Out 30 2017

Adeus ao escritor chairego Xosé Manuel Carballo Ferreiro

Published by at 16:47 under Antoloxías,Narrativa,Obituarios


(A fotografía da capa é da autoría de ©Xan Muras)

Finou antonte o escritor chairego Xosé Manuel Carballo Ferreiro (San Martiño de Goberno, Castro de Rei, 1944 – 2017), tamén coñecido como activista cultural e sacerdote na Terra Chá, e, malia non termos trato persoal, interesounos a súa obra que revisitamos para a antoloxía Pico Sacro, ferido polo lóstrego e a lenda (Escolma de textos literarios éditos e inéditos na literatura galega contemporánea), Alvarellos Editora 2017, coordinada por min propio e por Xosé Manuel Lobato, escritor e presidente da A. C. Mestre Manuel Gacio de Boqueixón, entidade que promoveu a súa publicación.

Na devandita escolma que ten como título un verso do poeta Manuel María, quen definiu o “Pico Sacro / ferido polo lóstrego e a lenda” e que presentamos en dúas partes: Textos éditos (por orde cronolóxica) e Textos inéditos (por orde alfabética), figura entre os primeiros un fragmento da novela xuvenil Don Otto de viaxe pola Chaira (Lugo: Citania de Publicacións, 1993), reproducido por nós nas páxinas 145-146 e que deixamos aquí deseguida a xeito de homenaxe póstuma.

Que a terra lle sexa leve!

Xosé Manuel Carballo Ferreiro (San Martiño de Goberno, Castro de Rei, 1944)

Fragmento de Don Otto de viaxe pola Chaira (Lugo: Citania de Publicacións, 1993)

A certa altura dunha conversación máis ou menos intrascendente preguntou Eurika:
– ¿Que pode ser unha especie de calzada que enxerguei desde a coroa do Castro contra o nordés e que parece subir pola Serra de en fronte arriba?
O caseiro, que se criara, en Vilar de Mouros na caída da Serra, deu a resposta que escoitara de neno:
– Polo visto, foi unha regazada de croios que se lle ceibou a unha meiga que tentaba acroiar a un vello frade do císter do convento de Meira; pero el fixo un esconxuro e á meiga ceibóuselle a mantela. As pedras rodaron polo monte abaixo e deron lugar a unha cascada de cachotes ciclópeos que chama a atención a calquera .
– É unha lenda fermosa, abofé, – comentou Don Otto.
O medio mestre, medio segador, aínda estaba medio enfurruñado, pero engadiu:
– Esa lenda pode completarse. Os cachotes non eran tan grandes cando se ceibaron do mantelo; pero por debaixo deles corre o fertilizante nun dos seus máis seguros nacementos. As súas augas, preñadas de todo a virtualidade orixinal, son a causa de que as pedras, que afunden nelas as súas raíces, medren media arroba por tonelada de peso cada dez anos.
– Tamén é ben fermoso o que acaba de dicir, – apurou a corroborar Don Otto, ledo de ter oportunidade de dar unha satisfacción a aquel con quen antes liortara.
Ó comeza-la tertulia, encendérase unha fogata creadora de fraternidade na vella cheminea do salón. O vello arqueólogo, coma fóra do tempo e de si, cos ollos perdidos nas charetas fuxidías, marmullaba palabras incoherentes para os caseiros e tan só evocadoras para o semi- mestre:
– Pedra, auga, lume. Lume, auga, pedra. Moisés. Pena de Horeb. Pedregal. Pico Sacro. Sartego xacobeo. Abalá-la pedra…
A caseira, rebordante de simpleza, de traballo realizado a conciencia e de sufrimento agochado no fondo da alma preguntou:
– ¿Aló donde vostedes son hai meigas?
Cando Eurika ía responder que si cortouna Don Otto respondendo el polos dous:
– Tamén alí se cre nelas. Tamén alí morreron queimadas varias que se cría que o eran e, incluso, poida que elas mesmas o cresen. Nas meigas crese en case tólo-los sitios donde o vento zoa nas árbores as noite de treboada, e donde as pólas baten nos vidros das ventás coma longoa brazos de medo.


Comentarios desactivados en Adeus ao escritor chairego Xosé Manuel Carballo Ferreiro

Comments are closed at this time.