Ago 01 2017

Culpable, de Eli Ríos, faise co IV Premio de Poesía Gonzalo López Abente

Published by at 17:53 under Poesía


(Eli Ríos nunha imaxe tirada da Fototeca da AELG. Autoría: Eduardo Castro Bal, Ollo de Vidro-ACAB, 2011)

Cabo do poeta Serxio Iglesias e de Suso Sambade, como secretario con voz e con voto, fixen parte do xurado do IV Premio de Poesía Gonzalo López Abente, convocado pola Fundación do mesmo nome. Nas últimas semanas demos cumprida lectura aos 41 orixinais presentados nesta cuarta convocatoria e, previas deliberacións, días atrás emitimos o ditame definitivo.

A autora premiada recibirá unha contía de 2000 euros e unha peza escultórica conmemorativa, alén de que a súa obra será publicada na colección de Poesía de Xerais. A acta da resolución está xa publicada no sitio web da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). Velaquí:

Acta do xurado do IV Premio de Poesía Gonzalo López Abente

Reunido o xurado do IV Premio de Poesía Gonzalo López Abente composto polos poetas Miro Villar, Serxio Iglesias e polo secretario da Fundación Gonzalo López Abente, Suso Sambade Soneira, con función de secretario e membro activo na deliberación do IV Premio de Poesía. O xurado determina que o premio deste ano 2017 é outorgado por unanimidade ao poemario que leva por título CULPABLE co lema Gita Gogóia, obra da que é autora Eli Ríos (Elisabeth Ríos Liste).

O xurado salienta que a obra é unha lúcida reflexión metapoética que cuestiona a enunciación do eu lírico, mesmo avogando pola súa anulación, e tamén a propia linguaxe, a través dunha complexa estrutura de verso longo e con pegadas de rupturismo e experimentación contracultural e vangardista.

– Valoramos a proposta poética que é moi arriscada, tanto no aspecto formal como de contido.

– O poemario achega unha deconstrución do verso ao tempo que se ofrece unha hibridación de xéneros, no que a poesía se transmuta en narrativa, dramaturxia ou ensaio lírico.

– Consideramos atinada a inclusión de elementos de cultura popular contemporánea.

Salientar tamén que neste IV Premio de Poesía Gonzalo López Abente houbo unha alta participación, con media ducia de poemarios, dos que non se fan públicos os títulos, que o xurado considera que deberían ser publicados.

Costa da Morte 26 de xullo de 2017

No responses yet

Trackback URI | Comments RSS

Deixa unha resposta