Xuñ 28 2017

Artigo en QPC (XXIX): «Efeméride: No 80 aniversario da publicación de “Na morte de Lexandro Bóveda” de Antón Zapata García»



(Ilustración de Castelao para o poema «Na morte de Lexandro Bóveda» e retrato realizado polo pintor Maside)

Veño de publicar unha nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para lembrar o primeiro poema ou epicedio en galego escrito sobre o asasinato de Alexandre Bóveda no artigo intitulado «Efeméride: No 80 aniversario da publicación de “Na morte de Lexandro Bóveda” de Antón Zapata García». Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

Efeméride: No 80 aniversario da publicación de «Na morte de Lexandro Bóveda» de Antón Zapata García

O 17 de agosto de 1936 pasaron polas armas tras unha fraude de Consello de Guerra a Alexandre Bóveda Iglesias, no Monte da Caeira (Concello de Poio). Pouco despois da derrota republicana na Guerra Civil Española, no exilio a Irmandade Galega (órgano político que substituíu ao Partido Galeguista), con Castelao á cabeza, instituíu esta data como Día dos Mártires Galegos, que tamén foi chamado Día da Galiza Mártir. Na actualidade varias entidades e algúns concellos programan actos na súa memoria, entre os que salientan os que realiza a Fundación Alexandre Bóveda.

E tal día coma onte, hai 80 anos, publicouse o primeiro poema en galego na súa memoria. Trátase de «Na morte de Lexandro Bóveda» do poeta laxés Antón Zapata García, autor ao que consagrei a miña Tese de Doutoramento onde escribín:

«A crueza da guerra civil española e, sobre todo, a represión desencadeada polos falanxistas en terras galegas serán decisivas para que o estro poético de Antón Zapata García se volva cada vez máis comprometido. De feito, o seu poema Na morte de Lexandro Bóveda, publicado no Galicia o 27 de xuño de 1937, convértese na primeira composición en galego que evoca o asasinato do secretario de organización do Partido Galeguista».

En efecto, apareceu no Galicia, Federación de Sociedades Gallegas, Bos Aires, nº 524, 27 de xuño de 1937. Publicouse precedido dun debuxo sen asinar (aínda que se atribúe a Castelao), que representa o rostro de Bóveda asasinado cunha bala na fronte. De aquí foi reproducido polo académico Xesús Alonso Montero, na Coroa poética para un mártir. 35 poemas á morte de Alexandre Bóveda (1936-1994). Vigo: Xerais, 1996. O profesor nas súas «Notas ós poemas», ademais da localización do texto e doutros datos de interese, sinala: «No verso 53 cítase, entre os asasinados, a Ánxel Fole, crenza moi estendida nestas datas». O poema de Antón Zapata tamén foi compilado por Fernández Rodríguez, Manuel (2006). Poemas pola memoria (1936-2006). Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. 93-96. Velaquí o texto ao completo:

NA MORTE DE LEXANDRO BÓVEDA

Pra tí, Lexandro Bóveda
—¡irmán escrarecido,
vida próveda!—:
Con requeimantes bágoas nos ollos
e na dôr afundido,
non encontro máis verbas no contido
do noso craro idioma, que adouraste,
(¡pra maldicer aqueles que os ferrollos
de Galiza remachan noite e día,
anque tí os perdoaste,
porque eras nobre, bô e xeneroso!),
que estas verbas: ¡Non son da nosa caste
os lobicáns e os lobos da xauría
que os dreitos arrasóu do povo noso
e â túa intelixéncea aborrescía!…
¡Non é!, ¡non é! da nosa enxebre sangue
a banda de traidores,
malvados e asesiños
que â nosa terra abrangue
i-ôs seus máis caros fillos, guiadores,
asesiñaron xunto ôs seus filliños
—nas aldeias, nos montes e nos vales—
i-ô pé dos seus maores
ou xunto ôs seus igoales
—d-abós e pais, d-irmáns ou da siñora—,
e, por eles, agora,
“A CAMPANA d-ANLLÓNS”, doída, tangue
e a irmán, de BASTABALS, doída, chora!
¿Qué van ser irmáns, pra nós, os seres
que trouxeron â moura moureiría
—empúdeca, babeante, sin homía—,
non respetando nenas nin mulleres?:
¡Galegos desleigados, sin concencia,
que n-houberon cremencia
pr-aqueles bôs irmáns das nosas almas,
esgrevos lumiñals da nosa cencia
e sopostallos lus das nosas artes
das nosas forzas vivas
—¡sinxelamente calmas!—
asesiñados todos no CAMIÑO
da REDENZON das LUCES RÊDIVIVAS,
dos sagros balüartes
da Sancta COMPOSTELA
—¡Nova XERUSALEM tremente en palmas,
procramada na voz da BERENGUELA!—
e que se choran xá por todas partes,
con fraternal cariño,
por onde padricaron
e, boandanzas, cantaron
ô pé do Altar da Patria, car-ô Sole:
Quintanilla, Casal, Díaz Baliño,
Xan Carballeira, Casas, Lustres Rivas,
Xosé A. Suárez Picallo, Anxel Fole
e outros centos de irmáns non menos outos
ô corazón que os chora xa finidos:
¡Co-as balas dos traidores furacados
diante ô tráxico asombro dos petoutos
e os “Queixumes dos Pinos” abraiados!,
mouradores no ALEM, ¡non redimidos!,
e que recraman, ¡forte!, ser vengados!…
Tí fóstel-o Moisés que abreu as fontes
das riquezas da Nosa Nai Galega,
hastra agora aldraxada, magöante:
¡Pol-os necios, pechándolle ourizontes;
pol-os pillos, roubándolle a talega;
e facéndoa, os caciques, emigrante!…
¡Tí fostes, bô Lexandro, o Xesucristo
diante ô Abrente das luces do Dereito
ensinando os Camiños da Verdade
—¡car-a cara co-a lus da Dinidade!—
e, por eisí aituar, teu nobre peito,
aniñando tenruras, foi desfeito
no crime mais atrós nos homes visto!…
Tí, como os Precursores,
meresces os máis férvedos loubores.
¡No “Alem”, no “Mar dos Silenzosos”,
na “Soidade”, onde mores,
teral-o ben querer dos irmáns nosos!
¡Non-os chores, Lexandro, non-os chores
na tráxica partida!:
¡Tí seral-o Druída
oficiando no Altar do Sentimento!:
—¡Por todol-os irmáns que nos mataron
por amar o Galego Encumiamento
que agora, como outrora, nos tallaron
n-un crime xamáis visto!;
mais, como Xesucristo,
no triste camposanto…
¡¡terá Rexurdimento!!…
¡¡Santo!!… ¡¡Santo!!… ¡¡¡Santo!!!…

Comentarios desactivados en Artigo en QPC (XXIX): «Efeméride: No 80 aniversario da publicación de “Na morte de Lexandro Bóveda” de Antón Zapata García»

Comments are closed at this time.