Xul 05 2017

Memoria Literaria (XIV): Unha entrevista de 1987 por un premio poético en Cornellà

Non sen tempo o diario coruñés La Voz de Galicia vén de dispoñibilizar para todo o público lector e con acceso libre a súa hemeroteca dixital, que comprende toda a súa colección de xornais diarios dende o ano da súa fundación en 1882. Desta maneira segue os pasos de xornais como o barcelonés La Vanguardia ou o madrileño ABC, que xa levaban anos a ofrecer este servizo.

A dixitalización permitiume recobrar moito material para esta sección destas Crebas que adoito chamar Memoria Literaria. E hoxe sérveme para facer lembranza dunha entrevista que me realizou en 1987, xa van trinta anos aló, o xornalista Xosé Ameixeiras (na altura correspondente do xornal para as comarcas de Soneira e de Fisterra e na actualidade Delegado da edición de Carballo) por un premio poético que recibín en Cornellà.

A entrevista publicouse o 12 de xuño de 1987, na edición de Bergantiños como daquela se denominaba, e fíxose despois de que o meu traballo intitulado «Entra na eternidade do meu soño» recibise o terceiro premio no Certame de Poesía convocado pola Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà de Llobregat (Barcelona), detrás do poeta lugués Darío Xohán Cabana, que daquela traballaba e moraba en Corcubión, e do xa finado poeta guardés, aínda que nado na comarca do Ribeiro, Xosé Carlos Gómez Alfaro.

«Entra na eternidade do meu soño» xuntaba cinco sonetos, un deles co mesmo título que todo o conxunto, que anos despois e con algunhas mudanzas foron incorporados ao meu primeiro libro de poemas publicado, o sonetario Ausencias pretéritas (Espiral Maior, 1992. Finalista do Premio Esquío en 1990) e que precisamente leva un Prólogo da autoría de Darío Xohán Cabana, mestre na habelencia métrica do soneto e que tivo moita influencia sobre os meus inicios poéticos e sobre a orientación das miñas lectura naqueles anos oitenta. Na entrevista eu propio confeso que aqueles cinco sonetos supuñan a miña primeira experimentación coas formas máis clasicistas, aínda que coa linguaxe da contemporaneidade.

No ecuador da entrevista, a respecto da minoritaria lectura de poesía, afirmo «O estudante naufraga no medio do barullo dos catedráticos». Era unha mensaxe encriptada, porque tempo atrás deixara os estudos no bacharelato despois dun forte enfrontamento académico cun catedrático de Lingua e Literatura Castelá, cuxo nome non quero lembrar, que na altura era o director do Instituto de Bacharelato (hoxe IES Agra de Raíces) de Cee, mentres eu era representante do alumnado no consello escolar e militaba na organización estudantil ERGA. O conflito contra o autoritarismo do individuo en cuestión derivara en varios días de folga e no seu cesamento, e a min ´levoume a unha posterior crise persoal que me fixo abandonar os estudos nese curso, actividade que tardaría tempo en retomar.

Finalmente, na entrevista de 1987 facía unha chamada de atención sobre o feito de que ano e medio antes un relato da miña autoría «Augas de silencio» gañara o Premio de Narrativa Modesto Rodríguez Figueiredo do patronato Pedrón de Ouro e aínda estaba sen publicar, un feito que se enmendou meses despois.

Comentarios desactivados en Memoria Literaria (XIV): Unha entrevista de 1987 por un premio poético en Cornellà

Comments are closed at this time.