Mai 18 2017

Artigo en QPC (XXVI): Nemancos (1953-1954), a revista dirixida por Baldomero Cores Trasmonte

Veño de publicar unha nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para (re)lembrar a revista Nemancos (1953-1954), unha anotación que fixo parte do meu relatorio «O mundo literario de Baldomero Cores Trasmonte», nas Xornadas que coordinou o amigo bibliotecario José Ramón Rey Senra en Cee. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

Nemancos (1953-1954), a revista dirixida por Baldomero Cores Trasmonte

Hai vinte anos, por volta de 1997, fixen unha análise da revista Nemancos cando estaba a traballar como bolseiro de investigación (xa rematada a carreira de Filoloxía Galego-Portuguesa) no proxecto do Dicionario da Literatura Galega, que publicou Galaxia, coa coordinación da crítica e profesora Dolores Vilavedra. Naquela altura traballaba nas fichas do volume II. Publicacións periódicas (Galaxia, 1997) e, a través do antropólogo muxián Manuel Vilar, co que tiña moita amizade, Baldomero Cores Trasmonte fíxome chegar copia dos tres exemplares que publicou a revista Nemancos en 1953 e 1954, unha publicación local que promoveu e dirixiu. As copias dos números 2 e 3 levan unha dedicatoria autógrafa ao escritor e sacerdote Paulino Pedret (1899-1969), que foi académico da RAG, e están depositados no fondo co seu nome na Biblioteca Xeral da USC.

A día de hoxe tamén se pode consultar unha copia en papel no Fondo Local da Biblioteca Pública Municipal Francisco Mayán de Cee, que dirixe José Ramón Rey Senra. (E durante as Xornadas reivindicamos a súa dixitalización dentro do proxecto Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia)

Actualizo agora con algúns novos datos a ficha que elaborei sobre esta publicación, ao tempo que engado un completo Índice de cada número.

NEMANCOS

“Hacia el Finisterre” era o subtítulo desta publicación que toma a súa cabeceira do arciprestado de Nemancos que, naquela altura, abranguía os concellos de Fisterra, Cee, Corcubión, Camariñas, Muxía e parte de Vimianzo, xa que pouco tempo despois a Igrexa faría unha división eclesiástica deste amplo territorio en dous, Nemancos e Duio. Aínda que a revista representaba os intereses da devandita comarca, o certo é que tiña a administración en Santiago e era impresa en Betanzos.

Estaba dirixida por Baldomero Cores Trasmonte nos seus anos de universitario. De feito, o enderezo da publicación (Entremurallas, 9) era onde a súa familia rexentaba un hostal e alí tiña o seu cuarto de estudante. Nunha entrevista que lle fai Xosé Manuel Cambeiro para La Voz de Galicia (1/11/2008) dise que seu pai, revisor dos autocares Guillén que facían o traxecto a Santiago de Compostela, mercou o pequeno hotel Comercio ao que denominou A Nosa Casa, lugar ao que o poeta Aquilino Iglesia Alvariño denominou «consulado xeral do Partido Xudicial de Corcubión» e onde mesmo atoparían refuxio algúns dos fuxidos do Monte Pindo na posguerra.

Unicamente saíron tres números, aínda de que hai constancia de que estaba preparado o cuarto que nunca viu a luz. Os dous primeiros apareceron no ano 1953 e o terceiro e último en 1954. A revista desapareceu por mor das obrigas militares do seu director, desprazado a Ferrol para facer o servizo militar. Oscilaba entre as vintecatro e as vinteoito páxinas, con unha ou dúas para a publicidade. Nelas tiña unha serie de seccións de artigos de defensa local, rumor popular, páxina social, páxinas deportivas ou bibliografía da comarca, sempre co obxectivo de atender os intereses comarcais, para o que dispuña de correspondentes nas principais vilas e tamén en Bos Aires, que recollían as novas das sociedades de emigrantes da zona na capital arxentina. Estaba redactada maioritariamente en castelán, aínda que o galego tamén tiña unha certa presenza, nomeadamente nas páxinas poéticas. No tocante ás colaboracións literarias, mantiña unha sección fixa chamada «Página poética» na que se publican catro poemas en galego de Gonzalo López Abente, un texto de Xosé Fernández Ferreiro e dous de Consuelo Domínguez Rodríguez, que é cualificada como “nuestra rosaliana poetisa sexagenaria”, definición na que hai moito de esaxero. A prosa galega está representada por artigos de diferente temática, con traballo do propio López Abente, Salvador Lorenzana (pseudónimo de Fernández del Riego), Ben-Cho-Shey, Otero Pedrayo e Ramón Costa Suárez, ademais doutros textos en castelán de Aquilino Iglesia Alvariño, Francisco Mayán Fernández e o propio director da revista. Deles, unicamente o artigo de Abente trata un tema literario, pois reproduce fragmentos do seu discurso de ingreso na RAG intitulado «A terra e a poesía de Pondal». Finalmente, na sección reivindicativa “Rumor popular” reclámase, entre outras cousas, que se organicen uns xogos florais na comarca e que se lle faga unha homenaxe ós grandes poetas da zona, Labarte Pose e López Abente.

BIBLIOGRAFÍA Cfr. CC, GEG

Barreiro, X. R., “La revista de Cee”, La Voz de Galicia, 21-X-1995.

SUMARIOS

Nº 1 (1953)

Páx. 3: Índice de colaboracións literarias, fotografías, colaboracións económicas.
Páxs. 5-6: Editorial. (Sen asinar, a autoría debe ser do propio Baldomero Cores, presenta os obxectivos da revista e a súa vocación comarcal. Ao pé unha foto da Alameda de Cee)
Páx. 7: Viajeros ilustres. Tierras que dan cuerda al narrador. Por Rabanal Álvarez.
Páx. 8: Temas da Mariña. Por Ramón Otero Pedrayo.
Páxs. 9-10: Descubriendo la tierra. Canto al Valle de Lires. Por Manuel Domínguez Rodríguez.
Páxs. 10-11-12: La ría de Corcubión y tierra de Nemancos (Una desconocida comarca natural). Por Francisco Mayán Fernández. (continuará)
Páxs. 13-14: Defensa local. Sus y a ellos. (Sen asinar, novamente debe ser do propio Baldomero Cores. Con fotografía da Fundación Fernando Blanco que se reivindica para crear un Instituto Laboral)
Páxs. 14-15: Rumor popular. (Sete textos breves sen asinar, catro en galego e tres en castelán, todos eles de carácter reivindicativo)
Páxs. 15-16: Apoliticismo vilán. Por Ramón Costa Suárez. Datado en Buenos Aires (14-02-1953).
Páx. 17: Hay un merlo. Poema de Gonzalo López Abente (Foto do primeiro recheo de Cee, a carón da vella casa do concello)
Páxs. 18-19-20: El mito de una ría. Por Baldomero Cores Trasmonte.
Páxs. 20-21-22: Dinamismo popular. Tipos populares de Corcubión. Por Juan Romero Canosa.
Páxs. 20-21: Página social. (Sen asinar)
Páx. 21. Página deportiva. (Sen asinar)
Páxs. 22-23-24: Publicidade de establecementos de Cee, Muxía, Zas, Santiago de Compostela e A Coruña.

Nº 2 (1953)

Páx. 3: Índice de colaboracións literarias, fotografías, colaboracións económicas. Por primeira vez aparece Baldomero Cores Trasmonte como Director e inclúe unha listaxe de seis colaboradores en diferentes concellos da comarca.
Páxs. 4: Editorial. (Sen asinar, a autoría debe ser do propio Baldomero Cores)
Páx. 5-6-7: Viajeros ilustres. Mugía, santuario célebre. La Costa de la Muerte. Por Victoriano García Martí. (Publícase coa seguinte nota a rodapé: «Por ignorar la dirección accidental de este gran escritor gallego, nos vemos obligados, por su enorme interés para esta tierra, a reproducir estas líneas publicadas en un gran diario hispánico.»)
Páx. 7-8: No confín do noroeste hispánico. Por Salvador Lorenzana.
Páxs. 9-10-11-12: Descubriendo la tierra. El Municipio de Cee. Por Baldomero Cores Trasmonte. (Fotografía da antiga praza do peixe, que nun atentado contra o patrimonio foi derrubada para construír o actual centro social da 3º idade)
Páx. 13-14: Turismo mal dirigido. Por Alfonso García Garea
Páxs. 14-15: Olvido imperdonable. Por Elías Toba Lema.
Páx. 16: Página poética. Por Consuelo Domínguez Rodríguez.
Páx. 17: Pregaria. A oferta. Dous poemas de Gonzalo López Abente (Con nota a rodapé: «Quisiera el poeta publicar esta magnífica poesía en los días de la Barca, pero a NEMANCOS no le fué posible complacerle»)
Páxs. 18-19-20-21: La ría de Corcubión y tierra de Nemancos (Una desconocida comarca natural). Por Francisco Mayán Fernández. (continuará)
Páxs. 22-23-24: Defensa local. El testamento de Fernando Blanco de Lema. (Sen asinar)
Páx. 25: Rumor popular. (Nove textos breves sen asinar, tres en galego e seis en castelán, todos eles de carácter reivindicativo. Fotografía da rúa Fernando Blanco, hoxe parte da súa avenida)
Páxs. 26-27: Página social. (Sen asinar)
Páx. 27. Página deportiva. (Sen asinar)
Páxs. 28: Publicidade de establecementos de Cee, Santiago de Compostela e A Coruña.

Nº 3 (1954)

Páx. 3: Índice de colaboracións literarias, fotografías, colaboracións económicas. Baldomero Cores Trasmonte como Director e inclúe unha listaxe de dez colaboradores en diferentes concellos da comarca e o poeta Gervasio Paz Lestón como colaborador desde Buenos Aires. Nas colaboracións gráficas Ventura Cores Trasmonte, debuxo, e La Noche, fotografía)
Páxs. 4-5: Editorial. (Sen asinar, a autoría debe ser do propio Baldomero Cores)
Páxs. 5-6: Viajeros ilustres. Mis recuerdos de Cée, Corcubión y Finisterre. Por Paulino Pedret Casado.
Páx.6-7: Nemancos por testigo. Por Aquilino Iglesia Alvariño.
Páxs. 7-8: As sardiñas. Por Ben-Cho-Shey.
Páxs. 8-9-10-11: Descubriendo la Tierra. Do corruncho finisterrán. Cabos e piñeiros. Por Gonzalo López Abente. (No remate do artigo abentiano un debuxo do escudo de Corcubión coa seguinte nota a rodapé: «Las armas del escudo y la enseña hablan de su historia. El mar nos dice de una perenne dedicación. El mar y la historia siempre unidos»)
Páx. 12-13-14: Bibliografía referente a Nemancos. Por Baldomero Cores Trasmonte. (Realiza unha ampla listaxe de autores e publicacións con referencias a asuntos e temas comarcais)
Páxs. 15-16-17-18-19-20-21-22-23: La ría de Corcubión y tierra de Nemancos (Una desconocida comarca natural). Por Francisco Mayán Fernández. (continuará)
Páx. 24: Para los de Finisterre en América. Por Plácido Lizancos Santos.
Páx. 25: Defensa local. Senande aun no es Senande. Por Ángel M. Quintáns Bouza. (Fotografía de Corcubión)
Páx. 26: Página poética. Por Consuelo Domínguez Rodríguez.
Páx. 27: Vento mareiro. Poema de Xoxé (sic) Fernández Ferreiro (Datado: Nas miñas terras altas de Ramuin, 1953). Nocturno en aguas. Poema en castelán de Juan Pernas Leira.
Páx. 28: Rumor popular. (Fotografía da igrexa de Corcubión)
Páxs. 29-30: Página social. (Sen asinar)
Páx. 31. Página deportiva. (Sen asinar)
Páxs. 32: Publicidade de establecementos de Cee, Santiago de Compostela, A Coruña e Madrid.

Comentarios desactivados en Artigo en QPC (XXVI): Nemancos (1953-1954), a revista dirixida por Baldomero Cores Trasmonte

Comments are closed at this time.