Archive for Agosto 4th, 2017

Ago 04 2017

Artigo en QPC (XXXII): Feros Corvos, 1 (Inverno de 1997). A revista do Batallón Literario da Costa da Morte


Dispoñibilizamos a través de ISSUU o pdf do Feros Corvos, 1 (Inverno de 1997). Premer no centro para ollar na pantalla completa.

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para recuperar e dispoñibilizar para a lectura pública «Feros Corvos, 1 (Inverno de 1997). A revista do Batallón Literario da Costa da Morte», no seu 20 aniversario. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

Feros Corvos, 1 (Inverno de 1997). A revista do Batallón Literario da Costa da Morte

O Batallón Literario da Costa da Morte vai quedar formalmente constituído nun data simbólica, o 1 de Maio de 1996, logo dunha longa reunión nunha cafetaría de Cee, á que asistiron unha vintena de autoras e autores. O nome suxeriuno o poeta Frederico L. Santalla, inspirándose na inscrición que ocupa as pedras da Quintana, onde se fai referencia ao histórico Batallón Literario santiagués. A súa primeira xunta directiva, ou xestora, pois a entidade aínda non estaba legalizada nin contaba con estatutos, estivo formada por Miro Villar, presidente; Frederico L. Santalla, secretario; e Rafa Villar, Xandra Tedín, Modesto Fraga, Xavier Rodrigues Fidalgo e Estevo Creus. Varios dos seus membros proviñan ben do desaparecido colectivo «Un medio» de Cee, ben da aínda activa naquela altura agrupación «Arre Sentelha» das terras de Soneira. A única premisa era que os autores fosen nados ou tivesen unha forte vinculación coa Costa da Morte, franxa costeira que vai de Malpica de Bergantiños até Fisterra (aínda que de maneira circunstancial chegaron a colaborar co BLCM autores de Carnota, de Muros ou de Noia). Xurdiu co obxectivo de dar a coñecer as súas actividades e incluíu narradores, investigadores e, sobre todo, poetas. Configurouse como un movemento cultural asembleario, de carácter democrático e non elitista, que buscaba a comunicación directa cos lectores, ata o punto de que os poetas teñen realizado ducias de recitais en locais pechados ou en espazos abertos, como o palco da Festa das Carrilanas de Esteiro.

Canda toda esta intensa actividade pública, o BLCM considerou a necesidade de dotarse dun medio de expresión propio e desta maneira naceu a revista Feros corvos, que tomaba o seu nome dun coñecido verso de Eduardo Pondal e que pretendía seguir a estética das míticas revistas Resol ou Papel de Color.

O primeiro dos seus catro números publicados viu a luz en febreiro de 1997 (datado como Inverno de 1997) e a publicación distribuíase de balde. Constaba de catro páxinas a unha cor, que cambia en cada número, destinadas á creación literaria e introducidas por un Editorial. De cor azul e iniciando a portada, os dous primeiros versos do poema «Feros corvos de Xallas» do libro Queixume dos pinos, do noso poeta máis sobranceiro da Costa da Morte, Eduardo Pondal, «Feros corvos de Xallas / que vagantes andás».

Na portada hai un espazo para o Editorial, que comeza co poema que Pondal lle dedica a Curros Enríquez en Queixumes dos pinos: «Coma os corvos de Xallas vagarosos / así son os poetas vagabundos; / eles son deste mundo receosos / e buscan outras praias, outros mundos» e segue «Unha bandada de corvos vagarosos ou de poetas vagabundos, que che era a mesma cousa para o noso Pondal, está a percorrer a Costa da Morte, desde Malpica de Bergantiños até Fisterra. Eis a bandada de mergullóns, a se internaren despaciosamente nas augas da Poesía, ora quedas, ora turbulentas. Para Pondal os corvos, como os poetas, reflectían de seu a simboloxía do desexo de liberdade e vagabundaxe. E así somos Nós, os netos do bardo da Ponte-Ceso, que vimos de aniñar coas nosas palabras-enredadeiras nas pedras do Castelo de Vimianzo, nese espacio onde morou outro poeta de nós, Evaristo Martelo Paumán. O espirito da Poesía viaxa connosco e Nós, os corvos poetas, imos grallar sempre na memoria dos nosos devanceiros.»

Na mesma portada vai o poema sen título (citamos o primeiro verso) «Practicabamos gratuitamente a tolemia» de Xandra Tedín, «O poder do dragón» de Alexandre Nerium, e dous máis tamén sen título (citamos primeiros versos) «Ladrarlle á lúa» de Rafa Villar e «A nena choraba» da máis nova membro do Batallón Literario, con tan só nove anos, Eva de la Torre.

Nas páxinas interiores, na parte esquerda do folio, todos os poemas sen título (citamos primeiros versos) «Xurdiron no tempo do sono» de María Lado, «Prefiro crer» de María Canosa, «Queda tanto baleiro» de Xoán A. Moure, «Chamemos» de Suso Bahamonde, «Léva-la noite nas uñas» de Mónica Góñez e «Por sentir o sol» de Xaime Trillo, na parte dereita do folio, un relato intitulado «Variacións sobre o tema de Carrapuchiña e o lobo» de Marilar Alexandre e o relato de Xavier R. Fidalgo co título «Serpes».

Na contraportada, seis novos poemas sen título (citamos primeiros versos), «Unha caixiña de chumbo» de David Creus, «A praia é enorme» de Estevo Creus, «Quero unha saba con follas de amendoeira» de Abel Mendes, «Cando o día está gris» de Concha Blanco, «Eu fun» de Modesto Fraga e «Cargámo-las nosas arcas» de Tomás Lijó.

Alén do artigo publicado no dixital QuepasanaCosta, os textos de Feros corvos son accesibles desde hai anos na páxina web finisterrae.org. Tamén reproduzo deseguida a nova da edición de Carballo do xornal coruñés La Voz de Galicia (13/02/1997) que informa sobre o lanzamento de Feros corvos, 1. Velaquí:

No responses yet