Set 19 2017

Artigo en QPC (XXXV): «Novos testemuños do franquismo de Eugenio López López»

Published by at 19:33 under Historia,Política


(ABC, 13 de xaneiro de 1957)

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para ofrecer novos testemuños do filofranquismo de Eugenio López, nome que aínda recibe o CEIP público de Cee. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

Novos testemuños do franquismo de Eugenio López López

Esta semana principiou o novo curso escolar 2017 / 2018 e a cidadanía democrática aínda está na obriga de aturar que o CEIP Eugenio López de Cee continúe a honrar a memoria dun destacado dirixente que sempre estivo na elite dos cadros do ditador Francisco Franco, como xa denunciamos hai ano e medio na nosa primeira colaboración no dixital Que Pasa Na Costa.

Naquela altura exhumamos documentación sobre o seu nomeamento como «Director General de Enseñanza Primaria» no que se revelaban todos os seus antecedentes de militancia na administración franquista desde os anos sesenta, cando xa era responsable da Delegación Nacional del Frente de Juventudes.

O seu curriculum de servizo ao franquismo é enorme e prolongouse ata a súa última hora. Nesta nova colaboración exhumamos novos datos sobre esa colaboración co réxime, para escarnio e vergonza das e dos concelleiros da corporación de Cee que se opuxeron ao cambio de nome do colexio público, mais tamén para vergonza allea das persoas responsables desta área na Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Desta volta escollín dous acontecementos da súa biografía que amosan ben ás claras o seu afervoado compromiso coa causa franquista e que están moi separados no tempo, para que a diacronía sexa testemuña de que esa filiación e esa entrega entusiasta ao réxime nunca minguou.

O primeiro documento data do 13 de xaneiro de 1957 e foi tirado da hemeroteca dixital do diario madrileño ABC, que desde hai algúns anos ofrece acceso libre a toda a súa colección a través desta ligazón:

http://hemeroteca.abc.es/A imaxe que reproducimos correspóndese a unha noticia breve intitulada «CONCESIÓN DE CONDECORACIONES» e o seu primeiro parágrafo sinala:

«Por un decreto de la Jefatura del Estado, que publicó ayer el Boletín Oficial, se concede la Encomienda sencilla de la Orden Imperial del Yugo y las Flechas a los señores D. Luis Martínez de la Ossa, D. José Aguilar Espinosa, D. Guzmán Zamorano Ruiz, D. Ciríaco Elvira, D. Pedro Godoy, D. Antonio Avendaño Porrúa, D. Antonio Rodríguez, D. Juan Ramírez Filosia, don Leonardo Albert Espí y D. Eugenio López López.»

O segundo testemuño documental, ben afastado no tempo, é do domingo 18 de xullo de 1971, data que conmemoraba o Alzamiento Nacional, ou o que é o mesmo o golpe militar contra a democrática II República, e está extraído do Diario Oficial del Ministerio del Ejército, ano LXXXII, nº 160. (Tomo III, páx. 273-274) que na sección «DECRETOS» sinala:

«En atención a los méritos y circunstancias que concurren en don Eugenio López y López,

Vengo en concederle a propuesta del Ministro del Ejército, la Gran Cruz de la Orden del Mérito Militar, con distintivo blanco.

Así lo dispongo por el presente Decreto, dado en Madrid a diecisiete de julio de mil novecientos setenta y uno.

FRANCISCO FRANCO

El Ministro del Ejército
Juan Castañón de Mena.»

De 1957 a 1971 Eugenio López recibe dúas condecoracións do réxime franquista. Toda a súa vida de entrega xenerosa nestes testemuños que demostran, máis unha vez, o seu colaboracionismo coa ditadura. A Lei da Memoria Histórica segue a ser papel mollado en Cee. Alemaña ou Italia nunca permitirían que un cadro dirixente do nazismo de Hitler e do fascismo de Mussolini gozasen dun recoñecemento público e menos aínda nun colexio onde se debería formar e educar en valores democráticos.


Comentarios desactivados en Artigo en QPC (XXXV): «Novos testemuños do franquismo de Eugenio López López»

Comments are closed at this time.