Ago 30 2017

Recensión a Galicia, o galego e os galegos, de Fernando Cabeza Quiles, en Grial 214

No último número, 214 (abril, maio, xuño do 2017) de Grial, Revista Galega de Cultura, que desde hai uns días xa anda polas librarías, e tamén se pode adquirir en edición dixital desde a propia páxina da Editorial Galaxia, asino na habitual sección intitulada «O espello das letras» unha recensión intitulada «Combatendo os prexuízos sociolingüísticos» para saudar o libro de breves ensaios Galicia, o galego e os galegos (Toxosoutos, 2016), de Fernando Cabeza Quiles.

Por outra banda, este número, 214, está centrado en «Novas achegas a Carlos Casares», asinadas por Xosé Manuel Dasilva, Ricardo Gurriarán, Camiño Noia e Xosé Ramón Quintana. Do meu interese tamén son outros artigos como «As fadas modernas. Primeiras autoras, infancia e literatura», de Carlos Lema, «A invención de si. Jane Harrison e o feminismo vitoriano», de Aurora Ballesteros Fernández,«Sobre as cubertas dos libros», de Víctor F. Freixanes ou «Compostela xeoliteraria. Humanidades espaciais e comunicación á sociedade», de María López Sández, así como a «Andaina co poeta de Augas Santas, José Ángel Valente», que asina Xoán Anllo, sen desmerecer outros contidos da revista.

Velaquí a miña devandita recensión ao completo:

Combatendo os prexuízos sociolingüísticos

 

Galicia, o galego e os galegos

Fernando Cabeza Quiles

Noia: Toxosoutos, 2016. 152 páxinas

As angueiras a prol da nosa lingua de Fernando Cabeza Quiles (Ponferrada, 1953), berciano de nacenza mais enraizado dende hai moitos anos nas terras bergantiñás de Carballo, son ben coñecidas e as máis delas xiran derredor do comentario etimolóxico, sendo de obrigada consulta as súas obras de investigación Os nomes de lugar: topónimos de Galicia: a súa orixe e o seu significado (1992), Os nomes da terra: topónimos galegos (2000), Toponimia de Galicia (2008) e A toponimia celta de Galicia (2014), ás que aínda lle poderiamos engadir outro título que recolle as súas pescudas sobre a presenza, con rastros tamén na toponimia, de Galegos nas Alpujarras granadinas (2003).

Algunha pegada diso hai en Galicia, o galego e os galegos, que xunta unha miscelánea de doce textos con diferentes reflexións que teñen como elo común combater os prexuízos e os tópicos sobre a nosa identidade, a nosa lingua e o noso territorio, co obxectivo de fornecérmonos a nós propios dun sólido argumentario en favor do orgullo de sentírmonos galegos e aos alleos de poderen comprender mellor a nosa idiosincrasia como pobo.

O verso de Manuel María «Galicia é unha nai velliña» dálle título ao primeiro texto, no que as referencias aos topónimos serven para combater estereotipos recentes sobre nós ou para basear as nosas diferenzas culturais “como resultado e consecuencia da posición xeográfica excéntrica que na maior parte da súa historia ocupou Galicia, ao estar nunha fisterra”.

Un punto de vista máis etnográfico, adubado con contraste a referencias doutros autores, percorre «As mulleres que levaban o mundo na cabeza», parafraseando desta volta a Manuel Rivas, que pretende abrir un debate sobre a feminización do traballo desde antigo e se se pode falar ou non dunha sociedade matriarcal, que para Cabeza Quiles non se podería afirmar.

En sucesión cronolóxica histórica «De Breogán a Maeloc» defende as evidencias de sermos unha nación céltica con novos testemuños tirados da toponimia, «Unha utilísima inventio e a plenitude» céntrase nas pegadas que nos deixaron os repoboadores francos e os monxes de Cluny “quen trouxeron a Galicia, a través do Camiño Francés, manifestacións culturais tan importantes como o románico”, e «A humillación» dialoga coa visión negativa, mesmo ás veces coa galegofobia (nomeadamente na época dos Austrias, no chamado Siglo de Oro) e a animadversión contra as nosas manifestacións culturais. Neste capítulo fai unha análise de varias expresións pexorativas que aínda perviven no Dicionario da Real Academia Española.

Sen deixar os temas anteriores «A emigración» lembra máis unha vez as primeiras vagas migratorias do pobo galego, botando man do argumentario do seu libro Galegos nas Alpujarras granadinas (2003), mais tamén con outras referencias a episodios como a “Real Expedición Filantrópica de la Vacuna”, recentemente novelado por María Solar en Os nenos da varíola, e por suposto toda a épica da emigración transoceánica.

Unha ollada máis filosófica, e acaso sorprendente, aparece en «Éche unha agra aberta», pois aquí as numerosas referencias toponímicas serven para explicar a existencia de cancelas, portelas ou valados no noso territorio fronte ás inmensas agras abertas da paisaxe castelá, e tamén no texto «A curvofilia», onde asocia a topografía co noso carácter identitario en contraste con outros espazos e pobos, mesmo de lugares ben afastados como as chairas americanas, e sempre con alusións a outros autores que dunha maneira ou outra observaron esa posible relación.

«Agardade un momentiño» regresa ás cuestións lingüísticas, agora para analizar polo miúdo diversos circunloquios ou expresións perifrásticas que nos son propias e que tamén serían trazos da nosa especifidade, así como o uso afectivo dos diminutivos ou do pronome de solidariedade, recursos aos que non recorreu o castelán, e que para Cabeza Quiles crean unha “verdadeira marca de calidade da lingua galega, que lle dá a esta e á nosa cultura un sinal de identidade único e intransferible”.

Diversas anotacións históricas, como a ausencia de censura en temas sexuais ou as características propias do noso humor que estudou Celestino Fernández de la Vega dan pé ao autor para o texto intitulado «África remata no Cebreiro».

Finalmente, a confrontación ou dicotomía entre o mundo mariñeiro do noso litoral costeiro e o mundo labrego do interior alicerza os últimos capítulos, «Para mariñeiros nós», que trata de revelar a profanos a sociolingüística propia das comunidades que tiveron e teñen a pesca como actividade fundamental, e tamén «A vaquiña polo que valía» que o fai dos sectores agrario e gandeiro.

E despois de teimar en descubrir a nosa singularidade, mais tamén despois de facer autocrítica sobre a forza dos localismos, a nosa ambigüídade ou o o noso inmobilismo, de todo o escrito por Fernando Cabeza Quiles despréndese unha apelación á autoestima e á conciencia de sermos galegas e galegos no presente e no futuro.

Miro Villar

Comentarios desactivados en Recensión a Galicia, o galego e os galegos, de Fernando Cabeza Quiles, en Grial 214

Comments are closed at this time.