Archive for Xullo 11th, 2017

Xul 11 2017

Efeméride: No 51 aniversario da publicación de Decrúa, de Gonzalo López Abente

Published by under Efemérides,Poesía


(Capa de Luís Seoane para Decrúa)

Tal día coma hoxe, 11 de xullo, de facermos caso ao colofón do libro, publicouse póstumo en Bos Aires en 1966 o libro Decrúa. Poemas, de Gonzalo López Abente. Na lembranza desta efeméride abentiana de hai 51 anos reproduzo a breve anotación que figura no Limiar da nosa compilación da Poesía completa de Gonzalo López Abente, publicada por Espiral Maior en coedición coa Fundación López Abente e tamén o poema que lle dá título á obra.

DECRÚA (1966)

Publícase na emigración tres anos despois do pasamento do autor, con colofón no 11 de xullo do 1966, na bonaerense Imprenta López, e dentro das Edicións Muxía (1966), que dirixían o sobranceiro galeguista Arturo Cuadrado e o seu curmán Horacio Bermúdez Abente, este último escribe un pequeno prólogo que chama “Noticia” para xustificar a publicación das “cuartillas” orixinais que viñeran a parar ás súas mans.

Os editores ordenan os textos en catro partes: “Decrúa”, “Cantigas”, “Desacocho” e “Recobrados”. A datación dos mesmos vai desde 1899, o primeiro poema de López Abente “Un velorio nunha aldea”, ata dous poemas que escribiu no ano 1957.

Todos os estudosos modernos da obra de Gonzalo López Abente coinciden á hora de sinalar que Decrúa inclúe poemas vellos xunto a outros escritos na mesma época que Centileos nas ondas. A primeira recensión publícase en Lugo. Vocero del Centro Lucense de Buenos Aires, núm. 278, de setembro do 1966.

Ademais deste labor compilatorio o libro non engade nada novo sobre a liña poética de Abente e debe ser lido como complemento das súas obras anteriores.

2
DECRÚA

Xa non hai sol, foise a lua,
xa non cantan os poetas…
¡Hai que facer a decrúa
nas estradas dos planetas!

O río da noite fonda
os seus cabelos destrenza,
con duro balbor que estronda
nos abisos da fervenza.

Os perdidos viaxeiros
buscan d’aquel río os vaos.
Andan chorando os luceiros
extraviados no caos.

As chorimas amarelas,
homildosiñas de seu,
van, belidas e sinxelas,
ascendendo cara o ceu.

Pó de estrelecer, lixeiras
bagullas d’ouro, velliñas
abalando nas toxeiras
de feridoras espiñas.

Xa non hai sol, foise a lua,
xa non cantan os poetas…
¡Hai que facer a decrúa
nas estradas dos planetas!

As chorimas amarelas
soben desde o monte seu
e âs irmanciñas estrelas
abren camiños no ceu.

Comentarios desactivados en Efeméride: No 51 aniversario da publicación de Decrúa, de Gonzalo López Abente