Xul 31 2017

Memoria Literaria (XV): No 25 aniversario da publicación de Ausencias pretéritas (Espiral Maior, 1992)

Published by at 16:23 under Efemérides,Memoria Literaria,Poesía




(Capa con debuxo do poeta Paco Souto, Primeiras páxinas, Nota do Autor e Colofón)

Veñen de se facer 25 anos da publicación do meu primeiro libro de poemas, o sonetario Ausencias pretéritas (Espiral Maior, 1992. Finalista do Premio Esquío en 1990), cuxa capa é da autoría do chorado amigo poeta e artista Paco Souto. A obra facía o número 5 da Colección de Poesía dirixida polo escritor Miguel Anxo Fernán-Vello, con deseño gráfico do finado Carlos Díaz Martínez, e saíu o mesmo día que o número 4, Himno verde, de Bernardino Graña, a quen coñecín persoalmente cando nos convocou o editor para asinar os exemplares que ían destinados ás persoas subscritoras da colección.

O colofón da obra subliña: «AUSENCIAS PRETÉRITAS de Miro Villar acabou de se imprimir o 18 de Maio de 1992, no 76 Aniversario da fundación en A Coruña da primeira das “Irmandades dos Amigos da Fala”», porén o libro non chegaría ás librarías até o mes de xuño, como sinala a nova publicada na edición de Carballo do xornal coruñés La Voz de Galicia, o 14 de xuño de 1992.

Nunha Nota do Autor, ao remate do libro, eu propio salientei: «Os dereitos de autor deste libro están destinados na súa integridade ao pobo de Cuba, a través da Asociación de Amistade (sic) Galego-Cubana ” Francisco Villamil”, de Compostela, como aportación do autor á necesidade de romper a inxustiza do bloqueo económico á illa». Semanas despois explicaría no citado xornal coruñés polo miúdo as razóns desa achega (20-08-1992).



A miña opera prima leva un Prólogo da autoría de Darío Xohán Cabana, mestre na habelencia métrica do soneto e que tivo moita influencia sobre os meus inicios poéticos e sobre a orientación das miñas lecturas no final dos anos oitenta cando o coñecín en Corcubión onde moraba e traballaba como funcionario do Concello, un limiar que reproduzo deseguida.

Prólogo

Este que tes nas mans, lector, e que non debías abrir por aquí, é un libro distinto de sonetos, un libro que é coma quen di unha novela contada doutra maneira. Unha novela de amor -coma case todas as novelas do mundo- onde, en vez de asistires ó desenvolvemento dunha acción, gustarás a quintaesencia dos intres condensada en endecasílabos e alexandrinos, dispostos naquela perfecta maneira que inventou hai máis de setecentos anos o Notario de Lentini para labrar a acta dos seus amores cortesáns.

Verás, xa que logo, que este libro lle imita un pouco á Vida Nova, onde as prosas narrativas engastan os poemas -sonetos, baladas e cancións- para ofrecernos a autobiografía sentimental do señor Alighieri. Pero o poeta noso vai máis alá, e prescinde, porque pode, do discurso prosaico narrativo para ofrecernos a historia espida na súa poética concisión, sen esteo ningún.

Asombra a rigorosa vontade de forma que hai neste libro, a premeditación da escritura. O poemario -mellor sería dicir “o poema”, e talvez poema épico- está composto de seis cadernos, e cada caderno ten exactamente dez sonetos; os tres primeiros cadernos labran endecasílabos, os tres derradeiros esténdense en alexandrinos; todos os sonetos do caderno terceiro comezan por un verso alleo; e a abundancia de rimas raras e difíciles é maior aquí, se mal non me engano, ca en ningún poeta galego de ningún tempo. Xa escribir sonetos quere dicir poñerse valados e cancelas e obrigarse a arar ben dreito, pero a Miro parécenlle poucos os límites que marcan os catorce versos, e inventa máis empecementos que -el ben sabe- fan as palabras brillar máis duramente, con máis exactitude.

(A min non me estraña que o Miro faga así. Cando recibo carta del, admiro dúas cousas. Primeiro, unha coidadísima caligrafía que non permite un rengolón torto nin unha letra fóra da súa correcta aliñación. E segundo, unha exactitude na expresión que refuga o coloquial anacoluto permisible e adopta tódolos adornos e recursos sintácticos do discurso público. É case inhumano escribir cartas así, marmóreas.)

E despois de acoutar os seus xeométricos territorios, vai o Miro e lévanos por camiños que non son o que parecen. Algunhas veces empeza e fálanos cun ton aparentemente sinxelo e directo, que ó lector distraído pode parecer prosaísta. Mais nós, claro, non llo queremos crer, porque en realidade estanos xostregando os ollos e o cerebro coa potente densidade das metáforas, ou como se chamen, tal pólas nunha mesta fraga pola que andamos. Pero outras veces, métenos coma tal pola pétrea maxestade de Compostela nun solemne período, e rise de nós e de si mesmo terminándoo “de onde fuxín lixeiro por non ter nin cadela”. ¡Ouh gran castrón, poesía que nos sorprende!

Este poeta sorprendente, que a ningún de nós se parece, é un rapaciño que coñecín en Corcubión, hai xa ben anos. E eu, lector, despois de anotar dúas ou tres cousas formais, tiña tantas cousas que dicir da sustancia destes poemas que non direi ningunha, por non che toller o pracer infinito da saudade.

Darío Xohán Cabana

(Reprodución do Prólogo)

Comentarios desactivados en Memoria Literaria (XV): No 25 aniversario da publicación de Ausencias pretéritas (Espiral Maior, 1992)

Comments are closed at this time.