Xuñ 08 2017
Documentario «XX anos do Premio de Poesía Concello de Carral»
Días atrás realizouse a presentación pública do documentario «XX anos do Premio de Poesía Concello de Carral», que desde o 31 de maio está dispoñibilizado na rede a través da canle de youtube do propio certame literario (https://youtu.be/2wVp1xkzVoM)
O seu coordinador, Carlos Lorenzo Pérez, é o autor do guión, realizado por Xosé Bocixa Rei. En pouco máis de media hora o documentario sobre os primeiros XX anos do Premio de Poesía Concello de Carral realízase un repaso sobre as motivacións do seu nacemento, como se organiza, a súa evolución e a súa consolidación no panorama literario galego, alén das propias experiencias dos autores e autoras que obtiveron o premio nestas dúas décadas (1997-2017), entre os que me atopo por ser gañador co meu libro intitulado As crebas.
Por orde de aparición, intervimos no documentario José Luis Fernández Mouriño, Lois Anxo Ferreiro, Carlos Lorenzo Pérez, Miguel Anxo Fernán Vello, Xulio L. Valcárcel, Luciano Rodríguez, Teresa Seara, Cesáreo Sánchez Iglesias, Mercedes Queixas, Armando Requeixo, Fernando Díaz-Castroverde, Rafael Lema, Rafa Villar, Lucía Novas, Baldo Ramos, Eduardo Estévez, Xurxo Alonso, Marcos Calveiro, Isidro Novo, Xosé Luís Mosquera Camba, Eli Ríos, Paulino Peña Álvarez, Miro Villar, Dores Tembrás, Oriana Méndez, Eva Veiga, Modesto Fraga e Emma Pedreira. Das e dos poetas recóllese ademais a lectura dun pequeno fragmento dos seus textos premiados.
Moitos parabéns por tan ben elaborada e fermosa iniciativa.
Por este video promocional van aparecendo todos os libros gañadores até hoxe, que tamén figuran nunha exposiciónfotográfica de gran formato nas rúas da vila de Carral.
Gañadores/as:
2017: Xosé Luis Mosquera Camba, Das árbores tropicais e do amor.
2016: Modesto Fraga, Devalar sen pel.
2015: Eva Veiga, Soño e vértice.
2014: Oriana Méndez, O que precede a caída é branco.
2013: Dores Tembrás, Cronoloxía da urxencia.
2012: Roi Vidal, Teatro.
2011: Emma Pedreira, Libro das mentiras.
2010: Miro Villar, As crebas.
2009: Eli Ríos, Nós escoitando o badalo de marienplatz.
2008: Paulino Peña Álvarez, Gramática da afirmación.
2007: Xosé Luis Mosquera Camba, Nadja c’est moi.
2006: Isidro Novo, Esteiro de noites falecidas.
2005: Marcos S. Calveiro, Cartas do terceiro día.
2004: Xurxo Alonso, Breviario de Aldemunde.
2003: Sen convocatoria.
2002: Eduardo Estévez, Derrotas.
2001: Baldo Ramos, A árbore da cegueira.
2000: Lucía Novas, Epiderme de estío.
1999: Rafa Villar, Días de Sherezade.
1998: Rafael Lema, Atlántica.
1997: Fernando Díaz-Castroverde, Camiño de píntegas.
Comentarios desactivados en Documentario «XX anos do Premio de Poesía Concello de Carral»