Dec 29 2017

Moita saúde, moita poesía e moita felicidade no 2018

Published by at 11:36 under Fotografía,Poesía,Tradicións

Salvador da Costa Evangelista Verde, Salvador

O orgullo dos percebes arrincados da pedra,
mineral de arxentita que nos cega co brillo,
empequenece o risco da máis difícil veta.
Corpo neopreno e brazos cordas leron perigos
no andante movemento rápido da rasqueta.

Miro Villar

Estamos a piques de lle poñer o ramo a un difícil ano que trouxo no cesto moita mazá podre, que case estragan as froitas sabedeiras.

Continúa a medrar na nosa vella Europa de xeito alarmante a insolidariedade e a xenofobia semella non ter lindeiros, sen lle darmos solución ao drama das persoas refuxiadas.

E neste estado que habitamos campan polas balconadas e polas rúas os saúdos romanos e as bandeiras co franquista paxaro da morte, mentres non se recoñece o dereito de autodeterminación dos pobos.

Continúan en devalo as seculares conquistas dos nosos dereitos civís, democráticos e sociais, e nesta nosa vella nación milenaria continúa o abandono e o despoboamento do rural e a nosa cultura e a nosa lingua sofren agresións e o desleixo de quen ten o poder político para as subverter.

Porén os desazos que houber teñen que mudar en azos para erguer a esperanza no vindeiro ano.

Moita saúde, moita poesía e moita felicidade neste 2018 que se achega para ti e a túa xente!

E máis unha vez botei man dunha fotografía de Manuel Álvarez que acompaña este poema do libro descatalogado Gameleiros (Xerais, 2002). Sirva tamén para honrar a memoria inesquecible do amigo poeta e percebeiro Paco Souto que nos deixou o pasado 30 de marzo.

Comentarios desactivados en Moita saúde, moita poesía e moita felicidade no 2018

Comments are closed at this time.