Archive for Marzo, 2017

Mar 29 2017

Gonzalo López Abente no «Álbum das Irmandades» do Consello da Cultura Galega

Cadrando co 139 aniversario do natalicio do escritor muxián Gonzalo López Abente, o sitio web do Consello da Cultura Galega vén de publicar a anotación biobibliográfica que (re)elaborei por indicación de Miguel Anxo Seixas Seoane, coordinador do proxecto Irmandades da Fala para o Consello. Velaquí a entrada relativa a Gonzalo López Abente, que tamén se pode ler nesta ligazón.

Gonzalo López Abente (Muxía, 24 de marzo de 1878 – 23 de xullo de 1963)

Coñecido polos seus coetáneos como «o poeta do mar», con especial relevo na súa relación coas Irmandades da Fala

Gonzalo Francisco López Abente naceu en Muxía segundo confesa nunha carta a seu curmán Horacio Bermúdez Abente, que a reproduce no limiar á obra póstuma Decrúa (1966): «[…] un día coma hoxe 24 de marzal do ano 1878 ás catro da serán, que cadrou en domingo, con feira en San Isidro, abrín os ollos á vida e pola fiestra da casa do Cabo da Grixa en que moraban meus pais, ollei craramente un outo cruceiro e que no seu cume agoniaba un mártir cos brazos en crús. Aquel día escoitei a rapsodia máis subrime e fíxeme segrel. Pillei un laúde e con ele ao lombo boteime a cantare polo mundo adiante…». Seu pai, Francisco López García, foi alcalde de Muxía e xefe local do Partido Liberal. E súa nai, Xulia Abente Lago, era filla do médico Leandro Abente Chans, irmán da nai de Eduardo Pondal.

Estuda en Santiago, como conta Otero Pedrayo: «ós nove anos levárono a Compostela a se dispór pra o Bacherelato que enteirou ós 15 anos o 22 do san Xoán do 1893», e remata Dereito con 21 anos, o 20 de xuño de 1899. Regresa a Muxía para traballar nunha entidade bancaria e a súa sinatura faise habitual na prensa comarcal e local, El Celta de Corcubión e El Eco de Mugía. Periódico independiente, defensor de los intereses generales del partido judicial de Corcubión, do que foi director-propietario.

Casou o 20 de setembro de 1909 coa súa curmá Balbina Abente Myszkovski, filla de Victorino Abente Lago, que emigrou ao Paraguai, onde é considerado poeta nacional. Enviuvou ao ano no primeiro parto da súa muller, que falece, con 26 anos, o 12 de setembro de 1910.

Na altura principiou a colaborar con moitas revistas e xornais da prensa galega e da emigración (Arxentina, Cuba, Uruguai…), con versos que farán parte de Escumas da ribeira (1911?) e Alento da raza (1917?). Tamén publica as novelas O diputado por Beiramar (1919), que foi primeiro premio do certame de narrativa convocado por A Nosa Terra, editada como primeiro volume da «Bibrioteca Galeguista» das Irmandades da Fala, O escándalo (1920) e O novo xuez (1922).

O 11 de marzo de 1917 participa no enterro multitudinario de Eduardo Pondal Abente, presidindo o dó xunto aos representantes da RAG, o seu presidente Murguía e os académicos Martínez Salazar, Riguera Montero e Ponte y Blanco, e o alcalde coruñés, Manuel Casás.

En 1918 a RAG vaino nomear académico correspondente, como figura no título exposto na Casa das Beiras de Muxía, sede da Fundación López Abente, e que di: «Esta corporación en sesión del día 20 de Diciembre de 1918 nombró Académico Correspondiente a D. Gonzalo López Abente. Y en vista de este acuerdo se le expide el presente título en la ciudad de La Coruña a los 22 días del mes de Enero de 1919». Asinan o presidente accidental, Francisco Tettamancy, e o secretario, Eugenio Tarel.

Participa nos movementos nacionalistas políticos e culturais: únese á acta de constitución da «Hirmandá de Amigos da Fala» (A Coruña, 18 de maio de 1916) e colabora no seu órgano de expresión, A Nosa Terra. López Abente representa a bisbarra nas Asembleas Nazonalistas, sendo un dos asinantes das conclusións da I Asemblea (Lugo, 17-18 de novembro de 1918). Nas publicacións galeguistas aparece como representante en Muxía da Irmandade Nazonalista Galega (ING) constituída en 1922. Está entre os «irmáns galeguistas» que colaboran economicamente para a creación de futuras «Escolas do Insiño Galego» (A Nosa Terra, 192, 12-9-1923) ou para crear unha biblioteca galeguista: «O notabre poeta López Abente, enviounos tamén os seus preciados tomos de versos “Escumas da Riveira” e “Alento de Raza”» («Biblioteca da Irmandade», A Nosa Terra, 194, 1-11-1923).

Na ditadura primorriverista atopa refuxio na creación, cos relatos Buserana (1925), Fuxidos (1926) e Vaosilveiro (1929), anunciado na derradeira páxina de Alento da raza co título Os fidalgos de Vaosilveiro, así como os poemarios Do Outono (1924), anunciado co título Froles d’Outono. Sonetos, ademais de Nemancos (1929) e a obra de teatro María Rosa (1928), subtitulada Comedia en dous pasos, escrita moito antes, pois foi estreada o 20 de febreiro do 1921 polo grupo teatral do «Cadro de Declamación» das Irmandades da Fala da Coruña.

Ingresa no Seminario de Estudos Galegos (SEG) con Ramón Cabanillas, Noriega Varela e Victoriano Taibo, nunha cerimonia que relata así Otero Pedrayo: «O ingreso de López Abente no Seminario de Estudos Galegos fíxose co de os outros xa nomeados grandes poetas o 14 de marzal de 1926 no vello e simpático salón de aítos da Sociedade Económica de aquila aínda istalado no Colexio San Clemente. Non poideron concorrirre Cabanillas, nin Noriega. Lembramos cada intre de aquila sesión. Hastra o efeito nalgús espritos de poemas de López Abente cecáis pra iles soantes ó metal panteista de Lucrecio».

Vicente Risco en 1928 facía este retrato: «É un home estraño, calado e serio, cunha cortesía exquisita de gran señor. Ten viajado moito, estivo na América e percorreu case todo o Norte da Europa. Poida que aínda teña estado en máis sitios, mais non se sabe, pois il raramente fala dos seus viajes. Vive en Mugia, frente ao imenso Atlántico, e é o millor poeta do mar».

Participa na VI Asemblea das Irmandades na Coruña, coa delegación de Muxía, segundo informa El Orzán (27-IV-1930), e meses despois figura entre os asinantes da creación do Partido Galeguista o 5 e 6 de decembro do 1931 en Pontevedra.

No Día da Patria Galega, 25 de xullo, de 1934 asiste á recepción de Castelao como membro da RAG, e o 24 de xullo de 1935 á homenaxe a Curros Enríquez perante o seu monumento n’A Coruña, na que falaron Plácido Castro, Antón Villar Ponte, Núñez Búa, Bóveda, Castelao, Suárez Picallo, Víctor Casas, Álvarez Gallego, Otero Pedrayo, Iglesia Alvariño, Lugrís Freire, Sebastián González, Gómez Román, López Abente e Carballo Calero.

O 29 de marzo de 1936, no salón de sesións do Concello de Santiago, cedido polo alcalde republicano Ánxel Casal, Gonzalo López Abente foi elixido presidente da Asociación de Escritores de Galicia, nunha lista única elixida por aclamación.

O fotógrafo muxián Ramón Caamaño, cronista gráfico da historia da Costa da Morte, fotografouno arengando os seus veciños no Cabo da Vila na campaña a prol do Estatuto de autonomía de 1936.

A sublevación militar contra o Goberno democrático da II República provoca a depuración do poeta da súa vida laboral. Este documento foi exhumado por Luís Lamela García en Estampas de injusticia. La guerra civil del 36 en A Coruña y los documentos originados en la represión (1998).

O franquismo silenciou durante varios anos a López Abente, que se refuxia, coma outros galeguistas, na creación literaria. Otero Pedrayo escribe «Tiña amor pola Academia pra a que foi eleito o 8 do Nadal de 1940. Tomou posesión o 27 do Sant-Iago de 1941 e correspondeulle a cadeira 16 dinantes ocupada por un ilustre devanceiro de semellantes afinidades poéticas e de parexa terra mariñeira. Don Manuel Lugrís Freire finado o 15 do febreiro do 1940». O seu discurso de ingreso como académico numerario, presentado no paraninfo da Universidade Literaria de Santiago, titulouse A terra e a poesía de Pondal e foi publicado póstumo pola RAG en 1965.

López Abente finou o 23 de xullo de 1963, aos 85 anos, na súa casa da rúa Virxe da Barca. Oito anos despois, o 17 de maio de 1971, a RAG dedícalle o Día das Letras Galegas e o acto académico en Muxía contou coa colaboración do Concello. No paseo do peirao, no xardín da Cruz, foi descuberto un monumento do escultor Andrés Barbazán, simbolizando unha muller mariñeira que leva un medallón coa efixie do poeta e a lenda «Ao esgrevio poeta Gonzalo López Abente. 1878-1963. Día das letras gallegas, 15-5-1971». Tamén se presentou a publicación realizada pola Academia, con prólogo do seu presidente Sebastián Martínez-Risco e epílogo de Salvador Lorenzana (pseudónimo de Fernández del Riego), do libro de poemas inéditos Monza de frores bravas para Nosa Señora da Barca. Nesas datas, Galaxia reedita O novo xuez, cun breve limiar biobibliográfico. Carballo Calero e Otero Pedrayo escriben senllos artigos de homenaxe que publican a Universidade de Santiago e o Boletín da RAG.

Trinta anos despois, o 29 de xaneiro de 2011, naceu en Muxía a Fundación Gonzalo López Abente para divulgar a súa obra. De feito xa recuperou o seu libro inédito Bretemada (2011), mecanoscrito datado entre 1917-1922, reeditou a súa Narrativa mariña (2012) e compilou a súa Poesía Completa (2013), alén de convocar un Premio de Poesía co seu nome, realizar unidades didácticas, roteiros e outras actividades.

Comentarios desactivados en Gonzalo López Abente no «Álbum das Irmandades» do Consello da Cultura Galega

Mar 27 2017

Artigo en QPC (XXIII): Efémeride: No 139 aniversario do natalicio de Gonzalo López Abente


(Capa de Luís Seoane para Decrúa)

Veño de publicar unha nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para facer unha lembranza do 139 aniversario do natalicio do escritor e académico muxián Gonzalo López Abente. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

Efémeride: No 139 aniversario do natalicio de Gonzalo López Abente

Gonzalo Francisco López Abente naceu en Muxía o 24 de marzo de 1878 segundo conta nunha das cartas dirixida ao seu curmán Horacio Bermúdez Abente, que reproduce un fragmento no seu prólogo á edición póstuma do libro Decrúa. Poemas (Buenos Aires: Ediciones Muxía, 1966), que leva o seguinte colofón: «Se terminó de imprimir el 11 de julio de 1966, en la Imprenta López, Perú 666, Buenos Aires, República Argentina».

As imaxes que acompañan este artigo testemuñan a xenerosidade da nosa emigración, pois proceden dun exemplar da miña propiedade co que me agasallou en maio de 1992 G. Quintela Novoa, Secretario Xeral do Instituto Arxentino de Cultura Gallega, dependente do Centro Gallego de Buenos Aires, cando eu andaba a preparar a Antoloxía Poética de Gonzalo López Abente, por iniciativa do amigo antropólogo muxián Manuel Vilar Álvarez e que se publicou en 1995 nun convenio entre a editorial Espiral Maior, que dirixe aínda hoxe o poeta Miguel Anxo Fernán-Vello, e a alcaldía do concello de Muxía, na altura presidida polo nacionalista Xoán Bautista Pose Paz.

O texto de Horacio Bermúdez Abente ao completo (nunha das imaxes) está escrito como se fose unha carta, aínda que Gonzalo López Abente finara case tres anos antes, en Muxía, o 23 de xullo de 1963. Velaquí:

ADRO

NOTICIA

Curmán Gonzalo: Tíroche hoxe estas liñas ao alen onde ficas xunto aos teus maores Pondal, Rosalía e Victorino Abente como estes o estiveran baixo un mesmo teito pasando as festas da Barca do 1853 naquel Muxía que inspirara, á segunda dos nomeados, a novela “La hija del mar” e o poema tiduado “Nosa Señora da Barca”, e a tí, 25 anos mais tarde, alí virache nascer, segundo o contas nunha das cartas que de tí avaro gardo onde dis: “… un dia coma hoxe 24 de marzal do ano 1878 âs catro da serán, que cadrou en domingo, con feira en San Isidro, abrín os ollos a vida e pola fiestra da casa do Cabo da Grixa en que moraban meus pais, ollei craramente un outo cruceiro e que no seu cume agoniaba un martir con brazos en crús. Aquel dia escoitei a rapsodia mais sobrime e fíxeme segrel. Pillei un laúde e con ele ao lombo boteime a cantare polo mundo adiante…”

Tíroche, digo, estas liñas, pra sô decirete que como obedecendo a un desinio de Deus viñeno a parar as miñas mans as cuartelas orixinaes deste libro póstumo, folliñas voandeiras de ti, home de sona, saídas, para as dar á lús, o que me tocou a min faguer por imperativo de concencia fidel a aquel desinio, pra non espoñelas ô risco de que se perderan, vallan o que valeren, pras letras da Terra a Nosa.

HORACIO BERMÚDEZ ABENTE

Para profundar na biobibliografía do poeta muxián pódese consultar no apartado «A vida» da Introdución a López Abente, Gonzalo, Bretemada (1917-1922), Edición de Miro Villar, Santiago de Compostela, Alvarellos Editora, col. Rescate, 2011, páxs. 15-37; e no apartado «Biografía» da Introdución a López Abente, Gonzalo, A narrativa mariña, Edición de Suso Sambade Soneira, Vigo, Edicións Xerais, col. Biblioteca das Letras Galegas, 2012, páxs. 9-22.

A respecto dos seus proxenitores sabemos que seu pai, Francisco López García, capitán da mariña mercante ao que se lle concedeu ao retirarse o grao honorario de tenente de navío, foi durante varios anos alcalde de Muxía e durante dúas décadas o xefe do Partido Liberal na localidade. E súa nai, Xulia Abente Lago, era filla do prestixioso médico Leandro Abente Chans, irmán da nai do poeta Eduardo Pondal, polo que os dous autores tiñan parentesco.

(Na que foi a miña primeira morada como estudante compostelán recibín o envío desde Bos Aires)

Comentarios desactivados en Artigo en QPC (XXIII): Efémeride: No 139 aniversario do natalicio de Gonzalo López Abente

Mar 21 2017

Mensaxe da Directora Xeral da UNESCO, Irina Bokova, co gallo do Día Mundial da Poesia, 2017 (Versión galega)

Published by under Manifestos,Poesía


(Henry Wadsworth Longfellow no seu estudio)

Neste 21 de marzo do 2017, Día Mundial da Poesía, declarado pola UNESCO en 1999, tampouco atopei por ningures a versión galega da mensaxe da súa Directora Xeral, Irina Bokova. E como tamén fixen noutros anos anteriores, polo seu indubidable interese reproduzo novamente nesta bitácora esa mensaxe (a versión que publico é de elaboración propia), que na miña opinión resulta de lectura obrigada. Os subliñados en negra son da miña autoría.

We have not wings, we cannot soar;
But we have feet to scale and climb
By slow degrees, by more and more,
The cloudy summits of our time.

(Non temos ás, non podemos elevarnos,
mais temos pés para gabear e escalar
paso a paso, máis e máis,
os nubosos cumios dos nosos tempos).

Nunha época na que os retos aos que nos enfrontamos, desde o cambio climático, a desigualdade e a pobreza ata o extremismo violento, semellan tan inxentes, as palabras do poeta Henry Wadsworth Longfellow achégannos esperanza.

Composta de palabras, corada con imaxes, tanxida coa métrica perfecta, a poesía ten un poder singular. O poder de arrincarnos da vida cotiá e de lembrarnos a beleza que nos rodea e a resilencia do espírito humano que compartimos.

A poesía é unha fiestra á diversidade excepcional da humanidade. Na Listaxe Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade da UNESCO inclúense decenas de formas de expresión oral e poesía, desde o desafío poético Tsiattista de Chipre ou a poesía cantada Ca trù de Viet Nam ata Al-Taghrooda, a poesía cantada tradicional dos beduinos dos Emiratos Árabes Unidos e Omán. A poesía é tan antiga como a linguaxe, e nos períodos turbulentos é máis necesaria que nunca, como fonte de esperanza, como maneira de partillar o que significa vivir neste mundo.

O poeta Pablo Neruda escribiu que «la poesía es siempre un acto de paz». A poesía é única pola súa capacidade de falar a través do tempo, o espazo e a cultura, de chegar directamente aos corazóns das persoas de todo o mundo. Nun manancial de diálogo e entendemento e foi sempre unha forza para desafiar a inxustiza e promover a liberdade.

Como dixo Deeyah Khan, Embaixadora de Boa Vontade da UNESCO para a liberdade e a creatividade, todas as formas de arte, incluída a poesía, «teñen a capacidade extraordinaria de expresaren resistencia e rebelión, protesta e esperanza».

A poesía non é un luxo.

A poesía é unha parte esencial de quen somos en canto que mulleres e homes que vivimos xuntos no presente, valémonos do patrimonio das xeracións pasadas e somos custodios do mundo para os nosos fillos/as e netos/as.

Hoxe, ao celebrar a poesía, celebramos tamén a nosa capacidade de unirnos nun espíritu de solidariedade para gabear e escalar «os nubosos cumios dos nosos tempos». Necesitamos facelo para levar adiante a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, para aplicar o Acordo de París sobre o Cambio Climático, para asegurármonos de que ningunha muller nin home fique atrás.

Irina Bokova

Comentarios desactivados en Mensaxe da Directora Xeral da UNESCO, Irina Bokova, co gallo do Día Mundial da Poesia, 2017 (Versión galega)

Mar 14 2017

Efeméride: A entrada de Gonzalo López Abente no Seminario de Estudos Galegos (SEG)

Tal día coma hoxe, hai 91 anos, Gonzalo López Abente fai a súa entrada no Seminario de Estudos Galegos (SEG) cunha lectura de poemas, conxuntamente con Ramón Cabanillas, Noriega Varela e Victoriano Taibo, nunha cerimonia que relata así Otero Pedrayo:

«O ingreso de López Abente no Seminario de Estudos Galegos fíxose co de os outros xa nomeados grandes poetas o 14 de marzal de 1926 no vello e simpático salón de aítos da Sociedade Económica de aquila aínda istalado no Colexio San Clemente. Non poideron concorrirre Cabanillas, nin Noriega. Lembramos cada intre de aquila sesión. Hastra o efeito nalgús espritos de poemas de López Abente cecáis pra iles soantes ó metal panteista de Lucrecio».

O investigador Alfonso Mato no seu estudo sobre O Seminario de Estudos Galegos na documentación que garda o Instituto Padre Sarmiento (2001) publica unha foto de socios e colaboradores do SEG na IIª Xuntanza Xeral da Institución, celebrada en Santiago de Compostela, no Salón de Actos da Sociedade Económica, nese 14 de marzo de 1926, na que aparece López Abente.

Na altura o poeta muxián xa tiña unha obra consolidada, pois publicara os libros de poemas Escumas da ribeira (1911?), Alento da raza (1917?) e Do Outono (1924), anunciado xa na derradeira páxina de Alento da raza co título Froles d’Outono. Sonetos, alén de Bretemada (1917-1922), un libro que ficou inédito, mais que non era totalmente descoñecido e que recobramos en 2011. Para as cuestións ecdóticas e a análise deste poemario: Cfr. López Abente, Gonzalo, Bretemada (1917-1922), Edición de Miro Villar, Santiago de Compostela, Alvarellos Editora, col. Rescate, 2011, páxs. 54-60.

E xa escribira tamén as súas novelas curtas ou relatos O diputado por beiramar (1919), O novo xuez (1922), Buserana (1925) e Fuxidos (1926), así como a obra teatral María Rosa; Comedia en dous pasos (estreada en 1921, aínda que publicada en 1928).

Comentarios desactivados en Efeméride: A entrada de Gonzalo López Abente no Seminario de Estudos Galegos (SEG)

Mar 10 2017

«A Pondal», de Gonzalo López Abente, o primeiro epicedio no pasamento do bardo pontecesán




Hai cen nos, tal día coma hoxe, e tan só tres días despois do pasamento do bardo pontecesán Eduardo Pondal o poeta muxián Gonzalo López Abente escribía o primeiro epicedio ou composición lírica na súa lembranza. O texto vería a luz unhas semanas despois, pois o poema «A Pondal» vai ser publicado por A Nosa Terra, 15, 10 de abril de 1917. Porén, a familia conserva un manuscrito, datado un mes antes «Muxía, 10 – Marzo 1.917», acompañado da sinatura autógrafa e sen a cita dos versos de Queixumes dos pinos. O manuscrito presenta numerosas enmendas, entre elas o trazo de Gonzalo López Abente elimina a estrofa que poñemos entre paréntese.

A PONDAL

Dend’o chan de Bergantiños

«Neste despoxo oscuro,
Algo d’insigne eu miro;
N’él vexo, un non sei qué,
De grande e de divino;
Cal astro que tuvera antigamente,
Un resprandor altivo;
Algo de somellante n’él contempro,
A un luceiro extinguido…»
(De Queixumes dos pinos).

Ouide ao mais cativo
dos fillos de Breogán,
que os doentes queixumes
respetoso vos trai
da terra en que soáron
os cantos valerosos de Pondal.
_____

«Virxen válme! Un cadavre!»
os ecos repetino
pol-as esquivas gándaras
do chan de Bergantiños.
«Virxen válme! Un cadavre!»
marmularon-os pinos
c’o medoñento son
de penados espíritos.

Un cadavre! berrano
os corvos montesíos,
erguendo de antre as uces
o seu voyo fatídico.
As correntes lixeiras
dos cantareiros rios,
cantano tristemente
un funeral dôrido;
y-as furnas, fondas, negras,
remexeron no abismo,
c’os tombos escumantes do mar bravo,
temerosos muxidos.

Cubrínose de brétemas loitosas
os dous fachos altivos:
—facho de Touriñán
e facho de Lourido;—
vixiantes soberbos
do noso chan querido
onde van aniñaren
de noite os mazaricos.

(Ouide ao mais cativo
dos fillos de Breogán,
que os dôridos queixumes
respetoso vos trai
da terra en que soaron
os cantos valerosos de Pondal.)

Pobre terra de Xallas
por onde o Bardo amigo
cruzóu cando estudeante
calado e pensativo;
¿por qué tan triste o vento
funga nos toxos hirtos?
¿Qué tendes? ¿Qué decides?
¡Un morto!… ¿Quén morrío?
Y-a fada de Rouriz
berróume nun sospiro:
—Foise Gundar, o nobre fillo d’Ouro;
morréu Gundar, o meu amado fillo.
______

Ouide, ouide todos
a un fillo de Breogán,
que os doentes queixumes
respetoso vos trai
da terra en que soáron
os cantos valerosos de Pondal.
______

Rouriz e Morpeguite
con falar compunxido,
co-as guedellas revoltas
e das bágoas nos ollos o rebrilo,
dixénome: —Pois tí,
que inda nas veas tes sangue do estinto,
pol-o amado dos celtas
un canto entoarás tenro e dôrido.
¿Mais onde a inspiración
ha de hachar un cativo
parente de Gundar,
anque o peito afrixido
y-atormentado teña?
E Morpeguite dixo:
—Repetide o que oyéu
a boa Bergantiños.
Y-é verdade que n-hai
outro falar mais dino
que aquel falar valente
do noso Bardo estinto:
Ouide, pois, ouide,
o que oyéu Bergantiños:
«—Neste despoxo oscuro,
algo d’insigne eu miro;
N’él vexo, un non sei qué,
de grande e de divino;
cal castro que tuvera antigamente,
un resprandor altivo;
algo de somellante n’él contempro
a un luceiro extinguido…»

____

Est’é o que ven decirvos
un fillo de Breogán,
c’os doentes queixumes
que respetoso trai
da terra en que soáron
os cantos valerosos de Pondal.

Muxía-III-1917

Comentarios desactivados en «A Pondal», de Gonzalo López Abente, o primeiro epicedio no pasamento do bardo pontecesán

Mar 09 2017

«O nobre bardo Gundar», un artigo de Antón Zapata García sobre Eduardo Pondal no décimo terceiro aniversario do seu pasamento


(Campa de Eduardo Pondal. Imaxe tirada de Etnoga)

Eduardo Pondal, co que estaba emparentado por liña materna, está moi presente na obra poética en galego de Antón Zapata García (Laxe, 1886 – Bos Aires, 1953), que estudei na miña Tese de Doutoramento, xa desde o primeiro poema que localizamos, o soneto «A casa d’o poeta Pondal» (Suevia, Revista Gallega Regionalista, Bos Aires, nº 7, 24 de maio de 1913), como xa relatei nesta anotación.

Mais tamén é o eixo da súa oratoria, pois o 5 de xuño 1930 Antón Zapata García vai ser o protagonista dun dos actos públicos que lle deu máis sona e polo que había de ser recordado durante moito tempo, ata o punto de calquera das súas concisas biografías adoita salientar este episodio. Nesta data pronuncia a conferencia Edoardo Pondal, Sentimento e Libertá da Terra Galega, que foi publicada pouco despois e que constitúe un brillante exercicio interpretativo do significado simbólico da obra pondaliana, realizado desde parámetros próximos ao celtismo, que era unha das compoñentes básicas do ideario nacionalista naquela altura.

Alén da conferencia Edoardo Pondal: Alma, Sentimento e Libertá da Terra Galega, que foi editada en libro e reproducida por entregas nas revistas A Fouce e Alborada, tamén vai ser unha referencia indispensable na súa escasa produción de artigos xornalísticos en galego, nomeadamente nos intitulados «O nobre bardo Gundar» e «O banquete da libertá en Conxo, e Pondal» do que xa se falou aquí).

Hoxe reproduzo o primeiro deses artigos publicado na revista Alborada, nº 55, Bos Aires, maio de 1930, asinado co pseudónimo Antón d’Espiñaredo e escrito no décimo terceiro aniversario do pasamento do poeta da Ponte-Ceso, finado na cidade coruñesa o 8 de marzo de 1917. Velaquí a lembranza do seu parente Antón Zapata García:

O NOBRE BARDO GUNDAR

Cumpríose, o 8 de Marzal, o trece aniversáreo da morte do grorioso aitor do libro de fondosas poesías tiduado “Queixumes dos Pinos”, a maoria das coales teñen tal soxeitividá e vouga brétema poétecas, que non lle foi posibre a ninguén, hastra a data, aprisioalas no pretenso comento críteco, nin tampouco, na laudanza que vaia parella co-a valía de tan outa donte de ispirazón do bardo bergantiñán, que dixo, facendo ximer ô fermoso istrumento de feitura

d-un cisne lanzal: “Pol-o baixo cantando,
o bóo bergantiñán”…

e que findóu o devandito libro, tamén tañindo as cordas de ferro:

“Pol-o alto cantando,
o sonoroso vai”…

De canta inxéneca, tenrura, rebertía e suidade contén “Queixumes dos Pinos”, antre os primeiros dous versos do mesmo e os dous primeiros, tamén, do derradeiro poema, non é cousa de intental-o agora facer coñecer. Abonda descir que nos fala de groriosos días que virán pro ben da noda nobre raza celta, tan fidel e nobre irmán da libertá: fálanos da probe filla de Galiza que traballando en Madrí, na cas dos Condes de Sansueña, descía, sin podel-o remedear, chorosa, sin faguer caso das riquezas da súa siñora que, coma tal, máis ben era a sua nai adoitiva, cando lle perguntóu de onde era:

“O meu lugar é Gundar…
non lonxe de Pasarela…
preto da areosa LAXE”…

E que, aprisoada pol-a mágoa, voltóu a descir, como n-un rauto de desesperanza suidosa e tenra:

“Ouh, terra de San Simón
de Nande, vizosa terra,
morra en primeiro sin verte
antes que de ti m-esqueza”;

dínos, eisimesmo, Pondal, do consello que lle da â probe nai galega que quere facer durmir ô seu filliño con muliebre e prácidos cantos:

“Non cantes tan tristemente,
probe e desolada nai;
non lle cantes cantos brandos
pra adormecer o rapaz;
onde está a cova do sono
no céltico carballal;
cántalle cantos ousados
que esforzado o peito fan;
cántalle o que xa cantara
o nobre bardo Gundar:
¡A lus virá para a caduca Iberia,
dos fillos de Breogán!…”;

díxonos, Pondal, con armoñosos versos, aquela suidá que nos rila cando sospiramos pou unha ben querida muller:

… “Ti tes dos meus males a doce manciña,
ouh, rosa de Corcoesto”;

e, pol-o atinxente a libertá, Edoardo Pondal, como nadia soubo facel-o, suidoso e reberte, dixo:

“… ¡quen poidera ser voso compañeiro
pol-a agreste soedá!…”,

dirixíndose ôs feros corvos da terra de Xallas, vougos, ceibes, e sin saber de oxe e de mañán; sempre ceibes, supremo ben dos humáns, hastra que a morte veña a coutarnos a veneira da vida.

Tal contén, nomeado â lixeira, o libro “Queixumes dos Pinos”, cuio aitor, Edoardo Pondal, lembramos agora no trece aniversáreo da súa santa morte, e cuia mentalidade, vida, corazón, sentimiento e libertá adicóu â súa raza, nobre e xenerosamente, nos cantos que “xa cantara o nobre bardo Gundar”.

Antón d’Espiñaredo

(Alborada, nº 55, Bos Aires, maio de 1930)

Comentarios desactivados en «O nobre bardo Gundar», un artigo de Antón Zapata García sobre Eduardo Pondal no décimo terceiro aniversario do seu pasamento

Mar 09 2017

No prelo a obra Pico Sacro, ferido polo lóstrego e a lenda (Escolma de textos literarios éditos e inéditos na literatura galega contemporánea)

Published by under Poesía

(A fotografía da capa é da autoría de ©Xan Muras)

Alvarellos Editora está a levar ao prelo a obra intitulada Pico Sacro, ferido polo lóstrego e a lenda (Escolma de textos literarios éditos e inéditos na literatura galega contemporánea), coordinada por min propio e Xosé Manuel Lobato, escritor e presidente da A. C. Mestre Manuel Gacio de Boqueixón, entidade que promoveu a súa publicación.

Para abrir boca do que ha ser un volume de moito interese literario, na nosa opinión, reproduzo un bocadiño do Limiar que corresponde aos seus primeiros parágrafos e tamén o índice coa importante nómina dos autores e das autoras que colaboran nesta iniciativa singular.

LIMIAR

O Pico Sacro ou Sagro, coma os montes Pindo ou Irimia, é unha das paisaxes máis relevantes e simbólicas de Galiza, como demostra a súa presenza na nosa literatura contemporánea, quer como paisaxe, quer como alegoría ou representación da nosa identidade histórica. Sen dúbida é un referente sólido onde a realidade se confunde coa imaxinación, mentres historia e ficción se mesturan nun binomio inseparable.

Este cumio mítico posúe unha intensa carga simbólica dende tempos afastados que se mantén acesa no presente sobre rescaldos incombustibles que se conservan intactos. O devir histórico do Pico está moi relacionado coa forma de estar e visualizar o mundo, foi e continúa a ser ese alicerce sobre o que galegas e galegos nos identificamos e construímos o noso territorio en clave histórico-lendaria.

Deixando á parte referencias anteriores, mesmo do Padre Sarmiento no período da Ilustración, será o escritor estradense Marcial Valladares Núñez (1821 – 1903) quen asine o primeiro texto en galego, un longo poema intitulado «A fonte do Pico Sagro», publicado no Album de la Caridad: Juegos Florales de La Coruña en 1861, seguido de un mosaico poético de nuestros vates gallegos contemporáneos. Edición costeada por Don José Pascual López Cortón (A Coruña: Imprenta del Hospicio Provincial, 1862) e reproducido en Galicia. Revista Universal de este Reino, nº 19 (1-VII-1861).

Desde a data foron moitos os textos literarios dos que presentamos unha escolma que ten como título un verso do poeta Manuel María, quen definiu o Pico Sacro ferido polo lóstrego e a lenda, que presentamos en dúas partes: Textos éditos (por orde cronolóxica) e Textos inéditos (por orde alfabética).

(…)

TEXTOS ÉDITOS (POR ORDE CRONOLÓXICA)

Marcial Valladares: «A fonte do Pico Sacro», Album de la Caridad: Juegos Florales de La Coruña en 1861, seguido de un mosaico poético de nuestros vates gallegos contemporáneos. Edición costeada por Don José Pascual López Cortón (1862)
Antonio López Ferreiro: Fragmento de «El Monte-Sacro de Galicia» (1868)
Valentín Lamas Carvajal: «Ó Monte Sagro», Espiñas, follas e frores. Colección de versiños gallegos. Ramiño segundo (1876)
Avelina Valladares Núñez: «A Ulla», El Eco de Galicia (1879)
Valentín Lamas Carvajal: «Ánxel de redención», Saudades gallegas. Colección de Versos (1880)
Marcial Valladares: Fragmento de Magina ou a filla espúrea (1880)
Benito Losada Astray: «A Ulla», Soazes d’un vello, poesías gallegas (1886)
Benito Losada Astray: «Un bastardo», Soazes d’un vello, poesías gallegas (1886)
Benito Losada Astray: «O viaxe», Soazes d’un vello, poesías gallegas (1886)
Benito Losada Astray: «O castro», Soazes d’un vello, poesías gallegas (1886)
Manuel Martínez Murguía: Versión galega dun fragmento orixinal castelán de Galicia (1888)
Francisco Álvarez de Nóvoa: Fragmento «A codia», Pé das burgas (1896)
Luís Otero Pimentel: Fragmento de Campaña da Caprecórneca. Novela galega hestóreca, fantásteca e poética (1898)
Fialho de Almeida: Fragmento Cadernos de Viagem. Galiza, 1905 (1905)
Francisco Tettamancy Gastón: Fragmento de Boicentril. O druidismo e o celtismo gallego. A epopeya irlandesa (1912)
Juan Bautista Armada Losada, Marqués de Figueroa: «Pico Sagro e San Xoan d’a Cova», Del solar galaico (1917)
Manuel Ortiz Novo: Fragmento «Branca, Branquiña…», Quiso robar una estrella (1923)
Manuel García Barros “Ken Keirades”: «Unha excursión ó Pico Sacro», El Emigrado (1924)
Vicente Risco: Fragmento «No país dos mortos», Nós (1926)
Avelino Gómez Ledo: «O Pico Sagro», Romanceiro compostelán (1926)
Ramón Otero Pedrayo: Fragmento da obra Os camiños da vida (1928)
Álvaro de las Casas: Fragmento da obra A morte de Lord Staüler. Drama poético en tres esceas (1929)
Ramón Otero Pedrayo: Fragmentos de Ensaio histórico sobre a cultura galega (1930)
Matía Mª Escariz Méndez: Fragmento de «Folk-lore de Santiago de Compostela», El Compostelano (1931)
Manuel Vidal Rodríguez: Fragmento «A nai de Moncho Gomareites», Deixe que xa… Cuentos y novelas cortas de asunto gallego (1931)
Ramón Otero Pedrayo: Fragmento da obra Devalar (1935)
Luís Tobío Campos: «Miñán de primaveira», Rimas galicianas (1935)
Luís Tobío Campos: «Paisaxe», Rimas galicianas (1935)
Antón Zapata García: «Galiceibe», Galicia (1935)
Ramón Otero Pedrayo: Fragmento A estadea ou Pranto polo Seminario de Estudos Galegos (1936)
Antón Zapata García: «O banquete da libertá en Conxo, e Pondal», Noticias Gráficas (1939)
Antón Zapata García: «Curros Enríquez», El Orensano (1945)
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao: Alba de Groria (1951)
Valentín Paz-Andrade: «Pico sagro da palabra», Pranto matricial e outros poemas (1955)
Florentino López Cuevillas: Fragmento de «Mitoloxía e historia da paisaxe de Trasalba», Prosas galegas, 1920-1958 (1962)
Ramón Otero Pedrayo: Poema manuscrito sen título (1962) (Ed. 1998)
Leandro Carré Alvarellos: Fragmentos de «A Lenda do Pico Sagro», As Lendas Tradizonaes Galegas (1969)
Xosé Neira Vilas: Fragmento Cartas a Lelo (1971)
Eduardo Moreiras: Fragmento de Follas de Vagar. Xornal (1972)
Xosé María Castroviejo, «Os aires do Pico», Memorias dunha terra (1973)
Manuel María: Fragmento «Os pintores da terra de Lalín», A Nosa Terra (1980)
Daniel Cortezón: Fragmento A vila asulagada (1981)
Manuel María: «O Xistral», Versos do lume e o vagalume (1982)
Luís González Tosar: «¿Ú-los derrotados en Compostela?», A caneiro cheo (1986)
Francisco Fernández Naval: Fragmento O bosque das antas (1988)
Xosé Manuel Carballo Ferreiro: Fragmento de Don Otto de viaxe pola Chaira (1993)
Xosé Manuel Martínez Oca: Fragmento de «Noite de luar», Os culpables (1993)
Xosé Fernández Ferreiro: Fragmento A cidade das chuvias (1994)
Xesús Rábade Paredes: Fragmento As sombras do barroco (1994)
Emilio Araúxo: Fragmento Tempos serodios (1996)
Darío Xoán Cabana: Fragmento Morte de Rei (1996)
Xosé Vázquez Pintor: Fragmento Os vellos oficios (1996)
Manuel García Barros “Ken Keirades”: «Lembranza do Pico Sacro», Dos meus recordos (2001)
Bieito Iglesias: Fragmento A vida apoteósica (2001)
Suso de Toro: Fragmentos Trece badaladas (2002)
Carmen Blanco: «Lupa», Vermella con lobos (2004)
Xosé Luna Sanmartín: Poema sen título, Stradapop (2005)
Santiago Lamas: Fragmento de Fisterras Atlánticas. Lecturas dende o cabo do mundo (2012)
María Solar: Fragmento As meigas de Lupa (2012)
Xoán Carlos Garrido Couceiro: «Viaxe de Castelao, Otero Abelleira e Ken keirades ao Pico Sacro», Faro de Vigo (2014)
Xoaquín Fernández Leiceaga: Fragmento de Agosto de memoria e morte (2016)
Santiago Lamas e Alfonso Mato: De camiños, viaxeiros e camiñantes. Peregrinos de NÓS ao cabo do mundo (2016)
Modesto Fraga: «Monte Medulio, Pico Sacro: A lingua», Adagio por outono (2016)
Emilio X. Ínsúa: Fragmento do artigo «Catro lugares emblemáticos do río Ulla na literatura galega», reproducido no blogue persoal A ínsua do Ínsua (2016)

TEXTOS INÉDITOS (POR ORDE ALFABÉTICA)

Carlos Arias
Fernando Cabeza Pereira
Fernando Cabeza Quiles
Marta Dacosta
Suso Díaz
Xan Do Río
Xoán Carlos Domínguez Alberte
José Estévez López
Xoán Xosé Fernández Abella
Rosalía Fernández Rial
Charo Golmar
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero
F. R. Lavandeira
Rocío Leira Castro
Xosé Manuel Lobato
Lois Lomba
Ricardo Losada
Xosé Luís Martínez Pereiro
Cruz Martínez Vilas
Rosa Martínez, rosanegra
L. Santiago Méndez Alpízar, Chago
Henrique Neira Pereira
Alexandre Nerium
Antonino Nieto Rodríguez
Diana Pastoriza
Emma Pedreira
Héitor Picallo
Xavier Queipo
João Rasteiro
Gabriela Rocha Martins
Pilar Sampedro
Susana Sánchez Arins
Lur Sotuela
Nolo Suárez
Irene Tomé Urresti / Xabier Ron Fernández
Ramiro Torres
Ramón Vilar Landeira
Miro Villar
Helena Villar Janeiro

Comentarios desactivados en No prelo a obra Pico Sacro, ferido polo lóstrego e a lenda (Escolma de textos literarios éditos e inéditos na literatura galega contemporánea)

Mar 09 2017

Artigo en QPC (XXII): El Eco de Mugía (1902-1904). No 115 aniversario dunha cabeceira da prensa costeira


(As imaxes das cabeceiras proceden de exemplares fotocopiados do fondo documental do antropólogo Manuel Vilar Álvarez a quen moito lle agradezo a súa cesión)

Veño de publicar unha nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para facer unha lembranza dunhas das cabeceiras históricas da imprensa da Costa da Morte. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

El Eco de Mugía (1902-1904). No 115 aniversario dunha cabeceira da prensa costeira

Algún exemplar recuperado polo antropólogo muxián Manuel Vilar Álvarez foi o meu primeiro achegamento ao quincenario El Eco de Mugía, que naceu hai 115 anos, en 1902, e que deixou de se publicar en xullo de 1904. Foi todo o descubrimento que me había ser moi útil cando elaborei a Antoloxía Poética de Gonzalo López Abente (Espiral Maior: 1995).

Un par de anos despois tiven que profundar un pouco máis no estudo do devandito periódico, cando principiei a traballar como bolseiro de investigación (rematada a carreira de Filoloxía Galego-Portuguesa) no proxecto do Dicionario da Literatura Galega, que publicou Galaxia, coa coordinación da crítica e profesora de Literatura Galega na USC Dolores Vilavedra, pois tiven a honra de ser un dos redactores que elaborou as fichas dos volumes II. Publicacións periódicas (1997) e III. Obras (2000). No primeiro volume o artigo sobre El Eco de Mugía é da miña autoría, aínda que por decisión editorial, que eu moito non comparto, as fichas non van asinadas polo autor da entrada de xeito que cada quen puidese responsabilizarse do texto que se publicou. Velaquí a miña achega:

«El Eco de Mugía. Periódico Independiente. Defensor de los intereses generales del partido judicial de Corcubión» así eran a cabeceira e o subtítulo deste xornal que apareceu en Muxía no ano 1902. Publicábase os días 15 e 30 de cada mes e o seu director-propietario era o poeta local Gonzalo López Abente. O último número do que temos constancia é o 42, do 15 de xullo de 1904, que se abre coa nova do falecemento de Xulia Abente Lago, nai do poeta, e unha esquela da redacción que cobren toda a portada. Gonzalo López Abente era o autor da maioría dos artigos, moitos deles asinados con pseudónimos. Con frecuencia o xornal publicaba contos ou poemas, cunha notable presenza da literatura en galego. Así, no número 21, do 13 de setembro de 1903, que sae canda as festas locais da Barca, hai numerosos poemas en galego asinados por Victorino Abente Lago, Aurelio Ribalta, Galo Salinas Rodríguez, Florencio Vaamonde, Francisco Tettamancy, Uxío Carré Aldao, Salvador Golpe e Víctor Castro Rodríguez. Ademais, reproducen o poema «A romaría da Barca» de Rosalía de Castro e publican un conto de Enrique Labarta Pose sobre o mesmo tema. Este relato vai suscitar unha interesante polémica nos números que seguen, pois é criticado polo párroco de Muxía que o consideraba difamatorio. Nos poucos exemplares conservados sobrancean as plumas de Víctor Castro Rodríguez e do propio director da publicación, que asina moitos poemas.

Malia non o precisar na anotación parece obvio que a desaparición de El Eco de Mugía coincide co pasamento da nai do poeta. Como datos a engadir a esa ficha, nomeadamente literaria, aínda se podería subliñar que foi o banqueiro e político muxián Manuel Miñones Barros (que anos despois foi alcalde de Corcubión e pai do deputado republicano José «Pepe» Miñones Bernárdez, asasinado en 1936) o principal mentor do periódico, malia que a alma mater como fundador, propietario e director foi como xa se comentou o poeta Gonzalo López Abente. E tamén se sabe que nos seus inicios mantivo algunhas polémicas por defenderen intereses políticos contrapostos ou diverxentes co periódico El Celta de Corcubión (1901-1902), como cita o noso investigador Luís Lamela na súa obra Pepe Miñones. Un crimen en la leyenda (1900-1936) (Edicións do Castro: 1991), de obrigada lectura como moitos outros traballos que levan o aval da súa sinatura.

Aínda que o xornal coruñés La Voz de Galicia e o compostelán El Eco de Santiago saúdan a súa aparición durante os primeiros meses de 1903, temos varios testemuños de que o primeiro número (ata hoxe ilocalizable) do quincenario El Eco de Mugía debeu saír en novembro de 1902, pois así o recollen senllas anotacións breves de La Idea Moderna. Diario democrático de Lugo, no seu núm. 3576 (20-novembro-1902) e na emigración El Eco de Galicia. Órgano de los gallegos residentes en las Repúblicas Sud-Americanas, no seu núm 402 (20-decembro-1902). Daquela será en novembro cando celebremos o 115 aniversario do xornal, do que por certo a monumental base de datos do proxecto Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia (http://biblioteca.galiciana.gal/gl/inicio/inicio.do) aínda non posúe ningún exemplar dixitalizado. E é unha tarefa que se debería realizar antes de que desaparezan os ben escasos que se conservan a día de hoxe.

Comentarios desactivados en Artigo en QPC (XXII): El Eco de Mugía (1902-1904). No 115 aniversario dunha cabeceira da prensa costeira