Nov 10 2017

Artigo en QPC (XXXVIII): «A prensa de Corcubión ao servizo da Costa da Morte desde 1890 (2ª parte)»

Published by at 15:11 under Estudos literarios,Historia,Xornalismo


(Nerio. Órgano de defensa. Ano II. Número 13 – 24 de xullo de 1921. Premer na imaxe para a lectura deste número completo)

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para divulgar «A prensa de Corcubión ao servizo da Costa da Morte desde 1890 (2ª parte)», un texto que haberá ter continuidade. Velaquí esta primeira parte que tamén se pode ler nesta ligazón.

A prensa de Corcubión ao servizo da Costa da Morte desde 1890 (2ª parte)

Xesús Torres Regueiro no seu artigo «A prensa corcubionesa» (Nerio. Boletín Informativo do Concello. Segunda Época. Número 1. Corcubión, abril de 1985, páxs. 4-5) sinala que a primeiros de século xurdiron dúas publicacións La Verdad (1903) e El Canta-Claro (1905) que define como «voceiros do deputado a Cortes polo distrito Ramón Sanjurjo Neira». Na política da época, que alternaba entre conservadores e liberais, este avogado e segundo Marqués da Casa Pardiñas chegou a ser deputado polo distrito de Corcubión nos anos 1901 (con 7768 votos de 8151 votantes nun censo de 10304 electores), 1903 (con 6689 votos de 6690 votantes nun censo de 10421 electores) e 1905 (con 3761 votos de 7333 votantes nun censo de 10350 electores), e xa a partir de 1907 e até 1919 polo distrito de Arzúa. A súa presenza no distrito de Corcubión, malia ser nado en Compostela e con ascendencia en terras de Vilagarcía da Arousa, estaba xustificada porque entre as súas propiedades naquela altura posuía pazos, terras e rendas anexas en Carrabete (Serantes, Laxe).

La Verdad (1903): A única información que manexamos sobre este xornal é a que ofrece Torres Regueiro e que reproducimos deseguida, depurando algunhas grallas.

«La Verdad subtitulábase “Periódico semanal defensor de los intereses del partido judicial”. Apareceu no 1903 e debeu ter curta vida. Dirixiuno Emilio Waldemar, que anos despois seria secretario dos concellos de Corcubión e Cee. A publicación mantiña enfrontamentos con El Eco de Mugia, que viña a ser o eco do bando político muxián dos López Abente, quen defendian neste intre os intereses do candidato Blanco Rajoy, adversario político de Sanjurjo.»

El Canta-Claro (1905): A información sobre esta revista tamén é escasa. O artigo, sen asinar, «Prensa histórica corcubionesa» da enciclopedia dixital Galipedia mesmo sinala que se trataba dun periódico, cando o seu formato e o propio subtítulo evidencian que esta publicación periódica tiña vocación de ser unha revista. Dise: «El Canta-Claro foi un periódico editado en Corcubión en 1905. Subtitulada Revista literaria e independente, defensora de los intereses generales, apareceu en 1905. No número 9 (10 de decembro de 1905) apareceu un artigo en galego sobre a Festa das Neves. Tiña colaboradores en Muxía, Vimianzo e Camariñas.»

Torres Regueiro, despois de consultar o único exemplar conservado é máis explícito: «El Canta-Claro apareceu en 1905. Subtitulábase “Revista literaria e independente. Defensora de los intereses generales”. O número 9 -único que coñecemos- é unha total apoloxía, con fotografía e todo, do político liberal español Moret, que viña de ser nomeado Presidente do Goberno. Na cabeceira figuraban estas curiosas e contraditorias lendas: “Los pueblos libres y agradecidos á sus protectores progresan notablemente” (¿os povos libres necesitan protectores?) e esta outra: “Corcubión no tiene caciques, y los desvelos y laboriosidad de los gobernantes, lo harán ser grande y floresciente”.

Como curiosidade, tanto La Verdad como El Canta-Claro custaban 10 céntimos o exemplar, coas 4 páxinas e o formato típico da prensa da época.»

Nerio (1920): Reelaborando a información que ofrecía o mencionado artigo de Torres Regueiro e engadindo algúns datos a maiores eu propio achegueime un pouco máis a esta revista, cando fun bolseiro de investigación no proxecto do Dicionario da Literatura Galega, que publicou Galaxia, coa coordinación da crítica e profesora de Literatura Galega na USC Dolores Vilavedra, sendo un dos redactores que elaborou as fichas dos volumes II. Publicacións periódicas (1997) e III. Obras (2000). No primeiro volume o artigo sobre Nerio é da miña autoría, aínda que por decisión editorial, que moito non comparto, as fichas non van asinadas polo autor da entrada de xeito que cada quen puidese responsabilizarse do texto que se publicou. Velaquí a miña achega:

«Nerio. Inicialmente tiña como subtítulo “Revista quincenal independente. Órgano defensor de los intereses de la comarca” e despois, en plena campaña pro-ferrocarril A Coruña-Carballo-Corcubión pasaría a chamarse “Órgano de defensa. Corcubión-Muros”, ó se interesaren tamen os muradáns polo proxecto. De feito, foi un intento de prensa comarcal que serviu de axitador desta e, en menor medida, doutras reivindicacións. O primeiro número apareceu o 1 de xullo de 1920 e durou ata setembro de 1921, saíndo un total de dezasete. A publicación era quincenal, figurando como director Segundo Rey Fernández, se ben a alma mater era o mozo Pepe Miñones, que chegaría a ser deputado na II República. Nun principio constaba de dez páxinas que foron aumentando despois. Na derradeira comparecencia do periódico anunciaba a súa ampliación no número de páxinas, con aparición circunstancial cando así o demandasen as necesidades da zona, sen embargo este desexo non se converteu en realidade. Contaba con correspondentes en toda a comarca e entre os emigrantes, na Arxentina e en Cuba. Eran colaboradores habituais coñecidos personaxes da comarca como Esmorís Recamán, Lastres Carrera, Juan Díaz Fernández e Evaristo Vázquez Mouzo, ou escritores de prestixio no país como o xornalista Roberto Blanco Torres. Ademais das noticias de actualidade comarcal, sociedade, marítimas, agrícolas, traballos históricos e literatura, tiña abundante publicidade. No tocante á literatura galega, nas súas páxinas reproducíronse poemas en galego de clásicos como Rosalía de Castro e Curros Enríquez ou de escritores da zona como Gonzalo López Abente, Víctor Castro Rodríguez ou Emilio Waldemar, ademais dunha serie de coplas das históricas “parrandas de san Xoán e de san Pedro”. Finalmente, tamén se debe mencionar o serial, en castelán, “La costa poética en la pos-guerra” de X. Campos Núñez”.»

Da cumprida información ofrecida por Torres Regueiro nesa altura deixei fóra esta curiosidade: «Non faltaba a autopropaganda: “Lea usted Nerio. Es la mejor revista de pueblo que se edita en España. Selecta colaboración”.»

Novamente, Luís Lamela na súa imprescindible biografía do deputado republicano corcubionés fusilado polo franquismo Pepe Miñones. Un crimen en la leyenda (1900-1936) (Edicións do Castro: 1991, dedica as 32 páxinas do capítulo 1. 4. «La revista Nerio», alén dos datos máis esenciais sobre a publicación e de incluír o seu primeiro editorial, a citar e mesmo nalgúns casos reproducir por completo os artigos de Pepe Miñones, con chamados á emigración galega en América, coa defensa da Terra fronte ao poder central, e de maneira central a reivindicación do denominado «Ferrocarril dos tres C» (Coruña – Carballo – Corcubión), como tamén a avogar pola unión das vilas de Cee e Corcubión nunha única entidade pobocional que se denominaría Neria.

Malfadadamente, máis unha vez, os exemplares que se conservan da revista Nerio están en diversas mans privadas, pois a monumental base de datos do proxecto Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia

(http://biblioteca.galiciana.gal/gl/inicio/inicio.do)

tan só posúe un único exemplar dixitalizado: Nerio. Órgano de defensa. Ano II. Número 13 – 24 de xullo de 1921, ao que corresponden as imaxes que acompañan esta anotación.

(ha continuar)

No responses yet

Trackback URI | Comments RSS

Deixa unha resposta