Mai 18 2017

«O Pico Sacro, un volcán de palabras», recensión no dixital Letra en Obras

A redacción do xornal dixital cultural e literario Letra en Obras asina unha recensión sen asinar da antoloxía intitulada Pico Sacro, ferido polo lóstrego e a lenda (Escolma de textos literarios éditos e inéditos na literatura galega contemporánea), coordinada por min propio e Xosé Manuel Lobato, escritor e presidente da A. C. Mestre Manuel Gacio de Boqueixón, entidade que promoveu a súa publicación, e que editou de maneira ben coidada Alvarellos Editora. Velaquí:

O Pico Sacro, un volcán de palabras

Por Redacción 15/05/2017

Dende principios deste mes de maio está nas librarías un libro moi singular: Pico Sacro, ferido polo lóstrego e a lenda. A obra, que está coordinada polos profesores e escritores Xosé Manuel Lobato e Miro Villar, é unha escolma de textos literarios éditos e inéditos na literatura galega contemporánea referentes a este espazo mítico emprazado no concello de Boqueixón (Comarca de Compostela). O resultado é un coidado volume editado por Alvarellos e a Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio, un Pico Sacro convertido nun incesante volcán de palabras.

Nun inxente traballo de documentación e escolma, Lobato e Villar recuperan textos xa editados de Marcial Valladares, Lamas Carvajal, Manuel Murguía, Vicente Risco, Álvaro de las Casas, Carré Alvarellos, Antón Zapata, Manuel María, Suso de Toro, Carmen Blanco, María Solar, e un longuísimo etcétera. Na segunda parte do libro hai espazo para novos textos sobre o Pico Sacro que aínda non viran a luz e que son autoría, entre moitos outros, de: Cabeza Quiles, Marta Dacosta, Rosalía Fdez. Rial, Alexandre Nerium, Emma Pedreira, Heitor Picallo ou Helena Villar Janeiro.

Quizais a contracapa do libro é a mellor declaración de intencións do que pretende e consegue este volume no que se recollen textos de noventa autores e autoras:

Se hai un cumio ou monte mítico, simbólico e histórico a un tempo, en Galicia, este é o Pico Sacro. Elévase garboso ao leste de Compostela, no Concello de Boqueixón, a 533 metros de altitude. Este libro reúne a obra de noventa autores e autoras arredor desta cima única. Unha edición ao coidado de Miro Villar e Xosé Manuel Lobato, responsables dun traballo pioneiro: recompilaron textos clásicos, históricos —algúns ben coñecidos, outros moi pouco divulgados ata hoxe— e puxéronos a dialogar con novas composicións, inéditas, de autores e autoras actuais.

Dende o Rexurdimento ata os nosos días, o Pico Sacro foi constante invocación literaria, e esta obra é a proba evidente. Poemas, relatos, ensaios, crónicas xornalísticas, ata contos infantís…“Historia e ficción mestúranse aquí nun binomio inseparable”, sinalan os artífices desta convocatoria. Subamos pois ao Pico Sacro. E academos, dende Galicia, o universo enteiro. Un universo escrito que se desprega en cada unha destas páxinas.

No responses yet

Trackback URI | Comments RSS

Deixa unha resposta