Mai 26 2017

Artigo en QPC (XXVII): «Os artigos literarios de Baldomero Cores no diario vespertino La Noche»



[Fragmento do artigo «Leyendo a los buenos» (04/07/1953), onde lembra o cheiro a balea podre da factoría baleeira de Caneliñas, e «La tradición jacobea en el Finisterre. Duyo, la ciudad asulagada, y Mugía con su barca de piedra» (31-12-1953)]

Veño de publicar unha nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para falar sobre «Os artigos literarios de Baldomero Cores no diario vespertino La Noche», unha anotación que tamén fixo parte do meu relatorio «O mundo literario de Baldomero Cores Trasmonte», nas Xornadas que coordinou o amigo bibliotecario José Ramón Rey Senra en Cee. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

Os artigos literarios de Baldomero Cores no diario vespertino La Noche

Entre os anos 1946 e 1967 publicouse en Santiago de Compostela o diario vespertino La Noche, que durante un breve período (de outubro de 1949 a xaneiro de 1950) tivo un dos mellores suplementos semanais na historia da prensa galega. De preponderancia literaria, aínda que abríndose a outras temáticas relacionadas cos intereses da sociedade galega, chamouse La Noche. Suplemento del sábado e a súa dirección e coordinación estivo nas mans de Salvador Lorenzana (pseudónimo de Francisco Fernández del Riego) e de Santiago Fernández (pseudónimo de Xaime Isla Couto), dous homes que habían ser fundamentais na fundación da Editorial Galaxia o 25 de xullo de 1950.

Na reprodución de La Noche. Suplemento del sábado (Edición facsímile do Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro. Santiago de Compostela: 1996), Baldomero Cores Trasmonte asina, co título «A codificación da galeguidade en anos difíciles (1949-1950)», unha excelente crónica do mundo cultural e literario dos anos cincuenta, de lectura imprescindible para coñecermos que non todo era un ermo no ecuador do franquismo e que o galeguismo estaba a rearmarse desde as trincheiras culturais.

Baldomero Cores era moi novo, aínda estudante, e a súa sinatura non aparece no Suplemento, mais foi un asiduo colaborador do diario vespertino La Noche, onde publicou varios artigos de temática diversa, de feito o primeiro que localizamos versa sobre un tema deportivo «Juego duro y su represión» (28/03/1953), que analiza desde o punto de vista legal. Entre os artigos, alén dos de música, de arquitectura (Salamanca, Alacante…) ou dos de arte que lle dedica a pintores como Maside, no que atinxe ao mundo cultural e literario cómpre salientar:

«Biografía perenne» (11/04/1953) centrado nas biografías de Zweig aborda as dificultades do xénero.

«Rodembach y Viqueira» (30/05/1953) de interese por relacionar a poética do simbolista francés Georges Rodenbach e do galego Xohán Vicente Viqueira, filósofo e pedagogo a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas en 1974, e do que falará en posteriores traballos como nun amplo artigo publicado no Xornal electrónico da USC, no que tamén hai referencias a unha moi pouco coñecida revista de vida efémera que dirixiu denominada Atenea.

«Leyendo a los buenos» (04/07/1953), unha recensión de Anilina e Átomo, dúas obras de Karl Aloys Schenzinger, onde lembra o cheiro a balea podre da factoría baleeira de Caneliñas.

«En torno a “Mujeres Soñadas”. Genio e ingenio de René Clair» (10/07/1953),unha análise da mentada obra do cineasta e escritor francés, cuxo título orixinal era Les belles de nuit.

«La tradición jacobea en el Finisterre. Duyo, la ciudad asulagada, y Mugía con su barca de piedra» (31-12-1953).

«”Filosofía de la existencia”. Un libro revelador» (27/11/1954), recensión da obra do filósofo alemán Otto F. Bollnow.

«Envío supersónico» (03/03/1954), sobre a película La barrera del sonido (The sound barrier), dirixida por David Lean e producida por A. Korda.

«Del libro al hombre» (27/03/1954), centrado no mundo das bibliotecas e dos bibliotecarios.

«Existencias inexistentes. Para Castroviejo y Cunqueiro» (07/05/1954), onde para falar da Santa Compaña relata unha experiencia persoal que lle acontece onda a Fábrica de Carburos.

«Gestación de un arte visual» (10/06/1954), sobre a primeira película en cor de Jean Renoir El río (The river), que relata un drama dunha moza inglesa nunha India aínda colonial.

«Radiografía de la tienda» (06/09/1954), describe a curiosa tenda zamorana que denominan «O Pazo da Saudade» e bota man dos versos de Rosalía de Castro.

«Sociología de la elocuencia. I. El discurso» (07/04/1955) e «Sociología de la elocuencia. I. La conferencia» (15/04/1955), que dedica a dous magníficos oradores, Ramón Otero Pedrayo e Domingos García-Sabell.

«Influencia de Concepción Arenal sobre la Pardo Bazán. Posibilidad de una ciencia galaica» (16/03/1956) ou «El ensayo de Concepción Arenal» (24/11/1956).

«”Iglesias fisterranas”. Estudiadas por José Ramón y Fernández» (09/03/1957), unha recensión da mentada obra de Fernández Oxea, onde Baldomero Cores reivindica os estudos de Esmorís Recamán. Hai unha interesante resposta de Juan Romero un mes e medio despois (24/04/1957) sobre San Marcos de Corcubión (cita o médico de Toba Juan López Bermúdez).

«Homenajes sentimentales y homenajes prácticos» (19/04/1957), unha crítica sobre a realización dalgunhas homenaxes literarias, con especial mención a Rosalía de Castro.

«La Costa de la Muerte en el Arte» (20/07/1957), onde analiza os cadros de Garabal (Manuel López Garabal) e de Concha Vázquez. Garabal era colaborador tamén do Suplemento e no nº 8 (sábado, 3 de decembro de 1949) publica «Mozas de Fisterra» (Ilustración e texto).

Tamén é de sumo interese outro moito máis breve, co epígrafe «Incunables futuristas», no que reivindica a publicación dun libro inédito de Juan Pernas Leira, do que sinala que publicou os seus primeiros poemas en castelán precisamente en Nemancos e os primeiros en galego na revista Vamos. Artigo no que fala da poesía de Rosalía, de López Abente ou dos “vangardistas” Manuel Antonio e Amado Carballo. (31-12-1953)

Nos anos posteriores, por circunstancias biográficas, a súa feraz colaboración con La Noche vaise facer máis esporádica, porén quixera rematar coa lembranza do seu artigo «La poesía y el mar» (29.09.1963), no que cita a presenza do mar en escritores de diferentes épocas, desde Martín Códax até Amado Carballo ou Manuel Antonio. Nun parágrafo cita os nosos poetas entre os autores que refliten nos seus versos a Costa da Morte:

La Costa de la Muerte, que tiene poca novelística, posee, en cambio, una gran aportación poética. Pondal nos da una versión muy sugerente del mar en la parte septentrional de la Costa de la Muerte. Antón García Zapata [sic], un poco más abajo, también insiste en lo mismo, pero con un sentido marinero más amplio, por lo que convendría reconocer con mucho cuidado la presencia de este magnífico y sutil poeta. Y ya en pleno corazón de la Costa de la Muerte, entre Vilán y Finisterre, está López Abente, el mejor cantor del mar gallego.

[Fragmento do artigo «Existencias inexistentes. Para Castroviejo y Cunqueiro» (07/05/1954), onde para falar da Santa Compaña relata unha experiencia persoal que lle acontece onda a Fábrica de Carburos e «”Iglesias fisterranas”. Estudiadas por José Ramón y Fernández» (09/03/1957)]

Comentarios desactivados en Artigo en QPC (XXVII): «Os artigos literarios de Baldomero Cores no diario vespertino La Noche»

Comments are closed at this time.