Mai 02 2017

A obra poética de Xosé Alexandre Cribeiro

Hai hoxe 22 anos, o 2 de maio de 1995, finou o poeta Xosé Alexandre Cribeiro no Hospital Provincial de Pontevedra o 2 de maio de 1995, á idade de 59 anos, despois dunha longa convalecencia e como consecuencia dunha grave enfermidade, que sempre lle ocultou aos seus amigos, sendo soterrado no pontevedrés cemiterio de San Mauro. A finais dese mesmo ano, a revista poética Dorna, dirixida polo seu compañeiro no grupo «Brais Pinto» Ramón Lorenzo, dedícalle un número de homenaxe no que colaboran moitos dos seus amigos e contemporáneos, aos que se unen as promocións máis recentes da poesía galega. Entre os traballos publicados, salienta o poema «Na morte de Xosé Alexandre Cribeiro» de Bernardino Graña, que o poeta arranxaría nunha nova versión publicada en Luz de novembro, A Coruña: Espiral maior, 1997.

Achegueime por vez primeira á súa obra literaria no artigo «Indo pra máis perto da poesía de Cribeiro», publicado na revista Dorna: 21 (USC: 1995. pp. 125-131) que recuperei nesta anotación (12 de marzo de 2012) e que tamén se pode ler na páxina de poesiagalega.org, proxecto do poeta e profesor Arturo Casas e do seu equipo do GAAP (Grupo Alea de Análise Poética).

Este traballo levoume a aceptar a proposta do director xeral de Edicións Xerais, Manuel Bragado, para realizar unha edición crítica da súa obra poética para a colección Biblioteca das Letras Galegas que coordinaba na altura Ramón Nicolás. O volume saíu do prelo en 2004 e da súa Introdución reproduzo deseguida unha pequena parte, ao tempo que animo a lembrar a Xosé Alexandre Cribeiro coa lectura dos seus versos.

A OBRA POÉTICA DE XOSÉ ALEXANDRE CRIBEIRO

Indo pra mais perto [1979]

Xénese e historia editorial

Adóitase sinalar sempre que Cribeiro publicou tres libros de poemas, por seren títulos editados en diferentes coleccións e con case vinte anos de diferencia entre cada un deles. En efecto, desde Acoitelado na espera (1960) ata o libro póstumo A señardade no puño (1996), transcorren trinta e seis anos e practicamente no ecuador deste período habería que situar a outra entrega Indo pra máis perto (1979).

Ora ben, en rigor, habería que falar de dous únicos volumes, pois en Indo pra máis perto, que ve a luz na madrileña Akal editor, hai «tres libros de Cribeiro aquí recolleitos», como sinala Ferrín no prólogo. Así, neste volume, reedítase Acoitelado na espera (1960), que estaba esgotado na altura xa que a tiraxe na colección de poesía «Brais Pinto» era de cincocentos exemplares e o grupo cultural tiña trescentos subscritores de seu, polo que os títulos publicados xa desaparecían no primeiro ano. E tamén inclúe outro pequeno poemario, daquela aínda inédito, intitulado Doente na espranza (1962). Xunto a estas dúas obras de mocidade inclúense novos textos co mesmo encabezado que o volume. Outros poemas anteriores, a maioría deles en castelán, son desbotados polo propio autor neste volume que se pode considerar a súa opera omnia ata esa altura.

Indo pra máis perto ábrese cunha breve introducción do propio autor na que informa da data de composición dos poemas, na súa chegada a Madrid.

Penso que o leitor debe saber que istes versos comezáronse a escribir nos anguriantes días dos anos 1956 e 1957. Eran días certamente tensos; pro espranzadores.

A seguir xustifica o feito de dedicarlle o libro aos seus compañeiros de xeración, do grupo «Brais Pinto», nun parágrafo que remata con estas duras e fermosas palabras:

E é que non hai historia máis triste que a dos que nos fumos facendo na posguerra, sen escoitar un tiro; pero sentindo todo o medo informe de sabelos continuada na «paz».

Unha cita poética de Ezra Pound serve para dar inicio a un interesante prólogo, aínda que sobexo politizado e escrito en función das coordenadas da época, da autoría de Méndez Ferrín, no que arremete contra os críticos porque adoitan liquidar o nome de Alexandre Cribeiro cunha mención de esguello cando citan a «Brais Pinto» ou a Celso Emilio Ferreiro. Para o escritor de Vilanova dos Infantes, Cribeiro fixo e publicou poesía política sen influencias e con independencia de Ferreiro, e posúe o mesmo espírito que os «Brais Pinto», nomeadamente pola incorporación de materiais poéticos de literaturas non galegas e pola concepción do oficio de poeta como servidor da radical vivencia interna.

(…)

No responses yet

Trackback URI | Comments RSS

Deixa unha resposta