía, poema e cadro), Estevo Creus, Sandra Díaz (cadros), Rosalía Fernández Rial, Mighel FK (cadros e debuxos), Modesto Fraga, Serxio Iglesias, María Lado, Luis Lamela, Rocío Leira, Natalia Lema, Rafael Lema, Xosé María Lema, Juan Louro Cambeiro (fotografía), Miguel Mato, Jorge Mira, Rosa Méndez, Alexandre Nerium, José Manuel Otero Lastres, Anxo Pérez, X. H. Rivadulla Corcón, Viki Rivadulla (cadros), Manuel Rivas, Olaia Sendón (fotografía e relatos), Nolo Suárez (cadros), Pedro Tasende (cadros), Roberto Traba Velay, Xulio Valcárcel, Diana Varela Puñal, Miguel Vázquez Freire, Branca Vilela, Miro Villar e Yano Yoro (cadros), seguidos dunna breve biobibliografía das autores e dos autores antologados na parte final da colectánea.

Da miña autoría a escolla recolle tres poemas, o soneto que se inicia co verso «Foi nas Illas Lobeiras co mar por testemuña», do libro Ausencias pretéritas (A Coruña: Espiral Maior, 1992) e que foi musicado nesta versión por Nacho Mora; o poema tamén sen título que leva como verso inicial «o mar, ben coñecido, non oculta segredos», do Abecedario da desolación (A Coruña: Espiral Maior, 1997. Premio Tívoli-Europa en 1997-1998) e o poema «A tempestade» do libro As crebas (A Coruña: Espiral Maior, 2011. XIII Premio de Poesía Concello de Carral).

Para completar esta anotación engado este último texto na súa versión orixinal e na tradución castelá, tal e como figura na antoloxía Costa da Morte: territorio literario.

A tempestade

Tears are round, the sea is deep:
Roll them overboard and sleep.

«Master and Boatswain», The Sea and the Mirror, A Commentary on Shakespeare’s The Tempest (1994), W. H. AUDEN

Non lle agradezas nunca aos deuses que viñeses até o final da terra porque aquí están as portas do inferno, nesta charca ábrese o labirinto que leva inexorable deica a profundidade, ese abismo da culpa, tómbolo de silencios contra aquel mar de fóra que te recibiu calmo nas mareas diuturnas do acolledor setembro.

Naceu A tempestade de William Shakespeare en lugares coma este, porque aquí son redondas as bágoas e profundo o mar onde se esvaen, cando antes do descanso se tiran pola borda e converten as vagas en vagallóns sonoros.

Aquí habita a tristeza, no cabo da alegría.

Non lle agradezas nunca aos deuses que viñeses.

***

La tempestad

Tears are round, the sea is deep:
Roll them overboard and sleep.

«Master and Boatswain», The Sea and the Mirror, A Commentary on Shakespeare’s The Tempest (1994), W. H. AUDEN

No le agradezcas nunca a los dioses que llegases hasta el final de la tierra porque aquí están las puertas del infierno, en esta charca se abre el laberinto que lleva inexorable hasta la profundidad, ese abismo de la culpa, tómbolo de silencios contra aquel mar de fóra que te recibió calmo en las mareas diuturnas del acogedor setiembre.

Nació La tempestad de William Shakespeare en lugares como este, porque aquí son redondas las lágrimas y profundo al mar donde se diluyen, cuando antes del descanso se tiran por la borda y convierten las olas en oleaje sonoro.

Aquí habita la tristeza, en el cabo de la alegría.

No le agradezcas nunca a los dioses que llegases.

No responses yet

Trackback URI | Comments RSS

Deixa unha resposta