Ago 01 2017

Memoria Literaria (XVI): A vinte anos da defensa como Memoria de Licenciatura da obra A poesía galega de Xervasio Paz Lestón. Edición e estudo


O primeiro artigo sobre o poeta muxián Xervasio Paz Lestón ( Muxía, 1898 — Buenos Aires, 1977) na prensa galega que puidemos coñecer publicouno o académico Xesús Alonso Montero na súa columna no xornal coruñés La Voz de Galicia o 13 de novembro de 1994, onde citaba o breve artigo biográfico asinado por M. A. Baño na revista Alborada, da ABC de Corcubión en Bos Aires, en abril de 1979. De aí viña o meu propio coñecemento deste autor muxián, que era sinatura habitual nunha revista que puiden consultar nas coleccións privadas de Rafael Mouzo (ex-alcalde nacionalista de Corcubión), do historiador Luís Lamela ou das hemerotecas, en especial da que atesoura o Arquivo da Emigración do Consello da Cultura Galega, que houben de revisar para a elaboración da ficha que inclúe o Dicionario da Literatura Galega, volume II. Publicacións periódicas (Galaxia, 1997), coordinado pola crítica e profesora Dolores Vilavedra.

E a penas dúas semanas despois, o antropólogo muxián Manuel Vilar engadía algún novo dato aos achegados por Alonso Montero nun artigo na edición de Carballo do mesmo xornal La Voz de Galicia o 13 de novembro de 1994.

Por parte, meu irmán Rafa Vilar exhumou varios poemas que lle fornecera o chorado e finado doutor Juan Gervasio Paz Narbaiz, fillo do poeta, no texto intitulado «Novas de América: a poesía de Paz Lestón», no suplemento Revista das Letras, O Correo Galego, 2 de marzo de 1995.

Entre nós non había moito máis. Porén, durante 1996 fun discente do profesor Xesús Alonso Montero no curso de doutoramento denominado «Guerra civil (1936-1939) e literatura galega». O programa alicerzou o meu interese pola literatura galega de entreguerras e por suxestión da profesora Dolores Vilavedra decidín solicitarlle a Xesús Alonso Montero que fose o meu director da Memoria ou Tese de Licenciatura, A poesía galega de Xervasio Paz Lestón. Edición e estudo, que foi lida e defendida o 29 de xullo de 1997, perante un Tribunal que presidía o finado profesor doutor Benito Varela Jácome e polos profesores doutores Arturo Casas Vales, Francisco Fernández Rei e Dolores Vilavedra Fernández, obtendo o grao de Licenciado coa cualificación de Sobresaliente. Boa parte do texto foi publicado co mesmo título posteriormente pola finiquitada Edicións do Castro (1998), o que o fai un volume de librarías de vello.

E tal día coma hoxe, hai agora vinte anos, o 1 de agosto de 1997, o propio profesor Xesús Alonso Montero recolleu a nova no seu artigo semanal da súa sección «Beatus qui Legit» en La Voz de Galicia. Velaquí:

BEATUS QUI LEGIT

Xervasio Paz Lestón volve a Muxía

XESÚS ALONSO MONTERO

Poeta de interesante obra, non tardará en ser coñecido e valorado nos medios literarios e académicos, ata o de agora, verbo da súa obra, máis ignorantes ca desdeñosos. Trátase dun excelente poeta menos que escribiu e publicou os seus versos na Galicia Emigrante, en Buenos Aires, cidade á que chegou da idade de doce anos. De escasa fortuna, como tantos emigrantes, levaba con el o idioma das terras de Muxía, a súa patria, e nel, na súa fala natal, escribiu 183 poemas que hai tempo reclaman que unha man filolóxica os exhume, publique e examine. Esa man xa a temos desde hai tres días. En efecto, o 29 do pasado mes de xullo foi defendida na Universidade de Santiago de Compostela a Memoria de Licenciatura titulada A poesía de Xervasio Paz Lestón: edición e estudio.

O seu autor, Arximiro Villar González (Miro Villar), xa era coñecido por traballos non moi desemllantes ó presente. Miro Villar, por outra parte, é un poeta con voz e peso entre as voces poéticas de hoxe, condición esta, a de poeta, non secundaria á hora de examina-la obra doutro poeta. A súa Memoria de Licenciatura sobre Paz Lestón ten o rango e as características dunha auténtica tese de doutoramento. Así o entendeu o tribunal que a examinou o 29 de xullo.

Nado na aldea de Serantes, do concello de Muxía, no ano 1898, Paz Lestón chega en xaneiro de 1911 a Buenos Aires, onde falecerá en outubro de 1977 ós 79 anos de idade. Na súa biografía de autodidacta hai un episodio de especial trascendencia: as súas lecturas na biblioteca dun local do Partido Socialista próximo ó almacén familiar onde traballaba. Fillo lexítimo destas lecturas, a súa vida —e a súa obra— vai se-la dun progresista non alleo ó humanismo marxista. Algúns dos seus mellores versos arrincan deste humus.

Foi, con frecuencia, un poeta civil, e foino porque estaba convencido da necesidade e da utilidade dese tipo de poesía: execrou a Franco, chorou a Alexandre Bóveda, increpou o imperialismo ianqui, gabou o verbo rebelde de Curros Enríquez, cantou a Castelao… Na súa poesía había, sen embargo, outras musas. Cantou, por exemplo, os eidos matrios, que era unha forma de volver á infancia («Se canta lo que se pierde», dixo Machado). Destas páxinas, debo cita-lo poema escrito en 1948 co gallo da morte de Celestino Sar (o Seixas de Aboi), famoso regueifeiro a quen el, de neno, oíra recita-las súas brillantes improvisacións. Esas aulas —as dos regueifeiros, as da poesía dos fistores— foron a súa primeira universidade literaria.

No responses yet

Trackback URI | Comments RSS

Deixa unha resposta