Feb 08 2017

Epistolario de Antón Zapata García: Primeira carta a Xosé Filgueira Valverde (8 de febreiro de 1936)

Published by at 19:16 under Efemérides,Epistolarios,Historia,Poesía


Hai 81 anos, tal día coma hoxe, 8 de febreiro de 1936, o poeta Antón Zapata García asinaba a primeira das tres cartas do seu epistolario co polígrafo, Xosé Filgueira Valverde, que na altura estaba a preparar unha Escolma da Lírica Galega para o Seminario de Estudos Galegos (SEG), proxecto fanado pola guerra civil, carta que vai acompañada dunha Biografía tamén escrita polo poeta, unha (Auto)Poética, unha reflexión sobre a «Lenguaxe», unha Bibliografía e unha ampla selección dos seus poemas.

O propio poeta fala das orixes nun texto inédito que acompaña esta primeira carta que lle escribe a Xosé Filgueira Valverde, na seguinte «Biografía»:

Ascendencia

Bisabós paternos: Manoel Zapata (aragonés) e Dominga Ponte (coruñesa). Formaron o seu fogar na aldea de Sarandóns (Abegondo). Alí morreron.-

Bisabós maternos: Francisco García Losada, de Laxe, e Xoana Pondal Frois, do Couto (Ponteceso). Viviron e morreron en Laxe.-

Abós paternos: Domingo Zapata Ponte, de Sarandóns, e María Barbeito Fariña, de Betanzos. Viviron e morrreron en Sarandóns.-

Abós maternos: Xosé García Pondal, de Laxe, e María Moreira Álvarez, do lugar de Mórdomo, do mesmo ayuntamento. Viviron e morreron en Camariñas.-

Pais: Mari-Pepa García Moreira, de Camariñas, e Antón Zapata Barbeito, de Sarandóns. Viviron e morreron en Laxe.-

Nacimento: Nacín na vila de Laxe o 26 de Febreiro de 1886.-

Residín, ademáis, do lugar nadal, na vila de Camariñas (n-ésta, pouco tempo), deica ôs 16 anos e pico, edade na que vîn pra Bôs Ars (Arxentina), cidá na que resido dende o ano 1903, mes de Setembro.-

Chámame, cada ves máis, a terra nativa, e, singularesmente, Laxe, na câl penso pasar o resto da miña vida, sintindo os latexos da natureza nos seus máis ben queridos fillos: a terra e o mar galegos.-

Por parte, no apartado intitulado «Obra» sinala que en 1911 comeza a escribir e faino, nun primeiro momento, en castelán, lingua que irá substituíndo a favor do galego. De novo, os textos enviados a Filgueira Valverde son fundamentais para coñecermos estes datos:

Dende 1911 comenza a miña laboura, no idioma castelán, côxuntamente c-ô idioma galego, deica ô presente. No 1920, tiven o acésite con «Volvoretas».-

E, anteriormente, no apartado intitulado «Formación» engade:

No ano 1911 gañéi o primeiro prémeo otorgado pol-o «Casal Catalá» â poesía castelán, c-un soneto, nos Xogos Froraes patrociñados pol-a devandita istitución.

Os datos enviados por Antón Zapata García a Filgueira Valverde iluminan este afastado período creativo, dominado aínda pola creación en castelán:

Ademáis, estudéi Retórica e Poética (de N. Campillo), dêtidamente. Nembargantes, concurrín muitas veces ôs cursos da Facultá de Filosofía e Letras, de Bôs Ars, pubricando cinco sonetos na rivista «Verbum», órgao da Federación Universitaria, no ano 1918, feitos, aquéles, no idioma castelán. N-éste, nas rivistas «Caras e Caretas» e «Fray Mocho», pubriquéi vintatantas composicións poéticas, que, con outras, suman: 165.-

Cabo da información biobibliográfica solicitada, o poeta acompaña copia de 46 composicións, a maioría delas incorporadas con posterioridade ao libro A Roseira da Soidade (1954).

Así a todo, malia non existiren calcos nos seus versos, vai ser a poética de Amado Carballo da que se vai sentir máis próximo como, de feito, confesa na «Poética» que acompaña esta primeira carta a Xosé Filgueira Valverde:

Os roteiros da chamada «Nova poesía» non deberan ire, ô meu ollar, máis lonxe do que xa foron, pra ben da futura colleita, valla a comparanza: Dos camiños xogorales do sinxel Amado Carballo, porque, persistíndose nos módulos da eisaxeración eispresiva nos versos ―se versos pode chamárselles a ringlas de prosa que semellan tubos d-órgao, sin rimo nin rima― brancos, serían millores―, chegaráse ô momento no que os «neo-versos» ―algún nome hai que darlles― soio os entenderá quen os zurcío… e, âs vezes, nin siquera éso: han sere, no recordo, coma persoas que un crê que tratóu, máis non sabe ónde: ¡tépeda escuridade!…

Na mesma carta engade outro apartado intitulado «Formación» onde subliña moitas das súas lecturas poéticas:

Lêr muito, sin anudamento nas leituras ―novelas, poemas, socioloxía―, anque preferindo, sóbor todo, ôs poetas galegos: Curros, Pondal e Rosalía ―ôs que co[n]siño agora no xeito que os fun coñecendo―, preferindo a Pondal pol-a ánima vouga e bretemosa, e, tamén, pol-a cerna galega que contén o seu libro inmortal: «Queixumes dos Pinos».

No senso universal, ademiro ô Dante, na Diviña Comedia, e, ademáis, porque, idiomáticamente, foi, c-ô toscán, na Italia, o que o idioma galego será, sóbor dos idiomas ibéricos, comenzando a xeira con Edoardo Pondal.

Guerra Xunqueiro, Heine e Baudelaire, teñen, no meu esprito, un dileito lugar, como poetas; e, Gracián, Aristóteles, Schopenhauer e Nietzsche, coma filósofos, por non mentar máis.-

Finalmente, a súa reflexión sobre a lingua aparece nun inquérito que tiña que responder ao esquema previo facilitado por Filgueira Valverde e contemplar unha valoración sobre a «Lenguaxe», que debería incluír datos sobre a «Rexión da nosa terra onde se afincan os seus modos de espresión» e sobre as «Preferencias na dialectoloxía galega e criterio ortográfico»:

O idioma que falo dende o colo da miña nai ―«ouh, língoa ôs meus sentidos docîsma máis que a mel»―, (eisí dixo o catalán Aribau na oda “A Patria”), é o das terras de Bergantiños e de Xallas ―a mariña e a montaña―, pois, Laxe, vila onde nacín ―remárco o dîto―, abrangue âs dúas rexas voces dos antenados; voces que, consideiro, fono as que a Pondal lle deron o seu incomparábel modo eispresivo, único, e que tanto infruxo [oguipo] nos poetas galegos, especialesmente no López Abente, Cabanillas Enríquez e Taibo García; e, tamén, na prosa, no Otero Pedrayo.

Sóbor das regras ortográficas, consideiro que débese ficar de compreto acordo ―pol-o menos, por unha boa tempada― co-as normas provisóreas aconselladas pol-os estudosos e capacitados homes do Seminario d-Estudos Galegos, de Sant-Iago de Compostela.

Primeira carta a Xosé Filgueira Valverde (8 de febreiro de 1936)

Bôs Ars, Febreiro 8 de 1936

Sr. Don Xosé Filgueira Valverde

Pontevedra

Do meu maor recoñ[o]cemento:

Recén antonte ―que fun pol-a Federación de Sociedás Galegas, Belgrano, 1732―, me fói entregado o seu estimábel chamamento ―fico moi agradecido, repito― pra que eu lle mande algún poema meu. Eisí cumpro, con colleita que vostede xusgará: Son 46 traballos a elexir ô seu vêr.

Pro, agora, davante de toda outra eispresión: ¿cómo pagarlle a vostede dîto chamado, que refrexa o seu bô relembro encol da miña persoa? Fico por sempre deudor seu.

… “Apenas teño cousa súa. I-as que coñezo intrésanme de cheo” ―, dí, por remate, con «unha aperta», o refirido comuñicado que tivo a xentileza de remesarme. A emoción é raíña e siñora do meu esprito diante as verbas súas, que deixo siñadas: Son mans fraternals que vostede me tênde pra que sexa miña laboura coñecida; son, tamén, aseguranzas de que poideron os meus versos facer pa[r]ar as súas miradas esprituales n-éles, e, eisimade, intrés de máis coñecer outros e outros versos; e, máis que todo el-o, «unha aperta», vaor incalculábel pra mín, cáseque desconocido.

Xa sab[er]ía eu dos seus bôs sentimentos: léndo a novela «O Vigairo» ―vai p[a]ra nove anos―, xa notéi o seu outo, amplo e fondo coñecimento idiomatico galego, e, máis que nada, a [cerna].

Teño muito intrés en escrebirle con máis devagar, porque, agora mesmo, vou ire ô Correo Central a certificar a remesa da presente carta e demás engadidos â mesma.―

Nembargantes a presa, felicítoo pol-o posto d-honoranza que representa facer oxe una Antoloxía de Poetas Galegos, ¡tan arelada!…

Alá van as miñas mans fraternas, agradecidas, deica âs súas, tamén hirmáns, c-unha aperta.

Seu e de Galiza, por sempre.

Rúbrica [Antón Zapata García]

Nótola: Fágame o ben de acusarme recibo, por certificad[a], â súa casa: Sáenz Peña, 469, Departamento Nº 2. ―Bôs Aires―

Comentarios desactivados en Epistolario de Antón Zapata García: Primeira carta a Xosé Filgueira Valverde (8 de febreiro de 1936)

Comments are closed at this time.