Archive for Xullo, 2017

Xul 31 2017

Memoria Literaria (XV): No 25 aniversario da publicación de Ausencias pretéritas (Espiral Maior, 1992)




(Capa con debuxo do poeta Paco Souto, Primeiras páxinas, Nota do Autor e Colofón)

Veñen de se facer 25 anos da publicación do meu primeiro libro de poemas, o sonetario Ausencias pretéritas (Espiral Maior, 1992. Finalista do Premio Esquío en 1990), cuxa capa é da autoría do chorado amigo poeta e artista Paco Souto. A obra facía o número 5 da Colección de Poesía dirixida polo escritor Miguel Anxo Fernán-Vello, con deseño gráfico do finado Carlos Díaz Martínez, e saíu o mesmo día que o número 4, Himno verde, de Bernardino Graña, a quen coñecín persoalmente cando nos convocou o editor para asinar os exemplares que ían destinados ás persoas subscritoras da colección.

O colofón da obra subliña: «AUSENCIAS PRETÉRITAS de Miro Villar acabou de se imprimir o 18 de Maio de 1992, no 76 Aniversario da fundación en A Coruña da primeira das “Irmandades dos Amigos da Fala”», porén o libro non chegaría ás librarías até o mes de xuño, como sinala a nova publicada na edición de Carballo do xornal coruñés La Voz de Galicia, o 14 de xuño de 1992.

Nunha Nota do Autor, ao remate do libro, eu propio salientei: «Os dereitos de autor deste libro están destinados na súa integridade ao pobo de Cuba, a través da Asociación de Amistade (sic) Galego-Cubana ” Francisco Villamil”, de Compostela, como aportación do autor á necesidade de romper a inxustiza do bloqueo económico á illa». Semanas despois explicaría no citado xornal coruñés polo miúdo as razóns desa achega (20-08-1992).



A miña opera prima leva un Prólogo da autoría de Darío Xohán Cabana, mestre na habelencia métrica do soneto e que tivo moita influencia sobre os meus inicios poéticos e sobre a orientación das miñas lecturas no final dos anos oitenta cando o coñecín en Corcubión onde moraba e traballaba como funcionario do Concello, un limiar que reproduzo deseguida.

Prólogo

Este que tes nas mans, lector, e que non debías abrir por aquí, é un libro distinto de sonetos, un libro que é coma quen di unha novela contada doutra maneira. Unha novela de amor -coma case todas as novelas do mundo- onde, en vez de asistires ó desenvolvemento dunha acción, gustarás a quintaesencia dos intres condensada en endecasílabos e alexandrinos, dispostos naquela perfecta maneira que inventou hai máis de setecentos anos o Notario de Lentini para labrar a acta dos seus amores cortesáns.

Verás, xa que logo, que este libro lle imita un pouco á Vida Nova, onde as prosas narrativas engastan os poemas -sonetos, baladas e cancións- para ofrecernos a autobiografía sentimental do señor Alighieri. Pero o poeta noso vai máis alá, e prescinde, porque pode, do discurso prosaico narrativo para ofrecernos a historia espida na súa poética concisión, sen esteo ningún.

Asombra a rigorosa vontade de forma que hai neste libro, a premeditación da escritura. O poemario -mellor sería dicir “o poema”, e talvez poema épico- está composto de seis cadernos, e cada caderno ten exactamente dez sonetos; os tres primeiros cadernos labran endecasílabos, os tres derradeiros esténdense en alexandrinos; todos os sonetos do caderno terceiro comezan por un verso alleo; e a abundancia de rimas raras e difíciles é maior aquí, se mal non me engano, ca en ningún poeta galego de ningún tempo. Xa escribir sonetos quere dicir poñerse valados e cancelas e obrigarse a arar ben dreito, pero a Miro parécenlle poucos os límites que marcan os catorce versos, e inventa máis empecementos que -el ben sabe- fan as palabras brillar máis duramente, con máis exactitude.

(A min non me estraña que o Miro faga así. Cando recibo carta del, admiro dúas cousas. Primeiro, unha coidadísima caligrafía que non permite un rengolón torto nin unha letra fóra da súa correcta aliñación. E segundo, unha exactitude na expresión que refuga o coloquial anacoluto permisible e adopta tódolos adornos e recursos sintácticos do discurso público. É case inhumano escribir cartas así, marmóreas.)

E despois de acoutar os seus xeométricos territorios, vai o Miro e lévanos por camiños que non son o que parecen. Algunhas veces empeza e fálanos cun ton aparentemente sinxelo e directo, que ó lector distraído pode parecer prosaísta. Mais nós, claro, non llo queremos crer, porque en realidade estanos xostregando os ollos e o cerebro coa potente densidade das metáforas, ou como se chamen, tal pólas nunha mesta fraga pola que andamos. Pero outras veces, métenos coma tal pola pétrea maxestade de Compostela nun solemne período, e rise de nós e de si mesmo terminándoo “de onde fuxín lixeiro por non ter nin cadela”. ¡Ouh gran castrón, poesía que nos sorprende!

Este poeta sorprendente, que a ningún de nós se parece, é un rapaciño que coñecín en Corcubión, hai xa ben anos. E eu, lector, despois de anotar dúas ou tres cousas formais, tiña tantas cousas que dicir da sustancia destes poemas que non direi ningunha, por non che toller o pracer infinito da saudade.

Darío Xohán Cabana

(Reprodución do Prólogo)

Comentarios desactivados en Memoria Literaria (XV): No 25 aniversario da publicación de Ausencias pretéritas (Espiral Maior, 1992)

Xul 27 2017

Artigo en QPC (XXXI): Tres sonetos de Antón Zapata García no Día de Galiza do ano 1947

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para recuperar «Tres sonetos de Antón Zapata García no Día de Galiza do ano 1947», publicados no Galicia, Federación de Sociedades Gallegas, hai agora 70 anos. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

Tres sonetos de Antón Zapata García no Día de Galiza do ano 1947

Na cidade de Bos Aires e no bienio 1946/1947, como tentativa de superación dos diferentes puntos de vista existentes no exilio galeguista, constituíuse organicamente a denominada Comisión Intersocietaria de Entidades Galegas, que xa viña funcionando, de feito, desde o nacemento da Irmandade Galega e do Consello de Galiza. A Intersocietaria estaba composta por delegados da activa Federación de Sociedades Galegas, dos centros Ourensán, Coruñés, Lucense e Pontevedrés, das pequenas sociedades comarcais de Betanzos e da ABC de Corcubión e, finalmente, pola propia Irmandade Galega.

A Intersocietaria xuntaba todas estas entidades máis afíns coa finalidade de conmemoraren xuntas as datas patrióticas do 28 de xuño (aniversario da aprobación plebiscitaria do Estatuto de Autonomía de 1936), 25 de xullo (día da Patria Galega), 17 de agosto (día da Galiza Mártir, en lembranza do fusilamento de Bóveda como símbolo de todas as persoas represaliadas) e o 17 de decembro (aniversario da morte do mariscal Pardo de Cela).

Antón Zapata García, o poeta de Laxe, tivo sempre unha importante participación nas celebracións das diferentes datas patrióticas, malia o precario estado de saúdo dos seus derradeiros anos, pois faleceu na cidade bonaerense o 20 de xuño de 1953. Entre os numerosos testemuños que a prensa galega da diáspora nos deixou desa implicación están os tres sonetos asinados por Antón Zapata García no Día de Galiza do ano 1947 e publicados catro días despois no Galicia, Federación de Sociedades Gallegas (Bos Aires, nº 1016, 29 de xullo de 1947), hai agora 70 anos.

Na primeira páxina da publicación da FSG aparece este tríptico de sonetos co título común Precraros Fillos de Galiza, e introducidos pola dedicatoria «Ao poeta e irmán galego Avelino Díaz», porén os sonetos teñen cadanseu epígrafe: Edoardo Pondal, Teodosio “O Grande” (Emperador román) e A Vila de Laxe.

No primeiro, que se publica precedido dun retrato a lapis de Pondal que asina Cortés, un autor descoñecido para nós, xa nomea ao vate da Ponteceso como “o bardo patriota de encumiado lenguaxe”, lembra a súa participación na creación do himno galego, compara a súa voz coa do “reberte Isaías” e remata sinalando: n-un poema inmorrente anuncióu fastos días: / ¡Virá a lus para Iberia da Nazón de Breogán!…

No segundo evoca ao emperador romano Teodosio “o Grande” (379-391 a. de C.), do que Hidacio no preámbulo da súa Crónica afirma que era oriúndo da provincia de Gallaecia e da cidade de Cauca (actual Coca, en Segovia). E que xa mencionara tamén Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no Libro Primeiro do Sempre en Galiza [1944]: «¡Qué importa que désemos un emperador a Roma e un Papa â Cristiandade, ou que a Paulo Osorio se lle deba o primeiro Tratado de Hestoria Universal!». Teodosio foi o impulsor do catolicismo como relixión oficial do estado, perseguiu os cultos pagáns e, como sinala Zapata no último verso, morreu na cidade italiana de Milán no ano 391 a. de C.

E finalmente, o terceiro dos sonetos é unha magnífica descrición lírica da vila que o vira nacer o 26 de febreiro de 1886, con referencias tamén sociolóxicas e históricas.

EDOARDO PONDAL

Foi o bardo patriota de encumiado lenguaxe
que na ialma sentío latexar nobres dons
pra salvar a Galiza de render vasallaxe
a poderes alleos e a galegos mandóns.

Como un rexo carballo de cumprido follaxe,
na nadal Ponte-Ceso, ao pé mesmo do Anllóns,
n-unha lira de bronce, de aceirado cordaxe,
noso Hino compuxo con homéricos sons.

N-unha patria de escravos despertóu xusta arela:
de chegar a ser ceibe da opremente Castela
que a calunia, i-enxuria, e arrebátalle o pan;

i-eisímade, o poeta, cal reberte Isaías
n-un poema inmorrente anuncióu fastos días:
¡Virá a lus para Iberia da Nazón de Breogán!…

TEODOSIO «O GRANDE»
(EMPERADOR ROMÁN)

NA óurea constelación que tén a humanidade
—filósofos e artistas, sabios, bardos e santos—,
fulxente como Sirio, destácase, entre tantos,
Teodosio —¡Astro Galego!— erguendo â Cristiandade.

Da deusa Themis crênte e amante da verdade,
un manumento fixo que non sofréu quebrantos:
seu código enxugóu do povo muitos prantos…
¡e ao mundo segue enchéndoo de fonda craridade!…

No imperio e no fogar románs súas leis cumpríanse,
e, máisimo guerreiro, seus trunfos repetíanse,
da Gran Bretaña âs terras de Ourente e de Fenicia.

E homilde —igual que cando o seu solar deixara,
chamado por Graciano, e a ROMA reorgaizara—,
¡Milán vío-o morrer lembrando â Nai Galicia!…

A VILA DE LAXE

AO pê da «Arca grande», e sobre a pedra dura,
a filla ben querida dos ártabros, laxesa,
espéllase n-as ondas tranquías, coor turquesa,
pieitando os seus cabelos de ourífica finura.

De pesca e mariñeira tên a lanzal feitura,
e, de outo señorío, tamén prestanza acesa:
pol-o abolengo, pode ser céltica princesa,
pois, n-ela, de Altamira, o embrema ainda figura.

No vran, as súas praias son leitos de puntillas
enonde a siesta dormen as peixadoras quillas
sin relembrar nortadas, trebóns e furacáns;

e cando na invernía o mar morde os cantiles,
e afonda lanchas e homes, e tira côs petriles…
¡a branca vila enlóitase pol-ôs mortos laxeiráns!…

Comentarios desactivados en Artigo en QPC (XXXI): Tres sonetos de Antón Zapata García no Día de Galiza do ano 1947

Xul 11 2017

Efeméride: No 51 aniversario da publicación de Decrúa, de Gonzalo López Abente

Published by under Efemérides,Poesía


(Capa de Luís Seoane para Decrúa)

Tal día coma hoxe, 11 de xullo, de facermos caso ao colofón do libro, publicouse póstumo en Bos Aires en 1966 o libro Decrúa. Poemas, de Gonzalo López Abente. Na lembranza desta efeméride abentiana de hai 51 anos reproduzo a breve anotación que figura no Limiar da nosa compilación da Poesía completa de Gonzalo López Abente, publicada por Espiral Maior en coedición coa Fundación López Abente e tamén o poema que lle dá título á obra.

DECRÚA (1966)

Publícase na emigración tres anos despois do pasamento do autor, con colofón no 11 de xullo do 1966, na bonaerense Imprenta López, e dentro das Edicións Muxía (1966), que dirixían o sobranceiro galeguista Arturo Cuadrado e o seu curmán Horacio Bermúdez Abente, este último escribe un pequeno prólogo que chama “Noticia” para xustificar a publicación das “cuartillas” orixinais que viñeran a parar ás súas mans.

Os editores ordenan os textos en catro partes: “Decrúa”, “Cantigas”, “Desacocho” e “Recobrados”. A datación dos mesmos vai desde 1899, o primeiro poema de López Abente “Un velorio nunha aldea”, ata dous poemas que escribiu no ano 1957.

Todos os estudosos modernos da obra de Gonzalo López Abente coinciden á hora de sinalar que Decrúa inclúe poemas vellos xunto a outros escritos na mesma época que Centileos nas ondas. A primeira recensión publícase en Lugo. Vocero del Centro Lucense de Buenos Aires, núm. 278, de setembro do 1966.

Ademais deste labor compilatorio o libro non engade nada novo sobre a liña poética de Abente e debe ser lido como complemento das súas obras anteriores.

2
DECRÚA

Xa non hai sol, foise a lua,
xa non cantan os poetas…
¡Hai que facer a decrúa
nas estradas dos planetas!

O río da noite fonda
os seus cabelos destrenza,
con duro balbor que estronda
nos abisos da fervenza.

Os perdidos viaxeiros
buscan d’aquel río os vaos.
Andan chorando os luceiros
extraviados no caos.

As chorimas amarelas,
homildosiñas de seu,
van, belidas e sinxelas,
ascendendo cara o ceu.

Pó de estrelecer, lixeiras
bagullas d’ouro, velliñas
abalando nas toxeiras
de feridoras espiñas.

Xa non hai sol, foise a lua,
xa non cantan os poetas…
¡Hai que facer a decrúa
nas estradas dos planetas!

As chorimas amarelas
soben desde o monte seu
e âs irmanciñas estrelas
abren camiños no ceu.

Comentarios desactivados en Efeméride: No 51 aniversario da publicación de Decrúa, de Gonzalo López Abente

Xul 06 2017

Artigo en QPC (XXX): «A Costa da Morte en Nova Ardentía. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial»

Published by under Poesía

Veño de publicar unha nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para publicarmos unha recensión na que se fai unha breve análise sobre «A Costa da Morte en Nova Ardentía. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial». Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

A Costa da Morte en Nova Ardentía. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial

O pasado venres, 30 de xuño, a bordo do barco «Joaquín Vieta» presentouse Nova Ardentía. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial, dentro das xornadas da XIII edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que organizou en Combarro-Poio entre o 29 de xuño e o 2 de xullo a entidade Culturmar (Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial).

A revista recolle o relevo de Ardentía, que dirixía o chorado amigo Luís Rei (O Grove, 1960 – Pontevedra, 2015), escritor e bibliotecario en Cambados, a quen se homenaxea en senllos artigos do académico Francisco Fernández Rei e de Emilio Xosé Ínsua que abren esta Nova Ardentía. Ambos e dous fan parte do novo Consello de Redacción que completan Manuel García Sendón presidente da Federación e que é de Lira, Xaquín Lores e a portuguesa Ivone Baptista.

Nova Ardentía, coma antes o fixera Ardentía, ten entre os seus obxectivos «publicar traballos dentro do seu ámbito temático que teñan unha contrastada calidade e interese, e tentando que parte de cada número estea relacionado coa actualidade do tempo no que se pública. Normalmente publicase de xeito bianual o ano que se celebra o Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia».

Entre os variados contidos de moito interese que se recollen neste número 9 da Nova Ardentía, pois séguese a numeración da revista dirixida polo finado Luís Rei, non podían faltar varias referencias á cultura mariñeira da Costa da Morte.

De feito, xa no artigo do agora coordinador da revista, o escritor Emilio Xosé Ínsua, intitulado «Luís Rei e a revista Ardentía: Unha experiencia impagábel de divulgación da nosa cultura marítima e fluvial» compendia os contidos dos números anteriores, entre os que a mención da Costa da Morte é constante. Salientamos a reprodución do relato «A mariñeira de Quilmas», de Darío Xohán Cabana, na sección «Letras da Almadraba» do núm. 4; na sección «Entrevista» do núm.1 recóllese un faladoiro con Ramón de Senande (‘Moncho da Maestra’), mariñeiro de Lira-Carnota; tamén nese primeiro número o traballo filolóxico de Francisco Fernández Rei «Andisías e rutías: mar de mar e mar de vento na Arousa e na Costa da Morte»; o artigo memorialístico «A motora dos Canedos (a alma dun barco sempre vive)» do muradán Moncho Bouzas (quen fora membro do Batallón Literario da Costa da Morte) ou as instantáneas fotográficas do muxián Ramón Caamaño, alén de todos os traballos do monográfico número 5 cando o IX Encontro se celebrou en Muros, dos que cómpre salientar «Muros e o seu territorio», de Francisco “Chisco” Fernández Naval.

Por parte, nos contidos propios desta Nova Ardentía, a Costa da Morte aparece referenciada por vez primeira na páxina 21 onde a revista rende homenaxe ao poeta e percebeiro Paco Souto (1962 – 2017) coa publicación do seu magnífico poema «Furtivos», adoito coñecido polo seu primeiro verso «A percebeira é unha illa».

Xavier Brisset Martín no seu traballo «Traíñas, xeitos, traiñeiras e tarrafas. A rendabilidade industrial contra a cultura mariñeira» relata o enfrontamento por mor do uso da arte do cerco con xareta entre os mariñeiros da Costa da Morte e as motoras das Rías Baixas e as tarrafas ártabras, pois os primeiros solicitaron a súa prohibición, que foi desestimada no verán de 1916.

Manuel Lara no artigo «A pesca da balea en Galicia» resume a presenza desta actividade nos nosos portos desde antes de 1272, data das primeiras documentacións, e sinala: «E aínda na Baixa Idade Media tamén aparece algún indicio documental da actividade baleeira en torno ao cabo Tosto (pasado Camelle e Arou, e antes do cabo Vilán), os portos de Caión e Malpica non se documentan ata o 1530, e o de Camelle no 1559». As referencias a Malpica e Caión son continuas e xa na derradeira parte do traballo asoman as imaxes e o relato sobre a actividade en Caneliñas (Cee), a quen o autor do artigo considera a primeira factoría baleeira moderna. Relata aquela primeira época, con oitenta traballadores, o posterior peche de 1927 e a recuperación por Industria Ballenera S. A. (IBSA) en 1946 até o peche definitivo en 1985, grazas a moratoria aprobada en 1982 pola Comisión Baleeira Internacional.

A Costa da Morte tamén está moi presente no artigo de Santiago Llovo Taboada «As salgaduras de Portocubelo», na parroquia de Santa María de Lira, nas que o investigador salienta que «cómpre advertir un particular feito diferencial destas salgaduras de Portocubelo respecto á práctica totalidade das que daquela existían na beiramar galega: das catro, as tres primeiras foron construídas por veciños da parroquia. A derradeira foi a única levantada por un catalán». Unha documentación exhaustiva que se acompaña de imaxes áereas e tamén das actuais ruínas dos edificios daquelas salgaduras.

Finalmente na sección «Sino de proa», que elabora o coordinador da revista Emilio Xosé Insúa e na que se dá conta da publicación de libros relacionados coa cultura mariñeira, hai unha recensión do volume de relatos Moraime, pequena vila con mar (Positivas, 2015), do muxián X. H. Rivadulla Corcón e outra da novela de Xerardo Quintiá O viaxeiro radical (Galaxia, 2015), baseada na biografía de Man de Camelle.

Benvida pois esta Nova Ardentía (que continúa a navegación da Ardentía dirixida por Luís Rei) para as persoas que amamos o mar e todo o seu inmenso patrimonio marítimo e fluvial e tamén para aqueloutras que queiran achegarse ao seu coñecemento en calquera das súas múltiples expresións.

Comentarios desactivados en Artigo en QPC (XXX): «A Costa da Morte en Nova Ardentía. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial»

Xul 05 2017

«Contemplación do solpor en Fisterra» en Manuel María, libro colectivo de homenaxe

Con notorio retraso sobre a data prevista, vén de saír do prelo do Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo o groso volume intitulado Manuel María, libro colectivo de homenaxe no seu día das Letras Galegas. 17 de maio de 2016, coordinado polo escritor José Estévez López, no que participan máis de 460 persoas do mundo da cultura, da política e sindical, do ensino.

Nas 594 páxinas do volume figura un soneto da miña autoría, até hoxe inédito, «Contemplación do solpor en Fisterra», que cumpría coa obriga de estar inspirado ou motivado por uns versos de Manuel María.

O meu soneto dialoga co poema «Fisterra» do seu libro Versos do lume e o vagalume (1ª ed: Galiza Editora, Ourense, 1982, portada e ilustracións de Joám Guisán Seixas; 2ª ed. testamentaria: Obra poética completa II (1981-2000), Edicións Espiral Maior, col. Ópera Prima, A Coruña, 2001), mais implicitamente tamén se dialoga con outros dous libros da súa autoría: Compendio de orballos e incertezas (1ª ed: Edicións El Correo Gallego, Santiago de Compostela, 1991, ilustracións de Xurxo Fernández) e os Sonetos á casa de Hortas (1ª ed: Edicións Espiral Maior, col. A Illa Verde, nº 29, A Coruña, 1997, limiar do propio Manuel María). Velaquí ese diálogo poético:

Cheguei a Fisterra, alí onde
o sol desmaiado e silandeiro
morre no mar como unha bágoa.

«Fisterra», Versos do lume e o vagalume.

Obra Poética Completa, II (1981-2000)

Manuel María

CONTEMPLACIÓN DO SOLPOR EN FISTERRA

Chegaches a Fisterra, para ollares nas portas
do mar da costa brava como morre o Solpor.
E foi na decadencia do seu vello esplendor
onde apareceu lonxe, ben lonxe a casa de Hortas.

E a vida, labirinto que se enche de retortas,
transcorreu ben ás présas, ferida no fulgor,
tal vítima indefensa de animal predador
ou auga que un muíño remansa nas comportas.

Chegaches a Fisterra, fin deste mundo noso,
estrema dun camiño de medieval romeiro,
con escura incerteza no fondo do teu ser.

Con ollos no horizonte fermoso e misterioso
no verso interrogaches que hai de verdadeiro
no ceo ou no inferno para Nós comprender.

(Portadas dos tres libros de Manuel María citados)

Comentarios desactivados en «Contemplación do solpor en Fisterra» en Manuel María, libro colectivo de homenaxe

Xul 05 2017

Memoria Literaria (XIV): Unha entrevista de 1987 por un premio poético en Cornellà

Non sen tempo o diario coruñés La Voz de Galicia vén de dispoñibilizar para todo o público lector e con acceso libre a súa hemeroteca dixital, que comprende toda a súa colección de xornais diarios dende o ano da súa fundación en 1882. Desta maneira segue os pasos de xornais como o barcelonés La Vanguardia ou o madrileño ABC, que xa levaban anos a ofrecer este servizo.

A dixitalización permitiume recobrar moito material para esta sección destas Crebas que adoito chamar Memoria Literaria. E hoxe sérveme para facer lembranza dunha entrevista que me realizou en 1987, xa van trinta anos aló, o xornalista Xosé Ameixeiras (na altura correspondente do xornal para as comarcas de Soneira e de Fisterra e na actualidade Delegado da edición de Carballo) por un premio poético que recibín en Cornellà.

A entrevista publicouse o 12 de xuño de 1987, na edición de Bergantiños como daquela se denominaba, e fíxose despois de que o meu traballo intitulado «Entra na eternidade do meu soño» recibise o terceiro premio no Certame de Poesía convocado pola Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà de Llobregat (Barcelona), detrás do poeta lugués Darío Xohán Cabana, que daquela traballaba e moraba en Corcubión, e do xa finado poeta guardés, aínda que nado na comarca do Ribeiro, Xosé Carlos Gómez Alfaro.

«Entra na eternidade do meu soño» xuntaba cinco sonetos, un deles co mesmo título que todo o conxunto, que anos despois e con algunhas mudanzas foron incorporados ao meu primeiro libro de poemas publicado, o sonetario Ausencias pretéritas (Espiral Maior, 1992. Finalista do Premio Esquío en 1990) e que precisamente leva un Prólogo da autoría de Darío Xohán Cabana, mestre na habelencia métrica do soneto e que tivo moita influencia sobre os meus inicios poéticos e sobre a orientación das miñas lectura naqueles anos oitenta. Na entrevista eu propio confeso que aqueles cinco sonetos supuñan a miña primeira experimentación coas formas máis clasicistas, aínda que coa linguaxe da contemporaneidade.

No ecuador da entrevista, a respecto da minoritaria lectura de poesía, afirmo «O estudante naufraga no medio do barullo dos catedráticos». Era unha mensaxe encriptada, porque tempo atrás deixara os estudos no bacharelato despois dun forte enfrontamento académico cun catedrático de Lingua e Literatura Castelá, cuxo nome non quero lembrar, que na altura era o director do Instituto de Bacharelato (hoxe IES Agra de Raíces) de Cee, mentres eu era representante do alumnado no consello escolar e militaba na organización estudantil ERGA. O conflito contra o autoritarismo do individuo en cuestión derivara en varios días de folga e no seu cesamento, e a min ´levoume a unha posterior crise persoal que me fixo abandonar os estudos nese curso, actividade que tardaría tempo en retomar.

Finalmente, na entrevista de 1987 facía unha chamada de atención sobre o feito de que ano e medio antes un relato da miña autoría «Augas de silencio» gañara o Premio de Narrativa Modesto Rodríguez Figueiredo do patronato Pedrón de Ouro e aínda estaba sen publicar, un feito que se enmendou meses despois.

Comentarios desactivados en Memoria Literaria (XIV): Unha entrevista de 1987 por un premio poético en Cornellà

Xul 03 2017

Poemas (XC): «Inscrição», de Sophia de Mello Breyner



(Fotografías realizadas con dispositivo móbil)

Sempre me interesou a poesía de Sophia de Mello Breyner, con certeza a voz que máis falou do mar na súa inmensa obra e que finou hai trece anos, o 2 de xullo do 2004. Na nosa última estadía en Lisboa sorprendeunos gratamente que os versos da poeta estivesen en varios lugares das rúas próximas ao fermoso miradouro que leva o seu nome (antigo Miradouro da Graça, freguesia de São Vicente da Graça) e do que se pode ollar a cidade vella lisboeta. Desa presenza nas rúas son as imaxes da miña propia autoría que acompañan esta breve lembranza.

Para alén diso, reproduzo os últimos parágrafos do artigo «Sophia de Mello Breyner, um nome que guarda em si mesmo toda uma vida / exemplo» que asina Teresa Carvalho no dixital Jornal Ionline e tamén un poema visual de Heduardo Kiesse baseado nos seus versos. Velaquí:

(…)
Da infância aristocrática passada no Porto, sua cidade berço, retém a sua obra poética e ficcional vivências de intensidade variável, momentos de confronto afectuoso com os seres e as coisas, ensinamentos incomunicáveis, lugares marcantes como a quinta da família, no Campo Alegre, onde hoje se encontra instalado o Jardim Botânico, mas também a praia da Granja, que lhe despertou a paixão pelo mar. Nos seus fluxos e refluxos, o mar, lugar de inteireza e via de encontro, marcou intensamente a sua produção literária, em verso e em prosa, nela ocupando um lugar central como demonstram os títulos Dia do Mar (1947), Coral (1950), Mar Novo (1958), Navegações (1983), Ilhas (1989), Búzio de Cós e outros poemas (1997), Histórias da Terra e do Mar (contos, 1984), A Menina do Mar (1958), este último um clássico da literatura para crianças e jovens que, juntamente com A Fada Oriana (1958) ou O Cavaleiro da Dinamarca (1964), começou por destinar aos seus filhos.

A frequência do curso de Filologia Clássica na Faculdade de Letras da Universidade de Lisboa, que decidiu abandonar em 1939, proporcionou-lhe um primeiro contacto com a civilização grega, que depois aprofundou, com olhar admirativo, nas sucessivas viagens feitas à Grécia, ao longo da vida. O fascínio pela Hélade e a sua cultura (autores, figuras históricas e mitológicas, lugares…) reflecte-se abundantemente nos seus poemas, que ora optam pela glosa de motivos helénicos, ora pela alusão fugidia.

Nos começos do seu itinerário poético – iniciado com o volume Poesia (1944) – Sophia deixou o seu nome ligado à revista Cadernos de Poesia, aí tendo estabelecido fortes laços de amizade, nomeadamente com Ruy Cinatti e Jorge de Sena com quem se correspondeu. No tempo de mordaça e de repressão que lhe coube viver, Sophia, que corajosamente se opôs ao regime ditatorial de Salazar – o «velho abutre» – sabia que «até a voz do mar se torna exílio/ E a luz que nos rodeia é como grades» (Tempo Dividido, 1959).

Co-fundadora da Comissão Nacional de Socorro aos Presos Políticos, presidente da Assembleia Geral da Associação Portuguesa de Escritores, manteve, depois do 25 de Abril, uma actuação cívica de relevo, tendo sido deputada à Assembleia constituinte pelo círculo do Porto.

Sophia deixou no Livro Sexto uma «Inscrição» justamente celebrada: «Quando eu morrer voltarei para buscar/ Os instantes que não vivi junto do mar».

INSCRIÇÃO

“Quando eu morrer voltarei para buscar
Os instantes que não vivi junto do mar”

Sophia de Mello B. Andresen

Vídeo: Heduardo Kiesse (Publicado o 1 de setembro de 2015)

Comentarios desactivados en Poemas (XC): «Inscrição», de Sophia de Mello Breyner