Set 29 2017

Poema (XCIV): «CATALUÑA / CANCIÓN», de Farruco Sesto

Published by at 16:02 under Poesía,Política,Recensións

Lembrounos o académico e escritor amigo Darío Xohán Cabana o poema intitulado «CATALUÑA / CANCIÓN», de Farruco Sesto, que apareceu por vez primeira hai cincuenta anos no que foi o seu primeiro libro de poemas en lingua galega Da estrela e da fouce (Caracas, 1967).

CATALUÑA / CANCIÓN

Para Felisa esta canción coma
se fose unha rosa vermella

na man esquerda do vento leste
o corazón a rente as nubes
Cataluña sempre de pé

cando a marea da barbarie sobe
cando na terra chora o tempo
Cataluña sempre de pé

no escuro tempo das cadeas
fosca paz e zorregada lingua
Cataluña sempre de pé

desamañados días de loita
morto silencio para sempre
e Cataluña sempre de pé

a espranza vai e vén co vento
cantan os galos e non cantan
e Cataluña sempre de pé

E así na noite decretada
sempre de pé Cataluña sempre
Cataluña sempre de pé

O poema tamén se inclúe no volume Pequenos encontros, as marcas deixadas. Obra poética reunida (1967–1995), de Farruco Sesto, que publicou Espiral Maior, con prólogo de Xosé Luís Méndez Ferrín e introdución e edición literaria de Yolanda Castaño.

Farruco Sesto (que mantén dous blogues: confarruco e cuadernosparalacomuna) é un poeta galego emigrado a Venezuela en 1962, onde militou diversas formacións comunistas até confluír no chavista PSUV actual, alén de ser arquitecto, urbanista e profesor recoñecido, e tamén ter cargos de moito relevo nos sucesivos gobernos bolivarianos, entre eles o Ministerio de Cultura.

Neste volume compílase a súa poesía en galego até 1995, nove libros: Da estrela e da fouce (1967), Achegamento aos trebellos (1970), Por unha muller (1971), UPG Poemas (1973) e Porta aberta (1975), o inédito Cancións e poemas dispersos, da mesma época, Isolda (1990), Cuestión de nomes (1990) e Auga final (1995).

No número, 190, de Grial, Revista Galega de Cultura, publiquei esta recensión de Pequenos encontros, as marcas deixadas. Obra poética reunida (1967–1995), de Farruco Sesto.

A palabra afastada

Pequenos encontros, as marcas deixadas. Obra poética reunida (1967–1995)

Farruco Sesto

Culleredo: Espiral Maior, 2010, 218 páxinas

Méndez Ferrín por volta de 1980 cualificou a Farruco Sesto Novás como “o mellor poeta galego vivo, como case ninguén sabe”, a quen nomea agora como “grande poeta” no Limiar a este volume compilatorio que xunta toda a poesía galega completa do vigués emigrado a Venezuela co epígrafe Pequenos encontros, as marcas deixadas. Obra poética reunida (1967–1995), nunha edición preparada pola poeta Yolanda Castaño. As hiperbólicas palabras ferrinianas, aínda téndomonos de conta aquela data na que foron escritas, van acompañadas da constatación do escaso coñecemento que tivo sempre a poesía de Farruco Sesto, pexada sempre polas minúsculas edicións que adoito se distribuían entre achegados e amizades e tamén por esa estraña maldición de alleamento co que o campo literario galego recibiu sempre poéticas escritas alén das nosas fronteiras, como acontecería neses anos co malogrado Xoán-Manuel Casado ou incluso con Vicente Araguas.

Por parte, Farruco Sesto formou parte dunha promoción inxustamente desprezada pola crítica, que os considerou voces epigonais de Celso Emilio, e que María Victoria Moreno Vázquez xuntou na escolma Os novísimos da poesía galega (1973), na que concorreron autores e autoras hoxe afastados do estro como Lois Álvarez Pousa, Alfredo Conde e Margarita Ledo Andión, de produción irregular como Lois Diéguez e Xavier Rodríguez Barrio, ou de ampla obra como Darío Xoán Cabana, Xesús Rábade Paredes, Xosé Vázquez Pintor e Fiz Vergara Vilariño. E, con certeza, non se desprendeu do clixé até a aparición do seu libro Isolda (1990).

A reprodución do cadro “Mater Gallaeciae” de Luís Seoane é a cuberta escollida para esta obra poética reunida polos editores, con moito acerto pola proximidade entre as súas poéticas, non só ligadas por seren froito da emigración senón tamén pola inspiración marxista.

No Limiar Ferrín achéganos as súas raiceiras galegas, salientando a personalidade de seu pai, Xosé Sesto, tamén poeta, e atrevéndose a sinalar a Celso Emilio pola intensa relación que tiveron en Caracas durante varios anos. Percorre tamén a súa vida política dende a primeira UPG até o actual compromiso coa revolución bolivariana. Defíneo coma un intelectual completo por xuntar teoría e praxe, na arte e na política, antes de o dignificar como “Poeta noso de pleno”, resumindo toda a súa obra até Isolda e sobranceando o seu contacto co cantautor e músico Xulio Formoso, un dos xermolos na nova canción galega que agromou a finais da década dos sesenta.

A compiladora, Yolanda Castaño, ofrécenos unha documentada Introdución de dezanove páxinas, que nos fornece moitos datos precisos sobre a biografía persoal de Farruco Sesto, tanto dos seus anos galegos coma dos venezolanos, que principian en 1962. Neste retrato desenvólvense dúas liñas fundamentais, dunha banda para facernos coñecedores da súa evolución política en diversas formacións comunistas até confluír no chavista PSUV actual, da súa carreira profesional, como arquitecto, urbanista e profesor recoñecido, e de servizo público con cargos de moito relevo nos sucesivos gobernos bolivarianos, entre eles o Ministerio de Cultura. E doutra banda un detallado seguimento da súa produción literaria, incluso en castelán mais con énfase na obra galega. Castaño debulla unha a unha todas as publicacións, con profusión de datos que nos confirman sempre o limitado das edicións e da súa recepción crítica e lectora, alén de sinalar que ela realizou un proceso de actualización lingüística dos textos, engadindo tamén un glosario final.

Nove son os libros compilados. Os cinco primeiros abeiran o socialrealismo: Da estrela e da fouce (1967), Achegamento aos trebellos (1970), Por unha muller (1971), UPG Poemas (1973) e Porta aberta (1975), unha liña temática que se completa no engadido pola compiladora co epígrafe Cancións e poemas dispersos. O primeiro, como advirte Celso Emilio Ferreiro no Breve Limiar, está percorrido pola saudade de quen era na altura mozo e emigrante, porén non é unha nostalxia contemplativa e mexeriqueira senón moi crítica cos males que percorren a terra que se deixou atrás, a “nación aldea da xigante anguria”. Formas sinxelas, afastadas do hermetismo, que acadan a maior concisión nos “Poemas pequenos” e nas “Paisaxes”. E cómpre chamar a atención sobre o humor acedo que chega ao seu cumio en “Concurso (Poema en tres tempos)”. A decantación e depuración continúa ao máximo no canto dos obxectos cotiáns de Achegamento aos trebellos, libro perdido que só a antoloxía dos “novísimos” permitiu recuperar en parte.

Por unha muller é un poemario de amor, mais de amor aos procesos de transformación social: “Por unha muller que ten un / só nome, / revolución, / e un millón de sorrisos“. Algo que xa deixou escrito na nota que antecede aos poemas deste libro compilados por Mª Vitoria Moreno. Da mesma xinea son os quince textos de UPG Poemas, aparecido co pseudónimo de Bárbaro Tomé, quen tamén asina un Limiar onde arremete contra os que aborrecen da poesía social. Nos poemas, onde cremos innegable a influencia de Méndez Ferrín, aparece por vez primeira o verso longo e de carácter máis narrativo, con especial preferencia polo hendecasílabo branco.

As vinte composicións de Porta aberta semellan a continuidade do discurso lírico encetado no libro anterior, tamén en versos potentes e longos, arestora máis simbólicos e nos que acadan especial significación a casa (tan produtiva como topoi na poesía galega dos últimos anos) e os elementos da natureza, sempre co recendo da saudade (Choro polos obxectos que noutras terras se perderon). Malia o feito de se publicar en 1975 e da a súa cativa autoedición non venal de cen exemplares, concordamos co profesor Monteagudo que o nomeou “auténtico precursor do desenvolvemento posterior da nosa poesía”. Certo é que a súa matería poética sorprende, mais habería que estudar a quen chegou aquí neses anos e de que maneira puido influír. Intuímos que moi pouco, na altura na que o deslumbramento proviña de Con pólvora e magnolias ou de Seraogna.

As Cancións e poemas dispersos non engaden gran cousa e confirman liñas anteriores, alén da eufonía e a musicalidade dos textos. Entre eles salientan os alexandrinos da “Imprecación á morte de Celso Emilio Ferreiro” que se leu nun acto público en 1979.

Haberá que agardar case unha década até Arte poética. Poema de amor a Rosalía (1984), escrito para o centenario da morte da poeta en 1985 e cuxo título xa é dabondo esclarecedor. A estrutura dialóxica e invocatoria acrecéntase cunha morea de interrogacións retóricas e motivos alegóricos. Poesía de moita altura a que atopamos neste pequeno libro.

E chegamos a Isolda (1990) que ensanchou de maneira notable os lectores de Farruco Sesto, se cadra animados polas xenerosas palabras do prólogo de Basilio Losada, quen se gaba de ter sido o seu lector desde a primeira hora. Losada destaca que renova a expresión poética amorosa, ferida polo petrarquismo, e que canta tamén a patria perdida. A estas palabras nós acrecentamos a excelente dimensión metapoética, velaí “Gume da palabra”, “Unha paixón” (onde di: “Escribo para que a roda non se pare, / e revederza o vacilante soño“), “Corpo da escritura” ou “Arte poética”, que xa xustificarían en por si a lectura deste libro.

En Cuestión de nomes (1990) e Auga final (1995), Farruco Sesto regresa á brevidade, case até rozar o minimalismo, daquel Achegamento aos trebellos. Porén, agora a linguaxe é máis elaborada e sobre o amor, eixo recorrente, trascenden novas temáticas, como no magnífico poema inicial do derradeiro libro, “A néboa avanta”, no que se pregunta polo alén.

A palabra afastada de Farruco Sesto, nestas case tres décadas que abrangue a compilación da súa poesía galega, está lonxe de requintados artificios retóricos, a tensión expresiva e a densidade de pensamento son algunhas das marcas que nos deixa un autor que lle comentaba ao poeta Daniel Salgado nunha entrevista recente: “Comecei a escribir en galego mais por razóns políticas que literarias”. Aquel contexto mudou mais non o interese por facer parte dun campo literario como o noso. Benvida sexa a súa decisión e a súa toma de conciencia, para aprendermos neste país de ananos desertores da lingua e para gozarmos da súa poesía.

MIRO VILLAR

Comentarios desactivados en Poema (XCIV): «CATALUÑA / CANCIÓN», de Farruco Sesto

Comments are closed at this time.