Abr 26 2017

Artigo en QPC (XXV): «O pino de Corcubión» en dous poemas de Xervasio Paz Lestón

Published by at 11:13 under Fotografía,Historia,Poesía



(O pino de Corcubion, nunha fotografía publicada en Vida Gallega, 25-07-1924, e noutra imaxe posterior de 1927, recuperada por Jano Lamas)

Veño de publicar unha nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para (re)lembrar «O pino de Corcubión» en dous poemas de Xervasio Paz Lestón, esa árbore senlleira e simbólica que tamén cantou o vate Gonzalo López Abente, como xa lembramos nestoutra anotación. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

«O pino de Corcubión» en dous poemas de Xervasio Paz Lestón

Xervasio Paz Lestón naceu en Serantes, na parroquia de Moraime (Muxía), o 23 de outubro de 1898, no seo dunha familia de labregos (os Xalleiros). Foi á escola que nas Casas Novas tiña Martín Liñeiro, un emigrado que lle ensinou os versos de Curros Enríquez. Con 12 anos emigrou á Arxentina, onde traballou no almacén que seu pai e seus irmáns máis vellos tiñan en Bos Aires. Nesta cidade casou en 1928, con María Sara Narbaiz, da que tivo un fillo, Juan Gervasio Paz Narbaiz (quen nos facilitou a maioría dos seus poemas, algúns deles manuscritos e mecanoscritos). Fóra dunha moi breve estadía de oito meses en Galicia, entre xullo de 1925 e marzo de 1926, non voltaría á Terra, aínda que nunca a esqueceu e así nolo testemuñan os seus versos. Paz Lestón morreu na capital arxentina o 23 de outubro de 1977, o mesmo día que facía os 79 anos.

Participou nas organizacións de emigrantes que daquela existían. Primeiro, e desde 1928, foi un destacado colaborador da Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía, na que ocuparía diferentes cargos, chegando a dirixir o seu Boletín. Nesta revista publicou poemas e artigos de opinión, quer asinados co seu nome, quer cos pseudónimos Xalleiro (alcume familiar), Alma Nobre ou Buserán. A entidade muxiana nacera como unha escisión da Asociación Benéfica Cultural del Partido de Corcubión (coñecida como ABC) e ambas mantiveron duros enfrontamentos. Paz Lestón foi dos que máis defenderían a fusión, feito que acontece en 1938, cando a entidade muxiana aproba integrarse na ABC. Nesta chegará a ser director do seu voceiro, a revista Alborada, ao morrer Antonio Díaz Novo en 1944, e ocupa o cargo ata 1966. Nela publicou a maioría da súa obra poética, asinando co seu nome ou cos pseudónimos Xulián de Moraime, Labrego Profundador, Bieito e Xallas, Pau de Ferro, Buserán, Gundariño, Masuno, Nerio ou Roxo de Porcar.

Non publicou ningún libro, pero na obra A poesía de Xervasio Paz Lestón. Edición e estudo (Edicións do Castro, 1998) exhumei un corpus importante de poemas: 183 en galego (130 publicados e 53 inéditos) e 60 en castelán (35 publicados e 15 inéditos). A maioría apareceron en Alborada, outros en A Nosa Terra (Exilio, Bos Aires), Galicia (Bos Aires), Correo de Galicia (Bos Aires) ou no Boletín (voceiro da Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía, Bos Aires), e algún foi reproducido en Vida Gallega (Vigo). O primeiro que puidemos datar é de xaneiro de 1924 e o último de agosto de 1972.

No seu rexistro poético abrangue moitos temas, como a liña civil ou social, o amor e o intimismo ou unha certa angustia existencial, mais tamén o tema costumista, evocando festas, romarías ou labores típicos da Galiza labrega e mariñeira da súa infancia. Sobre o desaparecido pino de Corcubión, que xa cantara Gonzalo López Abente, escribiu dous poemas: «Pino de Corcubión», publicado na revista Alborada, nº 123, xaneiro a marzo de 1944, e asinado co pseudónimo Bieito de Xallas. E outro, escrito seis anos despois, intitulado «Ao Pino de Corcubión (Elexía)», do que existe un mecanoscrito, mais non temos constancia de que fose publicado, aínda que é posible, dada a fragmentación das coleccións de moitas revistas da emigración. Velaquí ambos e dous poemas:

Pino de Corcubión

(Especial para Alborada)

Pino de Corcubión,
vello, murcho, desgallado,
que n-o esprito d-o emigrado
provocas doce emoción;
¡conque ansias d-o corazón
quixera verte outra vez
antes que a triste vellez
deixe seus osos galdados!…
¡Como despertas amados
recordos da ida nenez…!

Moitos feros temporales
deixaron n-o teu ramaxe
do seu encono salvaxe
mil destruitoras siñales;
mais si as furias infernales
desatan os elementos
que arrincan tristes lamentos
de todo canto ten vida,
ti, coa nobre testa erguida,
soportas teus sofrimentos.

Símbolo do chan gallego,
cal él es forte e sofrido;
medras en lugar despido
igual que en horta de crego;
non buscas vivir de achego
coma cen prantas vizosas,
sinon en terras pedrosas
da montana ou veiramar
donde os ventos fan soar
tuas froumas rumorosas…

Pino de Corcubión,
embrema santo e querido
para os fillos do partido
que aman nosa institución;
¡con feliz ouservación
te souperon adoitar!
¿quén mellor pode evocar
o noso chan pelegrino
que a visión d-un forte pino
ergueito n-a veiramar?

Ao Pino de Corcubión

(Elexía)
______

Pino de Corcubión
que cantei xa fai seis anos
sin soñar que nos arcanos
a impía morte, a traición,
te asexaba o corazón
con asesiño machado:
pra o comarcán emigrado
que venera o chan galego
sexa aldeán ou vilego
teu nome será sagrado.
______

Probe letra a do cantar
que o direitor de “Alborada”
leeu sin vel-a imprentada,
pois quixo a Parca segar
tamén sua vida eixemprar,
a traición e de repente;
cantar que lle trouxo â mente
cô teu recordo evocado
un ido mundo chorado
con tristes ollos de ausente.
______

Coma si un presentimento
fadal algo lle anunciara,
había unha pena rara
na emoción do seu acento,
que enloitaba seu contento
cada vez que se falaba
de que algún mortal voltaba
a vel-o chan recordado,
hoxe opreso i aldraxado
¡e que él ver libre soñaba!…
______

Vello pino, xa caído
coma o nobre irmán Antón:
na A.B.C. de Corcubión
serás o emblema escollido
sempre amado e benquerido
de todo bo comarcán,
con Díaz Novo, un paisán
que â tua soma xogou
e na A.B.C. traballou
con costancia de azacán.
______

Vos morrestes, mais quedaron
pintadas vosas figuras
simbolizando as máis puras
esencias dos que forxaron
a institución que soñaron,
poñendo esforzo e pasión:
¡florilexio de emoción
que as nosas almas perfuma;
farola que nos aluma
as somas do corazón!


Comentarios desactivados en Artigo en QPC (XXV): «O pino de Corcubión» en dous poemas de Xervasio Paz Lestón

Comments are closed at this time.