Archive for Agosto 1st, 2017

Ago 01 2017

Culpable, de Eli Ríos, faise co IV Premio de Poesía Gonzalo López Abente

Published by under Poesía


(Eli Ríos nunha imaxe tirada da Fototeca da AELG. Autoría: Eduardo Castro Bal, Ollo de Vidro-ACAB, 2011)

Cabo do poeta Serxio Iglesias e de Suso Sambade, como secretario con voz e con voto, fixen parte do xurado do IV Premio de Poesía Gonzalo López Abente, convocado pola Fundación do mesmo nome. Nas últimas semanas demos cumprida lectura aos 41 orixinais presentados nesta cuarta convocatoria e, previas deliberacións, días atrás emitimos o ditame definitivo.

A autora premiada recibirá unha contía de 2000 euros e unha peza escultórica conmemorativa, alén de que a súa obra será publicada na colección de Poesía de Xerais. A acta da resolución está xa publicada no sitio web da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). Velaquí:

Acta do xurado do IV Premio de Poesía Gonzalo López Abente

Reunido o xurado do IV Premio de Poesía Gonzalo López Abente composto polos poetas Miro Villar, Serxio Iglesias e polo secretario da Fundación Gonzalo López Abente, Suso Sambade Soneira, con función de secretario e membro activo na deliberación do IV Premio de Poesía. O xurado determina que o premio deste ano 2017 é outorgado por unanimidade ao poemario que leva por título CULPABLE co lema Gita Gogóia, obra da que é autora Eli Ríos (Elisabeth Ríos Liste).

O xurado salienta que a obra é unha lúcida reflexión metapoética que cuestiona a enunciación do eu lírico, mesmo avogando pola súa anulación, e tamén a propia linguaxe, a través dunha complexa estrutura de verso longo e con pegadas de rupturismo e experimentación contracultural e vangardista.

– Valoramos a proposta poética que é moi arriscada, tanto no aspecto formal como de contido.

– O poemario achega unha deconstrución do verso ao tempo que se ofrece unha hibridación de xéneros, no que a poesía se transmuta en narrativa, dramaturxia ou ensaio lírico.

– Consideramos atinada a inclusión de elementos de cultura popular contemporánea.

Salientar tamén que neste IV Premio de Poesía Gonzalo López Abente houbo unha alta participación, con media ducia de poemarios, dos que non se fan públicos os títulos, que o xurado considera que deberían ser publicados.

Costa da Morte 26 de xullo de 2017

No responses yet

Ago 01 2017

«Que facer cos faros?», artigo do antropólogo Manuel Vilar


(Faro da Punta Nariga, derradeiro construído ca Costa da Morte, da autoría do arquitecto César Portela)

Interesante e atinada proposta que o noso amigo Manuel Vilar, antropólogo muxián, escribiu para o Terra e Tempo. Dixital galego de pensamento nacionalista co título «Que facer cos faros?», e na que inclúe un verso do poeta do mar Manuel Antonio: hai un faro petando nas tebras. Velaquí o poema ao completo:

E deseguida a reprodución do artigo de Manuel Vilar.

Usos turísticos ou sociais

Que facer cos faros?

Manuel Vilar

Ante a polémica por converter algúns faros en hoteis hai que reclamar un uso social destas construcións e responsabilidade ante un patrimonio en desuso e, en casos, no abandono.

No ano 2000 publicamos unha guía dos Faros da Costa da Morte. Daquela a bibliografía sobre este tema en Galicia era máis ben escasa, como escaso era aínda o interese polo patrimonio marítimo. Uns anos despois insistimos no tema cun documental. Agora hai algo máis de bibliografía, preocupación e interese. Hoxe os faros están de actualidade, ben polo éxito masivo da iniciativa “Camiño dos Faros”, ben pola polémica de que facer con eles ou como cargarlle o morto aos concellos.

Cando empezamos o labor de investigación aínda había torreiros vivindo en tres faros da Costa da Morte. Hoxe, agás Vilán, non hai e os torreiros xa non existen, pois chámanse técnicos de sinais marítimas, unha denominación cando menos máis técnica, pero con menos carga de sentimentos, con menos pouso histórico.

Agora os faros xa non teñen que sinalar o camiño de volta aos mariñeiros, xa non son precisos para sinalar a costa, xa non son esa luz que orienta aos barcos na noite, xa non son a luz da esperanza e da confianza. Xa non son só sinais marítimas. Entón, que facemos con eles?

Os “propietarios” destas construcións son as Autoridades Portuarias. No caso da Costa da Morte case todos pertencen á Autoridade Portuaria da Coruña, agás os de Carnota e Muros, que xa miran cara ao sur e caen dentro das lindes da de Vilagarcía. Son estas entidades as responsables do seu mantemento, como tamén son responsables da perda dun patrimonio importante e que se deu co baleirado da maquinaria cando esta deixou de ser útil e da documentación que gardaban. Entrar no faro de Fisterra é un exemplo dese baleirado sen sentido da historia e do pouco respecto por unha arquitectura que foi necesaria nun pasado e ten que ser útil no presente.

Onde vai toda a maquinaria e documentación que se acumulou alí durante máis dun século? Aquí foi onde a Ruth Matilda Anderson lle ofreceron o mellor café da súa vida. Mais sempre hai unha excepción. Encontrámola en Vilán. Aquí un torreiro tivo interese en que esa maquinaria “obsoleta” quedara no lugar no que tiña prestado servizo e, hoxe, podemos ver como foi a evolución do sistema de sinalización marítima e como este foi aplicado na nosa costa.

Recoméndase aos cidadáns, por exemplo aos que aínda temos raíces no rural, que coidemos os hórreos. Pero institucións como a Igrexa ou entidades como a Autoridade Portuaria non coidan o seu patrimonio, que é de todos. Só o fan cando reciben suculentas axudas ou o privatizan. Terían que predicar co exemplo, mais non o fan, non entra nos seus principios.

Pensamos que o patrimonio ten dous valores claros: un, o de identidade(s), algo que nos identifica; outro, ten que ver co desenvolvemento. O patrimonio ten que valer para mellorar a nosa calidade de vida, pero tamén para construír algo en común. Os usos turísticos e sociais son os máis comúns á hora de buscar unha nova utilidade. O turístico os máis fácil de aplicar, tamén o que pode dar unha maior rendibilidade económica, evitar o custe do mantemento e que este non aumente co paso do tempo.

As diversas Autoridades Portuarias queren facer caixa e esquecen que o patrimonio ten outros valores, que tamén son importantes e que non son facilmente cuantificables. Se non son “rendibles” déixanos no esquecemento e no abandono. Velaí o caso do vello faro de Touriñán. Sen embargo Touriñán, forma parte da memoria das xentes do lugar. Por exemplo, os que a comezos da segunda metade do século pasado tiveron que emigrar a América ían ao faro a que un torreiro lles dera unhas leccións básicas de instrución, o mínimo para andar polo mundo. Pero tamén se facían bailes en tempos nos que había poucos espazos para o lecer e os encontros; as mulleres podían irlles vender algo ás familias dos torreiros ou facer de recadeiras, propias.

En Portugal hai algúns faros que se poden visitar. Noutros lados puidemos subir até a lanterna, e non pasou nada, e o faro estaba en funcionamento. Aquí non, está prohibido, agás que teñas recomendación. Mais as recomendacións non son propias dunha sociedade democrática. Simplemente hai que ter vontade de querer mostrar o patrimonio á cidadanía para que esta o coñeza e, a partir do coñecemento, goce del e o respecto. Iso é o que non existe, e por algo será.

O faro tamén é historia de nós, hai un faro petando nas tebras, que diría o poeta do mar. O faro identifica un territorio, é unha referencia visual que se fai emocional. E como os faros están situados en lugares de valor natural e paisaxístico, teñen que ser asociados con conceptos medio ambientais, con valores referentes á natureza e a súa conservación.

Seguramente pode que algún faro se converta nun hotel. A experiencia xa hai tempo que se dá noutras latitudes. Pero ese uso ten que ir acompañado de usos socias e vinculado ao desenvolvemento. Non se trata só de alugalo ao mellor ofertante ou ao primeiro que pasa. O patrimonio ten que ter unha xestión máis responsable e seria.

(Faro do Cabo Vilán)

No responses yet

Ago 01 2017

Memoria Literaria (XVI): A vinte anos da defensa como Memoria de Licenciatura da obra A poesía galega de Xervasio Paz Lestón. Edición e estudo


O primeiro artigo sobre o poeta muxián Xervasio Paz Lestón ( Muxía, 1898 — Buenos Aires, 1977) na prensa galega que puidemos coñecer publicouno o académico Xesús Alonso Montero na súa columna no xornal coruñés La Voz de Galicia o 13 de novembro de 1994, onde citaba o breve artigo biográfico asinado por M. A. Baño na revista Alborada, da ABC de Corcubión en Bos Aires, en abril de 1979. De aí viña o meu propio coñecemento deste autor muxián, que era sinatura habitual nunha revista que puiden consultar nas coleccións privadas de Rafael Mouzo (ex-alcalde nacionalista de Corcubión), do historiador Luís Lamela ou das hemerotecas, en especial da que atesoura o Arquivo da Emigración do Consello da Cultura Galega, que houben de revisar para a elaboración da ficha que inclúe o Dicionario da Literatura Galega, volume II. Publicacións periódicas (Galaxia, 1997), coordinado pola crítica e profesora Dolores Vilavedra.

E a penas dúas semanas despois, o antropólogo muxián Manuel Vilar engadía algún novo dato aos achegados por Alonso Montero nun artigo na edición de Carballo do mesmo xornal La Voz de Galicia o 13 de novembro de 1994.

Por parte, meu irmán Rafa Vilar exhumou varios poemas que lle fornecera o chorado e finado doutor Juan Gervasio Paz Narbaiz, fillo do poeta, no texto intitulado «Novas de América: a poesía de Paz Lestón», no suplemento Revista das Letras, O Correo Galego, 2 de marzo de 1995.

Entre nós non había moito máis. Porén, durante 1996 fun discente do profesor Xesús Alonso Montero no curso de doutoramento denominado «Guerra civil (1936-1939) e literatura galega». O programa alicerzou o meu interese pola literatura galega de entreguerras e por suxestión da profesora Dolores Vilavedra decidín solicitarlle a Xesús Alonso Montero que fose o meu director da Memoria ou Tese de Licenciatura, A poesía galega de Xervasio Paz Lestón. Edición e estudo, que foi lida e defendida o 29 de xullo de 1997, perante un Tribunal que presidía o finado profesor doutor Benito Varela Jácome e polos profesores doutores Arturo Casas Vales, Francisco Fernández Rei e Dolores Vilavedra Fernández, obtendo o grao de Licenciado coa cualificación de Sobresaliente. Boa parte do texto foi publicado co mesmo título posteriormente pola finiquitada Edicións do Castro (1998), o que o fai un volume de librarías de vello.

E tal día coma hoxe, hai agora vinte anos, o 1 de agosto de 1997, o propio profesor Xesús Alonso Montero recolleu a nova no seu artigo semanal da súa sección «Beatus qui Legit» en La Voz de Galicia. Velaquí:

BEATUS QUI LEGIT

Xervasio Paz Lestón volve a Muxía

XESÚS ALONSO MONTERO

Poeta de interesante obra, non tardará en ser coñecido e valorado nos medios literarios e académicos, ata o de agora, verbo da súa obra, máis ignorantes ca desdeñosos. Trátase dun excelente poeta menos que escribiu e publicou os seus versos na Galicia Emigrante, en Buenos Aires, cidade á que chegou da idade de doce anos. De escasa fortuna, como tantos emigrantes, levaba con el o idioma das terras de Muxía, a súa patria, e nel, na súa fala natal, escribiu 183 poemas que hai tempo reclaman que unha man filolóxica os exhume, publique e examine. Esa man xa a temos desde hai tres días. En efecto, o 29 do pasado mes de xullo foi defendida na Universidade de Santiago de Compostela a Memoria de Licenciatura titulada A poesía de Xervasio Paz Lestón: edición e estudio.

O seu autor, Arximiro Villar González (Miro Villar), xa era coñecido por traballos non moi desemllantes ó presente. Miro Villar, por outra parte, é un poeta con voz e peso entre as voces poéticas de hoxe, condición esta, a de poeta, non secundaria á hora de examina-la obra doutro poeta. A súa Memoria de Licenciatura sobre Paz Lestón ten o rango e as características dunha auténtica tese de doutoramento. Así o entendeu o tribunal que a examinou o 29 de xullo.

Nado na aldea de Serantes, do concello de Muxía, no ano 1898, Paz Lestón chega en xaneiro de 1911 a Buenos Aires, onde falecerá en outubro de 1977 ós 79 anos de idade. Na súa biografía de autodidacta hai un episodio de especial trascendencia: as súas lecturas na biblioteca dun local do Partido Socialista próximo ó almacén familiar onde traballaba. Fillo lexítimo destas lecturas, a súa vida —e a súa obra— vai se-la dun progresista non alleo ó humanismo marxista. Algúns dos seus mellores versos arrincan deste humus.

Foi, con frecuencia, un poeta civil, e foino porque estaba convencido da necesidade e da utilidade dese tipo de poesía: execrou a Franco, chorou a Alexandre Bóveda, increpou o imperialismo ianqui, gabou o verbo rebelde de Curros Enríquez, cantou a Castelao… Na súa poesía había, sen embargo, outras musas. Cantou, por exemplo, os eidos matrios, que era unha forma de volver á infancia («Se canta lo que se pierde», dixo Machado). Destas páxinas, debo cita-lo poema escrito en 1948 co gallo da morte de Celestino Sar (o Seixas de Aboi), famoso regueifeiro a quen el, de neno, oíra recita-las súas brillantes improvisacións. Esas aulas —as dos regueifeiros, as da poesía dos fistores— foron a súa primeira universidade literaria.

No responses yet