Dec 11 2017

Recensión a Máscaras de espellos, de Raúl Gómez Pato, en Grial 215

Published by at 19:12 under Poesía,Premios,Recensións

No último número, 215 (xullo, agosto, setembro do 2017) de Grial, Revista Galega de Cultura, que desde hai uns días xa anda polas librarías, e tamén se pode adquirir en edición dixital desde a propia páxina da Editorial Galaxia, asino na habitual sección intitulada «O espello das letras» unha recensión intitulada «A condensanción expresiva dos tercetos» para saudar o poemario Máscaras de espellos, de Raúl Gómez Pato.

Por outra banda, este número, 215, está centrado en «A cultura galaica, os celtas e o Atlántico», con traballos de Fernando Alonso Romero, Rosa Brañas, Ladislao Castro, Francisco javier González García e Susana Reboreda. Completan esta entrega «Novas achegas a Carlos Casares», desta volta por Ricardo Gurriarán, e tamén son de interese outros artigos como «As políticas culturais en Galicia», de Marcos Lorenzo, «O contrato de María Pérez Balteira con Sobrado», de Joaquim Ventura ou «Os males da ciencia», de Juan Ignacio Pérez Iglesias, así como a «Carta de Tervuren. O banco dos mil e us soños», que asina Xavier Queipo, sen desmerecer outros contidos da revista.

Velaquí a miña devandita recensión ao completo:

A condensanción expresiva dos tercetos

Máscaras de espellos

Raúl Gómez Pato

A Coruña: Espiral Maior, 104 páxinas

Raúl Gómez Pato era un poeta fidelizado polo singular catálogo da colección de poesía de Edicións Positivas, onde tiña publicado os seus catro títulos anteriores: Choiva, vapor e velocidade (1999), A casa deshabitada da familia Pena (2001), Verba quae supersunt (2003) e Tratado de zooloxía para corazóns mancados (2009); aos que se une agora Máscaras de espellos, editada por Espiral Maior, obra que foi escolleita polo xurado do I Premio de Poesía Xosé María Díaz Castro, convocado polo Concello de Guitiriz en homenaxe ao seu poeta máis sobranceiro, nado en Vilariño (Os Vilares).

Por casualidades do destino, Díaz Castro e Gómez Pato teñen varias coincidencias biográficas e literarias, o primeiro malia especializarse en linguas modernas tamén foi profesor de lingua clásicas como o segundo que é docente de Latín e Grego. Ambos e dous son prestixiosos tradutores, Díaz Castro foino dunha ducia de linguas para o castelán e anosou a Rilke ao galego, mentres que Gómez Pato traduciu o bestiario medieval Libellus de natura animalium (1999), Cantos e fragmentos de Safo (2008) e a antoloxía Unha rosa encarnada, do poeta escocés Robert Burns (2014). E á hora de escribiren os seus versos, malia a distancia cronolóxica que non os fai contemporáneos, hai moita querencia pola literatura clásica como fonte inesgotable de lecturas amadas.

Máscaras de espellos xunta 169 tercetos, aínda que sen pecharse na súa armazón máis ortodoxa, pois aparecen libres na súa rima e irregulares na súa métrica, con preferencia polo verso longo, a semellanza dos poemas en versículos, mais sen a coherencia temática destas obras ou dos tercetos petrarquistas poñamos por caso, xa que neste libro diverxen nunha miscelánea sen fíos aparentes.

Raúl Gómez Pato ben puido ter como referencia uns versos de «Remeiro son», de Manuel Lueiro Rey, recollidos na Nova escolma ferida (Ediciós do Castro, 1988).
“Quixera racha-las ameazas / dos que medren co cheiro da calunia / e ao lombo levan cen máscaras de espellos”

Hai moito de epigramático nestes tercetos de Gómez Pato que demostran máis unha vez o seu oficio e o seu profundo coñecemento dos clásicos greco-latinos ou mesmo da cultura persa, mais tamén na condensación expresiva que provoca a estrutura fixada hai unha débeda evidente cos breves hai-kai orientais que tantas influencias xeraron na poesía occidental.

Alén diso os tercetos prescinden de todos os signos de puntuación, favorecendo en moitas ocasións diferentes posibles lecturas para un mesmo texto, e a inmensa maioría levan como título unha única palabra, con escasas excepcións como o poema que lle serve para intitular todo o conxunto.

No tocante á enunciación os tercetos abalan entre o eu poético e o nós, a primeira das voces para os versos máis intimistas e a segunda para as reflexións ou reivindicacións da colectividade, da tribo.

O abano de temáticas é tan amplo que resulta imposible realizar un compendio, desde poemas da actualidade que nos conmove (“REFUXIADO. os gases que emiten as lamias chamuscadas son nocivos para a saúde / repítese o polizón que atrás renunciou ao país no ataúde / refuxiado durmirá ao pairo máis tarde o abrente o sorprenderá”), cabo da memoria histórica como os poemas que reviven o relato de 1936 (“GUERRA CIVIL. avanzamos entre cadáveres eviscerados membros desosados / sobre a herba arrandeada polo furacán da avaricia a lúa fitaba / sen albiscar as faccións as máscaras inimigas espantándose de quen perseguimos”), ou a forte presenza da metaliteratura que se interroga sobre as orixes da escrita xa desde o verso que abre a obra (“escribir como un vagaroso convoi que nunca termina de pasar”) ou sobre a creación poética, como acontece en MUDO que remata: “so o poema canta disfónico o poeta so o poema fervella o espazo”, ou no derradeiro dos tercetos CIRCO no que a poesía sobrevive a morte do poeta aforcado.

Abondan os versos citados para testemuñar unha dirección próxima ás imaxes surrealistas e a precisión no uso da linguaxe que convive coa provocada imprecisión na sintaxe pola xa referida ausencia de signos de puntuación da que xorden novas posibilidades de lectura. Mesmo hai unha serie de poemas que semellan definicións dun dicionario polo seu carácter descritivo, velaí PREDICADORES ou FASCIO.

A nosa identidade nacional e a nosa historia colectiva (NACIÓN CERO, CASTRO DE SAN TOMÉ…), a voracidade do alto capitalismo, a presenza da morte e o inexorable transcorrer da vida, tempus fugit, a lembranza dos devanceiros (PAN), mais tamén a desmemoria ou a desaparición de espazos amados, a preocupación polas linguas periféricas, son outros fíos que se denvolven nestes SIGNOS:
“a vida precisamente consiste nisto dous puntos
un nace coma crece coma reprodúcese e morre punto
mais o que verdadeiramente importa son os demais signos ortográficos”

Miro Villar

Comentarios desactivados en Recensión a Máscaras de espellos, de Raúl Gómez Pato, en Grial 215

Comments are closed at this time.