Xul 27 2017

Artigo en QPC (XXXI): Tres sonetos de Antón Zapata García no Día de Galiza do ano 1947

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para recuperar «Tres sonetos de Antón Zapata García no Día de Galiza do ano 1947», publicados no Galicia, Federación de Sociedades Gallegas, hai agora 70 anos. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

Tres sonetos de Antón Zapata García no Día de Galiza do ano 1947

Na cidade de Bos Aires e no bienio 1946/1947, como tentativa de superación dos diferentes puntos de vista existentes no exilio galeguista, constituíuse organicamente a denominada Comisión Intersocietaria de Entidades Galegas, que xa viña funcionando, de feito, desde o nacemento da Irmandade Galega e do Consello de Galiza. A Intersocietaria estaba composta por delegados da activa Federación de Sociedades Galegas, dos centros Ourensán, Coruñés, Lucense e Pontevedrés, das pequenas sociedades comarcais de Betanzos e da ABC de Corcubión e, finalmente, pola propia Irmandade Galega.

A Intersocietaria xuntaba todas estas entidades máis afíns coa finalidade de conmemoraren xuntas as datas patrióticas do 28 de xuño (aniversario da aprobación plebiscitaria do Estatuto de Autonomía de 1936), 25 de xullo (día da Patria Galega), 17 de agosto (día da Galiza Mártir, en lembranza do fusilamento de Bóveda como símbolo de todas as persoas represaliadas) e o 17 de decembro (aniversario da morte do mariscal Pardo de Cela).

Antón Zapata García, o poeta de Laxe, tivo sempre unha importante participación nas celebracións das diferentes datas patrióticas, malia o precario estado de saúdo dos seus derradeiros anos, pois faleceu na cidade bonaerense o 20 de xuño de 1953. Entre os numerosos testemuños que a prensa galega da diáspora nos deixou desa implicación están os tres sonetos asinados por Antón Zapata García no Día de Galiza do ano 1947 e publicados catro días despois no Galicia, Federación de Sociedades Gallegas (Bos Aires, nº 1016, 29 de xullo de 1947), hai agora 70 anos.

Na primeira páxina da publicación da FSG aparece este tríptico de sonetos co título común Precraros Fillos de Galiza, e introducidos pola dedicatoria «Ao poeta e irmán galego Avelino Díaz», porén os sonetos teñen cadanseu epígrafe: Edoardo Pondal, Teodosio “O Grande” (Emperador román) e A Vila de Laxe.

No primeiro, que se publica precedido dun retrato a lapis de Pondal que asina Cortés, un autor descoñecido para nós, xa nomea ao vate da Ponteceso como “o bardo patriota de encumiado lenguaxe”, lembra a súa participación na creación do himno galego, compara a súa voz coa do “reberte Isaías” e remata sinalando: n-un poema inmorrente anuncióu fastos días: / ¡Virá a lus para Iberia da Nazón de Breogán!…

No segundo evoca ao emperador romano Teodosio “o Grande” (379-391 a. de C.), do que Hidacio no preámbulo da súa Crónica afirma que era oriúndo da provincia de Gallaecia e da cidade de Cauca (actual Coca, en Segovia). E que xa mencionara tamén Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no Libro Primeiro do Sempre en Galiza [1944]: «¡Qué importa que désemos un emperador a Roma e un Papa â Cristiandade, ou que a Paulo Osorio se lle deba o primeiro Tratado de Hestoria Universal!». Teodosio foi o impulsor do catolicismo como relixión oficial do estado, perseguiu os cultos pagáns e, como sinala Zapata no último verso, morreu na cidade italiana de Milán no ano 391 a. de C.

E finalmente, o terceiro dos sonetos é unha magnífica descrición lírica da vila que o vira nacer o 26 de febreiro de 1886, con referencias tamén sociolóxicas e históricas.

EDOARDO PONDAL

Foi o bardo patriota de encumiado lenguaxe
que na ialma sentío latexar nobres dons
pra salvar a Galiza de render vasallaxe
a poderes alleos e a galegos mandóns.

Como un rexo carballo de cumprido follaxe,
na nadal Ponte-Ceso, ao pé mesmo do Anllóns,
n-unha lira de bronce, de aceirado cordaxe,
noso Hino compuxo con homéricos sons.

N-unha patria de escravos despertóu xusta arela:
de chegar a ser ceibe da opremente Castela
que a calunia, i-enxuria, e arrebátalle o pan;

i-eisímade, o poeta, cal reberte Isaías
n-un poema inmorrente anuncióu fastos días:
¡Virá a lus para Iberia da Nazón de Breogán!…

TEODOSIO «O GRANDE»
(EMPERADOR ROMÁN)

NA óurea constelación que tén a humanidade
—filósofos e artistas, sabios, bardos e santos—,
fulxente como Sirio, destácase, entre tantos,
Teodosio —¡Astro Galego!— erguendo â Cristiandade.

Da deusa Themis crênte e amante da verdade,
un manumento fixo que non sofréu quebrantos:
seu código enxugóu do povo muitos prantos…
¡e ao mundo segue enchéndoo de fonda craridade!…

No imperio e no fogar románs súas leis cumpríanse,
e, máisimo guerreiro, seus trunfos repetíanse,
da Gran Bretaña âs terras de Ourente e de Fenicia.

E homilde —igual que cando o seu solar deixara,
chamado por Graciano, e a ROMA reorgaizara—,
¡Milán vío-o morrer lembrando â Nai Galicia!…

A VILA DE LAXE

AO pê da «Arca grande», e sobre a pedra dura,
a filla ben querida dos ártabros, laxesa,
espéllase n-as ondas tranquías, coor turquesa,
pieitando os seus cabelos de ourífica finura.

De pesca e mariñeira tên a lanzal feitura,
e, de outo señorío, tamén prestanza acesa:
pol-o abolengo, pode ser céltica princesa,
pois, n-ela, de Altamira, o embrema ainda figura.

No vran, as súas praias son leitos de puntillas
enonde a siesta dormen as peixadoras quillas
sin relembrar nortadas, trebóns e furacáns;

e cando na invernía o mar morde os cantiles,
e afonda lanchas e homes, e tira côs petriles…
¡a branca vila enlóitase pol-ôs mortos laxeiráns!…

Comentarios desactivados en Artigo en QPC (XXXI): Tres sonetos de Antón Zapata García no Día de Galiza do ano 1947

Comments are closed at this time.