Ago 03 2017

Poemas (XCI): Atlante, de Robert Marteau

Á poesía de Robert Marteau cheguei, máis unha vez, grazas á sempre impagable xenerosidade do amigo Xesús González Gómez, que vén de me agasallar coa edición bilingüe francés-español da súa obra Atlante, (Biblioteca Bitzoc, Palma de Mallorca, 1986), na tradución da poeta Nicole d’Amonville Alegría, pois pouco máis coñecía eu que non fose algún poema nunha antoloxía de poesía francesa na que a súa obra era considerada.

Robert Marteau está moi vencellado a Santiago de Compostela e ao camiño francés. Tanto e así que na súa páxina web, a súa biografía sinala a súa data de nacemento e no comentario xa se cita a peregrinaxe á nosa cidade milenaria. Velaquí ese primeiro parágrafo:

«8 février 1925: naissance à Virollet au centre de la forêt de Chizé, en Poitou, département des Deux-Sèvrs, à peu de distance du château de Dampierre- sur- Boutonne et des églises romanes de Saint Pierre de l’Isle et d’Aulnay-de Saintonge, trois monuments, entre bien d’autres, situés sur le camino francés de Saint-Jacques de Compostelle, et qui tous compteront de plus en plus à mesure qu’il apprendra à les lire ou à en interpréter l’iconographie selon la Tradition hermético-alchimique.»

A tradutora de Atlante, Nicole d’Amonville Alegría, escribe un completo Limiar sobre a biografía e a obra de Robert Marteau, do que vou anosar ao galego algúns fragmentos significativos, as parénteses son miñas:

«En 1976, Neige (a súa segunda muller a quen coñecera en Montreal, asumindo a identidade nacional quebequesa) e el viaxaron a Nova Escocia, en plena natureza salvaxe, escribiu Atlante.»

«Despois do fracaso do referendo soberanista pola independencia de Quebec, decepcionado, regresou a Franza en 1983.»

«A pintura, como a tauromaquia, é unha paixón para Marteau. Lendo a súa poesía, eu diría que logra nela o que di de Vermeer, o seu pintor preferido: “Toda a luz do día é transformada en luz espiritual, e toda luz espiritual é transformada en luz do día”. A pintura, a arquitectura e a escultura inspiráronlle libros como Travaux sur la terre (1966) -con poemas sobre Zurbarán, O Greco e Gaudí, entroutros-, os dedicados a Chagall –Sur la terre des Dieux (1967), Les Vitraux de Chagall (1972), Les Ateliers de Marc Chagall (1976)- e a súa espléndida homenaxe á pintira veneciana Venise en miroir (1987). (…) Libros máis recentes son Huit peintres (1994), Le message de Paul Cézanne (1997) e Le Louvre entrouvert (1997), este último escrito nun ano de paseos diarios ao Louvre.»

(…)

«Marteau é testemuña da Tradición primordial que axuda a comprender a lingua dos paxaros e os anxos, os mitos e as fábulas, as Escrituras e a Alquimia. Xa na súa terra natal, aprendera a descifrar os códigos esculpidos nas igrexas románicas e góticas no “camiño francés” a Santiago de Compostela. Máis tarde, constataría que os mesmos signos reaparecen desde China até África, pasando pola Amazonía. O problema do home moderno é non saber identificalos. Esa é a maldición de Babel, a confusión de lingua que non vén da súa proliferación senón do seu desacordo: a ‘desconexión do humano en relación co universo’ (Mont-Royal

(…)

«Nos últimos anos Marteau escribiu tres libros de sonetos –Liturgie (1992), Louange (1996) e Registre (1999), todos eles publicados polas edicións Champ Vallon-, unha forma poética á que non volvera desde Travaux sur la terre (1966). Liturgie está composto de 366 sonetos, algo así como El llibre d’Amich e Amat de Ramón Llull, quen escribiu 366 ‘Oracións’, unha para cada día do ano.»

«De Atlante, Robert Marteau ten dito desta obra que é un único poema, feito de pequenos poemas e que se compuxo ‘como un rosario’. Escrito fronte ao Atlántico, composto con versos blancos e unha métrica flexible, o autor afástase do poema para que apareza o mundo.»

E velaquí dous breves poemas de Robert Marteau inseridos na obra Atlante, o primeiro con referencias a Galiza e o segundo á cidade de Nimes, que vimos de visitar na viaxe ás terras da Provenza co Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SemEsCom). Vai o orixinal, a tradución ao español de Nicole d’Amonville Alegría e unha tentativa de anosar os versos de propia autoría.

Jésus dit: Soyez comme le palmeur d’aiguille.
Il venait de Galice, il aimait les amers
où les Galates cultivent le pommier

Dijo Jesús: Sed como el que la aguja aplana.
Venía de Galicia, amaba el promontorio
donde los Gálatas cultivan el manzano.

(Dixo Xesús: Sede como o aplanador da agulla.
Viña de Galiza, amaba o promontorio
onde os Gálatas cultivan a maceira.)

Parmi les boulons, les carcasses d’acier,
les cimetières d’autos, s’essore l’aigle
épouilleur de vaches. D’un ciel bleu de Nîmes,
constellé, il lâche sa fiente
maintenant mêlée à la bouse sèche des pistes à bétail.

Entre pernos, esqueletos de acero,
cementerios de coches, se alza el águila
quitapiojos de las vacas. Desde un cielo azul de Nimes
constelado, suelta el fiemo
mezclado ahora con la bosta seca en las cañadas.

(Entre parafusos, esqueletos de aceiro,
cemiterios de coches, elévase a águia
quitapiollos das vacas. Desde un ceo azul de Nimes
constelado, ceiba o esterco
mesturado agora coa bosta seca nas vereas.)

Comentarios desactivados en Poemas (XCI): Atlante, de Robert Marteau

Comments are closed at this time.