Ago 31 2017

«Vinte anos», un poema de Xervasio Paz Lestón en diálogo con Ramón Suárez Picallo


(Ramón Suárez Picallo nun mitín en 1933)

A «Asociación Benéfica y Cultural del Partido de Corcubión» de Bos Aires, máis coñecida como a ABC de Corcubión e que aínda pervive hoxendía, acolleu e organizou entre as súas actividades ducias de palestras de contido galeguista, republicano e antifranquista, como entidade que facía parte da Federación de Sociedades Gallegas (FSG).

O verbo de Ramón Suárez Picallo, que xa se escoitara no local da entidade na preguerra, volveu ser escoitado o 26 de agosto de 1956, a quen antecederon no uso da palabra o poeta muxián Xervasio Paz Lestón, como director da revista Alborada e o presidente da ABC de Corcubión. Na súa intervención, Suárez Picallo lembra que o último discurso societario que pronunciara na Arxentina, antes de partir para Galiza para tomar parte na propaganda a prol do Estatuto de Autonomía, fora precisamente no local da ABC. Un ano despois, o 31 de agosto de 1957, Suárez Picallo recunca a esta palestra.

Na Memoria ou Tese de Licenciatura, A poesía galega de Xervasio Paz Lestón. Edición e estudo, dirixida por Xesús Alonso Montero e lida e defendida o 29 de xullo de 1997, da que boa parte do seu contido publicouse co mesmo título posteriormente pola finiquitada Edicións do Castro (1998), (re)compilei un poema do muxián que se titula «Vinte anos» e que no final indica:

Envío: A Ramón Suárez Picallo. “En lembranza, irmán Ramón, / da mañífica oración / dita no Centro Orensán, / antre bágoas de emoción, / aos mortos do sagro chan”.

«Vinte anos» apareceu publicado na revista da ABC de Corcubión, Alborada, nº 166, decembro de 1956. Non se conserva manuscrito nin mecanoscrito, coma sucede coa maioría dos poemas de Xervasio Paz Lestón, e está datado polo autor «31-8-1956».

Trátase dun poema que fai un exercicio da autocrítica, na que o noso poeta tan só estivo acompañado por Xosé Conde a quen se lle coñecen textos nese sentido, e reproba o papel xogado pola colectividade galega cara ao exilio, e tamén se recrimina con forza o escaso protagonismo e a fragmentación dos propios exiliados galegos á hora de xuntaren esforzos co obxectivo de derrubar o sistema. E do mesmo xeito temos palabras fondamente críticas co papel que xogaron na altura as «democracias» europeas e americana do momento con respecto á censura internacional do réxime de Franco –denominado lobizón do Pardo–. Velaquí o texto ao completo:

Vinte anos

¡Vinte anos sin xusticia
baixo silentes campas!
¡Na espera, en tanto afoga
tombal silencio o chau da pátrea!…
Catro lustros
na agarda,
rilando nos sartegos
a impodencia dos xustos contra a infamia.
¡Catro lustros clamando
castigo pra canalla!
______

¡Catro lustros, sí, levan nosos mortos
sofrindo vil estafa!
Seus sagros cadaleitos, na soedade,
quizáis sintan o mollo de unhas bágoas,
que das cuncas baldeiras
xurdan pol-a Terra, inda aldraxada,
si dende o alén os mortos
enxergan a dôr pátrea
côs ollos
da i-alma.
Quizáis, de vel-a, guinden
as bocas descarnadas
a dura eixecración de mudos berros
contra un mundo de farsa.
¡Contra o xogo dos cínicos tartufos
de concenzas retortas e lixadas!
¡Contra os pazos con sombras de tobeiras
onde con impudor trunfa a trapalla!…
______

O lobizón do Pardo
limpa as botas do khan da dólarcracia
e no tobo sinistro dos tahures
xogan a rexurdir o clan da swástica.
¡Como se aburan pra cebar de novo
a besta apocalíptica xermana!
¡Que pouco siñifican
pras falsas democracias
os milleiros de márteres galegos
e tamén os demáis de toda Hespaña!
Nin siquera parecen importarlles
os millóns de caídos na matanza…
¡Que teria de ser a derradeira,
asegún pregonaban!
¡Que falla de vergonza!
¡Que sinistra estafa!
______

¡Vinte anos! ¡Catro lustros
coa xusticia en tardanza!
(O xusto na cadea,
o marter baixo campa,
o eispatriado no eisilio…
¡I o criminal de garda!)
¿E que fixemos nôs, irmáns galegos,
pra adiantarlla?
Hastra eiquí,
cuases nada!
Todos somos culpables de egoismo,
de malgastal-o tempo vendo a palla
nos ollos do veciño,
e de ter esquecido a dôr da Pátrea.
Que non suceda máis
despóis da acesa, fradernal xuntanza,
i avencellemos forzas
sin eiscrusións inxustas i antipáticas.
Que tan acesas verbas
e tantas esperanzas
non sean convertidas
en fume de borralla.
Matinemos, irmáns, nos nosos mortos,
nos que na carce agardan,
nos fogares desfeitos…
¡nas liberdades pátreas!
¡Unión por Galicia!
¡Unión con toda Hespaña!
¡Ai de quenes a estorben, imprudentes!
¡Na frente han de levar siñal de infamia!

En lembranza, irmán Ramón,
da mañífica oración
dita no Centro Orensán,
antre bágoas de emoción,
aos mortos do sagro chan.

Envío: A Ramón Suárez Picallo.

Xervasio Paz Lestón

Comentarios desactivados en «Vinte anos», un poema de Xervasio Paz Lestón en diálogo con Ramón Suárez Picallo

Comments are closed at this time.