Set 08 2017

Artigo en QPC (XXXIV): «A romaxe da Barca desde a emigración bonaerense»


(Peregrinaxe de Cee pola Romaría da Barca. Muxía, 1929. Fotografía de Ramón Caamaño)

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para rememorar no texto intitulado «A romaxe da Barca desde a emigración bonaerense», na ollada do poeta muxián Xervasio Paz Lestón. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

A romaxe da Barca desde a emigración bonaerense

O poeta Xervasio Paz Lestón naceu o 23 de outubro de 1898 en Serantes, parroquia de San Xulián de Moraime (Muxía). Seus pais, Benito Paz Pérez e Rosa Lestón Quintáns, tiveron nove fillos, dos cales tres morren a pouco de naceren. Formaban unha familia labrega relativamente próspera, xa que neses anos posuían un casal de pedra, con tres cabaceiras e bastante terra de labor, segundo datos achegados polo fillo do poeta Juan Gervasio Paz, confirmados no poema autobiográfico «Pequena Historia». Daquela a presión tributaria foral era aínda a causa principal pola que emigraban os labregos, mesmo cando se trataba de familias en certa maneira pudentes. De feito, sabemos que seu pai, Benito Paz, viaxara á Arxentina antes da fin do século e tal vez en máis dunha ocasión.

Anos máis tarde, Xervasio Paz Lestón desembarca en Bos Aires con tan só 12 anos, pois alí chegou o 1º de xaneiro de 1911. De inmediato foi vivir e traballar nun almacén e despacho de bebidas que rexentaban seu pai e algúns dos seus irmáns. Na década de 1920 a 1930 o negocio prosperou e isto permitiulle regresar a Galiza entre xullo de 1925 e marzo de 1926. Esta estadía tiña como obxectivo visitar os seus proxenitores, pois o pai xa retornara, na casa familiar de Serantes. Foi a única vez que o poeta regresou, falecendo en Bos Aires o día que facía 79 anos, o 23 de outubro de 1977.

Malia o pouco tempo que pasou en Galiza, nos seus case 250 poemas hai sete composicións nas que o poeta lle canta á Virxe da Barca, coma se fose un romeiro máis. Son os poemas «Nosa Señora da Barca», publicado en 1930, «Sábado da Barca» (1945), «Domingo da Barca» (1948), «¡Qué festa a da Barca!» (1949), outro «Nosa Señora da Barca» (1956), e dous máis tamén cos títulos «Sábado da Barca» e «Domingo da Barca» que figuran nos mecanoscritos sen data de publicación. Todos amosan a devoción mariana enraizada na tradición popular. De feito, canta esta relixiosidade, intimamente unida á tradición, como parte fundamental do folclore popular. Ora ben, sempre aproveita os textos para evidenciar o seu agnosticismo. Así, no poema «Nosa Señora da Barca» (1930) fai unha fermosa e detallada descrición dos romeiros que acoden á ermida e dos santos fervores e as ansias místicas que os moven, para logo lembrar a aqueloutros que chegan ás romaxes de maneira pagá:

Cubertos de polvo dos vellos camiños / arriban a ermida da Virxen da Barca / devotos que veñen cumprindo promesas / que, acaso, fixeron en horas amargas.(…) / Y ao par dos romeiros que traen acesas / no fondo do peito as místecas lampras, / arriban aqueles que van ás romaxes / buscando o rebumbio das festas paganas.

Curiosamente, será no poema «No corpiño», publicado en 1949, pero datado polo autor en 1925, onde se pode observar mellor a reafirmación no desexo humanista de se reencontrar co santuario chantado nas pedras da brava costa e tamén como se afasta dos que acoden para atoparen consolo, movidos pola devoción:

¡Catorce anos lonxe da terra adourada, / da terra que un día, de neno, deixara, / grabáronme a fogo no cerne da i-alma / o ardente deseo de verme na Barca! / (…) Ao estar cabo de ela, con fogo na ialma, / pensei n-esas xentes iñaras ou sabias / pra quenes lle foron consolo i espranza / a vista i o tacto das pedras sagradas.

Sobre o tema da paganía volve insistir novamente en «Sábado da Barca» (1945), outro magnífico texto etnográfico que se abre coa reprodución dunha copla popular e que logo describe as condicións nas que se fai a romaxe nos primeiros anos da posguerra:

Hoxe non locen as roupas / dos tempos de Rosalía (…) / e quizás tampouco traen / as mesmas arelas místicas: / (…) Tampouco veñen a pé, / camiña que te camiña, (…)

A crítica antifranquista que xa se intúe no anterior poema vaise facer moito máis evidente en «Domingo da Barca» (1948), que relata a romaxe dese ano. Aquí, a voz poética aínda incide na dualidade existente entre as persoas que celebran a festa relixiosa e a profana, só que agora tamén aparece outra idea cimeira que ten a súa cerna na situación de sometemento na que se atopa a Terra baixo a dictadura de Franco:

Doce de setembro corenta oito, / domingo da Barca. / Pras xentes que creen, festa relixiosa; / pras outras, profana. / Pero para todos, creintes i ateos, / festa renomada, / festa lexendaria. (…) Hai pranto nos ollos; / hai fame nas caras. /¡Agochan os peitos sanguentes rencores / i hai odio nas almas!

Moito máis incisivo aínda é no outro texto máis curto que tamén se titula «Domingo da Barca» e que remata:

Esquécese a fame / i a vil tiranía, / somente se pensa / na gran romeiría. / ¡Ai! cómo quixera / chegar a Muxía / un día da Barca… / ¡sin a tiranía!

Velaquí, en resumo, a visión sobre a romaxe da Barca nun dos nosos poetas que máis textos lle dedicou. Unha ollada, a de Paz Lestón, dunha persoa agnóstica que quedou fascinado pola intensidade do movemento humano xerado arredor da pedra abalatoria e do santuario.

Comentarios desactivados en Artigo en QPC (XXXIV): «A romaxe da Barca desde a emigración bonaerense»

Comments are closed at this time.