Xuñ 08 2017

O soneto «Es doce como o soño degolado…», de Ausencias pretéritas (1992), nun video-poema de Fernando González

Published by at 19:49 under Gravacións,Poesía

A profesora de lingua e literatura galega Gracia Santorum (creadora dese imprescindible blogue Trafegando ronseis do que tanto aprendemos) continúa a traballar a poesía co seu alumnado do IES Pintor Laxeiro (Lalín) con diversas estratexias e desta volta coa realización de video-poemas.

Un dos alumnos, Fernando González, a quen parabenizamos polo seu traballo, focalizou a súa video creación no meu soneto «Es doce como o soño degolado…», de Ausencias pretéritas (1992), que tamén figura compilado no volume intitulado Poetízate, unha antoloxía dirixida á mocidade, editado polo escritor Fran Alonso, vello amigo e compañeiro de proxectos como as Edicións do Dragón (xunto ao chorado Paco Souto), que publicou Xerais no 2006, e que tiña entre os seus obxectivos rachar cos prexuízos sobre este xénero literario, promovendo a súa lectura coma un acto de rebeldía e transgresión. Malia que nesa video creación de Fernando González a lectura non completa o texto trátase dunha proposta ben interesante.

Por parte, como xa comentamos nesta anotación de 2011, o corpus de Poetízate percorre toda a poesía galega desde Rosalía de Castro até a actualidade e consta de arredor de 200 poemas seleccionados de perto de 80 autoras e autores.

Nesa escolla Fran Alonso tivo a ben (cousa que lle agradezo inmenso) incluír tres poemas meus que non teñen título e que na antoloxía van citados polo primeiro verso: «Es doce como o soño degolado…» de Ausencias pretéritas (Espiral Maior, 1992) e os poemas das letras O e I, nesa orde, de Abecedario da desolación (Espiral Maior, 1997). Na «Visita guiada» do final propón unha serie de actividades sobre todos os textos e sobre os da miña autoría sinala:

«E, a continuación, como contraste, veñen as formas clásicas de Miro Villar, un autor que escribe sonetos con frecuencia e habilidade (como o da páxina 157). […] O soneto é, se cadra, a única forma métrica que hoxe sobrevive con enerxía. Os tres poemas de Miro Villar son de amor (páxinas 157-161). ¿Que che parecen?»

Velaquí os tres poemas escolmados en Poetízate, o primeiro deles obxecto da video creación:

X
Es doce como o soño degolado,
doce folla de aceiro dun coitelo,
doce como a nudez do carambelo,
doce sangue vermello derramado.
Es doce como o verso encabalgado,
doce palabra libre e pesadelo,
doce como ese son do violonchelo,
doce canto, barítono do agrado.
Es doce como a noite pequerrecha,
doce casa común, tobo futuro,
doce como asubío dunha frecha,
doce zume, morango ben maduro,
doce como o sendeiro dunha crecha,
doce exaculación a ben seguro.

I
Mira, amor, lo que no te puedo decir con las palabras,
que la noche se pone del color de tus ojos
cuando tú no estás, cuando no está tu mano
y las palabras huyen como largos escalofríos
enardeciendo el fervoroso espíritu de las piedras.
José INFANTE.

X
amada, labro versos para ti sen sosego,
amada, labro a modo na terra máis florida,
amada, labro e rellas de brazos debilitan,
amada, labro morno nos máis cálidos peitos,
amada, labro versos para ti e non revelo.
amada, soño noites contigo entre os tecidos,
amada, soño sabas no amor máis conturbado,
amada, soño lenzos de brancos resplandores,
amada, soño teas no algodón dos teus ollos,
amada, soño noites contigo e logo escribo.
amada, temo días sen ti no meu camiño,
amada, temo agora, no intre máis pavoroso,
amada, temo as horas do corazón en grixos,
amada, temo sempre, nos momentos máis tristes,
amada, temo días sen ti como un feitizo.
amada, bebo viños por ti no esquecemento,
amada, bebo acaso nos vasos máis coitados,
amada, bebo a grolos a soidade dos mares,
amada, bebo seica no olvido máis amargo,
amada, bebo viños por ti que non desprezo.
amada, digo o nome de ti nesta palabra,
amada, digo a penas na voz máis embebida,
amada, digo e beixos foxen desafinados,
amada, digo lento nos labios máis propicios,
amada, digo o nome de ti como se nada.

O
O desespero
e o pudim de maçã. Uma comida
amarga como o amor.
José Alberto OLIVEIRA.

XVI
como algodón (o corpo) no contacto esponxoso,
como hedras (os cabelos) perenne enredadeira,
como ananás (os ollos) mollados en azucre,
como vimbio (o nariz) que trema no olfacto,
como hidras (as orellas) de tentáculos negros,
como tabaco (a boca) penetrante arrecendo,
como amoras (os labios) docísimo veneno,
como escarola (a lingua) de refinado prato,
como café (o pescozo) no sorbo delicado,
como xarxas (os brazos) de longo percorrido,
como aguacate (os dedos) de insípido xuízo,
como arroz (os mamilos) exquisito alimento,
como mazás (os peitos) reinetas grosas, duras,
como azafrán (o embigo) condimento escondido,
como sargazo (o pube) dos teus cálidos mares,
como níscalo (a vulva) de sabores estraños,
como acevros (as pernas) de brancos interiores,
como buxo (os xeonllos) de compacta dureza,
como rosas (as nádegas) de pálidas colores,
como vainilla (a pel) no beixo despacioso,
como amanita (a dor) phaloides da ausencia,
como cacto (o olvido) de espiñentas palabras,
como cizaña (as bágoas) da dor e da amargura,
como beladona (ti) de durmente memoria,
como saramago (eu) na desolación grave.

(Portadas da 1ª e da 14ª edición)

Comentarios desactivados en O soneto «Es doce como o soño degolado…», de Ausencias pretéritas (1992), nun video-poema de Fernando González

Comments are closed at this time.